Exposición de motivos
I
Os orzamentos requiren, para a súa completa aplicación, a adopción de diferentes medidas, unhas de carácter puramente executivo e outras de carácter normativo, que, pola súa natureza, deben adoptar rango de lei e que, como precisou o Tribunal Constitucional, non deben integrarse nas leis anuais de orzamentos xerais, senón en leis específicas. O debate doutrinal acerca da natureza das chamadas leis de acompañamento foi resolto polo Tribunal Constitucional, que configurou este tipo de normas como leis ordinarias cuxo contido está plenamente amparado pola liberdade de configuración normativa de que goza o lexislador e que permiten unha mellor e máis eficaz execución do programa do Goberno nos distintos ámbitos en que desenvolve a súa acción. Desde esta perspectiva, tendo presente a actividade que desenvolve a Comunidade Autónoma de Galicia, cuxos obxectivos se expoñen na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026, e co obxecto de contribuír a unha maior eficacia e eficiencia destes, esta lei contén un conxunto de medidas referidas a diferentes áreas de actividade que, con vocación de permanencia no tempo, contribúan á consecución de determinados obxectivos de orientación plurianual perseguidos pola Comunidade Autónoma a través da execución orzamentaria. Este é o fin dunha norma cuxo contido esencial o constitúen as medidas de natureza tributaria, aínda que se incorporan outras de carácter administrativo.
II
A estrutura desta lei divídese en dous títulos: o primeiro, dedicado ás medidas fiscais e o segundo, ás de carácter administrativo.
O título I, relativo ás medidas fiscais, está dividido en dous capítulos.
O capítulo I introduce medidas en materia de tributos cedidos.
A situación derivada dos incendios que afectaron Galicia durante o verán de 2025 adquiriu unha especial complexidade pola confluencia de condicións meteorolóxicas adversas, marcadas por temperaturas extremas, fortes ventos e un período prolongado de seca. Estes factores favoreceron a rápida propagación do lume, ocasionando danos en bens públicos e privados.
Os acontecementos rexistrados determinaron unha situación de emerxencia humanitaria e social para a cidadanía afectada, debido aos danos persoais e materiais que se produciron. Isto fixo necesario artellar un sistema de axudas para paliar os danos causados e mesmo, preventivamente, estender o prazo inicialmente establecido ao outono de 2025.
En relación con estas axudas, reguladas no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais producidos en Galicia durante o verán e o outono de 2025, elimínase a tributación no imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) para o ano 2025.
Así mesmo, para que os actos e os negocios destinados a reparar ou a substituír os bens danados polos incendios non supoñan un maior custo aos afectados, elimínase a tributación que levan consigo os actos ou negocios destinados a esas finalidades, de tal xeito que estas actuacións non supoñan un maior desembolso que o correspondente ao propio custo de substitución dos bens.
Por outra banda, a Xunta de Galicia, consciente das especiais necesidades de atención e apoio que precisan as persoas diagnosticadas con esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos, unha enfermidade neurodexenerativa que deriva nunha gran dependencia, vén realizando a convocatoria de axudas económicas coa finalidade de prestar apoio ás necesidades que van xurdindo na evolución da referida enfermidade e de reforzar a cobertura existente na actualidade a través do sistema para a autonomía e atención á dependencia.
Estas axudas tributan no IRPF como ganancia patrimonial, integrándose na base impoñible xeral. Para aliviar a carga fiscal dos importes desas axudas, incorpórase unha dedución na cota íntegra autonómica deste imposto, que consistirá no importe resultante de aplicar os tipos medios de gravame da base impoñible xeral ao importe da subvención ou axuda pública na base liquidable.
Nesta mesma liña, as persoas afectadas pola substancia activa talidomida ao longo do período 1950-1985 teñen dereito, segundo a normativa estatal e segundo os recoñecementos realizados xudicialmente, á obtención dunha axuda pública, que tributa igualmente no IRPF como ganancia patrimonial. Desde hai tempo as persoas afectadas veñen requirindo do Estado a exención da tributación neste imposto, de forma equiparable a outras dúas exencións previstas no artigo 7 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas, como son as percibidas polas persoas afectadas polo virus de inmunodeficiencia humana ou as persoas afectadas polo tratamento con concentrados de factores de coagulación no ámbito do sistema sanitario público.
A Xunta de Galicia, coñecedora da situación das persoas afectadas, dentro da súa capacidade económica e coa finalidade de aliviar esa carga fiscal e que a axuda sexa empregada en atender as necesidades destas persoas, incorpora unha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas, que consistirá no importe resultante de aplicar os tipos medios de gravame da base impoñible xeral ao importe da subvención ou axuda pública na base liquidable. Tendo en conta que estas axudas se veñen percibindo desde o ano 2023, e para evitar calquera diferenza de trato entre as persoas afectadas en Galicia, esta dedución terá efectos desde o 1 de xaneiro de 2023.
Modifícase a redacción da dedución en IRPF por gastos derivados da adecuación dun inmoble baleiro con destino ao alugueiro como vivenda, aplicable a partir da declaración do exercicio 2025, para permitir a dedución dos gastos realizados para tal fin no período impositivo en que se materialice o arrendamento, así como para concretar o período de duración das obras que dean lugar á aplicación da dedución.
As familias monoparentais teñen a consideración de familias de especial consideración de acordo coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia. O artigo 18.f) desta lei establece que os membros das familias de especial consideración terán trato preferente no ámbito económico, mediante o establecemento por parte da Xunta de Galicia de axudas e de beneficios fiscais na área das súas competencias.
Por tanto, co obxecto de alixeirar a carga tributaria na adquisición da vivenda habitual por parte das familias monoparentais, establécese un tipo de gravame reducido do 3 por cento na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas e do 0,5 por cento na modalidade de actos xurídicos documentados do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, nas transmisións de inmobles que vaian constituír a vivenda habitual da persoa contribuínte e unha dedución na cota do 100 por cento cando a vivenda se atope en zonas pouco poboadas ou en áreas rurais.
Así mesmo, increméntase o límite establecido ata o de agora, de 150.000 euros, para poder aplicar o tipo reducido no imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados (ITPeAXD) por vítimas de violencia de xénero, tomando como referencia o prezo medio de adquisición dunha vivenda de tamaño medio, que ascendería a uns 240.000 euros.
Na mesma liña de facilitar o acceso á vivenda, modifícase o límite para as diferentes situacións en que a persoa adquirente pode beneficiarse do tipo bonificado para a adquisición da vivenda habitual.
Ese límite foi establecido no ano 2013 e cómpre agora modificalo nun dobre aspecto: por unha banda, cómpre desdobralo de xeito que se teña en conta tanto o valor de adquisición da vivenda como o valor do patrimonio das persoas adquirentes; e, pola outra, cómpre actualizar o importe dese límite, consonte a evolución dos prezos da vivenda. Tómanse para isto como referencia os valores declarados de vivenda colectiva nas adquisicións de inmobles para o ano 2025 nas sete cidades e nos oito concellos con máis de 30.000 habitantes, de xeito que o prezo medio dunha vivenda de 110 metros cadrados construídos ascendería a uns 240.000 euros. Mantense, no entanto, a valoración determinada para as familias numerosas, dadas as especiais características das súas necesidades.
No contexto actual cómpre potenciar fórmulas asistenciais para procurar unha existencia digna e satisfactoria das persoas, especialmente en contextos onde as persoas maiores non contan cun sistema de apoio familiar, favorecendo que continúen nos seus domicilios, fomentando a solidariedade social e aliviando a presión sobre os servizos sociais.
O noso dereito civil ten regulada unha figura, o contrato de vitalicio, que consiste en que unha ou varias persoas se obrigan respecto a outra ou outras a prestaren alimentos, nos termos conveniados, a cambio da cesión de determinados bens ou dereitos.
A realidade é que esta é unha figura pouco empregada debido á súa tributación, sobre todo cando o ben cedido a cambio dos alimentos é un ben inmoble e a diferenza de valoración das contraprestacións é substancial. Nese caso, a diferenza de valoración tributa como doazón. Normalmente este contrato realízase entre persoas con vínculos de parentesco afastados ou mesmo sen vínculos.
De aí que, mediante esta regulación, o que se pretende é incentivar estes contratos de dúas formas: por un lado, establecendo un tipo xeral para estas operacións do 4 por cento no imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, no caso de que se trate da transmisión de bens inmobles; e, por outro, establecendo unha tributación no imposto sobre doazóns para os graos de parentesco máis afastados que se achegue á prevista para os graos máis próximos.
Ao mesmo tempo, establécese unha dedución do 100 por cento da cota para o caso de que a persoa alimentista garanta o contrato de vitalicio.
Por último, no que atinxe a aplicación das reducións de carácter subxectivo nos impostos sobre sucesións e doazóns, modifícase a norma para clarificar a aplicación acumulativa das reducións por parentesco, na liña en que xa o viña interpretando a Axencia Tributaria de Galicia, cando existan varios negocios mortis causa dunha mesma persoa causante a unha mesma adquirente.
O capítulo II, dividido en dúas seccións, regula as taxas e os prezos públicos. Está integrado por un precepto no cal se establece que os tipos das taxas de contía fixa non experimentarán ningunha actualización respecto ás contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei. Por outra banda, recóllese a exención do pagamento das taxas para aqueles procedementos consecuencia dos incendios do verán e do outono do ano 2025, co fin de aliviar os custos asociados. Con base nesta mesma causa, recóllese igualmente unha exención no canon da auga e, se for o caso, no canon de xestión de depuradoras, para aqueles contribuíntes que se viron afectados polos anteditos incendios.
Igualmente, introdúcense diversas modificacións na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, consistentes tanto na creación de novas tarifas como na modificación ou a eliminación dalgunhas vixentes. Cabe destacar a inclusión dunha exención do pagamento de taxas cando a actividade gravada sexa consecuencia dalgún acontecemento extraordinario asociado a situacións de emerxencias ou catástrofes orixinadas por causas naturais ou derivadas da acción humana, sexa esta accidental ou intencionada, ou de circunstancias sanitarias, medioambientais ou tecnolóxicas de carácter excepcional ou de forza maior, e mais a exención para as entidades locais do pagamento das taxas por anuncios no Diario Oficial de Galicia relativos á ocupación do dominio público marítimo-terrestre.
Por último, no que atinxe os prezos públicos, modifícase o Decreto 56/2014, do 30 de abril, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, co fin de realizar unha actualización en relación cos custos reais das prestacións.
Pola súa banda, o título II divídese en trece capítulos.
O capítulo I introduce medidas na materia de seguridade pública, mobilidade, espectáculos públicos e estatística.
Modifícase a Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, por razóns de seguridade xurídica, co fin de dar maior operatividade a estes corpos ao garantir a cobertura efectiva de prazas e a prestación do servizo policial nos concellos afectados.
Abórdase unha modificación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, e do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, co fin de adaptar a regulación ás novidades lexislativas experimentadas na prestación dos servizos de alugueiro con condutor. A urxencia da modificación do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, deriva da súa necesaria adaptación á nova regulación lexislativa.
As medidas propostas teñen por obxecto suprimir a folla de roteiro e substituír a obriga de levar a bordo do vehículo o contrato nos servizos de arrendamento de vehículos con condutor, así como adaptar a documentación exixible aos servizos regulares e aos de transporte adaptado, programado e non urxente dotado de acompañante de persoas en situación de discapacidade e/ou dependencia imposibilitadas para a utilización de transporte público colectivo, competencia da Comunidade Autónoma.
Na Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas, realízanse modificacións en materia sancionadora, co fin de tipificar unha nova infracción e de modificar a competencia dos órganos para impoñer as correspondentes sancións.
Realízase unha revisión puntual da Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, coa finalidade de modificar a composición do Consello Galego de Estatística.
A modificación introducida na Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia, ten por finalidade mellorar a seguridade na instalación das atraccións de feira. Esta modificación implica a correlativa do Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos.
Igualmente, apréciase a concorrencia de razóns imperiosas de interese xeral que exixen a regulación e a posterior actualización por parte da Administración dos prezos mínimos que deben percibir as Eccom pola prestación dos seus servizos, co obxecto de evitar prácticas que supoñan a fixación de prezos inferiores aos de mercado con asento na relaxación ou eliminación das garantías, estándares e controis que deben ser asumidos na prestación de servizos vinculados ás funcións de certificación, de comprobación e de control periódico que asumen as Eccom. Deste xeito, protéxese así a independencia, a obxectividade e a fiabilidade no exercicio das anteditas funcións e mais a legalidade e a calidade dos seus servizos.
Modifícase o Decreto 1/1991, do 11 de xaneiro, polo que se regula a concesión da Medalla de Galicia, coa finalidade de aclarar a regulación existente da forma de concesión das medallas e, en particular, de reafirmar que se poden conceder por iniciativa propia da Presidencia da Xunta da Galicia, mediante un decreto do Consello da Xunta, tendo en conta a natureza de honor ou distinción que supón o outorgamento da medalla, así como o seu carácter de recoñecemento de méritos e circunstancias concorrentes nos galardoados ou galardoadas, apreciados pola propia Presidencia coa máis ampla discrecionalidade. Isto fai que non teña sentido considerar que se deba instruír un expediente específico de concesión nestes casos. A tramitación do expediente de concesión previsto no decreto, cuxo obxecto consiste en investigar e documentar os posibles méritos das persoas candidatas e, de ser o caso, formular unha eventual proposta, só ten sentido, polo tanto, no caso de se presentaren propostas razoadas de persoas candidatas por parte de autoridades, institucións e entidades públicas ou privadas galegas, como prevé o decreto. Xa que logo, aclárase a regulación existente neste sentido. Así mesmo, na mesma liña de evitar formalismos excesivos, elimínase a comisión asesora prevista na norma.
Por último, modifícase o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, coa finalidade de adaptar o seu contido ao disposto na normativa aplicable, así como ao emprego da linguaxe inclusiva.
O capítulo II é o relativo ao medio ambiente.
Introdúcese unha disposición adicional na Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, coa finalidade de aclarar os efectos da declaración de interese público superior dos parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación en relación coa normativa de protección da paisaxe. Neste sentido, a declaración do interese público superior da planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, atendendo ás finalidades en que se basea, terase en conta como un elemento de singular relevancia ao ponderar os intereses xurídicos de cada caso na emisión dos informes de impacto e integración paisaxística previstos na normativa de desenvolvemento da lei, así como nos procedementos de avaliación ambiental necesarios para a autorización dos proxectos nos que se valore esta integración paisaxística, de tal modo que se dea prioridade á construción e a explotación dos parques e ao desenvolvemento das súas infraestruturas de evacuación. En particular, considerarase que a instalación de parques eólicos é compatible cos obxectivos de calidade paisaxística recollidos nas Directrices de paisaxe de Galicia. A regulación da disposición, polo demais, establece unha serie de directrices, sen prexuízo das xa recollidas con carácter xeral no antedito documento.
No que atinxe a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, e como consecuencia da normativa autonómica galega que promove a compartición das infraestruturas de evacuación dos parques eólicos, coa finalidade de evitar a súa duplicidade, complétase a regulación actual, coa finalidade de facilitar o control do cumprimento adecuado das obrigas impostas aos promotores nas correspondentes autorizacións, así como o principio de seguridade xurídica na tramitación destes expedientes. Realízanse outras modificacións puntuais coa finalidade de adaptar a normativa autonómica á normativa básica estatal.
Modifícase a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, co obxecto de afianzar a aplicación da presunción de tres persoas por vivenda, non só na determinación dos tramos do tipo de gravame nos usos domésticos da auga, senón tamén na determinación da base impoñible por estimación obxectiva nestes usos da auga. Paralelamente, aplicaríase esta presunción no canon de xestión das depuradoras e no canon de xestión das redes de colectores, mediante a reforma das disposicións correspondentes da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga.
Así mesmo, nestas dúas últimas normas realízase unha corrección técnica na exención do pagamento do canon da auga, así como no canon de xestión das depuradoras e no canon de xestión das redes de colectores en situacións de necesidade extrema ou de catástrofe.
Alén do anterior, inclúense expresamente como actuacións exentas de autorización, de licenza ou de informe as medidas informativas e de sinalización vinculadas ao Plan de xestión do risco de inundación. En particular, refírese á instalación de paneis nas áreas de risco potencial significativo de inundación, actuacións de baixo impacto ambiental, de carácter preventivo e orientadas á seguridade pública. A súa inclusión no réxime especial permitirá axilizar a execución, reducir cargas administrativas e garantir o cumprimento dos prazos de planificación hidrolóxica.
Esténdese, finalmente, o prazo de vixencia dos convenios para a execución de obras hidráulicas, na actualidade limitado a un prazo máximo de catro anos que non sempre é adecuado.
Realízanse modificacións puntuais na Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia. Posibilítase que a licenza de caza sexa de cinco anos para que quen o desexar poida facer coincidir o período da licenza de caza co do permiso de armas, que tamén é de cinco anos. Alén diso, introdúcense medidas que posibilitarán sancionar a posesión de caza viva ou morta ou dos seus híbridos cuxa procedencia non se puider xustificar debidamente, con independencia de que for ou non época de veda.
Na Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, procédese a eliminar os importes mínimos de sanción para determinados tipos infractores, deixando esta posibilidade ao órgano instrutor ou resolutorio, atendendo ao principio de proporcionalidade.
Nos últimos anos, a Unión Europea aprobou un conxunto de instrumentos normativos –entre os que destacan o Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro, polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables, a Directiva (UE) 2023/2413 do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de outubro de 2023, pola que se modifican a Directiva (UE) 2018/2001, o Regulamento (UE) 2018/1999 e a Directiva 98/70/CE no que respecta á promoción da enerxía procedente de fontes renovables e se derroga a Directiva (UE) 2015/652 do Consello e o Regulamento (UE) 2024/223 do Consello, do 22 de decembro de 2023, que modifica o Regulamento (UE) 2022/2577 polo que se establece un marco para acelerar o despregamento de enerxías renovables– que consolidaron a consideración dos proxectos de enerxías renovables como instrumentos cruciais para loitar contra o cambio climático e contra a contaminación, contribuíndo a abordar os retos relacionados co medio ambiente, como a perda da biodiversidade. Por iso, estableceuse que os estados membros deben presumir que tales plantas de enerxía renovable e as súas infraestruturas de evacuación son de interese público superior, medida introducida nun primeiro momento con carácter temporal e que adquiriu carácter permanente coa Directiva 2023/2413. Do mesmo xeito, introduce o mandato claro de que, en todo proceso de ponderación dos intereses xurídicos implicados tanto polos tribunais nacionais como polas autoridades encargadas da concesión das autorizacións, se outorgue prioridade á construción e á explotación de instalacións de enerxía eólica, sempre que se apliquen medidas adecuadas de mitigación ou de restablecemento.
A Comunidade Autónoma de Galicia, consciente da obriga de loitar contra o cambio climático e de protexer o medio ambiente, regulou os anteditos mecanismos na Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, declarando de interese público superior a planificación, a construción e a explotación de parques eólicos autonómicos, e a súa prioridade na necesaria ponderación de intereses do caso concreto, establecendo mecanismos de seguimento ambiental e de reacción.
O Regulamento (UE) 2022/2577 do Consello, do 22 de decembro, que entrou en vigor o 30 de decembro de 2022, habilitaba expresamente para aplicar os mencionados mecanismos aos procesos de autorización cando non recaese resolución definitiva. Por iso, o artigo 36.2 da Lei 10/2023 estendeu a aplicación destas medidas a todos os proxectos que non dispuxesen de autorización definitiva na vía administrativa de posta en funcionamento antes do 30 de decembro de 2022, calquera que fose a data de inicio dos procedementos administrativos de autorización.
A aprobación da Directiva 2023/2413, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de outubro de 2023, pola que se modifican a Directiva (UE) 2018/2001, o Regulamento (UE) 2018/1999 e a Directiva 98/70/CE, converte en permanente, ata se acadar a neutralidade climática, a declaración de interese público superior das enerxías renovables. Do mesmo xeito, prevé a prórroga da prioridade de construción e explotación de centrais de enerxía renovable para ponderar os intereses implicados no proceso da súa autorización polo Regulamento (UE) 2024/223.
Á vista desta sucesión normativa, procede clarificar o alcance da regulación sobre o interese público superior na Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, á luz da normativa comunitaria aplicable, sen modificar en absoluto a regulación material dos mecanismos que se incorporaron no seu día, por mandato comunitario, nos seus artigos 35 a 37. Por isto, a incorporación de dous novos números no artigo 36 mediante a presente norma limítase a aclarar e a sistematizar o alcance das disposicións xa vixentes, co fin de reforzar a seguridade xurídica dos operadores, da Administración e da cidadanía, confirmando e precisando o marco normativo existente. Todo isto, orientado a acadar os obxectivos necesarios de neutralidade climática e de protección da biodiversidade.
Realízase unha modificación da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, coa finalidade de que estes beneficios se fomenten nas concesións administrativas para a explotación como aproveitamentos hidroeléctricos outorgadas con anterioridade á súa entrada en vigor, instaurando a posibilidade de que os recursos establecidos para estas infraestruturas se poidan destinar á realización daquelas actuacións que poidan mellorar a calidade de vida e contribuír á mellora do medio ambiente nas zonas afectadas, como poden ser todas aquelas relacionadas coa mellora da xestión do ciclo integral da auga.
Modifícase o Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 en Galicia, coa finalidade de flexibilizar os requisitos establecidos para a realización de rozas e queimas, o que redunda na protección dos espazos incluídos no seu ámbito de aplicación, xa que favorece a realización de accións preventivas na materia de incendios. A importancia da realización das referidas actuacións xustifica a modificación urxente deste decreto.
Finalmente, adáptase o Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, á previsión establecida, así mesmo, na disposición adicional primeira desta lei para o propio dominio público marítimo-terrestre de adiantar o inicio da tempada de verán ao período de Semana Santa, de maneira que se estableza un único prazo continuo que remate o 31 de outubro, en coherencia coa realidade social e turística de Galicia, de xeito que se consiga unha maior seguridade xurídica.
O capítulo III, denominado «Educación», modifica a Lei 8/1987, do 25 de novembro, pola que se establece a gratuidade dos estudos de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos nos centros públicos e a autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, coa finalidade de introducir a autonomía de xestión económica dos centros de formación do profesorado.
Igualmente, revísase a Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, na que se prevé a creación da Oficina de Apoio ao Profesorado dos centros docentes públicos para os efectos de reforzar as estruturas de apoio ao profesorado e de promover unha actitude de tolerancia cero ante calquera tipo de agresión física ou verbal contra os profesionais do ensino.
No capítulo IV, relativo á política social, revísanse as seguintes normas:
Prevese, na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, o emprego das ferramentas asociadas ao sistema corporativo da Historia Social Única Electrónica por parte das persoas traballadoras sociais da Xunta de Galicia, incluíndo as do sistema sanitario público e as das entidades locais. Esta medida ten a finalidade de simplificar o traballo do persoal dos servizos sociais de base, contribuíndo a unha resolución máis áxil e eficaz dos procedementos de dependencia.
Na modificación da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia, exceptúanse os decretos de organización da obrigatoriedade de informe nesta materia, dado que non teñen un impacto demográfico directo e redúcense así cargas administrativas na elaboración de determinadas disposicións regulamentarias, en prol dos principios de simplificación e de celeridade. Consecuentemente, incorpórase esta modificación á Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
No capítulo V, relativo á economía e a industria, modifícase a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, para axilizar o procedemento de outorgamento de dereitos mineiros e aclarar a posibilidade de continuar cos traballos de investigación autorizados no permiso de investigación durante o tempo que dure a tramitación da prórroga daqueles, ben como regular os plans de inspección de seguridade mineira e seguimento ambiental, homoxeneizando o labor de inspección, ao mesmo tempo que esta se coordina co seguimento ambiental. Estes plans serán os instrumentos directores para afondar na consecución dun coñecemento exhaustivo das actividades, establecementos, produtos ou instalacións mineiras canto á súa posta en funcionamento e condicións de servizo, así como ao cumprimento das declaracións ambientais e dos requisitos regulamentarios e de seguridade mineira e industrial, na procura da sustentabilidade ambiental e social, a innovación tecnolóxica, o auxe de novos usos e aproveitamentos e duns altos estándares de seguridade no traballo.
Na materia de política industrial, introdúcense modificacións no texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia na materia de política industrial, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro. Estas modificacións teñen por obxecto mellorar a tramitación dos proxectos industriais estratéxicos e as posibilidades de desenvolvemento e implantación de iniciativas empresariais. Así, inclúese a posibilidade de implantar un proxecto industrial estratéxico nun ámbito dun plan sectorial ou dun proxecto de interese autonómico xa aprobados ou en tramitación. Do mesmo xeito, establécese a aplicación do procedemento dos proxectos industriais estratéxicos aos proxectos estratéxicos de cero emisións netas.
En consonancia coas medidas anteriores, inclúense unha serie de cambios na Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia. Por unha banda, inclúense previsións para axilizar as tramitacións dos distintos instrumentos de creación de solo empresarial. Así, establécese que os ámbitos nos que o plan sectorial estea suficientemente detallado poderán desenvolverse directamente por un proxecto de desenvolvemento e urbanización ou, se for o caso, por un proxecto de urbanización, sen necesidade de aprobar neses ámbitos un plan de ordenación. Por outra banda, incorpóranse medidas para facer máis eficientes e flexibles os mecanismos de venda ou alugueiro de solo empresarial promovido pola Sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
Finalmente, a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, modifícase coa finalidade de promover a aplicación dos principios do mercado aberto na tramitación autonómica. Tamén, nesta mesma lei, simplifícanse determinados aspectos na instrución do procedemento integrado das autorizacións administrativas para as instalacións de produción, distribución e transporte de enerxía eléctrica competencia da Comunidade Autónoma de Galicia.
No capítulo VI, dedicado ao emprego público, modifícase a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, coa finalidade fundamental de adaptala á normativa básica estatal no que atinxe diversos permisos do persoal funcionario e laboral por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.
Como consecuencia do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei da Comunidade Autónoma 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, elimínase o período de proba e, consecuentemente, a causa de cesamento do persoal funcionario interino pola falta de superación deste.
Elimínase a posibilidade da adxudicación de postos en elección de destino con carácter provisional tras a superación dun proceso selectivo, coa finalidade de adaptar a norma á recente xurisprudencia existente.
Así mesmo, inclúese unha nova escala dos corpos de administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma; en concreto, a escala de instrutor/a de pesca. Modifícase o subgrupo da escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia e revísanse as escalas de sistemas e tecnoloxía da información e de xestión de sistemas de informática. Así mesmo, as distintas escalas e especialidades de persoal funcionario reguladas nas disposicións adicionais oitava e novena axústanse, na súa denominación, funcións e titulacións, a unha linguaxe inclusiva e de xénero, dando cumprimento ao I Plan de igualdade da Xunta de Galicia.
Realízase, igualmente, unha aclaración sobre a reserva de posto para o persoal directivo, que non se estendería ao suposto de posto obtido mediante un concurso específico.
Finalmente, prevese o desenvolvemento regulamentario do sistema transitorio de recoñecemento da progresión na carreira administrativa, así como do sistema da avaliación do desempeño. En tanto non sexa aplicable, a Administración autonómica poderá aprobar convocatorias para o recoñecemento do grao profesional acadado.
O capítulo VII, sobre a facenda e a administración pública, aborda a revisión de distintas normas.
Modifícase a Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, e o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, xa que cómpre actualizar a regulación da xestión recadatoria da Facenda de Galicia coa finalidade de adaptala á terminoloxía da lei de organización da Administración galega e co fin de establecer o marco regulatorio do exercicio das funcións de recadación cando determinados ingresos de natureza non tributaria deben ser recadados na vía executiva.
Modifícase a Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico, para recoller expresamente a posibilidade de renovación do mandato dos membros do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia, en consonancia tamén coa previsión establecida noutras comunidades autónomas con órganos equivalentes. Así mesmo, realízanse outras modificacións co obxecto de regular máis adecuadamente o funcionamento do Tribunal nos casos de ausencia dos seus membros, así como para precisar e clarificar o seu réxime de incompatibilidades.
Na modificación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, créase o Comisionado da Transparencia e atribúenselle as súas funcións á Presidencia do Consello Consultivo de Galicia. Adscrito a este órgano consultivo créase a Comisión da Transparencia. Ademais, modifícase tamén a composición da Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante.
Establécese un prazo dun ano aplicable aos procedementos de resolución contractual tramitados consonte a Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, por parte dos órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades instrumentais. Este prazo tamén será aplicable aos procedementos de resolución contractual que tramiten os órganos de contratación das entidades locais e as universidades públicas radicadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.
Na Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, clarifícase como se levará a cabo a habilitación dun servizo como proactivo, á vista da gran acollida por parte da cidadanía deste tipo de servizos. Tamén se realizan outras modificacións para incrementar a seguridade xurídica no uso da videoidentificación e da sinatura manuscrita dixitalizada no procedemento administrativo. Por último, suprímese a referencia ao órgano competente da xestión do DOG co obxectivo de o adecuar ao que se determine nos correspondentes decretos de estrutura orgánica.
Por último, na Lei 2/2025, do 2 de abril, da intelixencia artificial, fanse unhas pequenas puntualizacións terminolóxicas e concrecións técnicas para dar maior seguridade xurídica, así como a incorporación no Consello Galego de Intelixencia Artificial dunha persoa en representación do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia.
O capítulo VIII, titulado «Xogo e patrimonio», aborda a modificación de dúas normas.
Por unha banda, na Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, modifícase a regulación do xogo do bingo na súa consideración de xogo excluído para garantir que a organización deste tipo de xogo responda á finalidade e os propósitos para os cales foi orixinalmente concibido. Así mesmo, delimítanse e acláranse as condicións que permiten considerar os xogos de carácter benéfico ou de utilidade pública como excluídos do ámbito de aplicación da normativa reguladora dos xogos de Galicia. Finalmente, tamén se modifica a regulación do xogo das rifas co obxecto de delimitar un limiar mínimo de intervención administrativa, eliminando cargas administrativas para os casos de sorteos nos que o seu carácter esporádico, tradicional, familiar ou amigable, a súa ausencia de ánimo de lucro e a escasa entidade económica o fixeren aconsellable.
Por outra banda, modifícase a Lei 6/2023, do 2 de novembro, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, para ampliar o control da intervención sobre os expedientes de venda de inmobles, tanto mediante poxa pública como por venda directa, sen ter en conta a súa contía. Tamén se engade unha nova disposición para concretar as peculiaridades derivadas da venda de aforro de enerxía final, adaptando os procesos de venda previstos na norma. Por último, inclúese unha nova disposición na materia de cooperación local e autonómica para a regularización patrimonial de bens inmobles afectados a un uso xeral ou ao servizo público.
O capítulo IX introduce medidas na materia de vivenda e de infraestruturas.
A sección relativa ás medidas extraordinarias e temporais na materia de vivenda ten por finalidade avanzar na senda iniciada pola Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para dar cumprimento ao compromiso do Goberno galego de duplicar nos vindeiros anos o parque público de vivenda, así como de crear solo para a construción de 20.000 vivendas protexidas.
Neste sentido, axilízase a construción de vivendas protexidas ou de aloxamentos compartidos en terreos cualificados nos instrumentos de planeamento urbanístico como uso dotacional para equipamentos ou terciario. Na mesma liña, recóllese a posibilidade de que as entidades locais poidan promover e desenvolver proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial, sempre que o 80 por cento das vivendas que se constrúan estean sometidas a algún réxime de protección pública, simplificando o procedemento para a súa aprobación sen menoscabar a seguridade xurídica.
As modificacións propostas na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, obedecen, basicamente, á necesidade de cumprir o referido compromiso de duplicar o parque público de vivenda.
Para estes efectos, recóllese expresamente a posibilidade de que o Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adquira directamente a título oneroso, en calquera momento, vivendas de promoción pública nas segundas e posteriores transmisións inter vivos no curso da tramitación do procedemento de selección de adquirentes.
Dáse unha nova regulación ao procedemento de adxudicación das vivendas de protección autonómica, dotándoo dunha maior axilidade co fin de habilitar unha resposta máis inmediata ás necesidades reais na materia de vivenda. Neste sentido, exceptúase a exixencia da realización dun sorteo en determinados supostos nos que pode constituír unha delonga innecesaria, garantindo a adxudicación das vivendas ás persoas que cumpran os requisitos exixidos para tal efecto.
Elimínase a referencia á cancelación de oficio polas rexistradoras e rexistradores das notas marxinais relativas ao réxime de protección das vivendas, en cumprimento do Acordo da Comisión Bilateral de Cooperación Administración Xeral do Estado-Comunidade Autónoma de Galicia en relación coa Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.
Para concluír, inclúese unha regulación dos modelos alternativos residenciais que emerxeron nos últimos anos mediante a regulación da figura dos aloxamentos compartidos e das súas condicións de habitabilidade, mentres tales condicións non sexan determinadas regulamentariamente.
Por outra parte, modifícase a Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, coa finalidade de simplificar a tramitación das solicitudes de corta na zona de servidume e desafección, que quedarán suxeitas á presentación de declaración responsable que se presentará ante o órgano competente na materia forestal. Ademais, tipifícanse como infraccións específicas as relacionadas co establecemento ou modificación de accesos sen as autorizacións necesarias ou incumprindo as condicións das autorizacións outorgadas.
Modifícase tamén a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, cun carácter fundamentalmente procedemental, para introducir aclaracións e precisións que contribúan a facilitar a súa aplicación, acurtar prazos de tramitación e disipar as dúbidas que vén suscitando a súa aplicación práctica.
As modificacións da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, teñen como primeiro dos seus obxectivos o de impulsar a adaptación dos instrumentos de planeamento municipal ás exixencias da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia.
Con esta finalidade, para declarar as áreas de intervención no medio urbano, agás as áreas de rehabilitación integral supramunicipais, introdúcese a exixencia de ter iniciada a redacción do correspondente plan especial de protección do patrimonio cultural ou, de ser o caso, solicitada a homoxeneización dos catálogos de protección. Nesta mesma liña, as referidas áreas unicamente poderán ter acceso ao financiamento dos plans e programas de axudas autonómicos ou estatais cando conten coa aprobación do plan especial ou, de ser o caso, coa correspondente resolución de homoxeneización.
Igualmente, harmonízase a regulación das licenzas directas coas modificacións introducidas na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, respecto das autorizacións previas e simplifícase o procedemento de aprobación dos plans de dinamización exixibles ás áreas de rexeneración urbana de interese autonómico, para dotalo dunha maior axilidade, atribuíndoo aos concellos, logo do informe vinculante do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Así mesmo, modifícase a Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, coa finalidade de axilizar a tramitación das modificacións dos instrumentos de ordenación do territorio, co fin de facilitar a implantación de dotacións públicas.
Por último, modifícase o Regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, aprobado mediante o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, coa finalidade de resolver determinadas cuestións que vén suscitando a aplicación práctica da norma, como a relativa á altura máxima das edificacións ou aos proxectos de obras ordinarias en parcelas dotacionais públicas. A urxencia desta medida vén xustificada pola necesaria e ineludible revisión e axuste regulatorio desta norma que dea resposta á problemática actual de escaseza de vivenda a prezo accesible.
Modifícase a sección 1ª do capítulo X da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, relativa ás medidas extraordinarias e temporais na materia de vivenda, co obxecto de aclarar e resolver determinadas cuestións que suscitou a súa aplicación práctica.
Con esta finalidade, introdúcense precisións nas determinacións mínimas que deben conter os proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial e regúlase, de forma diferenciada á figura da exclusión da expropiación, a posible participación das persoas propietarias de solo no futuro desenvolvemento daqueles proxectos mediante a promoción e a construción de vivendas nas parcelas que resulten deste.
Atribúese aos proxectos de construción de todos os aloxamentos compartidos promovidos polo IGVS ou por unha entidade participada maioritariamente por el a consideración de obras públicas de interese xeral, coas consecuencias que isto comporta, en coherencia coa introdución na Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, dunha regulación relativa a esta modalidade residencial.
Por último, matízase o réxime excepcional aplicable ás edificacións non acabadas para dar cobertura a aquelas que, no seu día, dispuxesen de licenza urbanística outorgada para un uso residencial, con independencia de que se declarase a súa caducidade.
O capítulo X, relativo á sanidade, introduce diversas medidas neste ámbito. Así, na sección 1ª , de medidas extraordinarias na materia de persoal estatutario e sanitario, introdúcense catro medidas. Créase a categoría estatutaria de enxeñeiro/a biomédico/a, vencellada aos avances científicos e tecnolóxicos e á necesidade do redeseño dos servizos públicos de saúde, para proporcionar a mellor e máis avanzada resposta aos retos que estes avances impoñen á sociedade. Nos últimos anos os sistemas sanitarios públicos incrementaron as novas profesións de alta especialización, de maneira que é cada vez máis habitual atopar nos seus cadros persoal ligado ás novas tecnoloxías, tales como estatística, matemática, bioloxía, biotecnoloxía, xenética, análise de datos, ou, como no caso que nos ocupa, a enxeñaría biomédica. Estes veñen cubrir estas novas necesidades, cada vez máis indispensables en toda organización, como ámbitos de alta complexidade.
Outra das medidas é a relativa á modificación da denominación de axudante técnico sanitario/diplomado universitario en Enfermaría (ATS/DUE), procedente do Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolveu a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, e que cómpre actualizar tendo en conta as denominacións actuais das titulacións profesionais. Neste sentido, o cambio veu determinado pola Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, e constituía unha demanda do propio colectivo profesional.
Tamén se inclúe o recoñecemento da consolidación do grao persoal para o persoal estatutario, posibilitando a aplicación a todas as categorías de persoal estatutario do réxime de consolidación do grao persoal previsto no Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006. Ademais, a norma permitirá tomar en consideración os servizos previos, incluídos os anteriores á entrada en vigor desta lei, nos termos previstos nas referidas disposicións.
Por outro lado, a lei permitirá a reactivación e a prórroga do réxime extraordinario previsto na Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que estableceu un prazo de tres anos para convocar procesos selectivos específicos polo sistema de concurso, co fin de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal a determinados postos de difícil cobertura. A presente habilitación lexislativa permitirá reactivar os mecanismos de provisión durante un novo prazo de tres anos.
O mesmo capítulo establece, na súa sección segunda, outras medidas na materia de sanidade, que afectan, entre outras, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, entre as cales se atopa a emisión, por parte do persoal facultativo dos servizos de admisión e demais unidades hospitalarias, dos partes médicos de incapacidade temporal dos e das pacientes en situación de alta laboral ou asimilada que ingresen en réxime de hospitalización, ata a súa alta hospitalaria. Razóns de eficiencia na xestión, así como o dereito á continuidade asistencial do ou da paciente, determinan a necesidade de se emitiren estes partes no propio centro hospitalario de ingreso do ou da paciente, centralizando este trámite na unidade ou unidades responsables de efectuar o seu ingreso (servizo de admisión) ou nas unidades hospitalarias encargadas do seu tratamento.
A segunda modificación da mencionada lei refírese á incorporación dunha disposición relativa á oncoloxía de precisión. Así, a propia Lei 8/2008, do 10 de xullo, establece como un dos principios do sistema público de saúde de Galicia a integración de todos os recursos sanitarios públicos, apostando por fórmulas colaborativas, que potencien neste caso a capacidade das unidades asistenciais de alta especialización, como é a protonterapia ou a oncoloxía de precisión, con vistas a acadar o maior beneficio posible para as persoas usuarias e conseguir así unha atención global, continuada e eficiente. Deste xeito, formalízase o compromiso do sistema público de saúde de Galicia co desenvolvemento da medicina personalizada e de precisión no ámbito da oncoloxía, posibilitando o establecemento de colaboracións con entidades nacionais e internacionais para avanzar na rede de ensaios clínicos na materia e permitindo unha maior coordinación e un uso eficiente dos recursos humanos e tecnolóxicos do Servizo Galego de Saúde.
Tamén se modifica a Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, no relativo ao peche provisional das oficinas de farmacia, co fin de introducir unha excepción no preaviso dun mes, co obxecto de considerar aquelas situacións en que o motivo de peche non poida preverse coa antelación necesaria, sempre que se xustifique documentalmente tal imposibilidade, o que amplía a posibilidade da súa procedencia. Esta previsión complétase coa modificación do réxime de peche temporal voluntario de oficinas de farmacia regulado no Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, peche e transmisión de oficinas de farmacia, o cal é tamén obxecto de modificación. Así, inclúense nel novos supostos de peche, como son os motivados por falecemento de familiar do ou da titular da oficina de farmacia ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade, ou outros motivos urxentes e/ou imprevisibles de carácter persoal, dando así resposta ás necesidades postas de manifesto polo sector. Resulta urxente a modificación do decreto para dar amparo normativo ao dereito de conciliación, garantindo a atención farmacéutica.
Outra modificación é a que afecta a Lei 2/2022, do 6 de outubro, na que se elimina a referencia ao persoal facultativo especialista de área en psiquiatría e psicoloxía clínica e enfermeiro/a especialista de saúde mental, que estaba vinculado ao desenvolvemento do Plan de saúde mental de Galicia poscovid-19, rematado no ano 2024. Tamén se eleva a tres anos o prazo de permanencia na situación de servizo activo a xornada completa no centro elixido e adxudicado como destino no concurso.
Modifícase tamén o Decreto 291/2001, do 8 de novembro, polo que se configuran as categorías de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías de información, adaptadas ás novas exixencias e requisitos do novo marco normativo e de titulacións do Marco español de cualificacións para a educación superior (MECES) e do Marco español de cualificacións para a aprendizaxe permanente (MECU). Esta modificación permite reordenar tanto a provisión de prazas como os procesos selectivos, sendo urxente a súa modificación para non adiar a convocatoria dos procesos selectivos destas escalas.
Outro dos aspectos que inclúe este capítulo refírese á modificación do Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, relativa ás condicións materiais e arquitectónicas das unidades residenciais, que deberán situarse en edificacións de uso exclusivo sociosanitario, sen elementos comúns entre diferentes propietarios. Precísase a súa modificación urxente para evitar o atraso na autorización dos novos centros.
Así mesmo, modifícase o Decreto 206/2005, do 22 de xullo, optando pola denominación común de «persoal estatutario» e eliminando a referencia á percepción do complemento de destino na disposición obxecto de modificación.
Finalmente, no que atinxe as modificacións no ámbito sanitario, suprímese unha disposición do Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade, que só autorizaba a realización de ata un máximo de tres ofertas de integración en cada unha das institucións incluídas dentro do seu ámbito de aplicación. A urxencia da modificación vén motivada polo necesidade de non adiar a realización de novos procesos de integración.
No capítulo XI, relativo á cultura, introdúcense medidas en diversos ámbitos.
O paso do tempo desde a aprobación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, e a experiencia achegada pola súa aplicación práctica evidenciaron a necesidade dunha reforma para mellorar a xestión, axilizar os trámites e reforzar a implicación dos concellos na protección do patrimonio cultural.
Un dos eixos centrais da reforma é suprimir a autorización previa da consellaría competente na materia de patrimonio cultural nas diferentes intervencións que se realicen en bens catalogados con protección estrutural e ambiental, nos seus contornos de protección ou nas súas zonas de amortecemento, que, a partir da entrada en vigor do novo marco legal, avaliará o propio concello no mesmo procedemento de concesión de licenza, logo da comprobación de que se axusta ao ordenamento urbanístico vixente e de que reúne as condicións de seguridade, salubridade, habitabilidade e accesibilidade e que cumpre os criterios de protección dos valores culturais dos bens catalogados consonte as determinacións do proxecto de intervención. A proximidade territorial e o coñecemento directo do seu propio patrimonio perfila os concellos como actores fundamentais para unha xestión máis eficaz, áxil, próxima e axustada á realidade local.
A reforma contextualízase, así mesmo, na necesidade de facilitar actuacións de rehabilitación urbana que permitan o incremento do parque residencial, nunha realidade de especial dificultade de acceso á vivenda.
Este réxime compaxínase coa permanencia no ámbito autonómico de autorizacións relativas a bens de interese cultural ou con protección integral, así como do patrimonio arqueolóxico, artístico e relixioso, cuxa protección require un maior nivel de especialización pola súa complexidade técnica.
Para garantir o adecuado exercicio das competencias municipais no tránsito ao novo réxime de autorizacións, prevese expresamente o asesoramento aos concellos por parte da consellaría con competencias na materia de patrimonio cultural, reforzando o mandato de colaboración xa previsto na lei.
En paralelo, recóllense outra serie de medidas que afondan na axilización e na eficiencia dos procedementos de xestión e protección do patrimonio cultural, como son: a corrección de erros materiais, aritméticos ou de feito dos bens catalogados nos instrumentos de planeamento; a prevalencia dos contornos de protección específicos sobre os determinados de forma xenérica e os de carácter subsidiario; e a inclusión de novas intervencións na listaxe das que non precisan ningún tipo de autorización nos contornos de protección de bens de interese cultural ou catalogados.
Outro punto clave da reforma é a clarificación dos usos, as actividades permitidas e as intervencións compatibles coa protección dos Camiños de Santiago e o seu contorno protexido.
A modificación segue o mesmo criterio que para o resto de bens culturais. Así, mantén a tutela sobre os Camiños de Santiago declarados BIC e Patrimonio Mundial (Francés, Primitivo e Norte), tanto no territorio histórico como na súa zona de amortecemento. No entanto, naqueles que están catalogados (Inglés, Portugués interior e pola costa, Inverno, Vía da Prata, Fisterra-Muxía), a consellaría autorizará as intervencións que se realicen na traza do Camiño de Santiago, nas súas parcelas lindeiras e nos seus elementos funcionais, agás aquelas que se atopen no solo urbano dos municipios de máis de 50.000 habitantes, que, nese caso, serán autorizadas por aquel.
Os municipios cunha poboación de máis de 50.000 habitantes contan cunha capital eminentemente urbana, na que a pegada do Camiño de Santiago, agás na propia cidade de Santiago de Compostela, non ten transcendencia na súa trama, motivo polo cal será o concello o garante do propio desenvolvemento urbano (concellos cunha poboación de máis de 50.000 habitantes polos que discorra un Camiño: A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo).
Finalmente, a modificación da Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia, ten por obxecto incluír no seu ámbito de aplicación os itinerarios culturais de interese autonómico, que se definen, para dotalos de especial promoción e difusión públicas en atención á súa contribución ao desenvolvemento e á democratización cultural en territorios en risco de exclusión cultural.
No capítulo XII, denominado «Emprego e consumo», introdúcense medidas nos seguintes ámbitos:
Modifícase a Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, coa finalidade principal de crear a Mesa do Comercio de Galicia, prevista no Plan estratéxico do comercio de Galicia, como órgano colexiado consultivo de participación, asesoramento e colaboración coa Administración autonómica no fomento e ordenación da actividade comercial, en substitución do Consello Galego de Economía e Competitividade. Así mesmo, regúlase o réxime xurídico, a composición e o funcionamento da Comisión Consultiva, como órgano colexiado encargado de formular a proposta de resolución das autorizacións comerciais autonómicas.
Do mesmo modo, configúrase o Observatorio do Comercio de Galicia como un instrumento da administración pública que sirva de referencia do estudo, análise e difusión da información periódica e sistemática da situación e das dinámicas económicas e sociais do sector comercial e de foro para o intercambio de información entre os distintos organismos públicos e axentes comerciais, coa finalidade de evitar duplicidade de órganos e de o dotar dun maior dinamismo e funcionalidade como repositorio dixital de comercio.
Revísase a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias, co obxecto principal de incrementar a protección das persoas consumidoras, introducindo diversas medidas entre as cales cabe destacar, por unha banda, a simplificación e a seguridade xurídica no proceso de reclamación e a previsión e, doutra banda, o establecemento por parte da Xunta de Galicia de instrumentos de reclamación dixitais, incorporando así o dereito das persoas a se relacionaren de forma dixital e tamén valores de sustentabilidade e respectuosos co medio ambiente.
Introdúcese, así mesmo, unha nova infracción grave nesta materia e recóllense os criterios interpretativos acordados na Conferencia Sectorial de Consumo, no Informe do 19 de xaneiro de 2024, co fin de aclarar as competencias da Comunidade Autónoma e de garantir a seguridade xurídica.
O capítulo XIII, relativo ao medio rural, introduce medidas en diversos ámbitos.
Na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, modifícase o réxime previsto para as queimas de matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible, que, de acordo co establecido na normativa básica, quedan prohibidas nas zonas agrícolas, forestais e nas de influencia forestal cando o índice de risco diario de incendio forestal for moi alto ou extremo.
Igualmente, axilízase o procedemento de execución subsidiaria, nos casos en que a administración constate o incumprimento por parte das persoas responsables da súa obriga legal de ter concluída a xestión da biomasa e de retirada de especies arbóreas unha vez que finalice o mes de maio de cada ano. Nestes casos, poderá proceder sen máis trámite á execución da realización dos traballos materiais e á repercusión dos custos, actuando con preferencia nas zonas de maior risco de incendios forestais. Con carácter previo ao inicio dos traballos materiais, publicaranse os anuncios pertinentes e outorgarase un prazo mínimo de quince días para o cumprimento da obriga legal.
Así mesmo, modifícase o réxime sancionador, para que a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística sexa a competente para a sanción das infraccións relacionadas coa falta de xestión da biomasa. En particular, no caso das infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable, a adhesión á Axencia producirá a atribución a esta das competencias sancionadoras dos municipios integrados.
Modifícase a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, coa finalidade principal de reforzar a seguridade xurídica, clarificando o alcance funcional dos plans de ordenación de recursos forestais (PORF), simplificando a súa revisión cando esta non supoña a modificación da estrutura territorial básica nin dos seus obxectivos estratéxicos e garantindo, non obstante, que as revisións relevantes manteñan o procedemento ordinario e se preserve a participación pública e institucional. Na mesma liña, respecto do contido obrigatorio dos plans, clarifícase que a súa zonificación non pode producir efectos directos sobre a clasificación urbanística do solo, evitando vinculacións automáticas entre ambas as dúas. Finalmente, clarifícase que os montes ou terreos forestais inscritos no Sistema rexistral forestal de Galicia terán a consideración de solo rústico de protección forestal, sen prexuízo dos efectos da aprobación dos catálogos de solos agropecuarios e forestais de Galicia.
Simplifícase a tramitación das cortas de arboredo, substituíndo a exixencia da autorización por unha declaración responsable, tanto nos terreos que formen parte do territorio histórico dos Camiños de Santiago catalogados como dun ben catalogado con nivel de protección estrutural ou ambiental, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, e nas zonas de servidume e de afección das estradas.
Establécese a reserva de, como mínimo, un 10 por cento da cota xeral de reinvestimento que deben efectuar os montes veciñais en man común na realización de traballos de execución de medidas e dotación de infraestruturas destinadas á prevención fronte aos incendios forestais. Ademais, os reinvestimentos destinados a esta finalidade deben realizarse de forma continuada, garantindo o cumprimento da lexislación sectorial de incendios sobre xestión de biomasa e retirada de especies.
Na mesma liña de reforzar as medidas de prevención contra os incendios forestais e ao mesmo tempo posibilitar a recuperación das terras agrarias para fomentar a estabilidade das poboacións rurais e mesmo incentivar a recuperación do medio rural para as persoas que queiran establecerse neste, modifícase o réxime dos usos do solo de modo que, ademais de cumpriren outros condicionantes, só se consideren montes as antigas terras agrícolas que leven corenta anos abandonadas.
Modifícase a tipificación dunha infracción relativa á realización de repoboacións prohibidas e a cualificación deste tipo infractor, co fin de incluír un que abranga todas aquelas actuacións ou omisións que vulneran a regulación das repoboacións con Eucalyptus previstas na disposición transitoria novena da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, na redacción dada por esta lei.
Revísase a Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, para adaptar os prazos legais ao estado actual de tramitación do novo decreto polo que se aproba o regulamento polo que se rexerán os contratos temporais de xestión pública dos montes. Doutra banda, a eliminación da exclusión do cómputo da superficie arborada das masas con menos de cinco anos de idade para as cancelacións libres de cargas obedece á necesidade de considerar os traballos de repoboación dos últimos anos nas mesmas condicións que aqueles máis antigos, equilibrando a relación entre as persoas subscritoras de convenios e consorcios, os cales manteñen o seu dereito, e a administración, que poderá recuperar a porcentaxe que lle corresponda dos investimentos realizados nos últimos cinco anos.
As modificacións realizadas na Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, responden a distintas necesidades, algunhas delas de carácter meramente corrector ou organizativo. Por outra banda, pódese destacar a revisión da denominación de «aldea modelo», por considerarse máis axeitada a que se propón de «asentamento rural», e recóllese unha definición máis extensa deste termo, o que permite ampliar os ámbitos de actuación deste instrumento. Elimínase a exixencia da emisión dun informe por parte do Consello de Xestión da Terra Agroforestal cando se trate dunha revisión non substancial do Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, así como do Catálogo e do Mapa de usos agroforestais de Galicia, tratando de garantir os principios de simplificación e celeridade, axilizando a tramitación naqueles casos en que tales revisións non afectan cuestións esenciais.
Amplíase a moratoria do eucalipto ata o 31 decembro de 2030. Ademais, incídese na regulación anterior de permitir repoboacións do xénero Eucalyptus que substitúan outras anteriores, que se transforman en masas de coníferas ou frondosas caducifolias, innovando a posibilidade de que esta actuación se produza entre superficies forestais pertencentes a persoas titulares distintas. Alén diso, de forma restritiva, prevese que unha nova plantación de Eucalyptus, agás determinadas excepcións, non poida superar en superficie o 75 por cento da superficie orixinaria, co fin de promover a eliminación neses terreos forestais do xénero Eucalyptus.
Outra novidade desta modificación consiste na facultade de plantar, após a autorización, Eucalyptus para substituír o 50 por cento dunha masa de piñeiro gravemente danada pola banda marrón (Lecanosticta acicola), pero debendo repoboarse o outro 50 por cento da superficie con coníferas ou frondosas permitidas e limitando a plantación de Eucalyptus a unha soa quenda de corta.
Na Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia, prevese a posibilidade de suspender condicionalmente a execución dunha sanción económica cando concorran determinados supostos e se cumpran unha serie de requisitos. A finalidade desta medida é procurar que as persoas que fosen sancionadas pola comisión dunha infracción na materia de calidade alimentaria non volvan cometer outra, habilitando a través da suspensión condicional un mecanismo que suspenda a execución, suxeito ao cumprimento dunha serie de obrigas, como a non comisión doutra infracción, incentivando deste xeito o seguimento dunha conduta respectuosa na materia de calidade alimentaria.
Consonte coas modificacións operadas na Lei 3/2007, do 9 de abril, e en coherencia con estas, adáptase o Decreto 105/2005, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.
Por motivos, igualmente, de seguridade xurídica adáptase o Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e xestión de montes de Galicia, ao establecido nunha norma de rango superior, a Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, eliminando unha contradición entre ambas as normas.
Modifícase o Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, para adecuar igualmente esta disposición regulamentaria ás modificacións que se introducen na Lei 7/2012, do 28 de xuño, na materia de tramitación de aproveitamentos forestais.
A parte final da lei está composta por cinco disposicións adicionais, catro disposicións transitorias e tres disposicións derradeiras.
A disposición adicional primeira, en materia de medio ambiente, recolle medidas na materia de duración da tempada para autorizacións de servizos temporais e instalacións desmontables de servizos de tempada no dominio público marítimo-terrestre de Galicia.
A disposición adicional segunda, en materia de emprego público, prevé medidas especiais relativas ás listas de contratación de persoal laboral ou de persoal funcionario interino durante o ano 2026.
A disposición adicional terceira pretende reforzar a capacidade de resposta do sistema público mediante a convocatoria excepcional, mediante o sistema de concurso de méritos, das prazas non incorporadas ás convocatorias anteriores, co fin de garantir a completa execución da oferta de emprego público extraordinaria do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, á vista do novo escenario climático e operativo evidenciado pola vaga de lumes de 2025.
A disposición adicional cuarta dedícase á adhesión ao Sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa.
A disposición adicional quinta regula a dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas, aplicable no período impositivo 2025.
A disposición transitoria primeira, en materia de emprego público, establece un réxime transitorio de regulación das adxudicacións de destinos con carácter provisional que se efectuasen en aplicación do previsto na Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, na súa redacción anterior á modificación efectuada por esta lei.
A disposición transitoria segunda prevé o réxime transitorio aplicable ás reclamacións fronte ás resolucións na materia de información pública.
A disposición transitoria terceira recolle medidas en relación coa atribución de competencias á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
A disposición transitoria cuarta recolle medidas en relación coa reasignación de medios ao Consello Consultivo de Galicia.
Por último, a disposición derradeira primeira recolle unha cláusula de salvagarda do rango regulamentario aplicable aos decretos modificados a través desta lei; a disposición derradeira segunda habilita o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento da lei; e a disposición derradeira terceira establece a entrada en vigor da norma.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo en nome do rei, a Lei de medidas fiscais e administrativas.
TÍTULO I
Medidas fiscais
CAPÍTULO I
Tributos cedidos
Artigo 1. Conceptos xerais
Engádese un número oito ao artigo 3 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Oito. Familia monoparental.
Entenderase por familia monoparental o núcleo familiar composto por unha única persoa proxenitora que non conviva con outra persoa coa que manteña unha relación análoga á conxugal e os fillos e/ou fillas que teña ao seu cargo nos supostos establecidos na Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.
Entenderase por fillo ou filla a cargo aqueles que reúnan as condicións establecidas no número 1 do artigo 3 da Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.
A condición de familia monoparental acreditarase mediante o certificado de familia monoparental expedido pola dirección xeral competente na materia de familia.».
Artigo 2. Deducións na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas
Modifícase o artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Engádese un apartado dezaseis, coa seguinte redacción:
«Dezaseis. Dedución polas subvencións e/ou axudas obtidas como consecuencia dos danos causados polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2 acaecidos en Galicia en 2025.
Cando o contribuínte integre na base impoñible xeral o importe correspondente a unha subvención ou a calquera outra axuda pública obtida da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia das incluídas no Decreto 76/2025, do 29 de agosto, de medidas urxentes de axuda para a reparación dos danos causados polos incendios forestais producidos en Galicia durante o verán e o outono de 2025, poderá aplicarse unha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas.
O importe da devandita dedución será o resultado de aplicar os tipos medios de gravame ao importe da subvención na base liquidable.».
Dous. Modifícase o número 1 do apartado vinte e dous, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Os contribuíntes poderán deducir da cota autonómica o 15 % das cantidades satisfeitas polas obras de reparación e conservación, así como calquera outro gasto necesario para que un inmoble radicado en Galicia se atope en condicións de ser arrendado como vivenda, incluídas a obtención do certificado de eficiencia enerxética e a formalización do contrato de arrendamento, no período impositivo en que se constitúa o arrendamento. A aplicación da dedución non poderá dar como resultado unha cota autonómica negativa.».
Tres. Modifícase o número 4 do apartado vinte e dous, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. A dedución só resultará aplicable para os inmobles en que se constitúa o arrendamento de vivenda previsto no artigo 2 da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos, e quedará suxeita ao cumprimento dos seguintes requisitos:
a) O ben inmoble deberá levar baleiro durante, polo menos, un ano anterior ao inicio das obras. Para estes efectos, entenderase que un inmoble se atopa baleiro cando non estea habitado, arrendado, en uso, nin afecto a actividades económicas.
b) As obras deberán concluír no prazo máximo de dous anos. A data de finalización acreditarase mediante a data da factura expedida polas obras.
c) O ben inmoble deberá estar arrendado nun prazo máximo de seis meses desde a data de finalización das obras.
d) O valor do ben inmoble non poderá superar os 250.000 euros. Para estes efectos, tomarase como valor do ben inmoble o valor de referencia previsto na normativa reguladora do catastro inmobiliario, na data de devindicación do imposto no período impositivo en que finalicen as obras. No caso de non existir o valor de referencia ou cando este non poida ser certificado pola Dirección Xeral do Catastro, tomarase como valor o valor de mercado.
e) A persoa arrendataria da vivenda non poderá ser o cónxuxe nin un parente, por consanguinidade ou por afinidade, ata o terceiro grao inclusive, do contribuínte.
f) O contribuínte deberá declarar o número de identificación fiscal da persoa ou persoas prestadoras dos servizos e o importe total satisfeito a cada unha delas.
g) Que o contribuínte sexa propietario dun máximo de tres vivendas, con independencia de onde estean estas radicadas, que poidan ser destinadas ao arrendamento, excluídos garaxes e rochos e sen ter en conta a súa vivenda habitual.».
Catro. Engádese un apartado vinte e catro, coa seguinte redacción:
«Vinte e catro. Dedución polas axudas e subvencións recibidas por persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos.
Cando o contribuínte integre na base impoñible xeral o importe correspondente a unha subvención ou calquera outra axuda pública destinadas a persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos, poderá aplicar unha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas, que consistirá no importe resultante de aplicar os tipos medios de gravame ao importe da subvención ou axuda pública na base liquidable.».
Cinco. Engádese un apartado vinte e cinco, coa seguinte redacción:
«Vinte e cinco. Dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar.
1. Os contribuíntes poderán deducir da cota íntegra autonómica o 15 % das cantidades satisfeitas no período impositivo para a adquisición de libros de texto editados para educación primaria e educación secundaria obrigatoria e educación especial, así como do material escolar para eses niveis educativos, para os seus descendentes matriculados en centros docentes sostidos con fondos públicos. A dedución terá como límite 105 euros por descendente matriculado.
Entenderase por material escolar o conxunto de medios e recursos funxibles que facilitan a ensinanza e a aprendizaxe escolar, tales como cadernos, lapis ou bolígrafos, así como a roupa e o calzado deportivo para a materia de educación física, destinados a seren utilizados polo alumnado para o desenvolvemento e a aplicación dos contidos determinados polo currículo das ensinanzas de réxime xeral establecidas pola normativa académica vixente. Mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de facenda concretaranse as categorías ou os elementos de material escolar e os límites aplicables que poderán incluírse na dedución.
2. Para a aplicación desta dedución só se terán en conta aqueles descendentes que dean dereito á aplicación do mínimo por descendentes establecido pola normativa reguladora do imposto, salvo que o pagamento das facturas xustificativas o realice a persoa proxenitora que non teña dereito a aplicar ese mínimo.
3. No caso de que máis dun contribuínte teña dereito á aplicación da dedución, aplicaranse as regras de rateo, convivencia e demais límites previstos na normativa estatal do imposto sobre a renda das persoas físicas.
4. Para a aplicación desta dedución exixirase que a renda per cápita da unidade familiar sexa igual ou inferior a 30.000 euros. Entenderase por renda per cápita da unidade familiar o resultado de dividir a renda da unidade familiar do exercicio fiscal inmediatamente anterior entre o número de membros computables, tendo en conta que computarán por dous os membros que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33 % ou a percepción dunha pensión da Seguridade Social por incapacidade permanente nos graos de total, absoluta ou grande invalidez, ou a equivalente de clases pasivas.
5. Esta dedución será incompatible con calquera bolsa ou axuda pública percibida no período impositivo de que se trate que cubra a adquisición de libros de texto e material escolar sinalados no número 1 e que se refiran ao mesmo curso escolar.
En particular, as persoas beneficiarias da participación no fondo solidario de libros de texto e da percepción de axudas para a adquisición de libros de texto e material escolar da consellaría competente na materia de educación non poderán aplicar esta dedución con respecto aos gastos correspondentes ao mesmo curso escolar.
6. A acreditación do gasto pola adquisición dos libros de texto e do material escolar realizarase mediante a factura detallada dos bens adquiridos e os xustificantes do pagamento efectuado mediante tarxeta de crédito ou débito, transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en conta en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamentos electrónicos instantáneos autorizadas en España. En ningún caso darán dereito a practicar esta dedución as cantidades satisfeitas mediante entregas de diñeiro de curso legal.».
Seis. Engádese un apartado vinte e seis, coa seguinte redacción:
«Vinte e seis. Dedución polas axudas recibidas polas persoas afectadas pola talidomida en España durante o período 1950-1985.
Cando o contribuínte integre na base impoñible xeral o importe correspondente á axuda pública destinada ás persoas afectadas pola talidomida en España durante o período 1950-1985, poderá aplicar unha dedución na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas, que consistirá no importe resultante de aplicar os tipos medios de gravame ao importe da axuda pública na base liquidable.».
Artigo 3. Aplicación das reducións de carácter subxectivo no imposto sobre sucesións e doazóns
Engádese un apartado cinco ao artigo 6 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Cinco. Aplicación das reducións por parentesco e discapacidade.
Os importes das reducións por parentesco e discapacidade serán únicos para todos os feitos impoñibles do artigo 3.1 a) da Lei 29/1987, do 18 de decembro, do imposto sobre sucesións e doazóns, que teñan lugar entre a mesma persoa causante e persoa habente causa, de tal forma que só serán aplicables nas segundas e sucesivas adquisicións no importe que non se esgotase nas anteriores de forma acumulativa.».
Artigo 4. Reducións de carácter obxectivo na base impoñible en adquisicións lucrativas inter vivos
Engádese un apartado dez ao artigo 8 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Dez. Redución pola adquisición de bens e dereitos destinados a reparar ou repoñer os danados polos incendios forestais acaecidos en Galicia en 2025.
Establécese unha redución do 100 % para as doazóns e demais negocios xurídicos a título gratuíto inter vivos, de bens e dereitos destinados a reparar ou repoñer bens danados directamente polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, acaecidos en Galicia en 2025.
A redución aplicarase ás doazóns ou negocios xurídicos a título gratuíto inter vivos realizados entre o 28 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026, ambos inclusive, que cumpran os seguintes requisitos:
a) A base máxima da redución para o contribuínte, houbese unha ou varias doazóns, dun ou varios doadores, non poderá exceder os 250.000 euros.
b) O patrimonio previo do contribuínte non poderá exceder os 402.678,11 euros, computado conforme o establecido na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.
c) En ningún caso a cantidade obxecto de redución para cada ben poderá ser superior á diferenza entre o dano sufrido e as cantidades recibidas por axudas ou coberturas de seguro.
d) No caso de que o destino dos bens recibidos for a reposición ou a substitución dun vehículo será imprescindible que este último fose dado de baixa definitiva no Rexistro Xeral de Vehículos.
e) A entrega dos importes en diñeiro deberá realizarse mediante transferencia bancaria, cheque nominativo, ingreso en contas en entidades de crédito ou a través de plataformas de servizos de pagamentos electrónicos instantáneos autorizadas en España.
f) A adquisición deberá efectuarse en documento público ou formalizarse deste modo dentro do prazo de presentación da autoliquidación do imposto, naqueles supostos en que o valor do doado, na mesma ou en distintas entregas entre a mesma persoa doadora e a persoa donataria, exceda os 4.000 euros. Se no momento da entrada en vigor desta lei o prazo de presentación xa estiver iniciado, o prazo para a formalización do documento público estenderase ata o 31 de xaneiro de 2026. Nese documento deberá constar expresamente que os bens adquiridos se van destinar, por parte da persoa donataria, exclusivamente, para as finalidades previstas neste apartado dez.
g) No prazo máximo de doce meses desde a adquisición, os bens ou dereitos recibidos deberanse destinar a reparar ou repoñer bens dos que sexa titular a persoa donataria que fosen danados de forma directa e determinante polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, acaecidos en Galicia en 2025.
h) O contribuínte manterá ao dispor da Administración a documentación acreditativa do ben afectado polos incendios, das cantidades obtidas por axudas e indemnización dos seguros e das percibidas por doazón ou calquera outro negocio xurídico inter vivos, da reparación efectuada ou, de ser o caso, do ben substituto.
No caso de que o contribuínte tiver dereito á aplicación da redución e xa aboase a cota tributaria no momento da entrada en vigor da lei, poderá pedir a devolución das cantidades ingresadas, unha vez formalizada a adquisición en documento público, de ser necesario consonte o disposto na letra f).».
Artigo 5. Especialidades na tributación do contrato de vitalicio no imposto sobre sucesións e doazóns
Engádese un artigo 12 ao texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, coa seguinte redacción:
«Artigo 12. Doazóns en contratos de vitalicio
Se, como consecuencia da aplicación do artigo 14.6 do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1993, do 24 de setembro, se devindicar unha doazón e a persoa alimentante pertencer ao grupo de parentesco III ou IV en relación coa persoa alimentista, a tarifa aplicable será a establecida no artigo 9.a) e o coeficiente multiplicador, o establecido no artigo 10 para os grupos de parentesco I e II, ambos deste texto refundido, sempre que se cumpriren os seguintes requisitos:
a) Debe tratarse do contrato de vitalicio regulado no capítulo III do título VII da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia. No caso de que a prestación alimenticia se complemente coa entrega de metálico, esta non debe superar o 20 % do importe total da devandita prestación, valorada segundo as normas do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
b) A persoa alimentista debe ter unha idade igual ou superior a sesenta e cinco anos, estar afectada por un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e precisar axuda de terceiras persoas.
c) A persoa alimentista non deberá ser usuaria de residencias da terceira idade.
d) O contrato deberá formalizarse mediante escritura pública.».
Artigo 6. Tipos de gravame na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas
Modifícase o artigo 14 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 1 do apartado dous, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio dos adquirentes para os cales vaia constituír a súa vivenda habitual e, de ser o caso, dos demais membros das súas unidades familiares exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando o adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor dela nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.».
Dous. Modifícase o número 2 do apartado catro, que queda coa seguinte redacción:
«2. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio de todos os membros da familia numerosa exceda a cifra de 400.000 euros, máis 50.000 euros adicionais por cada membro superior ao mínimo para obter a condición de familia numerosa. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando o adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor desta nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.».
Tres. Modifícase o número 2 do apartado cinco, que queda coa seguinte redacción:
«2. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio dos adquirentes para os cales vaia constituír a súa vivenda habitual e, de ser o caso, dos demais membros das súas unidades familiares exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando o adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor desta nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.».
Catro. Modifícase o número 3 do apartado oito, que queda redactado como segue:
«3. Que o prezo da vivenda non exceda os 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro.».
Cinco. Engádense os apartados dez e once, coa seguinte redacción:
«Dez. Tipo de gravame para a adquisición de vivenda habitual por parte de familias monoparentais.
Na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable ás transmisións de inmobles que vaian constituír a vivenda habitual do contribuínte será do 3 %, sempre que este cumpra os requisitos seguintes:
1. Que na data de devindicación do imposto a persoa adquirente teña a consideración de membro dunha familia monoparental que estea inscrita no Rexistro de Familias Monoparentais Galegas de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e que o inmoble adquirido se destine á vivenda habitual da familia.
2. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio de todos os membros da familia monoparental para os cales vaia constituír a súa vivenda habitual exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando a persoa adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor dela nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.
3. A condición de familia monoparental acreditarase mediante o certificado de familia monoparental expedido polo órgano de dirección competente na materia de familia.
4. A adquisición da vivenda deberase documentar en escritura pública, na cal se fará constar expresamente a finalidade de destinala a constituír a vivenda habitual da familia monoparental.
5. No caso de que o inmoble for adquirido por varias persoas e non se cumpriren os requisitos sinalados nos números anteriores en todas as persoas adquirentes, o tipo reducido aplicaráselle á parte proporcional da base liquidable correspondente á porcentaxe de participación na adquisición dos contribuíntes que si os cumpran.
Once. Tipo de gravame nos contratos de vitalicio.
No imposto sobre transmisións patrimoniais onerosas, o tipo de gravame aplicable á transmisión de pleno dominio ou da núa propiedade dunha vivenda a través de contratos de vitalicio será do 4 %, agás que, consonte o establecido neste artigo, proceder un tipo inferior.
Para aplicar o tipo do 4 % deberanse cumprir os requisitos seguintes:
a) Que nin o valor da vivenda nin a suma do patrimonio dos adquirentes e, de ser o caso, dos demais membros das súas unidades familiares exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
b) Debe tratarse do contrato de vitalicio regulado no capítulo III do título VII da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia. No caso de que a prestación alimenticia se complemente coa entrega de metálico, esta non debe superar o 20 % do importe total da devandita prestación valorada segundo as normas do texto refundido da Lei do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.
c) A persoa alimentista debe ter unha idade igual ou superior a sesenta e cinco anos, estar afectada por un grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % e precisar axuda de terceiras persoas.
d) A persoa alimentista non deberá ser usuaria de residencias da terceira idade.
e) O contrato deberá formalizarse mediante escritura pública.».
Artigo 7. Tipo de gravame na modalidade de actos xurídicos documentados
Modifícase o artigo 15 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 1 do apartado 2, que queda redactado como segue:
«1. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio dos adquirentes para os cales vaia constituír a súa vivenda habitual e, de ser o caso, dos demais membros das súas unidades familiares exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando o adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor dela nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.».
Dous. Modifícase o número 2 do apartado catro, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio de todos os membros da familia numerosa exceda a cifra de 400.000 euros, máis 50.000 euros adicionais por cada membro superior ao mínimo para obter a condición de familia numerosa. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando o adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor desta nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.».
Tres. Modifícase o número 2 do apartado cinco, que queda coa seguinte redacción:
«2. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio dos adquirentes para os cales vaia constituír a súa vivenda habitual e, de ser o caso, dos demais membros das súas unidades familiares exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando o adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor desta nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.».
Catro. Modifícase o número 3 do apartado oito, que queda redactado como segue:
«3. Que o prezo da vivenda non exceda os 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro.».
Cinco. Engádese o apartado nove, coa seguinte redacción:
«Nove. Tipo de gravame para a adquisición de vivenda habitual por parte de familias monoparentais.
Na modalidade de actos xurídicos documentados, cota variable dos documentos notariais, do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o tipo de gravame aplicable ás transmisións de inmobles que vaian constituír a vivenda habitual do contribuínte será do 0,5 %, sempre que este cumpra os requisitos seguintes:
1. Que na data de devindicación do imposto a persoa adquirente teña a consideración de membro dunha familia monoparental que estea inscrita no Rexistro de Familias Monoparentais Galegas de conformidade co establecido no artigo 13 da Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia, e que o inmoble adquirido se destine á vivenda habitual da familia.
2. Que nin o prezo de adquisición da vivenda nin a suma do patrimonio de todos os membros da familia monoparental para os cales vaia constituír a súa vivenda habitual exceda a cifra de 240.000 euros, máis 30.000 euros adicionais por cada membro da unidade familiar que exceda o primeiro. A valoración do patrimonio realizarase conforme as regras establecidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, referidas á data da adquisición do inmoble, incluíndo este polo seu valor de adquisición.
Para os efectos da valoración anterior, cando a persoa adquirente sexa titular doutra vivenda, non se terá en conta o valor dela nin das débedas contraídas para o seu financiamento, sempre que se proceda á súa venda no prazo máximo de dous anos e se acredite que o importe obtido se destina ao pagamento do prezo pendente ou á cancelación total ou parcial do crédito obtido para a adquisición de calquera das vivendas sinaladas dentro do mesmo prazo. O xustificante documental que acredite este destino deberase presentar perante a oficina xestora competente no prazo dun mes desde a venda da vivenda.
3. A condición de familia monoparental acreditarase mediante o certificado de familia monoparental expedido polo órgano de dirección competente na materia de familia.
4. A adquisición da vivenda deberase documentar en escritura pública, na cal se fará constar expresamente a finalidade de destinala a constituír a vivenda habitual da familia monoparental.
5. No caso de que o inmoble for adquirido por varias persoas e non se cumpriren os requisitos sinalados nos números anteriores en todas as persoas adquirentes, o tipo reducido aplicaráselle á parte proporcional da base liquidable correspondente á porcentaxe de participación na adquisición dos contribuíntes que si os cumpriren.».
Artigo 8. Deducións e bonificacións na cota íntegra na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas
Modifícase o artigo 16 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o apartado sete, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Sete. Dedución por adquisición de vivenda habitual por parte de persoas con discapacidade, familias numerosas, menores de 36 anos, vítimas de violencia de xénero e familias monoparentais en áreas rurais.
Os contribuíntes que teñan dereito a aplicar os tipos de gravame reducidos regulados nos apartados tres, catro, cinco, oito e dez do artigo 14 terán dereito a unha dedución na cota do 100 % sempre que a vivenda se encontrar nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais. Para estes efectos, unha orde da consellaría competente na materia de facenda determinará as parroquias que teñan esta consideración.».
Dous. Engádense os apartados doce e trece, coa seguinte redacción:
«Doce. Dedución pola adquisición de bens inmobles destinados a substituír os danados polos incendios forestais acaecidos en Galicia en 2025.
Establécese unha dedución do 100 % da cota devindicada, na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, como consecuencia da adquisición de bens inmobles ou da constitución ou cesión de dereitos reais de uso e gozo que recaian sobre eles, destinados a substituír outros dos que o suxeito pasivo for propietario ou usufrutuario que radiquen nas localidades afectadas polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, acaecidos en Galicia en 2025.
A dedución aplicarase aos actos ou contratos realizados entre o 28 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026, ambos inclusive, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que o inmoble substituído non poida ser utilizado como consecuencia dos citados incendios, por ser destruído total ou parcialmente, ser declarado en ruínas ou ben, debido ao seu mal estado residual, requirir a súa demolición.
b) O valor do inmoble adquirido non poderá superar os 250.000 euros.
c) O acto ou contrato deberá documentarse en escritura pública, na cal se fará constar expresamente a finalidade de substitución doutro inmoble afectado polos incendios forestais, que deberá ser identificado.
d) O suxeito pasivo non poderá aplicar esta dedución en máis dunha adquisición con base nun mesmo inmoble sinistrado.
e) Se o inmoble substituído pertencer a máis dunha persoa, a base da dedución será a resultante de aplicar a porcentaxe de titularidade no ben substituído ou do dereito sobre el.
f) O contribuínte manterá ao dispor da Administración a documentación acreditativa do ben afectado polos incendios e do ben substituto.
No caso de que o contribuínte tiver dereito á aplicación da dedución e xa aboase a cota tributaria, poderá pedir a devolución das cantidades ingresadas, unha vez emendado o requisito contido na letra c), de ser necesario.
Trece. Dedución pola adquisición de vehículos automóbiles destinados a repoñer os danados polos incendios forestais acaecidos en Galicia en 2025.
Establécese unha dedución do 100 % da cota devindicada, na modalidade de transmisións patrimoniais onerosas do imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, como consecuencia da adquisición de vehículos destinados a substituír outros dos cales o suxeito pasivo for propietario ou usufrutuario que, como consecuencia directa dos danos producidos polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, acaecidos en Galicia en 2025, se desen de baixa definitiva no Rexistro Xeral de Vehículos da correspondente xefatura provincial de tráfico.
A dedución aplicarase aos actos ou contratos formalizados entre o 28 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026, ambos inclusive, que cumpran os seguintes requisitos:
a) O prezo de adquisición do vehículo non poderá ser superior a 40.000 euros.
b) No documento de compravenda deberá constar expresamente que o vehículo se adquire coa intención de repoñer outro que foi danado polos incendios e que se dá de baixa no Rexistro Xeral de Vehículos, identificando este último.
c) O contribuínte manterá ao dispor da Administración a documentación acreditativa do ben afectado polos incendios e do ben substituto.
No caso de que o contribuínte tiver dereito á aplicación da dedución e xa aboase a cota tributaria, poderá pedir a devolución das cantidades ingresadas, unha vez emendado o requisito contido na letra b), de ser necesario.».
Artigo 9. Deducións e bonificacións na cota íntegra na modalidade de actos xurídicos documentados
Modifícase o artigo 17 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o apartado oito, que queda redactado como segue:
«Oito. Dedución por adquisición de vivenda habitual e por constitución de préstamos hipotecarios destinados ao seu financiamento por parte de persoas con discapacidade, familias numerosas, menores de 36 anos, vítimas de violencia de xénero e familias monoparentais en áreas rurais.
Os contribuíntes que teñan dereito a aplicar os tipos de gravame reducidos regulados nos apartados tres, catro, cinco, oito e nove do artigo 15 terán dereito a unha dedución na cota do 100 % sempre que a vivenda se encontre nalgunha das parroquias que teñan a consideración de zonas pouco poboadas ou áreas rurais. Para estes efectos, unha orde da consellaría competente na materia de facenda determinará as parroquias que teñan esta consideración.».
Dous. Engádense os apartados catorce e quince, coa seguinte redacción:
«Catorce. Dedución aplicable ás condicións resolutorias nos contratos de vitalicio.
Terán dereito a unha dedución do 100 % na cota as condicións resolutorias que se establezan nos contratos de vitalicio regulados no capítulo III do título VII da Lei 2/2006, do 14 de xuño, de dereito civil de Galicia, que garantan o cumprimento do dereito da persoa alimentista, sempre que o contrato reúna os requisitos regulados no artigo 12 deste texto refundido.
Quince. Dedución pola adquisición de bens inmobles destinados a substituír os danados polos incendios forestais acaecidos en Galicia en 2025.
Establécese unha dedución do 100 % na cota resultante de aplicar o gravame gradual de documentos notariais nas escrituras públicas outorgadas para formalizar a adquisición, declaración de obra nova e división horizontal de bens inmobles destinados a substituír outros dos cales o suxeito pasivo for propietario ou usufrutuario que radiquen nas localidades afectadas polos incendios forestais que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, acaecidos en Galicia en 2025.
A dedución aplicarase aos actos ou contratos formalizados entre o 28 de xullo de 2025 e o 30 de xuño de 2026, ambos inclusive, que cumpran os seguintes requisitos:
a) Que o inmoble substituído non poida ser utilizado como consecuencia dos citados incendios, por ser destruído total ou parcialmente, ser declarado en ruínas ou ben, debido ao seu mal estado residual, requirir a súa demolición.
b) O valor do inmoble substituto non deberá superar os 250.000 euros.
c) O acto ou contrato deberá documentarse en escritura pública, na cal se fará constar expresamente a finalidade de substitución doutro inmoble afectado polos incendios forestais, que deberá ser identificado.
d) O suxeito pasivo non poderá aplicar esta dedución en máis dunha adquisición con base nun mesmo inmoble sinistrado.
e) Se o inmoble substituído pertencer a máis dunha persoa, a base da dedución será a resultante de aplicar a porcentaxe de titularidade no ben substituído ou do dereito sobre el.
f) O contribuínte manterá ao dispor da Administración a documentación acreditativa do ben afectado polos incendios e do ben substituto.
No caso de que o contribuínte tiver dereito á aplicación da dedución e xa aboase a cota tributaria, poderá pedir a devolución das cantidades ingresadas, unha vez emendado o requisito contido na letra c), de ser necesario.».
CAPÍTULO II
Taxas e prezos públicos
Sección 1ª. Taxas
Artigo 10. Taxas
1. Os tipos das taxas de contía fixa vixentes na Comunidade Autónoma non experimentarán ningunha actualización respecto das contías exixibles no momento da entrada en vigor desta lei.
Considéranse taxas de contía fixa cando non están determinadas por unha porcentaxe sobre unha base ou esta non se valora en unidades monetarias.
2. A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Engádese un artigo 12 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 12 bis. Supostos de exención
1. Gozará de exención a utilización privativa, a ocupación e/ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a entrega de bens, a prestación de servizos e/ou a realización de actividades, que realice a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia de casos de emerxencias ou catástrofes orixinadas por causas naturais ou derivadas da acción humana, sexa esta accidental ou intencionada, circunstancias sanitarias, medioambientais, tecnolóxicas de carácter excepcional ou de forza maior.
2. A persoa titular da consellaría competente na materia de facenda poderá determinar mediante unha orde a aplicación da exención establecida no número anterior cando aconteza algunha das circunstancias sinaladas, determinando o ámbito obxectivo, subxectivo, territorial e temporal, así como o alcance, os requisitos que se deberán cumprir e o procedemento para a súa aplicación. Os suxeitos pasivos que, consonte a orde, tiveren dereito á aplicación da exención e realizasen o ingreso da taxa poderán pedir a devolución das cantidades ingresadas. Así mesmo, non procederá o cargo en conta do importe domiciliado que, na data de efectos da orde, non fose efectuado.».
Dous. Modifícase o número 12 do artigo 23, que queda redactado do seguinte xeito:
«12. As persoas maiores de sesenta e cinco anos, as menores de idade e as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % acreditada mediante unha declaración responsable no momento da súa expedición para a obtención da licenza de pesca continental.».
Tres. Modifícase o número 15 do artigo 23, que queda redactado do seguinte xeito:
«15. As persoas maiores de sesenta e cinco anos, as menores de idade e as persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 % acreditada mediante unha declaración responsable no momento da súa expedición para a obtención da licenza de caza.».
Catro. Engádese un número 18 ao artigo 23, que queda redactado como segue:
«18. Os certificados que acrediten a condición de familia de especial consideración de acordo coa Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia.».
Cinco. Modifícase o número 6 do artigo 30, que queda redactado da seguinte forma:
«6. Quedarán exentos da taxa do apartado 21 da tarifa 30 relacionada no anexo 2 os suxeitos pasivos que realicen actuacións suxeitas ao réxime de presentación de declaración responsable na materia de dominio público hidráulico no ámbito territorial de demarcación hidrográfica de Galicia Costa.»
Seis. Engádese un número 7 ao artigo 30, que queda redactado como segue:
«7. Quedarán exentos da taxa do apartado 53 da tarifa 32 relacionada no anexo 3 os suxeitos pasivos que teñan a condición de entidades locais en relación coas publicacións relativas a procedementos de ocupación na zona de dominio público marítimo-terrestre.».
Sete. Modifícase a subalínea 08 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Homologación e inscrición de modelos de máquinas de xogo. No caso das máquinas tipo «B» ou «B especial», a contía multiplicarase por cada xogo que insira a máquina |
|
|
Máquinas tipo «A especial» |
162,59 |
|
Máquinas tipo «B» ou «B especial» |
325,16 |
|
Máquinas tipo «C» |
541,93 |
Oito. Elimínase a subalínea 10 da alínea 07 do anexo 1.
Nove. Elimínase a subalínea 14 da alínea 07 do anexo 1.
Dez. Modifícase a subalínea 15 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Outras inscricións no Rexistro de modelos de máquinas: – Modificacións substanciais da inscrición. No caso das máquinas tipo B ou «B especial» a contía multiplicarase polo número de xogos que se modifiquen. – Cancelación da inscrición – Autorización da cesión da inscrición – Recoñecementos de modelos e certificacións de laboratorio |
|
|
Máquinas de tipo «A especial» |
101,07 |
|
Máquinas de tipo «B» ou «B especial» |
199,44 |
|
Máquinas de tipo «C» |
239,30 |
Once. Modifícase a subalínea 16 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Inscrición de modificacións non substanciais no Rexistro de modelos de máquinas |
|
|
Máquinas tipo «A especial» |
50,53 |
|
Máquinas tipo «B» ou «B especial» |
99,72 |
|
Máquinas tipo «C» |
119,64 |
Doce. Modifícase a subalínea 19 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Homologación e inscrición de sistemas de interconexión de máquinas |
|
|
Máquinas tipo «B» ou «B especial» |
325,16 |
|
Máquinas tipo «C» |
541,93 |
Trece. Modifícase a subalínea 20 da alínea 07 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Modificación da inscrición de sistemas de interconexión de máquinas de xogo: |
|
|
Máquinas tipo «B» ou «B especial» |
100,59 |
|
Máquinas tipo «C» |
137,75 |
Catorce. Elimínase a subalínea 26 da alínea 07 do anexo 1.
Quince. Elimínase a subalínea 27 da alínea 07 do anexo 1.
Dezaseis. Elimínase a subalínea 28 da alínea 07 do anexo 1.
Dezasete. Modifícase a subalínea 01 da alínea 15 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Clase A. Con armas de fogo |
|
|
A-1 persoas españolas, comunitarias e estranxeiras residentes maiores de 18 anos |
31,13 |
|
A-2 persoas españolas, comunitarias e estranxeiras residentes menores de 18 anos |
15,65 |
|
A-3 persoas estranxeiras, non comunitarias e non residentes |
103,45 |
|
A-4 persoas españolas, comunitarias e estranxeiras residentes maiores de 18 anos, pero cun período de validez dun mes |
10,38 |
|
A-5 persoas españolas, comunitarias e estranxeiras residentes menores de 18 anos, pero cun período de validez dun mes |
5,21 |
|
A-6 persoas estranxeiras, non comunitarias e non residentes, pero cun período de validez dun mes |
34,49 |
|
A-7 persoas españolas, comunitarias e estranxeiras residentes maiores de 18 anos, pero cun período de validez de cinco anos |
77,83 |
|
A-8 persoas españolas, comunitarias e estranxeiras residentes menores de 18 anos, pero cun período de validez de cinco anos |
39,13 |
|
A-9 persoas estranxeiras, non comunitarias e non residentes, pero cun período de validez de cinco anos |
258,63 |
Dezaoito. Modifícanse as subalíneas 03 e 04 da alínea 16 do anexo 1, que quedan redactadas como segue:
|
03 |
Matrículas de terreos cinexeticamente ordenados (tecor) |
|
|
A tarifa determinarase multiplicando o número de hectáreas do tecor, coa exclusión deste das hectáreas que estean declaradas como vedado de caza (mínimo o 10 % do total) e como refuxio de fauna, por 0,110000 €/ha, aplicándolle as seguintes bonificacións: |
||
|
*Superficie afectada pola vaga de incendios do verán e o outono de 2025, só sobre as hectáreas afectadas e para as tempadas de caza 2026-2027, 2027-2028 e 2028-2029 |
100 % |
|
|
*Tecor municipal |
50 % |
|
|
*Tecor de carácter societario con máis de 200 socios, se se reúne algún dos seguintes requisitos: |
||
|
– Ámbito territorial superior ás 25.000 hectáreas e/ou vedado de caza superior ao 30 % da extensión do tecor |
25 % |
|
|
– Limitacións á caza por razóns de protección de especies catalogadas |
25 % |
|
|
Mínimo |
220,80 |
|
04 |
Matrículas de terreos de carácter cinexético dedicados a explotacións cinexéticas comerciais ou mixtas |
|
|
A tarifa determinarase multiplicando o número de hectáreas da explotación polos €/ha en función do seu carácter aberto ou cercado segundo a seguinte clasificación: |
||
|
* Grupo I. Explotacións cinexéticas sobre terreos abertos |
0,110000 |
|
|
* Grupo II. Explotacións cinexéticas sobre terreos cercados |
0,220000 |
|
|
Aplicarase una bonificación sobre a superficie afectada pola vaga de incendios do verán e do outono de 2025, só sobre as hectáreas afectadas e para as tempadas de caza 2026-2027, 2027-2028 e 2028-2029 |
100 % |
Dezanove. Modifícase a subalínea 00 da alínea 23 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Devolución de fianzas constituídas por actividades de xogo que non supoña modificación da inscrición |
19,59 |
Vinte. Modifícase a subalínea 09 da alínea 39 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Certificacións e expedición de copia da rendición anual de contas e doutros documentos |
3,85 |
Vinte e un. Modifícase a subalínea 10 da alínea 39 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Anotacións de calquera clase |
8,09 |
Vinte e dous. Modifícase a subalínea 06 da alínea 46 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Inscrición da adquisición, alleamento e gravame de bens |
19,20 |
Vinte e tres. Modifícase a subalínea 10 da alínea 46 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Presentación de contas e outros actos sometidos a inscrición |
8,09 |
Vinte e catro. Modifícase a subalínea 11 da alínea 46 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Certificacións e expedición de copia de contas anuais, plans de actuación e doutros documentos |
3,85 |
Vinte e cinco. Modifícase a subalínea 13 da alínea 46 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Plans de actuación e anotacións de calquera clase |
8,09 |
Vinte e seis. Modifícase a subalínea 02 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Actividades de empresas comercializadoras e explotadoras de apostas |
|
|
Inscrición da empresa comercializadora e explotadora e autorización de comercialización e explotación |
257,96 |
|
Modificación ou cancelación da inscrición |
173,42 |
|
Revisión da vixencia de autorización de comercialización e explotación cada 5 anos |
195,10 |
|
Modificación das condicións de autorización de comercialización e explotación |
173,42 |
Vinte e sete. Modifícase a subalínea 04 da alínea 51 do anexo 1, que queda redactada como segue:
|
Homologación do material de apostas e inscrición no Rexistro de apostas |
|
|
– Sistemas de apostas |
1625,77 |
|
– Máquinas e outros elementos de apostas |
325,16 |
|
– Modificación da homologación ou cancelación de material de apostas e modificación da inscrición |
173,42 |
Vinte e oito. Modifícase a subalínea 04 da alínea 08 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Actuacións extraordinarias do persoal veterinario oficial de Galicia, por demanda dos establecementos. (Considéranse actuacións extraordinarias as que teñan lugar fóra do horario habitual establecido e autorizado para cada matadoiro.) |
|
|
Cota mínima (3 horas) |
97,56 |
|
Por cada hora máis |
32,52 |
Vinte e nove. Modifícase a subalínea 11 da alínea 12 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Licenza de funcionamento das persoas fabricantes de produtos sanitarios á medida |
|
|
– Autorización |
547,03 |
|
– Revalidación da autorización |
394,76 |
Trinta. Modifícase a subalínea 14 da alínea 12 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Actividades de control oficial en empresas alimentarias para dar cumprimento a requisitos de países terceiros. Será cobrada unha taxa por cada actuación ou solicitude independente que implique realizar unha acta e/ou un informe. O cómputo da taxa realizarase por hora completa ou fraccións de media hora completada. No cómputo do tempo de actuación sumaranse os conceptos seguintes: a) Tempo da inspección: será o recollido na acta de inspección. Se a solicitude implica máis dunha visita, sumarase o tempo de todas as actas. b) Tempo de desprazamento do persoal de inspección: compútase unha hora por cada día de visita ao establecemento. c) Se a actuación comporta trámites de estudo de documentación e/ou tarefas administrativas anteriores ou posteriores, computaranse tres horas máis. |
|
|
– Sen desprazamento |
32,52/hora |
|
– Con desprazamento |
36,15/hora |
Trinta e un. Modifícase a subalínea 01 da alínea 14 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Autorización previa de instalación ou modificación |
|
|
a) Fase de estudo e informe do proxecto de instalación ou modificación: |
|
|
Hospitais |
323,05 |
|
Centros de saúde, centros de reprodución humana asistida, centros de interrupción voluntaria do embarazo, centro de cirurxía maior ambulatoria e centros de diálise |
258,47 |
|
Oficinas de farmacia |
634,19 |
|
Boticas anexas de medicamentos e produtos sanitarios |
158,59 |
|
Servizos farmacéuticos de explotacións gandeiras, comerciais retallistas e boticas anexas de urxencia |
151,31 |
|
b) Fase de estudo e informe do proxecto para o traslado e a transmisión de: |
|
|
Oficinas de farmacia |
317,11 |
|
c) Fase de estudo do proxecto para o peche ou supresión de: |
|
|
Oficinas de farmacia |
158,59 |
Trinta e dous. Modifícase a subalínea 02 da alínea 14 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Autorización de funcionamento ou traslado |
250,20 |
Trinta e tres. Modifícase a subalínea 06 da alínea 14 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Autorización de modificacións |
|
|
– Modificación da estrutura, modificación na oferta asistencial |
250,20 |
|
– Modificación da titularidade |
129,31 |
Trinta e catro. Modifícase a subalínea 07 da alínea 14 do anexo 2, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Autorización de funcionamento ou traslado |
|
|
Autorización de funcionamento ou traslado para os centros que non necesitan autorización de instalación e para os servizos e establecementos |
200,81 |
|
Autorización de modificación |
|
|
Modificación da estrutura, modificación na oferta asistencial |
200,81 |
|
Modificación da titularidade |
103,45 |
|
Autorización de funcionamento dos servizos sanitarios en espectáculos públicos e actividades temporais |
103,45 |
Trinta e cinco. Modifícase a subalínea 08 da alínea 14 do anexo 2, que queda redactada como segue:
|
Renovación da autorización |
|
|
Centros tipo a) |
125,52 |
|
Centros tipo b) |
100,42 |
Trinta e seis. Modifícase a subalínea 03 da alínea 18 do anexo 2, que queda redactada como segue:
|
Actividades de control de centros e servizos e establecementos sanitarios |
51,78 |
Trinta e sete. Modifícase a subalínea 00 da alínea 21 do anexo 2, que queda redactada como segue:
|
Títulos habilitantes na materia de litoral |
|
|
Por autorización na materia de litoral |
|
|
Por cada proxecto |
95 |
|
Por concesión DPMT na materia de litoral |
|
|
Sobre o importe do proxecto suxeito a autorización |
1,00 % |
|
Mínimo de |
190 |
|
Máximo de |
3.000 |
|
Para o caso de que as persoas solicitantes sexan entidades sen ánimo de lucro, aplicaránselles as taxas mínimas en todo caso |
Trinta e oito. Engádese a subalínea 04 da alínea 44 do anexo 2, que queda redactada como segue:
|
Análises de contaminantes de orixe química en moluscos e outros organismos procedentes da pesca, o marisqueo e a acuicultura: |
|
|
Determinación de hidrocarburos aromáticos policíclicos (HAP) mediante cromatografía líquida con detección de fluorescencia |
299,65 |
|
Análise de PCB e pesticidas por cromatografía de gases/espectrometría de masas en tándem, GC-MS/MS |
489,50 |
|
Análise de PCB por cromatografía de gases/espectrometría de masas en tándem, GC-MS/MS |
311,97 |
|
Análise de pesticidas por cromatografía de gases/espectrometría de masas en tándem, GC-MS/MS |
311,97 |
|
Determinación de metais en moluscos bivalvos mediante espectrometría de masas con plasma de acoplamento indutivo (ICP-MS) |
571,20 |
Trinta e nove. Engádese a alínea 54 do anexo 2, que queda redactada como segue:
|
Análises de residuos de medicamentos por cromatografía |
|
|
Análises de anabolizantes por cromatografía de gases-masas |
278,20/mostra |
|
Análises de antibióticos por cromatografía de líquidos-masas |
|
|
Unha familia |
261,96/mostra |
|
Dúas familias |
466,28/mostra |
|
Análises de antitiroidianos por cromatografía de líquidos-masas |
307,20/mostra |
|
Análises de avermectinas por cromatografía de líquidos-masas |
246,96/mostra |
|
Análises de beta agonistas por cromatografía de líquidos-masas |
277,20/mostra |
|
Nas mostras que proveñan de organismos doutras administracións a contía bonificarase nun 30 % |
Corenta. Engádese a alínea 55 do anexo 2, que queda redactada como segue:
|
Análises de pesticidas por cromatografía |
|
|
Análises de pesticidas por cromatografía de gases-masas |
261,20/mostra |
|
Análises de pesticidas por cromatografía de líquidos-masas. |
223,96/mostra |
|
Nas mostras que proveñan de organismos doutras administracións a contía bonificarase nun 30 % |
Corenta e un. Engádense as subalíneas 01 e 02 da alínea 18 do anexo 3, que quedan redactadas como segue:
|
00 |
Instalacións eléctricas e de gas |
|
|
01 |
Autorización de instalacións eléctricas e de gas |
|
|
– Base aplicable. Orzamento de execución material do proxecto |
||
|
– Ata 3.000 € |
56,34 |
|
|
– De 3.000,01 ata 7.500 € |
72,44 |
|
|
– De 7.500,01 ata 15.000 € |
96,58 |
|
|
– De 15.000,01 ata 30.000 € |
128,78 |
|
|
– De 30.000,01 ata 45.000 € |
160,97 |
|
|
– De 45.000,01 ata 60.000 € |
193,16 |
|
|
– Por cada 6.000 € ou fracción de exceso ata 6.000.000 € |
8,05 |
|
|
– Por cada 6.000 € ou fracción que exceda de 6.000.000 € |
1,61 |
|
|
No caso de denegación da autorización, devindicarase o 50 % da tarifa anterior |
|
02 |
Regularización de instalacións eléctricas |
|
|
Expediente de liña eléctrica de enerxía eléctrica de primeira, segunda ou terceira categoría |
150 |
|
|
Quilometro de liña eléctrica de terceira categoría (tensión nominal igual ou inferior a 30 kV e superior a 1 kV) |
75 |
|
|
Quilometro de liña eléctrica de primeira ou segunda categoría (tensión nominal inferior a 220 kV e superior a 30 kV) |
100 |
|
|
Expediente de centro/s de transformación e/ou seccionamento na mesma localización |
350 |
|
|
Expediente de subestación eléctrica cunha ou varias posicións de saídas |
7000 |
Corenta e dous. Engádese a subalínea 82 á alínea 19 do anexo 3, coa seguinte redacción:
|
No caso de regularización da inscrición nos rexistros de instalacións afectadas por regulamentos de seguridade industrial, as tarifas anteriores incrementaranse linealmente nun 35 % |
Corenta e tres. Modifícase a subalínea 22 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Autorización de produción de subproduto e as súas modificacións |
169,54 |
Corenta e catro. Modifícase a subalínea 24 da alínea 52 do anexo 3, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Comunicación de actividade como plataforma loxística de residuos |
209,10 |
Corenta e cinco. Engádese a subalínea 29 á alínea 52 do anexo 3, que queda redactada como segue:
|
Autorización de persoas físicas ou xurídicas que realizan operacións de recollida e tratamento de residuos e as súas modificacións |
190,00 |
Corenta e seis. Modifícase a subalínea 00 da alínea 68 do anexo 3, que queda redactada do seguinte xeito:
|
Obras hidráulicas de regulación xestionadas pola Administración hidráulica da Comunidade Autónoma de Galicia, por metro cúbico de auga captado |
0,031 |
Artigo 11. Exención do pagamento das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia para os procedementos consecuencia dos incendios do verán e o outono do ano 2025
1. Gozará de exención a utilización privativa, a ocupación e/ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, así como a entrega de bens, a prestación de servizos e/ou a realización de actividades que leve a cabo a Administración da Comunidade Autónoma de Galicia como consecuencia dos incendios acaecidos en Galicia a partir do 28 de xullo de 2025 que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, que se refiran, afecten ou beneficien de modo particular as persoas que teñan o seu domicilio fiscal nos concellos afectados polos referidos incendios, así como aquelas que, sen teren o domicilio fiscal nos concellos afectados, teñan establecementos comerciais, industriais, turísticos e/ou mercantís ou instalacións e/ou explotacións forestais, agrícolas ou gandeiras radicados neles.
2. A exención establecida no número anterior será aplicable desde o 28 de xullo de 2025 para todos aqueles supostos de feito que sexan realizados como consecuencia dos incendios referidos.
3. Os suxeitos pasivos que, consonte o disposto neste artigo, tiveren dereito á aplicación da exención e realizasen o ingreso da taxa, poderán pedir a devolución das cantidades ingresadas. Así mesmo, non procederá o cargo en conta do importe domiciliado que, na data da entrada en vigor desta lei, non fose efectuado.
Artigo 12. Exención do pagamento do canon da auga e do canon de xestión das depuradoras polos usos da auga efectuados como consecuencia dos incendios do verán e o outono do ano 2025
1. Quedan exentos do pagamento da cota variable do canon da auga e do canon de xestión das depuradoras os consumos de auga realizados nos núcleos de poboación afectados polos incendios producidos en Galicia a partir do 28 de xullo de 2025 que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega.
O volume total exento será aquel que corresponda a un mes de consumo do período de facturación que comprenda, total ou parcialmente, o ámbito temporal de vixencia da activación da situación 2 do incendio forestal concreto. Non obstante, no suposto de que o período de vixencia da situación 2 afecte dous períodos de facturación, a exención correspondente a un mes de consumo só se aplicará no segundo período de facturación.
2. As entidades subministradoras veñen obrigadas a aplicaren a exención indicada no número anterior nas facturacións que leven a cabo correspondentes ao período de facturación que inclúa o período de exención sinalado no número anterior.
O volume exento determinarase dividindo o volume facturado no período de facturación entre o número de meses obxecto de facturación.
3. No caso de que no momento da entrada en vigor desta exención as entidades subministradoras xa facturasen algún dos períodos de facturación que inclúan, total ou parcialmente, consumos posteriores ao 28 de xullo de 2025, deberán regularizar o importe do canon repercutido se for aplicable a exención por cumprir os requisitos antes sinalados, mediante o seguinte procedemento:
a) Anular a factura da auga e emitir unha nova factura co canon da auga correcto unha vez descontado o canon da auga correspondente ao volume de auga exento.
b) No caso de que no momento da anulación a factura xa estivese pagada, o canon da auga pagado en exceso será obxecto de devolución ao contribuínte. Non obstante, a entidade subministradora poderá optar por compensar ese importe en futuras facturacións que realice ao antedito contribuínte.
c) No caso de que a entidade subministradora xa ingresase ou declarase como impagado ante Augas de Galicia o importe de canon da auga correspondente á factura anulada, deberá proceder á súa declaración no apartado «canon anulado correspondente a liquidacións percibidas e xa autoliquidadas» ou «canon anulado correspondente a liquidacións declaradas como impagadas», respectivamente.
4. No suposto de contribuíntes que se abastezan de fontes propias de abastecemento de auga será Augas de Galicia quen deberá identificar e, se for o caso, aplicar a exención de acordo co procedemento indicado nos dous números anteriores.
5. Mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de augas identificarase o ámbito territorial e temporal da exención, para o cal se terá en consideración para cada incendio o período de activación da situación 2 e os núcleos de poboación directamente afectados polo incendio forestal, así como aqueles núcleos de poboación que, sen se veren directamente afectados polo incendio, eran limítrofes ás distintas frontes do incendio.
Sección 2ª. Prezos públicos
Artigo 13. Modificación do Decreto 56/2014, do 30 de abril, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias
Modifícase o anexo III do Decreto 56/2014, do 30 de abril, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias, que queda redactado do seguinte xeito:
«ANEXO III
Prezos aplicables pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061
|
Tarifas |
|
|
1. Servizos primarios |
|
|
Ambulancia asistencial de soporte vital básico (clase B) (por persoa lesionada) |
377,56 |
|
Ambulancia asistencial de soporte vital avanzado (clase C) (por persoa lesionada) |
1.166,45 |
|
Helicóptero sanitario (por lesionado) |
10.325,70 |
|
2. Servizos secundarios |
|
|
Ambulancia asistencial de soporte vital básico (clase B) (por persoa lesionada) (No caso de servizos interurbanos, engadiranse 2,24 € por km percorrido) |
453,47 |
|
Ambulancia asistencial de soporte vital avanzado (clase C) (por persoa lesionada) (No caso de servizos interurbanos, engadiranse 4,84 € por km percorrido) |
1.243,98 |
|
Helicóptero sanitario (por persoa lesionada) |
10.399,80 |
|
3. Dispositivos de risco previsible |
|
|
Coordinación |
434,38 |
|
Enfermeiro/a (por hora) |
237,89 |
|
Médico/a (por hora) |
328,17 |
|
Ambulancia asistencia de soporte vital avanzado (clase C) (por hora) |
899,57 |
|
Ambulancia asistencia de soporte vital básico (clase B) (por hora) |
285,69 |
|
Para a facturación da asistencia dispensada a persoas lesionadas en accidentes de tráfico, naqueles casos en que sexa aplicable o Convenio marco para a atención de lesionados en accidente de tráfico, mediante servizos de emerxencias sanitarias, asinado entre a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, o Consorcio de Compensación de Seguros e a Unión Española de Entidades Aseguradoras e Reaseguradoras (Unespa), aplicaranse as tarifas previstas no convenio que estiver vixente na data da asistencia. |
» |
TÍTULO II
Medidas administrativas
CAPÍTULO I
Seguridade pública, mobilidade, espectáculos públicos e estatística
Artigo 14. Modificación da Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais
A Lei 4/2007, do 20 de abril, de coordinación de policías locais, queda modificada como segue:
Un. O número 3 do artigo 33 queda redactado como segue:
«3. Para os efectos do previsto nos artigos 37.a), 38.a), 39.a), 40.a), 41.a) e 42.a) sobre o acceso mediante promoción interna, exixirase que, ademais dos requisitos establecidos nos artigos referidos, o persoal funcionario se atope en situación de servizo activo no mesmo corpo de policía local. Nestes supostos, os tres anos de antigüidade mínima exixida en cada caso na categoría inmediata inferior deben ser continuados e para o seu cómputo teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os cales se atopase en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.
Do mesmo xeito, nos supostos previstos nos artigos 38.c), 39.c) e 40.c), para o cómputo dos seis anos de antigüidade mínima exixidos en cada caso nas categorías establecidas nos referidos artigos, teranse en conta os períodos durante os cales a persoa funcionaria tivese a consideración de persoal funcionario en prácticas, así como os períodos durante os cales se atopase en situación de segunda actividade por causa de embarazo ou lactación.».
Dous. Modifícase o número 3 do artigo 43, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. A provisión por mobilidade de postos correspondentes ás distintas categorías dos corpos de Policía local de Galicia levarase a cabo mediante o procedemento de concurso, de acordo co baremo establecido polo centro directivo competente na materia de coordinación de policías locais. Nestes supostos, o persoal funcionario de carreira que ocupe con carácter definitivo un posto polo sistema de mobilidade debe permanecer nel un mínimo de tres anos para poder participar nos concursos regulados neste artigo.».
Artigo 15. Modificación da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia
Modifícase a Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. O número 3 do artigo 51 queda redactado como segue:
«3. Para que produza efectos fronte á Administración, a contratación de servizos de arrendamento de vehículos con condutor deberase formalizar en soporte papel ou electrónico co contido e cos requisitos que regulamentariamente se establezan.
Durante a prestación do servizo, non será obrigatorio levar a bordo do vehículo unha copia do correspondente contrato ou dispoñer dos medios que permitan acreditar a súa formalización por medios electrónicos.
Exceptúanse da obriga de comunicación ao RVTC e da obriga de levar a bordo o contrato os servizos de carácter regular e mais os de transporte adaptado, programado e non urxente dotado de acompañante de persoas en situación de discapacidade e/ou dependencia imposibilitadas para a utilización de transporte público colectivo competencia da Comunidade Autónoma.».
Dous. Suprímese o artigo 52, que queda sen contido.
Tres. Modifícase a letra n) do artigo 61, que queda redactada como segue:
«n) A carencia de contrato ou a ocultación ou non conservación por parte da empresa dunha copia durante un ano.».
Catro. Suprímese a letra i) do artigo 62, que queda sen contido.
Artigo 16. Modificación da Lei 9/2013, do 19 de decembro, do emprendemento e da competitividade económica de Galicia
Un. Modifícase o ordinal 2º da letra b) do número 2 do artigo 40, que queda redactado como segue:
«2º. O proxecto e a documentación técnica que resulte exixible segundo a natureza da actividade. Para estes efectos, enténdese por proxecto o conxunto de documentos que definen as actuacións que se van desenvolver, co contido e o detalle que permita á Administración coñecer o seu obxecto e determinar o seu axuste á normativa urbanística e sectorial aplicable. O proxecto e a documentación técnica serán redactados e asinados por unha persoa técnica competente.
No caso das atraccións itinerantes de feira non incluídas no apartado d).2º, a documentación técnica incluirá o certificado de instalación ou montaxe subscrito por unha persoa técnica competente ou por unha entidade de certificación municipal (Eccom), no cal se acredite que as atraccións reúnen as medidas necesarias de seguridade e solidez de todos os seus elementos e no que conste expresamente o lugar, a data e a hora en que se realizou a visita á atracción.
Este tipo de atraccións de feira deberán cumprir os requisitos técnicos descritos na normativa na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas naqueles aspectos que lle resulten aplicables a cada tipo de atracción.».
Dous. Modifícase o artigo 50, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 50. Control, inspección e prezos mínimos
1. As Eccom, así como as súas actuacións e os seus actos xurídicos, estarán sometidos ao control e á inspección da Administración local e da consellaría competente na materia de urbanismo.
2. Atendendo ás funcións de certificación, verificación, inspección e control previstas no artigo 47.1, establécese a concorrencia de razóns imperiosas de interese xeral na garantía da calidade dos servizos prestados polas Eccom en relación coa orde pública, a loita contra a fraude, a protección do medio ambiente e do contorno urbano e a conservación do patrimonio cultural, co obxecto de evitar prácticas que comprometan a independencia, a obxectividade e a fiabilidade no exercicio daquelas funcións.
Por tal razón, a consellaría competente en materia de urbanismo, logo da audiencia dos sectores afectados, regulará un prezo mínimo para os distintos servizos que presten as referidas entidades.
3. Os prezos mínimos serán obxecto de actualización anual no terceiro trimestre do ano natural con anterioridade á súa aplicación.
4. Na fixación dos importes mínimos garantirase a adecuación a prezos de mercado sobre a base dos custos directos e indirectos da actividade, incluídos os laborais que resulten dos convenios colectivos de referencia, e outros eventuais gastos vinculados ao exercicio das súas funcións, así como o beneficio industrial, de modo que se garanta o cumprimento dos estándares exixidos polas normas de acreditación e a calidade dos servizos vinculados ás actividades de certificación, verificación, inspección e control asumidas polas Eccom.
5. As Eccom poderán solicitar da consellaría competente en materia de urbanismo a excepción da fixación ou percepción de prezos mínimos cando poidan xustificar a concorrencia de circunstancias especiais que permitan á solicitante o cumprimento efectivo das súas funcións e as garantías do número 4, aínda aplicando prezos inferiores aos fixados regulamentariamente.
6. O incumprimento da obriga de fixar ou percibir os prezos mínimos que resulten do previsto neste artigo será considerado unha infracción das previstas no artigo 53.8.».
Tres. Engádese unha disposición adicional sétima coa seguinte redacción:
«Disposición adicional sétima. Actualización de prezos mínimos polos servizos das Eccom
Cando a actualización de prezos prevista no artigo 50.2 se realice exclusivamente con base en índices oficiais ou obxectivos, levarase a efecto mediante unha resolución administrativa da persoa titular da consellaría con competencias na materia de urbanismo, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.».
Artigo 17. Modificación da Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia
Modifícase a Lei 10/2017, do 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Engádese unha nova letra d) ao artigo 32, coa seguinte redacción:
«d) Celebrar espectáculos públicos ou actividades recreativas mentres se carece do preceptivo título habilitante ou se exceden os seus límites.».
Dous. Modifícanse as actuais letras d) e e) do artigo 32, que pasan a ter a seguinte redacción:
«e) Incumprir a obriga de ter subscrito e en vigor o contrato de seguro de acordo co disposto nesta lei.
f) Cometer unha infracción grave cando, no prazo dun ano, o mesmo suxeito fose sancionado pola comisión de dúas ou máis infraccións graves e a resolución ou resolucións sancionadoras fosen firmes na vía administrativa.».
Tres. As letras a) e b) do número 2 do artigo 39 quedan redactadas como segue:
«a) A persoa titular do departamento territorial correspondente da consellaría competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de infraccións leves e graves relacionadas cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas que se desenvolvan no ámbito territorial da respectiva provincia.
b) A persoa titular do órgano de dirección competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas, cando se trate de infraccións leves e graves relacionadas cos espectáculos públicos e coas actividades recreativas que se desenvolvan en máis dunha provincia da Comunidade Autónoma.
En todo caso, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de espectáculos públicos e actividades recreativas será competente para impoñer a sanción cando se trate de infraccións moi graves e se propoña unha sanción consistente nunha multa por un importe máximo de 300.500 euros, así como calquera outra sanción das previstas para infraccións moi graves, excepto a consistente no peche definitivo do establecemento aberto ao público.».
Artigo 18. Modificación da Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia
Un. Suprímese o número 3 do artigo 8, que queda sen contido.
Dous. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 15, que pasa a ter a seguinte redacción:
«c) As seguintes persoas vogais:
1º. Unha persoa en representación da Presidencia da Xunta de Galicia e unha persoa en representación de cada consellaría, por proposta da persoa titular do órgano.
2º. As titulares da Secretaría Xeral e das subdireccións xerais do Instituto Galego de Estatística.
3º. Unha designada polo Consello Galego de Cámaras.
4º. Tres designadas pola asociación empresarial intersectorial máis representativa de Galicia.
5º. Unha designada por cada unha das tres organizacións sindicais intersectoriais máis representativas de Galicia.
6º. Unha designada polo Consello Agrario Galego.
7º. Unha designada pola Federación Galega de Confrarías de Pescadores.
8º. Unha designada polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.
9º. Dúas designadas pola Federación Galega de Municipios e Provincias.
10º. Unha designada por cada universidade pública de Galicia.
11º. Oito de relevancia profesional no campo da estatística, designadas pola persoa titular da Presidencia.
12°. Unha designada por cada grupo parlamentario con presenza no Parlamento de Galicia.
13°. A titular da Presidencia da Sociedade Galega para a Promoción da Estatística e da Investigación de Operacións.
14°. Dúas en representación da Administración xeral do Estado; unha designada polo Instituto Nacional de Estatística e outra pola Delegación do Goberno na Comunidade Autónoma de Galicia.».
Artigo 19. Modificación do Decreto 1/1991, do 11 de xaneiro, polo que se regula a concesión da Medalla de Galicia
O Decreto 1/1991, do 11 de xaneiro, polo que se regula a concesión da Medalla de Galicia, queda modificado como segue:
Un. Modifícase o artigo 3, que pasa a ter a seguinte redacción:
«A Medalla de Galicia, nas súas categorías de ouro, prata e bronce, será outorgada discrecionalmente mediante un decreto do Consello da Xunta de Galicia.».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 10, que queda redactado como segue:
«1. No caso de presentación de propostas de concesión da Medalla de Galicia, en calquera das súas tres categorías, por instancia de autoridades, institucións e entidades públicas e privadas galegas con personalidade xurídica, os expedientes de concesión iniciaranse por orde do conselleiro ou conselleira que teña atribuída a condición de chanceler da medalla.».
Tres. Engádese un novo número 3 ao artigo 10, coa seguinte redacción:
«3. Non será necesaria a tramitación de expediente ningún nos supostos de concesión da medalla por instancia do presidente ou da presidenta da Xunta de Galicia.».
Catro. Modifícase o número 2 do artigo 11, que queda redactado como segue:
«2. A instrución dos expedientes do outorgamento da Medalla de Galicia non poderá exceder o prazo de tres meses, contados a partir da data da orde que dispoña a súa incoación.
Concluída a instrución do expediente, e atendendo ao seu resultado, o conselleiro ou conselleira que teña atribuída a condición de chanceler da medalla poderá elevar a proposta ao presidente ou presidenta para que valore o sometemento desta ao Consello da Xunta de Galicia, para os efectos do disposto no artigo 3.1.».
Artigo 20. Modificación do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo
Modifícase o artigo 55 do Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo, que queda redactado como segue:
«Artigo 55. Tribunal
A composición do tribunal das oposicións de letrados da Xunta de Galicia será a seguinte:
a) Presidente ou presidenta: unha persoa funcionaria pertencente á escala de letrados da Xunta de Galicia, designada por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.
b) Vogais:
1º. Unha persoa maxistrada designada por proposta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.
2º. Unha persoa catedrática ou profesora titular das facultades de Dereito das universidades do Sistema universitario de Galicia, con competencia nunha ou máis disciplinas relacionadas co contido do programa, designada por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral.
3º. Unha persoa funcionaria pertencente ao corpo superior da Xunta de Galicia, escala superior de finanzas, por proposta da consellaría competente na materia de facenda.
4º. Unha persoa letrada da Xunta de Galicia, designada por proposta da persoa titular da Secretaría Xeral da Asesoría Xurídica Xeral, que desempeñará, ademais, as funcións de secretario ou secretaria.
De conformidade co disposto polo artigo 152 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, procurarase a composición paritaria dos órganos de selección do persoal da Administración pública galega.».
Artigo 21. Modificación do Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia
Modifícase o Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia, que queda redactado como segue:
Un. Modifícase o número 2 do artigo 52, que queda redactado como segue:
«2. Durante a prestación do servizo, non será obrigatorio levar a bordo do vehículo unha copia do contrato en papel ou en soporte electrónico sempre que se poida acreditar ante a Administración a comunicación electrónica previa ao rexistro a que se refire o artigo 51.3 da Lei 4/2013, do 30 de maio. No caso de non poder demostrar tal comunicación, unha copia do contrato deberá estar dispoñible no vehículo.
En todo caso, a documentación anterior non será exixible cando o desprazamento teña como causa a realización de operacións de revisión, reparación ou mantemento do propio vehículo e así se acredite documentalmente.»
Dous. Suprímese o artigo 55, que queda sen contido.
Tres. Modifícase a letra ñ) do artigo 57, que queda redactada como segue:
«ñ) No arrendamento de vehículos con condutor, a carencia de contrato nos locais autorizados ou a ocultación ou a non conservación por parte da empresa dunha copia durante un ano.».
Catro. Suprímese a letra i) do artigo 58, que queda sen contido.
Artigo 22. Modificación do Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e as actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos
Un. Modifícase o apartado 2 do artigo 5, que queda coa seguinte redacción:
«2. O proxecto e a documentación técnica establecida no artigo 40.2.b).2º da Lei 9/2013, do 19 de decembro, deberá incorporar, para os efectos de permitir á Administración a comprobación do cumprimento dos requisitos de seguridade exixibles, a totalidade da documentación que se relaciona a continuación:
a) O proxecto de deseño da atracción, elaborado polo fabricante da atracción, ou, na súa ausencia, por unha persoa técnica competente, recollerá a información necesaria para a realización das inspeccións e as verificacións de montaxe e das probas de funcionamento e, como mínimo, os puntos de control, as tolerancias admisibles, as velocidades máximas e, segundo corresponda, os límites de idade, de altura ou o peso permitido ás persoas usuarias. No caso de que a montaxe requira dun proxecto de execución de instalación específico, redactado por unha persoa técnica competente, ou unha habilitación profesional específica para a súa realización, estes aspectos deberanse precisar no proxecto de deseño da atracción.
b) O manual de funcionamento que incorpore instrucións comprensibles, en galego ou en castelán, relativas á montaxe, o funcionamento e o mantemento. Tamén debe recoller os requisitos de cualificación do persoal de montaxe, funcionamento e mantemento.
c) O libro de operacións que identifique con claridade a atracción e conteña os datos sobre a data de adquisición, o historial das reparacións efectuadas, as modificacións e as inspeccións realizadas.».
Dous. Modifícase o artigo 6, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 6. Requisitos técnicos
1. As atraccións itinerantes de feira deberán cumprir os requisitos exixidos pola normativa específica aplicable para garantir a seguridade das persoas usuarias, do público asistente, das persoas traballadoras, das persoas técnicas e doutras terceiras persoas, así como a convivencia veciñal, a integridade dos espazos públicos e a protección dos bens e do medio ambiente, tanto durante o seu funcionamento como cando se atopan en repouso.
2. As atraccións itinerantes de feira deberán cumprir os requisitos exixidos pola normativa específica aplicable e, en concreto, os seguintes:
a) No caso de atraccións itinerantes de feira con velocidades de desprazamento das persoas usuarias iguais ou superiores a 3,5 m/s ou nas que as persoas usuarias chegan a estar localizadas a unha altura igual ou superior a 3 metros desde o nivel do chan, deberán cumprir a Norma UNE-EN 13814:2020 (Maquinaria e estruturas para parques e feiras de atraccións. Seguridade), ou as normas que a substitúan.
b) No caso de equipamentos de xogo inchables, deberán cumprir as Normas UNE-EN 14960-1:2019 (Requisitos de seguridade e métodos de ensaio), UNE-EN 14960-2:2021 (Requisitos de seguridade adicionais para almofadas inchables destinadas ás instalacións permanentes) e UNE-EN 14960-3:2021 (Requisitos de seguridade e métodos de ensaio adicionais para xogos inchables articulados), ou as normas que a substitúan.
c) No caso de estruturas temporais e carpas, deberán cumprir a Norma UNE-EN 13782:2016 (Estruturas temporais. Carpas. Seguridade), ou as normas que a substitúan.
3. As atraccións itinerantes de feira descritas nas letras a), b) e c) do apartado 2 deberán ser inspeccionadas coa periodicidade establecida nas citadas normas UNE-EN.
As restantes atraccións itinerantes de feira que non estean incluídas no artigo 40.2.d.2° da Lei 9/2013, do 19 de decembro, deberán ser inspeccionadas anualmente por unha persoa técnica competente ou por unha entidade de certificación municipal (Eccom), co fin de garantir a seguridade das persoas, dos bens e do medio ambiente.
Unha vez finalizada a inspección periódica, o resultado deberase plasmar nun certificado de inspección periódica asinado pola persoa ou pola entidade que a realizou, no cal se acredite que as atraccións reúnen as medidas necesarias para garantir os aspectos indicados anteriormente e no que conste expresamente o lugar, a data e a hora en que se realizou a inspección, da cal se deixará constancia no libro de operacións da atracción.».
CAPÍTULO II
Medio ambiente
Artigo 23. Modificación da Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia
Engádese unha disposición adicional á Lei 7/2008, do 7 de xullo, de protección da paisaxe de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional. Interese público superior dos parques eólicos e das súas infraestruturas de evacuación en relación coa normativa de protección da paisaxe
1. A declaración do interese público superior da planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, efectuada polo artigo 35 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, atendendo á finalidade recollida no artigo 34 da indicada lei, relativa á promoción do despregamento da enerxía eólica como enerxía renovable en Galicia, producirá os efectos previstos nesta disposición en relación coa normativa de protección da paisaxe.
2. A declaración do interese público superior da planificación, construción e explotación dos parques eólicos de competencia autonómica, así como das súas infraestruturas de evacuación, atendendo ás finalidades en que se basea, terase en conta como un elemento de singular relevancia ao ponderar os intereses xurídicos de cada caso na emisión dos informes de impacto e integración paisaxística previstos na normativa de desenvolvemento desta lei, así como nos procedementos de avaliación ambiental necesarios para a autorización dos proxectos nos que se valore esta integración paisaxística, de tal modo que se dea prioridade á construción e explotación dos parques e ao desenvolvemento das súas infraestruturas de evacuación.
3. Considerarase que a instalación de parques eólicos é compatible cos obxectivos de calidade paisaxística recollidos nas Directrices de paisaxe de Galicia. Só se considerará a existencia de impactos paisaxísticos críticos nos casos excepcionais en que a instalación de aeroxeradores en áreas de especial interese paisaxístico produza unha perda permanente da calidade das condicións ambientais, sen recuperación posible tras o cesamento da actividade, incluso coa adopción de medidas protectoras ou correctoras.
4. Os proxectos mediante os cales se materialicen os parques eólicos atenderán ás seguintes directrices, sen prexuízo doutras recollidas nas Directrices de paisaxe de Galicia:
a) O deseño dos parques eólicos terá en conta os resultados do estudo de impacto e integración paisaxística, que, ademais dos contidos establecidos nesta lei, incluirá un estudo dos tipos de paisaxe en que se sitúan, dos tipos de valores paisaxísticos existentes (naturais ou ecolóxicos, culturais ou patrimoniais, estéticos ou panorámicos e de uso) e o cálculo da súa bacía visual, analizando os tipos de paisaxes, os valores paisaxísticos e os lugares de especial interese paisaxístico existentes nela, de acordo co Catálogo das paisaxes de Galicia. Os resultados desta análise servirán para a cuantificación do impacto visual do parque eólico e a súa repercusión nos tipos e valores paisaxísticos.
b) Na avaliación dos proxectos eólicos terase en consideración a bacía visual que xere o conxunto do parque, tendo en conta tamén unha estimación do número potencial de observadores a partir da poboación dos asentamentos.
c) Procurarase a adopción das medidas que permitan reducir ou mitigar o impacto visual, sempre que sexan técnica e economicamente viables e que non condicionen a funcionalidade da actuación, tendo en conta en todo caso a propia natureza destas instalacións, que fan moi difícil a completa redución ou mitigación do impacto.
Neste sentido, só será exixible a supresión ou o cambio da posición dun aeroxerador por razóns do seu impacto visual, e cando existan outras solucións que cumpran as condicións sinaladas, no suposto de que estea situado dentro de áreas de especial interese paisaxístico (AEIP) ou a menos de 1000 metros dun miradoiro recoñecido no Catálogo das paisaxes de Galicia e na dirección das vistas panorámicas dominantes ou de maior interese.
d) O deseño do parque asegurará a maior compatibilidade posible coas masas forestais ou de mato de alto valor ecolóxico existentes e cos usos agropecuarios e forestais que se desenvolvan na zona. Por outra banda, garantirase a revexetación de todas as superficies denudadas en que sexa viable o mantemento da vexetación implantada durante un mínimo de dous anos con patróns de plantación similares ás formacións presentes na contorna e propias da paisaxe da zona.
e) A execución das plataformas minimizará a alteración da topografía e, unha vez instalado o aeroxerador, restaurarase a vexetación afectada.
f) Debe minimizarse a eliminación de cobertoira vexetal. Calquera plantación que se efectúe para naturalizar noiros, formar sebes e recuperar cobertoiras de camiños ou plataformas debe ser realizada con especies arbóreas, arbustivas e herbáceas propias do lugar e, ademais, dispoñéndoas dun modo semellante ao natural.
g) Todas as escavacións e recheos irán precedidos por unha coidadosa retirada da cobertoira vexetal, para o seu posterior uso na restauración. Na restauración paisaxística reutilizarase esta terra vexetal para cubrir mediante unha camada os desmontes e terrapléns, sempre que a pendente o permita, garantindo o correcto tratamento de materiais sobrantes e a procedencia autorizada dos solos de achega.
h) Agás no caso da subestación, evitaranse os cerramentos ou valados, mais, se foren xustificadamente necesarios, resolveranse mediante sistemas o máis diáfanos posible e, de ser o caso, congruentes cos tipos de cerramentos existentes na contorna.
i) As liñas colectoras internas que conducen á subestación serán sempre soterradas, salvo que non sexa posible por outras afeccións sectoriais ou ambientais.».
Artigo 24. Modificación da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental
Modifícase a Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 3 do artigo 27, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. A tramitación das autorizacións administrativas necesarias das infraestruturas de evacuación deberase solicitar conxuntamente coa solicitude de autorización administrativa previa e de construción do parque eólico.
Non obstante, no caso de infraestruturas de evacuación compartidas que sirvan para evacuar máis dunha instalación de produción, a solicitude poderase presentar de xeito independente por todas ou por parte das persoas titulares das instalacións de produción que van compartir a infraestrutura de evacuación, nunha única solicitude. Neste caso, as titulares das instalacións de produción que presenten a solicitude terán a consideración de persoas promotoras da infraestrutura de evacuación para os efectos dos requisitos exixidos para a presentación da solicitude. O resto de titulares de instalacións de produción que utilicen a infraestrutura de evacuación compartida e que non presenten a solicitude como promotoras terán unicamente a consideración de persoas usuarias da infraestrutura de evacuación en cuestión. Se durante a tramitación das autorizacións administrativas necesarias para a infraestrutura de evacuación compartida algunha das promotoras perde, por calquera motivo, a condición de titular da instalación de produción que vai compartir a infraestrutura de evacuación, entenderase que esa promotora desiste da súa solicitude e continuará a tramitación coas demais promotoras.».
Dous. Modifícase o número 4 do artigo 28, que queda redactado como segue:
«4. A caducidade dos permisos de acceso e conexión supoñerá a execución inmediata da garantía económica. Porén, o órgano competente poderá exceptuar a execución da garantía depositada pola persoa titular dunha instalación se a caducidade dos permisos de acceso e conexión está ocasionada porque un informe ou resolución dunha administración pública impedise a construción, e así fose solicitado por esta.».
Tres. Modifícase o número 2 do artigo 29, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. Só se poderá solicitar o inicio dun procedemento de autorización administrativa previa e de construción dun parque eólico se a persoa solicitante e o parque eólico cumpren cos requisitos establecidos nos artigos 30, 31 e 32, alén de contaren co permiso de acceso á rede de transporte e distribución. Non serán admitidas aquelas solicitudes que incumpran estes requisitos.
No caso de solicitudes relativas a infraestruturas de evacuación compartidas solicitadas por unha pluralidade de persoas promotoras, os requisitos establecidos no artigo 30 deberán ser cumpridos por todas as promotoras da infraestrutura de evacuación compartida individualmente consideradas.».
Catro. Engádese a letra i) ao número 4 do artigo 29, coa seguinte redacción:
«i) Documentación de xustificación da evacuación da instalación de produción ata o punto de conexión a través do propio proxecto ou doutros en tramitación, autorizados ou en funcionamento.».
Cinco. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 34, que pasan a ter a seguinte redacción:
«1. Logo de se realizar a instrución do procedemento administrativo de autorización e de se acreditar por parte da persoa solicitante a obtención dos permisos de acceso e conexión ás redes de transporte ou distribución, segundo corresponda, o órgano de dirección competente na materia de enerxía ditará unha resolución respecto do outorgamento da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción do parque eólico no prazo máximo de dous meses, contado desde a recepción da documentación completa no órgano competente para resolver o procedemento.
2. A resolución de autorización administrativa previa e de construción expresará que a persoa promotora dispoñerá dun prazo de tres anos, contado a partir do seu outorgamento, para solicitar a correspondente autorización de explotación, indicando que, no caso de incumprimento, poderá producirse a súa revogación, logo de audiencia previa da persoa interesada, nos termos establecidos no punto 10 do artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou na norma que a substitúa.
Este prazo quedará suspendido no caso de existir un pronunciamento por parte dun órgano administrativo ou xudicial que suspenda a eficacia da resolución de autorización administrativa previa e de construción. Así mesmo, a Administración, contando coa petición previa da persoa titular da autorización, suspenderá o prazo no caso de existiren recursos xudiciais interpostos por terceiros, ata que a autorización alcance firmeza.
A Administración autonómica poderá, por solicitude da persoa promotora, outorgar a extensión do prazo para cumprir co fito de obtención da autorización administrativa de explotación definitiva, nos termos establecidos no artigo 28.2 do Real decreto lei 8/2023, do 27 de decembro, polo que se adoptan medidas para afrontar as consecuencias económicas e sociais derivadas dos conflitos en Ucraína e Oriente Próximo, así como para paliar os efectos da seca. Nestes casos, o prazo para obter a autorización de explotación será o que se determine na resolución de extensión do prazo, ditada de conformidade co establecido na normativa estatal, sen que, polo tanto, poida outorgarse a autorización administrativa de explotación con anterioridade ao inicio do semestre comprometido na solicitude.
A resolución de autorización administrativa previa e de construción dunha infraestrutura de evacuación compartida que for solicitada por unha pluralidade de persoas promotoras establecerá a responsabilidade solidaria de todas as promotoras da infraestrutura de evacuación no que respecta a todas as obrigas impostas no trámite ambiental e na resolución de autorización, así como ás obrigas establecidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, para as persoas produtoras de enerxía eléctrica. Adicionalmente, a resolución identificará, por proposta das promotoras, a persoa titular que actuará como interlocutora responsable coa Administración para os efectos da execución do proxecto e do cumprimento das obrigas impostas na autorización, con carácter particular, e na normativa do sector eléctrico, con carácter xeral. A resolución da autorización administrativa previa e de construción poderá impoñer ás titulares as obrigas que estime necesarias para garantir a gobernanza da infraestrutura compartida e a protección do medio ambiente. En particular, a resolución da autorización administrativa previa e de construción poderá impoñer ás titulares a obriga de designar unha única construtora para toda a infraestrutura de evacuación compartida.».
Seis. Modifícase o número 3 do artigo 35, que queda coa seguinte redacción:
«3. A autorización de explotación será outorgada polo órgano territorial da consellaría competente na materia de enerxía que tramitase o expediente no prazo dun mes, logo das comprobacións técnicas que se consideren oportunas.
A resolución de autorización de explotación dunha infraestrutura de evacuación compartida que fose solicitada por unha pluralidade de persoas promotoras establecerá a responsabilidade solidaria de todas as promotoras da infraestrutura de evacuación no que respecta a todas as obrigas impostas no trámite ambiental e na resolución de autorización, así como ás obrigas establecidas na Lei 24/2013, do 26 de decembro, para as persoas produtoras de enerxía eléctrica. Así mesmo, a resolución identificará, por proposta das promotoras, a titular que actuará como interlocutora responsable coa Administración para os efectos do seguimento e control do cumprimento das obrigas impostas ás titulares pola resolución de autorización de explotación, en particular, e na normativa do sector eléctrico, con carácter xeral.»
Sete. Engádese o número 5 ao artigo 36, coa seguinte redacción:
«5. A solicitude administrativa de transmisión da titularidade dunha infraestrutura de evacuación asociada a un parque eólico realizarase de forma simultánea á solicitude de transmisión da titularidade dese parque eólico.
A persoa titular dunha infraestrutura de evacuación non poderá ser en ningún caso distinta da do parque eólico asociado. No suposto de infraestruturas de evacuación compartidas cunha pluralidade de titulares, unicamente poderán ser titulares da infraestrutura de evacuación compartida as que sexan titulares dunha instalación de produción que comparta a mencionada infraestrutura de evacuación.».
Oito. Modifícase o número 4 do artigo 40, que queda redactado como segue:
«En todo caso, e para os efectos do regulado no punto 1 do artigo 37 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, no solo rústico estará permitida a apertura de camiños rurais, tanto os contidos nos proxectos eólicos e das súas infraestruturas de evacuación aprobados pola administración competente como os necesarios para a súa execución.».
Nove. Modifícase o número 1 da disposición adicional terceira, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. As novas solicitudes de autorización a que se refire o artigo 53 da Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico, ou a norma que a substitúa, correspondentes a infraestruturas de evacuación dos parques eólicos tramitaranse segundo as disposicións establecidas nesta lei, no que sexa aplicable.».
Dez. Modifícase o número 3 da disposición adicional terceira, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. Para iniciar a tramitación do expediente dunha infraestrutura de evacuación será requisito necesario que o parque eólico dispoña de permiso de acceso e conexión. O final da infraestrutura de evacuación ten que coincidir co punto de conexión do parque ou con outra infraestrutura de evacuación doutros parques eólicos que estea en tramitación, autorizada ou en servizo, para garantir que o trazado da liña proposto sexa viable tecnicamente e produza o menor impacto posible sobre o territorio. Para estes efectos, achegarase a documentación de xustificación da evacuación da instalación de produción ata o punto de conexión a través do propio proxecto ou doutros en tramitación, autorizados ou en funcionamento.».
Once. Modifícase a disposición transitoria décimo primeira, que queda redactada do seguinte xeito:
«Disposición transitoria décimo primeira. Posibilidade de outorgamento separado da autorización administrativa previa e da autorización administrativa de construción
1. Non obstante o previsto no artigo 34 en relación co outorgamento conxunto da autorización administrativa previa e de construción, atendendo aos prazos para o cumprimento dos fitos establecidos polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño, polo que se aproban medidas en materia de enerxía e noutros ámbitos para a reactivación económica, a Administración autonómica, por solicitude da persoa promotora, poderá outorgar de forma separada a autorización administrativa previa cando se cumpran os requisitos necesarios para esta, coa finalidade de posibilitar o cumprimento dos fitos expresados.
Nestes casos, unha vez outorgada a autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción deberase outorgar unha vez que o proxecto de execución cumpra cos requisitos derivados da normativa aplicable e se efectuasen as modificacións e adaptacións necesarias derivadas da instrución do procedemento, de acordo co previsto no artigo 34 desta lei.
2. Esta disposición será aplicable mentres se manteñan os fitos administrativos marcados polo Real decreto lei 23/2020, do 23 de xuño.».
Artigo 25. Modificación da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia
A Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. A letra b) do número 2 do artigo 47 queda redactada como segue:
«b) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios.».
Dous. Engádese a letra f) ao número 2 do artigo 47, coa seguinte redacción:
«f) Os usos da auga efectuados no marco dunha situación de emerxencia ou catástrofe orixinada por causas naturais ou derivadas da acción humana, sexa esta accidental ou intencionada, así como por circunstancias sanitarias, medioambientais, tecnolóxicas de carácter excepcional ou de forza maior, sempre e cando concorran os dous requisitos seguintes:
– Que se declarase o nivel 1, 2, 3 ou de interese galego do Plan territorial de emerxencias de Galicia.
– Que a situación implique unha variación extraordinaria no volume de auga usado ou consumido por causa ou coa finalidade de afrontar a concreta situación de emerxencia ou catástrofe.
O ámbito obxectivo, subxectivo, territorial e temporal, o alcance, os requisitos que se deberán cumprir e o procedemento para a aplicación deste beneficio fiscal serán determinados mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de augas.».
Tres. Modifícase o número 4 do artigo 53, que queda redactado como segue:
«4. Agás proba en contrario, presúmese que unha vivenda está habitada por tres persoas. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para acreditar perante Augas de Galicia, por instancia do suxeito pasivo, un número diferente de habitantes por vivenda, así como os prazos para levalo a cabo e o período de vixencia. As modificacións resultantes terán efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou no seguinte período de liquidación no caso de fontes propias. A presunción de tres persoas aquí establecida será tamén aplicable para os efectos de determinar a base impoñible nos usos domésticos da auga mediante o réxime de estimación obxectiva, de acordo co establecido no artigo 50.
Porén, naqueles supostos en que o concello teña establecido un sistema tarifario para as súas taxas que teña en conta o número de persoas empadroadas e tal acreditación sexa realizada de oficio con base nos datos que constan no padrón municipal, na facturación do canon da auga terase en conta o número de persoas acreditado polo concello, de acordo cos requisitos que se establezan na correspondente ordenanza municipal.».
Catro. Engádese un número 3 á disposición adicional décimo oitava, coa seguinte redacción:
«3. Calquera actuación de sinalización relacionada coa protección fronte ao risco de inundación desenvolvida no ámbito das áreas de risco potencial significativo de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa estará exenta de obter licenzas, autorizacións ou informes sectoriais.».
Cinco. Engádese unha disposición adicional décimo novena coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo novena. Convenios de colaboración na materia de obras hidráulicas
1. Nos convenios que teñan por obxecto a colaboración para a execución de obras hidráulicas, o prazo de vixencia corresponderase co prazo previsto para a entrega das obras ou co prazo establecido para a liquidación dos compromisos financeiros asumidos polas entidades locais, no caso de que este último sexa superior ao establecido para o remate das obras.
Antes da finalización do prazo de vixencia do convenio, as partes poderán, de común acordo, prorrogalo por un período máximo de catro anos ou acordar a súa extinción.
2. No suposto de incumprimento dos compromisos financeiros asumidos polas entidades locais, os importes non satisfeitos consideraranse débedas vencidas, líquidas e exixibles para os efectos de compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local.
3. A consellaría competente na materia de facenda poderá limitar o gasto ou os prazos establecidos para a liquidación dos compromisos financeiros asumidos polas entidades locais derivados das actuacións previstas nestes convenios, co fin de adecuar o gasto realizado ao cumprimento das regras fiscais definidas na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.».
Artigo 26. Modificación da Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia
A Lei 13/2013, do 23 de decembro, de caza de Galicia, queda modificada do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 3 do artigo 59, que queda redactado como segue:
«3. Regulamentariamente estableceranse os distintos tipos de licenzas, diferenciando se teñen por obxecto a práctica cinexética ou a utilización de medios e considerando a residencia da persoa titular e a súa idade; o seu prazo de validez, que poderá ser de cinco anos, dun ano, dun mes ou, no caso das persoas maiores de sesenta e cinco anos, indefinida; e os seus procedementos de expedición.».
Dous. Modifícase a letra a) do número 1 do artigo 70, que queda redactada como segue:
«a) Cazar nos períodos de vedas que se establezan na correspondente disposición xeral de períodos hábiles, así como estar en posesión de pezas de caza vivas ou mortas ou dos seus híbridos cuxa procedencia non poida xustificarse.».
Tres. Modifícase o número 22 do artigo 85, que queda redactado como segue:
«22. Estar en posesión de pezas de caza vivas ou mortas ou dos seus híbridos cuxa procedencia non poida xustificarse.».
Artigo 27. Modificación da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia
Modifícase a letra b) do artigo 75 da Lei 2/2021, do 8 de xaneiro, de pesca continental de Galicia, que queda redactada como segue:
«b) Infraccións graves: multa de 3.001 a 25.000 euros.».
Artigo 28. Modificación da Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga
Modifícase a Lei 1/2022, do 12 de xullo, de mellora da xestión do ciclo integral da auga, do seguinte xeito:
Un. A letra b) do número 2 do artigo 35 queda redactada como segue:
«b) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios.».
Dous. Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 35, coa seguinte redacción:
«d) Os usos da auga efectuados no marco dunha situación de emerxencia ou catástrofe orixinada por causas naturais ou derivadas da acción humana, sexa esta accidental ou intencionada, así como por circunstancias sanitarias, medioambientais, tecnolóxicas de carácter excepcional ou de forza maior, sempre e cando concorran os dous requisitos seguintes:
– Que se declarase o nivel 1, 2, 3 ou de interese galego do Plan territorial de emerxencias de Galicia.
– Que a situación implique unha variación extraordinaria no volume de auga usado ou consumido por causa ou coa finalidade de afrontar a situación concreta de emerxencia ou catástrofe.
O ámbito obxectivo, subxectivo, territorial e temporal, o alcance, os requisitos que se deberán cumprir e o procedemento para a aplicación deste beneficio fiscal serán determinados mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de augas.».
Tres. Modifícase o número 4 do artigo 43, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Agás proba en contrario, presúmese que unha vivenda está habitada por tres persoas. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para acreditar perante Augas de Galicia, por instancia do suxeito pasivo, un número diferente de habitantes por vivenda, así como os prazos para levalo a cabo e o período de vixencia. As modificacións resultantes terán efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación, ou no seguinte período de liquidación, no caso de fontes propias. A presunción de tres persoas aquí establecida será tamén aplicable para os efectos de determinar a base impoñible nos usos domésticos da auga mediante o réxime de estimación obxectiva de acordo co establecido no artigo 38.
Porén, naqueles supostos en que o concello teña establecido un sistema tarifario para a exacción das súas taxas que teña en conta o número de persoas empadroadas e tal acreditación sexa realizada de oficio con base nos datos que constan no padrón municipal, na facturación do canon de xestión das depuradoras terase en conta o número de persoas acreditado polo concello, de acordo cos requisitos que se establezan na correspondente ordenanza municipal.».
Catro. A letra a) do número 2 do artigo 53 queda redactada como segue:
«a) Os usos feitos polos servizos públicos de extinción de incendios.».
Cinco. Engádense as letras c) e d) ao número 2 do artigo 53, que quedan redactadas como segue:
«c) Os usos da auga por parte de entidades públicas para a alimentación de fontes, bocas de rega de parques e xardíns e limpeza de rúas.
d) Os usos da auga efectuados no marco dunha situación de emerxencia ou catástrofe orixinada por causas naturais ou derivadas da acción humana, sexa esta accidental ou intencionada, así como por circunstancias sanitarias, medioambientais, tecnolóxicas de carácter excepcional ou de forza maior, sempre e cando concorran os dous requisitos seguintes:
– Que se declarase o nivel 1, 2, 3 ou de interese galego do Plan territorial de emerxencias de Galicia.
– Que a situación implique unha variación extraordinaria no volume de auga usado ou consumido por causa ou coa finalidade de afrontar a situación concreta de emerxencia ou catástrofe.
O ámbito obxectivo, subxectivo, territorial e temporal, o alcance, os requisitos que se deberán cumprir e o procedemento para a aplicación deste beneficio fiscal serán determinados mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de augas.».
Seis. Modifícase o número 4 do artigo 60, que queda redactado como segue:
«4. Agás proba en contrario, presúmese que unha vivenda está habitada por tres persoas. Regulamentariamente determinaranse os requisitos para acreditar perante Augas de Galicia, por instancia do suxeito pasivo, un número diferente de habitantes por vivenda, así como os prazos para levalo a cabo e o período de vixencia. As modificacións resultantes terán efectos a partir do primeiro día natural do terceiro mes seguinte á súa acreditación ou no seguinte período de liquidación, no caso de fontes propias. A presunción de tres persoas aquí establecida será tamén aplicable para os efectos de determinar a base impoñible nos usos domésticos da auga mediante o réxime de estimación obxectiva de acordo co establecido no artigo 56.
Porén, naqueles supostos en que o concello teña establecido un sistema tarifario para a exacción das súas taxas que teña en conta o número de persoas empadroadas e tal acreditación sexa realizada de oficio con base nos datos que constan no padrón municipal, na facturación do canon de xestión das redes de colectores terase en conta o número de persoas acreditado polo concello, de acordo cos requisitos que se establezan na correspondente ordenanza municipal.».
Artigo 29. Modificación da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
Engádense os números 3 e 4 ao artigo 36 da Lei 10/2023, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, coa seguinte redacción:
«3. O establecido no número 2 determina que a presunción de interese público superior será aplicable, con carácter retroactivo, aos seguintes proxectos:
a) Procedementos de concesión de autorizacións iniciados a partir do 30 de decembro de 2022.
Por tanto, estarán comprendidas neste apartado todas as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, así como todas as solicitudes de autorización de explotación, de proxectos eólicos ou das súas infraestruturas de evacuación, que se presentasen a partir da data indicada e durante toda a súa tramitación e ata a finalización da súa tramitación e posta en funcionamento dos proxectos.
b) Procedementos de concesión de autorizacións iniciados con anterioridade ao día 30 de decembro de 2022, se nese día aínda non recaese autorización, definitiva na vía administrativa, de explotación, e sempre que a aplicación desta presunción non afecte os dereitos preexistentes de terceiros, de acordo co establecido no artigo 1 do Regulamento (UE) 2022/2577, do Consello, do 22 de decembro de 2022. Por tanto, estarán comprendidas neste apartado todas as solicitudes de autorización administrativa previa e de construción, así como todas as solicitudes de autorización de explotación, de proxectos eólicos ou das súas infraestruturas de evacuación, cando na data indicada aínda non recaese a autorización de explotación, definitiva na vía administrativa, que permita a posta en funcionamento dos proxectos.
4. O establecido neste artigo será aplicable ata que se logre a neutralidade climática, de acordo co indicado no artigo 16 septies da Directiva (UE) 2023/2413, do Parlamento Europeo e do Consello, do 18 de outubro.».
Artigo 30. Modificación da Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia
Engádese unha disposición adicional quinta á Lei 2/2024, do 7 de novembro, de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galicia, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional quinta. Beneficios económicos e sociais para aproveitamentos hidroeléctricos
Promoverase a obtención de beneficios sociais e económicos, entendidos nos termos establecidos nesta lei, nas concesións administrativas para a explotación como aproveitamentos hidroeléctricos de infraestruturas hidráulicas outorgadas con anterioridade á súa entrada en vigor.
Para este fin, os recursos establecidos nos pregos de bases das concesións para paliar os efectos derivados da execución das infraestruturas hidráulicas poderán ser destinados para a realización de todas aquelas actuacións que teñan por obxecto a mellora das condicións de vida e a protección e conservación do medio ambiente nos ámbitos territoriais afectados. En particular, promoveranse aquelas actuacións destinadas á mellora da xestión do ciclo integral da auga co fin de garantir o abastecemento de auga aos núcleos de poboación e contribuír ao bo estado ecolóxico das augas e dos ecosistemas asociados.».
Artigo 31. Modificación do Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 en Galicia
O Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 en Galicia, queda modificado do seguinte xeito:
Un. Os criterios 5 e 6 da letra f) do número 3 do artigo 45 quedan redactados como segue:
«– Criterio 5. A realización das tarefas de roza e queimas controladas que se realicen nos catro meses de marzo a xuño requirirán a autorización dos servizos provinciais de patrimonio natural.
– Criterio 6. O pastoreo, a roza e a queima controlada son medidas de xestión adecuadas para os mosaicos con breixeiras secas (4030, 4060 e 4090), matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*) e formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220* e 6230*). Establecerase un límite anual do 30 % da superficie do hábitat estimada no momento da declaración do LIC para as medidas de xestión que impliquen a roza, incluído un máximo do 10 % para as queimas controladas. Unha mesma zona non poderá rozarse de novo ata pasados polo menos tres anos desde a última roza. Para efectos de cómputo, as superficies rozadas ou queimadas entre os meses de outubro e febreiro serán comunicadas previamente aos servizos provinciais de patrimonio natural. O pastoreo estará permitido sen límite de superficie.».
Dous. Os criterios 4 e 5 da letra e) do número 3 do artigo 47 quedan redactados como segue:
«– Criterio 4. A realización das tarefas de rozas e queimas controladas que se realicen nos catro meses de marzo a xuño requirirán autorización dos servizos provinciais de patrimonio natural.
– Criterio 5. O pastoreo, a roza e a queima controlada son medidas de xestión adecuadas para os agrosistemas e áreas herbosas que constitúen tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE (6230*, 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510 e 6520). Establécese un límite anual do 30 % da superficie do hábitat estimada no momento da declaración do LIC para as medidas de xestión que impliquen a roza, incluído un máximo do 10 % para as queimas controladas. Para efectos de cómputo, as superficies rozadas ou queimadas entre os meses de outubro a febreiro serán comunicadas previamente aos servizos provinciais de patrimonio natural. O pastoreo estará permitido sen límite de superficie.».
Tres. A letra g) do número 3 do artigo 57 queda redactada como segue:
«g) Consonte os criterios definidos nos artigos 45.3.f) e 47.3.e), considéranse medidas de conservación e xestión as rozas e queimas controladas sobre superficies conformadas por mosaicos con breixeiras secas (4030, 4060 e 4090), matogueiras esclerófilas (5120 e 5230*), formacións herbáceas pioneiras de etapas previas ao establecemento arbustivo (6160, 6170, 6210*, 6220* e 6230*) e agrosistemas e áreas herbosas que constitúen tipos de hábitat do anexo I da Directiva 92/43/CEE (6230*, 6160, 6170, 6210*, 6220*, 6230*, 6410, 6420, 6510 e 6520).
Estas actuacións estarán suxeitas ás seguintes condicións:
1º) Admítese a roza anual de ata o 30 % da superficie de cada hábitat estimada no momento da declaración do LIC. Unha mesma zona non poderá rozarse de novo ata pasados polo menos tres anos desde a última roza.
2º) Admítese a queima controlada de ata o 10 % da superficie de cada hábitat estimada no momento da declaración do LIC. A superficie xestionada como queima controlada descontarase do tope do 30 % indicado no apartado 1º) para as rozas. A frecuencia de queima máis adecuada en Galicia fíxase como mínimo en 6 anos.
3º) O mantemento anual das faixas de xestión da biomasa non computará no tope do 30 % indicado no apartado 1º) para as rozas.
4º) Para os efectos deste plan director, son usos permitidos as rozas e queimas controladas durante os meses de outubro a febreiro. Para evitar que se superen as devanditas porcentaxes, as superficies nas que se pretenda realizar rozas e queimas controladas dentro deste período serán comunicadas previamente aos servizos provinciais de patrimonio natural cun mes de antelación como mínimo.
5º) Para os efectos deste plan director, son usos autorizables as rozas e queimas controladas durante os meses de marzo a xuño.
6º) O inicio do cómputo anual das superficies rozadas e queimadas farase a partir do 1 de outubro de cada ano.».
Artigo 32. Modificación do Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre
Modifícase o artigo 20 do Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 20. Duración da tempada
1. A tempada de verán comezará no primeiro día do período de Semana Santa, entendendo por tal o venres inmediatamente anterior á festividade do Venres Santo, e finalizará o 31 de outubro de cada ano natural, sen prexuízo do sinalado no artigo 15.
Dado o carácter temporal e desmontable dos servizos de tempada, a autorización outorgada determinará expresamente o compromiso das persoas solicitantes de desmontaren e retiraren as instalacións no prazo de quince días desde o remate da tempada.
2. En todo caso, os servizos de tempada poderán contar cunha autorización por un prazo máximo de catro anos, aínda que as instalacións deberán desmontarse unha vez rematada cada unha das tempadas incluídas nese prazo, segundo o disposto neste artigo.».
CAPÍTULO III
Educación
Artigo 33. Modificación da Lei 8/1987, do 25 de novembro, pola que se establece a gratuidade dos estudos de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos nos centros públicos e a autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia
A Lei 8/1987, do 25 de novembro, pola que se establece a gratuidade dos estudos de bacharelato, formación profesional e artes aplicadas e oficios artísticos nos centros públicos e a autonomía de xestión económica dos centros docentes públicos non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a numeración e o título da disposición adicional, que pasan a ter a seguinte redacción:
«Disposición adicional primeira. Modificación das taxas».
Dous. Engádese unha disposición adicional segunda, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional segunda. Autonomía de xestión económica do Centro Autonómico de Formación e Innovación e dos centros de formación e recursos
Ao Centro Autonómico de Formación e Innovación e aos centros de formación e recursos seralles aplicable o disposto nos artigos 9, no que se refire á autonomía na súa xestión económica, 10 e 12 desta lei.».
Artigo 34. Modificación da Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa
Engádese a disposición adicional oitava á Lei 4/2011, do 30 de xuño, de convivencia e participación da comunidade educativa, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional oitava. Oficina de Apoio ao Profesorado dos centros docentes públicos
A consellaría competente na materia de educación creará unha unidade administrativa con funcións de atención, asesoramento e apoio ao profesorado na súa condición de autoridade pública dos centros docentes públicos, cando se derivaren situacións de conflito de convivencia no exercicio das súas funcións docentes e en relación con outros membros da comunidade educativa.».
CAPÍTULO IV
Política social
Artigo 35. Modificación da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia
Engádese un número 3 ao artigo 100 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, coa seguinte redacción:
«3. As persoas traballadoras sociais da Xunta de Galicia, incluíndo as do sistema sanitario público e as das entidades locais, empregarán o sistema corporativo de historia social única electrónica para a remisión de informes sociais aplicables á xestión do caso. Así mesmo, quedan facultadas para o cumprimento e presentación da solicitude ou documentación posterior a través da sede electrónica cando medie unha autorización expresa da persoa solicitante ou da súa representante.».
Artigo 36. Modificación da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia
Modifícase o número 9 do artigo 42 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, que queda redactado como segue:
«9. Todos os proxectos de decreto serán remitidos, xunto cunha análise de impacto demográfico, ao órgano de dirección competente na materia de dinamización demográfica, para os efectos previstos no artigo 8 da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia. Esta análise non será necesaria no caso dos decretos previstos nas letras a) e b) do número 2 do artigo 43 nin noutros que sexan puramente organizativos.».
Artigo 37. Modificación da Lei 5/2021, do 2 de febreiro, de impulso demográfico de Galicia
Un. Modifícase o número 1 do artigo 8, que queda coa seguinte redacción:
«1. Nos procedementos de elaboración de proxectos de lei e de decretos, así como de documentos de planificación sectorial que tramite a Administración autonómica, deberase dar traslado do texto proxectado, xunto cunha análise do seu impacto demográfico, ao órgano de dirección con competencias na materia de dinamización demográfica. Concederáselle un prazo de dez días hábiles para a formulación, se é o caso, das observacións que considere procedentes nesta materia. Esta análise non será necesaria no caso dos decretos previstos nas letras a) e b) do número 2 do artigo 43 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico, e doutros que sexan puramente organizativos.».
Dous. Suprímese a disposición derradeira segunda, que queda sen contido.
CAPÍTULO V
Economía e industria
Artigo 38. Modificación da Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia
Modifícase a Lei 3/2008, do 23 de maio, de ordenación da minaría de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o número 4 do artigo 23, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Simultaneamente, abrirase un período de información pública que non será inferior a trinta días hábiles, logo do anuncio no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría con competencias na materia de minas.
Durante o prazo indicado, calquera persoa, entidade ou organismo afectado poderá presentar cantas alegacións estime oportunas.».
Dous. Engádese un número 5 ao artigo 23, coa seguinte redacción:
«5. Das alegacións e dos informes recibidos nos trámites de información pública e de consultas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daqueles no prazo máximo de quince días hábiles.».
Tres. Modifícase o número 3 do artigo 30, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. O titular dun permiso de investigación poderá continuar cos traballos autorizados polo período que dure a tramitación do expediente de prórroga dese permiso de investigación ou de outorgamento de concesión derivada prevista na lexislación mineira. Con todo, o órgano mineiro competente poderá acordar a paralización temporal dos traballos mediante unha resolución motivada, ata se resolver o expediente en tramitación.».
Catro. Créase a sección 1ª, dentro do capítulo 1 do título VI, que comprenderá os artigos do 46 ao 49, ambos incluídos, coa seguinte denominación:
«Sección 1ª. Réxime da inspección mineira».
Cinco. Modifícase o número 2 do artigo 46, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. A inspección das actividades incluídas no ámbito de aplicación desta lei, así como da normativa na materia de prevención de riscos laborais respecto das actividades que impliquen o emprego de técnica mineira, será realizada por funcionarios ou funcionarias que ocupen postos de traballo que teñan atribuído o exercicio das funcións de inspección e que estean adscritos a órganos administrativos con competencia para o control ou a inspección en materia mineira.
Tamén poderá colaborar coas funcións de inspección persoal das entidades colaboradoras da Administración no ámbito da seguridade mineira debidamente acreditadas para a realización de actividades de ensaio, certificación, inspección ou auditoría no ámbito da seguridade mineira. Esta colaboración poderá consistir en efectuar unha visita total ou parcial acompañado, en todo caso, de persoal funcionario facultativo de minas. Así mesmo, poderase recorrer ao apoio de entidades de colaboración ambiental reguladas no Decreto 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crean o Rexistro de Entidades de Colaboración Ambiental da Comunidade Autónoma de Galicia e o Banco de persoas expertas en avaliación ambiental, para o caso dos traballos correspondentes ao seguimento das declaracións ambientais.
A consellaría poderá acudir á colaboración destas entidades sempre que a acumulación de tarefas, a carencia de medios ou outra circunstancia extraordinaria impidan ou dificulten a atención das atribucións e funcións administrativas na súa integridade coa debida garantía e satisfacción dos principios de eficacia, eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos, racionalización e axilidade dos procedementos administrativos e das actividades materiais de xestión, servizo efectivo aos cidadáns e responsabilidade pola xestión pública, previstos na lexislación de réxime xurídico do sector público.
O recurso a estas entidades non poderá supoñer a externalización íntegra das funcións administrativas afectadas. Esta exixencia non se entenderá respectada polo simple feito de que a consellaría se limite a ditar a correspondente resolución administrativa sobre a base exclusiva das actuacións practicadas por esas entidades.».
Seis. Engádese a sección 2ª, dentro do capítulo I do título VI, coa seguinte redacción:
«Sección 2ª. Plans de inspección de seguridade mineira e seguimento ambiental
Artigo 49 bis. Plans de inspección
1. A consellaría competente na materia de minas elaborará e aprobará plans de inspección das actividades mineiras incluídas no ámbito de aplicación desta lei. A función inspectora será realizada directamente polo persoal funcionario da citada consellaría, para o que poderá contar coa colaboración das entidades colaboradoras da Administración no ámbito da seguridade mineira ás que fai referencia o artigo 46.2 desta lei.
2. Os plans de inspección realizados ao amparo do disposto neste capítulo serán os instrumentos directores para conseguir un coñecemento exhaustivo das actividades, establecementos, produtos ou instalacións mineiras canto á súa posta en funcionamento e condicións de servizo, así como ao cumprimento das declaracións ambientais e dos requisitos regulamentarios e de seguridade mineira e industrial.
No caso de explotacións mineiras que, pola súa antigüidade ou características, non conten con declaración ambiental, poderán ser obxecto das previsións recollidas nos plans de inspección. De igual forma, se durante a súa inspección se apreciar algunha posible infracción con repercusión no medio ambiente, darase traslado das actuacións ao órgano competente por razón da materia para que actúe de acordo coa lexislación ambiental aplicable.
Artigo 49 ter. Contido dos plans de inspección
1. Os plans de inspección da seguridade mineira e do seguimento ambiental estruturaranse en programas específicos, definidos polo seu alcance e contido. Para o ámbito da seguridade mineira a administración competente en materia mineira realizará a supervisión, inspección e control das distintas actividades que se determinen en función das necesidades que se formulen, para o que poderá contar coa colaboración das entidades colaboradoras da Administración no ámbito da seguridade mineira, nos termos do artigo 46.2. A través deles comprobarase a adecuación da posta en funcionamento e as condicións de servizo ao cumprimento dos requisitos regulamentarios e de seguridade mineira e industrial, incluídos os relativos ás normas básicas de seguridade mineira, que lles sexan aplicables. Para o ámbito do seguimento das declaracións ambientais, a Administración competente en materia mineira e en seguimento ambiental realizará a supervisión, inspección e control das distintas actividades directamente. Poderán ser asistidos por entidades de colaboración ambiental na realización material das comprobacións destinadas a verificar o condicionado das declaracións ambientais.
2. Os plans de inspección da seguridade mineira e seguimento ambiental recollerán, como mínimo, os seguintes contidos:
a) O obxecto do plan de inspección e os obxectivos que se pretenden con cada programa.
b) As tipoloxías de explotacións, establecementos de beneficio, instalacións, equipos ou recursos que se deben incluír en cada programa de inspección.
c) A dotación de medios persoais e materiais que se destinarán ao desenvolvemento de cada programa de inspección.
d) Os indicadores de resultados.
e) A vixencia.
3. Os programas específicos de inspección recollerán, como mínimo, os seguintes contidos:
a) O tipo de dereitos mineiros e/ou establecementos suxeitos á inspección.
b) O número de dereitos e/ou establecementos que deberán ser inspeccionados.
c) Os criterios básicos e os aspectos de seguridade recollidos no Regulamento xeral de normas de seguridade mineira nos que se centrará a inspección.
d) A duración temporal.
e) Se for o caso, as actuacións de inspección que poderán realizar as entidades colaboradoras da Administración no ámbito da seguridade mineira nos termos do artigo 46.2.
4. En todo caso, un dos programas específicos de inspección estará centrado especificamente na vixilancia do cumprimento das declaracións ambientais de dereitos mineiros.
Artigo 49 quater. Execución e desenvolvemento
1. A consellaría competente na materia de minas efectuará a selección de dereitos e establecementos mineiros obxecto dos plans e programas de inspección.
2. Como consecuencia do anterior, os órganos competentes da citada consellaría ordenarán as actuacións de supervisión e control dos dereitos e establecementos seleccionados e incoarán os expedientes sancionadores que procedan nos supostos de incumprimento de requisitos regulamentarios exixidos ás explotacións, autorizacións, permisos e establecementos mineiros inspeccionados.
3. Despois de finalizar cada programa de inspección, a consellaría competente na materia de minas elaborará un informe final onde se recollerán os datos, os resultados e os incidentes máis significativos para cada programa.
Artigo 49 quinquies. Periodicidade
1. A consellaría competente na materia de minas determinará a periodicidade dos plans e dos programas de inspección en función das necesidades que se manifesten.
2. En calquera caso, a consellaría competente na materia de minas deberá, como mínimo cada dous anos, aprobar novos plans de inspección ou prorrogar a vixencia dos xa aprobados tras un procedemento previo de revisión e actualización dos seus contidos.».
Artigo 39. Modificación do Decreto lexislativo 1/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial
Modifícase o Decreto lexislativo 1/2015, de 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da comunidade Autónoma de Galicia en materia de política industrial, do seguinte xeito:
Un. Engádese unha letra c) ao artigo 68, coa seguinte redacción:
«c) Os proxectos de interese autonómico de carácter industrial, tramitados de conformidade coa Lei 1/2021, do 8 de xaneiro. A súa inclusión no Plan de impulso e aceleración de proxectos industriais efectuarase de oficio, unha vez declarados de interese autonómico, e unicamente para os efectos previstos no artigo 71.».
Dous. Engádese un novo número 4 bis ao artigo 80, coa seguinte redacción:
«4 bis. Cando a implantación do proxecto supoña o cambio de clasificación de terreos que, de acordo coa lexislación urbanística, tivesen a cualificación de solo rústico previamente á aprobación do proxecto industrial estratéxico, o órgano substantivo solicitará un informe favorable do órgano sectorial competente na materia de protección do solo rústico que corresponda, cando se trate de solo rústico de especial protección, ou, de ser o caso, da consellaría competente na materia de medio rural, cando se trate de solo rústico de protección ordinaria. Nestes casos, a asignación de usos pormenorizados, tipoloxías edificatorias e niveis de intensidade recollidos no proxecto deberá cumprir as condicións e os estándares urbanísticos que establece a lexislación do solo de Galicia para o solo urbanizable.».
Tres. Modifícase o artigo 89, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 89. Relación cos instrumentos previstos na lexislación de ordenación do territorio
1. Sen prexuízo da regulación específica dos proxectos industriais estratéxicos prevista neste capítulo para a implantación das iniciativas empresariais que cumpran os requisitos establecidos nel, a Administración autonómica ou as persoas promotoras, cando se permita a súa promoción e desenvolvemento por iniciativa privada, poderán alternativamente acollerse, para o desenvolvemento das iniciativas empresariais, aos instrumentos de ordenación do territorio previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, cando cumpran os requisitos establecidos nela e con suxeición ao establecido na indicada lexislación.
2. Os proxectos industriais estratéxicos poderanse implantar nos ámbitos territoriais delimitados polos plans sectoriais e os proxectos de interese autonómico vixentes previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia. Excepcionalmente, permitirase que os proxectos industriais estratéxicos non se axusten aos parámetros urbanísticos establecidos neses instrumentos, sempre que exista un informe favorable da consellaría que teña as competencias para a súa tramitación.
3. No suposto de se declarar un proxecto industrial estratéxico nun ámbito en que está en tramitación un instrumento de ordenación territorial para o desenvolvemento de solo empresarial ou un proxecto de interese autonómico de carácter industrial, aplicaránselle á tramitación do citado instrumento os efectos previstos no artigo 102.2 deste texto refundido. Igualmente, aplicarase a tramitación prevista nos artigos 104, 105 e 106 para a aprobación do proxecto de urbanización do instrumento de ordenación territorial.».
Catro. Engádese unha letra d) ao número 2 do artigo 97, coa seguinte redacción:
«d) Documento comprensivo das obras de urbanización nos termos indicados no artigo 104, así como a documentación ambiental que proceda segundo o establecido nos artigos 105 e 106.».
Cinco. Modifícase o número 3 do artigo 101, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. O trámite de audiencia regulado no artigo 42.2 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, será por un prazo máximo de quince días, durante os cales os concellos poderán valorar os intereses municipais afectados e manifestar a súa conformidade ou non co proxecto de interese autonómico.».
Seis. Modifícase o artigo 104, que queda redactado como segue:
«Artigo 104. Execución das obras de urbanización
1. O órgano competente para a aprobación dos proxectos de urbanización será a persoa titular da dirección xeral competente na materia de solo empresarial.
2. O contido dos proxectos de urbanización será o establecido na normativa urbanística.
3. Os procedementos de aprobación dos proxectos de urbanización serán os previstos nos dous artigos seguintes, segundo corresponda, en función da preceptiva avaliación ambiental simplificada ou ordinaria, de acordo co establecido na lexislación básica estatal en materia ambiental.».
Sete. Engádese o artigo 105, coa seguinte redacción:
«Artigo 105. Procedemento de aprobación dos proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria
1. Os proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental ordinaria serán tramitados e aprobados polo procedemento de avaliación de impacto ambiental ordinaria previsto na lexislación básica estatal na materia de avaliación ambiental, con aplicación das disposicións que correspondan do capítulo II do título III da Lei 9/2021, do 25 de febreiro.
2. Para os efectos do previsto no número anterior, xunto co proxecto de urbanización achegarase o estudo de impacto ambiental. De ser o caso, a persoa titular da dirección xeral competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días desde a presentación da documentación completa, aprobará inicialmente o proxecto de urbanización e someterao a información pública polo prazo de trinta días hábiles, mediante a publicación no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.
3. Simultaneamente ao trámite de información pública, realizaranse as consultas ás administracións públicas e ás persoas interesadas. En todo caso, darase audiencia ao concello ou concellos que resulten afectados e solicitaranse as autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos. Transcorrido o prazo de vinte días hábiles sen se comunicaren os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable, sen que esta previsión afecte, en ningún caso, o previsto con carácter básico polo artigo 40 da Lei 21/2013, do 9 de decembro, de avaliación ambiental.
4. Finalizada a tramitación ambiental, o órgano de dirección competente na materia de solo empresarial requirirá á persoa promotora que presente o proxecto de urbanización adaptado á declaración de impacto ambiental no prazo máximo de quince días.
5. De ser o caso, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días desde a presentación do proxecto de urbanización adaptado á declaración de impacto ambiental, aprobará definitivamente o proxecto de urbanización.».
Oito. Engádese o artigo 106, coa seguinte redacción:
«Artigo 106. Procedemento de aprobación dos proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental simplificada
1. Os proxectos de urbanización sometidos a avaliación de impacto ambiental simplificada serán presentados pola persoa promotora xunto coa solicitude de inicio da avaliación ambiental e o documento ambiental.
2. Finalizada a tramitación ambiental, o órgano de dirección competente na materia de solo empresarial requirirá á persoa promotora que presente o proxecto de urbanización adaptado ao informe de impacto ambiental no prazo máximo de quince días.
3. De ser o caso, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días desde a presentación do proxecto de urbanización adaptado ao informe de impacto ambiental, aprobará inicialmente o proxecto de urbanización e someterao a información pública polo prazo de trinta días hábiles, mediante publicación no Diario Oficial de Galicia e no Portal de transparencia e goberno aberto da Xunta de Galicia.
4. Simultaneamente ao trámite de información pública, darase audiencia ao concello ou concellos que resulten afectados e solicitaranse as autorizacións e os informes sectoriais que sexan preceptivos. Logo de transcorrer o prazo de vinte días hábiles sen se comunicaren os informes autonómicos e municipais solicitados, entenderanse emitidos con carácter favorable.
5. Á vista do resultado do trámite de información pública e de audiencia, así como das autorizacións e dos informes emitidos, o órgano de dirección competente na materia de solo empresarial requirirá á persoa promotora que introduza as modificacións que procedan no documento e elabore a proposta final deste no prazo máximo de quince días.
6. Completados os trámites dos números anteriores, a persoa titular do órgano de dirección competente na materia de solo empresarial, no prazo máximo de quince días hábiles, aprobará definitivamente o proxecto de urbanización.».
Nove. Engádese a disposición adicional décima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décima. Proxectos estratéxicos de cero emisións netas
Aqueles proxectos aos que se lles recoñeza a condición de proxecto estratéxico de cero emisións netas, de conformidade co establecido no Regulamento (UE) 2024/1735 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño de 2024, polo que se establece un marco de medidas para reforzar o ecosistema europeo de fabricación de tecnoloxías de cero emisións netas e se modifica o Regulamento (UE) 2018/1724, e coa normativa de ámbito nacional correspondente a esta materia, poderán tramitarse, á opción das persoas promotoras destes, consonte o disposto no capítulo III do título III deste texto refundido para os proxectos industriais estratéxicos, agás que, polas propias características do proxecto, exista un procedemento administrativo alternativo que permita obter a súa aprobación nun prazo inferior.».
Dez. Engádese a disposición adicional décimo primeira, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo primeira. Garantías procedementais aplicables aos proxectos industriais estratéxicos
1. Coa finalidade de dotar da maior garantía xurídica o procedemento, así como de dar cumprimento aos principios de eficacia, economía e celeridade na actuación da Administración pública, o órgano competente na tramitación dos proxectos industriais estratéxicos habilitará, mediante resolución, un modelo específico de presentación de solicitudes de recoñecemento de persoa interesada nos proxectos industriais estratéxicos, que será de uso obrigatorio de conformidade co previsto no artigo 66.6 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Para garantir a confidencialidade dos datos de carácter persoal, así como, se for o caso, a debida acreditación da representación, cada solicitude de recoñecemento como persoa interesada deberá ser individualizada.
Xunto coa solicitude deberá achegarse a documentación que acredite o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa vixente para o devandito recoñecemento. Así mesmo, no suposto de que a solicitude se formule en representación doutra persoa, deberá achegarse a documentación que acredite a representación fidedigna por calquera medio válido en dereito.
Se a solicitude non reunir os requisitos exixidos, requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, será tido por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Para lles simplificar e lles facilitar ás persoas físicas e xurídicas que desexen participar no proceso de información pública a presentación das súas alegacións, o órgano competente na tramitación dos proxectos industriais estratéxicos habilitará, mediante unha resolución, un modelo específico de presentación de alegacións aos proxectos industriais estratéxicos durante o trámite de información pública previsto no artigo 80.3 deste decreto.
Rematado o prazo de información pública e de consultas ás administracións públicas afectadas, a consellaría competente na materia de industria remitirá á persoa promotora os informes e alegacións recibidos para a súa consideración na redacción, de ser o caso, da nova versión do proxecto e do estudo de impacto ambiental.
De conformidade co disposto no artigo 83 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, a comparecencia no trámite de información pública non outorga, por si mesma, a condición de persoa interesada. Polo tanto, as persoas alegantes que desexen solicitar a condición de persoa interesada no procedemento deberán realizar a súa solicitude mediante o modelo específico previsto no apartado primeiro deste artigo. Non será posible solicitar o recoñecemento como persoa interesada no escrito de alegacións.».
Artigo 40. Modificación da Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia
Modifícase a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia, do seguinte xeito:
Un. Engádese unha sección 3ª ao capítulo I do título III, coa seguinte redacción:
«Sección 3ª. Unidade de mercado na tramitación autonómica
Artigo 28 bis. Promoción da unidade de mercado
A Xunta de Galicia promoverá a aplicación dos principios do mercado aberto na elaboración de anteproxectos de lei e de normas regulamentarias para evitar a introdución de restricións inxustificadas na actividade económica e estimular a libre circulación e o establecemento dos operadores económicos e a libre circulación de bens e servizos por todo o territorio español.».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 47, que queda redactado como segue:
«1. A unidade responsable da tramitación someterá a información pública, durante o prazo de trinta días, de forma simultánea, o proxecto de execución, o estudo de impacto ambiental, no caso de avaliación ambiental ordinaria, e, se é o caso, o proxecto sectorial, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web da consellaría competente na materia de enerxía.
No caso de avaliación ambiental simplificada, o promotor poderá solicitar a tramitación simultánea da avaliación ambiental e do procedemento de autorización.
No caso de se solicitar a declaración de utilidade pública, realizarase de forma simultánea o trámite de información pública mediante a publicación nun dos xornais de maior circulación de cada unha das provincias afectadas.
Durante o prazo indicado, calquera persoa, entidade ou organismo interesado poderá presentar cantas alegacións estime oportunas ou solicitar o exame do expediente e da documentación técnica ou da parte desta que se acorde. Das alegacións presentadas darase traslado á persoa solicitante, para que esta formule a contestación ao contido daquelas e o comunique á unidade tramitadora no prazo máximo de quince días.».
Artigo 41. Modificación da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia
Modifícase a Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, do seguinte xeito:
Un. Modifícase a letra e) do artigo 11, que pasa a ter a seguinte redacción:
«e) A delimitación dos ámbitos territoriais onde se localicen as áreas de solo empresarial, que, en xeral, se desenvolverán a través de plans estruturantes de ordenación de solo empresarial ou de proxectos de interese autonómico, así como as directrices para a redacción destes instrumentos.
O Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia poderá establecer a ordenación detallada, a clasificación e a categorización dalgún dos ámbitos delimitados. Neste suposto, para estes ámbitos, nos casos en que se prevexan actuacións de promoción pública e sempre que a ordenación estea suficientemente detallada, incluíndo a transformación urbanística do solo con destino a solo empresarial, incluída a urbanización complementaria que necesiten os terreos, o plan sectorial terá o contido e os efectos dos plans estruturantes de ordenación do solo empresarial, consonte o artigo 33 e a sección IV do capítulo III do presente título, e poderá desenvolverse directamente por un proxecto de desenvolvemento e urbanización ou, se for o caso, por un proxecto de urbanización, sen necesidade de aprobar nese ámbito un plan estruturante de ordenación do solo empresarial.».
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 24, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. A aprobación do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia non implica a modificación da clasificación urbanística dos terreos incluídos nos ámbitos das áreas empresariais delimitados nel, agás no suposto previsto no segundo parágrafo da letra e) do artigo 11. Neste último caso, o plan sectorial terá os efectos previstos na sección IV do capítulo III do presente título.».
Tres. Engádese un número 6 ao artigo 24, coa seguinte redacción:
«6. Antes da obtención de título habilitante de natureza urbanística ou autorización autonómica, nos casos en que esta for preceptiva, para calquera uso do solo ou actividade que pretenda implantarse nos terreos incluídos dentro dos ámbitos delimitados polo Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia que se atopen sen desenvolver, será necesario obter un informe favorable do órgano de dirección con competencia en solo empresarial.
Poderá autorizarse a implantación de proxectos industriais estratéxicos dentro dos ámbitos do Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia cando estea suficientemente xustificada a idoneidade da localización do proxecto industrial estratéxico e a súa implantación no ámbito previsto no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia non inviabilice o seu futuro desenvolvemento.».
Catro. Modifícase a letra c) do número 4 do artigo 26, que pasa a ter a seguinte redacción:
«c) A eliminación total ou parcial dos ámbitos delimitados, sempre que a superficie eliminada de maneira acumulada supoña menos dun 20 % da superficie total das áreas empresariais incluídas no plan.
Cando se propoña a eliminación de ámbitos do plan, a consellaría competente na materia de solo empresarial solicitará un informe, que terá carácter preceptivo e non vinculante, ao concello ou concellos en que se sitúa a área, ou parte desta, que se pretende eliminar, que deberá emitirse no prazo máximo de dez días hábiles. Igualmente, someterase a información pública a citada eliminación e darase audiencia ao promotor previsto no plan sectorial.».
Cinco. Modifícase o número 1 do artigo 30, que queda redactado como segue:
«1. O desenvolvemento das actuacións de solo empresarial previstas no Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia realizarase a través de plans estruturantes de ordenación do solo empresarial cando as devanditas actuacións sexan de promoción pública. Exceptúanse desta obrigatoriedade as actuacións cuxo plan sectorial conteña a ordenación detallada, a clasificación e a categorización a que se refire o parágrafo segundo do artigo 11.e), cuxo desenvolvemento poderá realizarse directamente por un proxecto de desenvolvemento e urbanización ou, se for o caso, por un proxecto de urbanización, de conformidade co disposto no título III.».
Seis. Engádese un número 3 ao artigo 47, coa seguinte redacción:
«3. Nos ámbitos en que o Plan sectorial de ordenación de áreas empresariais de Galicia conteña a ordenación detallada a que se refire o parágrafo segundo do artigo 11.e), o seu desenvolvemento e execución requirirá da aprobación dun proxecto de desenvolvemento e urbanización ou, se é o caso, dun proxecto de urbanización, nos termos previstos nas letras a) e b) do número anterior.».
Sete. Engádese o artigo 77 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 77 bis. Comercialización de inmobles destinados a solo empresarial e parcelas de titularidade da Sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A.
1. A Sociedade Xestión do Solo de Galicia-Xestur, S.A., de acordo coa súa finalidade de promoción do solo empresarial, realizará a xestión do seu patrimonio coa finalidade de lograr unha comercialización eficiente dos inmobles destinados a solo empresarial e das parcelas da súa titularidade, mediante o seu alleamento ou disposición con suxeición ao dereito privado e atendendo ao valor de mercado dos bens.
2. Para estes efectos, poderá optar discrecionalmente, aplicando criterios de xestión patrimonial que así o aconsellen, por dispoñer, allear ou constituír dereitos reais sobre os inmobles e parcelas; en particular, polas modalidades establecidas neste artigo, sen prexuízo doutras modalidades adecuadas que, en atención ás condicións do mercado inmobiliario e á estratexia da sociedade pública, adopte en cada momento o seu consello de administración.
3. Poderán utilizarse procedementos de licitación pública para a posta no mercado dos bens cando así o decida o consello de administración, en particular cando poida presumirse, pola natureza e as características deles ou porque se trata da súa primeira comercialización, que existe un interese comercial e a posibilidade da presentación competitiva de ofertas.
En casos xustificados poderán terse en conta, ademais do prezo, outros criterios de adxudicación; en particular, coa finalidade de promover a ocupación das parcelas con actividades empresariais que, pola súa importancia, natureza ou interacción con outras, fomenten a actividade e ocupación do resto do parque empresarial.
4. Así mesmo, a sociedade pública poderá optar discrecionalmente, aplicando criterios de xestión patrimonial que así o aconsellen, por proceder ao alleamento das parcelas e inmobles mediante a adxudicación directa. En particular, entre outros supostos, poderá optar por esta modalidade de venda nos seguintes casos:
a) Proxectos empresariais singulares establecidos no artigo 75.
b) Proxectos industriais estratéxicos a que se refire a disposición adicional sétima.
c) Os supostos en que quede deserto un procedemento de licitación anterior, ou nos que non chegue a termo por non se poder formalizar o contrato por unha causa imputable ao adxudicatario ou adxudicataria.
d) Operacións de permuta de solo.
e) Cando as parcelas se adxudiquen a favor de organismos ou entidades públicas, así como a favor de fundacións públicas autonómicas, ou a empresas participadas pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou outra entidade do seu sector público autonómico.
f) Cando as parcelas fosen reservadas nun procedemento de consulta de interese de carácter vinculante baixo as condicións fixadas nos pregos de cláusulas xerais aprobadas polo consello de administración da sociedade pública.
g) Cando as parcelas proveñan de compromisos recollidos en escritura pública no momento de compravenda de parcelas de fases ou polígonos anteriores e sexan necesarias para a expansión do adxudicatario ou adxudicataria destas.
h) Cando as parcelas obxecto de adxudicación sexan lindeiras con outras propiedades do adxudicatario ou da adxudicataria e sexan necesarias para a expansión da súa actividade empresarial, sempre que o ou a solicitante acredite suficientemente a súa necesidade de expansión.
5. O consello de administración da sociedade pública poderá discrecionalmente aprobar modalidades de oferta permanente ou periódica de determinados inmobles e parcelas, especialmente daqueles que xa fosen ofertados nunha licitación e que non se vendesen, ou aqueles nos que, atendendo ao tempo transcorrido ou a outras circunstancias, poida presumirse que non existe un interese comercial competitivo. Nestes casos, darase publicidade suficiente á posibilidade de adquisición destes bens, indicando as condicións de adquisición.
6. O consello de administración da sociedade pública poderá aprobar criterios especiais de liquidación de bens cuxa conservación no seu patrimonio non sexa eficiente nin rendible ou se considere de carácter antieconómico, atendendo aos seus custos de xestión e mantemento por todos os conceptos e, en especial, aqueles que permanecesen sen vender durante un período de tempo superior a oito anos ou aqueles que non sexan aptos para o cumprimento dos seus fins sociais, como predios rústicos, non aptos para urbanizar, ou aqueles que non teñan utilidade comercial. Nestes casos poderán aprobarse condicións de taxación e venda especiais, que teñan en conta as circunstancias indicadas e, en especial, o custo de mantemento, e proceder ao seu alleamento de forma directa, ofertando os bens a posibles interesados ou interesadas, especialmente aos lindeiros. Tal aprobación realizarase tendo en conta o cumprimento das regras fiscais definidas na Lei orgánica 2/2012, do 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira.
7. Nos actos de disposición de parcelas en áreas empresariais da sociedade pública poderán establecerse limitacións para impedir o acaparamento e ofertas puramente especulativas, como o sometemento da venda á condición resolutoria da edificación do inmoble, de acordo co planeamento aplicable, e a posta en marcha da actividade en determinado período de tempo, así como cláusulas penais ou garantías en relación con estas cuestións. O prazo estipulado, así como os criterios para a concesión da súa prórroga por causas xustificadas, poderán variar en función das características da actividade prevista, da área en que se implanta, así como da demanda de solo empresarial por parte doutras empresas na zona.
A sociedade pública terá en conta o incumprimento das condicións da venda, sen prexuízo da posibilidade de exercer as accións xudiciais pertinentes para o exercicio da condución resolutoria, para os efectos da exclusión do propietario noutros procedementos de venda de solo empresarial.».
Oito. Engádese a disposición transitoria novena, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria novena. Medidas excepcionais e temporais dirixidas á creación de solo empresarial
1. Co obxecto de favorecer a implantación de iniciativas empresariais e a creación de solo empresarial, como medida temporal e extraordinaria, habilítase a posibilidade de que os plans estruturantes de ordenación do solo empresarial regulados no artigo 31 desta lei sexan promovidos por entidades do sector público estatal, sempre que sexa declarado previamente o interese autonómico da actuación polo Consello da Xunta de Galicia, logo da solicitude xustificada por parte da entidade interesada en desenvolver o instrumento.
2. Para a declaración do interese autonómico previsto no número anterior terase en conta, entre outros aspectos, a idoneidade da localización, a demanda de solo empresarial na zona, así como a capacidade da entidade para promover o solo empresarial.
3. Así mesmo, aplicarase a tramitación de urxencia e, por tanto, reduciranse á metade os prazos de tramitación do plan sectorial de áreas empresariais, estruturantes de ordenación de solo empresarial, así como dos instrumentos a que se refire o apartado 1 do artigo 47.
O establecido no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido na normativa básica estatal, así como para a presentación de solicitudes e de recursos.
4. Estas medidas temporais e excepcionais serán aplicables ata o 31 de decembro de 2029.».
CAPÍTULO VI
Emprego público
Artigo 42. Modificación da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia
Modifícase a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o artigo 9, que queda redactado como segue:
«Artigo 9. Persoal laboral
O persoal laboral ao servizo das administracións públicas incluídas no ámbito de aplicación desta lei réxese, ademais de pola lexislación laboral e polas normas convencionalmente aplicables, polos preceptos desta lei que así o dispoñan.
Con todo, na materia de permisos por nacemento, adopción, da persoa proxenitora diferente da nai biolóxica, de lactación e parental, o persoal laboral ao servizo das administracións públicas rexerase polo previsto nesta lei. Por tanto, non serán aplicables a este persoal as previsións da lexislación laboral sobre as suspensións dos contratos de traballo que, se for o caso, corresponderían polos mesmos supostos de feito.».
Dous. Suprímense o número 2 e a letra f) do número 3 do artigo 24, que quedan sen contido.
Tres. Modifícase a letra e) do artigo 60, que queda coa seguinte redacción:
«e) Toma de posesión dentro do prazo dun mes a partir da publicación do nomeamento ou dentro do prazo previsto na correspondente convocatoria do proceso selectivo.».
Catro. Engádese un número 3 ao artigo 117, coa seguinte redacción:
«3. O persoal funcionario ten dereito a se ausentar do posto de traballo polo tempo indispensable para a realización dos actos preparatorios da doazón de órganos ou tecidos, sempre que deban ter lugar dentro da xornada de traballo.».
Cinco. Modifícase o artigo 121, que queda redactado como segue:
«Artigo 121. Permiso por nacemento para a nai biolóxica
1. Nos casos de parto, a nai funcionaria ten dereito a un permiso retribuído de vinte e dúas semanas. No suposto de familia monoparental, por existir unha única persoa proxenitora, o permiso será de trinta e dúas semanas.
2. A duración do permiso previsto neste artigo ampliarase nos casos e polos períodos que a continuación se determinan:
a) Discapacidade do fillo ou filla, dúas semanas máis, unha para cada unha das persoas proxenitoras.
b) Partos múltiples, dúas semanas máis por cada fillo ou filla a partir do segundo, unha para cada unha das persoas proxenitoras.
c) Partos prematuros e aqueles nos que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, tantos días como o neonato se atope hospitalizado, ata un máximo de trece semanas adicionais.
3. O permiso polo coidado de menor distribúese do seguinte xeito:
1º. Seis semanas ininterrompidas inmediatamente posteriores ao parto serán obrigatorias e deberán gozarse a xornada completa.
2º. Catorce semanas, que serán vinte e dúas no caso de familia monoparental, que poderán distribuírse, á vontade da nai, en períodos semanais para gozar de forma acumulada ou interrompida e exercitarse desde a finalización do descanso obrigatorio posterior ao parto ata que o fillo ou a filla faga doce meses.
3º. Dúas semanas, que serán catro no caso de familia monoparental, para o coidado de menor, que poderán distribuírse, á vontade da nai, en períodos semanais de forma acumulada ou interrompida ata que o fillo ou a filla faga os oito anos.
4. Este permiso constitúe un dereito individual da nai biolóxica, sen que poida transferirse o seu exercicio.
5. O permiso previsto nos supostos 2º e 3º do número 3 deste artigo poderá gozarse a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen, conforme as regras establecidas neste artigo.
No caso do gozo interrompido do permiso requirirase, para cada período de gozo, un preaviso de polo menos quince días e realizarase por semanas completas.
No caso das semanas a que se refire o suposto 3º, cando concorran en ambas as persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, pola mesma persoa e feito causante, e o período solicitado altere seriamente o correcto funcionamento da unidade da administración na que ambas presten servizos, esta poderá aprazar a concesión do permiso por un período razoable, xustificándoo por escrito e despois de ofrecer unha alternativa de gozo máis flexible.
6. Nos casos de falecemento da nai, o exercicio do dereito ao permiso previsto neste artigo corresponderá á outra persoa proxenitora. Descontarase, de ser o caso, o período de duración do permiso consumido pola nai falecida.
7. No suposto de falecemento do fillo ou filla, o período de duración do permiso non se verá reducido, salvo que, unha vez finalizadas as seis semanas de descanso obrigatorio, se solicite a reincorporación ao posto de traballo.
8. Durante o gozo deste permiso, unha vez finalizado o período de descanso obrigatorio, poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
9. Para os efectos do disposto neste artigo, o termo de «nai» inclúe tamén as persoas trans xestantes.».
Seis. Modifícase o artigo 122 do seguinte xeito:
«Artigo 122. Permiso por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento
1. Nos casos de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, o persoal funcionario ten dereito a un permiso retribuído de vinte e dúas semanas.
No suposto de familia monoparental, por existir unha única persoa proxenitora, o permiso será de trinta e dúas semanas.
2. A duración do permiso previsto neste artigo ampliarase nos casos e polos períodos que a continuación se determinan:
a) Discapacidade da menor adoptada ou acollida, dúas semanas máis, unha para cada unha das persoas proxenitoras.
b) Adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiple, dúas semanas máis por cada menor adoptada ou acollida a partir da segunda, unha para cada unha das persoas proxenitoras.
3. O permiso de cada unha das persoas proxenitoras polo coidado de menor distribúese da seguinte maneira:
1º. Seis semanas ininterrompidas inmediatamente posteriores á resolución xudicial pola que se constitúe a adopción, ou ben á decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento, serán obrigatorias e deberán gozarse a xornada completa.
2º. Catorce semanas, que serán vinte e dúas no caso de familia monoparental, que poderán distribuírse, á vontade daquelas, en períodos semanais para gozar de forma acumulada ou interrompida e exercitarse desde a finalización do descanso obrigatorio posterior ao feito causante dentro dos doce meses, contados, ou ben desde o nacemento do fillo ou filla, ou ben desde a resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ou ben desde a decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento.
3º. Dúas semanas, que serán catro no caso de familia monoparental, para o coidado de menor, que poderán distribuírse, á vontade daquelas, en períodos semanais de forma acumulada ou interrompida ata que o fillo ou a filla faga os oito anos.
En ningún caso un mesmo ou unha mesma menor poderá dar dereito a varios períodos de gozo deste permiso.
4. Este permiso constitúe un dereito individual das persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, homes ou mulleres, sen que poida transferirse o seu exercicio.
5. O permiso previsto nos supostos 2º e 3º do número 3 poderá gozarse a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan, e nos termos que regulamentariamente se determinen, conforme as regras establecidas neste artigo. No caso do gozo interrompido do permiso requirirase, para cada período de gozo, un preaviso de polo menos quince días e realizarase por semanas completas.
No caso das semanas a que se refire o suposto 3º, cando concorran en ambas as persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, pola mesma persoa e feito causante, e o período solicitado altere seriamente o correcto funcionamento da unidade da administración na que ambas presten servizos, esta poderá aprazar a concesión do permiso por un período razoable, xustificándoo por escrito e despois de ofrecer unha alternativa de gozo máis flexible.
6. Durante o gozo do permiso previsto neste artigo, unha vez finalizado o período de descanso obrigatorio, o persoal funcionario poderá participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
7. Os supostos de adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, tanto preadoptivo como permanente ou simple, recollidos neste artigo son os que así se establezan na normativa aplicable na Comunidade Autónoma de Galicia. O acollemento simple deberá ter unha duración non inferior a un ano.
8. O persoal funcionario terá dereito ao permiso polo tempo indispensable para a asistencia ás preceptivas sesións de información e preparación e para a realización dos preceptivos informes psicolóxicos e sociais previos á declaración de idoneidade que deban realizarse dentro da xornada de traballo.».
Sete. Modifícase o artigo 124, que queda redactado como segue:
«Artigo 124. Permiso do proxenitor diferente da nai biolóxica por nacemento, garda con fins de adopción, acollemento ou adopción dun fillo ou filla
1. Nos casos de nacemento, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción dun fillo ou filla, o persoal funcionario que non estea a gozar do permiso por parto, acollemento, garda con fins de adopción ou adopción previsto nesta lei ten dereito a un permiso retribuído de dezanove semanas.
No suposto de familia monoparental, por existir unha única persoa proxenitora, o permiso será de trinta e dúas semanas.
Este permiso ampliarase en dúas semanas máis, unha para cada unha das persoas proxenitoras, no suposto de discapacidade do fillo ou filla, e por cada fillo ou filla a partir do segundo nos supostos de nacemento, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento múltiples, para gozar a partir da data do nacemento ou da decisión administrativa de acollemento ou de garda con fins de adopción ou da resolución xudicial pola que se constitúa a adopción.
Nos casos de parto prematuro e naqueles en que, por calquera outra causa, o neonato deba permanecer hospitalizado a continuación do parto, este permiso ampliarase en tantos días como o neonato se atope hospitalizado, cun máximo de trece semanas adicionais.
No suposto de falecemento do fillo ou filla, o período de duración do permiso non se verá reducido, salvo que, unha vez finalizadas as seis semanas de descanso obrigatorio, se solicite a reincorporación ao posto de traballo.
Durante o gozo deste permiso, transcorridas as seis primeiras semanas ininterrompidas e inmediatamente posteriores á data do nacemento, poderase participar nos cursos de formación que convoque a Administración.
2. O permiso de cada unha das persoas proxenitoras polo coidado de menor distribúese da seguinte maneira:
1º. Seis semanas ininterrompidas inmediatamente posteriores á resolución xudicial pola que se constitúe a adopción, ou ben á decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento, serán obrigatorias e deberán gozarse a xornada completa.
2º. Once semanas, que serán vinte e dúas no caso de familia monoparental, que poderán distribuírse, á vontade daquelas, en períodos semanais para gozar de forma acumulada ou interrompida e exercitarse desde a finalización do descanso obrigatorio posterior ao feito causante dentro dos doce meses, contados ou ben desde o nacemento do fillo ou filla, ou ben desde a resolución xudicial pola que se constitúe a adopción ou ben desde a decisión administrativa de garda con fins de adopción ou de acollemento.
3º. Dúas semanas, que serán catro no caso de familia monoparental, para o coidado de menor, que poderán distribuírse, á vontade daquelas, en períodos semanais de forma acumulada ou interrompida ata que o fillo ou a filla faga os oito anos.
Este permiso constitúe un dereito individual das persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, homes ou mulleres, sen que poida transferirse o seu exercicio.
O permiso previsto nos supostos 2º e 3º poderá gozarse a xornada completa ou a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan e nos termos que regulamentariamente se determinen, conforme as regras establecidas neste artigo.
No caso do gozo interrompido do permiso requirirase, para cada período de gozo, un preaviso de polo menos quince días e realizarase por semanas completas. No caso de que se optase polo gozo do presente permiso con posterioridade á semana vinte e dúas do permiso por nacemento, por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, se a persoa proxenitora que goza deste último permiso solicita a acumulación do tempo de lactación dun fillo menor de doce meses en xornadas completas do permiso regulado no artigo 112, será á finalización dese período cando se dará inicio ao cómputo das semanas restantes do permiso da outra persoa proxenitora, resultantes de descontar á totalidade do permiso que corresponda as seis semanas xa gozadas como descanso obrigatorio posteriores ao feito causante.
No caso das semanas a que se refire o suposto 3º, cando concorran en ambas as persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, polo mesmo suxeito e feito causante, e o período solicitado altere seriamente o correcto funcionamento da unidade da administración na que ambas presten servizos, esta poderá aprazar a concesión do permiso por un período razoable, xustificándoo por escrito e despois de ofrecer unha alternativa de gozo máis flexible.
3. O permiso previsto neste artigo é independente do uso compartido do permiso por parto ou por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento.
4. O persoal funcionario que estea a gozar do permiso por parto ou por adopción, garda con fins de adopción ou acollemento pode facer uso do permiso previsto neste artigo inmediatamente a continuación da finalización do período de duración daquel nos seguintes supostos:
a) Cando a persoa titular do dereito falecese antes da utilización íntegra do permiso, pola parte que reste.
b) Se a filiación da outra persoa proxenitora non está determinada.
c) Cando unha resolución xudicial ditada en proceso de nulidade, separación ou divorcio, iniciado antes da utilización do permiso, lle recoñeza á persoa que estea a gozar deste a garda do fillo ou da filla.».
Oito. Engádese un artigo 124 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 124 bis. Permiso parental para o coidado de fillo, filla ou menor acollido/a
O persoal funcionario ten dereito a un permiso parental para o coidado de fillo, filla ou menor acollido/a por tempo superior a un ano, ata o momento en que o/a menor faga oito anos. Non terá carácter retribuído, terá unha duración non superior a oito semanas, continuas ou descontinuas, e poderá gozarse a tempo completo ou en réxime de xornada a tempo parcial, cando as necesidades do servizo o permitan e conforme os termos que regulamentariamente se establezan.
Este permiso constitúe un dereito individual das persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, homes ou mulleres, sen que poida transferirse o seu exercicio. Cando as necesidades do servizo o permitan, corresponderá á persoa proxenitora, adoptante ou acolledora especificar a data de inicio e de remate do seu gozo ou, se for o caso, dos períodos de gozo. Nese caso, deberá comunicalo á Administración cunha antelación de quince días e deberá realizarse por semanas completas.
Cando concorran en ambas as persoas proxenitoras, adoptantes ou acolledoras, pola mesma persoa e feito causante, as circunstancias necesarias para ter dereito a este permiso nos que o gozo do permiso parental no período solicitado altere seriamente o correcto funcionamento da unidade da administración na que ambas presten servizos, esta poderá aprazar a concesión do permiso por un período razoable, xustificándoo por escrito e despois de ofrecer unha alternativa de gozo máis flexible.
Para efectos do disposto neste artigo, o termo de «nai biolóxica» inclúe tamén as persoas trans xestantes.».
Nove. Engádese unha letra p) ao artigo 167, coa seguinte redacción:
«p) Cando sexa nomeado director ou directora territorial dunha consellaría da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.».
Dez. Modifícase o cadro do número 1 da disposición adicional oitava, respecto da escala de sistemas e tecnoloxía da información, nos apartados de denominación e titulación, que quedan redactados como segue:
|
Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
|
Escala superior de sistemas e tecnoloxías da información |
A1 |
Funcións directivas nas áreas de tecnoloxía da información e das comunicacións, así como a planificación, o deseño e o desenvolvemento de sistemas operativos e de comunicacións. Dirección de proxectos de desenvolvemento e mantemento de aplicacións. Auditoría, planificación, control de calidade e seguridade informáticas e técnicas de sistemas e comunicacións de nivel superior. |
Título universitario oficial de grao, licenciado universitario ou licenciada universitaria de enxeñaría en: Telecomunicacións, Informática, Matemáticas, Estatística, Física, Intelixencia Artificial ou Ciencia do Dato, ou ben titulacións equivalentes do nivel 3 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES) dos mesmos ámbitos de coñecemento. |
Once. Modifícase o cadro do número 2 da disposición adicional oitava, respecto da escala de xestión de sistemas de informática, nos apartados de denominación e titulación, que quedan redactados como segue:
|
Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
|
Escala de xestión de sistemas e tecnoloxías da información |
A2 |
Análise funcional de novas aplicacións, mantemento de aplicacións en explotación, análise e programación das aplicacións no desenvolvemento e control de desenvolvementos informáticos. |
Título universitario oficial de grao, enxeñaría, diplomado universitario ou diplomada universitaria ou de enxeñaría técnica en: Telecomunicacións, Informática Matemáticas, Estatística, Física, Intelixencia Artificial ou Ciencia do Dato, ou ben titulacións equivalentes dos niveis 2 e 3 do Marco Español de Cualificacións para a Educación Superior (MECES) dos mesmos ámbitos de coñecemento. |
Doce. Modifícase o cadro do número 3 da disposición adicional oitava, respecto da escala técnica auxiliar de informática, nos apartados de denominación e titulación, que quedan redactados como segue:
|
Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
|
Escala de técnico/a especialista en tecnoloxías e sistemas da información |
C1 |
Desenvolvemento e explotación informática, tales como programación, operación e asistencia técnica básica ás persoas usuarias. |
Título de formación profesional de grao medio da familia de Informática e Comunicacións, ou titulación de técnico en Instalacións de Telecomunicacións da familia de Electricidade e Electrónica, ou ben titulacións equivalentes dos niveis 4 e 5 do Marco Español de Cualificación para a Aprendizaxe Permanente (MECU) das devanditas familias |
Trece. Modifícase o cadro do número 3 da disposición adicional novena, para a creación da escala de instrutor/a de pesca, engadindo á redacción existente o seguinte apartado:
|
Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
|
Escala de instrutor ou instrutora de pesca |
B |
Función docente nos módulos de pesca das ensinanzas regradas e non regradas das escolas oficiais náutico-pesqueiras da Consellaría do Mar. |
Técnico ou técnica superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura, ou equivalente, e título profesional de capitá ou capitán de pesca. |
Catorce. Modifícase o cadro do número 3 da disposición adicional novena, para engadir a escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, que queda redactado como segue:
|
Denominación |
Especialidades |
Subgrupo |
Funcións |
Titulación |
|
Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia |
Patrón ou patroa |
B |
– As definidas na Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, ou na norma que a substitúa. |
Técnico ou técnica superior en Transporte Marítimo e Pesca de Altura ou equivalente e o título profesional de patrón ou patroa de altura da Mariña Mercante sen restricións ou superior con atribucións de mando en buques civís. |
|
Mecánico ou mecánica |
– As definidas na Lei 2/2004, do 21 de abril, pola que se crea o Servizo de Gardacostas de Galicia, ou na norma que a substitúa. |
Técnico ou técnica superior en Organización do Mantemento da Maquinaria de Buques e Embarcacións ou equivalente, e o título profesional de mecánico ou mecánica maior naval da Mariña Mercante sen restricións ou superior con atribucións de xefe ou xefa de máquinas en buques civís. |
Quince. Modifícase o cadro do número 4 da disposición adicional novena, suprimindo do mencionado número a «Escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia».
Dezaseis. Engádese unha disposición adicional décimo novena, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo novena. Uso non sexista da linguaxe
En cumprimento das previsións contidas na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, os termos empregados en masculino xenérico nas disposicións adicionais oitava e novena da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, entenderanse realizadas en linguaxe non sexista e inclusiva.».
Dezasete. Engádese unha disposición adicional vixésima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésima. Desenvolvemento regulamentario do disposto no número 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia, e do sistema de avaliación do desempeño
1. O Consello da Xunta de Galicia aprobará durante o ano 2026 o desenvolvemento regulamentario previsto no número 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, así como do sistema de avaliación do desempeño previsto no seu artigo 83, de acordo coas seguintes normas:
a) A progresión na carreira administrativa recoñecida estruturarase en graos e será horizontal, consistente no ascenso de grao, sen necesidade de cambiar de posto de traballo. Existirá un grao inicial e catro graos sucesivos.
b) Encádrase inicialmente no grao inicial todo o persoal funcionario de cada corpo ou escala. Os graos sucesivos ao grao inicial recoñeceranse, de forma consecutiva, por solicitude previa da persoa interesada.
c) Será requisito necesario para os ascensos a antigüidade que se estableza no grao anterior, e valorarase, na forma en que se determine, a traxectoria e a actuación profesional, a calidade dos traballos, os coñecementos adquiridos e outros méritos e aptitudes por razón da especificidade da función desenvolvida e a experiencia. Para os ascensos de grao, así mesmo, terase en conta o resultado da avaliación do desempeño profesional, de acordo co sistema que se estableza en desenvolvemento do artigo 83 da Lei 2/2015, do 29 de abril.
d) A progresión na carreira administrativa alcanzada polo persoal funcionario mediante este sistema será retribuída mediante a percepción dunha retribución adicional ao complemento de destino, segundo o grupo ou subgrupo profesional de pertenza, e que se denominará «complemento de carreira».
2. O desenvolvemento regulamentario previsto no número 4 da disposición transitoria oitava da Lei 2/2015, do 29 de abril, e do sistema de avaliación do desempeño previsto no seu artigo 83 establecerá os prazos da súa implantación e aplicación e, en particular, o momento a partir do cal será necesario ter en conta a avaliación do desempeño profesional para os ascensos de grao.
3. Mentres non sexa aplicable a normativa de desenvolvemento prevista nesa disposición e se proceda á súa efectiva implantación, a Administración autonómica poderá aprobar convocatorias para o recoñecemento do grao profesional alcanzado, de acordo cos requisitos que se establezan nelas e os acordos que, se for o caso, se alcancen coas organizacións sindicais.».
Dezaoito. Modifícase o número 4 da disposición transitoria terceira, que queda redactado como segue:
«4. O persoal funcionario de carreira que, a partir da entrada en vigor da presente lei, acceda aos postos directivos a que fai referencia esta disposición manterase na situación de servizo activo, con reserva do posto de traballo que ocupe con carácter definitivo no momento do nomeamento, se o devandito posto se obtivo mediante concurso ordinario.».
Dezanove. Engádese un número 7 á disposición derradeira quinta, coa seguinte redacción:
«7. Mentres non se produza o desenvolvemento regulamentario das diferentes escalas do grupo B, o persoal funcionario pertencente á escala operativa do Servizo de Gardacostas de Galicia, especialidade de patrón/patroa e mecánico/a, e o persoal de novo ingreso desta escala, así como o persoal funcionario de novo ingreso da escala de instrutor/a de pesca, continuará integrado no subgrupo C1.».
CAPÍTULO VII
Facenda e administración pública
Artigo 43. Modificación da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997
Modifícase o artigo 45 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997, que queda redactado como segue:
«Artigo 45. Da xestión recadatoria
1. A xestión recadatoria da facenda pública galega, tanto da Administración xeral da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos, as súas axencias públicas, as súas entidades públicas empresariais e os seus consorcios, correspóndelle á consellaría competente na materia de facenda e será levada:
a) En período voluntario, polos órganos da consellaría competente na materia de facenda, conforme a súa norma de organización, e polos órganos das entidades públicas instrumentais citadas anteriormente cando teñan atribuída a xestión dos correspondentes recursos.
b) En período executivo, polos órganos competentes da Administración tributaria da consellaría competente na materia de facenda, conforme a norma de organización da Administración tributaria, cando se trate de recursos da facenda pública galega e das entidades públicas instrumentais citadas anteriormente, exixibles na vía de constrinximento.
2. Cando a lei estableza que un ingreso de dereito público de natureza non tributaria é exixible na vía de constrinximento e esa recadación lle corresponda á consellaría competente na materia de facenda, esta poderá establecer mediante unha orde a asunción da recadación no período voluntario do ingreso no caso de non tela atribuída e regular o procedemento correspondente.
No caso de se asumir a recadación en período voluntario destes ingresos, aplicarase a súa normativa específica, excepto para os prazos de ingreso e o procedemento recadatorio, en que se aplicará a normativa tributaria. Na falta de normativa específica, aplicarase a normativa tributaria.
A recadación destes ingresos, unha vez realizada en período voluntario e/ou en período executivo, transferirase ás entidades públicas instrumentais, unha vez deducidos os custos de xestión. Estes custos de xestión determinaranse na orde e serán, como mínimo, as recargas previstas no artigo 28 da Lei 58/2023, do 17 de decembro, xeral tributaria.
3. Os órganos de recadación da consellaría competente na materia de facenda poderán asumir a xestión recadatoria dos recursos doutras administracións públicas cando así se lles encomende en virtude dunha lei ou dun convenio.
Para a recadación destes recursos, aplicarase a súa normativa específica, excepto para os prazos de ingreso e o procedemento recadatorio, en que se aplicará a normativa tributaria. Na falta de normativa específica aplicarase a normativa tributaria.
A recadación destes ingresos, unha vez realizada en período voluntario e/ou en período executivo, transferirase á administración pública titular do recurso, unha vez deducidos os custos de xestión. Estes custos de xestión determinaranse mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de facenda e serán, como mínimo, as recargas previstas no artigo 28 da Lei 58/2023, do 17 de decembro, xeral tributaria.».
Artigo 44. Modificación do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro
Modifícase o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, que queda redactado como segue:
Un. Modifícase a letra b) do artigo 9, que queda redactada como segue:
«b) A administración, xestión e recadación dos seus propios dereitos económicos, sen prexuízo do establecido no artigo 45 da Lei 11/1996, do 30 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para 1997.».
Dous. Modifícase a letra a) do artigo 88, que queda redactada como segue:
«a) O pagamento das obrigas da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das entidades públicas instrumentais sinaladas no artigo anterior e a xestión recadatoria dos dereitos económicos da facenda pública galega, sen prexuízo do establecido no artigo 10 da Lei 15/2010, do 28 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.».
Artigo 45. Modificación da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico
A Lei 14/2013, do 26 do decembro, de racionalización do sector público autonómico, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 35 quater, que queda redactado como segue:
«1. A duración do mandato dos membros do Tribunal será de seis anos, renovables. Malia o anterior, a primeira renovación do Tribunal realizarase de forma parcial aos tres anos do nomeamento. Respecto disto, determinarase mediante sorteo o membro que deba cesar, agás que algún voluntariamente se queira acoller a esta expiración do seu mandato.».
Dous. Modifícanse os números 3 e 4 do artigo 35 quater, que quedan redactados como segue:
«3. En caso de vacante, ausencia ou enfermidade, así como nos casos en que se declarase a abstención ou a recusación dalgún dos membros que lles impida exercer a súa función, o Tribunal poderá constituírse coa asistencia dos restantes, calquera que sexa o seu número. Para estes efectos, a persoa titular da Presidencia será substituída de acordo co establecido no artigo 16.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.
Non obstante, nos supostos indicados no parágrafo anterior, e de resultar necesario, o Consello da Xunta de Galicia poderá nomear unha persoa suplente de forma temporal que reúna os mesmos requisitos requiridos para a persoa titular.
4. Os membros do Tribunal desenvolverán a súa función en réxime de dedicación exclusiva. A persoa titular da Presidencia estará sometida ao réxime de actividades e incompatibilidades de altos cargos establecido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e as persoas titulares das vogalías estarán suxeitas ao disposto na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.».
Tres. Engádese unha nova disposición adicional décimo terceira, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo terceira. Instrución, resolución e notificación dos procedementos de resolución contractual
Os procedementos de resolución contractual que se tramiten de conformidade co disposto no artigo 212 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014, por parte dos órganos de contratación da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas entidades instrumentais deberán ser instruídos, resoltos e notificados no prazo máximo dun ano. Así mesmo, ese prazo será aplicable para os procedementos de resolución contractual que tramiten os órganos de contratación das entidades locais e as universidades públicas radicadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.».
Artigo 46. Modificación da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno
A Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, queda modificada como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 28, que queda redactado como segue:
«1. Contra toda resolución expresa ou presunta na materia de acceso poderá interpoñerse unha reclamación ante a Comisión da Transparencia, salvo naquelas ditadas polos suxeitos previstos no artigo 3.1.d), contra as cales só caberá a interposición dun recurso contencioso-administrativo.».
Dous. Modifícase o número 4 do artigo 28, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Unha vez notificadas as persoas interesadas, e logo de disociar os datos de carácter persoal que contiveren, as resolucións da Comisión da Transparencia polas que se resolven as reclamacións de acceso á información pública publicaranse no Portal de transparencia e goberno aberto e deberán ser tidas en conta por parte dos suxeitos que ditasen as resolucións obxecto de reclamación.».
Tres. Modifícase o número 1 do artigo 32, que queda redactado como segue:
«1. Créase o Comisionado da Transparencia e atribúenselle as súas funcións á Presidencia do Consello Consultivo de Galicia.».
Catro. Modifícase o artigo 33, que queda redactado como segue:
«Artigo 33. A Comisión da Transparencia
1. Créase a Comisión da Transparencia como órgano colexiado independente adscrito ao Consello Consultivo de Galicia.
2. Compoñerase dos seguintes membros:
a) Presidente ou presidenta: o presidente ou presidenta do Consello Consultivo de Galicia.
b) Vogais: unha persoa representante da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación da Xunta de Galicia, unha persoa representante do Consello de Contas e unha persoa representante da Federación Galega de Municipios e Provincias.
c) Secretario ou secretaria: un letrado ou unha letrada ao servizo de Consello Consultivo de Galicia, designado ou designada polo Pleno do Consello Consultivo por proposta da súa Presidencia. A persoa que exerza as funcións de secretario ou secretaria terá voz e voto.
3. A Comisión da Transparencia é o órgano independente ao que lle corresponde a resolución das reclamacións fronte ás resolucións de acceso á información pública que establece o artigo 28. No caso de empate, o presidente ou presidenta terá voto dirimente.».
Cinco. Modifícase o artigo 34, que queda redactado como segue:
«Artigo 34. Separación de funcións e medios
O Comisionado da Transparencia e a Comisión da Transparencia actuarán con separación das súas funcións respecto das outras que lle correspondan ao Consello Consultivo de Galicia, ben que contarán cos medios persoais e materiais asignados a esta institución.».
Seis. Modifícase o artigo 35, que queda redactado como segue:
«Artigo 35. Colaboración co Comisionado da Transparencia e coa Comisión da Transparencia de Galicia
1. Os suxeitos incluídos no ámbito de aplicación desta lei prestarán a colaboración necesaria ao Comisionado da Transparencia e á Comisión da Transparencia de Galicia para o correcto desenvolvemento das súas funcións, facilitando a información que lles soliciten no seu respectivo ámbito competencial.
2. A Xunta de Galicia, a través da Comisión Interdepartamental de Información e Avaliación prevista no artigo 31, remitirá ao Comisionado da Transparencia o informe referido no artigo 5.».
Sete. Modifícase o artigo 36, que queda redactado como segue:
«Artigo 36. Informe anual ao Parlamento
O Comisionado da Transparencia elaborará un informe anual relativo ao grao de aplicación e cumprimento desta lei, no cal recollerá, en todo caso:
a) Os criterios interpretativos e as recomendacións que formule durante ese ano.
b) A relación das reclamacións presentadas contra denegacións de solicitudes de acceso e o sentido da súa resolución.
c) A actividade de asesoramento realizada na materia de transparencia, do dereito de acceso á información pública e bo goberno.
d) Os requirimentos efectuados de emenda dos incumprimentos que se puideren producir.
e) A avaliación do grao de cumprimento das obrigas de publicidade activa por parte dos distintos suxeitos incluídos no seu ámbito de aplicación. Formularanse requirimentos expresos no caso dun cumprimento insuficiente.
2. Este informe presentarase ao Parlamento de Galicia e estará tamén á disposición da cidadanía dentro do Portal de transparencia e goberno aberto, así como na páxina web do Consello Consultivo de Galicia.».
Oito. Modifícase o número 1 do artigo 51 septies, que queda redactado como segue:
«1. A Autoridade Galega de Protección da Persoa Informante é un órgano colexiado constituído do seguinte xeito:
a) Presidencia: a persoa titular do Valedor do Pobo.
b) Persoas vogais: a persoa titular da Consellaría Maior do Consello de Contas, a persoa titular da Presidencia do Consello Galego de Relacións Laborais, a persoa titular da Secretaría Xeral do Valedor do Pobo e a persoa titular da Vicesecretaría Xeral do Valedor do Pobo, que exercerá as funcións de secretario ou secretaria, con voz e voto.
As persoas titulares poderán designar persoas suplentes. Os nomes das persoas titulares e suplentes deberán figurar no portal de transparencia e na páxina web da Autoridade.».
Nove. Modifícase a disposición adicional quinta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional quinta. Reclamación
A resolución da reclamación prevista no artigo 24 da Lei 19/2013, do 9 de decembro, de transparencia, acceso á información pública e bo goberno, corresponderá, no suposto de resolucións ditadas polas entidades locais de Galicia, á Comisión da Transparencia de Galicia.».
Dez. Modifícase a disposición adicional sexta, que queda redactada como segue:
«Disposición adicional sexta. Dotación de persoal funcionario adicional
Para o exercicio das funcións que esta lei atribúe ao Comisionado da Transparencia e á Comisión da Transparencia, o Consello Consultivo de Galicia poderá dotarse do persoal funcionario adicional, respectando os límites orzamentarios establecidos.».
Artigo 47. Modificación da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia
Modifícase a Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, no seguinte sentido:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 25, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. A partir da información dispoñible na Carpeta cidadá sobre as persoas interesadas, a Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico poderán ofrecer, de forma proactiva, servizos personalizados no exercicio das súas funcións e competencias, relativos ás súas preferencias persoais e aos seus intereses, sempre que se apliquen as medidas adecuadas para a protección dos dereitos, das liberdades e dos intereses lexítimos das persoas destinatarias.
A habilitación dun servizo como proactivo levarase a cabo tras a súa aprobación por parte do órgano competente por razón da materia, logo do informe da súa viabilidade por parte do órgano de dirección competente na materia de simplificación administrativa e da entidade do sector público autonómico con competencias na materia de desenvolvemento dixital.».
Dous. Engádese un novo artigo 42 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 42 bis. Prestación de servizos de xeito remoto por vídeo
1. A Administración xeral e as entidades públicas instrumentais do sector público autonómico de Galicia poderán prestar servizos de xeito remoto mediante sistemas de vídeo, sempre que se garantan os principios de seguridade, integridade, confidencialidade e protección de datos persoais.
2. Para a verificación da identidade das persoas usuarias, poderanse empregar métodos de identificación remota por vídeo, incluíndo videoconferencia ou videoidentificación automatizada, sempre que estes métodos ofrezan garantías equivalentes en termos de fiabilidade á presenza física, conforme o establecido no Regulamento (UE) 910/2014, do Parlamento Europeo e do Consello, do 23 de xullo de 2014, relativo á identificación electrónica e os servizos de confianza para as transaccións electrónicas no mercado interior e polo que se derroga a Directiva 1999/93/CE.».
Tres. Modifícase a letra d) do número 1 do artigo 43, que queda redactada como segue:
«d) Os sistemas de sinatura electrónica baseados na utilización de sinatura manuscrita dixitalizada nas condicións e termos que se establezan, para facilitar a actuación da cidadanía tanto ante o persoal empregado público da rede de oficinas de atención á cidadanía e rexistro, como ante aquel persoal empregado público que presta servizos en mobilidade en presenza da cidadanía e fóra das oficinas administrativas.».
Catro. Engádese a letra e) ao número 1 do artigo 43, coa seguinte redacción:
«e) Calquera outro sistema que a Administración autonómica considere válido, nos termos e condicións que se establezan, en especial para facilitar as relacións electrónicas das persoas nacionais e estranxeiras non residentes coa Administración, así como para facilitar a acreditación da vontade expresa da cidadanía cando esta estea perfectamente identificada en presenza de empregados ou empregadas públicas pero careza de acceso a outros sistemas de sinatura.».
Cinco. Suprímese o número 4 do artigo 49, que queda sen contido.
Artigo 48. Modificación da Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e o impulso da intelixencia artificial en Galicia
Modifícase a Lei 2/2025, do 2 de abril, para o desenvolvemento e o impulso da intelixencia artificial en Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o artigo 1, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 1. Obxecto
1. Esta lei ten por obxecto establecer o marco organizativo para o deseño, adquisición, implementación e uso da intelixencia artificial na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e no seu sector público, de conformidade coa regulación da Unión Europea e coa normativa básica estatal nesta materia, das cales constitúe o seu desenvolvemento e execución na Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Para estes efectos, a lei regula o réxime xurídico do uso da intelixencia artificial polo sector público galego no desenvolvemento da súa actividade administrativa, na prestación de servizos públicos e nas súas relacións coa cidadanía, empresas, entidades e demais administracións públicas, promovendo a adopción dunha intelixencia artificial centrada no ser humano, segura, fiable, cun alto nivel de protección da saúde e dos dereitos fundamentais e respectuosa co medio ambiente.
3. Así mesmo, a lei ten por obxecto impulsar o desenvolvemento da intelixencia artificial no tecido empresarial e no ecosistema de investigación e innovación da Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de mellorar a súa produtividade e competitividade.».
Dous. Modifícanse as letras f), g), h) e i) do artigo 4, que quedan redactadas como segue:
«f) Funcionamento dun sistema de intelixencia artificial: a capacidade dun sistema de intelixencia artificial para lograr a súa finalidade prevista, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño.
g) Datos de adestramento: datos utilizados para adestrar un sistema de intelixencia artificial mediante o axuste dos seus parámetros adestrables, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño.
h) Datos de validación: datos utilizados para proporcionar unha avaliación do sistema de intelixencia artificial adestrado e para adaptar os seus parámetros non adestrables e o seu proceso de aprendizaxe para, entre outras cousas, evitar o subaxuste ou sobreaxuste, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño.
i) Datos de proba: os datos utilizados para proporcionar unha avaliación independente do sistema de intelixencia artificial co fin de confirmar o funcionamento previsto do devandito sistema antes da introdución no mercado ou a posta en servizo, de acordo co establecido no Regulamento (UE) 2024/1689 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de xuño.».
Tres. Modifícase o artigo 16, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 16. Análise do impacto organizativo, económico, social e medioambiental
1. Sen prexuízo da correspondente avaliación de impacto relativa a dereitos fundamentais para os sistemas de intelixencia artificial de alto risco, de acordo co disposto no Regulamento (UE) 2024/1689, do 13 de xuño, ou, se é o caso, a relativa á protección de datos de acordo co Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril, a Administración autonómica establecerá procesos dirixidos a analizar e avaliar os posibles riscos asociados aos sistemas de intelixencia artificial que a propia Administración autonómica pretenda deseñar ou empregar.
2. A finalidade de tal análise será determinar, coa antelación suficiente, cales son os potenciais riscos que pode implicar a implantación dun concreto sistema de intelixencia artificial en relación coa súa efectividade, seguridade, uso de recursos e custos económicos e impacto organizativo, social e ambiental, así como os mecanismos de mitigación ou compensación dos seus efectos.
3. Esta análise clasificará os riscos en función da súa gravidade e probabilidade e propoñerá medidas axeitadas para mitigar, atenuar ou compensar aqueles, de conformidade cos principios de capacidade técnica, proporcionalidade e suficiencia financeira.».
Catro. Modifícase o artigo 18, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 18. Precaución
No caso de que unha análise de impacto indique que o uso dun determinado sistema de intelixencia artificial puider causar danos de moi difícil reparación ás persoas, á sociedade ou ao medio ambiente, deberá valorarse o abandono do uso dese sistema. Con esta finalidade, ponderarase se as vantaxes da súa utilización ou as desvantaxes da súa non utilización son ou non superiores aos eventuais danos que poida ocasionar.».
Cinco. Modifícase o artigo 22, que queda redactado como segue:
«Os procesos de deseño, adquisición, implementación e uso de sistemas de intelixencia artificial desenvolvidos pola Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e polo seu sector público respectarán todos os dereitos recoñecidos ou atribuídos á cidadanía nesta lei e no resto da normativa europea e estatal aplicable, especialmente o dereito a unha boa administración recollido no artigo 41 da Carta dos Dereitos Fundamentais da Unión Europea.».
Seis. Modifícase o ordinal 19º do número 3 do artigo 30, que queda redactado como segue:
«19º. Unha persoa en representación do Comité de Entidades Representantes de Persoas con Discapacidade de Galicia.».
Sete. Modifícase o artigo 41, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 41. A elaboración do informe do proxecto de intelixencia artificial
1. Os órganos promotores funcionais e responsables tecnolóxicos serán os responsables de elaborar o informe do proxecto de intelixencia artificial.
2. O informe do proxecto de intelixencia artificial deberá conter, polo menos:
a) A identificación das necesidades funcionais que deban ser cubertas e unha definición clara e obxectiva dos problemas que se pretenden solucionar, en particular establecendo os obxectivos específicos para acadalo.
b) A identificación da necesidade e oportunidade de deseñar ou adquirir, implementar e empregar sistemas de intelixencia artificial, avaliando os seus beneficios e riscos e as capacidades técnicas, humanas e económicas e de sustentabilidade para a súa posta en marcha e mantemento.
c) A relación de características e especificacións técnicas do sistema de intelixencia artificial proposto.
d) O conxunto de datos proposto para o adestramento, validación e proba, especificando se aquel contén unha combinación de datos persoais e non persoais, sinalando de xeito específico se se tratarían datos persoais de categoría especial, segundo o disposto no artigo 9.1 do Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril, así como un plan para a súa xestión.
e) A proposta inicial de medidas de seguridade que hai que aplicar, en cumprimento do principio de seguridade desde o deseño consonte o disposto no Regulamento (UE) 2016/679, do 27 de abril, e o disposto na disposición adicional primeira da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.
f) A análise do impacto organizativo, económico, social e medioambiental, previsto no artigo 16.
g) A coherencia e o encaixe do proxecto de intelixencia artificial na Estratexia galega de intelixencia artificial e no correspondente programa sectorial de intelixencia artificial.».
Oito. Modifícase o título do título IV, que queda redactado como segue:
«TÍTULO IV
O uso de sistemas de intelixencia artificial».
CAPÍTULO VIII
Xogo e patrimonio
Artigo 49. Modificación da Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia
Modifícase a Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Modifícanse as letras b) e c) do número 2 do artigo 2, que quedan coa seguinte redacción:
«b) O xogo do bingo organizado polas residencias da terceira idade e dos centros de día, polas asociacións culturais ou deportivas legalmente inscritas ou polas comisións de festas legalmente inscritas como asociación, e sempre que se reúnan os seguintes requisitos:
1º. Que as sesións realizadas polas residencias da terceira idade e polos centros de día, polas asociacións culturais ou deportivas ou polas comisións de festas non superen en ningún caso o límite de catro sesións nun mes.
2º. Que as cantidades xogadas non superen os 1.300 euros por sesión e os premios outorgados non superen os 1.000 euros por sesión. Os premios non poderán ser en metálico nin en especie perecedoira.
3º. Que o xogo se desenvolva a través de medios manuais ou mecánicos, sen que en ningún caso interveñan aplicacións informáticas ou programas de software.
4º. Que durante o desenvolvemento da sesión en ningún caso se atopen presentes na sala menores de idade.
5º. Que teñan lugar na propia residencia da terceira idade ou centro de día ou no local que figure como domicilio da correspondente asociación ou comisión de festas.
6º. Que de cada sesión realizada se levante unha acta onde se reflictan as cantidades xogadas, os premios outorgados e o número de partidas xogadas. Estas actas, que deberán estar asinadas electronicamente por dúas persoas responsables do centro ou polas persoas titulares da secretaría e da presidencia da asociación organizadora, ou as persoas que as substitúan, deberanse remitir ao órgano de dirección autonómico competente na materia de xogo.
7º. Que estes xogos unicamente se realicen baixo a denominación de «bingo social».
A asociación, comisión de festas ou a persoa responsable da residencia da terceira idade ou centro de día correspondente deberá presentar, cada vez que pretenda organizar un xogo de bingo nos termos expostos, unha comunicación ao órgano autonómico de dirección competente na materia de xogo, para os efectos de poder controlar o cumprimento dos requisitos anteriores.
c) As rifas, as tómbolas e as apostas de carácter benéfico ou de utilidade pública que sexan organizadas con carácter esporádico e sen ánimo de lucro por institucións públicas ou privadas nas que o importe dos beneficios obtidos, excluídos os de xestión, se destine integramente a organizacións ou fins de carácter benéfico ou de utilidade pública.
Para estes efectos, considerarase «organización esporádica» aquela que se desenvolva cunha habitualidade anual ou superior.».
Dous. Modifícase o número 7 do artigo 14, que pasa a ter a seguinte redacción:
«7. As autorizacións validamente outorgadas, agás as relativas ao xogo da rifa e da tómbola, que terán a duración que se fixe na correspondente resolución de autorización, terán unha duración máxima de quince anos.
Sen prexuízo doutras causas de extinción que se poderán establecer regulamentariamente, as autorizacións extinguiranse transcorridos trinta días naturais consecutivos desde o cesamento da actividade que constitúa o obxecto delas sen causa xustificada, por solicitude do titular do establecemento ou local no que se realice o xogo, por solicitude do titular da autorización correspondente ou transcorrido o prazo de duración máxima establecido no parágrafo anterior.
Polo que se refire ás autorizacións de instalación e localización dunha máquina de tipo B ou dunha máquina auxiliar de apostas en establecementos de restauración e de ocio e entretemento, o titular do referido establecemento ou local non poderá solicitar unha nova extinción en tanto non transcorrese un ano desde a última solicitude de extinción.».
Tres. Engádese o número 7 ao artigo 26, coa seguinte redacción:
«7. Non está suxeita a autorización administrativa a organización esporádica de rifas constitutivas de usos sociais de carácter tradicional, familiar ou amigable por persoas ou entidades cuxa actividade habitual ou principal non sexa a organización ou realización de xogos, en calquera das súas modalidades, sempre que non sexan obxecto de explotación lucrativa e o valor dos premios ofrecidos non exceda no seu conxunto de 600 euros.
Para estes efectos, considerarase «organización esporádica» aquela que se desenvolva cunha habitualidade anual ou superior. Así mesmo, entenderase que existe explotación lucrativa cando o importe total das papeletas ou dos billetes emitidos supere nun 10 % o valor dos premios ofrecidos.
Esta exención debe entenderse sen prexuízo do establecido na lexislación fiscal.».
Artigo 50. Modificación da Lei 6/2023, do 2 de novembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia
Modifícase a Lei 6/2023, do 2 de novembro, de patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 112, que queda redactado como segue:
«1. Unha vez incoado o procedemento de venda e elaborado o prego de condicións, someterase o expediente ao informe da Intervención.».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 128, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. A persoa titular do órgano directivo competente na materia de patrimonio ou o órgano unipersoal de goberno das entidades públicas instrumentais propoñerá a venda a favor do peticionario ou peticionaria, após o informe favorable da Asesoría Xurídica e da Intervención.».
Tres. Engádese unha nova disposición adicional vixésimo cuarta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésimo cuarta. Venda de aforro de enerxía final
1. O aforro de enerxía final defínese como a cantidade de enerxía aforrada, determinada mediante a medición ou a estimación, ou ambas as dúas, do consumo antes e despois da aplicación dalgunha medida de mellora da eficiencia enerxética, tomando en consideración ao mesmo tempo a normalización das condicións externas que inflúen no consumo da enerxía, de conformidade coa Directiva (UE) 2023/1791 do Parlamento Europeo e do Consello, do 13 de setembro de 2023, relativa á eficiencia enerxética e pola que se modifica o Regulamento (UE) 2023/955. Este aforro de enerxía final aínda non estará certificado ou verificado polo organismo acreditado.
2. O aforro de enerxía final de propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia ten a consideración de ben patrimonial de natureza incorporal.
3. A venda de aforro de enerxía final como obxecto único dun contrato, no marco da normativa estatal relativa aos certificados de aforro enerxético, será regulada polos procedementos de venda de dereitos de propiedade incorporal previstos nesta lei, coas peculiaridades establecidas nesta disposición adicional.
Aqueles supostos de venda de aforro de enerxía final que se prevexan como contraprestación accesoria no ámbito da normativa de contratos do sector público tramitaranse de conformidade coa citada normativa.
4. A venda de aforro de enerxía final derivado dunha actuación de eficiencia enerxética nun inmoble de titularidade da Administración xeral da Comunidade Autónoma será competencia da consellaría ou entidade pública instrumental que dispoña da adscrición dese inmoble. Se o aforro obxecto de venda deriva da actuación en varios inmobles adscritos a distintas consellarías ou entidades públicas instrumentais, a competencia será da consellaría competente na materia de patrimonio.
A venda de aforro de enerxía final derivado dunha actuación de eficiencia enerxética nun inmoble de titularidade dunha entidade pública instrumental será competencia do órgano unipersoal de goberno.
5. O Instituto Enerxético de Galicia será o órgano encargado de remitir ao órgano competente para a venda a documentación que acredite o aforro de enerxía final que será obxecto da compravenda, na que deberá constar o seu valor económico, de acordo cos criterios fixados pola normativa estatal.
Nestes expedientes de venda non será precisa a incorporación dun informe de taxación nin a constitución previa de garantía.
6. As persoas físicas ou xurídicas que teñan capacidade para contratar de acordo co previsto no Código civil poden adquirir dereitos de aforro de enerxía final regulados por esta norma.
7. A venda formalizarase nun contrato privado de cesión de aforros enerxéticos no marco da normativa estatal. Cando a parte compradora teña a condición de suxeito obrigado ou delegado de acordo co Real decreto 36/2023, do 24 de xaneiro, polo que se establece un sistema de certificados de aforro enerxético, a compravenda formalizarase nun convenio CAE.
En ambos os casos estes contratos privados deberán incorporar o contido mínimo previsto no artigo 11.2 da Orde TED/815/2023, do 18 de xullo, pola que se desenvolve parcialmente o Real decreto 36/2023, do 24 de xaneiro, polo que se establece un sistema de certificados de aforro enerxético, ou na norma que a substitúa.».
Catro. Engádese unha nova disposición adicional vixésimo quinta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésimo quinta. Cooperación entre a Administración local e a autonómica para a regularización patrimonial de bens inmobles afectados a un uso xeral ou ao servizo público
1. De acordo co principio de lealdade institucional que rexe as relacións recíprocas das administracións públicas en materia patrimonial, e as obrigas de información mutua, cooperación, asistencia e respecto ás respectivas competencias, así como a obriga de ponderación no exercicio destas da totalidade dos intereses públicos implicados, será aplicable o procedemento previsto nesta disposición para a regularización da situación patrimonial de bens inmobles afectados a un uso xeral ou ao servizo público que fosen adquiridos por prescrición.
2. Naqueles supostos en que calquera administración local de Galicia ou a Administración autonómica adquirise por prescrición, de acordo coas normas civís ou o establecido en leis especiais, un inmoble de natureza patrimonial pertencente a outra das administracións indicadas, cando os actos posesorios que determinaron a prescrición adquisitiva vincularen o ben ou dereito ao uso xeral ou a un servizo público, estes actos producirán os mesmos efectos legais que a afectación expresa e o ben inmoble entenderase adquirido con carácter de demanial.
3. Nestes supostos previstos no número anterior, para contribuír ao pleno desenvolvemento e efectividade dos principios e obrigas recollidos no número 1, así como para garantir a continuidade dos servizos públicos sen perturbacións indebidas, a administración que adquirise por prescrición o ben inmoble poderá solicitar aos órganos competentes da administración que for titular o recoñecemento da prescrición adquisitiva de acordo co procedemento previsto nesta disposición.
A solicitude deberase presentar acompañada da documentación xustificativa da prescrición adquisitiva do ben, así como da súa afectación a un uso público ou ao servizo público.
4. A solicitude prevista no número anterior iniciará o procedemento de recoñecemento, que deberá resolverse no prazo máximo de tres meses desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro electrónico da administración competente para a súa tramitación, de acordo co establecido na lexislación de procedemento administrativo.
No caso da Administración autonómica, o órgano competente para ditar a resolución será a persoa titular da consellaría competente na materia de patrimonio, mediante unha orde. No caso das administracións locais de Galicia, será competente a persoa titular da alcaldía ou da presidencia da corporación. A resolución esgotará a vía administrativa.
5. A administración que recibir a solicitude realizará os actos de instrución que foren necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos feitos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución.
Con carácter previo ao ditado da resolución deberase solicitar un ditame preceptivo e vinculante ao Consello Consultivo de Galicia, como supremo órgano consultivo da Xunta de Galicia e das administracións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co establecido na súa lei reguladora, que deberá pronunciarse sobre se se pode considerar suficientemente acreditada a titularidade invocada pola administración solicitante.
Logo de ser admitida a trámite a solicitude de ditame, o Consello Consultivo, de acordo co establecido no seu regulamento de organización e funcionamento, poderá acordar que sexa oída ante el a administración solicitante.
6. No caso de que se dite resolución na que se recoñeza a existencia de prescrición adquisitiva e a titularidade da administración solicitante, procederase á inscrición do ben no Rexistro da Propiedade de conformidade co previsto na lexislación hipotecaria e na Lei 33/2003, do 3 de novembro, do patrimonio das administracións públicas. En particular, a resolución indicada será título abondo para que se proceda á rectificación das inscricións rexistrais contraditorias existentes a favor da administración pública que a dite, sempre de acordo co establecido na lexislación indicada.
7. O vencemento do prazo máximo sen se notificar unha resolución expresa lexitima a administración interesada para entender estimada a súa solicitude de recoñecemento de prescrición adquisitiva por silencio administrativo. A estimación por silencio administrativo terá para todos os efectos a consideración de acto administrativo finalizador do procedemento. A existencia deste acto poderá ser acreditada de acordo co establecido na lexislación de procedemento administrativo. En particular, o certificado acreditativo do silencio producido producirá os efectos previstos no número anterior.
8. Os actos administrativos ditados no procedemento de recoñecemento previsto nesta disposición, por afectaren titularidades e dereitos de carácter civil, só poderán ser obxecto de recurso, de acordo coa lexislación estatal aplicable, ante a xurisdición contencioso-administrativa por infracción das normas sobre competencia e procedemento.
No caso de denegación do recoñecemento da prescrición adquisitiva, a administración solicitante que se considere prexudicada en canto ao seu dereito de propiedade poderá exercitar as accións pertinentes ante os órganos da orde xurisdicional civil, de acordo coa lexislación estatal aplicable.
Así mesmo, calquera cuestión de natureza civil suscitada por terceiras persoas que se consideren afectadas nos seus dereitos con ocasión do recoñecemento corresponderá aos órganos desta orde xurisdicional, de conformidade coa lexislación estatal aplicable.
9. O procedemento previsto nesta disposición será aplicable, en particular, naqueles casos en que se formalizaron no seu día acordos ou convenios de cesión de bens inmobles entre administracións ou entidades públicas dirixidos á implantación de servizos públicos e que, a pesar de se poñeren á disposición os inmobles da administración actuante e se implantar o uso ou servizo público previsto mediante a realización das obras e actuacións pertinentes, non se formalizaron finalmente as cesións de acordo cos procedementos previstos na lexislación aplicable e produciuse a prescrición adquisitiva.».
CAPÍTULO IX
Vivenda e infraestruturas
Sección 1ª. Medidas extraordinarias e temporais na materia de vivenda
Subsección 1ª. Disposicións de carácter xeral
Artigo 51. Obxecto
1. Coa finalidade de incrementar o parque de vivenda público e de contribuír á efectividade do dereito de todas as persoas a unha vivenda digna e adecuada, nesta sección recóllense unha serie de medidas extraordinarias e temporais dirixidas a aumentar a oferta de solo e de edificacións con destino á vivenda.
2. As medidas extraordinarias e temporais na materia de vivenda previstas nesta sección serán aplicables ata o 29 de decembro de 2028.
Subsección 2ª. Vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos
en solos destinados a equipamentos ou a un uso terciario
Artigo 52. Vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico
1. Os terreos cualificados nos instrumentos de planeamento urbanístico como uso dotacional para equipamentos públicos ou terciario de titularidade pública poderán destinarse a vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico, sen que sexa necesario tramitar unha modificación do planeamento urbanístico ou adoptar un acordo plenario de cambio de uso.
2. Nestes supostos, o Instituto Galego da Vivenda e Solo elaborará unha proposta de ordenación aplicable a tales terreos que terá en consideración a ordenanza reguladora do uso residencial colectivo aplicable ao ámbito no que se encontren, as características das edificacións do contorno e a congruencia e harmonización das novas edificacións co contexto urbano no que se integren.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo remitirá ao concello de que se trate a proposta da ordenación aplicable a tales terreos. A proposta deberá ser ratificada polo concello no prazo de dous meses, transcorrido o cal se entenderá que é favorable a ela, o que fará constar por medio dunha resolución expresa o Instituto Galego de Vivenda e Solo.
No suposto de que a ordenación proposta implique a creación de novos viarios ou sistemas locais de espazos libres e zonas verdes nos terreos, seguirase o procedemento previsto na Lei 3/2016, do 1 de marzo, de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de excepcional interese.
4. As vivendas que se constrúan nestes solos poderán destinarse ao réxime de alugueiro ou venda e os aloxamentos compartidos unicamente poderán destinarse ao alugueiro. Ambos os supostos terán cualificación permanente.
5. A resolución que recolla o cambio de uso previsto neste artigo deberá inscribirse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Artigo 53. Vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos promovidos por entidades privadas
1. Os terreos cualificados nos instrumentos de planeamento urbanístico como uso dotacional para equipamentos públicos ou privados ou terciario de titularidade pública ou privada poderán destinarse a vivendas protexidas ou aloxamentos compartidos promovidos por entidades privadas mediante un acordo do concello en pleno, por maioría absoluta, sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do plan.
2. As vivendas protexidas e os aloxamentos compartidos que se constrúan neses solos terán cualificación permanente e deberán destinarse a alugamento.
3. A ordenación aplicable a estes terreos será a establecida na ordenanza reguladora do uso residencial colectivo aplicable ao ámbito no que se encontren.
Para estes efectos, o acordo plenario ao que se refire o número anterior deberá especificar a ordenanza reguladora que resulte aplicable e a necesidade ou non de tramitar o instrumento que corresponda previsto na normativa urbanística.
4. O mencionado acordo plenario deberá inscribirse no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.
Subsección 3ª. Proxectos de interese autonómico para a creación
de solo residencial promovidos por entidades locais
Artigo 54. Proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial promovidos por entidades locais
1. Co obxecto de atender as necesidades urxentes de solo residencial, as entidades locais, por iniciativa propia ou por instancia de entidades privadas, poderán promover e desenvolver proxectos de interese autonómico que teñan por obxecto planificar e proxectar actuacións de creación de solo destinado maioritariamente a vivendas protexidas, sempre que o 80 % das vivendas que se constrúan estean sometidas a algún réxime de protección pública.
2. O solo en que se desenvolvan os proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección terá a consideración de solo desenvolvido por un promotor público para os efectos previstos no artigo 60.1 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia. En consecuencia, o réxime de protección das vivendas protexidas que se constrúan no ámbito delimitado por tales proxectos terá duración permanente.
3. O proxecto de interese autonómico deberá establecer os mecanismos adecuados que garantan que as vivendas sometidas a algún réxime de protección pública se executarán simultaneamente coas de prezo libre. A comunicación previa de primeira ocupación destas últimas non poderá ser presentada ata que non se cursase para igual número de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública.
4. Os proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección poderán referirse a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente en solos urbanos ou urbanizables.
Artigo 55. Tramitación
1. A tramitación dos anteditos proxectos de interese autonómico axustarase ás previsións contidas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico non previstos, xunto coas especialidades recollidas neste artigo.
2. As entidades locais promotoras da actuación deberán solicitar ao Instituto Galego da Vivenda e Solo a declaración de interese autonómico, para o cal achegarán unha proposta de actuación na que se indiquen, polo menos, as seguintes cuestións:
a) Descrición do tipo de actuación que se pretende levar a cabo.
b) Localización xustificada e ordenación da actuación proposta.
c) De ser o caso, adecuación da actuación ao planeamento urbanístico vixente.
d) Medios económicos que garantan a viabilidade do proxecto.
e) Aspectos ambientais que deberán terse en conta.
3. A declaración de interese autonómico da actuación axustarase ao establecido no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e producirá os efectos previstos no artigo 64 da citada lei.
4. Os proxectos de interese autonómico deberán incluír as determinacións e os documentos previstos nos artigos 44 e 45 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, e serán formulados pola persoa ou entidade promotora da actuación.
5. A aprobación e modificación dos citados proxectos de interese autonómico seguirá o procedemento establecido no artigo 65 da Lei 5/2024, do 27 de decembro.
6. Os informes sobre os proxectos de interese autonómico atribuídos pola Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, á consellaría competente na materia de ordenación do territorio serán emitidos pola secretaría xeral competente na materia de vivenda e urbanismo.
Artigo 56. Desenvolvemento e execución dos proxectos de interese autonómico
1. O desenvolvemento e a execución dos proxectos de interese autonómico levarase a cabo mediante os proxectos de delimitación de fases de urbanización e os proxectos de urbanización previstos nos artigos 69 e seguintes da Lei 5/2024, do 27 de decembro.
2. Os proxectos de interese autonómico obxecto desta subsección poderán incorporar como anexos independentes calquera dos instrumentos de desenvolvementos e execución citados, de conformidade co establecido nos números 2 e 3 do artigo 69 da Lei 5/2024, do 27 de decembro.
3. A aprobación e a modificación dos instrumentos de desenvolvemento e execución dos proxectos de interese autonómico corresponderá aos concellos.
4. Os proxectos de urbanización tramitaranse consonte o procedemento previsto na normativa urbanística.
5. Na tramitación dos proxectos de delimitación de fases de urbanización deberá garantirse, en todo caso, o trámite de información pública.
Artigo 57. Xestión dos proxectos de interese autonómico
A xestión dos proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección realizarase mediante os sistemas de xestión previstos na normativa urbanística.
Sección 2ª. Medidas de simplificación administrativa
Artigo 58. Modificacións non substanciais dos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial
1. Constitúen modificacións non substanciais dos proxectos de interese autonómico para a creación de solo destinado a vivendas protexidas aquelas que non impliquen unha revisión dos obxectivos xerais destes nin a alteración substancial dos elementos esenciais da ordenación establecida.
2. En todo caso, terán a consideración de modificacións non substanciais as seguintes:
a) As indicadas no artigo 83.5 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
b) As definidas como non substanciais nos proxectos de interese autonómico, dentro dos límites establecidos no número 1.
3. As modificacións non substanciais dos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial seguirán os trámites previstos na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro.
Sección 3ª. Outras medidas na materia de vivenda
Artigo 59. Modificación da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia
Modifícase a Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. A letra a) do artigo 4 pasa a ter a seguinte redacción:
«a) Aloxamento compartido: a edificación residencial impulsada por un promotor público ou privado, apta para ser habitada, destinada a resolver a necesidade de residencia de persoas ou unidades de convivencia, ofrecendo o espazo e as instalacións adecuadas para a devandita finalidade. Tales aloxamentos compartidos deberán dispoñer de espazos de uso común que complementen o seu gozo.».
Dous. Modifícase o artigo 52, que queda redactado como segue:
«Artigo 52. Parque público autonómico de vivendas
O parque público autonómico de vivendas estará integrado polos seguintes inmobles:
a) O conxunto de vivendas promovidas ou adquiridas polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico.
b) Os aloxamentos compartidos regulados nesta lei promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por entidades participadas maioritariamente polo sector público autonómico.
c) As vivendas protexidas construídas en solos de titularidade pública autonómica adxudicados mediante a constitución dun dereito de superficie.».
Tres. Modifícase o artigo 58, que queda redactado como segue:
«Artigo 58. Procedemento de adxudicación
1. As vivendas de protección autonómica adxudicaranse, con carácter ordinario, mediante sorteo entre as unidades de convivencia inscritas no Rexistro único de demandantes de vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Exceptúase da obriga de realizar o sorteo previsto no número anterior a adxudicación das seguintes vivendas:
a) Vivendas de protección autonómica destinadas a arrendamento, cando a persoa arrendataria estea inscrita no Rexistro único de demandantes de vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia e non teña relación de parentesco en primeiro ou segundo grao de consanguinidade ou de afinidade coa persoa promotora nin sexa socia ou teña idéntica relación de parentesco coas persoas socias ou administradoras, no caso de se tratar dunha persoa xurídica.
Neste suposto, será suficiente o visado do contrato de arrendamento polo Instituto Galego da Vivenda e Solo solicitado pola persoa promotora, acompañado dunha declaración responsable da persoa arrendataria de que concorren as circunstancias indicadas.
b) Vivendas adxudicadas en cumprimento de acordos de permuta por edificabilidade.
3. O procedemento ordinario para a adxudicación de vivendas de protección autonómica será desenvolvido regulamentariamente.».
Catro. O número 2 do artigo 61 queda redactado como segue:
«2. O transcurso do prazo de duración do réxime de protección nas vivendas de protección autonómica determinará a extinción do réxime de protección da vivenda, que, sen necesidade de declaración administrativa, se considerará libre para todos os efectos se, transcorridos seis meses desde o cumprimento do prazo de duración do réxime de protección, non consta no Rexistro da Propiedade ningún asento contraditorio.».
Cinco. A letra b) do número 5 do artigo 72 queda redactada como segue:
«b) A vivenda resultante deberá ser cualificada como vivenda protexida, logo de se constatar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa en vigor, agás no suposto de que se destine a un centro de servizos sociais e se acredite esta circunstancia mediante a correspondente autorización administrativa outorgada pola consellaría competente na materia de servizos sociais. No suposto de que a vivenda cese a súa actividade como centro de servizos sociais, deberá cualificarse como vivenda protexida.».
Seis. Modifícase o número 2 do artigo 74 bis, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. O procedemento de adxudicación iniciarase por acordo da Comisión Provincial da Vivenda, por propia iniciativa da Comisión ou por instancia da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo. Acordado o inicio do expediente, solicitarase un informe preceptivo e non vinculante dos servizos sociais do concello do último domicilio da unidade de convivencia, se non constar xa xunto coa solicitude. Este informe non se exixirá naqueles supostos nos que o procedemento de adxudicación se inicie por instancia da Dirección Xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Ademais, a Comisión Provincial poderá solicitar cantos informes e documentos adicionais estime procedentes. A Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, á vista da proposta da Comisión Provincial de Vivenda e, de ser o caso, de cantos informes e documentos estime procedentes, resolverá sobre o asunto. Esta resolución pon fin á vía administrativa.».
Sete. Modifícase o número 1 do artigo 75, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. O Instituto Galego da Vivenda e Solo terá dereito de tanteo e retracto sobre as vivendas protexidas e os seus anexos mentres dure o réxime de protección, nas segundas e posteriores transmisións inter vivos, sexan gratuítas ou onerosas, incluídas as derivadas de procedementos de execución patrimonial.
Sen prexuízo do anterior, o Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá adquirir directamente a título oneroso, en calquera momento, vivendas de promoción pública nas segundas e posteriores transmisións inter vivos no curso da tramitación do procedemento de selección de adquirentes. A persoa vendedora estará obrigada a efectuar a correspondente transmisión a favor do citado organismo sen que o prezo de adquisición poida superar o prezo máximo de venda fixado para tales vivendas.».
Oito. Modifícase a denominación da sección 3ª do capítulo IV, que pasará a ser a seguinte:
«Sección 3ª. Aloxamentos compartidos».
Nove. O artigo 89 queda redactado como segue:
«Artigo 89. Aloxamentos compartidos
1. Os aloxamentos compartidos, definidos no artigo 4 a), poderán ser cualificados como actuacións protexidas na materia de vivenda cando así veña establecido nun programa aprobado polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou nos pregos de adxudicación de solo público.
2. Para os efectos do cómputo da edificabilidade, os aloxamentos compartidos terán carácter de uso residencial. Os espazos de uso común terán tamén carácter de uso residencial. Tal uso será, en todo caso, compatible co uso terciario, con independencia do que determine o plan que estableceu a ordenación detallada do ámbito en que se sitúa a parcela sobre a cal se constrúan os edificios.
3. Os edificios destinados a aloxamentos compartidos deberán contar cos seguintes espazos:
a) Aloxamentos: son as unidades habitacionais de uso privativo e que, para os efectos da Lei de vivenda, terán a consideración de vivendas.
A súa superficie útil non poderá ser inferior a 30 metros cadrados.
b) Espazos de uso común: son os espazos do edificio de uso comunitario distintos dos portais, distribuidores e núcleos de comunicación do edificio.
c) Anexos aos aloxamentos: aparcamento para vehículos e, se for o caso, aparcamentos para bicicletas e rochos.
A reserva de prazas de aparcamento establecida no artigo 42.2.c) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, non se aplicará aos aloxamentos compartidos.
O número de prazas de aparcamento para vehículos será de unha por cada 150 metros cadrados de superficie de uso privativo dos aloxamentos, sen que os instrumentos de planeamento urbanístico poidan establecer un número superior.
4. As condicións de habitabilidade dos aloxamentos compartidos determinaranse regulamentariamente.».
Dez. Suprímense os números 2, 3, 4 e 5 do artigo 89 bis.
Once. Engádese unha disposición adicional vixésimo sexta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésimo sexta. Condicións de habitabilidade dos aloxamentos compartidos
Mentres non se determinaren de forma regulamentaria as condicións de habitabilidade dos aloxamentos compartidos, tales aloxamentos deberán cumprir as seguintes condicións:
1. Composición e características dos aloxamentos compartidos.
Os edificios destinados a aloxamentos compartidos deberán dispoñer dos seguintes espazos:
a) Aloxamentos.
Deberán contar coas seguintes zonas:
– Zona de estar.
– Zona de cociñar.
– Zona para comer.
– Zona para durmir.
– Zona de aseo.
A zona para comer deberá integrarse nun único espazo coa zona para cociñar ou coa zona de estar.
Permítense aloxamentos dunha única estancia na que se integren as zonas para estar-comer-cociñar e durmir.
A zona de aseo deberá constituír unha peza independente de calquera outro espazo dos aloxamentos.
b) Espazos de uso común.
Estes espazos deberán ter as seguintes zonas:
– Unha ou máis zonas para o lavado de roupa.
– Unha ou máis zonas para o secado de roupa.
– Unha ou máis zonas de uso flexible.
– Un ou máis cuartos de limpeza por cada núcleo de comunicacións que conecte o portal coas plantas nas que se atopen os aloxamentos.
– Aseos próximos aos espazos de uso flexible.
Ademais destes espazos, os edificios destinados a aloxamentos poderán ter comedores comunitarios, cociñas comunitarias e outros espazos destinados a uso compartido.
Todos estes espazos de uso compartido serán espazos interiores da edificación e terán acceso a través de zonas comúns de circulación, interiores ou exteriores ao edificio, de xeito que calquera ocupante dos aloxamentos poida acceder a eles.
As zonas de uso flexible, cando se prevexa que poden ser usadas por persoas distintas aos moradores dos aloxamentos, poderán ter outro acceso directo desde o exterior.
As zonas de uso compartido, coa excepción das zonas de uso flexible, poderanse dispoñer en calquera planta do edificio, atendendo á obtención da maior cota de funcionalidade para o uso previsto.
Os espazos de uso compartido deberán distribuírse en tantas pezas e locais como tipos de uso. Poderá repartirse a súa superficie por uso en máis dun local, sempre que se cumpran as superficies mínimas e as condicións dimensionais establecidas na táboa 2.
O proxecto deberá prever o acondicionamento do espazo exterior da parcela que non se ocupe co edificio e que formará parte dos espazos da edificación de uso común.
c) Espazos de tránsito.
Son os portais, distribuidores, núcleos de comunicación vertical e outras zonas destinadas ao tránsito de persoas que comunican os distintos espazos do edificio entre si e co espazo exterior.
d) Aparcadoiros.
O edificio deberá contar cunha zona de aparcadoiros para coches e poderá dispoñer tamén de espazos destinados a aparcar bicicletas ou patinetes.
e) Rochos.
Cada aloxamento poderá ter un rocho independente, que non poderá situarse na zona privativa e terá acceso desde os elementos comúns do edificio.
2. Superficies e dimensións mínimas.
As superficies útiles mínimas dos aloxamentos e das zonas de uso común do edificio serán as establecidas nos seguintes apartados.
a) Aloxamentos.
As superficies mínimas, a distancia mínima entre paramentos e, se for o caso, as dimensións do cadrado, que se debe poder inscribir na peza, indícanse na seguinte táboa:
Táboa 1.
|
Peza |
Superficie mínima (m2) |
Figura inscritible |
Distancia mín. (m) entre paramentos |
|||
|
Aloxamento de estancia única |
Aloxamento de 1 dormitorio |
Aloxamento de 2 dormitorios T1 |
Aloxamento de 2 dormitorios T2 |
|||
|
Cociña |
|
5 |
6 |
6 |
- |
1,8 |
|
Comedor |
|
|
|
|
|
|
|
Cociña-comedor |
|
8 |
9 |
9 |
- |
2,2 |
|
Estar |
|
10 |
11 |
11 |
Cadrado 2,80 |
2,7 |
|
Estar-comedor |
|
13 |
14 |
14 |
Cadrado 2,80 |
2,7 |
|
Estar-comedor-cociña |
|
17 |
18 |
19 |
Cadrado 2,80 |
2,7 |
|
Estar, comedor, dormitorio e cociña |
26 |
|
|
|
Cadrado 2,80 |
2,7 |
|
Baño |
4 |
4 |
4 |
4 |
- |
1,6 |
|
Dormitorio 1 |
|
10 |
10 |
10 |
Cadrado 2,60 |
2,2 |
|
Dormitorio 2 |
|
- |
6 |
8 |
Cadrado 2,20 |
2 |
b) Espazos de uso común.
Táboa 2.
|
Superficie |
Superficie mínima por local |
Distancia mín. entre paramentos |
|
|
Zona uso flexible |
5 m2/vivenda |
25 m2 |
3,50 m |
|
Lavadoiro |
0,33 m2/vivenda |
4 m2 |
1,5 m |
|
Zona de secado natural |
0,33 m2/vivenda |
4 m2 |
1,5 m |
|
Aseos |
- |
1,5 m2 |
1,2 m |
|
Cuarto de limpeza |
- |
2 m2 |
1,2 m |
c) Dimensións e características dos aparcadoiros.
As prazas para vehículos terán unhas dimensións de 4,70 × 2,40 metros.
As prazas para bicicletas serán de 0,60 × 1,90 metros, e deberán contar con algún sistema co que garantir a seguridade contra o seu roubo.
d) Dimensión e características dos rochos.
Cando no edificio existan rochos anexos aos aloxamentos compartidos, a súa superficie mínima será de 3 metros cadrados e a distancia mínima entre paramentos será de 1,60 metros.
3. Dotación e equipamento mínimo dos espazos.
Todas as zonas que conforman os espazos deberán estar dotadas das instalacións necesarias que permitan o uso específico e a función para a cal están destinadas. Ademais, serán conformes coas normas e regulamentos sectoriais vixentes.
a) Cociñas.
O equipamento e as instalacións das cociñas serán os exixidos nas normas de habitabilidade de vivenda.
b) Cuarto de baño.
Deberá contar polo menos cos seguintes aparellos sanitarios: lavabo, inodoro e prato de ducha ou bañeira.
c) Zona de lavandaría.
Deberá ter as paredes e o chan revestidas dalgún material impermeable que permita a súa limpeza mediante rega.
Estará equipada con lavadoras e secadoras industriais e contará cunha pía de lavado á man.
O número mínimo será dunha lavadora por cada cinco aloxamentos e unha secadora por cada quince aloxamentos.
d) Zona de secado natural de roupa.
Deberá ter as paredes e o chan revestidos dalgún material impermeable que permita a súa limpeza mediante rega e deberá contar coa ventilación natural permanente directamente desde o exterior ou patio, así como cun espazo suficiente para colocar 0,5 metros de cordel para cada persoa que more nos aloxamentos.
e) Cuartos de limpeza.
Deberán ter as paredes e o chan revestidos dalgún material impermeable que permita a súa limpeza mediante rega e contarán con pía-vertedoiro e lavabo.
f) Rochos.
Deberán dispoñer dun punto de luz e dunha toma de corrente eléctrica conectados á instalación individual de cada aloxamento, sempre que as condicións de seguridade de protección contra incendios o permitan.
4. Condicións de accesibilidade e reserva de aloxamentos adaptados.
a) Observarase o disposto na normativa vixente na materia de accesibilidade.
b) Para os efectos da reserva de vivendas para persoas con discapacidade, para determinar o número de aloxamentos adaptados deberá reservarse a mesma porcentaxe prevista na Lei de accesibilidade de Galicia para a reserva de vivendas accesibles».
Doce. Engádese unha disposición adicional vixésimo sétima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional vixésimo sétima. Reserva de prazas de aparcadoiros para aloxamentos compartidos
A reserva de prazas de aparcadoiros de vehículos para aloxamentos compartidos establecida no artigo 89.4 resultará aplicable aos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026.».
Trece. Engádese unha disposición transitoria décima, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria décima. Procedementos de adxudicación de vivendas de protección autonómica en réxime de arrendamento en tramitación
Os procedementos de adxudicación de vivendas de protección autonómica en réxime de arrendamento que estean en tramitación o 1 de xaneiro de 2026 rexeranse polo establecido na normativa en vigor na data de inicio do procedemento.».
Catorce. Engádese unha disposición transitoria décimo primeira, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria décimo primeira. Excepcións ao cumprimento dos requisitos de acceso ás vivendas protexidas
1. As solicitudes de excepción do cumprimento dos requisitos de acceso ás vivendas protexidas presentadas con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026 continuarán a súa tramitación conforme o réxime vixente no momento da súa presentación.
2. As autorizacións outorgadas ao abeiro do establecido no artigo 58, na súa redacción vixente ata o 1 de xaneiro de 2026, manterán os seus efectos.».
Artigo 60. Modificación da Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia
A Lei 8/2013, do 28 de xuño, de estradas de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 44, que queda redactada como segue:
«c) Plantación de arboredo.».
Dous. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 45 bis, que queda redactada como segue:
«b) As cortas de arboredo.».
Tres. Engádese unha letra c) ao número 1 do artigo 45 bis, coa seguinte redacción:
«c) Aqueloutros que se determinen regulamentariamente.».
Catro. Modifícase o número 2 do artigo 47, que queda redactado como segue:
«2. A competencia para autorizar a execución de obras, instalacións ou a realización de calquera outra actividade na zona de dominio público da estrada ou nas súas zonas de protección, así como para realizar as actividades de comprobación daquelas e das suxeitas a declaración responsable, no que á lexislación sectorial na materia de estradas se refire, corresponde á administración titular da estrada. Exceptúanse do disposto neste número as cortas de arboredo realizadas na zona de servidume e de afección, que estarán suxeitas a declaración responsable, que se presentará ante o órgano competente en materia forestal, de acordo co disposto no artigo 92 bis.3.f) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.».
Cinco. Engádese unha letra h) ao número 2 do artigo 61, coa seguinte redacción:
«h) Establecer accesos ou modificar os usos ou características dos existentes sen as autorizacións requiridas ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas, cando poidan ser obxecto de legalización posterior na súa totalidade.».
Seis. Engádese unha letra h) ao número 3 do artigo 61, coa seguinte redacción:
«h) Establecer accesos ou modificar os usos ou características dos existentes de xeito non permitido ou incumprindo algunha das prescricións impostas nas autorizacións outorgadas cando, neste último caso, non for posible a súa legalización posterior.».
Artigo 61. Modificación da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Modifícase a Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. A letra b) do artigo 22 queda redactada como segue:
«b) Nos terreos incluídos na categoría de solo urbano non consolidado definidos nos números 1 e 2 do artigo 17.b), o aproveitamento resultante de referir á súa superficie o 90 % do aproveitamento tipo da área de repartición correspondente.
Con todo, os propietarios ou propietarias teñen dereito ao 100 % do aproveitamento tipo nos seguintes supostos:
– Polígonos para os que o plan impoña cargas especialmente onerosas relativas á rehabilitación integral ou restauración de bens inmobles catalogados.
– Polígonos para os que o novo plan non prevé o incremento da superficie edificable respecto da preexistente nin incorpora novos usos que xeren plusvalías.
Os propietarios ou propietarias materializarán o seu aproveitamento urbanístico sobre as parcelas que resulten da nova ordenación ou mediante unha compensación económica.».
Dous. A letra b) do número 2 do artigo 34 pasa a ter a seguinte redacción:
«b) Solo rústico de protección forestal, constituído polos terreos de alta produtividade forestal que sexan delimitados no catálogo oficial correspondente polo órgano que exerza a competencia sectorial en materia forestal e os montes ou terreos forestais inscritos no Sistema rexistral forestal de Galicia.».
Tres. A letra m) do número 1 do artigo 35 pasa a ter a seguinte redacción:
«m) Instalacións e infraestruturas hidráulicas, de telecomunicacións, produción, almacenamento e transporte de enerxía, gas, abastecemento de auga, saneamento e xestión e tratamento de residuos, públicas ou privadas, sempre que non impliquen a urbanización ou transformación urbanística dos terreos polos que discorren.».
Catro. A letra ñ) do número 1 do artigo 35 queda redactada como segue:
«ñ) Construcións nas que se desenvolvan actividades de natureza artesanal ou de reducida dimensión que alberguen actividades complementarias de primeira transformación, almacenamento e envasado de produtos do sector primario, sempre que garden relación directa coa natureza, a extensión e o destino do predio ou explotación do recurso natural.».
Cinco. O número 4 do artigo 36 queda redactado como segue:
«4. Os usos previstos nas letras o) e p) do artigo anterior requirirán a aprobación dun plan especial de infraestruturas e dotacións, agás que o planeamento urbanístico xeral xa cualifique un ámbito como equipamento ou que a actuación poida encadrarse no disposto no artigo 40 para as edificacións existentes de carácter tradicional. No caso de se implantar en solo rústico especialmente protexido, será preciso obter a autorización ou o informe favorable do órgano sectorial correspondente.
Unha vez aprobado definitivamente o plan especial, os pronunciamentos favorables contidos nos informes sectoriais emitidos no procedemento de tramitación do devandito instrumento de planeamento poderán incorporarse ao procedemento para a obtención do título habilitante municipal de natureza urbanística, polo que non será necesario solicitalos novamente sempre que na solicitude destes sexa comunicada tal circunstancia ao órgano sectorial competente e que conste no expediente o proxecto co grao de detalle suficiente para permitir coñecer de modo certo o carácter, a extensión, a localización e os fins da obra proxectada.».
Seis. O artigo 38 queda redactado como segue:
«Artigo 38. Procedemento para o outorgamento da autorización autonómica en solo rústico
1. A competencia para o outorgamento da autorización autonómica prevista nesta lei corresponde á persoa titular do órgano competente na materia de urbanismo.
2. A persoa promotora presentará a solicitude de autorización sectorial ante o órgano competente na materia de urbanismo acompañada dun anteproxecto redactado por un técnico ou técnica competente, co contido que se detalle regulamentariamente.
O antedito órgano poderá requirir da persoa promotora a documentación e a información complementaria que estime necesaria ou ben a emenda das deficiencias da solicitude para adaptarse ao disposto nesta lei.
3. O órgano competente na materia de urbanismo examinará a adecuación da implantación do uso solicitado a esta lei. Corresponderá ao concello verificar o cumprimento das condicións de edificación no outorgamento do título habilitante de natureza urbanística.
Transcorrido o prazo de tres meses sen resolución expresa, contados desde a entrada da documentación completa no rexistro da consellaría, esta entenderase outorgada por silencio administrativo.».
Sete. Modifícase o número 2 do artigo 41, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. En solo urbanizable de uso residencial ou hoteleiro, a superficie edificable total de cada sector non poderá superar os seguintes niveis de intensidade:
a) En municipios con poboación igual ou superior a 50.000 habitantes: 1 metro cadrado edificable por cada metro cadrado de solo.
b) En municipios con poboación igual ou superior a 20.000 habitantes e inferior a 50.000 habitantes, e en municipios considerados cabeceiras do sistema urbano intermedio nas Directrices de ordenación do territorio: 0,85 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de solo.
c) En municipios con poboación igual ou superior a 5.000 habitantes e inferior a 20.000 habitantes, e en municipios considerados nodos para o equilibrio do territorio nas Directrices de ordenación do territorio: 0,60 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de solo.
d) No resto de municipios: 0,40 metros cadrados edificables por cada metro cadrado de solo.
Os niveis de intensidade previstos neste número incrementaranse nun 20 % cando polo menos o 60 % da superficie total do sector se destine á construción de vivendas protexidas, con independencia das limitacións de edificabilidade que estableza o planeamento.
O planeamento de desenvolvemento deberá garantir o cumprimento dos estándares recollidos nos números 1 e 2 do artigo 42.
O planeamento xustificará a edificabilidade asignada en cada ámbito, segundo os criterios establecidos polo artigo 51.4 , valorando o parque de vivendas existente.».
Oito. Modifícase o número 5 do artigo 42, que queda redactado do seguinte xeito:
«5. O concello en pleno, por maioría absoluta e sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do planeamento urbanístico, poderá acordar o cambio de uso dos terreos reservados para calquera tipo de dotación pública por outro uso dotacional público distinto, sempre que se manteña a titularidade pública. En todo caso, deberá garantirse o cumprimento dos estándares recollidos nos números 1 e 2.
Para os efectos do disposto neste número, entenderase que teñen tamén a condición de equipamentos ou dotacións públicas os que sexan de titularidade pública, aínda que non figuren no planeamento urbanístico con tal condición.».
Nove. Modifícanse os números 9 e 10 do artigo 42, que pasan a ter a seguinte redacción:
«9. Os plans xerais deberán prever unhas reservas de solo para a vivenda suxeita a algún réxime de protección pública que, como mínimo, comprenderán os terreos necesarios para realizar o 40 % da edificabilidade residencial prevista pola ordenación urbanística no solo urbanizable e no solo urbano non consolidado regulado no artigo 17.b).1. Esta proporción será do 20 % no suposto do solo urbano non consolidado regulado no artigo 17.b).2. No suposto do solo urbano non consolidado regulado no artigo 17.b).3, non será obrigatorio prever unha reserva para vivenda suxeita a algún réxime de protección.
Excepcionalmente, os plans xerais, atendendo á demanda real de vivenda protexida, poderán fixar unha reserva inferior axustada á porcentaxe de reserva total de solo para vivenda protexida do concello e aos diferentes réximes de vivenda protexida. A porcentaxe de reserva total do concello determinaraa anualmente o Instituto Galego da Vivenda e Solo, con base nos inscritos no Rexistro único de demandantes de vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia. A resolución que determine esta porcentaxe será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia.
Cando se produza unha variación de máis ou menos dous puntos porcentuais da porcentaxe de reserva total de solo para vivenda protexida do concello establecida no plan xeral respecto da última publicada, o pleno do concello, por maioría absoluta e sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do plan, deberá acordar a modificación das porcentaxes de reserva e axustalas á resolución do Instituto Galego da Vivenda e Solo.
Estarán exentos das reservas de solo reguladas neste punto aqueles concellos que conten con menos de 5.000 habitantes inscritos no padrón municipal no momento da aprobación inicial do plan xeral, cando este non conteña previsión para novos desenvolvementos urbanísticos en solos clasificados como urbanos non consolidados e urbanizables que na totalidade do municipio superen as 300 vivendas.
10. As reservas para a construción de vivendas protexidas deberán localizarse favorecendo o principio de cohesión social e conforme as seguintes regras, en función da clasificación do solo:
– No solo urbano non consolidado, deberá acreditarse o cumprimento da reserva para vivenda protexida no distrito.
– No solo urbanizable, deberá acreditarse o cumprimento da reserva para vivenda protexida no sector.
– No caso das modificacións puntuais do planeamento urbanístico xeral, o cumprimento deberá referirse ao ámbito obxecto da modificación.».
Dez. Modifícase o número 2 do artigo 59, que queda redactado como segue:
«2. O plan xeral de ordenación municipal conterá unha avaliación do custo de execución dos sistemas xerais e das actuacións previstas, coa indicación do carácter público ou privado da iniciativa de financiamento, xustificando as previsións que cumpra realizar con recursos propios do concello para a obtención dos terreos afectados.».
Once. Modifícase o número 3 do artigo 60, que pasa a ter a seguinte redacción:
«3. O concello trasladará á consellaría competente na materia de urbanismo a solicitude de inicio da tramitación urbanística e da avaliación ambiental estratéxica, un borrador do plan co contido necesario para a súa análise urbanística e o documento inicial estratéxico.
A consellaría competente na materia de urbanismo dará traslado da citada documentación ao órgano ambiental, o cal comprobará no prazo máximo dun mes que se inclúen os documentos exixibles e solicitará, na súa falta, que se acheguen os documentos preceptivos.».
Doce. O número 4 do artigo 64 queda redactado como segue:
«4. A persoa titular da consellaría competente na materia de urbanismo, logo do informe favorable da Xunta Consultiva en materia de Ordenación do Territorio e Urbanismo, adoptará motivadamente unha das seguintes decisións:
a) Aprobar definitivamente o plan básico municipal, nos mesmos termos en que se formula.
b) Aprobar parcialmente o plan básico municipal, cando existan deficiencias que afecten áreas ou determinacións tan concretas que, prescindindo delas, o planeamento se poida aplicar con coherencia. A parte obxecto de reparos quedará en suspenso ata a emenda das deficiencias e nela resultará aplicable o réxime transitorio establecido nesta lei para os municipios sen planeamento urbanístico xeral.».
Trece. A letra h) do artigo 68 queda redactada como segue:
«h) Reaxuste, se for o caso, da ordenación detallada dos solos destinados polo plan xeral a sistemas xerais incluídos ou adscritos ao sector.».
Catorce. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 70, que pasan a ter a seguinte redacción:
«1. Poderán formularse e aprobarse plans especiais coa finalidade de protexer ámbitos singulares, levar a cabo operacións de reforma interior, prever dotacións urbanísticas e protexer, rehabilitar e mellorar o medio rural.
2. Na ausencia de planeamento xeral municipal, ou cando este non conteña as previsións detalladas oportunas, poderán aprobarse plans especiais unicamente coa finalidade de protexer ámbitos singulares, rehabilitar e mellorar o medio rural ou establecer dotacións urbanísticas, sempre que estas determinacións non exixan a definición previa dun modelo territorial.».
Quince. O número 1 do artigo 73 queda redactado do seguinte xeito:
«1. Os plans especiais de infraestruturas e dotacións teñen por obxecto a implantación de dotacións urbanísticas e dos usos previstos nas letras o) e p) do artigo 35.1, de conformidade co disposto no artigo 36.4.».
Dezaseis. Modifícase o número 2 do artigo 78, que queda redactado como segue:
«2. A tramitación dos expedientes de delimitación do solo de núcleo rural axustarase ao seguinte procedemento:
a) O concello, logo do informe dos servizos técnicos e xurídicos municipais sobre a conformidade do plan coa lexislación vixente, procederá á súa aprobación inicial, someterá o expediente de delimitación a información pública por un prazo mínimo de dous meses, mediante un anuncio que se publicará no Diario Oficial de Galicia e nun dos xornais de maior difusión da provincia. Así mesmo, notificarase individualmente as persoas titulares catastrais dos terreos respecto dos cales se proxecte unha modificación na súa clasificación urbanística.
O concello deberá solicitar, no momento que corresponda en cada caso, os informes sectoriais que resulten preceptivos de conformidade coa normativa vixente.
b) O concello aprobará provisionalmente o documento e remitirá o expediente completo, debidamente dilixenciado, á consellaría competente na materia de urbanismo.
A consellaría, no prazo dun mes, examinará a integridade do proxecto e, se apreciar algunha deficiencia, requirirá a súa emenda. Ata o cumprimento efectivo do requirimento non comezará o cómputo do prazo legal para a emisión do informe ou a resolución sobre a aprobación definitiva do documento.
c) Nos concellos con poboación superior a 50.000 habitantes, a devandita remisión será para os efectos da emisión do informe preceptivo e vinculante previo á aprobación definitiva por parte do órgano municipal competente. Transcorrido o prazo de tres meses sen a emisión do referido informe, o concello poderá proseguir as actuacións.
d) Nos supostos dos concellos con poboación inferior a 50.000 habitantes, a consellaría competente na materia de urbanismo, no prazo de tres meses contados desde a recepción do expediente completo no seu rexistro, adoptará motivadamente algunha das seguintes decisións:
1ª. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural.
2ª. Aprobar definitivamente a delimitación de solo de núcleo rural coas condicións precisas e determinadas que se xulguen necesarias para reparar as deficiencias detectadas. Neses casos, de ser necesario, procederase de acordo co establecido no artigo 62.
3ª. Non outorgar a aprobación definitiva.
Transcorrido o prazo de tres meses sen resolución expresa, entenderase aprobado por silencio administrativo.».
Dezasete. Engádese un artigo 83 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 83 bis. Rectificación de erros dos instrumentos de planeamento urbanístico
1. Os erros materiais, de feito ou aritméticos existentes nos instrumentos de planeamento urbanístico poderán ser rectificados en calquera momento, de oficio o por instancia das persoas interesadas.
2. A rectificación dos erros existentes nos instrumentos de planeamento urbanístico será adoptada polo órgano competente para a súa aprobación definitiva e requirirá a adopción do correspondente acordo plenario, logo da emisión dos informes técnicos e xurídicos municipais.
3. A corrección de erros deberá ser obxecto de publicación e inscrición no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 82 e 88.».
Dezaoito. Modifícase o número 1 do artigo 90, que queda redactado como segue:
«1. Os edificios, construcións e instalacións erixidos con anterioridade á aprobación definitiva do plan urbanístico que resulten incompatibles coas súas determinacións por estaren afectados por viarios, zonas verdes, espazos libres, dotacións e equipamentos públicos quedarán incursos no réxime de fóra de ordenación.
Nestes edificios, construcións e instalacións poderá manterse o uso preexistente en todo caso, mesmo se se trata de usos non permitidos pola ordenanza ou normativa urbanística vixente, e tamén poderán autorizarse os usos permitidos pola ordenanza ou normativa urbanística que resulte aplicable.
En ambos os casos poderán realizarse as obras de conservación, reforma e reparación, así como as que exixa a normativa en materia de habitabilidade ou a utilización conforme o destino establecido, mesmo as de consolidación que non impliquen un incremento da ocupación nin do volume edificado, agás que resulte necesario para o cumprimento da normativa sectorial que puider resultar aplicable.
En todo caso, as persoas propietarias deberán renunciar ao incremento do valor expropiatorio, sen que tal renuncia afecte as obras que sexa obrigatorio realizar para manter o inmoble en adecuadas condicións de conservación, de acordo co correspondente informe de avaliación do edificio, cando este sexa obrigatorio segundo a normativa vixente.
O réxime previsto neste número será aplicable no caso dos edificios, construcións e instalacións existentes en solo urbano non consolidado, en áreas de solo de núcleo rural nas cales se prevexan actuacións de carácter integral, no solo urbanizable e nos terreos afectos a sistemas xerais, mentres non estea aprobada definitivamente a ordenación detallada dos devanditos ámbitos.».
Dezanove. Engádese un número 5 ao artigo 95, coa seguinte redacción:
«5. En calquera clase de solo a ordenación detallada das dotacións acadarase mediante a súa cualificación como tales polo planeamento urbanístico.».
Vinte. Modifícase o número 4 do artigo 143, que queda redactado como segue:
«4. No suposto de que a licenza urbanística fose outorgada con base nun proxecto básico, o inicio das obras autorizadas exixirá a presentación dunha comunicación previa, acompañada do correspondente proxecto de execución e da documentación complementaria que proceda.
Coa devandita comunicación previa xuntarase, ademais, un documento asinado pola persoa técnica que redactase o proxecto de execución, onde sinale que este se axusta e desenvolve as determinacións do proxecto básico que serviu para a concesión da licenza sen introducir modificacións substanciais.
Se o proxecto de execución modifica de forma substancial o proxecto básico autorizado, a persoa interesada deberá solicitar previamente a modificación da licenza outorgada coa documentación exixida e non poderá iniciar a obra en tanto non a obtiver.
Para estes efectos, terán a consideración de modificacións substanciais do proxecto básico os cambios de uso, así como aquelas que afecten de forma significativa as condicións de volume e forma dos edificios, a posición e ocupación do edificio na parcela, a edificabilidade, as alturas, os recuamentos e a separación a lindeiro, o número de vivendas, as condicións de seguridade e outras de incidencia análoga.».
Vinte e un. Engádese unha disposición adicional quinta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional quinta. Limitacións ao número máximo de vivendas previstas nos instrumentos de planeamento urbanístico
A superficie edificable total determinarase conforme os límites de sustentabilidade previstos no artigo 41, sen resultaren aplicables as determinacións relativas a un número máximo de vivendas contidas nos instrumentos de planeamento urbanístico aprobados definitivamente con anterioridade ao momento da entrada en vigor desta lei.».
Vinte e dous. Modifícase a letra b) do número 2 da disposición transitoria terceira, que pasa a ter a seguinte redacción:
«b) Que cumpra as condicións de edificación establecidas polo artigo 39.».
Vinte e tres. Engádese unha disposición transitoria décimo primeira, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria décimo primeira. Niveis de intensidade previstos nos instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio en tramitación para a construción de vivendas protexidas
Os instrumentos de planeamento urbanístico e de ordenación do territorio que prevexan a construción de vivendas protexidas na porcentaxe prevista no artigo 41.2 que se atopen en tramitación con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026 poderán incrementar os niveis de intensidade asignados neles ata un 20 % e continuar coa súa tramitación sempre que non se chegase á fase de aprobación inicial.».
Artigo 62. Modificación da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia
Modifícase a Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o artigo 44, que queda redactado como segue:
«Artigo 44. Licenzas directas
1. As actuacións que non afecten a envolvente exterior dos edificios incluídos no ámbito dos bens de carácter territorial das categorías definidas na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, ou no contorno de protección ou na zona de amortecemento destes bens ou dos de inmobles singulares declarados ben de interese cultural ou catalogados, exista ou non un plan especial de protección, ou con independencia do disposto neste, poderán ser obxecto dunha licenza directa por parte do concello, sen necesidade da autorización prevista no artigo 39.1 da citada lei, sempre que non afecten inmobles especificamente protexidos polo seu valor cultural e sen prexuízo, se for o caso, do cumprimento das exixencias que poidan derivar da protección arqueolóxica a que poida estar afecto.
2. Malia o sinalado no número anterior, poderán ser obxecto de licenza directa por parte do concello, sen necesidade da autorización prevista no artigo 39.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, os supostos previstos no artigo 45.2 desa lei, así como as intervencións no contorno de protección ou na zona de amortecemento de inmobles singulares declarados ben de interese cultural ou catalogados, ou con protección ambiental ou estrutural ou nivel de protección asimilable, que consistan en actuacións no interior, nas carpintarías exteriores, en acabados de fachada ou en cambios de cuberta, sempre que non afecten os seus valores culturais nin os seus elementos especificamente protexidos.
3. Tampouco precisarán da autorización prevista no artigo 39.1 da Lei 5/2016, do 4 de maio, e polo tanto poderán ser obxecto de licenza directa por parte do concello, as actuacións puntuais de mantemento ou uso ordinario de moi escasa entidade técnica e construtiva, xustificadas pola deterioración material dos elementos sobre os que se propón a intervención, cun alcance moi concreto e parcial, e que requiran dunha rápida execución pola ameaza que pode supoñer para a súa conservación ou apreciación, sempre que as actuacións manteñan ou respecten os materiais e os sistemas construtivos orixinais.».
Dous. Modifícase o número 2 do artigo 46, que queda redactado como segue:
«2. A declaración destas áreas corresponderá á Administración autonómica e será realizada por solicitude do concello correspondente, sen prexuízo do disposto no artigo 52 para as áreas de rehabilitación integral supramunicipais.».
Tres. Engádese un número 5 ao artigo 46, coa seguinte redacción:
«5. Cando, de conformidade co establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, a totalidade ou parte do ámbito dunha área de intervención no medio urbano deba contar cun plan especial de protección adaptado ás determinacións da citada lei e o instrumento non estea aprobado, será requisito para a declaración da área que estea iniciada a redacción do plan especial ou que fose solicitada a homoxeneización dos catálogos de protección a que se refire a disposición transitoria primeira da presente lei. Esta previsión non será aplicable ás áreas de rehabilitación integral supramunicipais.».
Catro. O artigo 48 pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 48. Efectos da declaración dunha área de intervención no medio urbano declarada pola Administración autonómica
1. A declaración por parte da Administración autonómica dunha área de intervención no medio urbano posibilita, ademais da aplicación das medidas previstas nesta lei, o acceso ao financiamento dos plans e programas de axudas autonómicos ou estatais, sempre que se cumpran os demais requisitos exixidos en cada plan ou programa ou mediante o asinamento duns acordos específicos de financiamento, que se poderán referir a todo o ámbito declarado ou a unha parte del.
2. En todo caso, será requisito para o acceso ao financiamento que, cando sexa necesario de conformidade co establecido na Lei 5/2016, do 4 de maio, o concello teña aprobado un plan especial de protección adaptado ás determinacións da citada lei ou dispoña da homoxeneización dos catálogos de protección a que se refire a disposición transitoria primeira da presente lei. Esta previsión non será aplicable ás áreas de rehabilitación integral supramunicipais.».
Cinco. O número 2 do artigo 60 pasa a ter a seguinte redacción:
«2. A tramitación dos plans de dinamización axustarase ao seguinte procedemento:
a) Tras a declaración da área de rexeneración urbana de interese autonómico, o concello elaborará o proxecto do plan de dinamización de acordo cos obxectivos, cos criterios básicos da intervención, coa proposta das medidas para adoptar e coa avaliación económica das actuacións públicas e privadas que se prevexan na declaración, indicando o organismo ou organismos encargados do seu financiamento. Así mesmo, cando o documento prevexa a posibilidade de que outras administracións participen no financiamento ou a adopción das medidas propostas, deberá acreditarse a dispoñibilidade ou posibilidade da súa obtención.
b) O concello remitirá ao Instituto Galego da Vivenda e Solo o proxecto do plan de dinamización formulado para que este organismo emita un informe preceptivo e vinculante sobre el no prazo de tres meses.
c) A aprobación do plan de dinamización corresponderá ao concello e deberá publicarse no boletín oficial da provincia e na páxina web do concello.».
Seis. Modifícase o número 2 do artigo 82, que queda redactado como segue:
«2. Poderán acollerse ao financiamento do fondo os concellos que reúnan o requisito de poboación sinalado no número 1, co obxecto de financiar, mediante préstamo sen xuros concedido por resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, as actuacións seguintes:
a) Actuacións promovidas polos concellos en desenvolvemento das competencias que lles atribúe esta lei ou a lexislación urbanística, en relación cos deberes de conservación e rehabilitación.
b) Actuacións de rehabilitación e rexeneración e renovación urbanas, incluída a urbanización e reurbanización, realizadas polo concello dentro das propias políticas municipais en materia de conservación e recuperación do patrimonio construído.
c) Adquisición de inmobles, incluído solo, para a súa posterior rehabilitación ou para a realización de actuacións de rexeneración e renovación urbanas.
d) Elaboración de plans especiais de protección e calquera outro documento técnico complementario de adaptación ou homoxeneización dos anteditos plans.
e) Calquera outra actuación de rehabilitación, rexeneración ou renovación urbanas que sexa acordada mediante unha resolución da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo.».
Sete. Engádese unha disposición adicional sexta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional sexta. Requisitos para o acceso ao financiamento nas áreas de intervención no medio urbano declaradas
O previsto no artigo 48.2 será aplicable ás áreas de intervención no medio urbano xa declaradas pola Administración autonómica, sen prexuízo dos compromisos de financiamento que sexan firmes por estaren previstos nun instrumento con efectos xurídicos vinculantes.».
Oito. Engádese unha disposición transitoria quinta, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria quinta. Plans de dinamización en tramitación
O procedemento establecido no número 2 do artigo 60 será aplicable aos plans de dinamización que se encontren en tramitación con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2026.
Nestes supostos, o prazo de tres meses para a emisión do informe preceptivo e vinculante por parte do Instituto Galego da Vivenda e Solo comezará a computar desde o 1 de xaneiro de 2026.».
Artigo 63. Modificación da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia
Modifícase o artigo 56 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 56. Modificación dos instrumentos de ordenación do territorio
1. Os instrumentos de ordenación do territorio poderán someterse ás seguintes alteracións respecto do seu contido:
a) Modificación substancial: cando os cambios supoñan unha alteración xeral ou fundamental do instrumento. En todo caso, terá o carácter de substancial a modificación que deba someterse ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica ordinaria e, no caso dos proxectos de interese autonómico non previstos, aquelas que afecten os aspectos que fundamentaron a declaración de interese autonómico.
Para a súa tramitación seguirase o mesmo procedemento previsto para a aprobación do instrumento de ordenación do territorio que se modifica substancialmente.
b) Modificación non substancial: cando os cambios propostos non supoñan unha alteración xeral ou fundamental do instrumento. O carácter de non substancial da modificación deberá xustificarse convenientemente, de acordo co establecido nesta lei, e para tal modificación seguirase o procedemento simplificado previsto no artigo seguinte.
Para tal efecto, e antes do inicio do procedemento previsto no artigo seguinte, a consellaría competente por razón da materia do instrumento de ordenación do territorio que se pretende modificar solicitaralle á consellaría competente na materia de ordenación do territorio un informe sobre o carácter non substancial da modificación, que deberá emitirse no prazo dun mes.
2. Os instrumentos de ordenación do territorio deberán definir con claridade que modificacións terán o carácter de non substanciais. En todo caso, terán este carácter, sempre que non concorran os supostos da letra a) do número 1, as modificacións que non impliquen unha revisión dos obxectivos xerais do instrumento de ordenación territorial nin a alteración substancial dos elementos esenciais da ordenación establecida nel.
3. Ademais das modificacións sinaladas, o Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellaría competente por razón da materia, poderá acordar o cambio de uso dos terreos reservados para calquera tipo de dotación pública por outro uso dotacional público distinto, sempre que se manteña a súa titularidade pública e sen necesidade de seguir o procedemento de modificación do instrumento de ordenación do territorio.».
Artigo 64. Modificación da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
Modifícase a Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o artigo 66, que queda redactado como segue:
«Artigo 66. Determinacións dos proxectos de interese autonómico
1. Os proxectos de interese autonómico previstos nesta subsección para planificar e proxectar a execución de actuacións de creación de solo destinado a vivendas protexidas conterán, como mínimo, as determinacións previstas no artigo 44 da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, coas especialidades establecidas neste precepto.
2. Os mencionados proxectos de interese autonómico poderán implantarse en calquera clase de solo e tamén poderán referirse a actuacións previstas no planeamento urbanístico vixente.
3. Os proxectos de interese autonómico citados poderán considerar, por petición do concello, como conexións exteriores ao ámbito delimitado, determinacións relativas a infraestruturas viarias non esenciais para o desenvolvemento do ámbito, sempre que se xustifique a súa relación con este. A execución destas infraestruturas será independente do desenvolvemento do ámbito e non corresponderá ao promotor do proxecto de interese autonómico.
4. As determinacións relativas ao trazado e ás características das redes de servizos urbanísticos poderán ser modificadas nos proxectos de urbanización que desenvolvan o ámbito. Non obstante, deberán resolverse os enlaces coas redes de servizos de abastecemento de auga e saneamento, subministración de enerxía eléctrica, telecomunicacións, gas e outros.».
Dous. O número 7 do artigo 67 queda redactado como segue:
«O órgano expropiador poderá, de oficio ou por solicitude da persoa interesada, excluír da expropiación forzosa as parcelas con edificacións compatibles co uso e a ordenación establecidos polo proxecto que se executa, cando isto non dificulte os obxectivos da actuación e a persoa propietaria se comprometa a participar no proceso de execución nas condicións e nos termos que sexan fixados mediante un acordo da entidade do sector público actuante. Nas mesmas condicións de compatibilidade, o órgano expropiador poderá excluír da expropiación persoas propietarias do solo que queiran participar no desenvolvemento do ámbito nas súas propias parcelas de orixe mediante a sinatura de convenios de exclusión nos que se recollan as condicións que aseguren a vinculación da propiedade á xestión urbanística.».
Tres. Engádese un artigo 67 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 67 bis. Participación das persoas propietarias no desenvolvemento do ámbito
1. O órgano expropiador poderá habilitar a participación das persoas propietarias de parcelas incluídas no ámbito de actuación dos proxectos de interese autonómico no seu desenvolvemento mediante a promoción e a construción de vivendas nas parcelas que resulten deste, sempre que sexa compatible co interese público que lexitima a actuación.
2. Tal participación será proporcional á superficie das parcelas de orixe e articularase mediante a sinatura de convenios nos que se establecerán as condicións, termos e proporción da súa vinculación á xestión urbanística do ámbito mediante a súa participación nas cargas que a ordenación e urbanización comporte. Identificaranse as parcelas do conxunto do ámbito nas que se materializará a atribución do aproveitamento que lles corresponda, así como as garantías que aseguren o cumprimento das condicións impostas.».
Catro. Modifícase o artigo 74, que queda redactado como segue:
«Artigo 74. Obras públicas de interese xeral
1. Terán a consideración de obras públicas de interese xeral (e, consecuentemente, non estarán suxeitas a licenza urbanística nin a ningún dos actos de control preventivo municipal) as seguintes:
a) As obras de construción de vivendas protexidas de promoción pública e de aloxamentos compartidos promovidos polo Instituto Galego da Vivenda e Solo ou por unha entidade participada maioritariamente por el, incluídas as obras de urbanización que foren necesarias.
b) As obras de demolición de edificacións ou construcións necesarias para o desenvolvemento dos proxectos de interese autonómico para a creación de solo residencial previstos nos artigos 62 e seguintes.
2. O Instituto Galego da Vivenda e Solo ou unha entidade participada maioritariamente por el solicitará, se for o caso, os informes sectoriais preceptivos, que, no caso dos informes autonómicos, deberán ser emitidos no prazo dun mes.
Logo de transcorrer o prazo normativamente previsto para a emisión do informe sen que este fose notificado á entidade promotora, entenderase emitido con carácter favorable e que non existen obxeccións á actuación proxectada.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo ou a entidade participada maioritariamente por el, con carácter previo ao inicio das obras, aprobará o proxecto básico e remitirá ao concello correspondente a documentación acreditativa de tal aprobación cun informe sobre o cumprimento da normativa urbanística aplicable, así como toda a documentación técnica que proceda.
4. Cando o proxecto sexa promovido por unha entidade participada maioritariamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo, achegarase, así mesmo, a conformidade deste organismo.
5. O concello, no prazo dun mes, deberá emitir un informe sobre a súa conformidade ou desconformidade coa ordenación vixente.
Se transcorrer este prazo sen que o concello se pronuncie expresamente, entenderase que o proxecto é conforme coa ordenación vixente. No caso de que o concello informe de que existe unha desconformidade, o Instituto Galego da Vivenda e Solo, ou a entidade participada maioritariamente por el, adaptará, se proceder, o seu contido e comunicará ao concello as rectificacións efectuadas.
6. A aprobación do proxecto básico ou das súas modificacións, incorporando, de ser o caso, a resolución de conformidade, producirá os mesmos efectos que a obtención da licenza urbanística municipal. A aprobación do proxecto de execución ou, de ser o caso, a resolución de conformidade co proxecto de execución no suposto previsto no número 4 permitirán o inicio das obras que constitúen o seu obxecto con efectos desde a súa data.
7. Nos proxectos de construción de vivendas protexidas de promoción pública e de aloxamentos compartidos previstos neste artigo, o certificado de fin de obra, acompañado dun informe do Instituto Galego da Vivenda e Solo acreditativo de que as obras poden ser entregadas ao uso público, producirá os mesmos efectos que a comunicación previa de primeira ocupación de edificacións.
8. O persoal notario e rexistrador, no marco do establecido na lexislación estatal aplicable, exixirá, para outorgar escrituras notariais e inscribir os parcelamentos urbanísticos, as segregacións ou as divisións de terreos vinculados aos proxectos de construción de vivenda protexida referidos neste artigo, a resolución administrativa de aprobación definitiva dos citados proxectos ou a resolución de conformidade do Instituto Galego da Vivenda e Solo prevista nos números 4 e 6, en substitución da declaración de innecesariedade de licenza prevista no artigo 150.7 da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
Igualmente, para os efectos establecidos no artigo 44 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, e de acordo co previsto na lexislación estatal aplicable, para outorgar e inscribir escrituras notariais de declaración de obra nova das vivendas e aloxamentos compartidos previstos neste artigo exixirá a resolución administrativa de aprobación definitiva dos proxectos de construción, a certificación de final de obra e o informe do Instituto Galego da Vivenda e Solo a que se refire o número anterior.».
Cinco. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 77, que queda redactada como segue:
«c) Que dispoñan ou dispuxesen de licenza urbanística outorgada para un uso residencial, de acordo co planeamento vixente no momento do outorgamento, con independencia de que se declarase a súa caducidade.».
Seis. Modifícase o número 2 do artigo 77, que pasa a ter a seguinte redacción:
«2. As persoas promotoras das actuacións previstas neste artigo poderán solicitar unha licenza municipal para a completa terminación da edificación e para o seu destino a uso residencial, sempre que, como mínimo, o 50 % das vivendas se destinen a vivenda protexida.
Nestes supostos non serán aplicables os límites máximos de superficie previstos para este tipo de vivendas, sen prexuízo de que, para os efectos do cálculo do límite máximo que corresponda para a fixación do seu prezo, a superficie computable sexa de 120 metros cadrados.».
Sete. Modifícase o número 3 da disposición derradeira terceira da Lei 5/2024, que queda redactado como segue:
«3. Exceptúase do previsto no número 1 o disposto nos artigos 11 bis, 14, 15 e 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, pola que se regula o aproveitamento eólico de Galicia e se crean o canon eólico e o Fondo de Compensación Ambiental, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2027. Desde o 1 de xaneiro de 2025 ata o 31 de decembro de 2026 manterase en vigor e aplicarase a regulación recollida nos artigos 14, 15 e 16 da Lei 8/2009, do 22 de decembro, na redacción vixente inmediatamente anterior á data de entrada en vigor da presente lei.».
Artigo 65. Modificación do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia
Modifícase o Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, que queda redactado como segue:
Un. O número 7 do artigo 78 pasará a ter a seguinte redacción:
«7. O planeamento urbanístico deberá fixar a altura máxima das edificacións en proporción ás dimensións das vías e dos espazos libres, de modo que queden garantidas as mellores condicións posibles de asollamento e de ventilación natural das vivendas.».
Dous. Modifícase o título do artigo 227, que pasará a ser o seguinte:
«Artigo 227. Proxectos de obras ordinarios en parcelas dotacionais públicas ou destinadas á construción de vivendas protexidas de promoción pública».
Tres. O número 1 do artigo 227 queda redactado como segue:
«1. No solo urbano non consolidado, urbanizable e de núcleo rural suxeito a actuacións integrais, excepcionalmente e coa debida xustificación do concello, poderán aprobarse proxectos de obras ordinarias que abrangan parte do ámbito global do proxecto de urbanización e que teñan por obxecto a urbanización de parcelas dotacionais públicas ou das parcelas destinadas á construción de vivendas protexidas de promoción pública.».
Catro. A letra a) do número 2 do artigo 227 pasa a ter a seguinte redacción:
«a) O contido do proxecto de obras ordinarias incorporarase ao proxecto de urbanización do ámbito ou axustarase a este, no caso de que xa estivese aprobado.».
Cinco. Engádese un artigo 312 bis, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 312 bis. Convocatoria subsidiaria da xunta de compensación por maioría cualificada
1. Con independencia do establecido nos estatutos, cando as persoas propietarias que representen polo menos a maioría cualificada do corenta por cento (40 %) das cotas de participación nunha xunta de compensación soliciten por escrito a convocatoria dunha sesión do órgano colexiado de goberno, acompañando a proposta de orde do día, a persoa titular da presidencia da xunta de compensación estará obrigada a efectuar a convocatoria no prazo máximo de cinco días hábiles, contados desde o día seguinte ao da presentación da devandita solicitude, e a fixar unha data e unha hora da realización da sesión dentro dos cinco días hábiles seguintes ao día en que se efectúe a convocatoria.
2. Se a persoa titular da presidencia incumpre o establecido no número 1, as persoas propietarias solicitantes poderán remitir a solicitude ao concello, xuntando a copia da solicitude dirixida á persoa titular da presidencia e a proposta realizada de orde do día, acreditando a maioría cualificada das cotas de participación expresada no número 1.
3. Se se cumpren os requisitos establecidos no número anterior, o concello deberá ditar unha resolución nun prazo máximo de quince días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa recepción, na que ordene directamente a convocatoria da sesión do órgano colexiado, coa orde do día proposta e fixando unha data e unha hora para a reunión, dentro dos seguintes quince días hábiles desde o ditado da resolución. No caso de transcorrer o devandito prazo para ditar resolución sen se ditar unha resolución expresa, entenderase estimada a solicitude por silencio positivo e a sesión realizarase ás 17 horas no día hábil número quince, contado desde o día seguinte ao que transcorra o prazo para ditar a resolución.
4. A sesión convocada conforme o previsto neste artigo será válida aínda en ausencia das persoas titulares da presidencia e da secretaría da xunta de compensación. En tal caso, as funcións de presidencia e secretaría da sesión corresponderán ás persoas propietarias que sexan designadas polas persoas propietarias que representen a maioría das cotas de participación.».
CAPÍTULO X
Sanidade
Sección 1ª. Medidas extraordinarias na materia de persoal estatutario e sanitario
Artigo 66. Creación da categoría estatutaria de enxeñeiro/a biomédico/a
1. Créase no Servizo Galego de Saúde, dentro do colectivo de persoal estatutario de xestión e servizos, de nivel licenciado/a ou graduado/a (subgrupo A1), a categoría estatutaria de enxeñeiro/a biomédico/a.
2. Para o acceso á categoría de enxeñeiro/a biomédico/a, como persoal estatutario fixo ou temporal, será indispensable estar en posesión do grao universitario en Enxeñaría Biomédica ou un título equivalente.
A superación das probas de selección, convocadas en execución dunha oferta pública de emprego, será requisito para acceder á condición de persoal estatutario fixo da categoría.
A selección do persoal temporal efectuarase polo procedemento que se estableza de acordo coa normativa aplicable, logo da negociación na mesa sectorial do persoal das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde.
3. Corresponde ao persoal enxeñeiro biomédico desempeñar, con carácter xeral, as seguintes funcións:
a) Xestionar de forma integral a tecnoloxía sanitaria ao longo de todo o ciclo de vida: avaliación e planificación, control e optimización do estado funcional e a supervisión do rendemento.
b) Promover, asesorar e elaborar a documentación técnica asociada aos procesos de contratación de tecnoloxía sanitaria.
c) Investigar e innovar, desenvolver, deseñar, testar e validar solucións, dispositivos médicos e biomédicos, así como solucións dixitais de saúde e software médico, incluíndo a fabricación interna.
d) Xestionar e analizar datos clínicos do ámbito asistencial e da investigación. Colaborar tanto na implantación, desenvolvemento e control de ferramentas de xestión e análise como na súa explotación.
e) Participar en proxectos de deseño, modelado e optimización de procesos sanitarios, fluxos de pacientes, sustentabilidade, utilización de recursos e loxística sanitaria, así como na análise do impacto derivado da implantación de novos deseños, tecnoloxías ou solucións no ámbito sanitario.
f) Realizar actividades de formación, comunicación e información no campo das habilidades da enxeñaría biomédica.
g) Realizar o asesoramento técnico especializado, así como o soporte continuado en proxectos de xestión, planificación estratéxica, implantación e innovación tecnolóxica no ámbito sanitario, colaborando estreitamente con equipos multidisciplinarios para asegurar a adecuada integración, funcionalidade e adaptabilidade das solucións tecnolóxicas.
h) Participar na elaboración de plans funcionais e de espazos sanitarios, garantindo a súa adecuada distribución e adaptación ás necesidades tecnolóxicas e operativas da tecnoloxía sanitaria, verificando que cumpra cos requisitos técnicos, normativos e de seguridade necesarios.
i) Calquera outra función que se corresponda co conxunto de aptitudes e capacidades que derivan da titulación de grao en Enxeñaría Biomédica.
As funcións desenvolveranse baixo a dirección da institución sanitaria e a supervisión que esta dispoña, e sen menoscabo da competencia, responsabilidade e autonomía dos e das profesionais doutras categorías.
Na programación e no desenvolvemento das funcións do persoal enxeñeiro biomédico incorporarase a perspectiva de xénero, de conformidade co que establece a normativa na materia de igualdade de mulleres e homes.
4. A relación de servizo do persoal desta categoría co Servizo Galego de Saúde rexerase pola Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde, pola Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, pola normativa na materia de emprego público, nos termos previstos nela, e pola restante normativa aplicable ao persoal estatutario do organismo.
5. As retribucións do persoal enxeñeiro biomédico serán as correspondentes para o persoal enxeñeiro superior do Servizo Galego de Saúde.
6. Correspóndelle ao Servizo Galego de Saúde, baixo a supervisión e o control da consellaría con competencias na materia de sanidade, determinar o número de efectivos de persoal da nova categoría que poden prestar servizos con carácter estrutural, de acordo coa planificación estratéxica da política de recursos humanos do sistema público de saúde de Galicia.
Esta medida de dotación de postos de carácter estrutural farase efectiva mediante as modificacións que procedan nos cadros de persoal, coas limitacións e de conformidade coas previsións establecidas nas disposicións orzamentarias en vigor.
Os postos de traballo da categoría de enxeñeiro/a biomédico/a contarán cun código orzamentario específico.
7. Todas as referencias á categoría de enxeñeiro/a superior biomédico/a previas á entrada en vigor desta lei entenderanse referidas a esta categoría estatutaria de enxeñeiro/a biomédico/a, de conformidade co previsto neste artigo.
8. Os servizos prestados antes da entrada en vigor desta lei como enxeñeiro/a superior biomédico/a, debidamente certificados, terán a consideración de prestados nesta nova categoría para os efectos dos procesos de selección de persoal estatutario, fixo ou temporal, e dos procesos de provisión de prazas.
Artigo 67. Modificación da denominación axudante técnico sanitario/diplomado universitario en Enfermaría (ATS/DUE) referida no Decreto 303/1990, do 31 de maio, polo que se desenvolve a Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma
1. Modifícase, no ámbito das escalas do persoal funcionario sanitario da Lei 17/1989, do 23 de outubro, de creación de escalas do persoal sanitario ao servizo da Comunidade Autónoma, a denominación «axudante técnico sanitario/diplomado universitario en enfermaría (ATS/DUE)», que a partir da entrada en vigor desta lei denominarase «enfermeiro/a».
2. O cambio de denominación non alterará o réxime xurídico da citada clase profesional.
Artigo 68. Recoñecemento da consolidación de grao persoal para o persoal estatutario
1. A partir da entrada en vigor desta lei será aplicable a todas as categorías de persoal estatutario o réxime de consolidación de grao persoal previsto nas disposicións adicionais novena e décima do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, e na Orde da Consellería de Sanidade do 24 de maio de 2006 pola que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da consolidación de grao persoal para determinadas categorías de persoal estatutario fixo.
2. Consonte establecen as disposicións citadas no número anterior, o procedemento para o recoñecemento da consolidación de grao persoal iniciarase por solicitude da persoa interesada.
Para os efectos dese recoñecemento tomaranse en consideración os servizos previos á solicitude, incluídos os anteriores á entrada en vigor desta lei, nos termos previstos nas referidas disposicións. Con todo, os efectos económicos que puideren derivar do recoñecemento serán os da data de presentación da solicitude que resulte estimada.
Artigo 69. Reactivación e prórroga do réxime extraordinario previsto na Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde
1. Reactívanse os efectos da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde.
2. O réxime previsto na devandita lei será aplicable durante un novo prazo de tres anos, contados desde a entrada en vigor da presente lei.
3. As referencias temporais contidas no artigo 1.1 da Lei 2/2022, do 6 de outubro, entenderanse feitas ao novo período de vixencia definido no punto anterior.
4. As actuacións administrativas iniciadas durante a vixencia orixinal da Lei 2/2022, do 6 de outubro, ao abeiro do seu réxime extraordinario, rexeranse pola citada norma na súa redacción anterior ás modificacións introducidas pola presente lei, sen prexuízo da súa posible execución ou resolución tras a súa entrada en vigor.
Sección 2ª. Outras medidas na materia de sanidade
Artigo 70. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
Modifícase a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, que queda redactada como segue:
Un. Engádese un apartado k) ao número 2 do artigo 51, coa seguinte redacción:
«k) A emisión por parte do persoal facultativo dos servizos de admisión e demais unidades hospitalarias dos partes médicos de incapacidade temporal dos e das pacientes en situación de alta laboral ou asimilada que ingresen en réxime de hospitalización ata a súa alta hospitalaria, de conformidade coas directrices e os procedementos que se determinen.».
Dous. Engádese unha disposición adicional quinta coa seguinte redacción:
«Disposición adicional quinta. Oncoloxía de precisión
1. A Administración autonómica, a través da consellaría con competencias na materia de sanidade, impulsará o desenvolvemento da medicina personalizada e de precisión no ámbito da oncoloxía.
2. Así mesmo, promoveranse colaboracións con entidades nacionais e internacionais para avanzar na rede de ensaios clínicos en oncoloxía de precisión, permitindo unha maior coordinación e uso eficiente dos recursos humanos e tecnolóxicos do Servizo Galego de Saúde, coa finalidade de fomentar a participación de Galicia en ensaios clínicos con terapias innovadoras dirixidas no campo da oncoloxía.».
Artigo 71. Modificación da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia
Modifícase o número 1 do artigo 47, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. As oficinas de farmacia poderán pechar voluntariamente, e de maneira provisional, logo de autorización, nos casos determinados regulamentariamente.
O peche voluntario provisional dunha oficina de farmacia só poderá autorizarse no caso de que quede garantida a prestación da asistencia farmacéutica. A solicitude deberá presentarse cunha antelación mínima dun mes á data na que o peche vaia producirse, agás que o motivo de peche non poida preverse coa antelación necesaria, sempre que se xustifique documentalmente.».
Artigo 72. Modificación da Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde
Modifícase a Lei 2/2022, do 6 de outubro, de medidas extraordinarias dirixidas a impulsar a provisión de postos de difícil cobertura de determinado persoal estatutario con título de especialista en ciencias da saúde do Servizo Galego de Saúde, que queda redactada como segue:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 1, que queda redactado como segue:
«1. Co obxectivo de dar resposta adecuada ás necesidades organizativas actuais, coa finalidade de garantir a continuidade asistencial e a calidade, a eficacia e a eficiencia dos servizos e para promover a estabilidade dos recursos humanos, tendo en conta as dificultades excepcionais relacionadas coa escaseza de profesionais, e atendendo á avaliación continua e á garantía de capacidade e coñecementos que outorga o sistema de formación especializada en ciencias da saúde, así como as peculiaridades das tarefas para desenvolver, o Servizo Galego de Saúde, durante un prazo de tres anos desde a entrada en vigor desta lei, poderá convocar procesos selectivos específicos polo sistema de concurso, co fin de impulsar a incorporación urxente, estable e permanente de persoal aos postos de difícil cobertura dos seguintes colectivos:
a) Persoal facultativo especialista dos hospitais dos distritos sanitarios de Cee, A Barbanza, A Mariña, Monforte de Lemos, Verín, O Barco de Valdeorras e O Salnés.
b) Persoal da categoría de facultativo ou facultativa especialista de atención primaria, creada pola Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, e pediatra de atención primaria.».
Dous. Modifícase a letra b) do artigo 2, que queda redactada como segue:
«b) Tras adquirir esa condición de persoal estatutario fixo poderá participar nos concursos de traslados da súa categoría e/ou especialidade, ou nos sistemas de promoción interna ou de provisión de prazas doutra categoría e/ou especialidade, cando cumpra os requisitos comúns e acredite tres anos de permanencia na situación de servizo activo a xornada completa no centro elixido e adxudicado como destino no concurso».
Artigo 73. Modificación do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia
Modifícase o artigo 52 do Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia, que queda redactado como segue:
«Artigo 52. Peche temporal voluntario
1. Son causas de peche temporal voluntario da oficina de farmacia:
a) As vacacións, que se axustarán ao establecido para esta materia no Decreto 228/2022, do 29 de decembro, de horarios, quendas de garda e vacacións das oficinas de farmacia, ou ás normas que no seu momento se encontraren vixentes.
b) As obras no local da oficina de farmacia, que soamente se autorizarán cando for imposible atender o público durante a execución da obra e, ademais, quede debidamente garantida a atención farmacéutica da poboación afectada por, polo menos, outra oficina de farmacia da mesma zona farmacéutica. O peche autorizarase por un prazo de ata seis meses, por razóns fundadas a xuízo do Departamento Territorial da Consellería de Sanidade, sen que en ningún caso poida superar en total os dous anos.
c) O falecemento de familiar do ou da titular da oficina de farmacia ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade ou outro motivo urxente e/ou imprevisible de carácter persoal, debidamente xustificado. O peche só poderá estenderse polo tempo imprescindible para atender a necesidade urxente e/ou imprevisible xerada.
2. A solicitude de peche temporal voluntario da oficina de farmacia por obras seguirá o seguinte procedemento:
a) Deberá ser formulada polo/a farmacéutico/a titular e dirixirase á Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade. A solicitude especificará a causa pola que se pide o peche e a duración que terá este e irá acompañada de:
– Unha certificación redactada por persoal técnico competente e visada polo seu correspondente colexio profesional, relativa ás obras do local onde se encontre instalada a oficina de farmacia, adecuada ao disposto no título II, capítulo I da Lei 3/2019, do 2 de xullo, de ordenación farmacéutica de Galicia, e na normativa de desenvolvemento.
– Un plano a escala 1:2000 do local.
b) A Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade abrirá un expediente de peche temporal voluntario con audiencia do correspondente colexio oficial de farmacéuticos e farmacéuticas, que nun prazo de dez días poderá alegar e presentar os documentos que estime convenientes.
c) A solicitude de peche temporal voluntario será resolta pola Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Sanidade no prazo máximo dun mes, que poderá reducirse a quince días cando o/a farmacéutico/a solicitante pida e acredite a urxencia do peche.
3. O peche temporal de oficina de farmacia baseado no falecemento de familiar ou noutros motivos urxentes e/ou imprevisibles de carácter persoal, de duración non superior a dous días, deberá comunicarse ao correspondente colexio oficial de farmacéuticos/as e á Consellería de Sanidade. Deberá xustificarse documentalmente a causa que o motiva e concretarse as datas previstas de peche e de reapertura da oficina de farmacia. No suposto de que o peche for por un período superior a aquel, o/a farmacéutico/a titular deberá acreditar a imposibilidade de designar un farmacéutico ou unha farmacéutica substituta e será preciso obter a autorización previa da Consellería de Sanidade.
4. Os colexios oficiais de farmacéuticos/as deberán adoptar as medidas que procedan para garantir a adecuada atención farmacéutica das respectivas zonas, e deberán comunicar á Consellería de Sanidade as modificacións que, con tal fin e de ser o caso, deban realizarse nas quendas de garda e vacacións establecidas.».
Artigo 74. Modificación do Decreto 291/2001, do 8 de novembro, polo que se configuran as categorías de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías da información
Un. Modifícanse as letras a) e b) do artigo 1, que quedan redactadas como segue:
«a) Técnico/a superior de Sistemas e Tecnoloxías da Información, que se inclúe dentro das de persoal estatutario de xestión e servizos que integran o subgrupo A1, segundo o establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.
b) Técnico/a de xestión de Sistemas e Tecnoloxías da Información, que se inclúe dentro das de persoal estatutario de xestión e servizos que integran o subgrupo A2 segundo o establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro.».
Dous. Modifícanse o penúltimo e o antepenúltimo parágrafo do artigo 1, que quedan redactados como segue:
«Para o acceso á categoría de técnico/a superior de sistemas e tecnoloxías da información requírese estar en posesión da titulación universitaria oficial de grao, licenciado/a universitario/a ou de enxeñaría en: Telecomunicacións, Informática, Matemáticas, Estatística, Física, Intelixencia Artificial ou Ciencia do Dato, ou titulacións equivalentes do nivel 3 do Marco Español de Cualificación para a Educación Superior (MECES) dos mesmos ámbitos de coñecemento.
Para o acceso á categoría de técnico/a de xestión de sistemas e tecnoloxías da información requírese estar en posesión da titulación universitaria oficial de grao, enxeñaría, diplomado/a universitario/a ou enxeñaría técnica en: Telecomunicacións, Informática, Matemáticas, Estatística, Física, Intelixencia Artificial ou Ciencia do Dato, ou titulacións equivalentes dos niveis 2 e 3 do Marco Español de Cualificación para a Educación Superior (MECES) dos mesmos ámbitos de coñecemento.».
Artigo 75. Modificación do Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes
Modifícase a letra a) do apartado A) do artigo 7 do Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes, que pasa a ter a seguinte redacción:
«a) Situarse en edificacións de uso exclusivo sociosanitario, sen elementos comúns entre diferentes propietarios. Tanto no medio urbano como no rural deberán estar integradas nun contorno vivo e próximas aos servizos sanitarios e sociais.».
Artigo 76. Modificación do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde
Modifícase o número 1 da disposición adicional novena do Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. O persoal estatutario adquirirá un grao persoal polo desempeño dun ou máis postos do nivel correspondente durante dous anos continuados ou tres con interrupción.
O persoal que obtiver un posto de traballo superior en máis de dous niveis ao seu grao persoal consolidará cada dous anos de servizos continuados no citado posto o grao superior en dous niveis ao que posuíse, que en ningún caso poderá superar o correspondente ao do nivel do posto de traballo desempeñado.
O persoal consolidará como grao inicial o correspondente ao nivel do posto de traballo adxudicado tras a superación do proceso selectivo, sempre que cumpra os requisitos a que se refiren os parágrafos anteriores.
Cando o persoal obtiver un destino definitivo nun nivel superior ao grao en proceso de consolidación o tempo de servizos prestados naquel será computado para a referida consolidación.
Cando o persoal obtiver un destino nun nivel inferior ao grao en proceso de consolidación o tempo de servizos prestados no posto de nivel superior poderá computarse para a consolidación do grao correspondente a aquel.
O tempo de servizos prestado en comisión de servizos será computado para consolidar o grao correspondente ao posto desempeñado, sempre que se obtiver con carácter definitivo ou en virtude dunha convocatoria pública ese posto ou outro de igual ou superior nivel.
Se o posto obtido for de nivel inferior ao desempeñado en comisión e superior ao do grao consolidado, o tempo de desempeño en comisión de servizos computarase para a consolidación do grao correspondente ao nivel do posto obtido.
O tempo de permanencia na situación de servizos especiais será computado para os efectos da adquisición do grao persoal. De igual xeito, é computable o tempo en excedencia por coidado de familiares.
Para os efectos da consolidación de grao tomaranse en consideración exclusivamente os servizos prestados como persoal estatutario fixo.».
Artigo 77. Modificación do Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade
Suprímese a disposición adicional décimo primeira do Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade, que queda sen contido.
CAPÍTULO XI
Cultura
Artigo 78. Modificación da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia
Modifícase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, do seguinte xeito:
Un. O número 1 do artigo 12 pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 12. Contorno de protección
1. Os monumentos, as zonas arqueolóxicas e as vías culturais declarados de interese cultural ou catalogados contarán cun contorno de protección. Así mesmo, cando sexa necesario segundo as súas características, poderá establecerse un contorno de protección para as demais categorías de bens.
Excepcionalmente, poderá eximirse do establecemento dun contorno de protección un ben inmoble catalogado, sempre no marco do procedemento de catalogación establecido nos artigos 26 a 29 desta lei, cando así o xustifiquen razóns relativas á descontextualización do ben ou cando, pola súa localización, ese contorno se poida establecer por remisión ao dun ben de protección territorial igual ou superior.».
Dous. Engádese un número 5 ao artigo 31, coa seguinte redacción:
«5. No caso de constatar erros materiais, aritméticos ou de feito, a consellaría competente na materia de patrimonio cultural poderá aprobar, mediante resolución, as correccións oportunas, en particular as de erros relativos á denominación, a localización ou a identificación fotográfica dos bens do Catálogo do patrimonio cultural.
No procedemento que se tramite, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, darase audiencia ao concello responsable do catálogo e ás persoas interesadas.
A resolución que se dite será notificada ás persoas interesadas e ao concello responsable do catálogo e inscrita no Rexistro de Ordenación do Territorio e Planeamento Urbanístico de Galicia.».
Tres. Modifícase o número 4 do artigo 38, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Os contornos de protección subsidiarios afectarán as edificacións incluídas na delimitación das franxas recollidas neste artigo, así como as fachadas que delimitan os espazos públicos indicados.».
Catro. Engádese un número 6 ao artigo 38, coa seguinte redacción:
«6. Os contornos de protección específicos de bens recollidos na declaración de interese cultural ou na orde de inclusión no Catálogo, así como os establecidos para os bens individualmente singularizados nos instrumentos de planeamento urbanístico e ordenación do territorio polo seu valor cultural, prevalecerán sobre os contornos de protección determinados de forma xenérica e os de carácter subsidiario.».
Cinco. Modifícase o artigo 39, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 39. Autorizacións
1. As intervencións que se pretendan realizar en bens de interese cultural ou catalogados con nivel de protección integral, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas pola consellaría competente na materia de patrimonio cultural, coas excepcións que se establecen nesta lei e no artigo 44 da Lei 1/2019, do 22 de abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia, respecto das licenzas directas.
As intervencións que se pretendan realizar en bens catalogados con nivel de protección estrutural e ambiental, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, terán que ser autorizadas polos concellos no procedemento establecido no artigo 142.2.b da Lei 2/2016, do solo de Galicia, no que deberán pronunciarse expresamente sobre a valoración e a xustificación do cumprimento dos criterios de intervención recollidos nos artigos 44 e 46 desta lei.
A utilización dos bens declarados de interese cultural ou catalogados quedará subordinada a que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección, polo que os cambios de uso substanciais deberán ser autorizados pola consellaría competente na materia de patrimonio cultural ou os concellos segundo o recollido nos parágrafos anteriores.
As intervencións descritas nos artigos 40 e seguintes que se pretendan realizar no territorio histórico dos Camiños de Santiago catalogados, así identificados nos decretos de delimitación, nos planeamentos municipais e no Plan básico autonómico, terán que ser autorizadas pola consellaría competente na materia de patrimonio cultural cando tales intervencións afecten as propias trazas dos Camiños, as parcelas lindeiras desta e os seus elementos funcionais, agás aquelas que se atopen no solo urbano dos municipios de máis de 50.000 habitantes, que deberán ser autorizadas polo concello.
As intervencións no resto do territorio histórico deberán ser autorizadas polo concello en que se localice o ben afectado.
En todo caso, as intervencións nos bens integrantes do patrimonio artístico ou arqueolóxico e nos que sexan titularidade da Igrexa católica terán que ser autorizadas pola consellaría competente na materia de patrimonio cultural.
A consellaría competente na materia de patrimonio cultural colaborará coas administracións locais no asesoramento para o exercicio das competencias previstas neste número de cara á conservación, protección e promoción do patrimonio cultural, nos termos do artigo 3.
2. Estas autorizacións teñen carácter independente de calquera outra autorización, licenza ou trámite previo á execución das intervencións.
Exceptúanse os supostos en que a lexislación forestal integra no procedemento de outorgamento da correspondente autorización a tutela dos valores obxecto de protección por esta lei, a través dun informe preceptivo da consellaría competente na materia de patrimonio cultural, que establecerá, de ser o caso, as condicións a que deberá suxeitarse a actuación e substituirá as autorizacións previstas por esta lei.
Estarán suxeitas a declaración responsable, que se presentará ante o órgano competente en materia forestal, as cortas de arboredo establecidas no artigo 92 bis.3.g) da Lei 7/2012, de montes de Galicia.
3. A consellaría competente na materia de patrimonio cultural poderá ordenar a suspensión de calquera intervención non autorizada nun ben de interese cultural ou catalogado ou, de ser o caso, nos seus contornos de protección ou zona de amortecemento, para o cumprimento dos fins previstos nesta lei.
4. Entenderase denegada a autorización da intervención en bens de interese cultural ou catalogados con protección integral, ou, de ser o caso, nos seus contornos de protección ou zonas de amortecemento, se a consellaría competente na materia de patrimonio cultural non resolve de forma expresa no prazo de tres meses.».
Seis. Modifícase o número 1 do artigo 43, que queda redactado do seguinte xeito:
«1. As actuacións que excedan as de mantemento sobre os bens declarados ou catalogados exixirán a elaboración do correspondente proxecto de intervención, que conterá:
a) Datos de identificación do ben.
b) Estudo do ben e da súa documentación histórico-artística.
c) Análise previa física, química ou biolóxica e, segundo o caso, fichas de diagnose do seu estado de conservación.
d) Proposta e metodoloxía de actuación, técnicas, produtos e materiais que se van empregar.
e) Valoración e xustificación do cumprimento dos criterios de intervención recollidos nos artigos 44 e 46 desta lei e análise crítica do valor cultural.
f) Documentación gráfica da actuación, incluíndo fotografías do estado actual tanto de detalle como de carácter xeral no seu contorno de protección.
g) Programa de mantemento e conservación preventiva.
Regulamentariamente determinaranse, segundo o alcance das obras, as características que debe reunir cada proxecto.
En calquera caso, a solicitude de autorización para as intervencións que non requiran proxecto técnico deberá ir acompañada de, como mínimo:
a) Unha descrición sucinta da intervención que recolla os materiais, dimensións, sistemas construtivos e os acabados da proposta.
b) Fotografías do estado actual tanto de detalle como de carácter xeral no seu contorno de protección.
c) A identificación do ámbito da actuación, sinalando preferentemente a parcela catastral, e dos bens culturais afectados.».
Sete. Modifícase o artigo 45, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 45. Réxime de intervencións no contorno de protección
1. As intervencións que se realicen no contorno de protección dos bens declarados de interese cultural e catalogados deberán contar coa autorización da administración competente, segundo o establecido no artigo 39.1, cando teñan por obxecto:
a) Novas construcións e instalacións de carácter definitivo ou provisional.
b) As intervencións de calquera tipo que se manifesten cara ao espazo exterior público ou privado das edificacións existentes.
c) As actuacións que afecten a estrutura parcelaria, os elementos configuradores característicos da estrutura territorial tradicional, os espazos libres e a topografía característica do ámbito, incluídos os proxectos de urbanización.
d) A implantación ou os cambios de uso que poidan ter incidencia sobre a apreciación dos bens no territorio, incluídas as repoboacións forestais.
e) As remocións de terras de calquera tipo no contorno de protección dos bens integrantes do patrimonio arqueolóxico.
2. Aínda que, en todo caso, deberán ser coherentes cos valores xerais do contorno, non precisarán a autorización prevista no número anterior as seguintes intervencións nos contornos de protección dos bens de interese cultural ou catalogados:
a) As reparacións de cubertas que afecten só o material de cubrición, repoñendo o mesmo tipo de material tradicional existente, e as substitucións de cubertas, incluído o recambio da estrutura de soporte, sempre que como acabado se utilice tella cerámica, curva ou plana, ou lousa, nos casos onde sexa característica, e se garanta que as capas intermedias da cubrición non queden vistas en ningún punto do perímetro da cuberta e que os encontros entre vertentes nos cumes se resolvan co propio material de cubrición.
Así mesmo, as renovacións de canlóns, baixantes, liñas de vida, paraneves e outros elementos complementarios de cubertas, se se mantén a solución formal e construtiva existente e as súas cores e acabados están definidos ou orientados desde a Administración autonómica para a área xeográfica en que se atope o inmoble.
Estas intervencións non poderán incluír apertura de ocos, construción de chemineas, a modificación da solución dos beirís introducindo cornixas ou voos nin calquera outra modificación da forma do tellado, que si precisarán de autorización.
b) A pintura das fachadas e das carpintarías exteriores nunha das cores que, para a área xeográfica en que se atope o inmoble, se defina ou oriente desde a Administración autonómica, incluídos os traballos previos de limpeza e preparación de soporte. En caso contrario, será necesaria a autorización, co obxecto de determinar a cor e os acabados apropiados.
c) A reparación, renovación ou substitución de carpintarías sempre que se manteña o material, a solución formal e construtiva e os acabados existentes, agás nos casos en que estea establecido por algunha condición xeral de protección do ámbito a necesaria adaptación a algún tipo orixinal característico deste.
d) A reparación de revestimentos se se mantén a solución formal e construtiva existente e as súas cores e acabados están definidos ou orientados desde a Administración autonómica para a área xeográfica en que se atope o inmoble.
Estarán incluídos os traballos de mellora da eficiencia enerxética das edificacións, sempre que as capas intermedias da fachada non queden vistas en ningún punto do seu perímetro e que os encontros entre arestas e ventás se resolvan co propio material da fachada e a solución de terminación manteña as cores e os acabados definidos ou orientados desde a Administración autonómica para a área xeográfica en que se atope o inmoble.
Non se aplicará este criterio ao mantemento de materiais construtivos deseñados para seren empregados revestidos cando permanezan vistos ou sen rematar, como as fábricas de bloque de formigón ou ladrillo visto, ou ao emprego de materiais de construción en sistemas ou funcións para os cales non estean deseñados, como os forros de fachadas con materiais de cobertura de cubertas ou os peches de leiras e edificios con elementos de mobiliario ou refugallos industriais.
Admitiranse as reparacións das impermeabilizacións de medianís e fachadas secundarias con forros de placa de fibrocemento minionda, sempre que como remate se pinten da mesma cor que o resto das fachadas do inmoble.
No caso de patios interiores ou de bloques que non sexan visibles desde a vía pública nin desde os propios bens singularmente protexidos, será admisible calquera solución compatible co código técnico de edificación.
Non precisarán autorización o recebado e o pintado de edificacións inacabadas, sempre que se empreguen as cores e os acabados definidos ou orientados desde a Administración autonómica para a área xeográfica en que se atope o inmoble.
e) Os traballos de reforzo ou mellora estrutural, sempre que non produzan ningún efecto visible ou aparente desde o exterior e non exista unha protección, aínda con carácter xeral, que estableza algunha determinación concreta de protección estrutural para os inmobles localizados no devandito contorno.
Cando este tipo de traballos afecten o subsolo, no caso de contornos de bens do patrimonio arqueolóxico, deberán ser sometidos a autorización.
f) As reparacións e reposicións de peches de leiras que empreguen os materiais, técnicas e solucións construtivas tradicionais orixinais dos elementos en que se intervén ou a construción de novos peches segundo os modelos que sexan definidos pola Administración autonómica, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico.
g) A reposición ou reforzo de tendidos de instalacións de subministración de enerxía, voz e datos, ou outros servizos públicos existentes, sempre que se realicen sen alterar a traza, a posición e as características ambientais dos tendidos de redes, liñas e instalacións existentes e non afecten o rexistro arqueolóxico dos bens.
Deberán someterse a autorización as actuacións deste tipo nos ámbitos en que existan determinacións concretas sobre as características dos tendidos ou cando fosen identificadas como un elemento deturpador dos valores culturais dos bens ou do seu contorno.
h) A reparación de materiais de pavimentación de vías ou espazos públicos mantendo os existentes, incluíndo a limpeza, apertura e renovación ou construción de cunetas, sen alterar a sección do viario nin os peches que o delimitan.
i) A mellora do trazado actual de redes de instalacións soterradas e tamén as de novo trazado, sempre e cando aquel non se manifeste ao exterior e na pavimentación se empregue o mesmo material que o existente, incluíndo a instalación de novos pozos, arquetas de rexistro, novas acometidas de vivendas ou edificios desde a rede existente na propia rúa, agás no caso dos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico, e sen prexuízo do indicado nos artigos 99.2 e 100.1.
j) A reparación do mobiliario urbano mantendo o material, a solución formal e construtiva e os acabados existentes.
k) Os traballos de limpeza de bens inmobles, espazos libres, vías públicas ou bens artísticos localizados neles que non conten cunha protección cultural individualizada.
l) Os traballos de poda e tratamento de silvicultura sobre árbores e arbustos de relevancia ambiental, sempre que non se altere o seu carácter en relación coa escena urbana e a paisaxe natural en que se encadran.
Así mesmo, os traballos de limpeza de montes ou franxas de protección por prevención dos incendios forestais e os de entresaca, roza, poda e trituración de masa forestal. Cando as actuacións se realicen no contorno de protección de bens arquitectónicos, teranse que balizar os bens protexidos e non se amoreará material ao seu carón. No caso dos bens arqueolóxicos, a maiores, estará prohibido o emprego ou o tránsito de maquinaria pesada polo ben protexido, así como a apertura de pistas e movementos de terras.
m) Os cambios de actividade sen reforma dos locais ou cando a reforma non afecte o aspecto exterior. Os rótulos e a sinalización si deberán someterse á autorización, agás nos casos en que se empreguen os mesmos soportes e dimensións que os existentes e xa fosen autorizados previamente.
n) As obras de reforma ou rehabilitación que só afecten o interior das edificacións existentes, nos casos en que se sigan os criterios recollidos nas alíneas anteriores.
ñ) A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais, romarías, encontros, concertos ou gravacións audiovisuais, e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo superior a 72 horas, sempre que non se afecten materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.
o) As probas deportivas atléticas, non consistentes en actividades de lanzamento, e as probas ciclistas ou en vehículos motorizados que transcorran por vías públicas, calquera que sexa a titularidade destas, coas reservas establecidas na alínea anterior.
p) As actuacións de investigación e mantemento que, realizadas sobre os inmobles localizados no contorno, non afecten os propios bens protexidos. Estas intervencións deben interpretarse de xeito estrito segundo a definición do artigo 40, a) e c), e non implicarán efectos sobre a conservación dos materiais tradicionais, a integración volumétrica e os aspectos cromáticos do conxunto, aplicando os criterios definidos no artigo 46.
q) As obras interiores que non afecten a envolvente exterior dos edificios, agás no caso das obras que leven asociados movementos de terra para reforzo de cimentacións, ampliacións de sotos, novas gabias de instalacións e se encontren nos contornos de protección dos bens do patrimonio arqueolóxico, sen prexuízo do indicado nos artigos 99.2 e 100.1.
r) As actuacións puntuais de mantemento ou uso ordinario de moi escasa entidade técnica e construtiva, xustificadas pola deterioración material dos elementos sobre os que se propón a intervención, cun alcance moi concreto e parcial, e que requiran dunha rápida execución pola ameaza que pode supoñer para a súa conservación ou apreciación, sempre que as actuacións manteñan ou respecten os materiais e os sistemas construtivos orixinais.
3. As cortas forestais que se realicen no contorno de protección dos bens declarados de interese cultural e catalogados con nivel de protección integral e que, conforme a lexislación forestal, estean suxeitas a autorización, para a tutela dos valores obxecto de protección por esta lei, requirirán a emisión dun informe sectorial da consellaría competente na materia de cultura, que se integrará no procedemento de outorgamento da correspondente autorización forestal.».
Oito. Modifícase o artigo 47, que queda redactado como segue:
«Artigo 47. Réxime específico das intervencións na zona de amortecemento
1. Na zona de amortecemento poderán realizarse, en xeral, todo tipo de obras e instalacións fixas ou provisionais e as actividades normais segundo a natureza do solo ou cambiar o seu uso ou destino de conformidade co planeamento vixente sen necesidade da tramitación prevista no artigo 39.1, excepto que na declaración ou inclusión singularizada se determine o contrario.
2. Non obstante, polo seu alcance e o risco de deterioración ou destrución dos seus valores culturais derivados da súa implantación territorial, será aplicable o establecido no artigo 39.1 nas seguintes intervencións:
a) Grandes explotacións agrícolas, gandeiras ou de acuicultura que deban ser sometidas a trámite ambiental.
b) Explotacións extractivas que supoñan unha actividade a ceo aberto do material, as súas instalacións ou entullos.
c) Instalacións da industria enerxética como refinarías, centrais térmicas, de combustibles fósiles, hidráulicas, eólicas, solares, nucleares ou de calquera outro tipo de produción, transporte ou depósito.
d) Instalacións da industria siderúrxica, mineira, química, téxtil ou papeleira.
e) Infraestruturas de transporte e comunicación como estradas, ferrocarril, portos, aeroportos, canles, centros loxísticos ou similares.
f) Grandes infraestruturas hidráulicas e de aproveitamento da auga.
g) Instalacións de xestión e tratamento de residuos.
h) Grandes transformacións da natureza do territorio para a implantación de novos usos.
i) Explotacións forestais, agás aquelas que conten cun instrumento de ordenación ou xestión aprobado con informe favorable da consellaría competente na materia de patrimonio cultural.».
Nove. Modifícase o número 3 do artigo 62, que queda coa seguinte redacción:
«3. Exceptúanse do disposto no número 1 deste artigo as intervencións sobre os bens singulares declarados de interese cultural dentro do seu ámbito, sobre calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico, sobre calquera ben incluído no ámbito territorial delimitado como Camiño de Santiago declarado ben de interese cultural ou situado na traza dos Camiños de Santiago catalogados, nas parcelas lindeiras desta ou nos seus elementos funcionais, así como sobre os que sexan de titularidade da Igrexa católica e para as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente na materia de patrimonio cultural, que se someterán ao réxime xurídico ordinario recollido no artigo 39.».
Dez. Modifícanse os números 1 e 2 do artigo 65, que quedan coa seguinte redacción:
«1. Calquera intervención nun ben inmoble incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia ou que afecte o seu contorno de protección ou a súa zona de amortecemento, nos termos previstos nos artigos 45 e 47, necesitará a autorización previa da administración competente, segundo o establecido no artigo 39.1.
Non obstante, non precisarán autorización as seguintes intervencións en bens catalogados:
a) As actuacións puntuais de mantemento ou o uso ordinario, de moi escasa entidade técnica e construtiva, como as que se relacionan deseguido:
1º. A limpeza e retirada de po ou lixo depositado e non fortemente adherido con técnicas non agresivas e sen afectar o material de soporte existente; a eliminación de residuos e depósitos do sistema de evacuación de auga pluvial das cubertas; e a substitución parcial dos seus elementos por outros de idénticas características.
2º. A recolocación, reparación ou substitución parcial do material de cubrición e revestimento de fachada por outro de idénticas características materiais e acabado, así como o acabado da cubrición e revestimentos non rematados ou realizados con materiais inadecuados, sempre que se executen con materiais propios do ámbito en que se localizan e que non se empreguen materiais e acabados que imiten outros.
3º. A reparación de fiestras e portas existentes, incluída a substitución de vidros e a actuación puntual sobre elementos da carpintaría por outros idénticos en material e acabado, así como a substitución de carpintarías existentes inadecuadas por outras que respondan ás características establecidas na súa protección.
4º. O corte de herba ou maleza e a roza por medios manuais ou con maquinaria lixeira portátil, sen movementos de terra e respectando en xeral os exemplares arbóreos existentes e os elementos de xardinaría, así como podas parciais de mantemento e as cortas puntuais sempre que non se afecte o patrimonio arqueolóxico.
5º. O cultivo de terreos e o desenvolvemento da normal actividade agrícola, sempre que non sexa precisa a modificación das rasantes existentes e os traballos de arroteamento se produzan a nula ou escasa profundidade, sempre que non se afecte o patrimonio arqueolóxico.
6º. A recolocación, reparación ou substitución puntual e parcial de elementos de xardinaría, pavimentación e mobiliario urbano por outros das mesmas características de materiais e de deseño.
b) A realización de actividades e eventos efémeros, sempre que se produzan de forma illada e sen instalacións de carácter permanente, ligadas a actividades públicas periódicas como festas, actividades lúdicas, culturais ou deportivas, romarías, encontros ou concertos, e se dispoña dos medios para a normal vixilancia e cautela dos bens que poidan verse afectados e que, con carácter xeral, non permanezan montadas un prazo superior a 72 horas, sempre que non se afecte materialmente os bens protexidos, en especial coas ancoraxes, instalacións, medios auxiliares ou apoios en inmobles protexidos.
2. Sen prexuízo do indicado no artigo 39.1, no caso de que os concellos contaren con instrumentos de planeamento urbanístico xeral ou de desenvolvemento adaptados ás previsións desta lei na materia de protección do patrimonio cultural, estarán habilitados para autorizar as intervencións que se refiran a bens catalogados con protección integral integrantes do patrimonio arquitectónico ou etnolóxico e os seus contornos de protección e zonas de amortecemento.
O concello comunicaralle á consellaría competente na materia de patrimonio cultural, cunha periodicidade trimestral, as autorizacións e licenzas ditadas conforme esta habilitación.».
Once. Modifícase o número 4 do artigo 65, nos seguintes termos:
«4. Exceptúanse do disposto na habilitación anterior as intervencións sobre calquera ben catalogado do patrimonio artístico ou arqueolóxico, sobre calquera ben incluído no ámbito territorial delimitado como Camiño de Santiago declarado ben de interese cultural ou situado na traza dos Camiños de Santiago catalogados, nas parcelas lindeiras desta ou nos seus elementos funcionais, así como os que sexan titularidade da Igrexa católica e para as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente na materia de patrimonio cultural, que se someterán ao réxime xurídico ordinario recollido no primeiro punto deste artigo.».
Doce. Engádese un número 6 ao artigo 65, coa seguinte redacción:
«6. En ningún caso se poderá demoler un inmoble catalogado con protección integral sen a autorización da consellaría competente na materia de patrimonio cultural, sen que a declaración de ruína vincule a consellaría para autorizar a demolición.
A solicitude de autorización achegará un proxecto técnico que incorpore medidas de salvagarda para frear a deterioración do ben e garantir a mellor conservación dos seus valores culturais, con especial atención á documentación do seu estado actual con planos e fotografías.
No suposto de que a situación de ruína supuxer un perigo inminente de danos para as persoas, o órgano que incoase o expediente de ruína deberá adoptar as medidas oportunas para evitalos.».
Trece. Engádese un artigo 77 bis coa seguinte redacción:
«Artigo 77 bis. Usos, actividades e intervencións compatibles
Sen prexuízo das autorizacións a que poidan estar condicionados, considéranse compatibles coa protección dos Camiños de Santiago os seguintes usos, actividades e intervencións:
a) Os cámpings que teñan construcións fixas, máis aló dos servizos comúns, a máis de 500 metros dos núcleos de carácter tradicional.
Os cámpings poderán instalarse integrados en zonas boscosas do territorio histórico do Camiño con construcións fixas relativas aos servizos comúns. As demais parcelas estarán habilitadas para tendas de campaña.
b) As carpintarías de aluminio e PVC nas casas tradicionais rústicas nos territorios históricos dos Camiños de Santiago catalogados.
Admitiranse edificacións de cuberta plana a máis de 200 metros do límite exterior dos núcleos de carácter tradicional.
Agás que a ficha de catálogo determine o contrario, poderán baleirarse interiormente as casas tradicionais a menos que se identifiquen elementos de valor etnográfico, como lareira ou fornos, que deberán ser preservados.
c) O cambio de pavimento térreo a pavimento duro nos camiños do territorio histórico dos Camiños de Santiago, cando estes estean fóra da traza e se propoñan solucións como o formigón lavado ou pétreo da zona ou outras similares que garden adecuación ao contorno.
Admitiranse a pavimentación con formigón lavado nas sendas peonís abeiradas ás estradas convencionais sempre que haxa unha franxa verde de separación de mínimo un metro de largo.
d) Aparcadoiros de turismos e autocaravanas, sempre que se estableza un ámbito perimetral verde e elementos de integración no territorio histórico, como arboredo ornamental ou autóctono cada dúas prazas.
Catorce. Modifícase o número 7 do artigo 82, que queda redactado do seguinte xeito:
«7. Sen prexuízo do indicado no número anterior, tras a aprobación do Plan territorial integrado dos Camiños de Santiago, os concellos polos que discorren os Camiños de Santiago estarán habilitados para autorizaren as intervencións que se realicen no seu ámbito, agás as que afecten as propias trazas dos Camiños, as parcelas lindeiras desta e os elementos funcionais dos Camiños, así como as que afecten os bens singulares declarados de interese cultural dentro do seu ámbito, os bens integrantes do patrimonio artístico ou arqueolóxico, os que sexan titularidade da Igrexa católica e as actuacións de salvagarda que promova a consellaría competente na materia de patrimonio cultural. A autorización de todas estas intervencións excluídas da habilitación dos concellos corresponderalle á consellaría competente na materia de patrimonio cultural.».
Quince. Modifícase a alínea m) do artigo 129, que queda redactada do seguinte xeito:
«m) A corta de arboredo ou outras transformacións da estrutura e dos usos tradicionais no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago declarados bens de interese cultural ou situado na traza dos Camiños de Santiago catalogados, nas parcelas lindeiras desta ou nos seus elementos funcionais, sen a autorización previa da consellaría competente na materia de patrimonio cultural ou contravindo os termos da autorización concedida.».
Dezaseis. Modifícase a alínea y) do artigo 129, que queda redactada como segue:
«y) A realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado, ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento, sen obter a correspondente e preceptiva autorización previa das establecidas no artigo 39.1 ou contravindo os termos da autorización concedida.».
Dezasete. Modifícase a alínea d) do artigo 130, que queda redactada como segue:
«d) A realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen obter a correspondente e preceptiva autorización previa das establecidas no artigo 39.1 ou contravindo os termos da autorización concedida, cando se ocasione un dano a este ben.».
Dezaoito. Modifícase a alínea k) do artigo 130, que queda redactada como segue:
«k) A realización de calquera intervención no ámbito delimitado do territorio histórico dos Camiños de Santiago sen obter a correspondente e preceptiva autorización previa das establecidas no artigo 39.1 ou contravindo os termos da autorización concedida.».
Dezanove. Engádese unha disposición adicional décimo cuarta, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décimo cuarta. Protección do Camiño de Fisterra e Muxía, do Camiño Portugués e da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe
1. As rutas do Camiño de Fisterra e Muxía, do Camiño Portugués e da Vía da Prata ou Camiño Mozárabe teñen a consideración de bens catalogados, coa categoría de territorios históricos, de acordo co disposto no artigo 75.1.
2. O trazado das rutas dos indicados Camiños de Santiago será o recollido no Plan básico autonómico de Galicia, aprobado polo Decreto 83/2018, do 26 de xullo. Os territorios históricos destes Camiños de Santiago virán definidos de acordo co establecido no artigo 66 do indicado plan.».
Vinte. Engádese unha disposición transitoria décima, coa seguinte redacción:
«Disposición transitoria décima. Procedementos de autorización en curso o 1 de xaneiro de 2026
1. Os procedementos de autorización de intervencións con rexistro de entrada da solicitude da autorización da consellaría competente na materia de patrimonio cultural anterior ao 1 de xaneiro de 2026 rexeranse pola normativa en vigor no momento do seu inicio, sen prexuízo do dereito das persoas interesadas a desistiren da súa solicitude nos termos previstos na lexislación de procedemento administrativo común.
2. Non obstante, os procedementos para a autorización de intervencións que deixaren de estar sometidas a algún dos controis previstos no artigo 39.1 rexeranse pola nova regulación.».
Artigo 79. Modificación da Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia
Modifícase a Lei 3/2024, do 5 de decembro, de cultura inclusiva e accesible de Galicia, do xeito seguinte:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 3, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Esta lei é aplicable ás actividades, ás manifestacións culturais, aos produtos e aos servizos, calquera que for o seu formato, desenvolvidos no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia nos seguintes ámbitos:
a) Nos museos, nas coleccións museográficas e nos centros de interpretación do patrimonio cultural, regulados na Lei 7/2021, do 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia.
b) Nos arquivos, regulados na Lei 7/2014, do 26 de setembro, de arquivos e documentos de Galicia.
c) Nas bibliotecas, reguladas na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.
d) Nos espazos abertos ao público onde se desenvolvan actividades audiovisuais, escénicas e musicais, foren fixos, móbiles e mesmo espazos abertos, tales como teatros, salas de concerto, salas de cinema, auditorios, centros culturais e outros de natureza análoga.
e) Nos itinerarios culturais de interese autonómico. Enténdense como tales os percorridos que, sen teren o recoñecemento como vías do patrimonio cultural de Galicia, serven de vías de comunicación entre monumentos e tradicións, entre paisaxes naturais e culturais, conformadores de numerosas manifestacións materiais e inmateriais do conxunto de modos de vida e costumes galegos e orientados á promoción e difusión da identidade cultural de territorios en risco de exclusión cultural, partindo da base dun concepto cultural tanxible ou intanxible, dunha figura histórica ou dun fenómeno arqueolóxico, antropolóxico, social, estético ou doutro tipo cunha significación ampla e significativa dentro das claves que definen a cultura galega e que serven para reforzar o desenvolvemento territorial sustentable, a cooperación cultural e a cohesión social.
f) Noutros espazos de xestión, conservación e difusión do patrimonio cultural de Galicia.».
Dous. Engádese un numero 3 ao artigo 13, coa seguinte redacción:
«3. Os itinerarios culturais de interese autonómico serán obxecto de especial promoción e difusión públicas, en canto que ferramentas que contribúen ao desenvolvemento e á democratización cultural en territorios en risco de exclusión cultural.».
CAPÍTULO XII
Consumo e comercio
Artigo 80. Modificación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia
A Lei 13/2010, do 17 de decembro, de comercio interior de Galicia, modifícase do seguinte xeito:
Un. Modifícase o artigo 16, que queda redactado como segue:
«Artigo 16. Observatorio do Comercio de Galicia
O Observatorio do Comercio de Galicia constitúe o instrumento do órgano directivo competente na materia de comercio para a creación, xestión, avaliación e difusión do coñecemento de interese comercial, co obxectivo de dispoñer de información permanente e actualizada da situación, a evolución e as tendencias do sector en Galicia e para a detección das súas necesidades e demandas.».
Dous. Modifícase o artigo 17, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 17. Finalidade do Observatorio do Comercio de Galicia
O Observatorio de Comercio de Galicia terá as seguintes finalidades:
a) A recompilación, a análise e o intercambio da información dispoñible en diferentes fontes autonómicas, estatais e internacionais sobre o comercio, así como dos principais indicadores do comercio interior en Galicia.
b) A identificación das principais tendencias derivadas da innovación e da transformación dixital e sustentable do sector comercial.
c) A avaliación da execución dos plans e estratexias comerciais e do impacto das axudas e políticas desenvolvidas polos distintos departamentos das administracións na situación do comercio galego.
d) A elaboración do mapa de comercio de Galicia.
e) A realización e difusión de enquisas, estudos, investigacións e informes técnicos.
f) O intercambio de experiencias de éxito, boas prácticas, investigacións e traballos entre profesionais e persoas expertas no ámbito comercial.».
Tres. Modifícase o artigo 18, que queda coa seguinte redacción:
«Artigo 18. Mesa do Comercio de Galicia
Créase a Mesa do Comercio de Galicia como órgano colexiado consultivo de participación, asesoramento e colaboración coa Administración autonómica no fomento e ordenación da actividade comercial.
2. A Mesa do Comercio de Galicia adscríbese á consellaría competente na materia de comercio.».
Catro. Engádese un artigo 19, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 19. Funcións da Mesa do Comercio de Galicia
A Mesa do Comercio de Galicia exercerá as seguintes funcións:
a) Formular propostas e suxestións para a mellora da planificación, xestión e avaliación das políticas públicas no ámbito do comercio.
b) Formular propostas e suxestións sobre liñas estratéxicas e prioridades de actuación que se estimen convenientes para o fomento e mellora do tecido comercial galego.
c) Deseñar e propoñer programas formativos para o incremento da capacitación e a profesionalidade do sector comercial.
d) Calquera outra actuación necesaria para o exercicio das súas funcións ou que lle sexa atribuída legal ou regulamentariamente.».
Cinco. Engádese un artigo 20, coa seguinte redacción:
«Artigo 20. Composición da Mesa do Comercio de Galicia
O Pleno da Mesa do Comercio de Galicia terá a seguinte composición:
a) A Presidencia, que corresponderá á persoa titular da consellaría competente na materia de comercio.
b) A Vicepresidencia, que corresponderá á persoa titular do órgano directivo ou superior competente na materia de comercio.
c) Trece vogalías, que corresponderán a:
1º. Dúas persoas representantes do órgano directivo competente na materia de comercio.
2º. Unha persoa en representación da administración local, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias.
3º. Unha persoa en representación das cámaras oficiais de comercio, industria, servizos e navegación de Galicia.
4º. Unha persoa representante das persoas consumidoras, proposta polo Consello Galego de Consumidores e Usuarios.
5º. Unha persoa en representación das organizacións empresariais máis representativas do sector comercial.
6º. Unha persoa en representación das federacións de comerciantes máis representativas de ámbito autonómico.
7º. Unha persoa en representación das asociacións de comerciantes máis representativas que teñan a consideración de centro comercial aberto.
8º. Unha persoa en representación das asociacións de persoas vendedoras das prazas de abastos e mercados.
9º. Unha persoa en representación das asociacións de persoas vendedoras ambulantes.
10º. Unha persoa representante da asociación máis representativa de grandes empresas de distribución do sector comercial.
11º. Unha persoa representante da asociación máis representativa de grandes empresas de supermercados e distribución alimentaria.
12º. Unha persoa en representación das organizacións sindicais máis representativas do sector comercial galego.
d) A Secretaría, que corresponderá a unha persoa funcionaria do órgano directivo competente na materia de comercio, que exercerá a secretaría con voz mais sen voto.».
Seis. Engádese un artigo 20 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 20 bis. Funcionamento da Mesa do Comercio de Galicia
1. A Mesa do Comercio de Galicia exercerá as súas funcións en pleno.
2. O Pleno reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ao ano e, en todo caso, cando o convoque a Presidencia por propia iniciativa ou por solicitude dun mínimo da metade máis un dos membros.
3. O Pleno poderá crear mesas de carácter técnico sobre cuestións concretas para o adecuado desenvolvemento das súas funcións.
4. A Mesa poderá establecer as súas propias normas de funcionamento e rexerase por esta Lei e polo disposto nos artigos 14 e seguintes da Lei 10/2016, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.».
Sete. Engádese un artigo 20 ter, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 20 ter. Nomeamento
As persoas titulares, así como as súas suplentes, serán nomeadas pola Presidencia da Mesa por proposta das respectivas entidades e organizacións.
A persoa que exerza a Secretaría e a súa suplente serán nomeadas pola Vicepresidencia da Mesa.».
Oito. Modifícase o número 5 do artigo 32, que queda redactado como segue:
«5. Completado o expediente coa documentación exixida nos puntos anteriores, remitirase á Comisión Consultiva prevista no artigo 33 co obxecto de que efectúe a proposta de resolución. A Comisión Consultiva poderá, neste trámite, solicitar a ampliación ou a aclaración dos informes emitidos.».
Nove. Engádese un artigo 33, que queda redactado como segue:
«Artigo 33. A Comisión Consultiva
1. A Comisión Consultiva, adscrita á consellaría competente na materia de comercio, é o órgano colexiado encargado de formular a proposta de resolución das autorizacións comerciais autonómicas.
2. A Comisión Consultiva estará composta por:
a) A Presidencia, que corresponderá á persoa titular do órgano directivo competente na materia de comercio.
b) Seis vogalías, que corresponderán a:
1º. Dúas persoas representantes do órgano directivo competente na materia de comercio.
2º. Unha persoa representante da consellaría competente na materia de urbanismo e ordenación do territorio.
3º. Unha persoa representante da consellaría competente na materia de medio ambiente.
4º. Unha persoa representante da consellaría competente na materia de mobilidade.
5º. Unha persoa en representación da administración local, por proposta da Federación Galega de Municipios e Provincias.
c) A Secretaría, que corresponderá a unha persoa funcionaria do órgano directivo competente na materia de comercio, que exercerá a secretaría con voz mais sen voto.
3. As persoas titulares, así como as súas persoas suplentes, serán nomeadas pola Presidencia da Comisión Consultiva por proposta das respectivas entidades e organizacións.
4. A Comisión Consultiva exercerá as súas funcións en pleno.
5. A Comisión Consultiva poderá establecer as súas propias normas de funcionamento e rexerase por esta lei e polo disposto nos artigos 14 e seguintes da Lei 10/2016, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.».
Dez. Modifícase a disposición derradeira cuarta, que queda redactada como segue:
«Disposición derradeira cuarta. Dotacións orzamentarias
A constitución e posterior posta en funcionamento do Observatorio do Comercio de Galicia, da Mesa do Comercio de Galicia e da Comisión Consultiva na materia de comercio non xerará en ningún caso aumento das dotacións orzamentarias da consellaría competente na materia de comercio.».
Artigo 81. Modificación da Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias
A Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral das persoas consumidoras e usuarias modifícase do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 1 do artigo 31, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. As persoas consumidoras teñen dereito á entrega dunha confirmación documental da contratación realizada, que deberá axustarse ao disposto na normativa vixente e que indicará a identificación da empresa, co nome ou razón social, a identificación fiscal, o domicilio social e o enderezo do establecemento físico, no caso de que proceda, así como a data da contratación e a información sobre os medios concretos para que as persoas consumidoras, de acordo coa normativa aplicable, poidan interpoñer as súas queixas e reclamacións ou solicitar información sobre os bens ou servizos ofertados ou contratados.
Por solicitude da persoa consumidora, deberase realizar a desagregación de todos os bens, produtos, servizos, man de obra, cando proceda, e recargas e impostos aplicables.».
Dous. Modifícase o número 1 do artigo 32, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Regulamentariamente regularanse as follas de reclamacións e os supostos concretos da súa entrega, os requisitos e os procedementos que se exixan para a presentación e tramitación dunha reclamación dunha persoa consumidora fronte a unha empresa. A Xunta de Galicia poderá establecer sistemas electrónicos, voluntarios ou obrigatorios, para as empresas, complementarios ou en substitución das follas de reclamacións, para que as persoas consumidoras poidan presentar reclamacións ás empresas.».
Tres. Modifícase o número 6 do artigo 32, que queda redactado como segue:
«6. As empresas deben actuar de forma dilixente para atoparen unha solución satisfactoria ás reclamacións presentadas. Para estes efectos, a resposta que por parte das empresas se lle dea á persoa consumidora, ademais de ter que realizarse no prazo establecido para iso e unha vez presentada a reclamación, deberá, en todo caso, realizarse en papel ou outro soporte duradeiro e dar contestación a todas as cuestións expostas pola persoa consumidora, así como incorporar unha motivación precisa e completa respecto delas no caso de non acceder ás pretensións da persoa consumidora, sen que caiban contestacións xenéricas.
Ademais do anterior, as empresas deberán cumprir cos requisitos de información establecidos pola normativa que resulte aplicable e, en especial, os exixidos na Lei 7/2017, do 2 de novembro, pola que se incorpora ao ordenamento xurídico español a Directiva 2013/11/UE, do Parlamento Europeo e do Consello, do 21 de maio de 2013, relativa á resolución alternativa de litixios na materia de consumo.
No suposto de fundamentar a contestación nun informe, valoración e/ou calquera outro documento, deberá xuntarse á resposta da empresa unha copia íntegra deste, sen remisións de ningún tipo para a súa obtención por parte da persoa consumidora, incluídas fontes de información ou documentación públicas.».
Catro. Engádese un número 4 ao artigo 75, coa seguinte redacción:
«4. Cando durante a tramitación dun procedemento no que a Comunidade Autónoma de Galicia exercite as competencias sancionadoras que lle atribúen os números 1 e 4 do artigo 52 bis do Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, e outras leis complementarias, se poña de manifesto que os feitos imputados puideron afectar a unidade de mercado nacional e a competencia, deberá comunicalo ás autoridades de consumo da Administración xeral do Estado para o exercicio das súas competencias.
Sen prexuízo do anterior, a Comunidade Autónoma de Galicia continuará a tramitación do procedemento sancionador e os órganos competentes da Administración xeral do Estado deberán ter en conta a sanción que, se for o caso, fose imposta previamente pola Comunidade Autónoma, a prol de garantir a súa proporcionalidade.
De igual maneira, cando a Administración xeral de Estado comunicar á Comunidade Autónoma de Galicia a tramitación dun procedemento sancionador que afecte a unidade de mercado nacional e a competencia nos termos do artigo 52 bis.5 do Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, a Comunidade Autónoma de Galicia poderá iniciar a tramitación dun procedemento sancionador polos mesmos feitos no exercicio das súas competencias en defensa das persoas consumidoras e usuarias, o cal comunicará á Administración xeral do Estado.».
Cinco. Modifícase o número 12 do artigo 81, que pasa a ter a seguinte redacción:
«12. Non dar resposta ás reclamacións das persoas consumidoras ou realizalo fóra do prazo establecido ou con incumprimento da normativa na materia de defensa da persoa consumidora ou da normativa sectorial aplicable, reguladora da resposta ás reclamacións das persoas consumidoras, agás que supoña a comisión dunha infracción grave ou moi grave.».
Seis. Engádese un número 52 ao artigo 82, coa seguinte redacción:
«52. Calquera dato, información ou valoración falsos, inexactos, enganosos ou pouco transparentes, incorporados nos informes, valoracións e/ou calquera outro documento no que se fundamenten as respostas das empresas ás reclamacións das persoas consumidoras.».
CAPÍTULO XIII
Medio rural
Artigo 82. Modificación da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia
Modifícase a Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, do seguinte xeito:
Un. Modifícase o número 4 do artigo 22, que queda redactado como segue:
«4. No suposto de que a administración pública competente optase por enviar a comunicación prevista no número 2 e transcorresen os prazos previstos nel sen que conste que a persoa responsable cumpriu a súa obriga de xestión da biomasa e, se é o caso, de retirada das especies arbóreas prohibidas, e sen prexuízo da posibilidade de proceder a unha visita de comprobación, a administración pública competente poderá proceder, sen máis trámite, á realización dos traballos materiais en que consista a execución subsidiaria, atendendo ás necesidades dos incendios forestais, especialmente respecto da seguridade nas zonas de interface urbano-forestal, conforme o establecido no artigo 44 da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes, ou na norma que a substitúa, sen prexuízo da repercusión dos custos da xestión da biomasa á persoa responsable.
No ámbito das redes de faixas secundarias, cando as actuacións materiais de execución subsidiaria nas parcelas se agrupen por concellos, parroquias ou núcleos, con carácter previo ao seu inicio, a administración competente deberá publicar un anuncio no Diario Oficial de Galicia, no boletín oficial da provincia á que pertence e no taboleiro de anuncios do concello, mediante o cal comunicará a previsión de inicio das indicadas actuacións materiais no ámbito territorial que corresponda e que levarán a cabo sobre aquelas parcelas nas que persista o incumprimento de xestión de biomasa. Este anuncio non será necesario nos casos previstos nos números 7 e 8.
Do mesmo modo, a administración pública competente, coa finalidade de manter un control da carga de combustible para impedir o risco de incendios forestais e a súa propagación, cando constate o incumprimento por parte das persoas responsables da súa obriga legal prevista no número 1 de ter concluída a xestión da biomasa e retirada de especies arbóreas unha vez que finalice o mes de maio de cada ano, e salvo que exista unha planificación anual aprobada á que se refire o mesmo número 1, poderá proceder, sen máis trámite e, en particular, sen necesidade de efectuar a comunicación prevista no número 2, á execución da realización dos traballos materiais e repercusión dos custos da xestión da biomasa, co obxecto da preparación da campaña de prevención dos incendios forestais de cada ano, procurando actuar con preferencia nas zonas de maior risco de incendios forestais. Nestes supostos deberá proceder con carácter previo ao inicio das actuacións materiais, en todo caso, á publicación dos anuncios previstos no parágrafo anterior e conceder un prazo mínimo de quince días para o cumprimento da obriga legal.
Nos supostos de execución previstos neste número, os custos que se repercutirán poderán liquidarse provisionalmente de maneira anticipada, mesmo na comunicación a que se refire o número 2, e realizarse a súa exacción desde o momento en que se verifique o incumprimento da obriga de xestión da biomasa nos prazos sinalados neste artigo, sen prexuízo da súa liquidación definitiva unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria. A liquidación definitiva aprobarase unha vez finalizados os traballos de execución subsidiaria por parte da administración actuante que desenvolva as actuacións materiais de execución subsidiaria e será notificada á persoa responsable para o seu pagamento.
Para a liquidación dos custos correspondentes a cada parcela, a administración terá en conta a cantidade resultante de aplicar a parte proporcional á cabida da parcela do importe do correspondente contrato, encomenda ou custo dos traballos realizados na zona de actuación.
Cando a identidade da persoa responsable non for coñecida no momento de proceder á execución subsidiaria, a repercusión dos custos aprazarase ao momento en que, se é o caso, chegue a ser coñecida, sempre que non prescribisen os correspondentes dereitos de cobranza a favor da facenda pública.
Se a execución subsidiaria inclúe a retirada de especies arbóreas prohibidas, darase traslado da resolución en que se acorde tal execución subsidiaria ao órgano competente para a incoación do correspondente procedemento sancionador, o cal deberá proceder de inmediato á adopción do acordo de incoación do expediente sancionador e da medida cautelar de comiso das especies indicadas. O destino das especies obxecto de comiso será o seu alleamento, o cal será efectuado, nos termos regulados nesta lei, pola administración que realizase a execución subsidiaria.
No caso de venda das especies obxecto de comiso, os importes obtidos deberán aplicarse, por parte da administración que realice tales vendas, a sufragar os gastos derivados das execucións subsidiarias da súa competencia.».
Dous. Modifícanse os números 1, 2 e 3 do artigo 36, que quedan redactados como segue:
«1. Nas zonas agrícolas e forestais e nas de influencia forestal, durante a época de perigo alto de incendios forestais queda prohibido realizar fogueiras para recreo ou lecer e para a preparación de alimentos, así como utilizar equipamentos de queima e combustión destinados á iluminación ou á elaboración de alimentos.
2. Nas zonas agrícolas e forestais e nas de influencia forestal, cando o índice de risco diario de incendio forestal sexa moi alto ou extremo queda prohibido queimar matogueiras cortadas e amontoadas e calquera tipo de sobrantes de explotación, limpeza de restos ou calquera outro obxecto combustible. A publicación por parte da consellaría competente en materia forestal, nos termos previstos no artigo 10, do índice de risco diario de incendios forestais de nivel moi alto ou extremo determinará a suspensión automática dos títulos habilitantes para a realización, nas zonas afectadas por estes niveis de risco e mentres se manteñan estes, das queimas previstas neste número.
3. Exceptúase do disposto no número 1 a preparación de alimentos en espazos non incluídos en zonas de alto risco de incendio, sempre que for realizada nas áreas expresamente previstas para o efecto, como son as áreas recreativas e outras, cando estean debidamente identificadas e conten con infraestruturas adecuadas para tal fin.».
Tres. Modifícanse os números 5 e 6 do artigo 36, que quedan redactados como segue:
«5. Exceptúase, así mesmo, do disposto no número 1 o uso de lume nas festas locais ou de arraigada tradición popular, que requirirá autorización previa do concello, na cal figurarán, en todo caso, as medidas de seguridade e prevención de incendios forestais.
6. Exceptúase do disposto no número 2 a queima de restos de explotación debida a exixencias fitosanitarias de carácter obrigatorio e que así veña determinado polas autoridades competentes. Esta deberá ser realizada coa presenza dunha unidade dalgún equipo de bombeiros das entidades locais ou dun equipo autorizado pola Xunta de Galicia.».
Catro. Modifícase o artigo 54, que pasa a ter a seguinte redacción:
«Artigo 54. Competencia sancionadora
1. Será competente para incoar o procedemento sancionador para as infraccións cometidas en terreos agrícolas, forestais e de influencia forestal a persoa titular do departamento territorial da consellaría con competencias na materia de incendios forestais por razón do territorio no que se cometeu a infracción ou daquel con maior superficie afectada.
No caso das infraccións recollidas no artigo 50.2, números 1), 2) e 3), serán competentes para incoar o procedemento sancionador os servizos de inspección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística correspondentes por razón do territorio, de acordo coa súa estrutura orgánica.
2. Serán competentes para a resolución dos procedementos sancionadores por infraccións tipificadas nesta lei e incoados de conformidade co disposto no número 1 na materia de incendios forestais:
a) A persoa titular do departamento territorial da consellaría competente na materia de incendios forestais, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións leves.
b) O órgano competente na materia de incendios forestais, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións graves.
c) A persoa titular da consellaría que teña asignada a competencia na materia de incendios forestais, para a imposición de sancións pola comisión de infraccións moi graves.
d) No caso das infraccións recollidas no artigo 50.2, números 1), 2) e 3), será competente a persoa titular da dirección da Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.
