DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 24 de decembro de 2025 Páx. 65983

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 15 de decembro de 2025 pola que se clasifica de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Terras Rurais de Pontevedra.

Unha vez examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Terras Rurais de Pontevedra, con domicilio na Igrexa, s/n, en Santa María de Xeve (Pontevedra), resultan os seguintes feitos e consideracións legais.

Feitos:

1. O 5 de maio de 2025, Juan José González Crespo, presidente do Padroado da Fundación, presentou a solicitude de clasificación, declaración de interese galego e a súa correspondente inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Terras Rurais de Pontevedra constituírona a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa María de Xeve, representada por Juan José González Crespo; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Verducido, representada por Marcos Rey Pazos; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Andrés de Xeve, representada por Jesús Benito Castro Castro; a entidade Montaxes J.M. Iglesias, S.L., representada por José Manuel Iglesias Crespo, e a entidade Abilleira Forestal, S.L., representada por Francisco Abilleira González, mediante a escritura pública outorgada o 6 de marzo de 2025, ante o notario de Vigo (Pontevedra) Ernesto Regueira Núñez, co número de protocolo 551.

Tras o requirimento do 18 de xuño de 2025, a Fundación achegou unha dilixencia notarial emitida o 6 de outubro de 2025, na mesma localidade e ante o mesmo notario ca a escritura de constitución, en que emenda a composición do padroado e a dotación fundacional.

3. A Fundación, consonte o artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto: «dinamizar o contorno rural da comarca próxima á cidade de Pontevedra e, por extensión, de Galicia, para aumentar a calidade de vida dos veciños, sempre baixo a premisa do respecto á contorna natural e o seu patrimonio rural».

4. O padroado inicial da Fundación está formado pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Santa María de Xeve, representada por Juan José González Crespo, como presidenta; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Verducido, representada por Marcos Rey Pazos, como vicepresidenta; a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común San Andrés de Xeve, representada por Jesús Benito Castro Castro, como tesoureira; a entidade Montaxes J.M. Iglesias, S.L., representada por José Manuel Iglesias Crespo, como secretaria; a entidade Abilleira Forestal, S.L., representada por Francisco Abilleira González, como vicesecretaria, e a entidade Olivos de Xeve, S.L., representada por Arturo Ramírez González, como vogal.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes a proposta de clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia da Fundación Terras Rurais de Pontevedra, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución constan a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da Comisión de secretarios xerais, procede a súa clasificación como de interese para o desenvolvemento rural de Galicia e a súa adscrición á Consellería do Medio Rural.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da Fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Consonte o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, correspóndelle á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a clasificación da Fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade có exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de secretarios xerais na súa reunión do día 10 de decembro de 2025,

DISPOÑO:

Clasificar de interese para o desenvolvemento rural de Galicia a Fundación Terras Rurais de Pontevedra, adscribíndoa ao protectorado da Consellería do Medio Rural.

Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse, no prazo de dous meses, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, consonte o artigo 46.1 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa; previamente e con carácter potestativo poderase interpoñer, no prazo dun mes, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, de conformidade co artigo 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes