A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución española e conforme o artigo 27 do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural. No seu exercicio, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (en diante, LPCG).
A LPCG no seu artigo 1.2 establece que: «[...] o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais, que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, o recoñecemento e a identidade da cultura galega a través do tempo».
Ademais, o artigo 8.2 establece que: «[...] terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais, que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, de acordo co procedemento establecido nesta lei». Máis adiante este artigo establece que os bens poden ser inmobles, mobles ou inmateriais.
O Decreto do 22 de abril de 1949, sobre protección dos castelos españois (BOE núm. 125, do 5 de maio), dispuxo que todos os castelos de España, calquera que sexa o seu estado de ruína, quedan baixo a protección do Estado. Posteriormente, a disposición adicional segunda da Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español (LPHE), establece que se consideran interese cultural e quedan sometidos ao réxime previsto nesta lei os bens a que se contraen o Decreto do 22 de abril de 1949. Polo tanto, desde a entrada en vigor da LPHE, os castelos pasan a ter a consideración de bens de interese cultural.
O artigo 88.1.a) da LPCG establece a consideración como ben de interese cultural por ministerio da lei dos seguintes bens:
«Os bens propios da arquitectura defensiva, entendendo por tal todas as estruturas construídas ao longo da historia para a defensa e o control dun territorio do que forman parte. No conxunto da arquitectura defensiva destacan singularmente os castelos, as torres defensivas, as murallas e os muros circundantes urbanos, as construcións defensivas con baluartes e os sistemas defensivos que os configuran, os arsenais navais, os cuarteis, as baterías de costa, as polvoreiras e os restos de todos eles, con independencia do seu estado de conservación, de se se encontran soterrados ou descubertos ou de se se integran ou non noutro ben inmoble. Todas estas tipoloxías de inmobles construídos antes de 1849 teñen a consideración de bens de interese cultural».
Ademais, a disposición adicional primeira da LPCG establece que todos aqueles bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia que tivesen a condición de bens de interese cultural con anterioridade á entrada en vigor desa lei manterán a consideración de bens de interese cultural e quedarán sometidos ao mesmo réxime xurídico de protección aplicable a estes segundo esta lei.
De conformidade co anterior, unha das consideracións de ben de interese cultural por ministerio da lei é a establecida no artigo 88 da LPCG para os bens propios da arquitectura defensiva –entre os que se inclúen os castelos e as torres defensivas– construídos antes de 1849.
A documentación achegada polo Concello da Laracha e a existente na Dirección Xeral de Patrimonio Cultural acreditan a condición das Torres de Cillobre como un elemento propio da arquitectura defensiva construída antes de 1849 e mantén, actualmente, as suficientes condicións de autenticidade para xustificalo.
Por outra banda, o artigo 23 da LPCG establece que os bens declarados de interese cultural inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, cuxa xestión lle corresponde á consellería competente en materia de patrimonio cultural.
Así mesmo, a disposición adicional quinta da LPCG referida aos bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude da lei, establece que: «[...] a consellería competente en materia de patrimonio cultural identificará e concretará a través do correspondente expediente os bens declarados de interese cultural ou catalogados en virtude desta lei».
Como consecuencia do anterior, o directora xeral do Patrimonio Cultural, no exercicio das competencias establecidas no artigo 14 do Decreto 146/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, en virtude do disposto no título I da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e no Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, e como consecuencia do informe técnico e da documentación xustificativa,
RESOLVO:
Primeiro. Ordenar a inscrición no Rexistro de Bens de Interese Cultural como ben inmoble, coa categoría de monumento, das Torres de Cillobre, sitas no lugar de Torres de Cillobre, na parroquia de Torás (Santa María), no concello coruñés da Laracha.
Segundo. Comunicar esta resolución á Dirección Xeral de Belas Artes do Ministerio de Cultura para os efectos da súa anotación no Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración do Estado.
Terceiro. Publicar esta resolución no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento e notificala ao Concello da Laracha.
Disposición derradeira
Contra esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, no prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da notificación.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
Ángel Miramontes Carballada
Director xeral do Patrimonio Cultural
ANEXO
Descrición do ben
1. Denominación: Torres de Cillobre.
2. Localización.
• Provincia: A Coruña.
• Concello: A Laracha.
• Parroquia: Torás (Santa María).
• Lugar: Torres de Cillobre.
• Coordenadas de localización (UTM ETRS89 fuso 29) X: 534537; Y: 4788318.
• Referencia catastral: 4685222NH3848N.
3. Descrición.
As Torres de Cillobre están situadas no lugar do Torres de Cillobre, parroquia de Torás (Santa María), municipio da Laracha. Localízanse ao leste da vila da Laracha, cerca da estrada AC-552, que une A Coruña con Cee.
Trátase dunha antiga fortaleza medieval, transformada en pazo (hoxe desaparecido) con dúas torres cuxa altura foi rebaixada. O conxunto pacego amurallado incluía patín, muro perimetral, capela, tulla, portalón con frontón curvo –rematado cunha cruz e flanqueado con bólas de pedra, con coroa marquesal e escudo–, e completaba o conxunto un hórreo de 10 pés.
Actualmente, das Torres de Cillobre queda o muro de peche da parcela, de cachotaría de pedra, polo que se accede á parcela a través dun portalón; dous alpendres acaroados a este muro na zona sueste da parcela, un aberto que conta cun piar cilíndrico de pedra e outro pechado por un muro de cachotaría de pedra que acolle un forno; e os restos dos muros de pedra dunha edificación de dúas alturas, de planta rectangular, con varios ocos nos seus muros. A menos de 30 m, ao suroeste, atópase a Capela de San Roque e San Antón, que estivo vinculada ás Torres de Cillobre.
4. Valoración cultural.
As Torres de Cillobre presentan importantes valores culturais tanto polo tipo de arquitectura cunhas características moi similares a outras construcións defensivas próximas, de orixe medieval e que foron transformadas posteriormente en pazo fidalgo.
Polo tanto, as Torres de Cillobre teñen a consideración de fortaleza, pois está acreditada a súa función como representación do poder señorial e como control do seu territorio, ademais da súa conformación arquitectónica como torre fortificada.
5. Réxime de protección.
5.1. Categoría:
• Natureza: ben inmoble.
• Categoría: monumento.
• Interese: arquitectónico, arqueolóxico e histórico.
• Nivel de protección: integral.
5.2. Réxime de protección.
A inclusión no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia das Torres de Cillobre determina a aplicación inmediata do réxime de protección previsto nos títulos II e III e, en especial, os capítulos segundo e cuarto, referidos ao patrimonio arquitectónico e arqueolóxico do título VII, da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG), e complementariamente co establecido na Lei 16/1985, do 25 de xuño, do patrimonio histórico español. Este réxime implica a súa máxima protección e tutela, polo que a súa utilización quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa conservación.
6. Delimitación e contorno de protección.
Estímase axeitada a delimitación do contorno de protección feita para estes fins na modificación número 4 do Plan xeral de ordenación municipal (PXOM) da Laracha, aprobado na data do 22.8.2016, cartografado nas fichas 3-1 e GA-15041017 e no plano NR-O-117.
