DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Mércores, 24 de decembro de 2025 Páx. 66055

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

ACORDO do 1 de decembro de 2025, do Departamento Territorial da Coruña, de levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados por unha instalación eléctrica, no concello de Cee (expediente IN407A 2023/426-1).

Outorgada a declaración de utilidade pública que leva implícita a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica denominada Regulamentación LMTA POT806 substitución de apoios 35-2 e 35-3, no concello de Cee (expediente IN407A 2023/426-1), mediante a Resolución deste departamento territorial, do 30 de xullo de 2025, a favor da entidade beneficiaria UFD Distribución Electricidad, S.A., con enderezo na avenida de Arteixo, 171, 15008 A Coruña.

Este departamento territorial, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, acorda sinalar o día 24 de febreiro de 2026 para o levantamento das actas previas á ocupación, en que se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se exporán xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Cee, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 14.2.2024, no BOP do 29.1.2024 e no xornal La Voz de Galicia do 31.1.2024, acto ao cal deberán concorrer as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios propostos como afectados, ás cales se lles efectuará notificación individual en que se lles sinalarán os horarios de toma de datos sobre o terreo e posterior levantamento efectivo das actas na oficina da casa consistorial do dito concello.

Así mesmo, cando as persoas propietarias ou titulares de dereitos sobre os predios afectados sexan descoñecidas ou se ignore o lugar de notificación ou ben, intentada esta, non se puidese efectuar, publicarase un anuncio desta convocatoria no taboleiro de edictos único do Boletín Oficial del Estado (TEU do BOE).

A Coruña, 1 de decembro de 2025

Isidoro Martínez Arca
Director territorial da Coruña