DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Martes, 23 de decembro de 2025 Páx. 65857

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 16 de decembro de 2025, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (Diario Oficial de Galicia número 20, do 29 de xaneiro) pola que se dá publicidade a diversos acordos.

En sesión que tivo lugar o 16 de decembro de 2025, o tribunal nomeado pola Resolución do 20 de febreiro de 2025 (DOG núm. 37 do 24 de febreiro) para cualificar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas, convocado pola Resolución do 22 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 20 do 29 de xaneiro),

ACORDOU:

Primeiro. De conformidade co disposto na base II.1.1.3 da convocatoria, así como nos criterios de corrección, valoración e superación do terceiro exercicio establecidos por este Tribunal con data do 15 de setembro de 2025, superaron o terceiro exercicio do proceso selectivo as persoas aspirantes que obtiveron unha puntuación mínima de vinte (20) puntos. Tal e como se establece na convocatoria, non se sumaron as cualificacións das dúas partes das que consta o terceiro exercicio se a cualificación obtida en calquera delas foi inferior a 8,75 puntos, caso en que non se considera superado o exercicio.

Segundo. Publicar as puntuacións obtidas polas persoas aspirantes presentadas ao terceiro exercicio do proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala técnica de finanzas no portal web corporativo da Xunta de Galicia www.xunta.gal/funcion-publica

Terceiro. De acordo co disposto na base II.1.2.8 da convocatoria, as persoas aspirantes poderán presentar as alegacións que consideren oportunas en relación coas puntuacións no prazo de dez (10) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Cuarto. De acordo co disposto na base II.1.1.4 da convocatoria, referida ao cuarto exercicio da fase de oposición, estarán exentas de realizar este exercicio as persoas aspirantes que acrediten que posuían o día de finalización do prazo de presentación de instancias neste proceso o Celga 4 ou o título equivalente debidamente homologado.

Para estes efectos, xunto coa presente resolución, a Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal publica no portal web corporativo www.xunta.gal/funcion-publica unha listaxe de persoas aspirantes que están exentas de realizar o exame de galego por telo debidamente acreditado no seu expediente electrónico persoal.

As persoas aspirantes que superaron o terceiro exercicio e non figuren na mencionada listaxe de exentos do galego disporán dun prazo de dez (10) días hábiles contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia para incorporar a documentación acreditativa de estar en posesión do Celga 4 ou o título equivalente ao seu expediente electrónico persoal, ao que accederán a través de Fides , do xeito establecido na Resolución de 5 de decembro de 2023 (DOG núm 237, do 15 de decembro).

Quinto. De conformidade co disposto na base IV.13 da convocatoria, contra esta resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro competente en materia de función pública nos termos previstos nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

José Ángel Mourelo Ortueta
Presidente do tribunal