DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 23 de decembro de 2025 Páx. 65859

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 11 de decembro de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo para o ingreso, polo sistema de promoción interna, na escala técnica, técnico/a de laboratorio, subescala de mecánica/eléctrica, subgrupo B.

De conformidade co establecido na Resolución do 24 de maio de 2023 pola que se aproba a oferta de emprego público de persoal técnico, de xestión e de administración de servizos (PTXAS) para o ano 2023, esta xerencia, no uso das competencias atribuídas pola Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario, e dos estatutos desta universidade, e en virtude da delegación de competencias da Resolución reitoral do 10 de xullo de 2024, resolve convocar probas selectivas para o ingreso, pola quenda de promoción interna, como persoal funcionario de carreira na escala técnica, técnico/a de laboratorio, subescala de mecánica/eléctrica (subgrupo B) da Universidade da Coruña (UDC), con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para a cobertura, polo sistema de promoción interna, das seguintes prazas:

Denominación

Escala

Subescala

Subgrupo

OEP 2023

Total

Técnico/a de laboratorio

Técnica

Mecánica/eléctrica

B

1

1

Esta convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou na escala de que proceden as persoas aspirantes. Ás persoas aspirantes que superen o proceso de promoción interna adxudicaráselles destino nas prazas que viñan ocupando, de acordo co previsto na base 11 desta convocatoria.

1.2. O sistema de selección é o de concurso-oposición, coas características que se especifican no anexo I. Neste proceso selectivo, e na fase de concurso, considerarase especificamente, entre outros méritos, a valoración da experiencia acreditada polos candidatos que, con carácter laboral fixo, temporal ou interino, desempeñasen funcións análogas.

1.3. O temario que rexerá as probas selectivas é o que figura no anexo II.

1.4. A este proceso selectivo seranlle de aplicación a Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario; o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (TREBEP); a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG); o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, e os estatutos vixentes da UDC; o Decreto 93/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de provisión de postos de traballo, promoción profesional e promoción interna, e demais normativa concordante, así como o disposto nesta convocatoria.

1.5. A convocatoria deste proceso selectivo publicarase no DOG e na sede electrónica da UDC. Toda a información do proceso selectivo que se lles deba notificar ás persoas aspirantes se publicará no taboleiro oficial da sede electrónica da UDC:
https://sede.udc.gal/services/electronic_board

1.6. Para os efectos de información e consultas, as persoas interesadas poden dirixirse por correo electrónico a servizo.pas@udc.gal

2. Requisitos das persoas aspirantes.

2.1. Para seren admitidas no proceso selectivo, as persoas aspirantes deberán posuír no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes e manter ata a data de toma de posesión os seguintes requisitos:

a) Idade: non exceder a idade máxima de xubilación forzosa.

b) Nacionalidade: ser español/a, nacional dalgún Estado membro da Unión Europea ou país estranxeiro, nos termos previstos no artigo 52.1 da LEPG.

c) Titulación: estar en posesión ou en condicións de obter a titulación exixida para o subgrupo correspondente. Así mesmo, observarase o establecido na Orde EDU/1603/2009, do 10 de xuño, pola que se establecen equivalencias cos títulos de graduado en educación secundaria obrigatoria e de bacharelato regulados na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e as súas modificacións, mediante a Orde EDU/520/2011, do 7 de marzo.

En todos os casos, as persoas aspirantes con titulacións obtidas no estranxeiro deberán acreditar que están en posesión da correspondente validación ou credencial que acredite, de ser o caso, a homologación do título. Este requisito non será de aplicación ás persoas aspirantes que obtivesen o recoñecemento da súa cualificación profesional, no ámbito das profesións reguladas, ao abeiro das disposicións de dereito da Unión Europea.

d) Capacidade funcional: non padecer enfermidade ou discapacidade que impida o desempeño das funcións e tarefas correspondentes. Para estes efectos, toda persoa aspirante, ao asinar o impreso de solicitude, declara que nesa data posúe a capacidade funcional para o desempeño das tarefas propias do posto a que aspira, e que non padece enfermidade física nin psíquica que lle impida realizar ese traballo. As persoas aspirantes que se presenten pola cota de reserva de discapacidade deberán ter recoñecida a condición legal de persoa con discapacidade, cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, o día de finalización do prazo de presentación das solicitudes de participación.

e) Habilitación: non estar separado/a do servizo de calquera das administracións públicas en virtude de expediente disciplinario, nin estar inhabilitado/a por sentenza firme para o exercicio da función pública, nin sancionado/a coa suspensión de dereito a concorrer a probas selectivas. No caso de ser nacional doutro Estado, aplicarase este requisito nos mesmos termos respecto do seu Estado de orixe.

f) Ser funcionario/a de carreira da escala técnica (técnico/a de laboratorio), subescala de mecánica/eléctrica, subgrupo C1 da Universidade da Coruña. Debe estar prestando servizos na UDC e encontrarse nalgunha das seguintes situacións administrativas do persoal funcionario de carreira: servizo activo, servizos especiais, excedencia por coidado de familiares ou excedencia por razón de violencia de xénero. Debe ter prestado servizos efectivos, durante polo menos dous (2) anos, como persoal funcionario da escala citada da UDC. Non poderá participar no proceso selectivo o PTXAS funcionario de carreira da UDC que xa pertenza á mesma escala e subescala obxecto desta convocatoria. Queda expresamente excluído o persoal laboral indefinido non fixo. Considéranse servizos efectivos os prestados nas situación previstas nos artigos 168, 176 e 177 e 177.bis da LEPG.

2.2. Acreditación da lingua galega: as persoas aspirantes deberán acreditar o coñecemento da lingua galega co certificado de competencia en lingua galega, Celga 4, ou equivalente, debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia. De non se acreditar, deberán realizar unha proba eliminatoria de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega nos termos especificados no anexo I.

3. Solicitudes.

As persoas que desexaren tomar parte neste proceso selectivo deberán presentar:

3.1. Solicitude de participación.

A persoa aspirante que desexe tomar parte neste proceso selectivo deberá solicitalo a través do impreso que figura no anexo III destas bases, que tamén está dispoñible na páxina web da UDC: https://www.udc.gal/pas/impresos

3.2. Prazo e lugar de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de vinte (20) días naturais, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As solicitudes, dirixidas á xerente da Universidade da Coruña, poderán presentarse:

a) A través do Rexistro electrónico ou nas oficinas de rexistro da UDC.

b) A través de calquera das formas previstas no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

A non presentación da solicitude en tempo e forma suporá a inadmisión da persoa aspirante.

3.3. Adaptación de tempos e/ou medios.

Aínda que non se opte ou non se oferten prazas reservadas para persoas con discapacidade, no caso de necesitaren adaptacións de tempos e/ou medios para a realización dos exercicios, deberán indicar na solicitude o motivo e as necesidades de adaptación e deberán achegar o Ditame técnico de adaptación expedido polo órgano competente.

3.4. Documentación complementaria á solicitude de participación.

A solicitude presentarase xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade ou documento que acredite a súa nacionalidade en vigor. No caso de non ser español/a ou nacional dalgún Estado membro da Unión Europea deberá, ademais, presentar a documentación acreditativa de cumprir o artigo 52.1 da LEPG e, se procede, unha declaración responsable de que a persoa aspirante non está separada de dereito do/da seu/súa cónxuxe e, se é o caso, de que vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Fotocopia da titulación académica requirida (non fotocopia do pagamento das taxas de expedición do título) ou documento expedido polo Ministerio de Educación ou certificado de titulación de «A miña Carpeta cidadá», cuxa ligazón permita verificar a súa autenticidade.

c) Acreditación do coñecemento do español, de acordo coa base 6, para os/as aspirantes estranxeiros/as.

d) Acreditación do coñecemento do galego de acordo coa base 2.2.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar na súas solicitudes de participación e unicamente poderán solicitar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

3.6. Para o cómputo de prazos, o mes de agosto será inhábil para todos os efectos.

4. Admisión das persoas aspirantes.

4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, a xerente ditará unha resolución e declarará aprobada a relación provisoria de persoas aspirantes admitidas e excluídas, coa indicación das causas de exclusión que procedan e a exención ou non da realización da proba de coñecementos de lingua galega. Esta relación publicarase na sede electrónica da UDC.

4.2. As persoas aspirantes excluídas ou que non figuren nas listaxes provisorias disporán dun prazo de dez (10) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da referida resolución, para alegaren ou emendaren o defecto que motivou a súa exclusión ou omisión. As reclamacións presentaranse nos lugares establecidos na base 3.2. De non realizaren este trámite, serán definitivamente excluídas do proceso selectivo.

4.3. Unha vez rematado o dito prazo, a xerente ditará unha nova resolución coa relación definitiva de persoas admitidas e excluídas e o lugar e a data do primeiro exercicio, que se publicará na sede electrónica.

4.4. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que as persoas interesadas posúan os requisitos exixidos nestas bases, que se deberán acreditar, no caso de superaren o proceso selectivo, de acordo co previsto na base 10. Cando, da documentación que deben presentar tras superar o proceso selectivo, se desprenda que as persoas aspirantes non posúen algún dos requisitos, estas decaerán en todos os dereitos que poidan derivar da súa participación.

4.5. Recurso contra a listaxe definitiva: contra a resolución de exclusión, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso potestativo de reposición, ante a xerente, no prazo dun (1) mes, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous (2) meses, contados ambos desde o día seguinte ao da súa publicación na sede electrónica, de conformidade coa lexislación vixente.

5. Tribunal cualificador.

5.1. Composición e nomeamento.

O nomeamento e a composición do tribunal cualificador do proceso selectivo serán publicados na sede electrónica cunha antelación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio dos exercicios.

A súa composición será a determinada polo previsto no artigo 59 da LEPG, artigo 60 do TRLEBEP e artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, e polo Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección de persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. Os membros do tribunal deberán pertencer a un corpo, escala ou categoría profesional para o ingreso no cal se requira unha titulación de nivel igual ou superior ao exixido para participar no proceso selectivo.

O tribunal terá a categoría que lle corresponda segundo o Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razón de servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia. Para os efectos do previsto no dito decreto, entenderase que a designación do tribunal cualificador, realizada segundo o disposto nesta base, implicará a autorización da orde de servizo para que os seus membros se poidan desprazar ao lugar acordado para cada unha das sesións convocadas.

A composición do tribunal axustarase ao principio de composición equilibrada entre mulleres e homes.

5.2. Abstención e recusación.

As persoas que formen parte do tribunal deberán absterse de intervir e así llo notificarán á xerente, cando concorran nelas circunstancias das previstas no artigo 23 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP), e no artigo 59.2 da LEPG, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco (5) anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a deberá solicitar das persoas que formen o tribunal unha declaración expresa de non se encontraren incursas nalgunha das circunstancias previstas nesta base. Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar as persoas integrantes do tribunal cando concorra nelas algunha das circunstancias previstas no artigo 24 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (LRXSP).

De perder algún membro do tribunal a súa condición, por algunha das causas previstas nesta base, a xerente publicará a resolución pola que se nomean os novos membros, con anterioridade ao comezo do proceso selectivo, se procede.

5.3. A sesión de constitución deberá realizarse nun prazo máximo de quince (15) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do nomeamento do tribunal na sede electrónica da UDC. Nesa sesión, o tribunal adoptará todas as decisións que lle correspondan para o correcto desenvolvemento do proceso selectivo. Para a constitución do tribunal, realización de sesións, deliberacións e toma de acordos requirirase a asistencia do/da presidente/a, do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan e, como mínimo, da metade dos seus membros.

De cada sesión que realice o tribunal, o/a secretario/a redactará unha acta, que se aprobará na mesma ou na seguinte sesión, co visto e prace do/da presidente/a ou de quen o/a substitúa.

5.4. Durante o proceso selectivo, o tribunal resolverá todas as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas e determinará as actuacións convenientes nos casos non previstos, axustándose en todo momento ao disposto na LRXSP.

5.5. A xerente, por proposta do tribunal, poderá designar asesores/as especialistas. Estas persoas asesoras limitaranse a prestar colaboración naqueles exercicios relativos ás súas especialidades técnicas, terán voz, pero non voto, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.6. O tribunal decidirá as adaptacións posibles en tempo e/ou medios para que aquelas persoas aspirantes con algunha discapacidade, que o soliciten na forma prevista na base 3.3, gocen de similares condicións para realizar os exercicios que o resto das persoas aspirantes. Se, durante a realización do proceso selectivo, o tribunal ten dúbidas sobre a capacidade da persoa aspirante para o desempeño das funcións propias do corpo ou escala a que opta, poderá solicitar o ditame do órgano competente.

5.7. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir a confidencialidade do contido dos exercicios na fase de oposición. Os exames que sexan escritos deberán ser corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes, polo que o tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou sinais que permitan coñecer a súa identidade. As decisións e os acordos que afecten a cualificación e valoración das probas (determinación do número de preguntas correctas para acadar a puntuación mínima, fixación de criterios de valoración, etc.) deberán adoptarse sen coñecer a identidade das persoas aspirantes ás cales lles corresponden os resultados obtidos.

5.8. Contra as resolucións do tribunal e os seus actos de trámite poderá interporse un recurso de alzada, ante o reitor, nos termos previstos nos artigos 112.1, 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).

5.9. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede no Reitorado da UDC (rúa Maestranza, 9, 15001 A Coruña).

5.10. En ningún caso o tribunal poderá declarar que superou o proceso selectivo un número superior de persoas aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de persoas aprobadas que contraveña o establecido será nula de pleno dereito; malia o anterior, e co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, cando se produzan renuncias das persoas seleccionadas antes da toma de posesión, ou non acrediten os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano convocante poderá requirir do órgano de selección unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan na lista as persoas propostas para o seu posible nomeamento como persoal funcionario de carreira da escala correspondente.

6. Persoas aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición, aquelas persoas que non posúan a nacionalidade española e non acrediten coa solicitude que están en posesión do diploma de español como lingua estranxeira (nivel B2 ou superior), do título de licenciatura ou grao equivalente en Filoloxía Hispánica ou Románica ou doutros títulos homologados ou certificacións, ou que son nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español, deberán realizar unha proba en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a e será necesario obter a valoración de apto/a para realizar os seguintes exercicios da fase de oposición.

7. Desenvolvemento das probas.

7.1. O lugar e a data do primeiro exercicio da fase de oposición publicarase na resolución da xerente que aprobe a relación definitiva de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

7.2. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas aquelas que non comparezan, agás nos casos de forza maior debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal. En cada exercicio deberán ir provistas de DNI ou acreditación equivalente. A orde de actuación das persoas aspirantes comezará por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra «F», de conformidade coa Resolución do 16 de xaneiro de 2025 da Consellería de Facenda e Administración Pública.

Non obstante, as mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización de calquera dos exercicios polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación, ou eventualmente nos primeiros días do puerperio, poderano pór en coñecemento do tribunal e xuntaranlle á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberá realizarse dentro das 48 horas seguintes ao anuncio da data do exame.

O tribunal acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Este aprazamento non poderá demorar o proceso selectivo de maneira que menoscabe o dereito do resto das persoas aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables. Contra tal acordo non caberá recurso, sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan noutro recurso admisible de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

7.3. En calquera momento, as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.4. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal publicará a relación provisoria coa puntuación obtida polas persoas aspirantes que acadasen o mínimo establecido para superalo, en cada un dos postos convocados. As persoas aspirantes disporán de cinco (5) días hábiles, que se contarán a partir do seguinte ao da publicación na sede electrónica da relación provisional, para presentaren reclamacións ás cualificacións.

7.5. O tribunal publicará a relación definitiva de persoas aprobadas de cada exercicio e o anuncio dos sucesivos exercicios cun prazo mínimo de 48 horas de antelación á data sinalada para o seu inicio.

7.6. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos por esta convocatoria, logo da audiencia do/da interesado/a, proporalle a súa exclusión á xerente e comunicaralle as inexactitudes e/ou falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude de admisión ás probas selectivas, para os efectos procedentes. Contra a resolución de exclusión, que esgota a vía administrativa, poderanse interpor recursos ao abeiro da base 4.5.

8. Valoración dos méritos.

8.1. Unha vez finalizada a fase de oposición, o tribunal abrirá un prazo de cinco (5) días hábiles para a presentación dos méritos por cada aspirante que supere esta fase; este prazo poderase publicar simultaneamente ao resultado do último exercicio da fase de oposición. As persoas aspirantes que aleguen méritos, na fase de concurso, deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou de copias auténticas.

As persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditar aquela documentación que o tribunal considere necesario.

8.2. A Xerencia expedirá, de oficio, unha certificación que acreditará os servizos prestados, a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

Os servizos prestados noutras administracións públicas españolas acreditaranse mediante unha certificación dos servizos prestados referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida por quen teña atribuídas as competencias en materia de persoal na Administración correspondente. Computaranse os servizos recoñecidos polo órgano competente de conformidade co establecido na Lei 70/1978, do 26 de decembro, de recoñecemento de servizos prestados na Administración pública.

Non serán computables os méritos referidos a unha data posterior á da finalización do prazo de presentación de solicitudes de participación no proceso selectivo.

8.3. Contra o acordo de valoración dos méritos poderán presentarse reclamacións, no prazo de cinco (5) días hábiles, que serán resoltas polo tribunal mediante un acordo definitivo. No caso de non se presentaren reclamacións, o acordo provisional converterase automaticamente en definitivo.

9. Relación de persoas aprobadas.

9.1. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última en ningún caso poderán sumarse para os efectos de superar a fase de oposición.

En caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: último exercicio do proceso selectivo e, se persiste, atenderase á maior puntuación no penúltimo exercicio; de persistir aínda, atenderase á maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continúe persistindo, o empate dirimirase por sorteo público en presenza dos/das opositores/as empatados/as.

9.2. O tribunal publicará a relación definitiva de persoas aprobadas, en que constará a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final. Esta relación axustarase ao establecido na base 5.10.

As persoas opositoras que non estiveren incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non aptas para todos os efectos, único aspecto acerca do cal o tribunal poderá certificar.

Contra este acordo poderase interpor un recurso de alzada, ante o reitor, nos prazos e formas que establece a LPACAP.

9.3. O tribunal remitiralle á xerente a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde da puntuación final, coa proposta de que se lles formalice o correspondente nomeamento.

Cando se produza a renuncia dunha persoa seleccionada, antes da toma de posesión, ou non acredite os requisitos establecidos na convocatoria, a xerente poderá requirirlle ao tribunal unha relación complementaria das persoas aprobadas que sigan por puntuación as persoas propostas, para o seu posible nomeamento como persoal funcionario.

10. Presentación de documentos.

No prazo de vinte (20) días naturais, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da relación definitiva das persoas aprobadas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal Técnico, de Xestión e Administración e Servizos (rúa Maestranza, 9) a documentación acreditativa dos requisitos exixidos na convocatoria e os seguintes documentos:

a) Copia auténtica ou o orixinal do título exixido para acceder ás probas. No caso de titulacións obtidas no estranxeiro, deberá presentar unha credencial da súa validación ou homologación, ou ben a credencial de recoñecemento da titulación para exercer a profesión.

b) Unha declaración responsable ou promesa relativa ao establecido na alínea e) da base 2.1.

c) Un certificado médico oficial ou informe de saúde ou documento equivalente, acreditativo de non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que imposibilite o desempeño das correspondentes funcións segundo o que indica a alínea d) da base 2.1. Os certificados ou informes no poderán ter unha data de emisión anterior aos tres (3) meses da súa presentación.

d) Os/as aspirantes con discapacidade recoñecida deberán presentar unha certificación dos órganos competentes do Ministerio de Traballo e Seguridade Social ou da consellería competente, que acredite tal condición. Igualmente deberán presentar un certificado dos citados órganos ou da Administración sanitaria, acreditativo da compatibilidade co desenvolvemento das tarefas e funcións correspondentes.

e) As persoas aspirantes estarán exentas de xustificar documentalmente as condicións e os demais requisitos xa probados para obteren o seu anterior nomeamento.

As persoas que, dentro do prazo fixado, agás os casos de forza maior, non presenten a documentación ou do seu exame se deduza que carecen dalgún dos requisitos sinalados na base 2 non poderán ser nomeadas funcionarios/as de carreira e quedarán anuladas as súas actuacións, sen prexuízo da responsabilidade en que incorresen por falsidade na solicitude inicial.

Ante a imposibilidade, debidamente xustificada, de presentar a dita documentación, poderá acreditarse que se reúnen as condicións exixidas na convocatoria mediante calquera medio de proba admitido en dereito.

11. Nomeamento.

11.1. Por resolución da xerente, e por proposta do tribunal cualificador, procederase ao nomeamento de funcionarios/as de carreira da UDC, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

11.2. A adxudicación de destino realizarase nos postos que ocupan.

11.3. A toma de posesión efectuarase no prazo máximo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de publicación no Diario Oficial de Galicia do nomeamento de funcionario/a de carreira.

12. Protección e tratamento de datos de carácter persoal.

As persoas aspirantes aceptan a política de privacidade da UDC, recollida na páxina web (https://www.udc.gal/pe/politica_privacidade) e especificada no formulario de solicitude de participación no proceso selectivo.

13. Norma derradeira.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpor un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous (2) meses, contados desde o día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Previamente, e con carácter potestativo, poderase interpor un recurso de reposición, ante o reitor, no prazo dun (1) mes, de acordo co establecido no artigo 123 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

A Coruña,11 de decembro de 2025

O reitor da Universidade da Coruña
P.D. (Resolución do 10.7.2024)
Mª Jesús Grela Barreiro
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I
Normas específicas
Procedemento de selección
Técnico/a de laboratorio, escala técnica, subescala de mecánica/eléctrica (subgrupo B)

Fase de oposición: 60 puntos.

Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio, para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007 modificada pola Orde do 10 de febreiro de 2014 pola que se regulan os certificados oficiais, acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega; consistirá na realización dunha proba en que se comprobará que posúen o nivel de Celga 4 de comprensión e expresión oral e escrita de lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, por ser unha linguaxe de especialidade presente na súa esfera profesional. Cualificarase de apto ou non apto. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 60 minutos.

Segundo exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio. 60 puntos.

Consistirá en contestar un cuestionario tipo test de carácter teórico-práctico constituído por 100 preguntas (máis cinco de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha delas é a correcta, baseado no temario que figura como anexo II a esta convocatoria. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e non puntuarán negativamente as respostas incorrectas. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos. A puntuación será de 0 a 60 puntos e para aprobar será necesario obter un mínimo de 30 puntos.

Fase de concurso: 40 puntos.

