DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 244 Xoves, 18 de decembro de 2025 Páx. 64853

III. Outras disposicións

Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Urbanismo, pola que se aproba a novena actualización do Plan básico autonómico de Galicia.

I. Antecedentes.

O Plan básico autonómico de Galicia (PBA) foi aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) número 162, do 27.8.2018, así como nos catro boletíns oficiais provinciais (BOP da Coruña número 186, do 28.9.2018; BOP de Lugo número 224, do 28.9.2018; BOP de Ourense número 224, do 28.9.2018 e BOP de Pontevedra número 188, do 28.9.2018).

O Plan básico autonómico foi obxecto de oito actualizacións, e a última delas foi aprobada pola Resolución do 16 de xuño de 2025, da directora xeral de Urbanismo (DOG número 116, do 19 de xuño).

II. Normativa.

Na actualización do Plan básico autonómico tense en conta a seguinte normativa:

– Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, LSG).

– Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia (en diante, RLSG).

– Decreto 83/2018, do 26 de xullo, polo que se aproba o Plan básico autonómico.

III. Consideracións xurídicas e técnicas.

Segundo o artigo 90.4 do RLSG, o Plan básico autonómico debe actualizarse en función dos cambios derivados das modificacións das afeccións sectoriais e da aprobación dos instrumentos de ordenación do territorio.

De conformidade co artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, estes cambios resultarán directamente vinculantes desde a súa entrada en vigor e prevalecerán sobre a información reflectida na cartografía do Plan básico autonómico. Porén, isto enténdese sen prexuízo da necesidade de que a cartografía do Plan básico autonómico se actualice por resolución administrativa e se faga a publicación do correspondente anuncio no DOG cunha periodicidade mínima anual.

De conformidade co disposto no artigo 90.4 do RLSG, no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, e no artigo 13 do Decreto 142/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, en relación co Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, a competencia para a actualización do Plan básico autonómico correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Urbanismo

En virtude do exposto,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobar a novena actualización cartográfica do Plan básico autonómico de Galicia resultante da información compilada e da memoria de cambios que se integran como anexo I e anexo II desta resolución.

A documentación desta actualización poderá consultarse nas seguintes ligazóns:

https://territorioeurbanismo.xunta.gal/gl/territorio-e-urbanismo/rexistro-de-ordenacion-do-territorio-e-urbanismo

http://mapas.xunta.gal/visores/pba/

Segundo. Ordenar a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo.

Terceiro. De conformidade co artigo 88 da LSG e os artigos 212.1 e 213 do RLSG, a Dirección Xeral de Urbanismo inscribirá de oficio a actualización do Plan básico autonómico de Galicia no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.

Cuarto. Contra esta resolución cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

Mª Encarnación Rivas Díaz
Directora xeral de Urbanismo

ANEXO I

Información compilada para a 9ª actualización cartográfica do PBA (ACT2025_12)

1. De conformidade co previsto no artigo 90.4 do RLSG e no artigo 9 do Decreto 83/2018, do 26 de xullo, a Dirección Xeral de Urbanismo solicitou dos diferentes organismos que acheguen a información da súa competencia que vincula o PBA. Asemade, atendeu todas as alegacións recibidas sobre o documento e reenviounas ao organismo sectorial competente por razón da materia.

2. Consta no expediente administrativo da novena actualización do PBA (ACT2025_12) a seguinte información:

Información achegada por organismos sectoriais:

– Administración estatal:

• Instituto Xeográfico Nacional.

– Administración autonómica:

• Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.

• Servizo de Infraestruturas Agrarias de Pontevedra.

• Dirección Xeral de Desenvolvemeto Rural.

• Cámara Oficial Mineira de Galicia.

• Instituto de Estudos do Territorio.

• Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

• Dirección Xeral de Saúde Pública.

Alegacións de administracións ou particulares:

Unha alegación do Concello de Ponte Caldelas e outra alegación do Concello de Vigo, ambas as dúas relativas aos elementos da listaxe de bens do Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, que consta no anexo IX do PBA, que foi oportunamente trasladada ao órgano sectorial competente na materia para a súa valoración e corrección, se procedese.

En canto á alegación presentada o 18.11.2025 polo Concello de Vigo sobre un erro detectado na localización da Casa de Aires-Casa de Pousafoles, será debidamente integrada na vindeira actualización do PBA conforme a resposta aínda pendente de remitir pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Pola súa parte, a Dirección Xeral de Urbanismo, no ámbito das súas competencias en ordenación do territorio, achegou a información respecto dos instrumentos de ordenación do territorio aprobados desde a última actualización do documento.

Tamén forma parte do expediente administrativo da novena actualización do PBA (ACT2025_12) a información descargada desde as fontes de acceso á información dixital actualizada que figuran no anexo II de fontes de información do PBA.

