DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 249 Venres, 26 de decembro de 2025 Páx. 66202

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

EXTRACTO da Resolución do 11 de decembro de 2025 pola que se convocan as bolsas de formación para o ano 2026 (código de procedemento VI440D).

BDNS (Identif.): 876507.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/876507

Primeiro. Persoas beneficiarias

Poderán solicitar esta bolsa todas aquelas persoas que no momento de presentaren a súa solicitude reúnan os seguintes requisitos:

– Ter rematado o grao exixido con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2021.

– Ter competencia en lingua galega no nivel Celga 4, equivalente ou superior.

– Non ter sido con anterioridade beneficiarios/as doutra bolsa de formación do IGVS.

– Non ter emprego remunerado nin gozar doutra bolsa similar a esta. Noutro caso, deberá renunciarse ao emprego ou á bolsa con anterioridade ao inicio da formación.

– Non estar incursas en ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Mediante esta resolución convócanse trece bolsas de formación, coa finalidade de que as persoas con titulacións universitarias e de grao relacionadas cos ámbitos de actuación deste organismo poidan complementar os seus coñecementos teóricos cunha formación práctica (código de procedemento VI440D).

2. As prazas que se convocan son as seguintes:

– Cinco bolsas para persoas con grao en Arquitectura ou con grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante.

– Unha bolsa para persoas con grao de Arquitectura Técnica.

– Seis bolsas para persoas con grao en Dereito.

– Unha bolsa para persoas con grao en Economía.

3. As bolsas de formación levaranse a cabo en xornada de mañá, de luns a venres, nas dependencias do IGVS, coa seguinte distribución territorial:

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS da Coruña.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Lugo.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Pontevedra.

– Unha persoa con grao en Arquitectura ou grao en estudos de Arquitectura con máster habilitante na Área Provincial do IGVS de Ourense.

– As demais bolsas levaranse a cabo nos servizos centrais do IGVS, en Santiago de Compostela.

Esta distribución poderá ser modificada mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS cando se considere favorable para a formación das persoas beneficiarias da bolsa.

4. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia competitiva, de acordo co artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Terceiro. Bases reguladoras

As subvencións deste programa rexeranse polas bases reguladoras contidas na Resolución do 21 de xullo de 2022 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación e se procede á súa convocatoria para o ano 2022, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 151, do 9 de agosto.

Cuarto. Crédito orzamentario

1. O custo total destas actividades de formación é de 187.200 euros, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.480.1, programa de bolseiros, dos orzamentos xerais para 2026, e á correspondente no orzamento de 2027, coa seguinte distribución de anualidades: 109.200 euros en 2026 e 78.000 euros en 2027.

En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, destinaranse 12.500 euros (6.750 euros en 2026 e 5.750 euros en 2027), que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.484.0, dos orzamentos xerais para 2026 e 2027, en pagamento das cotizacións á Seguridade Social por parte do IGVS por continxencias comúns e profesionais.

A cobertura de accidentes no traballo será realizada mediante a contratación dun seguro de responsabilidade polo IGVS na aplicación 11.81.451A.224, primas de seguros.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, a concesión destas subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigacións derivadas da súa concesión.

Quinto. Contía das axudas

O importe de cada bolsa será de mil douscentos euros brutos ao mes, que se farán efectivos na conta bancaria que sinale a persoa beneficiaria da bolsa, logo da certificación da persoa que asuma a titoría do bo aproveitamento da bolsa, tras realizar as retencións fiscais e sociais que correspondan. A cantidade percibida no primeiro mes determinarase en función do número de días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

Sexto. Duración das axudas

As actividades de formación iniciaranse coa incorporación dos/das bolseiros/as na data que indique a resolución de concesión e terán unha duración de doce mensualidades. De conformidade coa normativa legal aplicable, as bolsas poderanse prorrogar por un novo período de seis meses, sempre que as dispoñibilidades orzamentarias así o permitan e logo do informe favorable do/da titor/a de quen reciba a formación o/a bolseiro/a.

Sétimo. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.

Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025

Heriberto García Porto
Director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo