O 12 de febreiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 16 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas, en réxime de concorrencia non competitiva, e se procede á súa convocatoria para o ano 2025 (código de procedemento PR905A).
O artigo 2 desta resolución establece que se destinará para o financiamento destas axudas un crédito de dous millóns trescentos mil euros (2.300.000 euros) con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025.
Así mesmo, este artigo dispón que este crédito poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación.
Tendo en conta que o crédito inicialmente destinado a esta convocatoria resulta insuficiente debido ao volume de solicitudes recibidas, cómpre realizar unha ampliación do importe establecido inicialmente, coa finalidade de conceder a subvención ao maior número de beneficiarios posible.
Segundo se establece no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, nestes casos o órgano competente para a concesión deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios en que publicou a convocatoria, sen que esta publicación implique unha apertura do prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo dos prazos para resolver.
De acordo co anterior, e no uso das facultades que me foron conferidas,
RESOLVO:
Artigo único. Ampliación da dotación orzamentaria
1. Ampliar a dotación orzamentaria prevista na Resolución do 16 de xaneiro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión das axudas extraordinarias a persoas emigrantes galegas retornadas e se procede á súa convocatoria para o ano 2025, na contía dun millón novecentos mil euros (1.900.000 €), con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.480.2.
2. Esta ampliación orzamentaria non afecta o prazo de presentación de solicitudes establecido na resolución de convocatoria nin o resto do seu articulado.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
