DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 250 Luns, 29 de decembro de 2025 Páx. 66379

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

RESOLUCIÓN do 15 de decembro de 2025 pola que se publica o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través desta consellería, e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Con data do 15 de decembro de 2025 asinouse o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

A cláusula décimo sétima do convenio dispón a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Tendo en conta o exposto, e en virtude das competencias conferidas,

RESOLVO:

Publicar o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025

Reunidos:

Pola Xunta de Galicia, María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural, en virtude do Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, actuando en nome e representación da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Pola sociedade mercantil pública autonómica, Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (Seaga), María Luisa Piñeiro Arcos, en nome e representación daquela, en virtude das atribucións que lle confiren os seus estatutos.

As persoas intervenientes actúan coa representación que legal e regulamentariamente teñen conferida.

Expoñen:

Primeiro

O territorio da Comunidade Autónoma de Galicia está fortemente afectado polos incendios forestais que provocan a destrución dos seus hábitats naturais e biodiversidade, a ruptura dos equilibrios ecolóxicos, a perda do patrimonio cultural e da paisaxe, e tamén atentan contra a función social dos montes. Ademais, é frecuente que os incendios forestais poñan en risco a vida das persoas e os seus bens, así como das infraestruturas públicas.

O cambio climático xunto co proceso de transformación do medio rural supoñen na actualidade un aumento da carga da dispoñibilidade do combustible, o que trae consigo un maior risco de incendios de gran virulencia que ocasionan escenarios máis complexos e perigosos. Esta circunstancia cobra maior importancia en Galicia por contar cunha elevada superficie na interface urbano-forestal, o cal exixe contar con medidas de xestión do territorio efectivas para garantir a protección da poboación.

A defensa do medio rural contra os incendios forestais precisa dunha planificación do territorio e un modelo de desenvolvemento rural que comprometa todas as administracións, as persoas titulares de terreos forestais, a sociedade do medio rural e, en xeral, o conxunto da cidadanía.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, recolle na súa exposición de motivos a crecente proliferación de incendios na interface urbano-forestal que define como as áreas que abranguen o perímetro común entre os terreos forestais e os núcleos de poboación habitados. A norma propón que, ademais de medidas de carácter estrutural, deben adoptarse a curto prazo actuacións que controlen a existencia de biomasa con alto potencial combustible nas proximidades dos núcleos de poboación.

A raíz da vaga de lumes de outubro de 2017, na citada lei leváronse a cabo modificacións normativas, entre elas a da Lei 7/2019, do 23 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, pola cal se crea o sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, como sistema de cooperación entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade do sector público autonómico Seaga, a Fegamp e os concellos que voluntariamente se adhiran ao sistema. Este sistema ten como fin a prevención de incendios forestais de modo que se consiga a diminución do número de incendios nas zonas de interface urbana, garantindo o interese público da seguridade das persoas e bens.

Segundo

Conforme a Lei 3/2007, dentro do sistema de defensa contra incendios forestais de Galicia, son esenciais as denominadas redes de faixas de xestión da biomasa, como conxunto de parcelas lineais do territorio, estratexicamente situadas, onde se garante a xestión da biomasa, é dicir, o control e a eliminación total ou parcial da biomasa forestal, mediante técnicas silvícolas adecuadas, co obxectivo principal de reducir o risco de incendio.

Nestas redes de faixas de xestión da biomasa, a Xunta de Galicia é a competente para xestionar as redes primarias e terciarias, e compete ás entidades locais a xestión das redes secundarias.

É obrigatorio xestionar a biomasa nestas faixas, é dicir, controlala ou eliminala total ou parcialmente, buscando a ruptura da continuidade horizontal e vertical da carga de combustible no terreo forestal e na súa zona de influencia, a través do control ou da eliminación parcial ou total da biomasa vexetal.

As redes secundarias de xestión da biomasa teñen un ámbito municipal e defínense como tales nos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais. Posúen a función prioritaria de protección aos núcleos de poboación, as infraestruturas, os equipamentos sociais, as zonas edificadas, os parques e os polígonos industriais. A obriga de xestión da biomasa compete ás persoas titulares do dereito de aproveitamento sobre as parcelas incluídas nesas faixas.

No suposto de incumprimento destas obrigas por parte dos particulares, compete aos concellos a comunicación da necesidade do seu cumprimento e advertir da execución subsidiaria da dita obriga por parte da Administración local con repercusión de custos, e, de ser o caso, comiso de especies arbóreas prohibidas que deba retirar a Administración.

A estrutura da propiedade en Galicia, cunha maioría de parcelas particulares, moitas veces con reducida superficie e ás veces con problemas de titularidade ou con persoas titulares descoñecidas, dificulta esa xestión da biomasa forestal.

A través do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais para o establecemento dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, asinado o 9 de agosto de 2018, canalizouse a cooperación entre a Administración local e a Administración autonómica como vía para acometer estas tarefas de claro interese público. Mediante este, iniciouse a colaboración nas tarefas de xestión da biomasa vexetal con alto potencial combustible, asegurando a súa retirada con anterioridade á época de perigo de incendios polas persoas titulares das parcelas. Tamén pretendeu, no caso de incumprimento das anteditas obrigas esenciais, asegurar a súa execución subsidiaria, a través de procedementos áxiles, por parte das administración públicas.

Este convenio tiña unha vixencia inicial ata o 31 de decembro de 2021, que foi prorrogada ata o 31 de decembro de 2024. No ano 2025 asinouse un novo convenio cuxa vixencia esténdese ata o 31 de decembro de 2025.

Mediante os anteditos convenios adheríronse un total de 291 concellos, dos que en 268 se conseguiu a aprobación do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. Estes plans quedaron reflectidos a nivel de parcela catastral no visor público de faixas secundarias.

Tamén con base neste convenio, desde 2021 a 2024 inspeccionouse o estado de xestión da biomasa nun total de 2.337.790 parcelas incluídas en faixas secundarias, que corresponde cunha superficie de 171.389 ha. Así mesmo, acadouse unha superficie total de 1.471,75 ha en contratos de xestión da biomasa en parcelas priorizadas, correspondentes a 27.297 parcelas.

Terceiro

Durante o verán de 2025, unha vaga de incendios forestais ameazou o territorio de Galicia, nunha situación de extrema dificultade derivada da combinación de altas temperaturas, fortes ventos e unha seca prolongada que causaron danos graves en bens públicos e privados. Esta situación non se dá exclusivamente en Galicia, senón que está a producirse, en xeral, en toda a Península Ibérica, tanto en España (por exemplo, en Castela e León, Madrid, Asturias ou Andalucía) como en Portugal, onde se están a sufrir fenómenos de índole moi similar aos que se desenvolven na nosa Comunidade Autónoma.

En particular, a situación derivada dos incendios forestais que están afectando o territorio galego adquiriu unha especial complexidade pola confluencia de condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos e un período prolongado de seca. Estes factores favoreceron a rápida propagación do lume, ocasionando danos en bens públicos e privados.

A provincia de Ourense concentrou a maior parte dos focos, con incendios de gran magnitude como o de Chandrexa de Queixa. Xunto con outros lumes en Larouco, Agolada, en distintos municipios lugueses e en zonas da provincia da Coruña e Pontevedra, conformouse unha situación de emerxencia sen precedentes, que obrigou á mobilización de milleiros de efectivos autonómicos, estatais e municipais.

Os acontecementos rexistrados determinan unha situación de emerxencia humanitaria e social para a cidadanía afectada, debido aos danos persoais e materiais que se produciron. Isto fai necesario continuar desenvolvendo os mecanismos de colaboración e cooperación entre todas as administracións implicadas.

Neste contexto, dado que a vixencia do convenio mediante o que se consolidou o sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias remata o día 31 de decembro de 2025, debe procederse á formalización dun novo convenio, que permita avanzar na cooperación que xa se desenvolve e afiance entre a poboación a realización dos traballos preventivos precisos na interface urbano-forestal.

Este convenio instrumenta a continuación da consolidación do sistema de cooperación nas tarefas necesarias para facilitar que as persoas responsables da xestión da biomasa nas redes secundarias poidan cumprir coas súas obrigas. Desta maneira establécese a colaboración técnica da Xunta de Galicia na revisión do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e a súa modificación, de ser o caso. Tamén colaborarán a Xunta de Galicia e os concellos, na execución subsidiaria da xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, nos casos de incumprimento das obrigas legais, a través de diferentes actuacións. Nas parroquias que se prioricen anualmente, reforzaranse as actuacións, ben mediante a formalización de contratos cos particulares, ben mediante a realización material da execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa.

Cuarto

Corresponden á Xunta de Galicia, en relación coas entidades locais galegas e de acordo co disposto nos artigos 194 e 195 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a cooperación e colaboración, que se poderá levar a cabo mediante a subscrición de convenios.

En particular, o artigo 198 da lei prevé que, coa finalidade da máis eficaz xestión e prestación dos servizos da súa competencia, a Xunta de Galicia e as entidades locais poden, mediante os convenios, coordinar as políticas de fomento dirixidas a un mesmo sector, executar puntualmente as obras ou os servizos da competencia dunha das partes, desenvolver actividades de carácter prestacional e adoptar as medidas oportunas para acadar calquera outra finalidade de contido análogo ás anteriores.

A Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tamén regula unha específica colaboración entre a Xunta de Galicia e entidades locais na materia obxecto do presente convenio.

Así, o artigo 1 desta lei establece o seu obxecto de defender os montes ou os terreos forestais fronte aos incendios e protexer as persoas e os bens afectados por eles, promovendo a adopción dunha política activa de prevención coordinada de todas as administracións públicas de acordo coa lexislación galega en materia de emerxencias, baseada, entre outros aspectos, na actuación nos montes e nas áreas lindeiras mediante os tratamentos adecuados da biomasa vexetal e no establecemento das condicións para a protección dos asentamentos rurais respecto aos incendios forestais, no marco dunha política integral de desenvolvemento rural.

A lei atribúe no seu artigo 6 á Xunta de Galicia, para o seu exercicio polo Consello da Xunta de Galicia e a consellería competente en materia forestal, entre outras competencias, as relativas a establecer a política xeral de prevención e loita contra os incendios forestais; programar e executar actuacións de prevención e loita contra os incendios forestais; establecer as medidas de prevención e loita contra os incendios forestais que sexa necesario adoptar tanto pola Administración como polos particulares e asegurar o seu cumprimento; xestionar as redes primarias e terciarias de faixas de xestión da biomasa, coordinar as actuacións das administracións públicas e dos particulares nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais e promover mecanismos de participación social nas devanditas tarefas; e proceder á execución subsidiaria ou directa de traballos preventivos nos termos establecidos na lei.

Segundo o artigo 7 da devandita lei, corresponde aos concellos elaborar e aprobar os plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais; adoptar as medidas de prevención de incendios forestais que lles correspondan en terreos da súa titularidade; ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa nas condicións precisas que eviten os incendios e, en particular, xestionar as redes secundarias de faixas de xestión da biomasa e as faixas laterais das redes viarias da súa titularidade.

Engade o artigo 7 da Lei 3/2007, do 9 de abril, que os concellos, no exercicio da competencia relativa a ordenar a execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa nas condicións precisas que eviten os incendios, poderán contar coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia, nos termos previstos no artigo 59 da devandita lei e consonte o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia.

O antedito artigo 59, «Colaboración coas entidades locais», establece no seu número 1 que a Xunta de Galicia colaborará coas entidades locais para a prevención e extinción de incendios, ben a través de medios propios, ben por medio de mecanismos de apoio económico.

O número 2 do mesmo artigo dispón que a Xunta de Galicia incluirá nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma dotacións económicas para a subscrición de convenios de colaboración cos concellos para, entre outros aspectos, a realización de traballos preventivos nas vías e montes de titularidade municipal e para a xestión da biomasa das parcelas de propietario descoñecido.

Especialmente o artigo 8 da lei, «Cooperación administrativa», establece que as administracións públicas de Galicia colaborarán entre si e cooperarán nas tarefas de prevención e loita contra os incendios forestais, achegando os medios materiais, económicos e humanos á súa disposición nos termos desta lei.

O artigo 21.quater indica que o sistema público de xestión da biomasa nos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, como sistema de cooperación entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a entidade do sector público autonómico Seaga, a Fegamp e os concellos que voluntariamente se adhiran ao sistema, ten por fin a prevención de incendios forestais, de modo que se logre a diminución do número de incendios forestais nas zonas de interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens. Establece tamén que o sistema público de xestión da biomasa instruméntase a través co correspondente convenio de colaboración, de acordo co previsto neste mesmo artigo.

Pola súa banda, o artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, prevé unha especial fórmula de cooperación entre administracións públicas e as entidades con personalidade xurídica privada que sexan poderes adxudicadores, ao prever a cooperación vía convenio para establecer ou desenvolver unha cooperación entre as entidades participantes coa finalidade de garantir que os servizos públicos que lles incumben se prestan de modo que se logren os obxectivos que teñen en común, cooperación que debe estar guiada unicamente por consideracións relacionadas co interese público.

En cumprimento das anteriores previsións legais, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, desexa cooperar cos concellos no exercicio das competencias que lles corresponden na xestión das redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, o que se instrumenta mediante a consolidación, no presente convenio, dun sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Este convenio, polo tanto, baséase nos principios de colaboración e cooperación entre administracións, polo que non afecta nin altera o sistema legal de distribución de competencias na materia, recollido na lexislación indicada e, en particular, non afecta as competencias locais nin supón a asunción pola Administración autonómica destas.

Non obstante, tendo en conta a vaga de incendios producida durante o verán de 2025, que, como xa se expresou, foi de especial complexidade pola confluencia de condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos e un período prolongado de seca, a Administración autonómica pretende intensificar a súa colaboración especialmente nos concellos de menos de 10.000 habitantes, asumindo como fórmula de colaboración que a consellería competente en materia forestal poida asumir a competencia para ordenar a execución subsidiaria, na forma establecida neste convenio, ademais do desenvolvemento das actuacións materiais de execución subsidiaria, de acordo co previsto no artigo 22.10 da Lei 3/2007, do 9 de abril.

Quinto

Este convenio prevé a adhesión voluntaria daqueles concellos interesados en obter a cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma para o exercicio das súas competencias en relación coa xestión das redes de faixas secundarias de xestión da biomasa.

A adhesión dos concellos estará condicionada a que se cumpran os requisitos que se establecen neste convenio e existan dispoñibilidades económicas suficientes.

Sexto

Seaga é unha sociedade mercantil pública autonómica, a cal actúa en consideración de medio propio e de servizo técnico da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, atendendo a diversas actuacións, entre as que se encontran obras, traballos e prestación de servizos en materias forestais, conservación e protección do medio rural e ambiental, especialmente, destacando a súa intervención na prevención e loita contra os incendios forestais.

Sétimo

A Consellería do Medio Rural e Seaga intentaron a negociación deste novo convenio de colaboración coa Fegamp, en liña coa previsión do artigo 21.quater da Lei 3/2007, do 9 de abril. Porén, con data do 4 de decembro de 2025, a Comisión Executiva da Fegamp, reunida en sesión extraordinaria, adoptou sen unanimidade o acordo de «non aceptar a proposta de convenio de colaboración en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, achegada desde a Consellería do Medio Rural o pasado 26 de novembro».

Aínda que, de acordo coa lei, a subscrición do convenio é voluntaria para a Fegamp (o mesmo que para os concellos), a ausencia da Fegamp non pode impedir a continuidade do sistema público de xestión e a continuidade da colaboración da Administración autonómica cos concellos.

Debe terse en conta que a Fegamp non asume no convenio do sistema público obrigas ou compromisos concretos de xestión, achega orzamentaria ou realización material de actuacións, dada a súa natureza e ausencia de competencias na materia, limitándose a súa participación no convenio ata o de agora vixente á súa presencia na Comisión de Seguimento e como mera interlocutora ao servir de canle para que os concellos puidesen formular calquera cuestión á Comisión de Seguimento, aspectos que evidentemente non resultan esenciais e poden ser abordados doutro xeito máis directo.

En particular, a continuidade do sistema público resulta especialmente importante por razóns de interese xeral, tendo en conta as circunstancias acaecidas neste verán do ano 2025. Neste sentido, a pronta posta en marcha das actuacións necesarias para o ano 2026 aconsellan a formalización inmediata deste convenio, o que afondará en ofrecer un marco de seguridade xurídica e de planificación. Así, resulta especialmente oportuna a previsión de incrementar a duración deste convenio, que pasa a ser de catro anos, o que permitirá a imprescindible planificación plurianual das actuacións e contratacións, o que redundará nunha maior eficacia e axilidade.

Polo tanto, a Consellería do Medio Rural e Seaga proceden á formalización deste convenio co obxecto de garantir a continuidade do sistema público a partir do 1 de xaneiro de 2026 e dar un marco de estabilidade aos concellos. Todo isto sen prexuízo de que se prevexa unha eventual e desexable adhesión da Fegamp no futuro, si esta voluntariamente así o decide.

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto

1. Este convenio ten por obxecto continuar coa cooperación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, Seaga e os concellos que, se é o caso, poidan voluntariamente adherirse ao sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa. Este sistema actuará a dous niveis, establecendo unha serie de actuacións que se desenvolverán en todos os concellos adheridos e outras accións, máis intensas, que se levarán a cabo só naquelas parroquias que anualmente se seleccionen de acordo cos criterios de prioridade establecidos na cláusula cuarta deste convenio, que se denominarán ao longo do texto «parroquias priorizadas».

2. A cooperación que neste convenio se instrumenta ten por finalidade garantir a prevención de incendios forestais, de modo que se acade a diminución do número de incendios forestais nas zonas de interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens.

3. O obxectivo final do convenio é o de protexer os bens e as persoas cunha acción preventiva eficaz e adaptada á realidade física do territorio, así como á realidade social.

Segunda. Sistema público de xestión da biomasa

1. O sistema público de xestión da biomasa que se establece no presente convenio comprende a colaboración financeira e técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma para garantir a xestión da biomasa das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa dos concellos adheridos ao presente convenio, e inclúe as seguintes actuacións para todos eles:

a) A colaboración técnica da Administración da Comunidade Autónoma para a revisión e, de ser o caso, modificación do planeamento municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, segundo establece a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia. Neste plan deberanse definir os ámbitos prioritarios de actuación, incorporando criterios de eficiencia, eficacia e oportunidade desde unha perspectiva integral.

b) A colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden a estes de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da Lei 3/2007, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño. En concreto, prestarase apoio aos concellos para a realización das seguintes tarefas:

b.1) A realización das actuacións materiais de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias, cando derive da tramitación de procedementos de execución subsidiaria de acordo co establecido na cláusula décima, número 2.c), e nas condicións que se establecen nela. Incluirase dentro desa colaboración a subministración de especies compatibles coas faixas secundarias que colonicen o territorio e impidan a proliferación das especies non permitidas, ao tempo que constrúan unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas a eito desas parcelas, ou, alternativamente, a creación de parcelas de uso agrario en función do tipo de terreo.

b.2) A realización material de actuacións de xestión da biomasa en vías de titularidade municipal ata un máximo de 12 quilómetros por concello e ano, coas condicións e de acordo co procedemento establecido na cláusula décima, número 2.e). Este límite poderá ser obxecto de ampliación, a través da correspondente addenda ao convenio, unha vez analizada pola Comisión de Seguimento o grao de execución desta actuación.

b.3) O apoio técnico do Servizo de Xestión da Biomasa nos labores de inspección de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias, para verificar o cumprimento das obrigas de xestión da biomasa por parte das persoas responsables.

b.4) A colaboración no envío de notificacións ou na publicación no BOE e DOG dos incumprimentos detectados na inspección de parcelas incluídas na rede de faixas secundarias de xestión da biomasa.

b.5) A execución de actuacións preventivas planificadas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte distintas das derivadas dos plans municipais da Lei 3/2007, de acordo co establecido na cláusula sexta, número 2.

2. Nas parroquias priorizadas que se establezan cada ano dentro dos concellos adheridos, a Administración autonómica reforzará a prestación do servizo de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias, ben mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa, ou ben mediante a realización material das actuacións derivadas da resolución de execución subsidiaria dos traballos de xestión da biomasa adoptada polos concellos adheridos. Incluirase dentro desa colaboración a subministración de especies compatibles coas franxas secundarias que colonicen o territorio e impidan a proliferación das especies non permitidas, ao tempo que constrúan unha franxa natural de protección dos núcleos urbanos e fagan innecesarias sucesivas limpas a eito desas parcelas, ou, alternativamente a creación de parcelas de uso agrario en función do tipo de terreo.

3. En todo caso, este convenio non afecta nin altera o sistema legal de distribución de competencias na materia, recollido na Lei 3/2007 e, en particular, non afecta as competencias locais ni supón a asunción por parte da Administración autonómica destas.

Non obstante, nos concellos de menos de 10.000 habitantes, a consellería competente en materia forestal, de acordo co establecido no artigo 22.10 da Lei 3/2007, do 9 de abril, como fórmula de colaboración, poderá asumir en virtude deste convenio a competencia para ordenar a execución subsidiaria, na forma establecida na cláusula décima 2.b).

4. Este convenio efectúase ao abeiro do previsto no artigo 6 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, ao desenvolver a cooperación entre as entidades participantes coa finalidade de garantir unha prestación do servizo público que ten como obxectivo a prevención e a loita contra os incendios forestais e se guía, unicamente, por consideracións relacionadas co interese público.

Terceira. Adhesión voluntaria a este convenio dos concellos e da Fegamp

1. Calquera concello galego que dispoña de Plan de municipal de prevención de incendios forestais poderá acceder ao sistema público de xestión e á colaboración técnica e económica previstas neste convenio, mediante a súa adhesión voluntaria. Anualmente e dentro dos concellos adheridos, realizarase a selección das parroquias priorizadas, atendendo ás dispoñibilidades orzamentarias, a un maior risco de incendios forestais e, polo tanto, de maior perigo para as persoas e os bens.

2. As solicitudes de adhesión, de acordo co modelo do anexo I, serán dirixidas á Comisión de Seguimento do convenio prevista na cláusula décimo terceira e poderán presentarse en calquera momento. Na solicitude deberá constar obrigatoriamente a data de aprobación do Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais. A dita solicitude implicará a aceptación de todas as cláusulas deste convenio sen posibilidade de reserva ou excepción. A formalización da solicitude de adhesión deberá ser autorizada polo órgano competente do concello.

