DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 23 de decembro de 2025 Páx. 65665

III. Outras disposicións

Consellería de Política Social e Igualdade

EXTRACTO da Orde do 10 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434A).

BDNS (Identif.): 876491.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de no-vembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/876491

Primeiro. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres maiores de idade ou emancipadas, vítimas de violencia de xénero na súa manifestación física e/ou psicolóxica, nunha relación de convivencia e de dependencia económica do seu agresor ou, no caso de vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, de dependencia da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación e/ou de explotación.

2. Ademais, entre outros, deberán cumprir os seguintes requisitos ou condicións: estar empadroada e ter residencia efectiva na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso de mulleres estranxeiras, ter residencia legal en España. Ter cesado a convivencia co agresor ou a vinculación coa/s persoa/s que mantivese/n sobre ela unha relación de dominación e/ou explotación, no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude, e que o documento acreditativo da situación de violencia de xénero fose adoptado ou emitido no intervalo temporal que comprende os doce (12) meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude; este intervalo non será de aplicación no caso de violencia vicaria ou violencia por interposita persoa. Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou seren estes de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor ou da persoa que mantiver sobre ela unha relación de dominación, e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos mensuais iguais ou inferiores ao dobre do IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.

Segundo. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras que rexerán a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, prevista no artigo 39 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento da violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2026.

2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor, ou da persoa que mantivese sobre elas unha relación de dominación e/ou de explotación para os casos das mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, e axudalas a romper coa situación de violencia, dominación e/ou explotación, que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura da situación en que corren perigo e/ou están a ser explotadas.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde do 10 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión da prestación periódica para mulleres que sofren violencia de xénero, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento SI434A).

Cuarto. Importe

A contía das axudas establécese en función das rendas e ingresos da solicitante en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, e en atención ao número de fillas e fillos menores ou menores en acollida a cargo, así como ao grao de discapacidade da solicitante e/ou dos menores a cargo, de ser o caso, nun abano que vai desde os 200 euros/mes ata os 800 euros/mes, e ata un máximo de doce mensualidades.

Para a concesión destas axudas destinaranse 5.399.994,00 euros, imputables á aplicación orzamentaria 08.06.313D.480.0 (código de proxecto 2014 00180), de acordo coa seguinte distribución:

Ano 2026: 2.425.000,00 euros.

Ano 2027: 2.974.994,00 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das persoas beneficiarias durante o exercicio seguinte.

Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no dito artigo.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes comezará transcorridos cinco días hábiles desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e permanecerá aberto ata o 31 de decembro de 2026.

De acordo co disposto no artigo 29 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo de presentación de solicitudes de subvención establecidos nas correspondentes convocatorias en ningún caso será inferior a un mes.

Santiago de Compostela, 10 de decembro de 2025

Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade