A Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde (Diario Oficial de Galicia núm. 196, do 14 de outubro), establece medidas extraordinarias e temporais en materia de emprego público dirixidas a garantir a adecuada atención sanitaria de toda a poboación galega, e establece un réxime extraordinario e transitorio de acceso a postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde
Así, co obxecto de dar unha resposta adecuada ás necesidades organizativas actuais, coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos e para promover a estabilidade dos recursos humanos, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais, considérase preciso aprobar esta oferta de emprego público co fin de impulsar unha tramitación áxil da futura convocatoria dos correspondentes procesos selectivos; máxime nas circunstancias sanitarias actuais, que fan necesario realizar con urxencia calquera medida que permita incrementar os recursos de persoal nos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.
A presente oferta pretende a cobertura de postos vacantes como consecuencia da inexistencia de aspirantes nas listas de selección temporal nalgunhas especialidades e áreas, da non solicitude dos postos no concurso aberto e permanente, da realización de convocatorias de selección temporal sin éxito e da persistencia da imposibilidade de cobertura das vacantes na actualidade.
Por outra parte, o carácter extraordinario desta oferta, e o seu obxectivo de incorporar 100 efectivos, maniféstase tamén no momento en que deban producirse as incorporacións aos postos elixidos e adxudicados. Así, con base no que establece o artigo 20.3 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, así como no artigo 2 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, imponse o máximo rigor na exixencia da incorporación efectiva ao servizo como requisito para adquirir a condición de persoal estatutario fixo, prevendo que o persoal seleccionado nos procesos que se executen en aplicación da dita lei deberá incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo no destino adxudicado.
Deste xeito, se as persoas inicialmente nomeadas, pero non incorporadas ao servizo activo pola súa vontade, non perfeccionan o seu nomeamento, serán chamadas no seu lugar outras que estean realmente interesadas na ocupación activa e efectiva dos postos ofertados. Unicamente desta forma poderá garantirse que esta oferta de emprego produza o resultado que a xustifica.
Para estes efectos, procede recordar que, tal e como dispoñen o artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, toda oferta de emprego é un instrumento para a provisión de necesidades de persoal e, ademais, pode conter medidas derivadas da planificación dos recursos humanos.
O artigo 12 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.
De acordo co disposto no artigo 20.un da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual.
Neste mesmo artigo 20.dous fíxanse diferentes taxas de reposición de efectivos e autorízase unha taxa do 120 por cento nos sectores prioritarios, entre os cales se inclúen as administracións públicas con competencias sanitarias respecto das prazas de persoal estatutario e equivalente dos servizos de saúde do Sistema nacional de saúde.
En aplicación da dita taxa de reposición, o número total máximo de prazas autorizadas para configurar a oferta de emprego público deste ano 2025, para o persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia, sería de 1.560.
A través do Decreto 52/2025, do 23 de xuño, aprobouse a oferta de emprego público correspondente a diversas categorías de persoal estatutario do Sistema público de saúde de Galicia para o ano 2025. Nel recóllese unha oferta de 1.460 prazas resultantes da citada taxa de reposición e 2.000 dunha taxa adicional específica para a redución da temporalidade.
Detraéronse 100 prazas da taxa de reposición total na devandita oferta de emprego de xuño para a súa inclusión no presente decreto de oferta de emprego para a cobertura de postos de difícil cobertura, de conformidade co previsto na Lei 2/2022, do 6 de outubro.
Con base no que antecede, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, despois da negociación na mesa sectorial de negociación do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde do día 5 de decembro de 2025, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco,
DISPOÑO:
Artigo 1. Aprobación dunha oferta de emprego público para a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde
Apróbase unha oferta de emprego público para o ano 2025 para a incorporación, estable e permanente, de persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde aos postos de difícil cobertura dos seguintes colectivos:
a) Persoal facultativo especialista dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.
b) Persoal da categoría de pediatra de atención primaria.
Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público
O número de prazas que integran esta oferta de emprego público é de 100.
Artigo 3. Sistema de selección e convocatoria
1. O sistema de selección será o que prevexa a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, no momento da aprobación e publicación da correspondente convocatoria.