3. A persoa titular da Consellería do Medio Rural, por proposta da Comisión de Seguimento, ditará resolución motivada, sobre a adhesión, que se notificará ao concello adherido. A formalización da adhesión farase segundo o anexo IV.

4. Así mesmo, a Fegamp poderá adherirse en calquera momento ao convenio mediante acordo do seu órgano de goberno.

Cuarta. Criterios para a selección de parroquias priorizadas e programación das actuacións. Delimitación de zonas de actuación prioritaria e urxente

1. Os concellos adheridos poden enviar en calquera momento unha solicitude, coa parroquia ou as parroquias do seu territorio en que considera que deben priorizarse as actuacións relacionadas coa xestión da biomasa nas faixas secundarias da cláusula segunda, número 2, baseándose en factores obxectivos de risco de incendio. A dita solicitude dirixirase á Comisión de Seguimento do convenio.

A Dirección Xeral de Defensa do Monte tamén dirixirá á Comisión de Seguimento do convenio unha proposta con aquelas parroquias en que considera que deben priorizarse as actuacións da cláusula segunda, número 2.

A Comisión de Seguimento valorará as solicitudes presentadas polos concellos e a proposta da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Unha vez avaliadas e valoradas, a Comisión de Seguimento elaborará a lista anual de parroquias priorizadas en que se levarán a cabo as actuacións de reforzo previstas na cláusula segunda, número 2, deste convenio.

2. Para determinar, dentro dos concellos adheridos e para cada unha das provincias, cales serán as parroquias priorizadas anualmente, teranse en conta os seguintes criterios que definen o risco de incendio:

a) Concellos afectados por grandes incendios forestais nos 10 anos inmediatamente anteriores.

b) Concellos en que se activase a situación operativa 2 do Peifoga nos 10 anos inmediatamente anteriores.

c) Concellos con parroquia/s de alta actividade incendiaria no Pladiga vixente.

d) Concellos incluídos en zonas de alto risco de incendio forestal.

e) Concellos que durante o ano anterior tivesen vixente o convenio interadministrativo entre a Consellería do Medio Rural e a entidade local para a realización de accións de prevención e defensa contra os incendios forestais.

Os criterios de prioridade indicados serán desenvolvidos pola Comisión de Seguimento do convenio, que aprobará un baremo para decidir sobre as actuacións anuais que se de-senvolverán, e poderán ser revisados durante a vixencia do convenio no marco do balance do impacto das actuacións realizadas.

En particular, poderán manterse como parroquias priorizadas na lista anual aquelas que cumpran os criterios establecidos, aínda que nelas non sexa preciso programar traballos de xestión da biomasa nesa anualidade, por terse queimado anteriormente.

Así mesmo, sen prexuízo dos criterios indicados, poderán elixirse ademais como parroquias «priorizadas» aquelas en que se xustifique polas circunstancias concorrentes a existencia dunha maior posibilidade de afectación ou risco de incendios para os núcleos de poboación e en que sexa preciso, polo tanto, facer un maior esforzo de cooperación cos propietarios e cos concellos no cumprimento das súas obrigas legais de xestión das faixas secundarias.

3. A Comisión de Seguimento deste convenio elaborará unha proposta de actuacións para levar a cabo nas parroquias priorizadas elixidas anualmente, tendo en conta en todo caso unicamente criterios técnicos derivados das necesidades da prevención e loita contra os incendios forestais. A dita proposta expresará para cada concello as parroquias e a superficie consideradas en cada caso.

4. Coa proposta de actuacións da Comisión de Seguimento, Seaga elaborará un plan de traballo para parroquias priorizadas que inclúa unha programación coas actuacións concretas por concello e parroquia, incluíndo as partidas e o cálculo orzamentario do custo de execución. Dentro das actuacións que se realizarán poderase incluír a limpeza de camiños de acceso municipais ás parcelas incluídas dentro da franxa de protección con obriga de xestión da biomasa.

5. O plan de traballo para parroquias priorizadas e indicado no número anterior será aprobado pola Comisión de Seguimento do convenio antes do final do mes de marzo de cada ano e será trasladado aos concellos, para os efectos de que este dea publicidade das actuacións e parcelas en que se prevé actuar.

A publicidade indicará a posibilidade, para as persoas responsables de terreos afectados por faixas secundarias en parroquias priorizadas, de formalizar contratos de xestión da biomasa. Así mesmo, recordarase o necesario cumprimento das obrigas legais das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007 e advertirase da posibilidade de execución subsidiaria no caso de incumprimento das indicadas obrigas, así como da eventual imposición de sancións.

6. As formalizacións do modelo de contrato de xestión da biomasa das persoas interesadas serán tramitadas polos concellos. Para estes efectos, os concellos recibirán os modelos de contratos formalizados e, despois da análise da documentación presentada e da comprobación do seu axuste ao réxime xurídico do servizo, remitiraos a Seaga.

Seaga, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, comunicará ao particular a súa aceptación, momento en que asumirá as obrigas de xestión da biomasa. Os prazos de ingreso da tarifa do servizo establecidos no anexo II deste convenio computaranse desde a comunicación da aceptación de Seaga.

7. Cando as persoas responsables legais da xestión da biomasa non formalicen os contratos de xestión do número anterior e, ademais, non procedan voluntariamente a realizar a indicada xestión, competerá ao concello o inicio dos procedementos de execución subsidiaria, de acordo coa Lei 3/2007. Para estes efectos, Seaga poderá prestar o apoio aos concellos informándoos da evolución e as necesidades dos traballos.

8. Á vista dos informes que vaia realizando Seaga sobre o progreso dos traballos, a Comisión de Seguimento poderá reprogramar as actuacións no concello ou parroquia.

Así mesmo, a lista anual de parroquias priorizadas poderá ser obxecto de revisión e actualización pola Comisión de Seguimento cando así sexa necesario á vista da evolución da situación climatolóxica e do estado das faixas secundarias, tendo en conta tanto as solicitudes dos concellos como as propostas da Dirección Xeral de Defensa do Monte que se realicen durante o ano.

9. Os protocolos de organización e funcionamento derivados da presente cláusula poderán ser desenvolvidos e precisados pola Comisión de Seguimento do convenio para velar pola máxima eficacia e coordinación das actuacións.

10. Con independencia do establecido respecto das parroquias priorizadas e da súa programación, nos supostos de concorrencia de razóns urxentes derivadas dunha situación obxectiva de grave risco para as persoas ou os bens no caso de que non se efectúe inmediatamente a xestión da biomasa e a retirada de especies prohibidas, de acordo co establecido no artigo 22.7 da Lei 3/2007, do 9 de abril, os concellos adheridos, de oficio ou por requirimento da Dirección Xeral de Defensa do Monte, delimitarán, mediante resolución, nas faixas secundarias da súa competencia, unha ou varias zonas como de actuación prioritaria e urxente. En particular, os concellos adheridos comprométense a atender os requirimentos motivados realizados pola Dirección Xeral neste sentido.

Nestes casos, procederase do seguinte modo:

a) Seaga colaborará tecnicamente co concello para a elaboración da delimitación provisional.

b) O concello aprobará provisionalmente a delimitación provisional destas zonas de actuación prioritaria e urxente, que se publicará no Diario Oficial de Galicia e incluirá un apercibimento das consecuencias establecidas na lei no caso de aprobación.

c) Transcorridos quince días, o concello aprobará a resolución pola que se delimitan as zonas, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

d) A publicación habilitará, sen máis trámite, para proceder de maneira inmediata á execución subsidiaria no caso de incumprimento das obrigas de xestión da biomasa ou retirada de especies prohibidas por parte das persoas responsables.

e) A execución subsidiaria efectuarase de acordo co réxime xeral previsto neste convenio, sen que sexa necesaria a previa comunicación individual e apercibimento aos responsables da xestión da biomasa. Se a delimitación fose realizada por requirimento da Dirección Xeral de Defensa do Monte, Seaga encargarase da realización material dos traballos de xestión da biomasa e retirada de especies prohibidas, aínda que os traballos se desenvolvan fóra de parroquias priorizadas.

Quinta. Obrigas xerais dos concellos adheridos

Os concellos que se adhiran voluntariamente a este convenio asumen as seguintes obrigas:

a) Identificar, para os efectos do previsto neste convenio, as persoas responsables das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa, así como os seus domicilios. Os concellos adheridos asumen a obriga de realizar unha actividade investigadora suficiente, incluíndo a consulta dos rexistros públicos, documentación e información en poder do concello ou que se recade para estes efectos. Para os efectos da identificación das persoas responsables e dos seus domicilios, teranse en conta as previsións da Instrución 1/2018, do 26 de abril, da Consellería do Medio Rural, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas.

b) Aprobar anualmente, durante todo o período de vixencia do convenio, un plan de actuacións relativas á xestión da biomasa vexetal e á retirada de especies arbóreas, que planifique, en particular, as actuacións municipais que resulten necesarias para dar cumprimento ao establecido polo artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, en que se inclúa a subministración de especies compatibles coas franxas secundarias ou, alternativamente, a creación de parcelas de uso agrario, en función do tipo de terreo.

c) Recibir e remitir a Seaga, de ser o caso, as solicitudes das persoas responsables das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa das parroquias priorizadas do seu municipio, para a formalización dos contratos de xestión da biomasa previstos neste convenio. As solicitudes achegaranse xunto coa documentación prevista no anexo II do convenio e logo da comprobación do cumprimento dos requisitos establecidos nel.

Sexta. Colaboración financeira para a xestión da biomasa forestal dos montes incluídos nos concellos adheridos ao presente convenio

1. Conforme o previsto na cláusula segunda deste convenio, a Consellería do Medio Rural comprométese a dar apoio financeiro para garantir a correcta xestión da biomasa forestal dos montes dos concellos adheridos mediante as achegas financeiras previstas no presente convenio.

Para estes efectos, a Consellería do Medio Rural achegará un importe total de 61.120.000 euros, distribuídos en catro anualidades de 15.280.000 euros para os exercicios 2026, 2027, 2028 e 2029, con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.551B.741.14.

Este expediente tramítase como anticipado de gasto ao abeiro da posibilidade prevista no artigo 1 da Orde do 11 de febreiro de 1998, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada, respectivamente, pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, e queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia que se aproben para o ano 2026.

En calquera caso, os documentos xustificativos para o recoñecemento de obrigas derivadas das actuacións aprobadas pola Comisión de Seguimento dos convenios anteriormente vixentes, e que non puideron ser executadas durante a súa vixencia, poderán imputarse ao orzamento do vixente convenio.

2. Atendendo ás necesidades de prevención e loita contra os incendios forestais e á dispoñibilidade orzamentaria, a Administración autonómica poderá reservar ata 2.000.000 euros anuais da súa achega para as actuacións previstas na cláusula segunda, número 1.b).5), planificadas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e distintas das derivadas dos plans municipais da Lei 3/2007.

Para estes efectos, a Dirección Xeral de Defensa do Monte, en calquera momento, poderá presentar propostas de actuacións das recollidas no parágrafo primeiro desta epígrafe, que se deberán desenvolver no territorio dos concellos adheridos ao convenio, atendendo a factores obxectivos de risco de incendios forestais, de acordo co establecido no artigo 22.10 da Lei 3/2007, do 9 de abril. Nesta proposta priorizaranse as actuacións que redunden na protección dos núcleos de poboación ou de equipamentos municipais. Presentarase á Comisión de Seguimento a relación de actuacións previstas con cargo á contía reservada, para o seu coñecemento e efectos. Cando se desenvolvan en franxas secundarias, a execución destas actuacións seguirá o réxime xeral establecido neste convenio. Servirá ese importe ademais para a difusión didáctica entre as poboacións das medidas aprobadas nos plans municipais, así como para financiar as medidas participativas de formación e sensibilización social que permitan á poboación entender a problemática, facerse partícipe da solución e asociarse na adopción das medidas preventivas.

Sétima. Plataforma para a xestión da biomasa (Xesbio2), visor e app para dispositivos móbiles asociada á plataforma

1. Para xestionar a biomasa nas faixas secundarias desenvolveuse unha plataforma integral para a xestión da biomasa, cuxo obxectivo é dar soporte informático ás actuacións dos distintos actores que interveñen no convenio e que permita unha rastrexabilidade de todas as actuacións realizadas polos concellos, por Seaga, pola Administración autonómica e polas persoas responsables da xestión de parcelas nas devanditas faixas.

En concreto, comprende a xestión dos seguintes aspectos:

– Xestión dos procesos de adhesión dos concellos.

– Xestión das parcelas incluídas nas faixas e da titularidade destas.

– Xestión dos plans anuais de actuación sobre as devanditas faixas e as actuacións concretas asociadas.

– Xestión da comunicación cos titulares.

– Xestión da relación dos titulares coas devanditas actuacións, incluíndo xestión contractual e contable.

– Xestión de inspeccións nas devanditas faixas.

– Xestión de execucións subsidiarias sobre parcelas nas devanditas faixas, comisos, cortas, expropiacións.

– Xestión da madeira asociadas ás cortas, comisos.

2. Para axilizar os procesos de rexistro da información asociada ao traballo de campo na base de datos asociada a Xesbio2 desenvolveuse unha ferramenta en mobilidade (app). Esta app tamén permite a consulta da base de datos de Xesbio2 (tanto de información xeográfica como histórica) para o apoio ás tarefas que se realicen in itinere.

3. Así mesmo, coa finalidade de mellorar a transparencia do sistema, desenvolveuse un visor no cal se mostra e se mantén actualizada a rede de faixas secundarias de xestión da biomasa.

Oitava. Acordo de colaboración para subscribir entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático para a realización dun labor de apoio por parte do Instituto de Estudos do Territorio

Co obxecto da levar a cabo o desenvolvemento das actuacións de actualización dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais é preciso un labor de apoio que se articula a través do Instituto de Estudos do Territorio (IET) da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Dado que a execución das devanditas actuacións supón unha necesidade de reforzo dos seus recursos humanos, requírese a sinatura do correspondente acordo de colaboración entre a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. A colaboración ou cooperación consistirá na participación conxunta e efectiva no desenvolvemento da actividade común, mediante achegas de traballos de organización, medios persoais e materiais.

O IET levará a cabo as seguintes actuacións en relación coas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa:

1. A realización dos traballos de análise da información urbanística dos concellos, as construcións e o resto de información necesaria para a xeración das faixas secundarias.

2. A xestión das referencias catastrais afectadas polas faixas secundarias de xestión da biomasa, así como os datos básicos de superficies, coa finalidade de xerar os mapas dos concellos coas súas faixas secundarias e as súas referencias catastrais para incorporar como documentación gráfica aos plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais.

3. Facilitar e coordinar a información necesaria para a planificación, así como a difusión da información mediante un visor xeográfico.

4. Proporcionar asesoramento para a integración da información facilitada polos concellos.

5. Facilitar as ferramentas integradas dentro do sistema de información xeográfica corporativa para o desenvolvemento dos traballos.

O importe total estimado do reforzo necesario para levar a cabo as devanditas actuacións é de 240.000 euros, distribuídas en catro anualidades de 60.000 euros, e será financiado con cargo ao crédito deste convenio, segundo o disposto na cláusula sexta, facendo para tales efectos as modificacións orzamentarias que correspondan.

Novena. Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias mediante a formalización de contratos de xestión coas persoas responsables en parcelas de parroquias priorizadas

1. De acordo co establecido na cláusula 2, número 2, deste convenio, a Administración autonómica realizará actuacións de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias dos concellos adheridos ao presente convenio e nas parroquias priorizadas, mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa coas persoas responsables destas parcelas.

2. As actividades de prestación previstas na presente cláusula considéranse servizo público, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade nos servizos públicos e da boa administración e será aplicable a regulación e garantías establecidas na lei. As ditas actividades serán desenvolvidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios, que asume como propias en virtude do presente convenio e, conxunturalmente, mentres estea en vigor, sen prexuízo das competencias das administracións locais e das obrigas asumidas por estas de acordo con este convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

3. As actividades materiais de xestión da biomasa previstas nesta cláusula serán xestionadas pola Administración autonómica de forma directa mediante Seaga, como entidade instrumental pertencente ao sector público autonómico, sen prexuízo das obrigas que asumen as entidades locais en virtude do presente convenio.

4. O réxime xurídico da actividade prestacional prevista nesta cláusula desenvólvese no anexo II do convenio, no cal se precisan os seguintes aspectos:

a) O órgano administrativo competente para a prestación do servizo.

b) Alcance das prestacións en favor das persoas administradas. As persoas beneficiarias do servizo serán as persoas físicas ou xurídicas legalmente responsables da xestión da biomasa vexetal nas faixas secundarias dos concellos adheridos ao presente convenio, de acordo coa Lei 3/2007.

c) Modalidade de prestación do servizo mediante xestión directa a través de Seaga.

d) Definición da situación estatutaria das persoas usuarias do servizo a través da determinación dos seus dereitos e obrigas.

e) Estándares mínimos de calidade do servizo.

f) Os demais aspectos básicos de carácter xurídico, económico e administrativo que definen a actividade prestacional.

En particular, a formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

5. A Administración autonómica disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, de ser o caso, conforme os acordos adoptados na Comisión de Seguimento deste convenio.

6. As relacións das persoas destinatarias da actividade prestacional prevista nesta cláusula con Seaga, formalizada a través do contrato de xestión da biomasa previsto no anexo III, terán natureza xurídico-privada.

A duración destes contratos será coincidente coa duración do presente convenio de colaboración.

Será obriga de Seaga, como prestador do servizo, formalizar o contrato con todas as persoas responsables da xestión da biomasa vexetal que cumpran os requisitos previstos no anexo II deste convenio, sen prexuízo da aplicación das previsións deste título e da tutela e garantía da posición da persoa destinataria da prestación pola Administración competente.

7. Para os efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión regulado na presente cláusula, establécese unha tarifa que deberá ser obxecto de aboamento polas persoas responsables do cumprimento das obrigas da xestión da biomasa que formalicen o contrato regulado no réxime xurídico do servizo, consistente na cantidade de 420 euros por hectárea e ano.

Esta cantidade, uniforme para todas as persoas responsables, fíxase como inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, de acordo co réxime económico xurídico do servizo que se recolle no anexo II deste convenio, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais.

Deste modo, o custo total do servizo, no que exceda da tarifa indicada, será cuberto polas achegas da Administración xeral da Comunidade Autónoma e, se é o caso, dos concellos, previstas na cláusula sexta deste convenio.

De igual xeito, estes custos poderán compensarse cos ingresos percibidos por Seaga e derivados do alleamento dos residuos e subprodutos de natureza forestal durante o proceso de xestión da biomasa e especies arbóreas.

As tarifas serán percibidas por Seaga, como prestadora da actividade.

O réxime xurídico da actividade prestacional previsto no anexo II prevé que, nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato como contraprestación a cargo das persoas responsables das obrigas de xestión da biomasa, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

8. Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas para o cumprimento dos contratos de xestión da biomasa que formalice, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba subscribir para realizar as prestacións obxecto do encargo.

Na súa contratación das obras e prestacións forestais derivadas deste convenio, Seaga deberá promover, de conformidade coa normativa de contratación pública, a participación da pequena e mediana empresa mediante a división en lotes e demais instrumentos previstos na lexislación de contratos.

Seaga será compensada pola Administración autonómica dos custos derivados da súa actuación, de acordo co indicado nesta cláusula, na cantidade non cuberta pola tarifa fixada para os particulares, con cargo ás cantidades previstas na cláusula sexta deste convenio. Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural transferirá o importe correspondente logo de xustificación de Seaga dos custos soportados pola súa actuación.

Décima. Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias mediante a cooperación técnica na revisión e modificación do planeamento municipal de prevención de incendios e no exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa

1. Xunto á colaboración financeira para a xestión da biomasa, mediante este convenio instruméntase a colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma cos concellos, dados os obxectivos que legalmente teñen en común para a prevención de incendios de acordo coa Lei 3/2007, para o exercicio das competencias que corresponden aos concellos de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, regulada no artigo 22 da antedita lei, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño.

2. Para estes efectos, están incluídas neste convenio para os concellos adheridos as seguintes actuacións:

a) Realización das seguintes actuacións documentais que sirvan de base aos actos xurídicos que integran os procedementos de revisión ou modificación dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, definición e determinación das faixas secundarias e de declaración polos concellos adheridos da obriga de execución subsidiaria:

– Elaboración técnica da documentación necesaria para a aprobación da modificación do plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais e, en particular, para o labor necesario para a determinación e definición das faixas secundarias de xestión da biomasa.

b) A colaboración técnica da Administración xeral da Comunidade Autónoma e os concellos para o exercicio das competencias que corresponden a estes de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e para a retirada de especies arbóreas prohibidas regulada no artigo 22 da Lei 3/2007, por razóns de eficacia e por contar a Administración autonómica con medios técnicos idóneos para o seu desempeño, desenvolvendo as seguintes actuacións para todos os concellos adheridos, tanto nas parroquias priorizadas como non priorizadas:

– Preparación técnica das comunicacións que, conforme o artigo 22 da Lei de prevención de incendios, deben ser enviadas polos concellos ás persoas responsables, lembrando a obriga de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas, advertindo da execución subsidiaria con repercusión de custos no caso de que non se cumpran as ditas obrigas e, se é o caso, comiso das árbores.

– Elaboración técnica do anuncio para ser publicado no DOG e BOE, con indicación dos datos catastrais da parcela cando non se puidese determinar a identidade das persoas responsables ou resulte infrutuosa a dita comunicación.

– Elaboración técnica dos documentos base dos actos administrativos para iniciar o procedemento de execución subsidiaria das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

– Elaboración técnica dos documentos base para dar traslado da resolución de execución subsidiaria ao órgano competente para incoar o procedemento sancionador para que se incoe o dito procedemento e se adopte a medida cautelar de comiso das especies arbóreas prohibidas.

– Preparación dos documentos necesarios para proceder á venda das ditas especies arbóreas comisadas.

– Elaboración dos documentos que permitan delimitar as zonas de actuación prioritaria e urxente en que, polo incumprimento das obrigas de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas prohibidas, habiliten a Administración pública competente para proceder de modo inmediato á execución subsidiaria de tales obrigas, pola presenza de factores obxectivos de risco.

As actuacións sinaladas serán efectuadas pola Administración autonómica sen contraprestación ou compensación de custos polos concellos, no marco dos principios de colaboración e cooperación entre administracións, tendo en conta a finalidade das partes de lograr os obxectivos que teñen en común e as consideracións de interese público que guían a actuación, sen prexuízo do disposto no número 4 desta cláusula.

En particular, no caso dos concellos de menos de 10.000 habitantes, intensificarase a colaboración da Administración autonómica mediante a aplicación do seguinte réxime:

– De acordo coa previsión do artigo 22.10 da Lei 3/2007, do 9 de abril, no marco deste convenio, a consellería competente en materia forestal poderá colaborar cos concellos de menos de 10.000 habitantes asumindo a súa competencia para ordenar a execución subsidiaria para todos os terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, tanto das parroquias priorizadas como non priorizadas.

– Non obstante, a competencia para efectuar as comunicacións e os apercibimentos previos á execución subsidiaria, así como a imposición de multas coercitivas, continuará residenciada nestes concellos.

– A asunción da competencia para ordenar a execución subsidiaria poderá realizarse de oficio pola consellería ou por solicitude dos concellos interesados. No caso de presentarse solicitude polos concellos deberá xustificarse o cumprimento dos requisitos da Instrución 1/2018, da Consellería do Medio Rural, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas, de acordo co establecido no anexo V deste convenio. Nos supostos en que a consellería pretenda a asunción de oficio da competencia para ordenar a execución subsidiaria e o concello non cumprise cos requisitos para proceder á execución subsidiaria, de acordo co disposto no punto terceiro do anexo V, requirirá o concello con carácter previo para o efecto.

– En todo caso, para os efectos do ditado da orde de execución, a consellería valorará a proposta técnica elaborada pola Dirección Xeral de Defensa do Monte en relación coas circunstancias concretas concorrentes no concello, o risco de incendios para os núcleos de poboación e o perigo para persoas e bens, así como as prioridades no empeño dos medios técnicos e materiais dispoñibles. A proposta incluirá a delimitación dos ámbitos da franxa secundaria en que se considera necesaria a execución subsidiaria.

– Nos supostos de actuación de oficio, con carácter previo ao ditado da orde de execución, para os efectos de velar pola coordinación e coherencia de actuacións co concello correspondente, a consellería remitiralle a proposta técnica, para os efectos de que este poida, se o considera pertinente, formular a súa posición ao respecto no prazo de 5 días hábiles, que será ponderada pola Administración autonómica.

– A orde de execución en que a consellería competente en materia forestal asuma a competencia determinará que Seaga xestione, de acordo co establecido no número 5 desta cláusula, a execución material dos traballos de xestión da biomasa e retirada de especies prohibidas nos ámbitos das franxas secundarias específicos que se delimiten na orde de execución, atendendo con carácter preferente as actuacións que se desenvolverán nas parroquias priorizadas, salvo que outra cousa se determine nela en atención ás circunstancias concorrentes.

– A execución material nestes casos suxeitarase ao establecido neste convenio, por conta dos obrigados á xestión da biomasa.

c) Realización das actuacións materiais de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias e retirada de especies arbóreas prohibidas derivadas da tramitación de procedementos de execución subsidiaria nos seguintes casos:

– Nas parroquias priorizadas das faixas secundarias de todos os concellos adheridos.

– Para todos os concellos adheridos ata un máximo de 10 hectáreas por concello e ano, nas súas faixas secundarias, fóra das parroquias priorizadas. As solicitudes destas actuacións poderán dirixirse á Comisión de Seguimento a partir do 1 de xaneiro. Esta poderá aprobar actuacións subsidiarias ata un máximo indicado de 10 hectáreas por concello e ano, e a programación destas actuacións, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias.

– En todas as faixas secundarias dos concellos de menos de 10.000 habitantes, aínda que se encontren fóra das parroquias priorizadas, cando a consellería competente en materia forestal asuma a competencia para o ditado da orde de execución, de acordo co previsto neste convenio.

En todo caso, a realización dos traballos previstos nesta letra c) requirirá que se teñan realizado polos concellos adheridos as notificacións relativas ao incumprimento das obrigas de xestión da biomasa, de acordo co previsto neste convenio, e de acordo co procedemento descrito na Instrución 1/2018, da Consellería do Medio Rural, do 26 de abril, relativa ás actuacións administrativas en materia de cumprimento das obrigas de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas. As solicitudes destas actuacións materias polos concellos axustaranse ao establecido no anexo V deste convenio.

Esta actuación material de execución subsidiaria comprenderá a redacción do proxecto técnico por Seaga para a execución subsidiaria, se fose necesario polas características da actuación, ou outro documento técnico que deba servir de base ás actuacións, así como os traballos de xestión da biomasa sobre o terreo e a posterior elaboración da documentación para a liquidación de custos da execución subsidiaria, que comprenderá todos os gastos ocasionados como consecuencia desta.

d) Actualización do manual básico de procedemento, en que se incluirán os modelos da documentación anteriormente referida, así como esquemas e diagramas de fluxos que clarifiquen aos concellos adheridos a planificación da prevención e a execución de competencias en materia de xestión da biomasa nas redes de faixas secundarias.

e) Realización material de actuacións de xestión da biomasa nas vías de titularidade municipal ata un máximo de 12 quilómetros por concello e ano, en que se actuará na zona de dominio público. As solicitudes destas actuacións poderán dirixirse á Comisión de Seguimento a partir do 1 de xaneiro; na solicitude deberanse indicar as coordenadas de inicio e fin das vías ou delimitar claramente nun plano a súa localización.

3. As actuacións materiais da Administración autonómica previstas na presente cláusula non supón cesión da titularidade das competencias das entidades locais adheridas nin dos elementos substantivos do seu exercicio, e será responsabilidade do concello encomendante ditar cantos actos ou resolucións de carácter xurídico dean soporte, nos cales se integre a concreta actividade material obxecto desta cláusula.

4. Para os efectos das actuacións materiais de execución subsidiaria e de acordo co previsto no artigo 22.4 da Lei 3/2007, en virtude deste instrumento de colaboración considerarase como Administración actuante a Administración xeral da Comunidade Autónoma, polo que as cantidades que, se é o caso, se perciban da venda das especies arbóreas incluídas na execución subsidiaria destinaranse a sufragar os custos das execucións subsidiarias, no marco deste convenio. Así, para cada anualidade, Seaga presentará unha certificación do importe da venda das especies obxecto de comiso por execución subsidiaria, que se descontará das cantidades que se lle aboarán conforme o establecido no número 6 desta cláusula.

Así mesmo, Seaga, nestes casos de execución subsidiaria, percibirá o importe dos custos de xestión repercutidos á persoa responsable, que comprenderá todos os gastos ou custos en que se incorra como consecuencia desta. Para estes efectos, como garantía da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión da biomasa, os custos derivados da execución subsidiaria debidos pola persoa responsable terán a consideración de créditos de dereito público da Administración autonómica e a súa recadación executiva corresponderá aos órganos competentes desta.

Nestes casos, a consellería competente en materia de prevención de incendios forestais e, de acordo coa xustificación documental de custos presentada por Seaga, deberá aprobar a liquidación definitiva e notificala á persoa responsable, concedéndolle un período voluntario dun mes para o pagamento dos gastos e custos correspondentes á execución subsidiaria. A xestión recadatoria levarase a cabo polos órganos de recadación competentes da Administración autonómica. En particular, de acordo co establecido no artigo 22.4 da Lei 3/2007, para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a Administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela o importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.

5. As obrigas de execución material que a Administración autonómica asume de acordo con esta cláusula serán xestionadas por Seaga, de acordo cos seus estatutos, e esta executaraas, xa sexa de forma directa polos seus propios medios persoais, técnicos e materiais ou mediante a súa contratación total ou parcial de acordo co disposto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba subscribir para realizar as prestacións obxecto do encargo. Todo isto sen prexuízo de que en calquera momento poida a Administración autonómica decidir exercelas directamente mediante os seus propios servizos ou medios técnicos, personificados ou non, ou contratalas, segundo o establecido na indicada lexislación de contratos do sector público.

Na súa contratación das obras e prestacións forestais derivadas deste convenio, Seaga deberá garantir, en particular, a participación da pequena e a mediana empresa, mediante a división en lotes e demais instrumentos previstos na lexislación de contratos, de acordo coa normativa aplicable en materia de contratación pública.

6. Seaga será compensada pola Administración autonómica dos custos derivados da súa actuación, de acordo co indicado nesta cláusula, con cargo aos importes establecidos na cláusula sexta deste convenio. Para estes efectos, a Consellería do Medio Rural transferiralle o custo das actuacións en que incorra para realizar as actuacións documentais que sirvan de base aos actos xurídicos que integran os procedementos de aprobación dos plans municipais de prevención e defensa contra os incendios forestais, definición e determinación das faixas secundarias e de declaración polos concellos adheridos da obriga de execución subsidiaria.

7. Cando a identidade da persoa responsable non sexa coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria e, polo tanto, non sexa posible a exixencia e recadación dos custos dos traballos, a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, como Administración actuante, asumirá aqueles con cargo aos orzamentos do convenio, para o efecto de ser considerada beneficiaria da expropiación forzosa por incumprimento da función social da propiedade regulada no artigo 22.11 da Lei 3/2007, do 9 de abril.

Décimo primeira. Obrigas específicas dos concellos adheridos a este convenio na execución subsidiaria da obriga de xestión da biomasa

Serán obrigas dos concellos adheridos ao sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias establecido neste convenio, ademais das que derivan do resto das cláusulas do convenio, en particular, as seguintes:

a) Identificar, para os efectos do previsto neste convenio, as persoas responsables das parcelas incluídas nas faixas secundarias de xestión da biomasa, realizando unha actividade investigadora suficiente, de acordo co previsto neste convenio.

b) Asinar as notificacións ás persoas responsables previstas no artigo 22 da Lei 3/2007, do 9 de abril, en que se lles recordará a súa obriga legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas prohibidas, se lles concederá para facelo os prazos legais, e se incluirá a advertencia de que, no caso de persistencia no incumprimento, poderanse impoñer multas coercitivas reiteradas ou ben proceder, sen máis trámite, á execución subsidiaria. Na comunicación indicada tamén se informará de que a falta de cumprimento das obrigas indicadas é constitutiva de infracción administrativa, polo que dará lugar ao inicio do procedemento sancionador que corresponda.

c) Impoñer, se é o caso, as multas coercitivas, previstas na Lei 3/2007, do 9 de abril.

d) Enviar toda a información que se lle solicite por ser necesaria para a realización das actuacións previstas na cláusula anterior.

e) Dar a súa conformidade aos proxectos técnicos que se redacten de acordo coa cláusula anterior, sempre que se axusten aos requisitos legais e técnicos aplicables.

f) Informar das actuacións de execución que puidese realizar a persoa obrigada despois do apercibimento e antes de que se proceda materialmente á execución subsidiaria.

Décimo segunda. Outras actuacións de colaboración técnica e financeira no marco do sistema público de xestión da biomasa

O artigo 21.quater da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais, establece a posibilidade de incluír calquera outro tipo de actuacións de colaboracións entre os concellos e a Administración xeral da Comunidade Autónoma, ademais das definidas na propia lei, que teñan por obxecto atinxir a finalidade do sistema público de xestión da biomasa.

Así, cando nos concellos adheridos existan iniciativas veciñais que contribúan ao cumprimento das medidas preventivas nas faixas secundarias obxecto deste convenio, o sistema público de xestión da biomasa poderá facilitar aos concellos o equipamento necesario para levar a cabo actuacións sobre a biomasa, infraestruturas preventivas ou apoio á intendencia en situación de incendios forestais.

