DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 2025 Páx. 66610

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 12 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas ás entidades recoñecidas como agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (ADSG) de Galicia, e se convocan para o ano 2026-2027 (código de procedemento MR237B).

O desenvolvemento das actuacións encamiñadas á prevención e á loita contra diversas enfermidades animais redunda nunha mellora cuantitativa e cualitativa das producións gandeiras e nunha maior rendibilidade ás persoas titulares das explotacións.

Os programas de planificación zoosanitaria levados a cabo polas agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (en diante, ADSG) están dirixidos directamente a mellorar o estado sanitario das explotacións incluídas nelas e permiten incrementar paulatinamente a rendibilidade desas explotacións, diminuíndo as perdas ocasionadas por motivos sanitarios, ademais de que facilitan o cumprimento da normativa vixente referente á identificación, benestar e sanidade animal.

A nivel colectivo, as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras constitúen unha peza fundamental na rede de epidemiovixilancia sanitaria de Galicia e desenvolven un papel substancial no asesoramento e mantemento dunhas correctas medidas de vixilancia sanitaria e de bioseguridade das nosas explotacións gandeiras.

A Consellería do Medio Rural, mediante esta orde de axudas, pretende estimular a integración de persoas titulares de explotacións gandeiras nas ADSG, establecendo axudas proporcionais ao sobreesforzo económico que realizan coa execución de programas facultativos para a prevención e control de enfermidades animais e, secundariamente, que melloran as condicións hixiénicas e de benestar animal das explotacións, elevan o seu nivel produtivo e sanitario e contribúen a acadar un mellor status sanitario para o gando galego.

A convocatoria destas axudas realízase no marco da regulación estatal do Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Estas axudas cumpren o establecido no Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea, e foron comunicadas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación á Comisión Europea, outorgándoselle o número de axuda SA.109897: AGRI.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e en uso das facultades que me confiren o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras (en diante, ADSG) para o desenvolvemento dos programas sanitarios establecidos no anexo VII da presente orde (MR237B).

2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia e na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural.

3. Así mesmo, por medio desta orde convócase a devandita axuda para a anualidade 2026-2027 de conformidade co establecido no Real decreto 81/2015, do 13 de febreiro, modificado polo Real decreto 780/2023, do 10 de outubro, polo que se establecen as bases reguladoras das subvencións estatais destinadas ás agrupacións de defensa sanitaria gandeiras.

Artigo 2. Finalidade das axudas

1. A finalidade destas axudas é a mellora do status sanitario das explotacións gandeiras integradas en ADSG a través da execución de programas zoosanitarios comúns de prevención e control de enfermidades dos animais, obrigatorios para estas explotacións.

2. Os programas sanitarios comezarán o 1 de marzo de 2026 e rematarán o 28 de febreiro de 2027, e deberán incluír, como mínimo, as actuacións sanitarias dos programas sanitarios marco obrigatorios establecidos no anexo VII.

Artigo 3. Gastos subvencionables

Son gastos subvencionables os recollidos nas seguintes liñas:

1. Os derivados da contratación de servizos técnicos veterinarios ou a remuneración do persoal veterinario responsable nas agrupacións da realización das actuacións sanitarias establecidas nos programas sanitarios marco recollidos no anexo VII.

Por cada ADSG poderá subvencionarse a contratación ou remuneración de máis dunha persoa veterinaria responsable da realización do programa sanitario.

2. Os derivados da compra do seguinte material funxible utilizado para o desenvolvemento do programa sanitario:

– Luvas, calzas ou similares.

– Tubos, agullas, campás e demais dispositivos desbotables para extracción de sangue ou tecido de orella.

Consideraranse gastos subvencionables os que sexan realizados desde o 1 de marzo de 2026 ata o 28 de febreiro de 2027. En todo caso os custos subvencionables serán xustificados mediante as probas documentais claras, específicas e actualizadas indicadas no artigo 20. O imposto sobre o valor engadido (en diante, IVE) non será subvencionable, salvo cando non sexa recuperable para a ADSG beneficiaria.

Para estes efectos, as ADSG beneficiarias que estean incluídas nos supostos de non recuperación do IVE deberán comunicalo á Consellería do Medio Rural no momento da solicitude da axuda mediante certificación da Axencia Tributaria.

Artigo 4. Ámbito de aplicación

O ámbito de aplicación da presente orde será o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 5. Entidades beneficiarias

Poderán ser beneficiarias destas axudas as entidades asociativas agrarias que cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar oficialmente recoñecidas como ADSG e, polo tanto, inscritas no rexistro de ADSG de Galicia antes da finalización do prazo de solicitude establecido nesta orde, e que manteñan as condicións do recoñecemento ao longo de todo o período de execución da axuda.

Quedan excluídas da condición de beneficiarias as ADSG formadas exclusivamente por cebadeiros de gando vacún.

b) Comprometerse na execución dun programa sanitario común por especie animal que incluirá como mínimo o programa sanitario marco obrigatorio establecido no anexo VII desta orde, así como na execución de todas as medidas adicionais en materia sanitaria que dispoña, para o efecto, a Consellería do Medio Rural, segundo as condicións sanitarias da zona e as características particulares de cada agrupación.

c) Estar integradas por explotacións de produtores gandeiros en actividade, e que tanto as ditas explotacións como a ADSG de pertenza teñan a condición de pemes (pequenas e medianas empresas) de acordo co establecido no anexo I do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

As explotacións que integren as agrupacións deberán estar inscritas no rexistro especificado no artigo 3 do Real decreto 479/2004, do 26 de marzo, polo que se establece e regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras.

As explotacións clasificadas polo tipo de explotación como tratante ou operador comercial non poderán integrarse nunha ADSG.

d) Estar ao día das obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como cumprir o resto dos requisitos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Non estar suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras a decisión previa da Comisión Europea que declarase unha axuda ilegal e incompatible co mercado interior.

f) Non ter a consideración de empresa en crise, tal e como se definen no artigo 2 do Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e en zonas rurais compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e nas directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise, de acordo coas Directrices sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas non financeiras en crise (Comunicación 2014/C 249/01 da Comisión, do 31 de xullo de 2014).

As explotacións integradas nas ADSG serán as beneficiarias indirectas como destinatarias finais dos programas sanitarios comúns desenvolvidos no anexo VII desta orde, polo persoal veterinario das ADSG.

Artigo 6. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I desta orde, MR237B dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal).

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

2. Os anexos desta orde publícanse no Diario Oficial de Galicia exclusivamente para efectos informativos, sendo necesario realizar o trámite a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, para cubrilos, validalos e presentalos telematicamente.

3. O feito de non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información, será causa da desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 e 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. As solicitudes (anexo I) deberán ser asinadas mediante sinatura electrónica da persoa representante legal da entidade solicitante, que poderá imprimir ou gardar un xustificante de presentación acreditativo dela ante a Administración ou ante terceiros.

5. Coa solicitude da axuda (anexo I), as ADSG deberán solicitar o anticipo do 49,573529 % do total da subvención aprobada, suxeito ás dispoñibilidades orzamentarias vixentes. O importe total correspondente aos anticipos non poderá superar o crédito orzamentario previsto para a anualidade 2026.

Para poder ser autorizado o dito anticipo, as entidades beneficiarias non poderán ter abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores.

En virtude do artigo 67.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades beneficiarias deste anticipo quedan exoneradas da constitución das garantías establecidas no artigo 65 do mesmo decreto.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo I) a seguinte documentación.

a) Acreditación da representatividade da entidade solicitante mediante certificación da persoa secretaria da ADSG, en que consten os seguintes datos:

1º. Nome e apelidos da persoa representante.

2º. Documento nacional de identidade (en diante, DNI)/Número de identidade de estranxeiro (en diante, NIE).

3º. Enderezo postal.

4º. Teléfono móbil.

5º. Enderezo de correo electrónico.

A representatividade deberá recaer sempre nun membro da xunta directiva da ADSG.

b) Copia da acta ou certificación da persoa secretaria da ADSG, conforme se acordou en asemblea xeral a solicitude da axuda.

c) Anexo II: orzamento sen o IVE, detallando as distintas partidas que constitúen as actuacións do programa sanitario, diferenciando os conceptos de gasto segundo as liñas sinaladas:

1) Por remuneración do persoal veterinario ou pola contratación de servizos técnicos veterinarios para a realización do programa sanitario da ADSG (artigo 17.1).

Se a ADSG conta con máis dunha persoa veterinaria para a realización do programa sanitario, deberá especificarse o orzamento solicitado para cada unha delas.

2) Pola adquisición de material funxible para o desenvolvemento do programa sanitario (artigo 17.2).

O orzamento deberá presentarse mediante o modelo do anexo II, asinado electronicamente polo presidente da entidade coa sinatura dixital do DNI electrónico ou calquera outro medio de sinatura electrónica avanzada.

d) Contrato do persoal veterinario responsable da execución do programa sanitario.

e) Documento que indique para cada persoa veterinaria que participe no programa o nome e apelidos, DNI/NIE, número de colexiado, enderezo postal, teléfono móbil e correo electrónico.

f) Facturas pro forma. No suposto de que exista contrato de prestación de servizos veterinarios a través dunha empresa e en calquera suposto no caso de solicitar axuda para a adquisición de material funxible.

g) Anexo IV: comprobación de datos de terceiras persoas interesadas, debidamente cuberto.

h) No caso de solicitarse axudas por un importe superior a 30.000 €, e co obxecto de verificar o cumprimento do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

– Declaración responsable, segundo o modelo do anexo V, de ser unha entidade sen animo de lucro, non suxeita polo tanto á Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

– De non ser unha entidade sen ánimo de lucro, e se a agrupación pode presentar conta de perdas e ganancias abreviada segundo a normativa contable, declaración responsable, segundo o modelo do anexo VI, nos termos previstos no artigo 26 do Regulamento xeral de subvencións, do cumprimento do artigo 13.3.bis da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

– De ser o caso, certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que acredite o seu cumprimento pola entidade solicitante, con independencia de calquera financiamento para a cobranza anticipada da empresa provedora. Para ese efecto, se do informe de auditoría das últimas contas anuais se deduce un cumprimento do 100 % dos prazos de pagamento a provedores por parte da entidade solicitante, bastará un certificado emitido polo auditor que indique que no seu traballo de auditoría realizou procedementos para obter evidencia da corrección do contido da memoria das contas anuais como certificación de cumprimento do requisito do artigo 13.3.bis. No caso de que non sexa posible emitir tal certificado (por non existiren contas anuais auditadas ou porque estas reflictan unha porcentaxe de cumprimento de prazos de pagamento a provedores inferior ao 100 %), presentarase certificación, baseada nun informe de procedementos acordados, que acredite que a entidade solicitante, no momento de presentación de solicitude de axuda, non ten ningunha factura pendente de pagamento en que se superaron os prazos legais de pagamento. Esta certificación non poderá ter en ningún caso unha antigüidade superior a un mes anterior á data de presentación da solicitude.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente a súa achega á persoa interesada.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia.

Se algunha das entidades solicitantes presenta a documentación complementaria de forma presencial, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código do procedemento (MR237B) e o órgano responsable deste (Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias), o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia (tamaños máximos e formatos admitidos pode consultarse en https://sede.xunta.gal), permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria (AEAT).

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

f) Título universitario do persoal veterinario responsable do programa sanitario.

g) A información correspondente ás explotacións integradas na ADSG, segundo o Rexistro de Explotacións Gandeiras de Galicia, incluíndo os códigos REGA, o nome e apelidos das persoas titulares, as localizacións e os censos ou capacidades, segundo as diferentes categorías de animais.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 desta Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes (anexo I)

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. Poderanse cubrir e rexistrar os formularios a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ata as 23.59 horas do día en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Artigo 12. Solicitude de ofertas para realizar o gasto subvencionable

1. De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando o importe do gasto subvencionable supere as contías establecidas para o contrato menor na Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, polo que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas 2014/23 UE, e 2014/24, do 26 de febreiro de 2014, do Parlamento Europeo e do Consello, o beneficiario deberá solicitar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para prestación do servizo, agás que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que as realicen, presten ou subministren.

2. A elección entre as ofertas presentadas, que deberán achegarse no momento da solicitude de axuda, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía e cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, deberá documentarse a elección expresamente nunha memoria xustificativa.

Artigo 13. Emenda

1. Se a solicitude non reúne os requisitos sinalados nos puntos anteriores, requirirase a entidade interesada na forma establecida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixer, se considerará que desistiu da súa petición, logo de resolución ditada para o efecto.

2. As emendas, melloras da solicitude e todos os trámites e xestións máis comunmente utilizados na tramitación administrativa deberán presentarse unicamente por medios electrónicos, accedendo ao expediente correspondente na Carpeta cidadá (https://sede.xunta.gal/carpeta-do-cidadan) da persoa interesada, na sede electrónica da Xunta de Galicia.

3. A Consellería do Medio Rural poderá solicitar ás entidades solicitantes toda a información e xustificacións técnicas e económicas que considere necesarias, co obxecto de comprobar a realización das actuacións subvencionables e os custos derivados.

Artigo 14. Tramitación e resolución

1. O órgano competente para a instrución e tramitación do procedemento é a Subdirección Xeral de Gandaría, da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias. Unha vez recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda á entidade solicitante, concedéndolle un prazo de 10 días, consonte o artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda ao expediente, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución ditada para o efecto.

2. A baremación das solicitudes, segundo os criterios do artigo 18 desta orde, será efectuada por un órgano colexiado constituído para o efecto, integrado pola persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría como presidente/a, a persoa titular do Servizo de Sanidade Animal como vogal e a persoa titular da xefatura de sección de sanidade animal do dito servizo como secretario/a, que levantará acta que incluirá a relación das entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos establecidos na presente orde e das entidades que, por algún motivo, non os cumpran.

A persoa titular da Subdirección Xeral de Gandaría elevará proposta de resolución ao órgano administrativo competente.

3. A resolución do expediente correspóndelle á persoa titular da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias por delegación da conselleira do Medio Rural. O prazo máximo para resolver e notificar o procedemento será de 5 meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia (DOG). Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, de conformidade co disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

As resolucións de subvención ditadas ao abeiro desta orde, así como a desestimación presunta de solicitudes, poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou de 6 meses contados a partir do seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións de actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións ao enderezo de correo electrónico e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificacións electrónicas de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido pola persoa interesada, entendéndose rexeitada cando transcorresen 10 días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

6. No caso de producirse ao longo do período subvencionable cambios nos datos a efectos de notificación facilitados coa solicitude de axuda, deberanse comunicar ao órgano xestor da axuda a través de medios electrónicos, nos termos previstos na norma reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Publicación das axudas concedidas

A resolución das axudas concedidas ao abeiro da presente orde publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 17. Contía das axudas e límites

A cuantificación das axudas realizarase seguindo os seguintes criterios:

1) Para a contratación de servizos técnicos veterinarios (empresa) ou a remuneración do persoal veterinario responsable da supervisión e execución do programa sanitario, establécese:

a) Un máximo de 20.200 € por cada persoa veterinaria con dedicación a xornada completa e un máximo de 8.300 € por cada persoa veterinaria con dedicación a xornada parcial, ou no caso da contratación dos servizos técnicos veterinarios.

No caso de que unha persoa veterinaria preste servizos en máis dunha ADSG, a axuda total para percibir nunca poderá superar o importe establecido no parágrafo anterior para unha relación contractual a xornada parcial.

b) En todas as ADSG, para acadar os importes indicados no punto anterior, computaranse as seguintes unidades mínimas de gando maior (en diante, UGM) por cada persoa veterinaria en función da relación contractual que teña coa ADSG:

Especie ADSG

Persoal veterinario a tempo completo

Persoal veterinario a tempo parcial

Empresa servizos veterinarios

Bovino

4.000 UGM

2.000 UGM

2.000 UGM

Bovino montaña

3.300 UGM

1.650 UGM

1.650 UGM

Ovino/cabrún

2.000 UGM

1.000 UGM

1.000 UGM

Porcino

10.000 UGM

5.000 UGM

5.000 UGM

Aves

10.000 UGM

5.000 UGM

5.000 UGM

Coellos

10.000 UGM

5.000 UGM

5.000 UGM

Visóns

10.000 UGM

5.000 UGM

5.000 UGM

No caso de non acadar as UGM mencionadas, a axuda reducirase proporcionalmente.

Se a ADSG conta con varias persoas veterinarias, para o cálculo da axuda a adxudicar asignaranse tanto as UGM mínimas sinaladas como os importes para percibir por persoa veterinaria segundo a prelación destas establecida pola propia entidade no orzamento solicitado (anexo II), realizándose, se for o caso, a redución proporcional na última delas en que se asignasen as UGM da agrupación por debaixo dos límites indicados.

Consideraranse ADSG de gando bovino de montaña aquelas que teñan polo menos o 50 % das explotacións nos concellos do seu ámbito territorial considerados como zonas de montaña segundo a Orde do 27 de febreiro de 2024 pola que se regula a aplicación dos pagamentos directos á agricultura e á gandaría e das axudas ao desenvolvemento rural suxeitas ao sistema integrado de xestión e control (códigos de procedemento MR250A, MR239G, MR239K, MR239O, MR240D, MR241C e MR241D), no seu título III, capítulo II, regula os pagamentos a zonas con limitacións naturais e outras limitacións específicas do Programa de desenvolvemento rural 2014-2020 (https://formacion-fogga.xunta.gal/pluginfile.php/13628/mod_resource/content/1/Listado%20zonas%20de%20monta%C3%B1a.pdf).

c) O total do importe de subvención motivada por contratación de persoal veterinario non poderá superar un importe máximo que resultará de multiplicar o número de UGM da ADSG polo seguinte valor en cada caso:

1º. ADSG de vacún:

De montaña: 6,5.

Non de montaña: 6,12.

2º. ADSG de ovino e cabrún: 8,5.

3º. ADSG de porcino: 2,3.

4º. ADSG de avicultura: 1.

5º. ADSG de cunicultura: 1,6.

6º. ADSG de visóns e outras especies: 0,6.

Os valores de UGM de cada especie animal tidos en conta para os cálculos nestas axudas serán os establecidos regulamentariamente, e publicados oficialmente (Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia publicado, no DOG do 8 de maio).

Para o cálculo do importe máximo subvencionable, teranse en conta as UGM en función do censo ou capacidade das explotacións que consten de alta para cada unha das ADSG beneficiarias na base de datos da Consellería do Medio Rural á data de remate do prazo de solicitude da axuda.

A información relativa aos REGAS das explotacións integradas nas ADSG e os seus censos e capacidades, necesaria para o cálculo de UGM e para a baremación dos criterios establecidos nesta orde para o cálculo da axuda, será obtida directamente da base de datos do Rexistro de explotacións gandeiras da Consellería do Medio Rural.

2) Compra de material funxible para o desenvolvemento do programa sanitario da ADSG.

Poderase solicitar por esta liña ata o importe máximo resultante da multiplicación das UGM totais da ADSG polo coeficiente de 0,15.

A cantidade máxima a percibir por ADSG nesta liña de axuda será de 4.000 €.

Artigo 18. Criterios de outorgamento da subvención

A solicitudes serán ordenadas en función da puntuación obtida de acordo cos seguintes criterios e a valoración de cada un deles, cun máximo de 100 puntos.

1. Nº de explotacións integrantes da ADSG:

Nº de explotacións

Nº puntos

0-50

0

51-100

2

101-150

4

151-200

6

201-250

8

251-300

10

301-350

12

351-400

14

401-500

16

>500

18

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 18 puntos.

2. Nº de UGM da ADSG:

Nº UGM

Nº puntos

<1.500

0

1.500-2.000

2

2.001-2.500

4

2.501-3.000

6

3.001-4.000

8

4.001-5.000

10

5.001-6.000

12

6.001-7.000

14

7.001-8.000

15

>8.000

17

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 17 puntos.

3. Número de persoas veterinarias contratadas pola ADSG con dedicación a xornada completa para o desenvolvemento do programa sanitario:

Nº de persoas veterinarias contratadas a xornada completa

Nº puntos

1

7

2-3

12

>3

15

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 15 puntos.

4. Especie gandeira:

Especie

Nº puntos

Bovino e porcino

30

Ovino e cabrún

20

Aves e équidos

15

Coellos e visóns

10

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 30 puntos.

5. Fusión de ADSG, no período comprendido desde o 14.1.2025, data de publicación da anterior orde de axudas ás ADSG, ata a data de publicación da presente orde, e segundo o número de ADSG fusionadas, coa seguinte puntuación:

Nº ADSG fusionadas

Nº puntos

2 ADSG

10

3 ou máis ADSG

20

Ponderarase este criterio cunha valoración máxima de 20 puntos.

A axuda outorgarase tendo en conta a prioridade seguinte entre as diferentes liñas sinaladas no artigo 3:

1) Contratación dos servizos técnicos veterinarios ou a remuneración do persoal veterinario responsable da execución e supervisión do programa sanitario.

2) Compra de material funxible para o desenvolvemento do programa sanitario da ADSG.

En cada unha das liñas, as axudas serán adxudicadas progresivamente segundo a prelación obtida en función dos criterios sinalados anteriormente, ata o esgotamento do crédito.

No caso de que exista remanente orzamentario unha vez finalizada a repartición segundo os puntos anteriores, poderanse incrementar os importes subvencionables para o persoal veterinario con dedicación a xornada completa en 400 €, segundo a prelación establecida por cada ADSG no orzamento solicitado (anexo II). Unha vez realizada esta repartición, se aínda queda remanente, aplicaríase un incremento de 200 € na axuda para o persoal veterinario con dedicación a xornada parcial, ou pertencente a empresas de servizos veterinarios, cos mesmos criterios que no caso anterior, ata acabar o dito remanente. No caso de que, unha vez realizadas estas reparticións, aínda quede remanente, incrementaranse novamente os importes para percibir pola persoa veterinaria contratada, a razón de 200 € por persoal veterinario con dedicación a xornada completa e continuando polo persoal a xornada parcial ou pertencentes a empresas de servizos técnicos veterinarios a razón de 100 €.

Esta última repartición poderá repetirse ata adxudicarlle á ultima ADSG o crédito sobrante, de ser o caso. Estes incrementos realizaranse sempre que non se supere o límite establecido no punto c) do artigo 17.1).

A axuda sinalada na liña de adquisición de material funxible só se concederá se non se superan os límites establecidos no artigo 17.2.

Non obstante, se as dispoñibilidades orzamentarias fosen insuficientes para atender o importe total das solicitudes, no caso de empate entre unha ou varias entidades solicitantes, aplicarase como criterio de desempate o recollido no punto 2 do artigo 18 (número de UGM da ADSG), tendo prioridade aquela que máis UGM teña.

Artigo 19. Modificación das axudas

1. As axudas a que se refire esta orde consideraranse subvencións máximas e poderán ser reducidas, por proposta da Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, cando exista concorrencia doutras axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, ou doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas.

2. O pagamento da subvención realizarase con xustificación previa, polo beneficiario; da realización da actividade, proxecto, obxecto ou adopción do comportamento para o que se concedeu, nos termos establecidos nesta orde.

3. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, no suposto de falla de xustificación ou de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución inicial da axuda concedida.

Artigo 20. Xustificacións

1. Consideraranse gastos subvencionables, para os efectos previstos nesta orde, aqueles que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido, desde o 1 de marzo de 2026 ata o 28 de febreiro de 2027.

Considerarase, así mesmo, gasto realizado o que foi efectivamente pagado no dito prazo.

2. Os gastos realizados polo beneficiario final deberán xustificarse mediante facturas ou nóminas. Nos casos en que isto non sexa posible e que non existan facturas, os gastos xustificaranse por medio de documentos contables de valor probatorio equivalente.

A documentación xustificativa do gasto presentarase unicamente por medios electrónicos, accedendo ao expediente correspondente na Carpeta cidadá da persoa interesada, na sede electrónica da Xunta de Galicia nos prazos indicados no artigo 21.

3. Os documentos mencionados deberán vir acompañados dunha relación informatizada deles e unha memoria explicativa sobre a realización do programa subvencionado, que acredite a prestación efectiva dos servizos.

Na relación informatizada deberán constar perfectamente diferenciados os seguintes conceptos:

a) Facturas definitivas ou nóminas que xustifiquen o gasto subvencionable que teña a ADSG dos cales poida presentar xustificante bancario do pagamento, en que deberán constar a seguinte información obrigatoria: número de factura ou nome do mes a que corresponda a nómina, e a identificación do emisor e do destinatario das facturas ou nóminas.

b) Documentos bancarios (xustificante de transferencia, certificación bancaria, etc.) que xustifiquen o pagamento pola ADSG do gasto subvencionable, en que deberán constar obrigatoriamente os seguintes campos: número/s de factura/s obxecto de pagamento, á data de pagamento, identificación da ADSG pagadora e nome do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura ou nómina. No caso de que o xustificante bancario sexa transferencia bancaria, deberá ser copia, e estará selada pola entidade bancaria.

4. No caso de que un xustificante de pagamento inclúa varias facturas imputadas no gasto, deberanse identificar no documento do pagamento os números das facturas obxecto deste.

5. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos, cada un destes deberá facer referencia ao número da factura á cal se imputa o pagamento, e acompañarase dunha relación de todos os documentos e importes acreditativos do pagamento desa factura.

A axuda adxudicada que se xustifique mediante facturas deberá incluír, sempre a maiores do importe da axuda que se vai xustificar, o IVE correspondente para que non implique redución ningunha da axuda inicial.

6. Se, realizada a actividade e finalizado o prazo para xustificar, non se xustifica o 100 % da axuda concedida, para os efectos de perda do dereito ao cobramento, aplicarase o principio de proporcionalidade ao total da axuda adxudicada á ADSG, tendo en conta sempre o xustificado por cada persoa veterinaria e por cada liña de axuda.

7. Ademais das xustificacións económicas, as ADSG deberán presentar, como máximo ata o 10 de marzo de 2027, unha declaración de cada unha das persoas veterinarias actuantes, conforme todas as actuacións obrigatorias realizadas por este persoal, establecidas no anexo VII desta orde para o desenvolvemento dos programas sanitarios nas explotacións, están gravadas na aplicación informática FICADI_ADSG á data do 28.2.2027.

Así mesmo, as actuacións realizadas deberán ser gravadas nesta aplicación, polo persoal veterinario que as realizou, e nun prazo máximo de 15 días naturais desde a data de realización.

Non terán a consideración de actuacións xustificativas da axuda as puramente administrativas (entrega de resultados, comunicacións, etc.), que terán a consideración de actuacións complementarias ás actuacións recollidas no anexo VII.

Cada persoa veterinaria deberá xustificar as actuacións realizadas nun número de explotacións e UGM correspondente e proporcional ao importe desagregado da axuda solicitado pola entidade para esa persoa veterinaria.

Esta xustificación levarase a cabo coa elaboración e posta á disposición dos servizos veterinarios oficiais dos partes de actuación en cada explotación en que se realizaran as ditas actuacións, que deberán estar asinados tanto polo persoal veterinario actuante como pola persoa titular ou representante da explotación.

8. De acordo co artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención desenvolvida nesta orde, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas.

Artigo 21. Prazos para xustificar

Ata o 10 de decembro de 2026, xustificarase o gasto subvencionable realizado pola ADSG ata o 30 de novembro de 2026. O resto do gasto subvencionable realizado ata o 28 de febreiro de 2027 poderá xustificarse ata o 10 de marzo de 2027.

Artigo 22. Seguimento e control da concorrencia e acumulación de axudas

Antes do 10 de marzo de 2027, as entidades solicitantes deberán achegar a documentación xustificativa do gasto a través do procedemento MR237B-Achega de documentación xustificativa, onde se inclúe a declaración relativa ao conxunto das axudas solicitadas para un mesmo proxecto, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas (anexo III).

Artigo 23. Control de execución dos programas

1. A Subdirección Xeral de Gandaría levará a cabo controis de execución do programa sanitario marco nas explotacións das ADSG.

2. Se, como consecuencia dos controis, se detectasen incumprimentos na execución do programa aprobado en aspectos relevantes para a efectividade deste, aplicaranse deducións sobre as axudas aprobadas ponderando a gravidade e frecuencia dos incumprimentos. As deducións aplicaranse ao total da axuda aprobada a cada ADSG.

Para estes efectos, considéranse incumprimentos relevantes os seguintes, practicándose nestes casos as deducións que se indican:

a) Por non ter executado en 28 de febreiro de 2027 a mostraxe obrigatoria recollida no programa sanitario marco no 100 % das explotacións da ADSG, sen causa xustificada, reducirase do total da axuda para percibir a parte proporcional ás mostraxes non executadas.

No caso de non ter executadas as citadas mostraxes obrigatorias en máis dun 35 % das explotacións da ADSG, perderase o dereito ao total da axuda para percibir.

b) Por cada explotación en que se detecte que non foi realizada a enquisa de bioseguridade recollida no programa marco, cando proceda, ou ben por non entregar ás persoas titulares/representantes das explotacións en documento escrito o resultado da enquisa e as recomendacións derivadas cando proceda, deduciranse 100 € por explotación.

c) Por non realizar a actividade de formación ou a reunión informativa previstas no programa coas persoas titulares ou responsables das explotacións integradas nas ADSG, así como a falta de comunicación ao Servizo Provincial de Gandaría correspondente da data da realización destas no prazo de 10 días previos á realización, deduciranse 300 €.

d) Por non ter cubertas, polo persoal veterinario responsable, as fichas de actuación en que se reflictan as actuacións realizadas, ou por non estar asinadas polo persoal actuante e mais pola persoa titular/representante da explotación, ou ben por non poñelas á disposición dos servizos veterinarios oficiais, deduciranse 100 € por explotación.

e) Agás no caso das ADSG de gando bovino, por non ter feita en prazo a declaración censual anual obrigatoria establecida polo Real decreto 479/2004 polo que se establece e regula o Rexistro xeral de explotacións gandeiras, deduciranse 100 € por explotación.

f) Por cada actuación veterinaria do programa sanitario realizada nas explotacións que non conste gravada na aplicación FICADI_ADSG no prazo máximo de 15 días naturais tras a data de actuación, deduciranse 50 €.

No caso de detectarse a non gravación nunha porcentaxe igual ou superior ao 35 % das actuacións realizadas no programa sanitario que se vai executar perderase o dereito ao 25 % do total da axuda que se percibiría.

g) Por non ter clasificadas na aplicación FICADI_ADSG a data 10 de marzo de 2027 as explotacións segundo os niveis e enfermidades recollidas no programa sanitario marco para as ADSG de gando bovino, ovino-cabrún, porcino, e visóns, ou ben por non ter actualizadas as clasificacións cando os sucesivos resultados supoñan unha variación da clasificación sanitaria previa das explotacións, aplicarase unha dedución de 300 €.

h) A realización do programa sanitario marco por parte de persoal veterinario non recoñecido na correspondente ADSG significará a perda do 100 % da axuda aprobada.

i) A realización por parte de persoal veterinario recoñecido e con dedicación a xornada completa, de actuacións veterinarias non establecidas no programa sanitario da ADSG en explotacións integradas na ADSG ou pola realización de actuacións veterinarias en explotacións que non estean integradas na ADSG, comportará o recálculo da axuda adxudicada inicialmente ao persoal veterinario implicado, considerando unha prestación do servizo con dedicación a xornada parcial, penalizándose, ademais, coa diminución do 20 % desta última. No caso de que a agrupación xa tivese tramitados procedementos de perda de axuda pola mesma causa nas dúas últimas convocatorias anuais de axudas perderase o dereito ao 100 % da axuda.

j) Cando o persoal veterinario dunha ADSG non xustifique ter realizado, como mínimo, o número de actuacións sanitarias nas explotacións da ADSG correspondentes ás UGM polas que foi subvencionado e das cales sexa responsable, que garantan a súa participación proporcional no desenvolvemento do programa sanitario subvencionado, salvo causa xustificada, reducirase de forma proporcional á axuda aprobada inicialmente para a contratación ou remuneración do referido persoal.

k) Se, como resultado dun control nunha explotación, tanto no campo como a través das bases de datos da Consellería do Medio Rural, se detecta, sen causa xustificada, algún incumprimento non recollido neste artigo, será potestade da Subdirección Xeral de Gandaría valorar a aplicación ou non do dito incumprimento, cunha dedución de ata 300 € por explotación ou animal con incumprimentos, segundo corresponda.

No caso de explotacións de gando bovino e ovino-cabrún:

l) Pola incorporación dos seguintes animais:

– Bovinos que por calquera método analítico realizado previo a súa incorporación, resultaran positivos ás probas serolóxicas de anticorpos anti-gE do virus da rinotraqueíte infecciosa bovina (en diante, IBRgE), fronte a paratuberculose (en diante, ELISA paratuberculose) (animais menores de 12 meses exentos) ou de antíxeno do virus da diarrea vírica bovina (en diante, BVD-antíxeno), deduciranse 200 € por animal.

– Bovinos xestantes positivos ás probas serolóxicas de anticorpos da diarrea vírica bovina (en diante, BVD-anti p80) en que non se realizase a analítica de BVD-antíxeno do tenreiro fillo/a ao nacemento, ou do aborto, de ser o caso, para descartar a existencia dun animal persistentemente infectado (en diante, PI), deduciranse 200 € por animal.

Quedan exceptuados os animais procedentes de centros de recría que retornen á explotación de orixe que se certifiquen que foron vacinados con vacina viva.

– Ovinos ou cabrúns que resultasen, por calquera método analítico realizado previo á súa incorporación, positivos á proba da reacción en cadea da polimerasa en feces (en diante, PCR feces) ou á proba ELISA paratuberculose, deduciranse 50 € por animal.

ll) Por non comunicar á persoa titular/representante da explotación ou aos servizos veterinarios oficiais da oficina rural correspondente os resultados de animais positivos confirmados a BVD-antíxeno ou a paratuberculose (PCR en feces) no prazo máximo de 10 días desde a data de comunicación do resultado polo Lasapaga ou, por realizar a dita comunicación á persoa titular/representante da explotación sen utilizar o modelo de documento establecido para o efecto na aplicación FICADI_ADSG, ou que a dita comunicación non estea asinada tanto pola persoa titular/representante da explotación, como polo persoal veterinario actuante e, se for o caso, tamén polo operador comercial ou transportista responsable do transporte dos animais ao matadoiro, deduciranse 200 € por cada animal bovino e 50 € por cada animal ovino ou cabrún non notificado en prazo.

m) Pola permanencia superior a 30 días naturais nunha explotación dun animal bovino confirmado como PI ou superior a 12 meses dun animal confirmado de paratuberculose (PCR feces positivo) desde a data de comunicación do resultado de confirmación polo Lasapaga, sen tomar as medidas de bioseguridade axeitadas, deduciranse 200 € por animal.

n) Por non cumprir os programas vacinais cando estes sexan obrigatorios segundo a normativa vixente ou segundo as pautas establecidas no programa sanitario da ADSG, deduciranse 200 € por explotación.

ñ) Por utilizar vacinas fronte á IBR que non sexan marcadas deducirase un importe de 500 € por explotación. Por non comunicar previamente aos servizos provinciais de gandaría a vacinación con vacinas vivas fronte á BVD, deduciranse 100 € por explotación.

o) Por permitir a saída con destinos diferentes ao matadoiro de:

– Animais bovinos positivos a BVD-antíxeno sen proba de confirmación negativa ou confirmados como persistentemente infectados (PI) ou confirmados como positivos á paratuberculose (PCR feces positivo), deduciranse 500 € por animal.

– Animais ovinos ou cabrúns confirmados como positivos á paratuberculose (PCR feces positivo), deduciranse un importe de 200 € por animal.

p) Por non comunicar aos servizos provinciais de gandaría o cesamento da vacinación fronte á paratuberculose naquelas explotacións de gando ovino/cabrún autorizadas previamente a realizala, deducirase un importe de 100 € por explotación.

q) Por incorporar ás explotacións de gando bovino ou ovino-cabrún de animais sen realizar os controis previstos para ás novas incorporacións no prazo máximo de vinte e un días naturais para gando bovino ou trinta días naturais para gando ovino ou cabrún, contados desde a data da incorporación, sen causas xustificadas, deduciranse 200 € no caso de explotacións de gando bovino e 50 € no caso de explotacións de gando ovino ou cabrún.

r) No caso de explotacións infectadas de paratuberculose (animais PCR positivos) (explotacións Nivel 1), nas cales non se fixese na última mostraxe o sangrado do 100 % dos animais maiores de 24 meses para a determinación de anticorpos en soro, ou ben aquelas explotacións que non manteñan o programa de manexo establecido durante un período mínimo de tres anos, deduciranse 200 € por explotación.

No caso de explotacións avícolas:

s) Por non ter realizados os autocontrois obrigatorios de salmonela, incluídos os controis de eficacia da limpeza e desinfección nos baleiros sanitarios, realizalos en laboratorios non autorizados ou non telos á disposición dos servizos veterinarios oficiais cando estes os requiran, deduciranse 500 € por explotación.

t) Por non realizar a vacinación fronte á salmonela naquelas poboacións en que sexa obrigatoria, deduciranse 500 € por explotación.

u) Por non dispoñer da documentación acreditativa de orixe das aves, pensos ou auga, deducirase un importe de 100 € por explotación.

No caso de explotacións porcinas:

v) Por non ter realizada a pauta de vacinación correcta fronte á enfermidade de Aujeszky cando esta sexa preceptiva, ou os controis serolóxicos obrigatorios, deduciranse 500 € por explotación.

w) Por cada explotación que non estea cualificada fronte á enfermidade de Aujeszky na data 28.2.2026 deduciranse 500 € por explotación. Non serán tidas en conta as explotacións en período de obtención da cualificación ou que presentasen positividade recente e que estean executando correctamente un programa de erradicación e control da enfermidade, de cara á súa posterior cualificación.

x) No caso de porcinos reprodutores machos ou femias en que non se realizase a analítica de incorporación en relación co síndrome respiratorio e reprodutivo porcino (en diante, PRRS) por PCR individual ou en pools segundo proceda ou ELISA, deduciranse 50 € por animal.

No caso de explotacións peleteiras de visón:

y) Por non ter realizado o control anual fronte á plasmocitose, sen causa xustificada, deduciranse 200 € por explotación.

Artigo 24. Réxime de incompatibilidades

As axudas recollidas na presente orde son compatibles con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional, da Unión Europea ou de organismos internacionais, sempre que se cumpran os límites establecidos na normativa aplicable e que, en ningún caso, se supere o custo total da actividade financiada.

Artigo 25. Reintegro

De acordo co disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias da presente axuda terán a obriga de reintegrar, total ou parcialmente, a subvención ou a axuda pública percibida no suposto de que se incumpran as condicións establecidas para a súa concesión.

Artigo 26. Información

As persoas beneficiarias da presente axuda terán a obriga de facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 27. Financiamento

1. As axudas que deriven da aplicación da presente orde financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia:

a) Para o ano 2026: 15.04.713E.470.0 dotada para esta finalidade con 1.179.850 €.

b) Para o ano 2027: 15.04.713E.470.0 dotada para esta finalidade con 1.200.150 €.

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia con que se financiarán estas axudas poderanse incrementar con fondos estatais ou autonómicos achegados para o efecto, na mesma ou noutras aplicacións orzamentarias, de acordo con artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro de 2009).

2. Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, así como ao abeiro do establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, da Consellería de Economía e Facenda, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001. A concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Disposición adicional primeira. Normativa de aplicación

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde será de aplicación o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos preceptos básicos da normativa estatal.

Disposición adicional segunda. Normas comunitarias

As axudas reguladas nesta orde rexeranse polas normas comunitarias aplicables e, concretamente, polo Regulamento (UE) 2022/2472 da Comisión, do 14 de decembro de 2022, polo que se declaran determinadas categorías de axuda nos sectores agrícola e forestal e nas zonas rurais compatibles co mercado interior na aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

Disposición adicional terceira. Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información e o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional cuarta. Información sobre aspectos básicos da normativa de protección de datos das persoas físicas

De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO VII

Programas sanitarios das ADSG

As ADSG deberán executar un programa sanitario marco común cun contido mínimo obrigatorio e, se for o caso, poderán desenvolver un programa sanitario adicional voluntario que acordará a ADSG.

No programa sanitario marco común establécense as seguintes obrigas:

1. Obrigas xerais. Todas as explotacións integradas nas ADSG deberán cumprir o programa sanitario marco obrigatorio, así como a normativa vixente en materia de identificación animal e rexistro de explotacións, benestar animal e demais normativa sectorial que lles sexa de aplicación.

O persoal veterinario das ADSG será responsable de levar a cabo todas as actuacións recollidas no punto 2 do artigo 6 do Decreto 91/2001, do 19 de abril, polo que se regulan as agrupacións de defensa sanitaria gandeiras en Galicia. En especial, o persoal veterinario das ADSG colaborará na rede de epidemiovixilancia de Galicia, tendo a obriga de comunicar aqueles acontecementos que poidan motivar sospeita de alerta sanitaria, colaborarán, se for preciso, na toma de mostras para as análises oficiais e achegarán o seu coñecemento do estado sanitario das explotacións.

As explotacións integradas en ADSG deberán manter toda a documentación relativa ao desenvolvemento do programa sanitario á disposición dos servizos veterinarios oficiais.

2. Formación: o persoal veterinario das ADSG fomentará que as persoas gandeiras dispoñan dunha formación axeitada nas materias de interese, fundamentalmente sanitarias. Para estes efectos, as ADSG organizarán polo menos un curso de formación ou actividade formativa ao ano, dirixido ás persoas titulares das explotacións integradas.

O mencionado curso poderá ser substituído ou, de ser o caso, facerse coincidir cunha reunión en que se convoquen todas as persoas titulares das explotacións integradas na ADSG, e en que se expoñan polo miúdo as actuacións desenvolvidas no marco dos programas sanitarios executados e os resultados delas na última anualidade.

A data, o lugar, a hora e o contido do curso ou, de ser o caso, da reunión convocada, comunicaranse polo menos con 10 días de antelación por medios telemáticos (modelo PR004A da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal/portada), dirixido ao respectivo Servizo Provincial de Gandaría.

Cando se realicen, os cursos de formación deberán incluír no seu programa contidos relacionados polo menos con algún dos seguintes temas:

– Prevención e control das enfermidades incluídas no programa sanitario propio da ADSG.

– Plans de alerta sanitaria veterinaria, enfermidades de declaración obrigatoria en España e na Unión Europea ou incluídas no Código zoosanitario internacional da Organización Mundial de Sanidade Animal (OMSA).

– Fomento da vixilancia pasiva en determinadas enfermidades (encefalopatías esponxiformes transmisibles (en diante, EET), peste porcina africana, peste porcina clásica, Influenza aviaria, enfermidades emerxentes (enfermidade hemorráxica epizoótica, lingua azul ou outras enfermidades de transmisión vectorial), etc.

– Pautas de manexo e medidas de bioseguridade nas explotacións e protocolos de limpeza desinfección, desinsectación e desratización (en diante, LDDD).

– Benestar animal.

– Guía de prácticas correctas de hixiene.

– Xestión ambiental e sustentabilidade.

– Uso responsable de medicamentos veterinarios, especialmente antimicrobianos.

– Programas nacionais de erradicación das enfermidades animais (tuberculose e brucelose en gando bovino, ovino e cabrún).

3. Fichas de actuación: o persoal veterinario das ADSG cando visite unha explotación cubrirá unha ficha en que se reflectirán as actuacións realizadas nesa explotación. As fichas deberán incluír os seguintes campos:

– REGA da explotación.

– Data da actuación.

– Nome e apelidos da persoa veterinaria actuante.

– Descrición detallada da actuación e, de ser o caso, crotais dos animais sobre os que se actuou.

Deberán estar asinadas tanto polo persoal veterinario que as realizou como pola persoa titular/representante da explotación. Conservaranse na explotación xunto á restante documentación relativa ao programa sanitario da ADSG, polo menos durante un período dun ano desde a data da actuación e deberán estar á disposición dos servizos veterinarios oficiais, para a súa supervisión durante ese período.

4. Enquisa de bioseguridade: o persoal veterinario das ADSG realizará en todas as explotacións unha enquisa de bioseguridade, en que se recolla información sobre a infraestrutura sanitaria e as prácticas de manexo, de xeito que permita identificar os puntos críticos en bioseguridade que poidan favorecer a entrada ou diseminación de enfermidades.

As enquisas realizaranse segundo o modelo establecido na aplicación informática FICADI_ADSG.

Baseándose nos resultados das enquisas, o persoal veterinario establecerá as oportunas medidas correctoras para emendar as deficiencias detectadas e controlará a súa aplicación por parte dos responsables da explotación.

O persoal veterinario das ADSG entregará á persoa gandeira un documento co resultado da enquisa (valorado como favorable ou desfavorable) no cal se indique, se é o caso, as medidas correctoras que se recomendan.

Tanto a enquisa como o documento co resultado e as medidas correctoras, cando proceda, estarán á disposición dos servizos veterinarios oficiais.

Realizarase unha primeira enquisa en todas as explotacións da ADSG, así como en cada nova explotación que se incorpore a esta. Unicamente será necesario repetir a enquisa nunha explotación cando se producisen cambios substanciais nalgún dos aspectos nela recollidos (instalacións, condicións de manexo...), ou cando se detecte a aparición de enfermidades que permitan facer sospeitar de deficiencias na bioseguridade da explotación.

Así mesmo, na aplicación de programas específicos de supervisión das condicións de bioseguridade, poderase exixir a realización da enquisa que corresponda á totalidade das explotacións integradas.

5. Actuacións xerais: o persoal veterinario das ADSG levará a cabo, segundo a especie que corresponda, as actuacións que se relacionan a continuación:

1º. Colaboración en relación cos programas oficiais de erradicación de enfermidades, segundo o Real decreto 2611/1996, do 20 de decembro, polo que se regulan os programas nacionais de erradicación de enfermidades dos animais (medidas ou pautas de bioseguridade no caso de sospeita e confirmación da enfermidade, tratamento e manexo dos estercos, pautas de limpeza e desinfección despois da eliminación de animais positivos), e colaborar ademais coa información e sensibilización da persoa titular da explotación respecto dos programas de erradicación vixentes, así como no resto de programas oficiais de loita, control e erradicación das enfermidades animais.

2º. Colaboración en relación co resto de programas sanitarios de vixilancia e control: EET, lingua azul, enfermidade hemorráxica epizoótica, DNC, PPA, PPC; influenza aviaria, etc. (información ás persoas titulares das explotacións integradas: pautas de vixilancia pasiva, comunicación de sospeitas, controis dos provedores de pensos, control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres, etc.).

3º. Actuacións en materia de bioseguridade en relación co programa de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización (LDDD) nas explotacións e nos vehículos de transporte de gando u outros que accedan ás explotacións.

– Asesoramento e supervisión das pautas de realización nas operacións de LDDD nos casos de detección de enfermidades obxecto dos programas de erradicación ou de control oficial, así como en focos das enfermidades de control no ámbito dos programas sanitarios marco establecidos nesta orde.

Esta actuación de formación e sensibilización das persoas gandeiras integradas na ADSG levarase a cabo tanto en reunións colectivas como a través do asesoramento persoal nas actuacións nas propias explotacións.

4º. Actuacións en relación co programa de control de parasitos internos e externos co fin de coñecer a carga parasitaria das explotacións e a súa repercusión sanitaria e produtiva na explotación e a toma de medidas encamiñadas a minimizar ou eliminar estes efectos.

5º. Fomento e supervisión entre as persoas titulares das explotacións integradas na ADSG das boas prácticas en materia de benestar animal e uso responsable de medicamentos, especialmente antibióticos.

Co fin de garantir o adecuado control sanitario dos animais, no marco do desenvolvemento do programa sanitario marco, a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias facilitará ao persoal veterinario da ADSG a consulta dos datos dos animais pertencentes as explotacións integradas ou incorporados a elas; sen prexuízo da responsabilidade deste persoal en relación co cumprimento da normativa de datos de carácter persoal.

Programa sanitario gando bovino

1. Control da diarrea vírica bovina (en diante, BVD).

1.1. Obxectivo do programa:

A diminución dos efectos negativos da enfermidade en explotacións con infección activa, a monitorización do estado sanitario dos rabaños e a implementación de medidas de bioseguridade de cara á consecución futura de explotacións certificadas como libres de BVD.

Así mesmo, será obxectivo do programa o coñecemento da dinámica da enfermidade e a investigación epidemiolóxica da orixe de novas infeccións.

1.2. Finalidade das probas diagnósticas:

– Detección de explotacións con circulación vírica.

– Detección de animais persistentemente infectados (PI) ou con viremias transitorias.

Calquera animal cunha proba positiva a BVD antíxeno considérase un animal con viremia que, tras as sucesivas probas analíticas, poderá determinarse se se trata dun animal con viremia transitoria ou dun animal PI.

1.3. Pautas de vixilancia para realizar en todas as explotacións:

Realizarase unha mostraxe anual en soro dun número máximo de 10 animais maiores de 9 meses e menores de 24 meses nados na explotación e con resultado negativo anterior se xa foron analizados previamente, para determinación de BVD-anti p80 (poderán quedar exentos desta mostraxe os animais de cebo sempre que estean illados do resto do rabaño). No caso de non existir animais deste grupo de idade, tomaranse mostras dunha porcentaxe de animais reprodutores entre os que resultasen negativos a BVD-anti p80 en mostraxes anteriores.

No caso de explotacións con máis dunha unidade de produción, segundo o criterio do persoal veterinario responsable, a mostraxe anterior poderá realizarse de xeito diferenciado en cada unha delas.

No caso de explotacións vacinadas con vacina viva, só se realizará determinación de BVD-anti p80 nos animais non vacinados se os houber, ata un máximo de 10 animais. No caso de que todos os animais estivesen vacinados, realizarase unha analítica para detección de BVD antíxeno por PCR en pooles de mostras sobre os animais non analizados en anos anteriores, ata un número máximo de 10 animais.

Nas explotacións de leite deberase, ademais, realizar como mínimo 2 analíticas anuais en leite de tanque, separadas 6 meses, para detección de BVD-anti p80. No caso de explotacións vacinadas con vacinas vivas, realizarase detección de BVD-antíxeno por PCR.

Criterios para ter en conta:

– A periodicidade das analíticas poderase incrementar en función dos riscos da explotación (movemento de animais, estado sanitario das explotacións lindeiras, etc.).

– A realización dunha mostraxe diferente á indicada neste punto, tanto nas probas serolóxicas como nas probas de PCR en animais ou en leite de tanque, exixirá a autorización do Lasapaga, logo de informe razoado do persoal veterinario da ADSG. O Lasapaga poderá denegar a realización da mostraxe por considerala non axeitada aos fins perseguidos ou por cuestións da loxística de mostras no laboratorio.

– En todas as explotacións, tanto de leite como de carne, no caso de existir touros reprodutores, deberán tomarse mostras como mínimo unha vez para determinación de BVD-antíxeno e, anualmente, para a determinación de BVD anti-p80 (no caso de que fosen seronegativos os anos anteriores).

– Os animais seropositivos a BVD-anti p80 non serán obxecto de mostraxes repetidamente, limitando as novas mostraxes aos animais seronegativos ou non mostrexados con anterioridade. En casos excepcionais, e logo de autorización do Lasapaga, poderanse repetir as probas de BVD-antíxeno en animais positivos a BVD-anti p80.

– A proba de detección de BVD-antíxeno nos animais menores de 3 meses realizarase preferentemente en mostra de tecido de orella ou en soro recollido antes da toma do primeiro costro, para minimizar a interferencia con anticorpos maternais.

– A utilización de vacinas vivas nas explotacións de reprodución deberá ser comunicada previamente ao Servizo de Sanidade Animal; no caso de non levarse a cabo a vacinación unha vez comunicada, deberase poñer en coñecemento a dita circunstancia.

– O tamaño dos pooles de mostras para a proba de PCR e o calendario de mostraxe para as explotacións en que se realice esta técnica será determinado polo Lasapaga.

1.4. Pautas de actuación para realizar nas explotacións con sospeita de circulación vírica.

Considérase unha explotación con sospeita de circulación vírica cando:

a) Os resultados obtidos no leite de tanque indiquen un aumento significativo dos niveis de anticorpos BVD-anti p80 respecto a controis anteriores.

b) Exista positividade en soro a BVD-anti p80 nos animais maiores de 9 meses e menores de 24 meses de idade nados na explotación non debida á vacinación.

c) Algunha proba de detección de antíxeno resulte positiva.

Nestes casos, procederase da seguinte forma:

– En rabaños en que a información epidemiolóxica de analíticas anteriores indique a presenza de circulación viral recente, deberase realizar unha mostraxe dos animais incorporados recentemente á explotación e os animais nados desde a última mostraxe con resultados negativos, co fin de detectar a posible presenza dun animal PI. Estas mostras serán sometidas a unha analítica de BVD- antíxeno por PCR ata a localización, se é o caso, do animal ou animais PI. A mostra indicada no caso de animais menores de 3 meses será de tecido de orella.

– Cando a información epidemiolóxica dos tres anos anteriores indique a circulación do virus (nacemento de animais PI, positividade a anticorpos BVD-anti p80 nos animais menores de 24 meses ou valores de prevalencia en leite de tanque por encima do 25 %), realizarase unha proba complementaria previa de PCR sobre unha mostra de leite de tanque co fin de descartar, en caso de que sexa negativa, a presenza dun PI no grupo de animais en produción. Igualmente, e por unha soa vez, deberanse tomar mostras do resto dos animais non incluídos na mostra de leite do tanque para a investigación de BVD-antíxeno por PCR. A mostra indicada para os animais menores de 3 meses será de tecido de orella.

– Os rabaños de nova incorporación á ADSG e sen probas diagnósticas anteriores consideraranse como con sospeita de circulación vírica polo que se procederá como no parágrafo anterior.

Para a realización da técnica de PCR o persoal veterinario da ADSG deberá informar ao Lasapaga de que a explotación é sospeitosa de ter circulación vírica.

1.5. Pautas de actuación en caso de detección de animais con viremia transitoria.

Nestes casos (animais con resultados positivos a BVD-anti p80 e BVD-antíxeno) na mesma data de mostraxe), permitiranse novas mostraxes sempre e cando os animais permanezan illados ata a realización de novas analíticas que permitan confirmar o diagnóstico. Estas analíticas xustificaranse ante os servizos veterinarios oficiais correspondentes.

1.6. Pautas de actuación comúns para realizar en todas as explotacións.

– Un animal positivo a BVD-antíxeno permanecerá illado do resto dos animais da explotación. Non se poderá trasladar a outra explotación (agás matadoiro) nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, ata que sexa sometido a unha segunda proba de BVD-antíxeno con resultado negativo como mínimo cun intervalo de 21 días da primeira.

– Nos casos de confirmación de nacemento de animais PI, non poderá abandonar a explotación ningún animal nado durante o tempo que dure o gromo, con destino diferente a matadoiro, sen ter realizada unha proba que confirme que sexa negativo a BVD-antíxeno, polo menos durante un ano desde a data da eliminación do último animal PI.

No caso de animais confirmados positivos, o traslado ao matadoiro será directo, sen contacto con outros animais da mesma especie. O tratante ou transportista deberá deixar asinado na explotación de orixe o documento informativo do destino dos animais obtido da aplicación FICADI_ADSG.

– O Lasapaga comunicará aos servizos veterinarios oficiais e ao persoal veterinario da ADSG a identificación dos animais PI. En todos os casos, estes servizos realizarán un control estrito sobre estes animais, rexistrando a súa inmobilización na base de datos da Consellería do Medio Rural.

– O persoal veterinario da ADSG comunicará o diagnóstico de confirmación da existencia dun animal PI aos servizos veterinarios oficiais do Servizo Provincial de Gandaría, no mesmo prazo máximo de 10 días, mediante un informe que indique a posible orixe da infección, co fin de determinar as causas que permitan prever no futuro a presenza de novas infeccións.

– O persoal veterinario da ADSG comunicará por escrito, mediante o modelo establecido para o efecto na aplicación FICADI_ADSG, á persoa titular/representante da explotación e nun prazo non superior a 10 días desde a recepción dos resultados polo Lasapaga, que os animais confirmados como PI deben permanecer illados e non poderán en ningún caso ser destinados a outras explotacións nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o único destino o seu traslado directo a matadoiro. Nese mesmo prazo, informará, así mesmo, a persoa titular/representante que deberá establecer un plan para a eliminación inmediata destes animais, considerándose como un incumprimento para os efectos desta orde a súa permanencia por encima dos 30 días naturais desde a data de confirmación.

– Cando se confirme como PI un animal adulto con descendencia, esta deberá ser sometida a unha proba de BVD-antíxeno para confirmar ou descartar posibles animais PI.

1.7. Clasificación de explotacións (BVD).

O persoal veterinario responsable deberá clasificar as explotacións integradas na ADSG en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas ata o 28 de febreiro de 2027, nos niveis seguintes:

Nivel 0:

– Explotacións con infección activa ou sospeitosas de manter unha infección activa.

– Explotacións de nova incorporación sen información epidemiolóxica.

Nivel 1:

– Explotacións sen sospeita de infección activa nos últimos 12 meses.

Nivel 2:

– Explotacións sen sospeita de infección activa nos últimos 24 meses.

Nivel 3:

– Explotacións sen sospeita de infección activa nos últimos 36 meses.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá rexistrar esta clasificación sanitaria na aplicación FICADI_ADSG, así como as súas posibles modificacións ao longo do tempo, neste caso nun prazo máximo de 15 días naturais desde que se coñeza o cambio de clasificación sanitaria.

2. Control da rinotraqueíte bovina infecciosa (en diante, IBR).

2.1. Obxectivo do programa.

A diminución da prevalencia da enfermidade mediante a detección e eliminación progresiva de animais seropositivos co fin de acadar a cualificación de explotación indemne ou oficialmente indemne de IBR.

2.2. Finalidade das probas diagnósticas.

A detección de animais positivos a anticorpos fronte ao virus da IBR tanto en analíticas de soros individuais como en leite de tanque, segundo a clasificación e situación vacinal da explotación:

– Detección de anticorpos totais ou anticorpos fronte á proteína gB (en diante, anti-gB) se a explotación non ten animais vacinados con vacina marcada de IBR, dada a súa maior sensibilidade.

– Detección de anticorpos fronte á proteína gE (en diante, anti-gE) no caso de explotacións que teñan animais vacinados con vacina marcada de IBR.

2.3. Vacinación.

Todas as explotacións cualificadas nos niveis 1,1-, 2 e 3 deberán vacinar con vacina marcada, de non ser así, a súa cualificación será IBR 0. Excepcionalmente, permitirase non vacinar as explotacións co 100 % do censo mostrexado e unha prevalencia igual ou menor ao 10 %, co compromiso de eliminar os animais seropositivos nun período inferior a 24 meses.

2.4. Cualificación de explotacións (IBR).

A cualificación de explotacións será a establecida no Real decreto 554/2019, do 27 de setembro, polo que se establecen as bases das actuacións de prevención, control e erradicación da rinotraqueíte infecciosa bovina, e que será a que figurará no documento de acreditación sanitaria da explotación e na documentación sanitaria de acompañamento nos movementos.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións integradas en función das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2027, nos seguintes niveis:

Nivel 0:

– Explotacións sen clasificar fronte IBR ou IBR 0: explotacións non incluídas no programa da ASDG ou que, estando incluídas nel, aínda non teñan realizadas as probas necesarias para podelas clasificar noutros niveis. Así mesmo, clasificaranse neste nivel as explotacións incluídas no programa pero que non o cumpran.

Nivel 1:

– Explotacións en Programa de control IBR 1: explotacións con animais gE+ na mostraxe mínima indicada no punto 2.5 seguinte, incluídos machos reprodutores.

Nivel 1-:

– Explotacións en Programa de control IBR 1-: explotacións en que non se realizou a mostraxe do 100 % dos animais, pero non existen animais gE+ nos últimos 12 meses na mostraxe mínima indicada no punto 2.5 seguinte, incluídos os machos reprodutores.

Nivel 2:

– Explotacións en Programa de control IBR 2: explotacións en que non se realizou a mostraxe do 100 % dos animais pero non existen animais gE+ nos últimos 24 meses na mostraxe mínima indicada no punto 2.5, incluídos os machos reprodutores.

As explotacións en que se realice a mostraxe do 100 % dos animais e obteñan unha prevalencia igual ou menor do 10 % poderán manter o nivel correspondente se no intervalo de 24 meses eliminan os animais gE+ que tiveran previamente.

Nivel 3:

– Explotacións indemnes de IBR con vacinación ou IBR 3: explotacións vacinadas con vacina marcada nos últimos 12 meses e cunha mostraxe negativa nas analíticas referidas no punto 2.6.

Nivel 4:

– Explotacións oficialmente indemnes de IBR sen vacinación ou IBR4: explotacións sen vacinación nos últimos 24 meses e cunha mostraxe negativa nas analíticas referidas no punto 2.7.

Nivel 4+.

– Explotacións oficialmente indemnes libres de virus da IBR ou IBR4+: explotacións cunha mostraxe negativa a anticorpos totais ou fronte á glicoproteína gB do 100 % dos animais.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá rexistrar esta clasificación sanitaria na aplicación FICADI_ADSG, así como as súas posibles modificacións ao longo do tempo, neste caso, nun prazo máximo de 7 días naturais desde que se coñeza o cambio de clasificación sanitaria.

2.5. Mostraxe para a clasificación de explotacións nos niveis 1, 1- e 2.

Deberase obter resultados negativos na seguinte mostraxe mínima:

– Analítica de anticorpos (anti-gE) en soro: unha mostraxe anual en animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación, segundo a táboa A deste anexo. No caso de non existir animais deste grupo de idade, tomaranse mostras de animais reprodutores que resultaran anti-gE negativos en mostraxes anteriores, dando preferencia aos animais máis novos. Incluirase os touros reprodutores, se existisen.

– Ademais en explotacións de leite, analítica de anticorpos anti-gE en leite de tanque tomadas ao menos en tres ocasións en intervalos de non menos de 3 meses nun período de 12 meses.

2.6. Mostraxe para a clasificación de explotacións en nivel 3:

Deberanse obter resultados negativos na seguinte mostraxe:

Analítica de anticorpos anti-gE de todos os animais maiores de 9 meses ao longo dun período non superior aos 12 meses.

Incluiranse os touros reprodutores, se existisen.

– Ademais en explotacións de leite, analítica de anticorpos anti-gE en leite de tanque tomadas ao menos en tres ocasións en intervalos de non menos de tres meses nun período de 12 meses.

2.7. Mostraxe para a clasificación de explotacións en Nivel 4:

Poderase elixir unha das seguintes pautas de mostraxe para a detección de anticorpos anti-gB ou anti-gE, con resultados negativos:

1º. Unha mostra de soro ou leite de todos os animais ao longo dun período non superior a 12 meses.

2º. Dúas mostras de leite ou soro de todos os animais bovinos nun intervalo non menor de 2 meses e non maior de 12 meses de:

– As femias maiores de 12 meses.

– Os machos reprodutores maiores de 12 meses.

– Unha mostraxe aleatoria dos machos maiores de 12 meses non destinados á cría, segundo o tamaño da mostra indicado na táboa A deste anexo.

3º. Só no caso que ao menos o 30 % das femias da explotación se encontren en lactación e os animais non estean vacinados fronte á IBR:

– Leite de todos os tanques, tomadas ao menos en 3 ocasións, en intervalos de non menos de 3 meses nun período de 12 meses, que representen todas as femias en lactación da explotación de forma que cada mostra de tanque represente un máximo de 50 animais non vacinados. Realizarase analítica de anticorpos totais.

– Soro das femias maiores de 12 meses que non estean en lactación e dos machos reprodutores maiores de 12 meses.

– Soro dos machos maiores de 12 meses non destinados á cría, segundo o tamaño da mostra indicado na táboa A deste anexo.

No caso das explotacións Nivel 4+ os anticorpos para detectar en todos os puntos anteriores serán anti-gB ou totais.

2.8. Pautas de actuación comúns para realizar en todas as explotacións:

– A periodicidade das analíticas poderase incrementar en función dos riscos da explotación (movemento de animais, estado sanitario das explotacións lindeiras, etc.).

– No caso de explotacións con máis dunha unidade de produción, segundo o criterio do persoal veterinario responsable, as mostraxes anteriores poderán realizarse de xeito diferenciado en cada unha delas.

– En todas as explotacións tanto de leite como de carne, no caso de existir touros reprodutores, deberán ser obxecto de mostraxe, como mínimo, anualmente para a determinación de anticorpos anti-gB ou ben de anti-gE no caso de estar vacinados con vacinas marcadas.

– As mostraxes non se realizarán en explotacións vacinadas anteriormente con vacinas convencionais, agás naqueles animais que non estean vacinados coas citadas vacinas.

2.9. Mantemento da clasificación:

Mostraxe.

a) Para explotacións IBR 1, IBR 1- e IBR 2, realizarase a mostraxe serolóxica de anticorpos anti-gE mínima anual indicada no punto 2.5, en animais maiores de 9 meses e menores de 36 meses nados na explotación, segundo o tamaño de mostra indicada na táboa A deste anexo, que deberá ter resultado negativo, excepto en IBR 1.

b) Para explotacións IBR 3, realizarase unha mostraxe anual representativa dos soros dos animais maiores de 5 meses e menores de 36 meses nados na explotación, segundo o tamaño de mostra indicada na táboa B deste anexo, que deberá ter resultado negativo.

En explotacións de leite, ademais realizaranse analíticas de anticorpos anti-gE en tanque de leite tomadas ao menos en tres ocasións en intervalos de non menos de 3 meses durante un período de 12 meses.

c) Para explotacións IBR 4:

Realizarase algunha das seguintes pautas de mostraxe para a detección de anticorpos totais, anti-gB ou anti-gE. Poderanse facer pooles de ata 100 animais para determinación de anticorpos totais en mostras individuais de leite unicamente para animais non vacinados.

Deberanse obter resultados negativos nas mostras de:

1º. Unha mostra individual, que poderá ser de soro ou leite tomada anualmente de todos os bovinos maiores de 24 meses.

2º. No caso de que ao menos o 30 % das femias da explotación se encontren en lactación, como mínimo anualmente:

– Leite de todos os tanques tomado en, ao menos, 3 ocasións cun intervalo non menor de 3 meses nun período de 12 meses, que represente todas as femias en lactación da explotación, de maneira que cada tanque represente un máximo de 100 animais non vacinados.

– Soro tomado de todos os machos reprodutores de máis de 24 meses.

3º. Soro ou leite tomados dun número de animais que permita a detección segundo a táboa A deste anexo. sempre e cando se manteña o estatuto IBR4 durante os 3 últimos anos consecutivos e, no caso de explotacións Nivel 4+, non se manteñan na explotación animais vacinados.

d) Nos cebadeiros, no caso de que se subministren de animais exclusivamente de explotacións clasificadas como IBR 1-, IBR 2, IBR 3 ou IBR 4, deberán realizar anualmente ao menos nun 5 % dos efectivos dúas mostraxes anti-gE cun intervalo entre probas maior de 30 días naturais (recoméndase mostraxes semestrais).

2.10. Restricións ao movemento.

A) Para explotacións «IBR 1», «IBR 1-» «IBR 2» e «IBR 3»:

En todos os casos, os animais deberán transportarse evitando o contacto con animais de estatuto sanitario inferior.

A entrada de animais deberá realizarse con animais procedentes de explotacións con igual ou superior nivel de clasificación.

Non obstante, poderanse autorizar movementos se os animais que se incorporen a explotacións cualificadas como «IBR 1», «IBR 1-», «IBR 2» e «IBR 3» obteñen un resultado negativo anti-gE nunha analítica realizada na explotación de orixe nos 15 días naturais previos á expedición.

De forma excepcional e con autorización previa dos servizos veterinarios oficiais de destino, as probas poderanse levar a cabo na explotación de destino, debendo realizarse aos 21 días naturais da entrada dos animais na explotación e se manteña aos animais incorporados illados do resto de animais da explotación ata obter os resultados.

Neste suposto:

i) Se todos os animais illados resultasen anti-gE negativos, poderanse incorporar co resto dos animais da explotación e deberán ser incluídos obrigatoriamente na seguinte mostraxe de control anual da explotación, co fin aumentar a posibilidade de detectar infeccións latentes.

ii) Se houber algún animal anti-gE positivo, deberá ser eliminado, e o resto dos animais illados seronegativos non poderán incorporarse xunto ao resto dos animais da explotación ata que non se lles realice unha segunda analítica anti-gE negativa aos 21 días despois da eliminación do animal ou animais positivos.

B) Para explotacións «IBR 4»:

Só se introducirán animais procedentes de explotacións IBR 4.

En todos os casos, os animais deberán transportarse evitando o contacto con animais de estatuto sanitario inferior.

Non obstante, poderanse autorizar movementos con orixe en explotación de clasificación sanitaria inferior de cara a explotacións IBR 4 se os animais foron mostrexados en orixe nos 15 días naturais previos á incorporación con resultado negativo a anti-gB ou anticorpos totais, ou ben anti-gE no caso de que se trate de animais que fosen previamente vacinados con vacina marcada.

Estes animais deberán ser analizados, co mesmo esquema de análise, de novo aos 21 días naturais da incorporación, manténdose illados do resto de animais ata a obtención dos resultados.

Neste suposto:

i) Se todos os animais illados resulten seronegativos, poderanse incorporar co resto dos animais da explotación e deberán ser incluídos obrigatoriamente na seguinte mostraxe de control anual da explotación de destino, co fin aumentar a posibilidade de detectar infeccións latentes.

ii) Se houber algún animal anti-gE positivo, deberá ser eliminado, e o resto dos animais illados seronegativos non poderán incorporarse xunto aos demais animais da explotación ata que non se lles realice unha segunda analítica anti-gE negativa aos 21 despois da eliminación do animais ou animais positivos.

2.11. Suspensión e recuperación da clasificación.

A suspensión da clasificación poderá deberse a:

a) Incumprimento do programa vacinal cando este sexa obrigatorio.

b) Confirmación serolóxica ou virolóxica da enfermidade: cando nunha explotación IBR 1-, IBR 2, IBR 3, IBR 4 ou IBR 4+ se detecte a presenza de animais clinicamente enfermos ou seroloxicamente positivos á anti-gE, procederase á confirmación serolóxica ou virolóxica da enfermidade. Se se confirma esta, quedará suspendida a clasificación da explotación afectada.

No suposto a) a recuperación da clasificación producirase unha vez acreditada a correcta aplicación do programa vacinal nos efectivos presentes da explotación e que deberá realizarse en todo caso nun período máximo de 6 meses tras a suspensión. Ademais, no caso de explotacións IBR 3, deberán realizar un control serolóxico con resultado negativo a anti-gE nun número de animais segundo a fracción de mostraxe da táboa B deste anexo (prevalencia 2 % e nivel de confianza 95 %) .

No suposto b) a recuperación da clasificación producirase unha vez eliminados os animais positivos e cando pasado un mínimo de 30 días desde a súa eliminación, se realizan con resultado anti-gE negativo, os controis serolóxicos establecidos para a obtención do título, e sempre que se manteña, se é o caso, un plan vacinal aprobado pola autoridade competente, á excepción das explotacións IBR 4 e IBR 4+. Ata á recuperación da clasificación, só se permitirá o movemento de animais con destino directo ao cebadeiro ou a matadoiro.

No caso dos cebadeiros, reclasificaranse inmediatamente cando introduzan animais procedentes dunha explotación cunha clasificación inferior. Neste caso, e tras o correspondente baleirado do cebadeiro e posterior limpeza e desinfección, poderán reclasificarse obtendo a clasificación da explotación co menor nivel sanitario da que procedan os animais.

3. Control da paratuberculose.

3.1. Obxectivos do programa.

– Divulgar o significado da enfermidade.

– Minimizar o risco de infección en explotacións non afectadas pola enfermidade.

– Detectar explotacións infectadas.

– Aplicar pautas de manexo nas explotacións, segundo o nivel de risco.

– Minimizar os efectos da enfermidade nas explotacións infectadas.

3.2. Definicións.

1. Animal bovino confirmado a paratuberculose: aquel en que se dea calquera das seguintes situacións:

– Presenta lesións patognomónicas en que se visualiza a presenza de bacilos ácido-alcol resistentes.

– En feces do animal visualízase a presenza de bacilos ácido-alcol resistentes e presenta síntomas clínicos compatibles coa enfermidade.

– Cando en calquera tipo de mostra procedente do animal se obtivese un resultado do Lasapaga positivo a PCR.

– No caso dun resultado a PCR do Lasapaga en que conste a lenda «Detectadas micobacterias probables MAP», sempre e cando nesa explotación houbese antecedentes de animais confirmados.

2. Animal sospeitoso:

– Calquera animal positivo a ELISA anticorpos e con proba negativa a PCR en feces.

– Animal cun resultado a PCR do Lasapaga en que conste a lenda «Detectadas micobacterias probables MAP», e sempre e cando na explotación non houbese antecedentes de animais confirmados.

3. Explotación negativa: explotación sen resultados positivos a ELISA anticorpos nin a PCR da paratuberculose.

4. Explotación sospeitosa:

– Aquela con algún animal positivo a ELISA anticorpos e negativo ás probas de confirmación PCR en feces.

– Aquela con algún animal positivo a ELISA anticorpos ou con algún animal cun resultado á PCR do Lasapaga en que conste a lenda «Detectadas micobacterias probables MAP», e sempre e cando na explotación non houbese antecedentes de animais confirmados.

5. Explotación confirmada: aquela explotación con algún animal confirmado de paratuberculose nos últimos 24 meses.

3.3. Pautas de mostraxe xeral para realizar nas explotacións:

– Unha analítica de detección de anticorpos mediante probas ELISA no 40 % dos animais maiores de 24 meses, dando prioridade a:

– Animais de risco (con diarrea crónica, adelgazamento, descenso de produción inxustificada).

– Animais adquiridos nos últimos anos.

– Animais positivos a ELISA anticorpos en anos anteriores e non confirmados positivos por PCR.

– Outros animais ELISA negativos en anos anteriores ata completar o 40 % dos animais maiores de 24 meses se esa porcentaxe non se acadou cos animais citados anteriormente dando preferencia aos animais mostrexados con máis antigüidade.

– Os animais ELISA positivos deberán ser confirmados por PCR. No caso de animais con valores de ELISA que indiquen niveis baixos de anticorpos, poderá realizarse un novo ELISA antes de facer a PCR para confirmar o resultado.

– No caso de animais ELISA positivos ou animais sospeitosos en explotacións non confirmadas de paratuberculose, deberase facer un seguimento do animal cunha nova mostraxe en soro e feces como máximo 5 meses despois da primeira mostraxe; no caso de persistir a positividade PCR, o animal considerarase como animal positivo confirmado a paratuberculose.

3.4. Pautas de mostraxe para realizar nas explotacións confirmadas como infectadas de paratuberculose.

– As explotacións confirmadas como infectadas deberán realizar unha mostraxe do 100 % dos animais maiores de 24 meses para determinación de anticorpos en soro.

– Previo ao sangrado anterior do 100 % deberase implantar un exhaustivo programa de manexo e eliminación de animais clínicos ou confirmados, establecido polos servizos técnicos veterinarios responsables da ADSG e supervisado polos servizos veterinarios oficiais que deberá estar asinado tanto polo persoal veterinario da ADSG como pola persoa titular da explotación.

– O programa incluirá a información das medidas de bioseguridade e a supervisión da aplicación das medidas de manexo para evitar a contaminación fecal-oral e deberá manterse polo menos durante 3 anos.

– O sangrado do 100 % poderase manter a criterio do persoal veterinario da ADSG se o considera necesario durante os 3 anos mínimos de duración da implementación do programa de manexo.

3.5. Outras pautas de actuación.

– Os animais confirmados positivos por PCR sen sintomatoloxía clínica, excepcionalmente, poderán permanecer na explotación durante un período non superior aos 15 meses desde a data de confirmación da positividade, illados do resto dos animais e coas medidas de bioseguridade axeitadas.

– Os animais confirmados positivos por PCR con sintomatoloxía clínica deberán ser eliminados da explotación nun prazo máximo de 3 meses desde a data da súa confirmación.

En todo caso os animais confirmados como positivos a paratuberculose non poderán en ningún caso ser trasladados a outras explotacións de reprodución ou a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o seu único destino o traslado directo a matadoiro acompañados da correspondente autorización de traslado (guía), sen paso intermedio por mercados ou explotacións de operadores comerciais.

– Nas explotacións sospeitosas a paratuberculose estableceranse pautas de manexo axeitadas para minimizar o risco de introdución da infección. Estas pautas serán determinadas polo persoal veterinario da ADSG en función da clasificación da explotación.

– Todo animal ELISA positivo, antes do seu movemento cara a outras explotacións, deberá ser sometido ás probas de confirmación (PCR). De obter un resultado negativo ás ditas probas, antes do movemento deberá realizar unha nova analítica ELISA anticorpos con resultado negativo.

– Os animais ELISA positivos e negativos a PCR poderán circular, previamente ao seu traslado a matadoiro o cebadeiro, por un mercado sempre que non pase máis dun ano desde a emisión do resultado negativo a PCR.

– O Lasapaga, ou o laboratorio autorizado que realice o diagnóstico, comunicará aos servizos veterinarios oficiais e ao persoal veterinario da ADSG a identificación dos animais confirmados como positivos a paratuberculose detectados. En todos os casos, os servizos veterinarios oficiais realizarán un control estrito sobre estes, rexistrando a inmobilización dos animais afectados na base de datos da Consellería do Medio Rural.

– Ademais, o persoal veterinario da ADSG comunicará o diagnóstico de confirmación da positividade aos servizos veterinarios oficiais, informará a persoa titular da explotación afectada das obrigas sinaladas nos puntos anteriores e establecerá un plan de manexo, tendente a atenuar os efectos da enfermidade na explotación e minimizar o risco de infección doutras explotacións.

A comunicación á persoa titular/representante da explotación será por escrito mediante modelo de documento establecido na aplicación informática FICADI_ADSG á persoa titular da explotación nun prazo non superior a 10 días desde a recepción dos resultados do Lasapaga ou do laboratorio autorizado, que os animais confirmados como positivos a paratuberculose non poderán en ningún caso ser destinados a outras explotacións nin a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas, sendo o único destino o seu traslado directo a matadoiro.

– Así mesmo, a persoa titular da explotación/representante requirirá ao operador comercial ou transportista para que traslade o animal a sinatura no dito documento, conforme coñece o destino final dos animais implicados. Este documento manterase na explotación, polo menos, durante un ano desde o traslado do animal, por se fose requirido polos servizos veterinarios oficiais.

– En explotacións infectadas de paratuberculose onde convivan outros ruminantes, deberase investigar, igualmente, a presenza de anticorpos da enfermidade en todas as especies susceptibles.

3.6. Clasificación de explotacións.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións, en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2027 nos niveis que se indican a seguir:

Nivel 0: explotación con polo menos un animal confirmado de paratuberculose nos últimos 24 meses. Ou ben explotacións de nova incorporación das que non se dispoña de información epidemiolóxica.

Nivel 1: explotación con animais ELISA positivo e probas de confirmación (PCR) negativas.

Nivel 2: explotación sen animais ELISA positivos nos últimos 12 meses.

Nivel 3: explotación sen animais ELISA positivos nos últimos 24 meses.

Nivel 4: explotación sen animais ELISA positivos nos últimos 36 meses.

Nivel 5: explotación sen animais ELISA positivos nos últimos 48 meses.

Nivel 6: explotación sen animais ELISA positivos nos últimos 60 meses.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá rexistrar esta clasificación sanitaria na aplicación informática FICADI_ADSG, así como as súas posibles modificacións ao longo do tempo, neste caso nun prazo máximo de 7 días naturais desde que se coñeza o cambio de clasificación sanitaria.

4. Control da neosporose bovina.

4.1. Obxectivo do programa:

O obxectivo do programa será a diminución dos efectos negativos da enfermidade nas explotacións mediante a detección de animais positivos a neosporose.

4.2. Finalidade das probas diagnósticas:

Detección de animais positivos a anticorpos como responsables da transmisión vertical da enfermidade co fin de non destinalos á reprodución.

4.3. Pautas de mostraxe para realizar:

Analíticas de anticorpos en soro: unha mostraxe anual dos animais abortados, os seus ascendentes e descendentes e, opcionalmente, dos animais da recría no caso de sospeita de transmisión horizontal.

4.4. Outras pautas de actuación.

Evitar no posible o contacto do alimento do gando coas feces dos cans.

5. Control de incorporacións.

– As persoas titulares das explotacións comunicarán con antelación ao persoal veterinario responsable da ADSG todas as entradas de novos animais na súa explotación.

– Considéranse animais de nova incorporación, tanto aqueles con orixe en explotacións alleas á explotación de destino como os animais propios da explotación e que retornen a ela procedentes doutras explotacións (pastos comunais, concursos, mercados, centros de recría en común, etc.).

Non se considerarán novas incorporacións:

– Os animais que retornen de centros de recría integrados nunha ADSG e que fosen mostrexados no centro nos 30 días previos a súa saída.

– O fluxo de animais entre explotacións dun mesmo titular sempre e cando estean integradas en ADSG.

– Os animais nados na explotación.

– A primeira mostraxe que se realiza nunha explotación de nova incorporación a unha ADSG.

– Os animais destinados para venda cando o seu novo destino non sexa outra explotación en ADSG (no caso de que o destino sexa unha explotación integrada nunha ADSG, os animais deben ser analizados e deberá figurar o REGA da explotación de orixe no informe do envío de mostras ao laboratorio).

– As explotacións integradas en ADSG, baixo a supervisión do persoal veterinario responsable, deberán realizar corentena e control serolóxico de BVD antíxeno e de anticorpos BVD anti-p80, IBRgE, paratuberculose e neosporose de todos os animais de nova incorporación.

– Non se incorporarán ás explotacións da ADSG animais que resulten positivos a BVD-antíxeno, a IBR gE nin a ELISA ou PCR de paratuberculose.

– As analíticas realizadas como novas incorporacións non se computarán para os efectos da mostraxe anual obrigatoria da explotación.

– Non serán necesarios estes controis cando os animais procedan de explotacións pertencentes a ADSG que cumpran co mesmo programa sanitario e veñan acompañados dunha acreditación sanitaria asinada polo persoal veterinario da ADSG de orixe que deberá reflectir os controis a que foron sometidos os animais implicados, que deberán ser, en todo caso, negativos e estar realizados como máximo nos tres meses anteriores ao traslado do animal.

– Os animais de incorporación deberán ser obxecto de mostraxe na explotación de orixe no prazo máximo de 21 días previos ao movemento, co fin de evitar a introdución de animais positivos e a aparición de gromos na explotación de destino. De non ser posible, serán mostrexados na explotación de destino no prazo dos 21 días desde a súa incorporación, onde deberán permanecer en corentena, illados do resto do rabaño, ata polo menos coñecer os resultados das probas analíticas.

– No caso da IBR seguiranse as pautas reflectidas no programa sanitario en función da clasificación da explotación de destino.

– Respecto ao control da paratuberculose, quedaran exentos da mostraxe os animais menores de 12 meses, quedando a criterio do persoal veterinario da ADSG o poder solicitalo.

– O control serolóxico en soro non será necesario que se realice en animais incorporados menores de 5 meses e destinados a cebo, sendo necesario neste caso realizar unicamente o control de BVD antíxeno en mostra de tecido de orella. No caso de que a explotación estivese adherida ao programa nacional de IBR, deberá analizarse tamén analítica anticorpos anti-gE.

Se estes animais finalmente se incorporan como reprodutores na explotación, será necesario realizar previamente un control serolóxico de BVD antíxeno, e anticorpos BVD anti-p80, IBR-gE e neospora unha vez superados os 6 meses de idade.

– Se as analíticas realizadas revelan positividade nos animais en corentena, poderanse devolver á explotación de orixe nun prazo máximo de 30 días, coa autorización dos servizos veterinarios oficiais, que controlarán o seu posterior destino, coa excepción dos animais positivos a BVD antíxeno, que non poderán ser devoltos ata que sexan sometidos a unha segunda proba de BVD antíxeno con resultado negativo.

– Se durante a corentena algún dos animais resulta positivo a BVD antíxeno, a explotación considerarase infectada ata a realización das probas que descarten o contaxio da infección.

– No caso de que se incorporen á explotación animais xestantes positivos a BVD anti- p80, estes deberán parir en corentena, illados do resto de animais da explotación e deberá realizarse a analítica de BVD antíxeno do tenreiro ao nacemento, ou do aborto, de ser o caso, para descartar a existencia dun animal PI. A criterio do persoal veterinario poden quedar exentas desta mostraxe as femias procedentes dun centro de recría cando se incorporen á explotación de orixe sempre e cando se certifique que foron vacinadas.

– No caso de animais ELISA positivos a paratuberculose procedentes doutra explotación integrada en ADSG e que se devolvan a orixe, non se permitirá a súa nova venda cara a explotacións de reprodución ata que a enfermidade sexa descartada mediante as probas correspondentes.

– No caso de que se incorporen animais importados de explotacións doutros países onde non se poida garantir que estean a desenvolver programas sanitarios similares ao programa sanitario marco desta orde, os animais deberán vir acompañados da documentación correspondente que garanta que as ditas explotacións de orixe están a realizar outros programas sanitarios que acrediten a ausencia de circulación vírica respecto a IBR e a BVD, e que garantan a máxima clasificación posible respecto a paratuberculose nesas explotacións.

5.1. Comunicación de retornos.

– As persoas titulares de explotacións comunicarán ao persoal veterinario da ADSG o retorno dos seus animais despois de que tivesen contacto con outros animais doutras explotacións (pastos comunais, concursos, mercados, centros de recría en común, etc.).

Nestes casos, realizaranse controis serolóxicos de BVD anti-p80 e IBRgE 21 días despois do seu retorno.

6. Centros de recría integrados en ADSG.

– Os centros de recría integrados nunha ADSG deberán incorporar animais procedentes de explotacións integradas en ADSG ou de explotacións onde desenvolvan un programa sanitario similar ao programa marco recollido na presente orde o que acreditará documentalmente o persoal veterinario da explotación de orixe.

– Os animais con destino aos centros de recría integrados en ADSG deberán cumprir os seguintes requisitos sanitarios para podelos incorporar:

– Ser negativos a BVD-antíxeno en mostra de tecido de orella realizada sempre na explotación de orixe.

– As nais das tenreiras serán negativas a ELISA paratuberculose.

– Non procederán en ningún caso de explotacións cos seguintes niveis:

– BVD: Nivel 0 ou 1.

– IBR: Nivel 0, 1 ou 1- .

Por defecto as explotacións cos niveis BVD 1 ou IBR 1- non poderán enviar animais, co fin de evitar a posible existencia de animais falsos negativos nas explotacións de orixe. Porén, individualmente o persoal veterinario responsable da ADSG de orixe, e de acordo coa dinámica destas patoloxías, poderá determinar que unha explotación con esas cualificacións non presenta risco sanitario apreciable para o centro de recría, mediante unha certificación dese persoal veterinario. As explotacións cualificadas como nivel 0 de IBR debido á ausencia de vacinación poderán enviar animais ao centro sempre e cando cumpran, como mínimo, os resultados exixidos para obter a cualificación de IBR 1-.

– En calquera caso os animais incorporados ao centro de recría non deberán ter contacto coas xovencas preñadas presentes no centro ata a realización dunha nova analítica aos 4 meses de idade para a detección de BVD antíxeno en mostras individuais ou por PCR no caso de pools de mostras.

– Nos 30 días previos á saída dos animais dos centros de recría cara ás explotacións de orixe, deberáselles facer unha nova analítica das enfermidades obxecto deste programa (BVD-antíxeno, BVD anticorpos anti-p80, IBR gE, anticorpos de paratuberculose e neospora).

En todos os controis de enfermidades de control de ADSG, teranse en conta as posibles interferencias da execución das probas de IDTB ou de vacinacións recentes doutras enfermidades. Por este motivo, as mostraxes de paratuberculose deberán facerse sempre previamente á realización da IDTB, e igualmente, as mostraxes de BVD ou IBR deben ser anteriores á aplicación das doses vacinais fronte esas enfermidades.

Os animais que resulten positivos a calquera proba de BVD, IBR ou paratuberculose nalgunha mostraxe realizada no centro deberán ser illados de inmediato no lazareto do centro ata realizar as probas de confirmación que procedan, segundo cada enfermidade.

No caso de confirmarse a positividade, o único destino destes animais será o sacrificio inmediato e posterior limpeza e desinfección exhaustiva dos locais en que permanecesen.

Os animais que resultasen positivos a anticorpos de paratuberculose someteranse a unha proba de PCR en feces. No caso de resultar negativa, o animal poderá volver á explotación de orixe logo de consentimento do persoal titular desa explotación. No caso de que a proba PCR sexa positiva, o destino do animal será o sacrificio inmediato (logo de illamento urxente en lazareto).

No caso de animais cun resultado da PCR en feces que indique «Micobacterias probables MAP», volveríase repetir a PCR aos 15 días. No caso de volver confirmarse o dito resultado, os animais consideraranse confirmados de MAP polo que só poderán saír do centro con destino directo ao matadoiro.

7. Cebadeiros.

Os cebadeiros integrados nunha ADSG deberán cumprir as obrigas básicas establecidas nesta orde referentes a:

– Deberan incorporar preferentemente animais procedentes de explotacións integradas nas ADSG.

– Identificación animal e rexistro de explotacións.

– Benestar animal.

– Formación sanitaria das persoas titulares das explotacións.

– Conservar as fichas de actuacións.

– Ter feita e conservar a enquisa de bioseguridade.

O programa sanitario deberá incluír, como mínimo:

– Programa de LDDD.

– Programa de desparasitación.

– Programa vacinal adecuado á explotación.

– Sobre animais maiores de 5 meses, unha mostraxe anual mínima do 5 % do censo medio da explotación, para a determinación de anticorpos anti gE da IBR.

8. Programa de vacinación de lingua azul.

As ADSG poderán desenvolver un programa de vacinación de lingua azul, nos termos que determine a agrupación, en función das necesidades das explotacións integradas. De ser o caso, este programa desenvolverase en coordinación coa Consellería do Medio Rural, e cos condicionantes establecidos por esta.

Gando ovino e cabrún.

1. Control da paratuberculose.

1.1. Obxectivos das probas diagnósticas.

Realizaranse analíticas destinadas a coñecer o estado sanitario das explotacións, identificando os rabaños negativos e os que presentan baixa ou alta prevalencia, definíndose as actuacións que se van realizar en cada un deles en función dos resultados obtidos.

1.2. Definicións:

1. Animal ovino/cabrún sospeitoso a paratuberculose, aquel en que se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Animal positivo a ELISA anticorpos e con resultado negativo á proba de PCR en feces.

– Animal cun resultado a PCR do Lasapaga en que conste a lenda «Detectadas micobacterias probables MAP», sempre e cando na explotación non houbese antecedentes de animais confirmados.

2. Animal ovino/cabrún confirmado á paratuberculose aquel en que se dea algunha das seguintes circunstancias:

– Que presente lesións patognomónicas nas cales se visualice a presenza de microorganismos ácido-alcol resistentes nas probas de histopatoloxía da válvula ileocecal.

– Animal que teña un resultado positivo á proba de confirmación de PCR en feces.

– Animal dunha explotación con antecedentes de animais confirmados por PCR en que el resultado do Lasapaga conste a lenda «Detectadas micobacterias probables MAP».

– En explotacións confirmadas calquera animal que presente síntomas compatibles coa enfermidade segundo diagnóstico clínico veterinario.

3. Explotación negativa, aquela sen animais positivos a ELISA anticorpos nin a PCR.

4. Explotación sospeitosa, aquela con algún animal positivo a ELISA anticorpos e negativo as probas de confirmación PCR en feces ou con algún animal cun resultado a PCR do Lasapaga en que conste a lenda «Detectadas micobacterias probables MAP», sempre e cando na explotación non houbese antecedentes de animais confirmados.

5. Explotación confirmada, aquela explotación con algún animal confirmado de paratuberculose.

1.3. Pautas de mostraxe xeral para realizar nas explotacións:

Realizarase unha mostraxe para a determinación de anticorpos en soro nun número de animais de acordo cun tamaño de mostra que asegure a detección dunha prevalencia do 5 % cunha fiabilidade do 95 %, segundo a táboa C deste anexo.

As prioridades na selección de animais será:

– Animais de risco (con diarrea crónica, adelgazamento, descenso de produción inxustificada).

– Animais adquiridos nos últimos anos.

– Animais positivos a ELISA anticorpos e PCR negativos en anos anteriores.

– Os animais positivos a ELISA anticorpos deberán ser confirmados por PCR.

1.4. Pautas de mostraxe para realizar nas explotacións confirmadas como infectadas de paratuberculose:

– Estas explotacións deberán realizar unha mostraxe de ELISA anticorpos en soro no 100 % dos animais maiores de 12 meses.

– Previo ao sangrado anterior do 100 % deberase implantar un exhaustivo programa de manexo e eliminación de animais clínicos ou confirmados, establecido polos servizos veterinarios responsables da ADSG e supervisado polos servizos veterinarios oficiais, que deberá estar asinado tanto polo persoal veterinario da ADSG como pola persoa titular/representante da explotación.

– O programa incluirá medidas de bioseguridade e de supervisión da aplicación das medidas de manexo para evitar a contaminación fecal-oral e deberá manterse polo menos durante 3 anos.

– O sangrado do 100 % poderase manter a criterio do persoal veterinario da ADSG se o considera necesario durante os 3 anos mínimos de duración do programa de manexo.

1.5. Outras pautas de actuación.

– Nas explotacións sospeitosas, todo animal positivo a ELISA anticorpos, antes do seu movemento cara a outras explotacións, deberá ser sometido á proba de confirmación por PCR. De obter un resultado negativo á dita proba, nos 15 días previos ao movemento, deberá realizar unha nova analítica de ELISA anticorpos con resultado negativo.

– Nas explotacións sospeitosas estableceranse pautas de manexo axeitadas de control para minimizar a difusión da enfermidade. Estas pautas serán determinadas polo persoal veterinario da ADSG en función da clasificación da explotación.

– Os animais positivos, confirmados por PCR ou con clínica ou lesións compatibles no caso de explotacións confirmadas, deberán ser eliminados da explotación. En todo caso, estes animais non poderán en ningún caso ser trasladados a outras explotacións de reprodución ou a pastos comunais, nin transitar por camiños comúns a outras explotacións non infectadas. Permitirase unicamente o traslado directo a un cebadeiro ou un operador comercial, sempre que o destino final destes animais sexa o matadoiro.

A existencia de animais positivos confirmados deberá ser comunicada por escrito polo persoal veterinario da ADSG á persoa titular da explotación, no prazo non superior a 10 días desde a recepción dos resultados de laboratorio, mediante o documento ao efecto obtido da aplicación FICADI_ADSG, no cal tamén se indicarán as medidas de restrición de movementos e de destinos posibles establecidos no punto anterior.

– No caso de confirmarse algún animal como PCR positivo, a explotación quedará inmobilizada ata a eliminación dos animais confirmados. Unha vez eliminados deberase realizar unha mostraxe de ELISA anticorpos en soro do 100 % dos animais maiores de 12 meses. Os animais positivos a esta mostraxe deberán ser confirmados por PCR. No caso de negatividade a PCR de todos os animais positivos a ELISA anticorpos, poderán saír a outras explotacións de produción sempre que realicen unha nova analítica ELISA anticorpos con resultado negativo nos 15 días previos á saída.

– O Lasapaga comunicará aos servizos veterinarios oficiais e ao persoal veterinario da ADSG a identificación dos animais detectados confirmados como positivos a paratuberculose. En todos os casos, os servizos veterinarios oficiais realizarán un control estrito sobre estes, rexistrando a inmobilización dos animais afectados na base de datos da Consellería do Medio Rural.

– Así mesmo, a persoa titular da explotación requirirá o operador comercial ou transportista a sinatura no dito documento conforme coñece o destino final dos animais implicados. Este documento manterase na explotación polo menos, durante un ano desde o traslado do animal, por se for requirido polos servizos veterinarios oficiais.

– En explotacións confirmadas de paratuberculose onde convivan outros ruminantes, estes deberán someterse ás probas diagnósticas establecidas no programa de control da paratuberculose de ADSG de gando bovino.

1.6. Explotacións vacinadas:

– As persoas titulares/representantes das explotacións ovinas ou cabrúas en que se confirmase a presenza de paratuberculose, poderán solicitar á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias autorización expresa para a vacinación fronte esta enfermidade.

– A vacinación realizarase unicamente con vacinas inactivadas.

– Non se autorizará a vacinación fronte á paratuberculose en rabaños de gando cabrún que convivan ou teñan relación epidemiolóxica con gando bovino, nin tampouco de rabaños cabrúns que comercialicen leite, xa que estes deben ser sometidos ao programa de erradicación da tuberculose e poderían existir interferencias diagnósticas.

Porén, excepcionalmente poderase autorizar a aplicación dun programa vacinal extraordinario no caso de explotacións de gando cabrún con confirmación da enfermidade sempre que se cumpran as seguintes condicións:

– O rabaño deberá ter presentado resultados negativos á proba de intradermotuberculinización comparada en todos os animais susceptibles de ser sometidos a esa proba, antes do inicio do programa de vacinación.

– Os animais que se incorporen á explotación procederán doutros rabaños negativos a tuberculose, ou serán sometidos a probas de diagnóstico de tuberculose nos 30 días anteriores á súa incorporación, con resultados negativos.

– Os animais que resulten positivos ás probas anuais de diagnóstico da tuberculose (intradermotuberculinización comparada) ou, se é o caso, un número significativo deles, serán sacrificados para realizar o estudo microbiolóxico da enfermidade, co obxecto de determinar ou descartar a presenza de tuberculose no rabaño. No caso de confirmarse a existencia de tuberculose, serán sacrificados de xeito inmediato todos os animais reaccionantes que non fosen eliminados anteriormente.

– Despois do comezo do programa vacinal, a vacinación anual da recría realizarase tras a execución no rabaño das probas sanitarias anuais de tuberculose.

– As persoas titulares das explotacións comprometeranse, unha vez autorizadas, a manter a vacinación da recría durante polo menos tres anos consecutivos tras a primeira vacinación e ata que os resultados das probas de PCR realizadas sobre feces sexan resultados negativos.

– Permitirase a saída de animais vacinados positivos a ELISA aos seguintes destinos:

• Ao matadoiro.

• A un cebadeiro para o seu traslado directo ao matadoiro.

• A un operador comercial co destino final do matadoiro.

• A outras explotacións cun programa vacinal autorizado ou con solicitude de autorización presentada ante os servizos veterinarios oficiais, e que cumpran idénticas condicións ás establecidas.

– As explotacións vacinadas poderán facer anualmente probas de PCR en feces sobre unha porcentaxe de animais (fracción de mostraxe 95/5 en animais menores de 12 meses) co fin de determinar a existencia ou non de excreción bacteriana que permita avaliar a eficacia do programa vacinal.

– Nos rabaños que cesen a vacinación haberá que seguir cun protocolo de control da paratuberculose que consistirá na realización dunha toma de mostras de soro para análise de ELISA anticorpos na totalidade de animais presentes na explotación de máis de 12 meses que non estean vacinados, segundo a táboa utilizada para mostraxe aleatoria anual (95/5), durante a lo menos 3 anos. Despois deste período, establecerase o protocolo de toma de mostras para explotacións non vacinadas.

1.7. Clasificación de explotacións.

O persoal veterinario responsables da ADSG deberá clasificar as explotacións en función das probas diagnósticas realizadas aos rabaños ata o 28 de febreiro de 2027, nos niveis que se indican a continuación:

Explotación vacinada: explotación que empregou a vacinación para o control da enfermidade.

Nivel 0: explotación con ao menos un animal confirmado de paratuberculose nos últimos 12 meses. Ou ben explotacións de nova incorporación das que non se dispoña de información epidemiolóxica.

Nivel 1: explotación con animais positivos a ELISA anticorpos e probas de confirmación (PCR) negativas.

Nivel 2: explotación sen animais positivos a ELISA anticorpos nos últimos 12 meses.