2. Logo da entrada en vigor deste decreto, aprobarase e publicarase a convocatoria dos procesos selectivos para acceder ás 100 prazas correspondentes a diversas categorías de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
3. A convocatoria que execute a oferta de emprego concretará o número de postos ofertados por centro, a categoría e a especialidade, recollerá o sistema de selección e xustificará a súa procedencia.
A convocatoria e o proceso selectivo realizaranse de conformidade coa Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, e coa normativa autonómica aplicable.
4. Establécense garantías de incorporación e permanencia no desempeño efectivo dos postos adxudicados. Finalizados os procesos que se executen en aplicación deste decreto, o persoal nomeado deberá incorporarse de modo efectivo e permanente ao servizo activo no destino adxudicado, para adquirir a condición de persoal estatutario fixo.
A non incorporación ao servizo activo no destino adxudicado e no prazo establecido, sen causa xustificada, sobrevida á solicitude de participación no concurso, ou de forza maior, impedirá a perfección do nomeamento e a adquisición da condición de persoal estatutario fixo do/da aspirante, e quedarán sen efecto todas as súas actuacións no proceso.
Neste suposto, o órgano convocante procederá a chamar novos/as aspirantes, que teñan presentado a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos na convocatoria, no número que corresponda e pola orde de prelación da lista definitiva, e que tivesen optado polos destinos non ocupados, para os efectos de que, poidan ser seleccionados/as e nomeados/as persoal estatutario fixo da categoría.
Artigo 4. Órgano de selección
1. O tribunal designado para a selección poderá ser único, por subgrupos de clasificación, para as distintas categorías estatutarias mencionadas neste decreto, sen prexuízo de que poida estar asesorado, de así se precisar, por especialistas nas correspondentes categorías.
2. A composición do órgano de selección será paritaria, de acordo co disposto no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.
3. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, a pertenza ao órgano de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.
4. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte do órgano de selección.
5. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento do proceso selectivo, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións xerais ditadas polo órgano competente sobre funcionamento e actuación dos tribunais dos procesos de selección.
Artigo 5. Promoción interna
1. De conformidade co establecido no artigo 25.1 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas do persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, en atención ás especiais circunstancias que concorren nas diversas categorías/especialidades obxecto desta oferta, todas requiren de formación especializada en ciencias da saúde para o acceso e, logo de negociación no ámbito da Mesa Sectorial de Sanidade, poderase establecer unha porcentaxe de prazas reservadas para o sistema de promoción interna inferior ao 50 % do total das prazas ofertadas en cada categoría/especialidade.
2. Cando o resultado da aplicación da citada porcentaxe dea un resto igual ou superior a 0,5 prazas, computarase como unha praza que se incluirá nesta reserva.
3. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna por categoría/especialidade especificarase nas respectivas resolucións polas que se convoquen os procesos selectivos.
4. As prazas que non se provexan por ese sistema acumularanse ás convocadas polo sistema xeral de acceso libre.
Artigo 6. Persoas con discapacidade
1. No proceso selectivo serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e na demais normativa aplicable.
A convocatoria non establecerá exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.
2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do total de prazas que se ofertan neste decreto resérvase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.
3. A reserva de prazas de discapacidade xeral efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva, en cumprimento do disposto no artigo 8 do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, naquelas convocatorias que oferten un mínimo de dez prazas da correspondente categoría ou especialidade, segundo a distribución que se recolle no anexo.
Cando da aplicación das porcentaxes resulten fraccións decimais, redondearase por exceso para o seu cómputo.
4. A opción a prazas reservadas á discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, a cal se acreditará mediante a certificación dos órganos competentes na forma e nos prazos que se determinen na convocatoria.
5. Unha vez superado o proceso selectivo, o Servizo Galego de Saúde requirirá, respecto das persoas que acceden por esta cota de reserva, ditame do órgano competente sobre a compatibilidade da/do candidata/o para o posto de traballo ou sobre as adaptacións deste.
6. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se tivese presentado pola cota de reserva superase o proceso selectivo e non obtivese praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, esta será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.