Para tal efecto, os concellos presentarán ante a Comisión de Seguimento a seguinte documentación:

– Memoria xustificativa das actuacións que se van realizar que inclúa a necesidade do equipamento necesario para levar a cabo as devanditas actuacións.

– Acreditación da inscrición das asociacións veciñais no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia.

– Instrumento de colaboración entre o concello e as asociacións veciñais.

O importe máximo anual para estas actuacións non poderá superar os 150.000 euros anuais.

O importe máximo por concello non poderá superar os 6.000 euros anuais durante a vixencia deste convenio. Neste importe están incluídos os gastos xerais pero non o imposto sobre o valor engadido. Non poderán ser beneficiarias iniciativas veciñais aprobadas durante o período de vixencia do anterior convenio.

Décimo terceira. Comisión de Seguimento

1. Para o seguimento deste convenio constituirase unha comisión de seguimento composta por dúas persoas designadas por cada parte, e un representante por provincia dos concellos adheridos, que será elixido polos propios concellos, e que actuará como canle para que os concellos poidan formular calquera cuestión á Comisión de Seguimento. No caso de que a Fegamp se adhira ao convenio, formarán parte tamén da Comisión de Seguimento dous representantes dela.

2. A Comisión de Seguimento, de acordo co establecido no artigo 49.1.f) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, é o instrumento para o seguimento, a vixilancia e o control do convenio e dos compromisos adquiridos polas persoas asinantes, e exercerá as súas funcións de acordo co establecido nos artigos 51.c) e 52.3 daquela.

3. En particular, correspóndenlle á Comisión de Seguimento as seguintes funcións:

a) Recibir as solicitudes de adhesión ao sistema e propoñer a adhesión.

b) Aprobar un baremo, que será revisado anualmente, para decidir sobre as actuacións anuais que hai que desenvolver, valorar e determinar a súa preferencia de acordo co establecido na cláusula cuarta.

c) Reprogramar e reaxustar, se é o caso, as actuacións previstas, tendo en conta os avances nos plans de traballo aprobados presentados por Seaga.

d) Analizar os resultados deste convenio, comprometéndose as partes a analizar a repartición actual de competencias para poder acadar unha maior eficacia no eido preventivo e de seguridade da poboación, promovendo as modificacións legais que se consideren necesarias.

e) Realizar as valoracións e aprobacións que se atribúen á Comisión de Seguimento no número 2 da cláusula sexta.

f) Dar conta dos acordos tomados e da evolución dos traballos realizados en cada concello mediante levantamento da correspondente acta.

4. As partes do presente convenio e os concellos adheridos comprométense a intentar a resolución por mutuo acordo, no seo da Comisión de Seguimento, de cantas diferenzas resulten da interpretación e cumprimento deste convenio, sen prexuízo da competencia da orde xurisdicional contencioso-administrativa para o coñecemento de todas as cuestións e litixios que puidesen xurdir.

5. A Comisión de Seguimento do convenio reunirase cando menos unha vez por trimestre, sen prexuízo da súa convocatoria extraordinaria por petición dun mínimo de dous dos seus membros.

Décimo cuarta. Vixencia

Este convenio ten vixencia desde o 1 de xaneiro de 2026 ata o 31 de decembro de 2029, salvo denuncia de calquera das partes antes da súa finalización.

Este convenio poderá ser obxecto de prórrogas xustificadas, seguindo os trámites necesarios para a formalización oportuna, con suxeición ao establecido no artigo 49.h) da Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público.

Décimo quinta. Causas de resolución

De conformidade co establecido no artigo 51.2 da Lei 40/2015, do 1 de outubro, son causas de resolución deste convenio, entre outras:

a) A renuncia de calquera das partes, formulada por escrito cun mes de antelación á data en que desexe a súa finalización.

b) O incumprimento das cláusulas do convenio.

c) O mutuo acordo das partes.

Décimo sexta. Modificacións

As modificacións deste convenio formalizaranse mediante addenda, cos mesmos requisitos e coas mesmas condicións que se exixen para a súa aprobación.

Décimo sétima. Publicidade e transparencia

1. As partes asinantes deste convenio outorgan o seu consentimento para que os datos persoais e o resto das especificacións que constan no citado convenio sexan publicados no Portal de transparencia e goberno aberto e no Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 15 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, no Decreto 126/2006, do 20 de xullo, polo que se regula o Rexistro de Convenios da Xunta de Galicia, no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e en concordancia coa Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno.

2. Tamén se publicará este convenio no Diario Oficial de Galicia.

3. Para os efectos de acadar a máxima transparencia e publicidade da actividade pública, a Administración autonómica e os concellos manterán información accesible á cidadanía nas páxinas web institucionais que permita o seguimento das actuacións reguladas neste convenio, e, en especial, información sobre as seguintes cuestións:

a) Concellos adheridos ao convenio.

b) Lista de parroquias priorizadas e programación das actuacións.

c) Franxas secundarias en que se teñen efectuado as notificacións e apercibimentos aos propietarios.

d) Franxas secundaria en que se está procedendo á realización material dos traballos de xestión da biomasa polos concellos e por Seaga.

En particular, coa finalidade de mellorar a transparencia do sistema de xestión da biomasa na rede de faixas secundarias, a cidadanía terá acceso ao estado das actuacións efectuadas polos concellos ou pola Administración autonómica mediante a Plataforma para a xestión da biomasa (Xesbio2), prevista na cláusula sétima, a través do visor asociado á plataforma, dispoñible na seguinte ligazón: https://mapas.xunta.gal/visores/faixas

Décimo oitava. Natureza e réxime xurídico

1. Este convenio ten natureza administrativa e rexerase polo establecido na Lei 40/2015, do 1 de outubro, quedando excluído do ámbito de aplicación da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, en virtude do establecido no seu artigo 6.1.

2. Este convenio obriga ao cumprimento do expresamente pactado, someténdose as partes ao acordado en todas as estipulacións e, como proba de conformidade, asínase dixitalmente por todas as partes, no lugar e data arriba indicados.

Décimo novena. Protección de datos de carácter persoal

1. Respecto á protección de datos, as partes asinantes e os concellos adheridos observarán o disposto no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais (LOPDPGDD), e na demais normativa vixente de aplicación en cada momento en materia de protección de datos.

2. A Consellería do Medio Rural tratará os datos protexidos relativos á información catastral de acordo coa correspondente autorización de cesión de datos da Xerencia Rexional do Catastro, de conformidade co establecido na Resolución da Dirección Xeral do Catastro, do 31 de xullo de 2006 (BOE do 11 de setembro).

A lexitimación para o seu tratamento baséase no exercicio de poderes públicos, en concreto, o exercicio das competencias que lle corresponden á Administración autonómica na loita contra incendios forestais, con base no establecido na Lei 3/2007, do 9 de abril, que establece no seu artigo 7.d) que corresponde aos concellos a ordenación da execución das obras necesarias para conservar e manter o solo e a biomasa vexetal nas condicións precisas que eviten os incendios e, en particular, a ordenación e execución subsidiaria da xestión da biomasa nos termos dos artigos 21, 22 e 23, contando para iso coa colaboración técnica e/ou económica da Xunta de Galicia nos termos previstos no artigo 59, conforme o establecido no artigo 331.1 da Lei 5/1997, do 5 de agosto, de Administración local de Galicia, e no marco do convenio de colaboración asinado entre a devandita consellería e Seaga para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa.

A Consellería do Medio Rural comunicará a información catastral aos concellos adheridos ao sistema respecto das parcelas correspondentes ao seu territorio única e exclusivamente para o cumprimento da finalidade prevista na normativa citada no parágrafo anterior, e queda prohibida a cesión, pola súa vez, dos datos a terceiros.

3. Nos termos establecidos no artigo 77 do Real decreto 417/2006, do 7 de abril, polo que se desenvolve o texto refundido da Lei do catastro inmobiliario, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2004, do 5 de marzo, a información catastral está suxeita á lexislación sobre propiedade intelectual, correspondendo os datos obxecto da cesión á Dirección Xeral do Catastro.

María José Gómez Rodríguez, conselleira do Medio Rural; María Luisa Piñeiro Arcos, representante da Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A.

ANEXO I

Modelo de solicitude de adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do
sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

Don/dona (nome e cargo), en nome e en representación do Concello..., en virtude das facultades conferidas…

DECLARA:

Que o (órgano competente do Concello) acordou, con data do... de... de..., solicitar a adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Que o concello dispón de plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais, aprobado con data do...

MANIFESTA:

A vontade do (Concello) de adherirse formal e expresamente a todas e cada unha das cláusulas do convenio mencionado, asumindo as obrigas e compromisos derivados del e con suxeición plena a todas elas.

(Lugar, data e sinatura)

ANEXO II

Réxime xurídico do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada
de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión
da biomasa de competencia municipal

1. A Administración prestadora do sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias establecido en virtude do convenio de colaboración.

1.1. De acordo co establecido na cláusula 2, número 2, do convenio, a Administración autonómica reforzará a prestación do sistema público de xestión da biomasa nas parcelas incluídas nas redes de faixas secundarias nas parroquias priorizadas dos concellos adheridos, mediante a formalización de contratos de xestión da biomasa cos titulares dos montes.

As actividades de prestación previstas neste anexo considéranse servizo público, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade nos servizos públicos, e serán aplicables a regulación e garantías establecidas na lei. As ditas actividades serán desenvolvidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios, que asume como propias en virtude deste convenio e, conxunturalmente, mentres estea en vigor, sen prexuízo das competencias das administracións locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co presente convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

1.2. A Administración autonómica, como Administración responsable da prestación da actividade prestacional, disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, se é o caso, conforme os acordos adoptados na Comisión de Seguimento do convenio.

1.3. As competencias administrativas sobre o servizo serán exercidas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Consellería do Medio Rural, ou o órgano directivo de nivel equivalente que, de ser o caso, asuma as súas competencias, a través dos departamentos territoriais da devandita consellería.

1.4. Corresponderá á Dirección Xeral de Defensa do Monte a elaboración da carta do servizo, que será elevada para a súa aprobación á persoa titular da Consellería do Medio Rural, consonte o previsto polo artigo 42 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración.

2. Ámbito territorial e temporal de prestación do servizo.

2.1. O servizo será prestado nos termos municipais dos concellos adheridos ao convenio de que forma parte integrante este anexo ou nas parroquias daqueles que se determinen nos instrumentos de adhesión ao convenio.

2.2. O servizo terá carácter temporal e a súa duración coincidirá co período a que se estende a vixencia do convenio.

3. Obxecto do servizo e alcance das prestacións ás persoas usuarias.

O servizo ten por obxecto a realización material dos traballos necesarios para dar cumprimento á obriga de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas das persoas responsables nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa de competencia municipal, de acordo coas instrucións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte e no ámbito territorial e temporal definido no número anterior.

4. Forma de xestión do servizo.

O servizo será xestionado directamente pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, a través do seu medio propio personificado Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (en diante, Seaga), en colaboración cos concellos en cuxos termos municipais aquel se preste.