Nivel 3: explotación sen animais positivos a ELISA anticorpos nos últimos 24 meses.

Nivel 4: explotación sen animais positivos a ELISA anticorpos nos últimos 36 meses.

As probas diagnósticas necesarias para a consecución e mantemento da clasificación serán as que estableza a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá rexistrar esta clasificación sanitaria na aplicación informática FICADI_ADSG, así como as súas posibles modificacións ao longo do tempo, neste caso nun prazo máximo de 7 días naturais desde que se coñeza o cambio de clasificación sanitaria.

2. Control da neosporose ovina/cabrúa.

2.1. Obxectivo do programa:

O obxectivo do programa é a diminución dos efectos negativos da enfermidade en explotacións mediante a detección de animais positivos a anticorpos de neospora.

2.2. Finalidade das probas diagnósticas:

Detección de animais positivos a anticorpos, como responsables da transmisión vertical da enfermidade co fin de non destinalos a reprodución.

2.3. Pautas de mostraxe que se realizarán:

– En explotacións sen información epidemiolóxica: mostraxe de 10 animais para detección de positivos a ELISA anticorpos de animais con antecedentes de aborto, os seus ascendentes e descendentes.

– En explotacións con información epidemiolóxica: analíticas de ELISA anticorpos en soro dos animais abortados, e opcionalmente, dos animais da recría no caso de sospeita de transmisión horizontal, ata completar un máximo de 10 animais.

2.4. Medidas que se tomarán:

Os animais positivos a ELISA anticorpos e con antecedentes previos de abortos deberán ser excluídos para a selección de recría, e se mostrasen síntomas da enfermidade, eliminalos automaticamente.

3. Control de incorporacións:

Non se incorporarán ás explotacións da ADSG animais que resulten positivos a ELISA anticorpos, PCR ou cultivo de paratuberculose, a ELISA anticorpos de neospora.

Os animais de incorporación deberán ser obxecto de mostraxe na explotación de orixe no prazo máximo de 30 días previos ao movemento, co fin de evitar a introdución de animais positivos e a aparición de gromos na explotación de destino. De non ser posible, serán mostrexados na explotación de destino no prazo dos 30 días desde a data da incorporación, onde deberán permanecer en corentena, illados do resto do rabaño, ata polo menos coñecer os resultados das probas analíticas.

Cando os animais procedan de explotacións pertencentes a algunha ADSG que cumpran co mesmo programa sanitario e veñan acompañados dunha acreditación sanitaria asinada polo persoal veterinario da ADSG de orixe na cal se faga constar o nivel da explotación de orixe, no caso da paratuberculose deberá ser igual ou superior a nivel 3, nestes casos os animais estarían exentos de volver a ser mostrexados.

No caso de que o nivel da explotación de orixe sexa inferior ao indicado no parágrafo anterior, os animais implicados no movemento deberán ter as probas realizadas nos tres meses anteriores ao traslado dos animais.

3.1. Comunicación de incorporacións:

– As persoas titulares das explotacións comunicarán con antelación todas as entradas de novos animais na súa explotación ao persoal veterinario responsable da ADSG.

4. Programa de vacinación de lingua azul.

As ADSG poderán desenvolver un programa de vacinación de lingua azul, nos termos que determine a agrupación, en función das necesidades das explotacións integradas. De ser o caso, este programa desenvolverase en coordinación coa Consellería do Medio Rural, e cos condicionantes establecidos por esta.

Gando porcino.

1. Control da enfermidade Aujeszky, seguindo as pautas establecidas na normativa legal vixente ao respecto e, concretamente, na aplicación da vacina fronte á dita enfermidade.

O persoal veterinario das ADSG tomará todas as medidas necesarias para conseguir no prazo máis breve posible a cualificación sanitaria fronte á enfermidade de Aujeszky da totalidade das granxas integradas.

Así mesmo, no caso de detectarse a presenza da enfermidade de Aujeszky nunha granxa, o persoal veterinario da ADSG presentará un plan de erradicación da enfermidade. O persoal veterinario será responsable da súa supervisión e correcta execución.

2. Controis serolóxicos nos reprodutores e no cebo, segundo corresponda coa periodicidade e porcentaxe establecidos na normativa vixente ao respecto da peste porcina clásica (en diante, PPC), peste porcina africana (en diante, PPA), e enfermidade de Aujeszky.

3. Control da síndrome respiratoria e reprodutiva porcina (en diante, PRRS).

3.1. Poboación incluída no programa.

No programa estarán incluídas a totalidade das explotacións integradas nas ADSG, aínda que inicialmente os controis analíticos se realizarán só nas explotacións de produción con femias reprodutoras.

Poderanse incluír nos controis analíticos aquelas explotacións de tipo cebadeiro de acordo coa situación epidemiolóxica en determinadas áreas de alta densidade porcina.

3.2. Obxectivo do programa.

O programa ten por obxectivo o coñecemento da situación sanitaria de cada explotación con reprodutoras e o establecemento medidas de control da enfermidade de acordo coa situación sanitaria inicial de cada unha desas explotacións.

3.3. Metodoloxía do programa.

3.3.1. Realización en todas as explotacións da ADSG dunha enquisa de bioseguridade específica en relación co PRRS no momento do inicio do programa de control.

3.3.2. Probas diagnósticas: realizaranse analíticas destinadas a coñecer o estado sanitario das explotacións con reprodutoras, clasificando os rabaños en positivos ou negativos e definíndose as actuacións que se van realizar en cada unha delas en función dos resultados obtidos.

Pautas xerais de mostraxe:

Toma de mostras en explotacións con reprodutoras, co fin de determinar a situación de excreción e de exposición viral na explotación. Realizarase:

– Leitóns en parideira (2-3 semanas de vida): tomaranse 32 mostras de soro para a determinación do virus mediante a técnica PCR en pools segundo proceda.

– Leitóns en transición: tomaranse 8 mostras de soro de animais de principio e final desta fase, para a determinación do virus mediante a técnica PCR e anticorpos mediante a técnica ELISA.

Unha vez determinada a situación de excreción e exposición na explotación, realizaranse novas tomas de mostras de seguimento da situación nesas poboacións segundo o que determine o persoal veterinario da ADSG, estimándose recomendable una frecuencia de mostraxe cadrimestral.

Novas incorporacións: realizarase un control aos reprodutores de reposición externa antes da súa incorporación, a ser posible na explotacións de orixe e, de non ser posible na explotación de destino, na cal permanecerán en corentena ata obter os resultados negativos das analíticas.

A mostraxe farase a un número de animais de acordo cun tamaño de mostra que asegure a detección da enfermidade cunha prevalencia do 5 %, e unha fiabilidade do 95 %, segundo a táboa C deste anexo.

Realizaranse analíticas de PCR, individuais ou en pools segundo proceda, e de ELISA anticorpos (só en animais non vacinados).

3.4. Estudos dos factores de risco de entrada e mantemento da infección.

3.5. Establecemento de medidas de control de acordo coa situación de partida de cada explotación e no conxunto das granxas integradas.

3.5.1. Mellora da bioseguridade:

– Externa: na entrada de animais de reposición e de seme, entrada de vehículos, persoal, etc. Coñecemento da situación sanitaria de explotacións próximas.

– Interna: establecemento de protocolos de LDDD, utilización de vestiario e material específico de cada zona da explotación e control do acceso ás diferentes zonas.

3.5.2. Adopción de boas prácticas de manexo preventivo de control de PRSS en leitóns en lactación.

3.6. Clasificación das explotacións.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións, en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas, ata o 28 de febreiro de 2027 nos grupos que se indican a continuación:

– Explotación positiva inestable: explotación con PCR positivos (excreción positiva) e ELISA anticorpos positivos (exposición positiva).

– Explotación positiva estable: explotación con PCR dubidosos ou negativos (excreción negativa) e ELISA anticorpos positivos (exposición positiva).

– Explotación negativa: PCR negativo e ELISA anticorpos negativo (excreción e exposición negativas).

3.7. Mantemento de medidas de seguimento unha vez conseguidos os obxectivos perseguidos.

4. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres e outros subprodutos.

5. En relación co programa de control de parasitos internos e externos.

O obxectivo do programa será a detección da carga parasitaria das explotacións e/ou a toma de medidas encamiñadas a diminuír ou erradicar a presenza de parasitos nas explotacións baixo control.

Avicultura.

1. Colaboración coas actuacións que correspondan nos plans sanitarios de control, seguimento e loita (segundo corresponda) establecidos na normativa vixente e especificamente, nos programas oficiais de salmonelose e influenza aviaria.

Dentro do programa sanitario de control de salmonela, especificamente o control e supervisión da realización dos autocontrois establecidos na normativa vixente e a existencia nas explotacións da documentación acreditativa referente a resultados de laboratorio, subministración de aves, alimentos e auga de uso na explotación.

2. Programa de control de calidade microbiolóxica que permita avaliar o estado sanitario nas incubadoras.

Cunicultura.

1. Colaboración no cumprimento do establecido no Real decreto 1547/2004, do 25 de xuño, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións cunícolas.

Especificamente, levaranse a cabo programas de vixilancia e control específicos dos seguintes procesos infectocontaxiosos:

– Programa de vixilancia e control fronte a mixomatose.

– Programa de vixilancia e control fronte á enfermidade hemorráxica vírica, incluída a nova variante.

– Control de enfermidades micóticas.

– Control das parasitoses externas e internas.

Gando equino.

O persoal veterinario das ADSG levará a cabo as seguintes actuacións:

1. Colaboración co programa de vixilancia das enfermidades recollidas no artigo 8 do Real decreto 804/2011, do 10 de xuño, polo que se regula a ordenación zootécnica, sanitaria e de benestar animal das explotacións equinas e se establece o plan sanitario equino.

2. Colaboración no control da arterite viral equina e a metrite contaxiosa equina nos animais reprodutores con servizo a terceiros.

3. Colaboración nos programas de vixilancia e control da febre do Nilo Occidental.

4. Programa de coñecementos básicos en materia de bioseguridade e benestar animal, axeitados para as persoas ao coidado dos animais.

5. Así mesmo, as paradas de sementais ou outras explotacións en que se leve a cabo a reprodución animal con destino aos animais doutras explotacións comprenderá tamén formación básica na devandita materia.

Apicultura.

1. Programa de vixilancia fronte á loque americana.

2. Programa de vixilancia fronte á loque europea.

3. Programa de control e loita fronte á varroose.

4. Control e asesoramento sanitario na eliminación de colmeas.

5. Programa de desinfección e desratización nos apiarios.

6. Vixilancia e control da vespa velutina.

Visóns.

1. Programa de loita e control fronte á enfermidade aleutiana do visón ou plasmocitose.

O persoal veterinario responsable da ADSG deberá clasificar as explotacións, en función dos resultados das probas diagnósticas realizadas ata o 28 de febreiro de 2027 segundo a clasificación establecida no programa sanitario propio da ADSG.

2. Fomento e supervisión entre as persoas titulares das explotacións integradas na ADSG as boas prácticas en materia de benestar animal, especificamente farase fincapé no cumprimento dos aspectos de protección animal durante o sacrificio na explotación.

3. Control e asesoramento sanitario na eliminación de cadáveres e outros subprodutos de orixe animal no destinados ao consumo humano (en diante, SANDACH) (materia prima de alimentación, etc.).

Laboratorio de análise.

As mostras obtidas na execución dos programas sanitarios obrigatorios remitiranse para a súa análise ao Laboratorio de Sanidade e Produción Animal de Galicia (Lasapaga), aos laboratorios satélites deste, ou ben a outros laboratorios que acrediten ter implantado un sistema de control de calidade.

Para valorar o cumprimento do programa sanitario, teranse en conta as mostraxes realizadas e enviadas aos laboratorios ata o 28 de febreiro de 2027.

No caso de envío de mostras a laboratorios externos autorizados, os kits de diagnóstico que se utilicen para estas enfermidades deberán ter igual ou superior sensibilidade e especificidade que os utilizados no Lasapaga.

O envío de mostras ao Lasapaga realizarase de xeito gradual e proporcionado durante todo o ano, seguindo ás instrucións que indique o propio laboratorio, e non será posible superar no número de mostras remitidas durante un mes máis do 15 % do total para enviar por cada ADSG durante todo o ano. O laboratorio poderá, en caso necesario, rexeitar os envíos de mostras cando se supere o número de mostras permitido.

As ADSG que desexen realizar analíticas correspondentes aos programas sanitarios marco obrigatorios sinalados nesta orde en laboratorios distintos ao Lasapaga deberán comunicar expresamente este feito á Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias.

Programas sanitarios complementarios.

As ADSG que o desexen poderán desenvolver un programa sanitario adicional, complementario ao Programa sanitario marco obrigatorio, este programa sanitario adicional debe estar aprobado pola Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, logo de consulta co Lasapaga.

En todo caso, a aprobación de programas sanitarios complementarios estará suxeita á dispoñibilidade orzamentaria e de medios persoais e materiais do laboratorio, non realizándose nas analíticas correspondentes ao diagnóstico das enfermidades incluídas neles a redución de taxas recollida para os programas sanitarios obrigatorios.

Presentación dos programas.

Os programas sanitarios presentados polas ADSG incluirán:

No caso de programas de control de enfermidades, explicación detallada das pautas dos tratamentos ou vacinacións que se van realizar, incluíndo a frecuencia das aplicacións destas, segundo os distintos tipos de animais da explotación, e os produtos que se van utilizar.

No caso dos programas de limpeza, desinfección, desinsectación e desratización, explicación detallada dos produtos que se van utilizar e das súas pautas de aplicación.

Táboa A: tamaño da mostra requirida para detectar a presenza da enfermidade. Nivel de confianza do 95 %, prevalencia 10 %.

Nº de animais da explotación*

Nº de animais para mostrexar

<=15

Todos

16-20

16

21-40

21

41-100

25

101-250

27

+ de 251

28

Táboa B: tamaño da mostra requirida para detectar a presenza da enfermidade. Nivel de confianza do 95 %, prevalencia 2 %.

Nº de animais da explotación

Nº de animais para mostrexar

1-50

Todos ata un máximo de 48

51-70

67

71-100

78

101-200

105

201-400

124

>400

149

Táboa C: tamaño da mostra requirida para detectar a presenza da enfermidade. Nivel de confianza do 95 %, prevalencia 5 %.

Censo da explotación

Número de animais para mostraxe

1-30

Todos

31-40

31

41-50

35

51-70

40

71-100

45

101-200

51

201-300

54

Máis de 300

57