7. As persoas aspirantes que superasen o concurso pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outros análogos, que deberán ser debidamente acreditados. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.
8. As bases da convocatoria do proceso selectivo establecerán medidas destinadas á eliminación da discriminación interseccional nos casos de mulleres discapacitadas, atendendo especialmente a aquelas categorías ou clases con infrarrepresentación feminina.
Artigo 7. Coñecemento da lingua galega
Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/dos usuarias/os dos distintos servizos sanitarios do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como á promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, no proceso selectivo valorarase o coñecemento da lingua galega, nos termos que se establezan nas bases da convocatoria.
Artigo 8. Criterios xerais de xestión e publicidade do proceso selectivo
1. A xestión das actuacións para o desenvolvemento do proceso selectivo realizarase conforme o que determinen as bases da convocatoria.
2. Encoméndaselle á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde a xestión dos procesos selectivos correspondentes. A dita encomenda incluirá a convocatoria do proceso, a aprobación das súas bases reitoras, a designación dos tribunais cualificadores, a resolución do proceso e a adxudicación de destinos.
3. Co obxecto de axilizar a súa tramitación e reducir as cargas administrativas, a xestión do concurso efectuarase a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides), punto de encontro telemático entre o Servizo Galego de Saúde e as/os profesionais e persoas aspirantes que participen nos procesos de selección e provisión de prazas convocados por este organismo.
De conformidade co artigo 10 da Orde do 8 de maio de 2012, pola que se regula o contido, uso e acceso ao expediente persoal electrónico dos profesionais do sistema público de saúde de Galicia, a inscrición das persoas aspirantes efectuarase por medio do sistema informático expedient-e, a través da web corporativa do Servizo Galego de Saúde www.sergas.es
4. Co fin de facilitar e simplificar as relacións entre a Administración e as persoas aspirantes, a través da Oficina Virtual do Profesional (Fides/expedient-e) e da páxina web do organismo (www.sergas.es) facilitarase toda a información que afecte o desenvolvemento do proceso e que resulte de interese para as persoas aspirantes, sen prexuízo da preceptiva publicación no Diario Oficial de Galicia das resolucións que se determinen na convocatoria.
Artigo 9. Criterios de igualdade no acceso
A convocatoria que se realice en execución deste decreto adaptarase ás previsións da Lei 7/2023, do 30 de novembro, en relación coas condicións de acceso e promoción da igualdade no emprego público galego.
Artigo 10. Medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual
A convocatoria do proceso selectivo que se realice en execución deste decreto incorporará medidas dirixidas a protexer as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual.
As ditas medidas referiranse nomeadamente á protección da súa intimidade e, no caso das aspirantes definitivamente seleccionadas, á asignación dun destino dos ofertados que favoreza a súa protección e o dereito á asistencia social.
Disposición derradeira primeira. Habilitación
Facúltase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco
O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
ANEXO
Relación de prazas ofertadas na OPE de difícil cobertura 2025
|
Categoría/especialidade |
Total de prazas ofertadas |
Reserva de discapacidade xeral |
|
Facultativo/a especialista en análises clínicas |
2 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en cirurxía ortopédica e traumatoloxía |
5 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en cirurxía xeral e aparello dixestivo |
7 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en farmacia hospitalaria |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en hematoloxía e hemoterapia |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en medicina física e rehabilitación |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en medicina interna |
3 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en nefroloxía |
3 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en neuroloxía |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en obstetricia e xinecoloxía |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en oftalmoloxía |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en otorrinolaringoloxía |
2 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en pediatría e as súas áreas específicas |
2 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en pneumoloxía |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en psicoloxía clínica |
2 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en psiquiatría |
2 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en radiodiagnóstico |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en reumatoloxía |
1 |
0 |
|
Facultativo/a especialista en uroloxía |
2 |
0 |
|
Médico/a de hospitalización a domicilio |
2 |
0 |
|
Médico/a de urxencias |
27 |
3 |
|
Total de prazas hospitalarias |
68 |
3 |
|
Pediatra de atención primaria |
32 |
4 |
|
Total de prazas de atención primaria |
32 |
4 |
|
Total prazas da oferta |
100 |
7 |