A puntuación máxima dos méritos alegados na fase de concurso é de 40 puntos, que se distribúen do seguinte xeito:

Méritos

Puntuación máxima

A) Experiencia

16 puntos

B) Grao persoal consolidado

17 puntos

C) Formación. Cursos de formación xeral e específica

3 puntos

D) Coñecemento de idiomas

1 punto

E) Coñecemento de lingua galega

1 punto

F) Formación en igualdade e/ou diversidade

1 punto

G) Exercicio dos dereitos de conciliación

1 punto

Todos os méritos se valorarán referidos ao día de remate do prazo de presentación de solicitudes e os cursos alegados terán como data límite para o seu remate o día de remate do prazo de presentación de solicitudes.

A) Experiencia: ata un máximo de 16 puntos.

Valorarase a antigüidade na Administración pública, referida ao día en que remata o prazo de presentación de solicitudes, ata un máximo de 16 puntos:

• Por servizos prestados na Universidade da Coruña e noutras administracións públicas como funcionario de carreira ou interino, ambos da escala técnica de laboratorio en mecánica/eléctrica, ou como persoal laboral fixo ou temporal do grupo III en postos de funcións idénticas ou análogas á categoría convocada, ata a fin do prazo de presentación de solicitudes, valorarase 0,8 puntos por ano (0,066 por mes completo).

• Polos restantes servizos efectivos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro, 0,4 puntos por ano (0,033 por mes completo).

Non se computarán os servizos que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados. Computaranse como servizos efectivos prestados os períodos en situación de excedencia por coidado de fillo ou familiar e os prestados nas situacións previstas nos artigos 168, 176 e 177 e 177.bis da LEPG. O cómputo dos meses realizarase por días naturais (30 días) e, para estes efectos, calcularase o número total de días correspondentes aos períodos computables, dividirase o resultado entre trinta (30) e multiplicarase o cociente, desprezando os decimais, pola puntuación que se sinala en cada epígrafe.

B) Grao persoal consolidado e nivel de complemento de destino: ata un máximo de 17 puntos.

Grao persoal consolidado e formalizado: outorgarase a seguinte puntuación segundo o grao persoal que se consolidase e formalizase a través do recoñecemento do grao pola autoridade competente o día do remate do prazo de presentación de solicitudes:

Grao consolidado

Puntuación

Grao consolidado

Puntuación

30

17 puntos

20

12 puntos

29

16,5 puntos

19

11,5 puntos

28

16 puntos

18

11 puntos

27

15,5 puntos

17

10,5 puntos

26

15 puntos

16

10 puntos

25

14,5 puntos

15

9,5 puntos

24

14 puntos

14

9 puntos

23

13,5 puntos

13

8,5 puntos

22

13 puntos

12 ou inferior

8 puntos

21

12,5 puntos

C) Formación: (máximo 3 puntos).

Os cursos alegados terán como data límite para o seu remate o día de remate do prazo de presentación de solicitudes. Cursos de formación xeral e específica (máximo 3 puntos); nesta subepígrafe valoraranse os cursos convocados, impartidos e/ou recibidos, ou homologados por:

– Institutos ou escolas de Administración pública.

– Universidades.

– Servizos públicos de emprego.

– Organizacións sindicais.

– Mutuas de traballo e servizos de prevención.

– Impartidos no marco do Acordo de formación dos empregados públicos.

Que versen sobre formación administrativa xeral, así como os cursos de formación e de perfeccionamento que versen sobre materias directamente relacionadas coas funcións propias dos postos de traballo.

Os cursos impartidos sempre se valorarán como se fosen de aproveitamento ou aptitude. A valoración dos cursos farase de acordo cos seguintes criterios:

– Cursos recibidos de aptitude e cursos impartidos: 0,02 puntos/hora.

– Cursos de asistencia 0,01 puntos/hora.

Cando no certificado non conste o número de horas, considerarase que a duración do curso é de 10 horas.

Valoraranse unha soa vez en todos os casos os cursos relativos a unha mesma materia, aínda que se repetise a súa participación e unicamente o de nivel superior ou avanzado.

Non se valorarán:

– A asistencia a congresos, xornadas, seminarios, feiras, simposios e similares.

– As titulacións académicas nin as materias (créditos) que formen parte dunha titulación académica.

– Os cursos de doutoramento.

– Os módulos ou partes integrantes dun curso.

– Os subniveis de idiomas cando se posúa o nivel de idioma completo.

– Os cursos que formen parte dos procesos de selección de funcionarios.

A participación nos programas de mentoring para o PTXAS da UDC valorarase do mesmo xeito que os cursos de formación recibidos (persoal mentorizado) e/ou impartidos (persoal mentor).

D) Coñecemento de idiomas: (máximo 1 punto).

Valoración dos certificados oficiais de nivel de idiomas, ata un máximo de 1 punto e coa excepción do nivel de lingua galega, que se realizará segundo a epígrafe seguinte, valorarase seguindo os niveis de competencias lingüísticas establecidas polo Consello de Europa no Marco común europeo de referencia para as linguas (MECRL) e realizarase de acordo coas recomendacións e co recoñecemento de certificados oficiais de acreditación de idiomas publicados nas mesas lingüísticas da Conferencia de reitores das universidades españolas (CRUE). Valoraranse os certificados nun ou en varios idiomas, de acordo coa seguinte táboa:

Nivel

Máximo: 1 punto

C2

1 punto

C1

0,75 puntos

B2

0,50 puntos

B1

0,25 puntos

A2

0,15 puntos

A1

0,10 puntos

En todo caso, para cada idioma só se valorará o certificado de nivel máis alto ou superior de acordo cos niveis establecidos na táboa anterior. Para a valoración dos certificados de varios idiomas aplicaranse, ademais, as seguintes porcentaxes:

– 100 % do valor do certificado de nivel superior do primeiro idioma.

– 50 % do valor do certificado de nivel superior do segundo idioma.

– 25 % do valor do certificado do terceiro idioma e seguintes.

A orde dos idiomas realizarase atendendo aos niveis indicados na táboa.

Outras linguas oficiais da Unión Europea e as linguas cooficiais de España diferentes do galego e do castelán, que non estean recollidas nas recomendacións das mesas lingüísticas da CRUE, valoraranse de acordo coa táboa de valoración desta epígrafe, segundo o nivel acreditado e os criterios descritos nesta epígrafe.

As linguas non oficiais na UE valoraranse coa metade dos puntos da táboa de valoración, segundo o nivel acreditado e os criterios descritos nesta epígrafe.

O coñecemento de idiomas acreditarase por medio de títulos expedidos por centros oficiais ou homologados. As equivalencias terán que ser achegadas polas persoas interesadas para que se poida valorar esta epígrafe.

E) Coñecemento de lingua galega: (máximo 1 punto).

– Curso de linguaxe administrativa nivel medio: 0,75 puntos.

– Curso de linguaxe administrativa nivel superior: 0,95 puntos.

– Celga 5: 1 punto.

F) Formación en igualdade e/ou diversidade: (máximo 1 punto).

Dada a natureza transversal da formación en materia de igualdade e/ou diversidade, outorgarase para todos os postos que se inclúen na convocatoria a valoración de 1 punto como máximo. A valoración desta epígrafe realizarase de acordo co previsto na epígrafe C (cursos).

G) Exercicio de dereitos de conciliación: (máximo de 1 punto).

Exercicio de dereitos de conciliación, nos cinco anos anteriores á data de publicación desta convocatoria no DOG:

– Licenza por maternidade: 0,2 puntos/licenza.

– Permiso de paternidade: 0,2 puntos/permiso.

– Redución de xornada do artigo 106.2.a) e b) da Lei do emprego público de Galicia: 0,2 puntos. Para estes efectos, só se computará unha redución por ano.

– Excedencia para o coidado de fillas, fillos e familiares: 0,04 puntos/mes.

ANEXO II
Temario
Técnico/a de laboratorio, escala técnica, subescala de mecánica/eléctrica (subgrupo B)

Bloque I. Temario xeral.

1. Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia: título I e títulos do III ao IX.

2. Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

3. Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo, do sistema universitario: título I: Funcións do sistema universitario e autonomía das universidades, e título II: Creación e recoñecemento das universidades e calidade do sistema universitario.

4. Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas: título preliminar; título I: Dos interesados no procedemento, e título II: Da actividade das administracións públicas.

5. Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais: títulos I, II e III.

6. Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia: título preliminar; título I: Dereito á igualdade entre mulleres e homes, e título VI: capítulos II, III, IV e V.

7. Regulamento de usos da lingua galega na Universidade da Coruña.

8. Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais: artigos 2, 4, 14, 15 e 29.

9. Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social: artigo 156: Concepto de accidente de traballo, e artigo 157: Concepto de enfermidade profesional.

10. Normativa da UDC en materia de pantallas de visualización de datos.

11. Plan de actuación en caso de emerxencias:

a) Proceso de evacuación dun centro.

b) Emerxencia por ameaza de bomba/paquete sospeitoso.

12. Plan de medidas antifraude da UDC: (aprobado polo Consello de Goberno o 25 de xaneiro de 2022). Código ético e principios éticos da UDC: artigos 73 e 74 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia (LEPG).

13. Resolución reitoral do 22 de xullo de 2019 pola que se aproba a política de seguridade da información e protección de datos persoais da UDC. 1. Introdución. 2. Obxecto. 3. Ámbito de aplicación.