ANEXO II

Memoria de cambios da 9ª actualización cartográfica do PBA (ACT2025_12)

1. Cambios na infraestrutura do visor do PBA:

1.1. Impleméntase a conexión coa base de datos territoriais do Instituto de Estudos do Territorio no relativo ás delimitacións das zonas das concentracións parcelarias que pola súa vez alimentan a infraestrutura espacial propia do organismo autonómico Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural (https://mapas.xunta.gal/visores/parcelaria/), co obxecto de amosar, en todo momento, a súa información xeográfica actualizada.

Para coñecer o historial de cambios desta información debe acudirse á infraestrutura de datos espaciais do dito organismo sectorial.

1.2. Habilítase, nas capas que publican datos externos vinculados (DEV) da ferramenta Selección de capas, a icona URL, que permite acceder ás web e ás bases de datos propias dos organismos sectoriais para completar a información.

2. Cambios na información xeográfica do PBA:

2.1. Sistema de asentamentos.

Agrúpanse nunha única capa os asentamentos de poboación de Galicia, identificados segundo a última información dispoñible nas seguintes fontes: Nomenclátor de Galicia 2003, INE e outros localizados nos instrumentos de planeamento vixentes.

Ademais, actualízanse e depúranse os rexistros desta capa agrupada eliminando os elementos que erradamente figuraban duplicados.

2.2. Instrumentos de ordenación do territorio.

Engádense as delimitacións dos seguintes instrumentos de ordenación do territorio que acadaron a súa aprobación definitiva:

OT-23-006_Plan estruturante de ordenación do solo empresarial do Polígono industrial de Bértoa, fase II, sectores A e B, no concello de Carballo (aprobación definitiva do 22.9.2025, DOG número 24, do 22.10.2025).

OT-24-060_Modificación puntual número 3 do Proxecto de interese autonómico do Parque empresarial de Mondoñedo, no concello de Mondoñedo (aprobación definitiva do 6.10.2025, DOG número 213, do 4.11.2025).

OT-25-037_Modificación non substancial no ámbito das parcelas NE-1 e NE-2 do Proxecto sectorial PS-6 da área de usos complementarios da ETEA, no concello de Vigo (aprobación definitiva do 27.10.2025, DOG número 215, do 6.11.2025).

2.3. Augas.

Actualízase a información relativa á zona de policía estimada e á zona de fluxo preferente da rede hidrográfica da CC.AA . Acorde á información descargada das URL facilitadas polas distintas confederacións hidrográficas competentes (Augas de Galicia (15.10.2025, 24.10.2025); Cantábrico (16.10.2025); Miño Sil (16.10.2025); Douro (16.10.2025, 24.10.2025, 25.10.2025):

https://mapas.xunta.gal/visores/dhgc/

https://nodoide.chcantabrico.es/nodoIDE/download-services.html

https://www.chminosil.es/es/ide-mino-sil

https://mirame.chduero.es/chduero/viewer

https://www.miteco.gob.es/es/cartografia-y-sig/ide/descargas/agua.html

https://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/home

Poden existir discrepancias entre a rede hídrica do mapa base cartográfico do PBA (a escala 1/5 000) e as redes hidrográficas oficiais publicadas polas demarcacións hidrográficas que poden estar definidas a escalas de menor detalle. En concreto, a Demarcación Hidrográfica Miño-Sil publica a súa rede oficial a escala 1/ 25 000.

Tocante á zona de policía, calculouse unha zona de influencia estimada de 100 m de ancho, partindo da rede hidrográfica oficial publicada polas demarcacións hidrográficas (tipo liña e tipo área) que no caso da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa, seguindo as indicacións do dito organismo, non tivo en conta a rede de escorras nin os tramos da rede afectados polo DPMT.

2.4. Enerxía.

Actualízase a información da capa relativa á posición das infraestruturas (aeroxeradores; torres de medición; CT/SUB) dos parques eólicos en funcionamento autorizados ou en obras, acorde á información descargada o 21.10.2025 do xeovisor do Rexistro eólico de Galicia:

(https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9).

2.5. Transporte.

Actualízase a información das capas relativas á rede de estradas da Comunidade Autónoma e a súa área de afección, acorde á información elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, que foi achegada o 24.10.2025.

Para a elaboración desta capa tívose en conta a información descargada o 17.10.2025 do Catálogo da rede autonómica de estradas de Galicia (https://vivendaeinfraestruturas.xunta.gal/estradas/rede-autonomica/raega) e a información descargada o 17.10.2025 do Catálogo da rede de estradas do Estado (https://www.transportes.gob.es/carreteras/catalogo-y-evolucion-de-la-red-de-carreteras/archivos-geometrias-rce) e o 20.10.2025 do Centro Nacional de Información Xeográfica (https://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/home), no tocante ás estradas estatais en construción.

Actualízase a información das capas relativas á rede de ferrocarril da Comunidade Autónoma e a súa área de afección, acorde á información descargada o 21.10.2025 da URL facilitada polo organismo sectorial (http://ideadif.adif.es/; https://ideadif.adif.es/gservices/Tramificacion/wfs?request=GetCapabilities)

2.6. Portos.

Actualízase a capa de información relativa ás sinalizacións dos Portos do Estado acorde á información descargada o 21.10.2025 da URL facilitada polo organismo competente: (https://portalaton.puertos.es/portalAton/facesanonimo/app/incidencias/lookup/listadoIncidencia.xhtml).

2.7. Patrimonio cultural.

Actualízase a información xeográfica de varias capas relativas ao patrimonio cultural acorde á información achegada polo órgano competente o 31.10.2025 e o 11.11.2025, que foi tratada segundo as indicacións dadas polo persoal da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

En todo caso, os bens recollidos nos catálogos dos instrumentos de planeamento teñen para todos os efectos a consideración de bens catalogados desde a data de aprobación definitiva do dito instrumento.

Asemade, os contornos de protección recollidos na cartografía do PBA teñen un carácter subsidiario, prevalecendo, en todo caso, os ámbitos definidos pola norma legal vixente, en particular, os definidos nos catálogos do planeamento.

2.8. Costas.

Actualízase a información da capa relativa á zona de influencia, acorde á información descargada o 1.10.2025 da URL facilitada polo organismo competente (https://www.miteco.gob.es/es/cartografia-y-sig/ide/descargas/costas-medio-marino/deslinde-dpmt.html).

Calculouse unha zona de influencia estimada de 500 m. En todo caso, prevalecerá a zona de influencia resultado da medición desde a LRM publicada en tempo real polo organismo sectorial competente.

2.9. Minaría.

Actualízase a información da capa aos dereitos mineiros vixentes na CC.AA., acorde á información facilitada o 13.10.2025 pola Cámara Oficial Mineira de Galicia.

2.10. Acústica.

Actualízase a información da capa de información relativa ás áreas de incidencia acústica estimada de 200 m arredor da posición real dos aeroxeradores dos parques eólicos en funcionamento, acorde á información descargada o 21.10.2025 do xeovisor do Rexistro eólico de Galicia:

(https://www.arcgis.com/apps/webappviewer/index.html?id=4bae3fad95b6439bacef9d1a316765e9).

2.11. Varios.

Actualízase a información relativa ás localizacións dos crematorios acorde á información facilitada o 14.11.2025 e o 18.11.2025 pola Consellería de Sanidade.

3. Información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial

A información xeográfica actualizada do PBA en formato vectorial shapefile está contida nun arquivo comprimido, que se identifica coa seguinte pegada dixital (algoritmo SHA-256 e formato hexadecimal en ASCII (base 16):

2069082A041D0DC382F291900C9E8BD93796EEEE98CE29D6AB66CE9CEB71CCE1h.

Non se inclúe neste arquivo comprimido a información xeográfica que se incorpora ao PBA mediante datos externos vinculados (DEV) con plataformas dos organismos sectoriais que posúen unha infraestrutura de datos espaciais propia.

4. Cambios nos documentos do PBA:

Como resultado da información recibida e dos cambios feitos na información xeográfica do PBA, actualízanse os seguintes documentos do PBA, todos eles accesibles desde o visor cartográfico do PBA:

– Anexos:

• Anexo I: Marco legal.

• Anexo II: Fontes de información.

• Anexo III: Instrumentos de ordenación do territorio.

• Anexo IV: Análise de poboación.

• Anexo VII-VIII: Listaxe de asentamentos.

Este anexo substitúe, unifica, actualiza e depura a información contida nos antigos anexos VII e VIII referidos respectivamente aos asentamentos do PBA e aos núcleos derivados dos Instrumentos de planeamento vixentes.

• Anexo IX.I: Listaxe de bens de interese cultural de Galicia.

• Anexo IX.II: Listaxe de bens do catálogo de patrimonio cultural de Galicia.

– Planos:

• Planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio.

• Planos de delimitación das afeccións sectoriais.

No caso dos planos deben entenderse actualizadas todas as series cartográficas do PBA xeradas en formato PDF desde a ferramenta «Imprimir» do visor PBA (escala 1:10 000 e escala libre).

A identificación dos asentamentos de poboación existentes intégrase nos planos de delimitación dos ámbitos de aplicación dos instrumentos de ordenación do territorio e das afeccións sectoriais.

– Catálogo:

Actualízase a información do Catálogo do PBA.