Seaga poderá prestar a actividade de xestión da biomasa mediante os seus propios medios técnicos, persoais ou materiais, ou proceder á contratación total ou parcial das obras e actividades materiais precisas para o cumprimento dos contratos de xestión da biomasa que formalice, de acordo co previsto na lexislación de contratos do sector público, sen prexuízo da súa responsabilidade na organización e xestión dos traballos e da súa calidade técnica, tendo sempre a consideración de poder adxudicador nos contratos que deba subscribir para a realización das prestacións obxecto do encargo.

5. Persoas usuarias do servizo.

5.1. Poderán acceder á condición de usuarias do servizo as persoas ás cales, consonte o artigo 21.ter da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, corresponde a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa de competencia municipal incluídas no ámbito territorial de prestación do servizo definido no número 2.1.

5.2. Ás persoas usuarias do servizo seralles de aplicación o estatuto xeral das persoas usuarias recollido no artigo 38 da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración, ademais dos restantes dereitos e obrigas establecidos na regulación do servizo e nos contratos de prestación deste.

6. Acceso ao servizo.

6.1. O acceso á prestación do servizo será voluntario para os propietarios e efectuarase mediante a formalización dos contratos de xestión da biomasa.

A adhesión poderá realizarse a partir da publicación polo concello do proxecto concreto de actuacións previstas de acordo co indicado na cláusula cuarta do convenio.

As adhesións voluntarias das persoas interesadas realizarase mediante a formalización do modelo de contrato de xestión da biomasa que serán tramitadas polos concellos.

6.2. A presentación da solicitude de prestación do servizo realizarase no modelo normalizado de uso obrigatorio polas persoas interesadas (anexo III), que será publicado no DOG o día da publicación deste convenio, preferentemente por medios electrónicos. En todo caso, as persoas xurídicas e as entidades sen personalidade xurídica, así como as persoas representantes destas, estarán obrigadas a presentar a solicitude por medios electrónicos, consonte o establecido polo artigo 14.2, letras a), b) e d), da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6.3. As solicitudes de prestación do servizo irán acompañadas dos seguintes documentos e datos:

a) Acreditación da propiedade do predio ou da titularidade do dereito de aproveitamento daquela, se correspondese a unha persoa distinta á propietaria.

No caso das comunidades propietarias de montes veciñais en man común, as solicitudes deben incluír o acordo previo da asemblea xeral da comunidade propietaria, ben por medio de copia da acta da asemblea, ben por medio de certificación expedida pola persoa titular da secretaría da comunidade.

b) Referencia catastral do predio.

c) Modelo de contrato previsto no anexo III do convenio formalizado pola persoa interesada.

6.4. Os concellos adheridos ao convenio analizarán a documentación presentada e comprobarán o seu axuste ao réxime xurídico do servizo. En particular, comprobarán que as solicitudes de prestación do servizo cumpran os requisitos establecidos no número anterior e se refiran a predios situados nas redes secundarias de faixas de xestión da biomasa da súa competencia incluídas no ámbito territorial de prestación do servizo definido no número 2.1.

No prazo máximo dun mes desde a entrada da solicitude no rexistro electrónico do concello, ou desde que a persoa emende as eventuais faltas ou xunte os documentos preceptivos, aquel dará traslado da solicitude a Seaga e notificarallo á persoa interesada.

6.5. Seaga, unha vez recibida unha solicitude de prestación do servizo nos termos previstos polo número anterior, despois de comprobar o cumprimento dos requisitos legais, comunicará á persoa solicitante a súa aceptación, remitíndolle copia do modelo de contrato recollido no anexo III formalizado tamén coa sinatura do órgano competente da sociedade pública, momento en que asumirá as obrigas de xestión da biomasa. Os prazos de ingreso da tarifa do servizo computaranse desde a comunicación da aceptación de Seaga.

6.6. Seaga comunicará ao concello correspondente a formalización de todo contrato de prestación do servizo, coa indicación da referencia catastral do predio a que se refira, así como as circunstancias posteriores que afecten a vixencia ou a eficacia do contrato.

7. Contido dos contratos de prestación do servizo: obrigas das partes.

7.1. As relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista no convenio con Seaga, formalizada a través do contrato de xestión da biomasa previsto no anexo III, terán natureza xurídico-privada.

Os contratos de prestación do servizo preverán que, na súa virtude, Seaga asume para todos os efectos legais a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria no predio a que se refira o contrato durante todo o prazo de vixencia deste.

7.2. Como consecuencia do establecido no número anterior, os contratos de prestación do servizo incluirán as seguintes obrigas de Seaga:

a) Realizar anualmente os traballos necesarios para a xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas no predio a que se refira o contrato, consonte as instrucións técnicas da Dirección Xeral de Defensa do Monte e nos prazos legalmente previstos, sendo responsable en todo caso da xestión e venda dos residuos e subprodutos de natureza forestal xerados durante o proceso. Estas instrucións técnicas garantirán a calidade, de acordo coa técnica forestal, dos traballos que se realicen.

b) Formalizar todos os requisitos administrativos preceptivos para a realización dos traballos a que se refire a alínea anterior. Para estes efectos, os contratos de prestación do servizo incluirán expresamente a atribución a Seaga da representación da persoa usuaria ante as administracións públicas competentes.

c) Comunicar á persoa usuaria coa antelación suficiente o comezo da realización dos traballos, así como o remate destes no prazo máximo de dez días desde que se produza.

7.3. Os contratos de prestación do servizo incluirán as seguintes obrigas da persoa usuaria:

a) Facilitar o acceso ao predio a que se refira o contrato do persoal e os medios facultados por Seaga para a prestación do servizo, logo de comunicación cursada por aquela.

b) Non obstaculizar a realización dos traballos necesarios para a prestación do servizo.

c) Aboar a tarifa prevista no número 9.

8. Duración dos contratos de prestación do servizo.

Os contratos de prestación do servizo terán un prazo de vixencia único que se estenderá desde a data da súa formalización ata o remate da vixencia do convenio. Así mesmo, incluirán unha cláusula que subordine a súa vixencia á do convenio de colaboración de que deriven.

9. Réxime económico de prestación do servizo.

9.1. Para efectos da sustentabilidade financeira do sistema público de xestión da biomasa, establécese unha tarifa que deberá ser obxecto de aboamento polas persoas responsables do cumprimento das obrigas da xestión da biomasa que formalicen o contrato regulado neste réxime xurídico do servizo, consistente na cantidade de 420 euros por hectárea e ano.

Esta cantidade, uniforme para todas as persoas responsables, fíxase como inferior aos custos económicos totais das actividades prestadas, de acordo co réxime económico xurídico do servizo que se recolle, tendo en conta o interese público presente na prevención dos incendios forestais.

As tarifas serán percibidas por Seaga, como prestadora material da actividade.

A contía da tarifa concretarase nos contratos de prestación do servizo en proporción á cabida do predio. Para estes efectos, atenderase á cabida consignada no título de propiedade daquel ou, na súa falta, á que figure no catastro inmobiliario.

9.2. A tarifa aboarase anualmente a Seaga polos medios que esta determine, os cales deberán incluír necesariamente os medios electrónicos de pagamento enunciados no artigo 98.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. O primeiro pagamento efectuarase dentro dos dez días seguintes ao da comunicación da aceptación de Seaga e sinatura por esta do contrato de prestación do servizo, que preverá expresamente que a súa eficacia queda condicionada á realización daquel. Os pagamentos sucesivos efectuaranse no primeiro mes de cada ano natural en que se vaian levar a cabo os sucesivos traballos de prestación do servizo.

Nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato como contraprestación a cargo das persoas responsables das obrigas de xestión da biomasa, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

9.3. Os maiores custos que supoña a prestación do servizo con respecto á tarifa establecida neste número serán compensados a Seaga pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia de acordo co establecido no convenio de colaboración. De igual xeito, os devanditos custos poderanse compensar parcialmente cos ingresos xerados polo alleamento de todos os subprodutos de natureza forestal orixinados durante o proceso de xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas.

10. Responsabilidade derivada da prestación do servizo.

10.1. A formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

10.2. A responsabilidade polos danos e perdas ocasionados ás persoas usuarias ou a terceiras persoas polas operacións necesarias para a prestación do servizo exixirase á Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia mediante reclamación administrativa dirixida á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

11. Causas de suspensión e finalización anticipada da prestación do servizo.

11.1. Os contratos de prestación do servizo preverán como causas de suspensión da prestación deste o incumprimento polas persoas usuarias das obrigas recollidas no número 7.3. A suspensión da prestación do servizo deixará en suspenso a asunción por Seaga da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria desde que se lle comunique a esta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a suspensión da prestación do servizo.

11.2. Os contratos de prestación do servizo preverán como causas de resolución o incumprimento reiterado pola persoa usuaria das obrigas recollidas no número 7.3 e a desistencia da persoa usuaria, que dará dereito á devolución da tarifa, se se tivese aboado e non se tivesen realizado os traballos da anualidade a que corresponda. A resolución do contrato comporta a finalización da prestación do servizo e, xa que logo, a recuperación pola persoa usuaria da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas desde que se lle comunique por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a finalización da prestación do servizo.

12. Suxestións e queixas das persoas usuarias.

As persoas usuarias poderán presentar suxestións e queixas en relación coa prestación do servizo a Seaga, que estará obrigada a trasladalas á correspondente dirección territorial da Consellería do Medio Rural, ou ben a esta última directamente. De tratarse dunha queixa, a xefatura territorial elaborará unha proposta de resolución que elevará á Dirección Xeral de Defensa do Monte para a súa resolución e notificación ao interesado no prazo máximo dun mes desde o seu traslado a aquela ou a súa recepción, en caso de presentación directa.

ANEXO III

Modelo de contrato de xestión da biomasa no marco do sistema público
de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes
de faixas secundarias

En ..., ... de ... de 20...

Dunha parte, ..., maior de idade, con DNI núm.... e domicilio en..., número de teléfono..., enderezo de correo electrónico..., actuando en nome propio/en nome e representación de..., como acredita mediante copia de escritura de poder bastante (en diante, a persoa usuaria).

Doutra parte, a Empresa Pública de Servizos Agrarios Galegos, S.A. (en diante, Seaga), representada por...

Acordan formalizar este contrato de xestión da biomasa no marco do Sistema público de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa (en diante, o servizo), á persoa usuaria no predio con referencia catastral..., situado no termo municipal de... (en diante, o predio), baixo as seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto do servizo

O servizo ten por obxecto a realización material dos traballos necesarios para dar cumprimento á obriga legal de xestión da biomasa vexetal e retirada de especies arbóreas que corresponde á persoa usuaria do predio, de acordo coas instrucións técnicas impartidas pola Dirección Xeral de Defensa do Monte da Xunta de Galicia.

Segunda. Obrigas de Seaga

Seaga asume para todos os efectos legais a responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria no predio durante todo o prazo de vixencia deste contrato.

Como consecuencia, Seaga obrígase a:

a) Realizar anualmente os traballos necesarios para a xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas no predio, consonte as instrucións técnicas da Dirección Xeral de Defensa do Monte e nos prazos legalmente previstos, sendo responsable en todo caso da xestión e venda dos residuos e subprodutos de natureza forestal xerados durante o proceso.

b) Formalizar todos os requisitos administrativos preceptivos para a realización dos traballos a que se refire o parágrafo anterior. Para estes efectos, mediante este contrato a persoa usuaria atribúe a Seaga a súa representación ante as administracións públicas competentes.

c) Comunicar á persoa usuaria con antelación suficiente o comezo da realización dos traballos, así como o remate destes no prazo máximo de dez días hábiles desde que se produza.

Terceira. Obrigas da persoa usuaria

A persoa usuaria obrígase a:

a) Facilitar o acceso ao predio a que se refira o contrato do persoal e os medios facultados por Seaga para a prestación do servizo, logo de comunicación cursada por aquela.

b) Non obstaculizar a realización dos traballos necesarios para a prestación do servizo.

c) Aboar a tarifa prevista na cláusula quinta deste anexo.

Cuarta. Duración do contrato

O contrato terá un prazo de vixencia que se estenderá desde a data da súa formalización ata o fin da vixencia do convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias, en que se soporta a prestación deste servizo. Así mesmo, a súa vixencia estará subordinada á do convenio de colaboración de que deriva.

Quinta. Tarifa pola prestación do servizo

1. A prestación do servizo realizarase a cambio dunha tarifa anual de ... euros, que é o resultado de multiplicar 0,0420 pola superficie do predio expresada en metros cadrados (... metros cadrados).

2. A tarifa aboarase a Seaga polos medios que esta determine, os cales deberán incluír necesariamente os medios electrónicos de pagamento enunciados no artigo 98.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

O primeiro pagamento efectuarase dentro dos dez días seguintes á comunicación da aceptación de Seaga e sinatura por esta do contrato de prestación do servizo. A eficacia deste contrato queda expresamente condicionada á realización do pagamento. Os pagamentos sucesivos efectuaranse no primeiro mes de cada ano natural en que se vaian levar a cabo os sucesivos traballos de prestación do servizo.

Nos casos de falta de pagamento da tarifa establecida no contrato, as cantidades debidas terán a consideración de créditos de dereito público, de acordo co previsto no artigo 39 da Lei 1/2015, cuxa recadación na vía executiva corresponderá aos órganos competentes da Administración, atendida a situación estatutaria das persoas destinatarias das prestacións e a responsabilidade última da Administración sobre a actividade.

Sexta. Responsabilidade de Seaga pola prestación defectuosa do servizo

A formalización dos contratos con Seaga determinará a asunción por esta das obrigas das persoas responsables da xestión da biomasa de acordo coa Lei 3/2007, sempre que as indicadas persoas responsables cumpran o previsto no réxime xurídico da actividade prestacional e no contrato.

Sétima. Causas de suspensión da prestación do servizo

Seaga poderá suspender a prestación do servizo en caso de incumprimento pola persoa usuaria das obrigas recollidas na cláusula terceira deste anexo. A interrupción da prestación do servizo deixará en suspenso a asunción por Seaga da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas que correspondese á persoa usuaria desde que se lle comunique a esta por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a suspensión da prestación do servizo.

Oitava. Causas de resolución do contrato e finalización da prestación do servizo

1. Serán causas de resolución do contrato:

a) O incumprimento reiterado pola persoa usuaria das obrigas recollidas na cláusula terceira do anexo, apreciada por Seaga.

b) A desistencia da persoa usuaria, que dará dereito á devolución da tarifa, se se tivese aboado e non se tivesen realizado os traballos da anualidade a que corresponda.

2. A resolución do contrato comporta a finalización da prestación do servizo e, xa que logo, a recuperación pola persoa usuaria da responsabilidade da xestión da biomasa vexetal e a retirada de especies arbóreas desde que se lle comunique por calquera medio que permita ter constancia da súa recepción. Así mesmo, Seaga comunicará ao concello correspondente a finalización da prestación do servizo.

Novena. Suxestións e queixas da persoa usuaria

A persoa usuaria poderá presentar suxestións e queixas en relación coa prestación do servizo a Seaga, que estará obrigada a trasladalas á correspondente xefatura territorial da Consellería do Medio Rural ou ben a esta última directamente.

Décima. Marco xurídico do presente contrato e normativa complementaria

Este contrato baséase no convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, publicado no Diario Oficial de Galicia do..., para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias e na adhesión formalizada a este sistema polo concello en que se encontra o predio xestionado.

Polo exposto, o réxime xurídico deste contrato intégrase co réxime xurídico do servizo establecido no anexo II do indicado convenio.

En particular, de acordo co disposto no artigo 33.1 da Lei 1/2015, de garantía de calidade no servizos públicos, será aplicable a regulación e garantías establecidas na lei e consideraranse servizo público as actividades de prestación previstas neste contrato, desenvolvidas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma, no exercicio das súas competencias de prevención de incendios e xestión da biomasa, que asume como propias en virtude deste convenio e, conxunturalmente, mentres estea este en vigor, sen prexuízo das competencias locais e das obrigas asumidas por estas de acordo co convenio, e poñeraas, baixo a súa responsabilidade, á disposición da cidadanía.

A Administración autonómica, como Administración responsable da prestación da actividade prestacional, disporá, en todo caso, das potestades precisas para asegurar o bo funcionamento do servizo e garantir e regular a súa prestación, sen prexuízo do exercicio destas potestades, se é o caso, conforme os acordos adoptados na Comisión de Seguimento do convenio.

Sen prexuízo do indicado, as relacións dos destinatarios da actividade prestacional prevista neste contrato con Seaga, como xestora directa do servizo, terán natureza xurídico-privada.

O contido deste contrato integrarase co réxime xurídico dos servizos públicos de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia previsto no capítulo I do título III da Lei 1/2015, do 1 de abril, de garantía da calidade dos servizos públicos e da boa administración. En particular, á persoa usuaria seralle de aplicación o estatuto xeral das persoas usuarias recollido no artigo 38 da devandita lei.

Décimo primeira. Xurisdición competente

Para a resolución dos litixios que, de ser o caso, resulten deste contrato as partes sométense aos xulgados e tribunais con xurisdición no municipio de..., con renuncia expresa aos que por foro propio lles puidesen corresponder.

E, en proba de conformidade, asinan este documento, en dobre exemplar e para un único efecto, no lugar e na data indicados ao inicio.

ANEXO IV

Modelo de formalización da adhesión ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias

..., conselleiro/a do Medio Rural, en exercicio das atribucións conferidas no artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Don/Dona (nome e cargo), en nome e en representación do Concello..., en virtude das facultades conferidas…

DECLARAN:

Primeiro. Que, con data do..., publicouse no Diario Oficial de Galicia o convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Segundo. Que, con data do..., o Concello presentou a solicitude de adhesión ao convenio, regulada na súa cláusula terceira.

Terceiro. Que a Comisión de Seguimento acordou, tras a súa valoración, a aceptación da adhesión, propoñendo esta á persoa titular da Consellería do Medio Rural.

Cuarto. Que, a través da Resolución do... de... de..., a persoa titular da Consellería do Medio Rural acepta a adhesión do Concello...

Por todo o exposto,

MANIFESTAN:

Primeiro. Que, a través de esta acto, se formaliza a adhesión do Concello de... ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería do Medio Rural, e Seaga, en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para a consolidación do sistema público de xestión da biomasa nas faixas secundarias.

Segundo. Que o Concello de... asume con esta adhesión as obrigas e compromisos derivados de todas e cada unha das cláusulas do convenio mencionado, con suxeición plena a todas elas.

(Lugar e data)

.........................

......................

Conselleiro/a do Medio Rural

Alcalde/alcaldesa do Concello de...

ANEXO V

Solicitudes dos concellos para a execución subsidiaria

Primeiro. As solicitudes de execución subsidiaria por parte dos concellos respecto das parcelas que se atopan dentro das faixas secundarias definidas no Plan municipal de prevención e defensa contra os incendios forestais do concello presentaranse do seguinte xeito:

– Parcelas que se atopan dentro de parroquias priorizadas: o concello debe solicitalo a través do Rexistro Electrónico da Dirección Xeral de Defensa do Monte. Esta solicitude non ten que ser aprobada pola Comisión de Seguimento e non ten limitación de superficie.

– Parcelas que se atopan dentro de parroquias non priorizadas: o concello debe solicitalo á Comisión de Seguimento do convenio a través do Rexistro Electrónico da Dirección Xeral de Defensa do Monte, que deberá aprobar e comunicar esta ao concello solicitante, ou requirir que se emende no caso de que a solicitude non cumpra cos requisitos do punto sétimo da Instrución 1/2018, do Medio Rural.

Segundo. As actuacións aprobadas quedarán limitadas, en todo caso, á superficie da parcela afectada pola faixa secundaria, e á limitación xenérica de 10 ha por concello e ano, no caso de parcelas que se encontran dentro de parroquias non priorizadas. Quedan excluídas expresamente do convenio as parcelas ou parte das parcelas que están dentro de núcleo, e tamén as parcelas que non están incluídas no plan, ata o momento que estas se incorporen.

Terceiro. Os concellos deben xustificar os requisitos da Instrución 1/2018, do Medio Rural:

– Datos catastrais da parcela.

– Identificación da persoa responsable e título polo cal é considerada como tal.

– Feitos que motivan a comunicación ou o requirimento e modo de constatación destes.

– Concreta obrigación incumprida co seu fundamento legal.

– Prazo máximo para o cumprimento voluntario. Computarase desde o día seguinte ao da recepción da notificación da comunicación ou do requirimento ou da publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial del Estado e será de:

1º. Quince días naturais no caso das obrigas recollidas nas letras a), b) e e) do punto segundo da Instrución 1/2018.

2º. O tempo que considere o órgano actuante en función da superficie afectada e as condicións desta, sen superar os seis meses, no caso das obrigas recollidas nas letras c) e d) do punto segundo desta instrución.

– Apercibimento execución subsidiaria de que, en caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, se procederá á execución subsidiaria sen máis trámites.

O apercibimento incluirá unha referencia expresa á obriga legal da persoa titular do terreo ou do dereito de aproveitamento deste de facilitar o acceso ao suxeito que realice os traballos de execución subsidiaria e á facultade deste último de acceder sen necesidade de consentimento da persoa titular, agás naqueles supostos excepcionais en que o acceso afecte, dentro da parcela, espazos físicos susceptibles de merecer a cualificación de domicilio para os efectos do artigo 18.2 da Constitución.

– Liquidación provisional dos custos a que previsiblemente dará lugar a devandita execución subsidiaria, coa advertencia de que se procederá á súa exacción inmediata en caso de persistencia no incumprimento, logo do transcurso do prazo outorgado, sen prexuízo da liquidación definitiva unha vez rematados, de ser o caso, os traballos. A liquidación provisional consiste no establecemento dunha cantidade estimada por hectárea dos traballos necesarios para xestionar a biomasa.

– Advertencia procedemento sancionador. En caso de persistencia no incumprimento logo do transcurso do prazo outorgado, iniciarase tamén o correspondente procedemento sancionador, indicando expresamente a Administración competente para sancionar, a cualificación da infracción e a contía máxima da sanción pecuniaria que se poida impoñer.

E para facilitar os traballos de colaboración e constatación do cumprimento dos requisitos da Instrución 1/2018, enviarase ao correo conveniobiomasa@epseaga.com unha táboa cos seguintes datos das parcelas obxecto de actuación:

– Referencia catastral.

– Data notificación/publicación.

– Parroquia.

– Lugar/polígono/parcela.

– Hectáreas afectadas por execución subsidiaria.

– Liquidación provisional dos traballos de xestión da biomasa.

– Data da constatación do incumprimento.

– Persoa responsable da xestión biomasa.