14. Regulamento xeral de uso das tecnoloxías da información e a comunicación da UDC (aprobado polo Consello de Goberno do 23 de xullo de 2020): artigo 2. Ámbito obxectivo de aplicación; artigo 4. Dereitos das persoas usuarias, e artigo 5. Deberes das persoas usuarias.

Bloque II. Temario específico.

15. Magnitudes e unidades. Tipos de magnitudes. Definición e clasificación (extensiva, intensiva, escalar, vectorial e tensorial). Metroloxía: concepto e sistemas de unidades. Unidades fundamentais do Sistema Internacional. Prefixos para múltiplos e submúltiplos.

16. Representación gráfica. Normalización. Vistas, seccións e cortes. Anotación funcional ou de mecanización.

17. Instrumentos e sistemas de medida. Instrumentos de medida: definición e clasificación (cegos, rexistradores, transmisores, analóxicos e dixitais). Características básicas: estáticas (exactitude, precisión, resolución, sensibilidade e rango) e dinámicas (erro dinámico e tempo de resposta).

18. Metroloxía dimensional. Medida de lonxitudes. Calibre Vernier, micrómetro Palmer, reloxo comparador, galgas e calibres pasa/non pasa. Medida de ángulos. Medida de horizontalidade. Niveis de burbulla. Medida de roscas.

19. Cálculo de erros e presentación de resultados experimentais. Medidas directas e indirectas. Erros: concepto e clasificación (groseiros, sistemáticos e aleatorios). Erro absoluto e relativo. Regras de representación de medidas: erro de medida, arredondamento, cifras significativas.

20. Calibración de instrumentos. Concepto de normalización e rastrexabilidade. Organismos internacionais e nacionais. Vocabulario básico internacional. Calibración: concepto.

21. Propiedades mecánicas dos materiais. Tensión e deformación en metais. Tipos de ensaios de dureza (Rockwell, Brinell e Vickers). Fractura de metais. Fatiga dos metais.

22. Soldadura por arco eléctrico. Fundamentos e termos de soldadura. Preparación de pezas. Procedementos. Clasificación e selección de eléctrodo.

23. Ferramentas de taller. Ferramentas manuais: descrición, uso e conservación. Ferramentas mecánicas: descrición e uso.

24. Parafusaría. Clasificación, nomenclatura e aplicacións.

25. Mecanismos hidráulicos. Válvulas: tipos (bolboreta, esférica, comporta, asento e antirretorno). Bombas: tipos (centrífuga, peristáltica e de achique).

26. Maquinaria de manipulación de cargas. Técnicas xerais de manipulación de cargas (carretilla elevadora, guindastre e portapalés).

27. Medios auxiliares para manipulación de cargas. Estrobos, tanquetas, grillóns, cadeas, ganchos e cordas: tipos e selección. Eslingado e estrobado: procedemento e tipos.

28. Mantemento de instalacións mecánicas e hidráulicas. Lubricación. Vibracións. Mecanismos de rotura. Oleohidráulica. Transmisión de enerxía hidráulica. Bombas centrífugas.

29. Cálculos en instalacións eléctricas de baixa tensión: previsión de cargas, cálculo da sección dos condutores, procedementos normalizados do cálculo das instalacións de BT.

30. Automatismos e cadros eléctricos: cadros eléctricos. Esquemas de potencia e mando. Instalación, posta a punto e mantemento dos automatismos industriais.

31. Autómatas programables: programación, instalación, posta en marcha das instalacións controladas por autómatas.

32. Electrónica de potencia. Compoñentes: Diac, UJT, tiristor, transistores de potencia (bipolares e Mosfet). Circuítos reguladores de potencia monofásicos e trifásicos: circuítos de control de potencia. Fontes de alimentación lineais e conmutadas. Sistemas de alimentación ininterrompida. Simboloxía e interpretación de esquemas. Procedementos de medida. Procura e interpretación de características dos compoñentes e dispositivos en manuais técnicos.

33. Seguridade e saúde no posto de traballo. Condicións de traballo e seguridade. Orde, limpeza, condicións ambientais e iluminación. Equipos de protección individual: xestión, pautas de selección e utilización, marcación e tipos.

34. Prevención de riscos laborais. Sinalización de seguridade e saúde. Equipos de protección de primeiros auxilios. Medidas preventivas: riscos eléctricos en baixa tensión, electricidade estática, incendios, escaleiras, manexo de ferramentas manuais, manexo manual de cargas, carretillas elevadoras, portapalés, guindastre e postos de PVD.

Nota: debe entenderse que este temario se pode ver afectado polas modificacións normativas e lexislativas que se poden producir ata a data de fin do prazo de presentación de solicitudes.

missing image file
missing image file