DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 251 Martes, 30 de decembro de 2025 Páx. 66587

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

DECRETO 122/2025, do 22 de decembro, polo que se aproba a oferta de emprego público, para o ano 2025, do persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

As necesidades de recursos humanos, con asignación orzamentaria, que deban proverse mediante a incorporación de persoal de novo ingreso serán obxecto da oferta de emprego público, que aprobarán os órganos de goberno das administracións públicas e que, como instrumento de xestión da provisión das necesidades de persoal, poderá conter, ademais, medidas derivadas da planificación de recursos humanos, tal e como se dispón no artigo 70 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e o artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

O artigo 12 da Lei 4/2024, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2025, dispón que durante este ano só se poderá proceder á incorporación de novo persoal no sector público con suxeición aos límites e requisitos establecidos na normativa básica que se estableza ao respecto e, en particular, no referente á taxa de reposición de efectivos, respectando en todo caso as dispoñibilidades orzamentarias do capítulo I dos correspondentes orzamentos de gastos.

De acordo co disposto no artigo 20.un da Lei 31/2022, do 23 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2023, a incorporación de persoal de novo ingreso cunha relación indefinida no sector público levarase a cabo a través da oferta de emprego público, como plasmación do exercicio da planificación nun marco plurianual.

Neste mesmo artigo 20.dous establécese unha taxa de reposición de efectivos do 120 por cento nos sectores prioritarios e do 110 por cento nos demais sectores; no punto 3) concrétanse os sectores que teñen a condición de prioritarios para os efectos da taxa de reposición.

En consecuencia, resultando necesaria a incorporación de persoal sanitario funcionario de novo ingreso, cómpre aprobar a oferta de emprego público para o ano 2025, relativa ao persoal sanitario funcionario incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma.

Para o cómputo de prazas tívose en consideración a aplicación da porcentaxe do 110 por cento de taxa de reposición prevista no artigo 20.dous.a) da Lei 31/2022, do 23 de decembro, para sectores non prioritarios.

Na súa virtude, por proposta da persoa titular da Consellería de Sanidade, logo da negociación na Mesa Xeral de Empregados Públicos e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1. Aprobación da oferta de emprego público

Apróbase a oferta de emprego público do persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, para o ano 2025, nas clases de farmacéutico/a inspector/a de saúde pública, inspector/a médico/a, licenciado/a en ciencias biolóxicas, e subinspector/a sanitario/a.

Artigo 2. Cuantificación da oferta de emprego público

1. O número total de prazas que integran esta oferta ascende a un total de 23 prazas.

2. A distribución do número de prazas ofertadas en cada clase detállase no anexo deste decreto.

Artigo 3. Sistema e órganos de selección

1 . O sistema selectivo para a provisión das prazas que figuran neste decreto será o de concurso-oposición.

2. A composición dos órganos de selección será paritaria para o conxunto da oferta de emprego público, de acordo co disposto no artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

3. De conformidade co establecido no artigo 60 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, a pertenza aos órganos de selección será sempre a título individual, e non se poderá ter esta en representación ou por conta de ninguén.

4. O persoal de elección ou designación política, as/os funcionarias/os interinas/os e o persoal eventual non poderán formar parte dos órganos de selección.

5. Os órganos de selección aplicarán os principios de austeridade e axilidade na ordenación do desenvolvemento dos procesos selectivos, sen prexuízo do cumprimento dos demais principios de actuación establecidos pola normativa de selección e as instrucións sobre funcionamento e actuación dos tribunais que dite para o efecto o órgano competente.

Artigo 4. Promoción interna

1. O número de prazas reservadas á quenda de promoción interna deberá respectar a porcentaxe mínima e demais requisitos establecidos no artigo 80 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e concretarase, para cada clase, na respectiva resolución de convocatoria.

2. As prazas reservadas para a promoción interna que non se cubran por este procedemento acumularanse ás de provisión libre sempre que se trate dun proceso selectivo único rexido por unha mesma convocatoria.

Artigo 5. Persoas con discapacidade

1. Nos procesos selectivos para o ingreso nas clases de persoal sanitario funcionario serán admitidas as persoas con discapacidade nos termos previstos neste artigo e demais normativa aplicable.

As convocatorias non establecerán exclusións por limitacións psíquicas e/ou físicas, sen prexuízo das incompatibilidades co desempeño das tarefas ou funcións correspondentes.

2. De conformidade co establecido no artigo 59 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, e no artigo 48 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do total de prazas que se ofertan reservarase unha porcentaxe non inferior ao sete por cento para seren cubertas entre persoas con discapacidade, considerando como tales as definidas no artigo 4 do Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade, e da súa inclusión social, sempre que superen os procesos selectivos e acrediten a súa discapacidade e a compatibilidade co desempeño das tarefas e funcións correspondentes.

3. A reserva de prazas de discapacidade efectuarase sobre o cómputo total das vacantes incluídas nesta oferta de emprego público e farase efectiva segundo a distribución que se recolle no anexo.

4. As prazas reservadas para persoas con discapacidade poderán convocarse conxuntamente coas prazas ordinarias ou mediante convocatorias independentes.

5. A opción a prazas reservadas a discapacidade terá que formularse na solicitude de participación no proceso selectivo, con declaración expresa das persoas interesadas de reunir a condición exixida ao respecto, a cal se acreditará mediante certificación dos órganos competentes na forma e prazos que se determinen en cada convocatoria.

6. No desenvolvemento das probas selectivas estableceranse, para as persoas con discapacidade que o soliciten, as adaptacións e axustes razoables necesarios de tempo e de medios para a súa realización, de acordo co disposto na Orde PRE/1822/2006, do 9 de xuño, pola que se establecen criterios xerais para a adaptación de tempos adicionais nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público de persoas con discapacidade, para asegurar que estas persoas participen en condicións de igualdade. Nas convocatorias indicarase expresamente esta posibilidade, así como que as persoas interesadas deberán formular a correspondente petición concreta na solicitude de participación.

Para tal efecto, os tribunais de selección poderán requirir informe e, se é o caso, colaboración dos órganos técnicos da Administración laboral, sanitaria ou dos órganos competentes.

7. No suposto de que algunha das persoas aspirantes con discapacidade que se presentase pola cota de reserva supere o proceso selectivo e non obteña praza na citada cota, sendo a súa puntuación superior á obtida por outras/os aspirantes do sistema de acceso xeral, será incluída pola súa orde de puntuación no sistema de acceso xeral.

8. As persoas aspirantes que superen o proceso selectivo pola cota de prazas reservadas a persoas con discapacidade poderán solicitar ao órgano convocante a alteración da orde de prelación para a elección das prazas dentro do ámbito territorial que se determine na convocatoria, por motivos de dependencia persoal, dificultades de desprazamento ou outras análogas, que deberán ser debidamente acreditadas. O órgano convocante decidirá a devandita alteración cando estea debidamente xustificada, e deberá limitarse a realizar a mínima modificación na orde de prelación necesaria para posibilitar o acceso ao posto da persoa con discapacidade.

9. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán medidas destinadas á eliminación da discriminación interseccional nos casos de mulleres con discapacidade, atendendo especialmente a aquelas categorías ou clases con infrarrepresentación feminina.

Artigo 6. Acreditación do coñecemento da lingua galega

1. Para lle dar cumprimento á normalización do idioma galego e garantir o dereito das/os usuarias/os dos distintos servizos sanitarios da Consellería de Sanidade e do Servizo Galego de Saúde ao seu uso, así como a promoción do uso normal do galego por parte dos poderes públicos de Galicia, nas probas selectivas que se convoquen en desenvolvemento desta oferta incluirase un exame de galego, agás para aquelas persoas aspirantes que acrediten o coñecemento da lingua galega conforme a normativa vixente.

2. As bases das convocatorias dos procesos selectivos establecerán o carácter deste exame, así como a valoración da dita proba e da equivalente acreditación do coñecemento da lingua galega.

Artigo 7. Criterios de igualdade no acceso

1. As convocatorias de procesos selectivos que se realicen en execución deste decreto adaptaranse ás previsións da Lei 7/2023, do 30 de novembro, en relación coas condicións de acceso e promoción no emprego público galego.

2. Coa finalidade de integrar a perspectiva de xénero na actividade estatística, os expedientes internos de execución desta oferta de emprego conterán unha referencia á distribución por sexo do cadro de persoal das correspondentes categorías, así como das persoas aspirantes admitidas e das definitivamente seleccionadas.

Artigo 8. Medidas de protección contra a violencia de xénero e sexual

As convocatorias dos procesos selectivos que se realicen en execución deste decreto incorporarán medidas dirixidas a protexer as aspirantes vítimas de violencia de xénero ou violencia sexual.

As ditas medidas referiranse nomeadamente á protección da súa intimidade e, no caso das aspirantes definitivamente seleccionadas, á asignación dun destino que favoreza a súa protección e o dereito á asistencia social.

Disposición adicional única. Prazas adicionais

Coa finalidade de reducir a temporalidade, as convocatorias que se realicen en execución deste decreto poderán incluír, ademais das prazas autorizadas nel, un número de prazas adicionais para cubrir futuras vacantes derivadas de xubilacións a cargo das ofertas de emprego público dos anos 2026 e 2027, consonte o previsto na disposición adicional décimo oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Habilitación

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de sanidade para ditar, dentro das súas competencias, as normas precisas para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco

O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade

ANEXO

Relación de prazas ofertadas

Corpo

Escala

Clase

Prazas
ofertadas

Reserva
discapacidade

Facultativo superior

Saúde pública e Administración sanitaria

Farmacéutico/a inspector/a de saúde pública

5

Facultativo superior

Saúde pública e Administración sanitaria

Inspectores/as médicos/as

7

1

Facultativo superior

Saúde pública e Administración sanitaria

Licenciado/a en ciencias biolóxicas

1

Facultativo de grao medio

Saúde pública e Administración sanitaria

Subinspector/a sanitario/a

10

1