3. A incoación do procedemento sancionador en aplicación desta lei para as infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable será competencia do correspondente concello. A resolución dos expedientes pola comisión de infraccións leves, graves ou moi graves corresponderá á persoa titular da alcaldía, de conformidade co establecido no número 3 do artigo 21 ter.
4. No caso das infraccións cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable a adhesión á Axencia para a Protección da Legalidade Urbanística producirá a atribución a esta das competencias sancionadoras dos municipios integrados, de acordo co que se estableza nos correspondentes convenios de adhesión. Estas competencias exerceranse por delegación, de acordo co establecido na lexislación aplicable á axencia.».
Artigo 83. Modificación da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia
A Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, queda modificada como segue:
Un. Modifícase a letra c) do número 1 do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, que queda redactada como segue:
«c) Os terreos de antigo uso agrícola que cumpran as seguintes características:
1º. Que leven polo menos corenta anos abandonados.
2º. Que adquirisen sinais inequívocos de carácter forestal pola existencia de arboredo dominado por especies frondosas do anexo I desta lei, con idade media superior a dez anos, fracción de cabida cuberta de polo menos o 60 %, aplicada a escala de subparcela catastral. As masas consideraranse dominadas por frondosas do anexo I desta lei cando as súas copas alcancen máis da metade da cabida cuberta.
3º. Que formen parte de superficies continuas de polo menos unha hectárea.»
Dous. Modifícase a letra d) do número 2 do artigo 2, que queda redactada como segue:
«d) Os terreos agrícolas abandonados que non cumpran os condicionantes establecidos na letra c) do número anterior.».
Tres. Modifícase o título do artigo 75, que queda redactado do seguinte xeito:
«Artigo 75. Procedemento de elaboración, aprobación e modificación dos plans de ordenación de recursos forestais».
Catro. Engádese un número 3 ao artigo 75, coa seguinte redacción:
«3. Os plans de ordenación de recursos forestais poderán ser obxecto das seguintes modificacións:
a) Modificación substancial: é a actualización do plan que implique cambios esenciais na súa estrutura territorial básica ou nos obxectivos estratéxicos do plan. Para estes efectos, entenderase como estrutura territorial básica o ámbito de actuación dos plans, que será preferentemente o distrito forestal consonte co disposto no artigo 74.1. Esta modificación tramitarase a través do mesmo procedemento establecido para a súa elaboración e aprobación no número 1.
b) Modificación non substancial: é a adaptación puntual do plan que non implique cambios esenciais na súa estrutura territorial básica nin nos obxectivos estratéxicos. Poderá consistir, entre outras, en actualizacións técnicas, inventariais, cartográficas, de terminoloxía, de coherencia con normas sectoriais ou axustes derivados de obrigas legais sobrevidas. Esta modificación poderá realizarse mediante unha resolución da persoa titular da consellaría competente na materia de montes.».
Cinco. Modifícase a letra f) do número 1 do artigo 76, que queda redactada como segue:
«f) A zonificación por usos e vocación do territorio, establecendo para cada zona os obxectivos, as compatibilidades e as prioridades, sen que esta zonificación produza efectos directos sobre a clasificación urbanística do solo.».
Seis. Suprímese o número 4 do artigo 76, que queda sen contido.
Sete. Engádese o artigo 76 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 76 bis. Plans de ordenación de recursos forestais simplificados
1. Os plans de ordenación de recursos forestais simplificados especificarán o contido previsto nas letras a), b), d), e), g) e h) do número 1 do artigo 76.
2. Estes plans terán como finalidade principal a aplicación directa, no ámbito territorial correspondente, das iniciativas, programas e liñas de acción do Plan Forestal de Galicia.
3. Os plans de ordenación de recursos forestais simplificados aprobaranse mediante unha orde da persoa titular da consellaría competente na materia de montes, logo da consulta ás entidades locais e, a través dos seus órganos de representación, ás persoas propietarias forestais privadas, a outras persoas usuarias lexítimas afectadas e ás demais axentes sociais e institucionais interesadas, así como do trámite de información pública.».
Oito. Modifícase o número 3 do artigo 92, que queda redactado como segue:
«3. Para a valoración dos aspectos derivados da lexislación sectorial, o órgano forestal solicitará de forma preceptiva un informe dos órganos ou organismos competentes. Non se requirirá ao órgano competente na materia de estradas e patrimonio cultural o informe previsto neste número cando se trate de autorizacións de cortas que se realicen en espazos suxeitos aos réximes de protección a que se refire o artigo 92 bis.3.f) e g) nas que, ademais da suxeición aos citados réximes de protección, concorra algún outro dos supostos establecidos no número 1.».
Nove. Engádense as letras f) e g) ao número 3 do artigo 92 bis, coa seguinte redacción:
«f) As cortas de arboredo nas zonas de servidume e de afección das estradas, sen prexuízo da exixencia de autorización cando concorra algún outro dos supostos previstos no artigo 92.1.
g) As cortas de arboredo nas que non concorra ningún outro dos supostos previstos no artigo 92.1. e que se realicen en:
1º. Bens catalogados con nivel de protección estrutural ou ambiental, de acordo co disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento.
2º. As cortas de arboredo que formen parte do territorio histórico do Camiño de Santiago: Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Fisterra e Muxía, Vía da Prata e Camiño de Inverno. Exceptúanse do disposto nesta alínea e, polo tanto, están suxeitas a autorización conforme ao disposto no artigo 92, as cortas que se realicen na propia traza destes camiños e no ámbito de tres metros a ambos os dous lados dela, a partir da súa liña exterior.
En todo caso, exceptúanse do disposto nesta letra as cortas realizadas en bens do patrimonio artístico ou arqueolóxico e nos seus contornos de protección, así como no patrimonio que sexa titularidade da Igrexa católica, que se rexerá polo disposto no artigo 92.».
Dez. Modifícanse os números 3 e 4 do artigo 125, que quedan redactados como segue:
«3. Como mínimo o 10 % da porcentaxe establecida no número 1.a) deberá reinvestirse na realización de traballos de execución de medidas e dotación de infraestruturas destinadas á prevención e protección fronte aos incendios forestais, que se deberán priorizar sobre a realización de calquera outro tipo de investimento. Naqueles supostos en que o monte veciñal en man común dispoña do correspondente instrumento de ordenación ou xestión, acometerá as actuacións preventivas programadas neles. A cantidade restante da cota prevista no número 1.a) deberá investirse na redacción ou actualización do instrumento de ordenación ou xestión obrigatoria, que deberá ser obxecto de aprobación pola Administración forestal para, a continuación, dedicala aos traballos programados no devandito instrumento, para os custos en materia de servizos de xestión que a súa aplicación supoña ou para o deslinde e posterior amolloamento.
Só no caso de que os precitados investimentos estivesen satisfeitos polas cantidades xeradas nos ingresos nunha porcentaxe inferior ao establecido no número 1 deste artigo e cumpran todos os requisitos legais poderá reducirse esta cota mínima, logo da aprobación da Administración forestal. Non se autorizará ningunha redución de cota que non prevexa unha reserva de fondos destinada a garantir o mantemento das infraestruturas preventivas nos seguintes dez anos, aínda no caso de que non se producisen novos ingresos.
4. Estes reinvestimentos poderán realizarse ao longo do ano natural en que se obtivo o ingreso en cuestión ou dentro dun período máximo de catro anos, contado a partir da finalización do devandito ano. Exceptúanse do disposto neste número os reinvestimentos destinados á realización de actuacións de xestión da biomasa para a prevención de incendios forestais e retirada de especies prohibidas, que deberán realizarse de forma continuada, garantindo, en todo caso, que antes do 31 de maio de cada ano se dea cumprimento á lexislación sectorial de incendios sobre o mantemento e xestión de infraestruturas e equipamentos preventivos.».
Once. Engádense as letras e) e f) ao número 8 do artigo 125, coa seguinte redacción:
«e) A realización doutros traballos de execución de medidas e dotación de infraestruturas básicas destinadas á prevención e protección fronte aos incendios forestais, aínda que non estiveren expresamente previstos no instrumento de ordenación aprobado, sempre que foren compatibles co previsto neste.
f) A realización de traballos de creación e mantemento das redes secundarias de faixas de xestión de biomasa de protección dos núcleos poboacionais, as infraestruturas, os equipamentos sociais e as zonas edificadas das que sexa titular a comunidade.».
Doce. Engádese un número 3 ao artigo 126, coa seguinte redacción:
«3. Será considerado solo rústico de protección forestal o correspondente aos montes ou terreos forestais inscritos no Sistema rexistral forestal de Galicia, sen prexuízo dos cualificados como rústico de protección forestal mediante a aprobación do Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, previstos no artigo 25 da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia.».
Trece. Modifícase o número 1 da letra i) do artigo 128, que queda redactado como segue:
«1. A realización de repoboacións forestais coas especies que estean expresamente prohibidas nesta lei ou a realización de actuacións ou omisións que incumpran a disposición transitoria novena da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación de terra agraria de Galicia.».
Catorce. Modifícase a letra n) do número 2 do artigo 129, que queda redactada como segue:
«n) As infraccións tipificadas no número 1 da letra i) do artigo 128.».
Artigo 84. Modificación da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas
Modifícase o número 1 da disposición transitoria cuarta da Lei 9/2017, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, que pasa a ter a seguinte redacción:
«1. Os consorcios ou convenios de repoboación coa Administración forestal existentes nos montes no momento da entrada en vigor desta lei serán obxecto de:
a) Cancelación de oficio nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2027, nos casos seguintes:
1º. Montes que non presenten saldo debedor na data de entrada en vigor desta lei ou en calquera momento dentro do prazo máximo estipulado.
2º. Montes catalogados de dominio público que pasen a xestionarse de acordo co establecido nos artigos 34 e seguintes da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.
3º. Montes que non consigan os fins para os cales se subscribiu o convenio ou o consorcio por causas relacionadas co estado legal, forestal, administrativo ou económico do monte.
Considerarase que non se cumpriron estes fins, entre outras causas, cando o arborado existente ocupe unha superficie inferior ao 30 % da total do consorcio ou convenio, agás por afectación de incendios forestais posteriormente á data de entrada en vigor desta lei. Neste caso de afectación de incendios forestais, a superficie arborada queimada considerarase como superficie arborada para os efectos do cómputo desta porcentaxe do 30 %.
b) Finalización nun prazo que rematará o 31 de decembro de 2027, momento en que deberá asinarse un contrato temporal de xestión pública que substitúa o consorcio ou o convenio finalizado. No caso de non se formalizar o devandito contrato no prazo establecido, a persoa titular do monte deberá aboar o saldo debedor do convenio ou consorcio finalizado á Comunidade Autónoma. Para iso, poderá aboalo nun único pagamento ou a través dun plan de devolución plurianual. No caso de non se producir o aboamento total ou da cota anual disposta no devandito plan, procederase á súa anotación preventiva, en concepto de carga real, das cantidades debidas á Comunidade Autónoma de Galicia no correspondente rexistro da propiedade, e non poderán ter axudas ou beneficios de ningún tipo mentres non regularicen a súa situación nos termos previstos nesta lei.
Previamente á finalización ou cancelación do convenio ou consorcio, deberá estar aprobado un instrumento de ordenación ou xestión forestal dos previstos na Lei 7/2012, do 28 de xuño, que garanta a continuidade da xestión forestal sustentable.».
Artigo 85. Modificación da Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia
A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, queda modificada como segue:
Un. A letra c) do artigo 4 queda redactada do seguinte xeito:
«c) Asentamento rural: instrumento voluntario de recuperación de terras mediante a realización de actuacións integradas para a recuperación da capacidade agronómica das terras circundantes a núcleos de poboación e asentamentos poboacionais situados no territorio rural galego, co fin de promover actividade económica ligada ao sector primario ao tempo que reducir o risco de incendios forestais. As actuacións poderán abranguer todo ou parte do núcleo rural do asentamento con fins que propicien a recuperación demográfica e a mellora da calidade de vida da súa poboación.».
Dous. O ordinal 3º da letra b) do número 1 do artigo 12 pasa a ter a seguinte redacción:
«3º. Emitir un informe preceptivo sobre o Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia, así como sobre o Mapa de usos agroforestais de Galicia. Quedan exceptuados os catálogos parciais de solos agropecuarios e forestais, así como as revisións do Catálogo e do Mapa cando estas non teñan un carácter substancial.».
Tres. O artigo 15 queda redactado como segue:
«O Banco de Explotacións, xestionado polo órgano de dirección do que dependan funcionalmente as oficinas rurais, actuará como un instrumento público de intermediación que terá como finalidade facilitar a posta en contacto entre persoas titulares de explotacións agroforestais que, voluntaria ou forzosamente, abandonan a actividade e persoas interesadas en se incorporar a ela, co obxectivo de garantir a continuidade da explotación e así loitar contra o seu desmantelamento e o abandono sobrevido das terras que a constitúen.».
Catro. O número 2 do artigo 19 pasa a ter a seguinte redacción:
«2. O procedemento de investigación dos predios, incluíndo as edificacións ou construcións que puideren existir neles, poderá ser iniciada de oficio pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural cando así o aconsellen os distintos instrumentos e procedementos de mobilización e recuperación de terras.».
Cinco. O número 4 do artigo 24 queda redactado como segue:
«4. O Mapa de usos agroforestais de Galicia e, de ser o caso, as súas revisións, serán aprobados mediante unha resolución do Consello Reitor da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, logo do informe preceptivo do Consello de Xestión da Terra Agroforestal. Exceptúanse deste informe aquelas revisións que non conteñan modificacións substanciais.».
Seis. Modifícase o número 4 do artigo 32, que pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Os terreos identificados como solos de alta produtividade agropecuaria polo Catálogo de solos agropecuarios e forestais de Galicia ou polos catálogos parciais, en aplicación do artigo 34.2.a) da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, adquirirán a categoría de solo rústico de especial protección agropecuaria.».
Sete. Engádese un número 1 bis ao artigo 84, coa seguinte redacción:
«1 bis. A valoración derivada da análise de prezos de referencia regulados na letra e) do número 1 poderá ser modificada de forma motivada coa aprobación do proxecto básico do polígono.».
Oito. A letra a) do artigo 90 queda redactada como segue:
«a) A publicación do plano parcelario, elaborado segundo o recollido no artigo 89, na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e no taboleiro de edictos do concello ou concellos onde radique o polígono agroforestal por un prazo de vinte días hábiles.».
Nove. O número 4 do artigo 93 pasa a ter a seguinte redacción:
«4. Mediante unha resolución da persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aprobarase a proposta de reestruturación da propiedade xunto coa acta de reorganización da propiedade no polígono agroforestal.
A acta de reorganización da propiedade será obxecto de protocolización notarial e inmatriculación rexistral por instancia da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, de conformidade coa lexislación estatal aplicable, e será título inscritible nos termos establecidos por esta.
Todo o anterior, sen prexuízo da aprobación por parte da persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural das modificacións da acta de reorganización da propiedade a que dea lugar como consecuencia da rectificación de erros, execución de sentenzas ou recoñecementos de titularidade que procedan. Será documento abondo para a súa inscrición rexistral a acta de rectificación ou complementaria da de reorganización da propiedade, debidamente protocolizada notarialmente.
Así mesmo, resultarán aplicables os artigos 70 e 71 da Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, ou a norma que a substitúa.».
Dez. O número 1 da disposición adicional segunda queda redactado como segue:
«1. O prazo máximo para resolver os procedementos previstos nesta lei que non teñan fixado un prazo específico será de tres anos, contado desde a data do acordo de inicio ou, no caso de iniciación por solicitude dunha persoa interesada, desde a data en que a solicitude entrase no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.».
Once. Engádese unha disposición adicional oitava, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional oitava. Referencias ás aldeas modelo
As referencias que se efectúan nesta lei ás aldeas modelo entenderanse feitas aos asentamentos rurais.».
Doce. Engádese unha disposición adicional novena, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional novena. Funcións relativas ao Banco de Explotacións
Todas as referencias que se efectúan nesta lei nos artigos 34, 39, 40 e 41 á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no que atinxe ás funcións de xestión, intermediación, proposta e resolución relativas ao Banco de Explotacións entenderanse realizadas ao órgano de dirección do que dependan funcionalmente as oficinas rurais.».
Trece. Engádese unha disposición adicional décima, coa seguinte redacción:
«Disposición adicional décima. Solo rústico de protección forestal
Será considerado como solo rústico de protección forestal tanto o incluído con tal clasificación no Catálogo de solos agropecuarios e forestais, previsto no artigo 25, como o inscrito no Sistema rexistral forestal de Galicia, regulado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.».
Catorce. Modifícase a disposición transitoria primeira, que queda redactada como segue:
«Disposición transitoria primeira. Réxime transitorio de usos do solo
1. Mentres non estean aprobados os catálogos oficiais de solos agropecuarios e forestais, manterase o uso agropecuario ou forestal do solo acorde coa súa clasificación, sen prexuízo do indicado nos números seguintes desta disposición.
2. Coa finalidade de manter a súa potencialidade agropecuaria e de prevención contra os incendios forestais, se os terreos están destinados actualmente ao uso agropecuario consideraranse como agropecuarios, polo que non terán a consideración de monte ou terreo forestal para os efectos do establecido na lexislación de montes. Se os terreos son de uso mixto agrosilvopastoral ou compatibilizan un uso agrícola principal ou maioritario nese terreo cun uso forestal, seguirán mantendo o uso actual.
3. Así mesmo, considerarase que o uso dos terreos é forestal nos supostos establecidos no artigo 2.1 a), b) e d) da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia. En particular, terán uso forestal aqueles terreos rexistrados no Sistema rexistral forestal de Galicia creado no artigo 126 da citada lei.
4. Se nos terreos se veñen desenvolvendo aproveitamentos dos recursos forestais definidos no artigo 84 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, poderase manter o uso forestal.
5. Non obstante o establecido no número anterior, os terreos de antigo uso agrícola que non adquirisen a condición de monte, conforme o establecido na letra c) do número 1 do artigo 2 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, poderán retomar o seu uso agrícola para os efectos de protexer a súa potencialidade agropecuaria e de prevención contra os incendios forestais.
Nestes terreos en ningún caso se entenderá como transformación ou cambio de uso do solo a recuperación do uso agrícola, e isto con independencia de que as operacións de recuperación impliquen modificacións nas condicións de limpeza e mantemento dos predios ou calquera outra intervención encamiñada á mellora da súa capacidade produtiva.».
Quince. Suprímese a disposición transitoria segunda, que queda sen contido.
Dezaseis. Modifícase a disposición transitoria terceira, que queda redactada como segue:
«Disposición transitoria terceira. Cualificación provisional dos enclaves forestais en terreos agrícolas
Mentres non estean aprobados os catálogos oficiais de solos agropecuarios e forestais, terán a condición de monte ou terreo forestal os enclaves forestais en terreos agrícolas con superficie mínima de 1 hectárea de masas forestais de frondosas do anexo I da Lei 7/2012, do 28 de xuño.».
Dezasete. Modifícanse os números 1, 2 e 3 da disposición transitoria novena, que pasan a ter a seguinte redacción:
«1. Con carácter transitorio, ata o 31 de decembro de 2030 só estarán permitidas as repoboacións con especies do xénero Eucalyptus nos seguintes casos:
a) Repoboacións previstas en instrumentos de ordenación ou xestión forestal que fosen aprobados pola Administración forestal antes da entrada en vigor desta disposición, ou nos devanditos instrumentos cando a súa solicitude de aprobación se atopase en tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta disposición e que fosen, finalmente, obxecto de aprobación pola Administración forestal.
b) Repoboacións do xénero Eucalyptus que se realicen co cumprimento de todas as condicións seguintes:
1º. As novas repoboacións deben realizarse en substitución doutras plantacións existentes de Eucalyptus situados noutras superficies, denominadas en adiante «superficies orixinarias».
2º. As plantacións existentes nas superficies orixinarias deben ter cumprido no momento da súa plantación o disposto nesta lei e no resto da lexislación sectorial vixente e ser tamén legais no momento en que se pretenda a substitución.
3º. As plantacións existentes nas superficies orixinarias deberán ter unha ocupación dominante do xénero Eucalyptus, de acordo co establecido no número 3 desta disposición.
4º. As persoas titulares das superficies orixinarias deberán transformar a plantación existente do xénero Eucalyptus noutras formacións específicas, que serán masas de coníferas ou de frondosas caducifolias.
5º. A nova superficie de repoboación con individuos do xénero Eucalyptus poderá pertencer á persoa titular da superficie orixinaria na que se encontre a plantación existente ou a unha persoa distinta. Non obstante, no caso de que se vaia realizar a repoboación en superficies que non pertenzan á titular da superficie orixinaria, ademais dos requisitos normativamente establecidos deberase presentar ante a Administración forestal, para os efectos do outorgamento da autorización, o acordo entre as titulares afectadas no que se ceda o dereito a efectuar a repoboación co xénero Eucalyptus na nova superficie e a declaración responsable da titular da plantación orixinaria na que se compromete a manter a nova masa creada e renuncia expresamente a calquera futura plantación con xénero Eucalyptus nos predios nos que se vai eliminar.
A autorización para a substitución recollerá expresamente a obriga de non iniciar os traballos para a nova repoboación de eucalipto ata que a plantación orixinaria estea transformada nunha nova masa de coníferas ou de frondosas caducifolias, e concederá un prazo máximo de tres anos desde o outorgamento da autorización para a execución da transformación da plantación orixinaria e a execución da nova plantación. Se, transcorrido o antedito prazo, non se realizou a nova plantación a autorización caducará, sen que caiba reverter a eucalipto a masa orixinal, se xa foi obxecto de transformación.
6º. As novas repoboacións co xénero Eucalyptus e as repoboacións da superficie orixinaria deberán cumprir o disposto nesta lei e no resto da lexislación sectorial vixente.
7º. A superficie da nova repoboación co xénero Eucalyptus non poderá superar o 75 % da superficie orixinaria que foi obxecto de transformación. Non obstante, no caso de plantacións de Eucalyptus existentes legalmente realizadas na Rede Natura 2000, co obxecto de fomentar a súa retirada, a superficie da nova repoboación realizada fóra dela poderá alcanzar ata o 100 % daquela que foi obxecto de transformación.
No suposto previsto nesta letra, será necesaria a autorización previa emitida pola persoa titular da dirección territorial competente na materia de montes onde radiquen os montes ou terreos forestais afectados. No suposto de que os montes ou terreos forestais afectados radiquen en provincias diferentes, a autorización será outorgada polo órgano de dirección competente na materia forestal.
2. Con carácter transitorio, ata o 31 de decembro de 2030 as reforestacións con especies do xénero Eucalyptus unicamente estarán permitidas cando a ocupación anterior do terreo obxecto da reforestación constituíse unha masa pura ou mixta dominante deste xénero, e sempre e cando as plantacións anteriores se realizasen respectando o disposto na lexislación sectorial vixente.
3. O indicado nos números anteriores será aplicable ás masas puras de Eucalyptus e ás masas mesturadas pé a pé, dentro dunha mesma referencia catastral. Nunha masa mesturada pé a pé entenderase por especie dominante aquela ocupación que dentro da mesma referencia catastral supoña unha porcentaxe de pés maiores do xénero Eucalyptus superior ao 50 % do total da masa. Para estes efectos, consideraranse pés maiores aqueles que presenten un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros. Para o cómputo da superficie ocupada de masas mesturadas do xénero Eucalyptus excluiranse as mouteiras de masas puras doutras especies existentes na parcela catastral.
Para os efectos da aplicación do indicado no número 2, no caso de que a ocupación do eucalipto sexa superior ao 50 % e inferior ao 80 % do total da masa será necesaria autorización previa emitida polo órgano territorial competente en materia forestal onde radique o monte ou terreo forestal.
Igualmente, poderá solicitarse autorización ante o mesmo órgano para aquelas parcelas poboadas con pés do xénero Eucalyptus que estean a ser xestionadas conforme a adhesión a modelos silvícolas orientadores EG2 ou EN2 cuxo obxectivo de xestión sexa a produción de madeira para serra, chapa ou bateas en quendas superiores a vinte e cinco anos.».
Dezaoito. Engádense os números 7 e 8 á disposición transitoria novena, coa seguinte redacción:
«7. Excepcionalmente, e co fin de restaurar as masas de piñeiro radiata (Pinus radiata) gravemente afectadas pola enfermidade da banda marrón (Lecanosticta acicola), poderán autorizarse reforestacións do xénero Eucalyptus. O anterior será aplicable ás masas puras de piñeiro radiata e ás masas mesturadas pé a pé, dentro dunha mesma referencia catastral. Nunha masa mesturada pé a pé entenderase por especie dominante aquela ocupación que dentro da mesma referencia catastral supoña unha porcentaxe de pés maiores de piñeiro radiata superior ao 50 % do total da masa. Para estes efectos, consideraranse pés maiores aqueles que presenten un diámetro normal igual ou superior a 7,5 centímetros. Para o cómputo da superficie ocupada de masas mesturadas de piñeiro radiata excluiranse as mouteiras de masas puras doutras especies existentes na parcela catastral.
Estas autorizacións só poderán concederse cando se cumpran todos os seguintes requisitos:
a) Eliminación da totalidade das masas de piñeiros afectados pola enfermidade da banda marrón (Lecanosticta acicola) dentro da referencia catastral, co fin de favorecer a erradicación da enfermidade.
b) A plantación do xénero Eucalyptus quedará limitada a un máximo do 50 % da superficie de piñeiro eliminada. Deberá repoboarse o 50 % restante con calquera outra especie de coníferas ou frondosas permitidas, agás o xénero Eucalyptus.
c) A plantación do xénero Eucalyptus quedará limitada a un máximo dunha única quenda de corta. Transcorrido o prazo desta quenda de corta, a persoa titular do dereito de aproveitamento queda obrigada á plantación da superficie con calquera outra especie de coníferas ou frondosas, agás o xénero Eucalyptus.
A autorización poderá denegarse se non se xustifica suficientemente a gravidade da afectación da enfermidade e a consecuente falta de viabilidade da explotación, aspectos que poderán ser obxecto de desenvolvemento regulamentario.
8. O establecido neste artigo entenderase sen prexuízo do réxime aplicable en cada caso ás repoboacións reguladas nela, de acordo coa normativa sectorial correspondente, xa sexa por mor do tipo de espazo protexido, pola prevención de incendios forestais ou por outras posibles afeccións.».
Artigo 86. Modificación da Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, da calidade alimentaria de Galicia
Engádese un artigo 112 bis á Lei 1/2024, do 11 de xaneiro, de calidade alimentaria de Galicia, coa seguinte redacción:
«Artigo 112 bis. Suspensión condicional e remisión da sanción
1. Nas sancións impostas pola comisión de infraccións leves ou graves nas materias reguladas nesta lei, unha vez que a resolución sancionadora sexa firme en vía administrativa, a persoa infractora poderá solicitar no prazo dun mes, contado desde a firmeza da resolución, a suspensión condicional da execución da sanción económica imposta.
Para iso deberá presentar unha solicitude debidamente motivada, dirixida á persoa titular da consellaría competente na materia de calidade alimentaria, na que manifeste o compromiso de cumprir as obrigas establecidas no número 5, co fin de garantir, durante o prazo de suspensión, un comportamento de respecto da normativa reguladora da calidade alimentaria.
A presentación da solicitude determinará a suspensión automática da execución da sanción económica ata a resolución do procedemento sobre a suspensión condicional.
O prazo de suspensión condicional será de doce meses para as infraccións leves e de vinte e catro meses para as infraccións graves.
2. Serán requisitos para solicitar a suspensión condicional:
a) Que a persoa infractora non fose sancionada nos tres anos anteriores á data da notificación do acordo de inicio do procedemento sancionador no que se impuxo a sanción pola comisión da infracción leve ou grave da que se solicita a suspensión nin estea iniciado no momento da presentación da solicitude un procedemento sancionador pola comisión de calquera das infraccións reguladas nesta lei.
b) Que a contía total da sanción imposta no procedemento sancionador non exceda os 30.000 euros.
c) Que no procedemento sancionador no que se impuxo a sanción pola comisión da infracción leve ou grave da que se solicita a suspensión non se impuxese unha sanción pola comisión dunha infracción moi grave.
d) Que no procedemento no que se impuxo a sanción pola comisión da infracción leve ou grave da que se solicita a suspensión non se impuxese unha sanción pola comisión dunha infracción en materia de calidade diferenciada.
3. O prazo máximo de resolución do procedemento de concesión da suspensión condicional será de seis meses, contados desde a data de presentación da solicitude.
4. A resolución do procedemento de concesión da suspensión condicional será motivada e notificarase á persoa solicitante.
No caso de que a resolución for denegatoria continuarase a tramitación da execución da sanción económica imposta.
No caso de que a resolución for favorable á solicitude presentada, a citada resolución suspenderá os prazos de prescrición das sancións establecidos nesta lei.
A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.
5. A persoa interesada deberá en todo caso cumprir durante todo o período de vixencia da suspensión as seguintes obrigas:
a) Non cometer ningunha das infraccións previstas nesta lei. Esta obriga entenderase incumprida cando se detecte a comisión de calquera das infraccións previstas nesta lei mediante unha acta de inspección.
b) Cumprir debidamente as sancións accesorias, de ser o caso, impostas.
6. Se a persoa interesada, durante o prazo de suspensión condicional concedido, incumpre as obrigas impostas, o órgano competente revogará a suspensión condicional da execución da sanción económica e continuarase a tramitación da execución da sanción.
7. Unha vez finalizado o prazo de duración da suspensión, se a persoa infractora, á vista dos informes que poidan ser requiridos para o efecto, cumpriu as obrigas establecidas, a persoa titular da consellaría competente acordará a remisión da sanción imposta, sempre que non recaese unha sentenza xudicial.».
Artigo 87. Modificación do Decreto 105/2005, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais
Modifícase o número 8 do artigo 15, que queda redactado como segue:
«8. A publicación por parte da consellaría competente en materia forestal, nos termos previstos no artigo 10 da Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, do índice de risco diario de incendios forestais de nivel moi alto ou extremo determinará a suspensión automática dos títulos habilitantes para a realización, nas zonas afectadas por estes niveis de risco e mentres se manteñan estes, das queimas previstas no número 1.».
Artigo 88. Modificación do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia
Modifícase o número 6 do artigo 15 do Decreto 52/2014, do 16 de abril, polo que se regulan as instrucións xerais de ordenación e de xestión de montes de Galicia, que pasa a ter a seguinte redacción:
«6. Os proxectos de ordenación e documentos simples ou compartidos de xestión forestal que obteñan a aprobación do órgano forestal serán inscritos de oficio polo órgano forestal no Rexistro de Montes Ordenados creado no artigo 126 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia.».
Artigo 89. Modificación do Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia
O Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia, modifícase como segue:
Un. Modifícase a letra b) do número 1 do artigo 22, que queda redactada como segue:
«b) Cando os montes ou terreos forestais formen parte de espazos suxeitos a algún réxime de protección ou estean afectados por algunha lexislación de protección do dominio público, excepto nos supostos establecidos no artigo 29 e 29 bis, sempre e cando a lexislación sectorial non prevese a presentación da declaración responsable e sen prexuízo da exixencia de autorización cando concorran calquera dos supostos regulados neste artigo.».
Dous. Engádense as letras h) e i) no número 2 do artigo 24, coa seguinte redacción:
«h) As cortas de arboredo nas zonas de servidume e de afección das estradas, sen prexuízo da exixencia de autorización cando concorra algún outro dos supostos previstos no artigo 22.
i) As cortas de arboredo nas que non concorra ningún outro dos supostos previstos no artigo 92.1 e que se realicen en:
1º. Bens catalogados con nivel de protección estrutural ou ambiental, de acordo co disposto na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, así como, de ser o caso, no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento.
2º. As cortas de arboredo que formen parte do territorio histórico dos Camiños de Santiago: Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Fisterra e Muxía, Vía da Prata e Camiño de Inverno. Exceptúanse do disposto nesta alínea e, polo tanto, están suxeitas a autorización conforme o disposto no artigo 22 as cortas que se realicen na propia traza destes camiños e no ámbito de tres metros a ambos os lados desta, a partir da súa liña exterior.
En todo caso, exceptúanse do disposto nesta letra as cortas realizadas en bens do patrimonio artístico ou arqueolóxico e nos seus contornos de protección, así como no patrimonio que sexa titularidade da Igrexa católica, que se rexerán polo disposto no artigo 22.».
Tres. Engádese un artigo 29 bis, coa seguinte redacción:
«Artigo 29 bis. Aproveitamentos madeireiros e leñosos nos bens catalogados con nivel de protección estrutural ou ambiental e no territorio histórico dos Camiños de Santiago: Camiño Inglés, Camiño Portugués, Camiño de Fisterra e Muxía, Vía da Prata e Camiño de Inverno
1. Os aproveitamentos madeireiros e leñosos previstos no artigo 24.2.i) poderán realizarse mediante unha declaración responsable previa empregando para iso o formulario normalizado recollido no anexo II, sempre que nos montes ou terreos forestais obxecto do aproveitamento non concorra algún outro suposto de autorización dos previstos no artigo 22.
2. A declaración responsable, para o suposto previsto neste artigo, incluirá a manifestación expresa da persoa que a presente de que este se levará a cabo sen afectar a integridade dos bens protexidos ou das súas zonas de respecto, considerándose información de carácter esencial.
3. Segundo o disposto na disposición adicional quinta, o órgano competente na materia de patrimonio cultural manterá actualizada a información xeolocalizada do visor de aproveitamentos forestais, diferenciando aquelas zonas nas que deba solicitarse una autorización das reguladas neste artigo.».
Disposición adicional primeira. Duración da tempada para autorizacións de servizos temporais e instalacións desmontables de servizos de tempada no dominio público marítimo-terrestre de Galicia
1. Esta disposición será aplicable ás autorizacións de ocupación do dominio público marítimo-terrestre para instalacións de servizos de tempada nas praias, como establecementos expendedores de comidas e bebidas e instalacións de alugueiro de equipamentos de praia, tales como hamacas, parasoles, hidropedais e canoas, entre outras. Non será aplicable ao caso particular de terrazas sobre paseos marítimos vinculadas a establecementos situados fóra do dominio público marítimo-terrestre nin aos servizos de formación e ensino de actividades turísticas, deportivas ou recreativas vinculadas ao uso e gozo do dominio público marítimo-terrestre, como surf, bodyboard, longboard, paddlesurf e demais especialidades da modalidade deportiva do surf, entre outras.
2. A tempada queda fixada entre o inicio do período de Semana Santa, entendendo por tal o venres inmediatamente anterior á festividade do Venres Santo, e o 31 de outubro de cada ano natural.
Dado o carácter temporal e desmontable dos servizos de tempada, a autorización outorgada determinará expresamente o compromiso das persoas solicitantes de desmontaren e retiraren as instalacións no prazo de quince días desde o remate da tempada.
3. En todo caso, os servizos de tempada poderán contar cunha autorización por un prazo máximo de catro anos, aínda que as instalacións deberán desmontarse unha vez rematada cada unha das tempadas incluídas nese prazo.
4. Cando as autorizacións afecten tamén a zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre, aplicarase o previsto no artigo 15.2 do Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo-terrestre.
Disposición adicional segunda. Medidas especiais en materia de listas de contratación de persoal laboral temporal ou de persoal funcionario interino durante o ano 2026
Co obxectivo de garantir a dispoñibilidade de persoal de perfil sanitario, de persoal vinculado aos servizos sociais e centros educativos (excepto o persoal docente e o persoal de administración), nas listas de contratación de persoal funcionario interino ou persoal laboral temporal que presta servizos de atención directa ás persoas usuarias, adóptanse as seguintes medidas:
1. No suposto de non existiren persoas aspirantes nas listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I (titulado/a superior médico/a), 2 do grupo II (ATS, enfermeiro/a, practicante, DUE), nas categorías profesionais 65 (oficial 1ª cociña, oficial 1ª cociñeiro/a, xefe/a de cociña, cociñeiro/a 1ª), 69 (oficial de servizos técnicos, oficial 1ª mantemento, oficial 1ª de oficios varios, oficial de primeira) do grupo III, nas categorías profesionais 3 (auxiliar sanitario, auxiliar de clínica, auxiliar psiquiátrico, auxiliar de enfermaría, coidador/a xeriátrico/a, coidador/a), 4 (auxiliar fogar, coidador/a auxiliar, auxiliar coidador/a, auxiliar de internado), 5 (oficial 2ª de cociña, cociñeiro/a 2ª) e 6 (axudante/a de servizos técnicos, oficial 2ª de mantemento) do grupo IV e categoría profesional 1 (camareiro/a-limpador/a, axudante/a de cociña, pasador/a de ferro-lavandeiro/a, costureiro/a, cortador/a, pasador/a de ferro e lavandeiro/a) do grupo V do V Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia ou, de ser o caso, para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario na escala de facultativos especialidade de medicina (subgrupo A1), na escala de técnicos facultativos especialidade de enfermaría (subgrupo A2), na escala técnica de cociña (subgrupo C1), escala técnica de mantemento (subgrupo C1), na escala de auxiliares de clínica (subgrupo C2), escala auxiliar de coidadores (subgrupo C2), escala auxiliar de cociña (subgrupo C2), escala auxiliar de mantemento (subgrupo C2) e na especialidade de persoal de limpeza e cociña da agrupación profesional poderase solicitar persoal directamente do Servizo Público de Emprego.
2. O período de penalización nas listas para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario e a contratación de persoal laboral da Xunta de Galicia terá unha duración de seis meses.
3. Cando, pola inexistencia de persoal integrante das listas para a contratación temporal de persoal laboral da Xunta de Galicia, nas categorías profesionais 2 do grupo I, 2 do grupo II e 3 do grupo IV, ou para o nomeamento de persoal interino para o desempeño con carácter transitorio de prazas reservadas a persoal funcionario de corpos ou escalas equivalentes, así como na escala técnica de cociña (subgrupo C1) e escala auxiliar de cociña (subgrupo C2), non existan persoas candidatas que estean en posesión do certificado acreditativo do nivel de coñecemento da lingua galega correspondente, poderán ser seleccionadas persoas candidatas que carezan del, sempre que cumpran os restantes requisitos exixidos para o acceso á categoría de que se trate.
4. A solicitude de reincorporación formulada polas persoas integrantes das listas que solicitasen previamente a suspensión das citacións, por non estaren prestando servizos a través delas, producirá efectos desde o día seguinte da súa presentación.
5. O establecido nesta disposición ten vixencia limitada ao ano 2026.
Disposición adicional terceira. Convocatoria das prazas do Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia previstas na oferta de emprego público extraordinaria correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público
1. Serán aplicables as previsións desta disposición para proceder á completa execución das prazas previstas na oferta de emprego público extraordinaria correspondente ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia prevista no Decreto 79/2022, do 25 de maio, polo que se aproba a oferta de emprego público extraordinaria de prazas de persoal funcionario e laboral da Administración Xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia, correspondente ao proceso de estabilización derivado da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e de prazas de persoal laboral obxecto de funcionarización, de conformidade coa Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
2. As previsións desta disposición fundaméntanse nas seguintes bases:
a) A necesidade de dotar o sistema público de prevención e defensa contra incendios forestais dunha capacidade de resposta reforzada, inmediata e altamente profesionalizada.
b) A incompleta execución da oferta de emprego público extraordinaria correspondente ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia prevista no Decreto 79/2022, do 25 de maio, ao non se teren incluído nas convocatorias extraordinarias realizadas todas as prazas previstas nel.
c) O necesario cumprimento das resolucións xudiciais recaídas sobre as convocatorias realizadas.
d) O obxectivo da redución da temporalidade no emprego público.
e) As previsións da disposición adicional terceira do Decreto 79/2022, do 25 de maio, que establece que as prazas incluídas nesa oferta poden ser obxecto dunha redistribución entre os diferentes corpos, escalas e especialidades en función da súa clasificación definitiva na relación de postos de traballo ou en función da realidade das tarefas desenvolvidas e, de ser o caso, das sentenzas xudiciais.
3. A administración autonómica procederá no ano 2026 á convocatoria das prazas de persoal laboral fixo descontinuo, correspondentes ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia, previstas no Decreto 79/2022, do 25 de maio, non incluídas nas convocatorias extraordinarias derivadas do indicado decreto.
4. As prazas, ata un número total de 311, e categorías de persoal laboral fixo descontinuo que serán obxecto de convocatoria serán, en concreto, as que se expresan a continuación, tendo en conta que para a execución completa da oferta prevista no Decreto 79/2022, do 25 de maio, compútase o número de prazas correspondentes ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia que foron incluídas no Decreto 143/2023, do 9 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, e tendo en conta, así mesmo, a necesaria reordenación interna das categorías efectuadas neste decreto, en atención á súa equivalencia.
|
GRUPO |
CATEGORÍA |
DENOMINACIÓN |
NÚM. PRAZAS |
|
Grupo III |
Cat. 100 |
Bombeiro/a forestal. Xefe/a de brigada |
68 |
|
Grupo V |
Cat. 14 |
Bombeiro/a forestal |
172 |
|
Grupo V |
Cat. 14A |
Bombeiro/a forestal. Condutor/a |
71 |
5. A convocatoria das prazas de persoal laboral fixo descontinuo indicadas nesta disposición efectuarase, con carácter excepcional, mediante o sistema de concurso de méritos, de acordo co previsto polo Decreto 79/2022, do 25 de maio, e de acordo co previsto nos artigos 61.7 do Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público, e 57.2 da Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia.
En particular, o concurso de méritos xustifícase polas seguintes causas:
a) A existencia dun novo escenario climático e operativo, caracterizado por fenómenos naturais máis extremos, maior intensidade e velocidade na propagación do lume, como puxo de manifesto a vaga de incendios de extraordinaria gravidade e intensidade que sufriu Galicia durante o verán e o outono de 2025, cunha afectación territorial e social sen precedentes.
b) A necesidade de dotar o sistema público de prevención e defensa contra incendios forestais dunha capacidade de resposta reforzada, inmediata e altamente profesionalizada.
c) O obxectivo de adaptar os recursos humanos á nova situación, o que fai imprescindible reorientar a política de emprego público neste ámbito estratéxico, apostando con claridade pola experiencia acumulada, a profesionalidade e a valía do persoal que leva anos desenvolvendo funcións de prevención e defensa.
d) A prioridade de dispor, no menor prazo posible, do mellor cadro profesional fixo para afrontar retos que afectan directamente a seguridade das persoas, a protección dos bens e o patrimonio natural de Galicia.
e) A planificación da campaña de prevención e defensa contra os incendios forestais do ano 2026, que require que a Administración dispoña, con suficiente antelación, dos recursos humanos necesarios e plenamente operativos, co fin de garantir a mellor preparación técnica e organizativa.
f) A complexidade dos labores preventivos, que implican actuacións durante os meses previos ao verán e exixen contar cun cadro de persoal estable e experimentado xa incorporado e formado, de maneira que poida desenvolver con eficacia as tarefas de planificación, prevención e resposta inmediata fronte aos incendios, polo que resulta imprescindible axilizar ao máximo o proceso selectivo, asegurando que as prazas vacantes se cubran canto antes mediante un sistema que permita recoñecer a experiencia e a profesionalidade do persoal.
6. Aos concursos de méritos, en coherencia co indicado nas causas aludidas no número anterior, seralles aplicable o establecido nos artigos 6 a 11, 13 e 14 da Lei 5/2022, do 21 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia. Atendendo á finalidade destes procesos selectivos, non será aplicable a reserva de prazas para a promoción interna.
7. En particular, atendendo ás finalidades recollidas no número 5 desta disposición e de acordo co establecido no artigo 14.1 da Lei 5/2022, do 21 de decembro, nos casos en que as convocatorias de prazas correspondentes ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia derivadas do Decreto 79/2022, do 25 de maio, foren declaradas nulas ou anuladas por sentenza xudicial firme, a Administración autonómica, por razóns de protección da seguridade xurídica e da confianza lexítima, e sempre sen prexuízo do establecido nas resolucións xudiciais, procurará a máxima protección dos dereitos das persoas aspirantes de boa fe que non foren responsables das irregularidades ou vicios acaecidos e superaren os procesos selectivos, articulando as medidas precisas para que poidan manter os seus nomeamentos e a condición de persoal empregado público.
8. Modifícase o anexo I do Decreto 143/2023, do 9 de novembro, polo que se aproba a oferta de emprego público correspondente a prazas de persoal funcionario e laboral da Administración xeral e das entidades instrumentais do sector público autonómico da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2023, unicamente para suprimir das prazas ofertadas as correspondentes ás seguintes categorías de persoal laboral:
|
GRUPO |
CATEGORÍA |
DENOMINACIÓN |
|
Grupo III |
Cat. 100 |
Bombeiro/a forestal. Xefe/a de brigada |
|
Grupo V |
Cat. 14 |
Bombeiro/a forestal |
|
Grupo V |
Cat. 14A |
Bombeiro/a forestal. Condutor/a |
9. En consonancia co establecido no número 8, e para posibilitar a execución desta disposición adicional, a Administración autonómica desistirá das convocatorias de prazas correspondentes ás categorías citadas nel, efectuadas mediante as seguintes resolucións:
a) Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso na categoría 100 do grupo III de persoal laboral da Xunta de Galicia, bombeiro/a forestal xefe/a de brigada.
b) Resolución do 18 de xullo de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo, pola quenda de acceso libre e promoción interna, mediante o sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías 14 (bombeiro/a forestal) e 14A (bombeiro/a forestal condutor/a) do grupo V do persoal laboral da Xunta de Galicia.
Procederase, polo tanto, a finalizar e arquivar as anteditas convocatorias e a devolver de oficio as cantidades aboadas polas persoas aspirantes en concepto de taxas por dereitos de exame.
Esta disposición será obxecto de aplicación retroactiva se no momento da súa entrada en vigor a desistencia de tales convocatorias xa se producise por parte da Administración.
10. Non obstante o establecido no número 9, a Administración autonómica incluirá na oferta de emprego público correspondente ao ano 2026 un número de prazas de persoal funcionario ou laboral correspondentes ao Servizo de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia que, sumadas ás correspondentes ás ofertas dos anos 2024 e 2025, sexa, polo menos, equivalente ás incluídas nos procesos dos que se desistise.
Disposición adicional cuarta. Adhesión ao Sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa
Coa finalidade de fomentar a colaboración e cooperación entre a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e os concellos, a través do Sistema público de xestión da biomasa dos terreos rústicos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión da biomasa, para a prevención de incendios forestais, de modo que se logre a diminución do número destes nas zonas de interface urbana, garantindo así o interese público da seguridade de persoas e de bens, aqueles concellos que non formalicen a adhesión ao convenio polo que se instrumenta o sistema, ou aqueles en que a consellaría competente na materia declare formalmente o incumprimento por parte destes dos compromisos derivados do convenio, serán obxecto dunha retención polo importe do 30 % das cantidades que lles corresponda percibir no correspondente exercicio orzamentario pola súa participación no Fondo de Cooperación Local. As cantidades retidas serán obxecto de entrega cando se formalice a adhesión ou se emende o incumprimento dos compromisos.
Disposición adicional quinta. Aplicación da dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar na cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas aplicable no período impositivo 2025
A dedución pola adquisición de libros de texto e de material escolar regulada no apartado vinte e cinco do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, será aplicada na declaración correspondente ao período impositivo do ano 2025 polos contribuíntes que teñan dereito a ela, unicamente sobre os importes correspondentes ás adquisicións recollidas nas facturas emitidas entre o 1 de xullo e o 31 de decembro, ambos incluídos.
Disposición transitoria primeira. Adxudicacións de destinos con carácter provisional derivadas da normativa modificada por esta lei
1. As adxudicacións de destinos con carácter provisional ao persoal funcionario de novo ingreso que se efectuasen en aplicación do artigo 60.e) da Lei 2/2015, do 29 de abril, de emprego público de Galicia, na súa redacción anterior á modificación efectuada por esta lei, rexeranse polo réxime transitorio establecido nesta disposición, tendo en conta os principios da eficacia da administración e de seguridade xurídica, así como a coincidencia no tempo de procesos de provisión de postos de traballo por concurso de traslados, de procesos selectivos ordinarios de novo ingreso e dos procesos de estabilización de emprego temporal derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, e, ponderando os intereses lexítimos de todas as persoas participantes nos procesos mencionados:
a) Manterase a eficacia das adxudicacións definitivas de prazas que previamente estivesen ocupadas mediante adxudicación provisional, que sexan firmes por non seren obxecto de recurso no seu día en tempo e forma, e realizadas antes da entrada en vigor desta lei ao amparo das normas modificadas por esta.
b) Manterase a eficacia das adxudicacións provisionais realizadas antes da entrada en vigor desta lei ao amparo das normas modificadas por esta, sempre que sexan firmes e consentidas por non seren obxecto de recurso no seu día en tempo e forma. Sen prexuízo do indicado, estas situacións deberán ser regularizadas mediante o ofrecemento dun destino definitivo ao persoal afectado de acordo co establecido nesta disposición no prazo de dous anos desde a súa entrada en vigor.
c) En particular, cando as correspondentes prazas se encontren incluídas nun proceso de concurso de traslados, convocado para o correspondente corpo ou escala con anterioridade á entrada en vigor desta disposición, e fosen solicitadas e poidan ser obxecto de adxudicación ao persoal solicitante de acordo coas regras do concurso, atendendo ao seu carácter de forma de provisión ordinaria dos postos de traballo e realizada de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, o persoal en situación de destino provisional poderá ser cesado no momento da toma de posesión do persoal que obtiver a praza por concurso, de acordo co previsto nas normas modificadas por esta lei, sen prexuízo de que, en todo caso, deberá ofrecérselle un destino definitivo de acordo co disposto no número 2 desta disposición.
d) O establecido na letra c) deste número tamén será aplicable aos concursos de traslados que se convoquen a partir da entrada en vigor desta disposición.
e) No caso de que no prazo de dous anos desde a entrada en vigor desta disposición non se producir o cesamento na situación de adxudicación provisional e a obtención dun destino definitivo, as adxudicacións provisionais existentes no momento da entrada en vigor desta disposición realizadas ao amparo das normas modificadas quedarán de pleno dereito convertidas en definitivas. A Administración de oficio procederá á aplicación desta disposición e ao recoñecemento do nomeamento definitivo.
f) En todo caso, ao persoal funcionario de novo ingreso que ao amparo das normas modificadas obtivese un destino por adxudicación provisional computaráselle o período de tempo nesa situación como se desempeñase un posto con carácter definitivo, para todos os efectos favorables que se puideren derivar.
2. De acordo co indicado no número anterior, e para os efectos de coordinar as eleccións de destino definitivo e as correspondentes tomas de posesión derivadas dos procesos selectivos e de provisión de postos de traballo pendentes no momento da entrada en vigor desta disposición, ou que se convoquen posteriormente, procederase do seguinte modo:
a) Cando estiver pendente de resolución no correspondente corpo ou escala un concurso de traslados, atendendo ao seu carácter de forma de provisión ordinaria dos postos de traballo e realizada de acordo cos principios de igualdade, mérito, capacidade e publicidade, terá preferencia este, polo que se resolverá a adxudicación de destino definitivo das prazas ofertadas de acordo coas correspondentes regras do concurso.
b) A continuación, procederase a ofertar a aquelas persoas que se atoparen prestando servizos en situación de adscrición provisional por novo ingreso un número de prazas vacantes suficiente para garantir que todas as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo obteñan un posto aberto ao seu subgrupo, corpo, escala ou especialidade, seleccionadas entre as prazas que quedaren vacantes a resultas do concurso de traslados ou daquelas outras que nese momento estiveren vacantes, tendo en conta a orde de prelación resultante no correspondente proceso selectivo de ingreso.
c) Por último, ofertaranse a aquelas persoas que se atopen incluídas nas relacións de aspirantes que superaron os procesos selectivos de estabilización derivados da Lei 20/2021, do 28 de decembro, de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, un número de prazas vacantes suficiente para garantir que todas as persoas aspirantes que superaron o proceso selectivo obteñan un posto aberto ao seu subgrupo, corpo, escala ou especialidade, seleccionadas entre as que quedaren vacantes a resultas do establecido nas alíneas a) e b) anteriores, ou aquelas outras que nese momento estiveren vacantes, tendo en conta a orde de prelación resultante no correspondente proceso selectivo de ingreso.
d) Unha vez realizados os actos de adxudicación de destino e de elección de destino definitivo anteriormente sinalados, e para os efectos de coordinar os cesamentos e as tomas de posesión, o inicio do prazo de toma de posesión realizarase de xeito simultáneo para todos os procesos mencionados, para os efectos de garantir a continuidade na prestación dos servizos públicos.
3. O disposto nesta disposición enténdese sen prexuízo das situacións individuais derivadas de resolucións xudiciais firmes existentes no momento da súa entrada en vigor, que serán respectadas en todo caso.
Disposición transitoria segunda. Réxime transitorio aplicable ás reclamacións fronte ás resolucións na materia de información pública
1. As reclamacións presentadas fronte ás resolucións na materia de acceso á información pública previstas no artigo 28 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, antes do 1 de maio de 2026 e non resoltas nesa data serán resoltas polo órgano competente de acordo co disposto nesta lei, calquera que sexa o estado de tramitación en que se atopen.
2. Coa finalidade de garantir a plena continuidade e integridade do servizo público, constituirase antes do 15 de xaneiro de 2026 unha comisión paritaria formada por representantes do órgano saínte e do Consello Consultivo de Galicia para a transferencia ordenada das funcións, expedientes, arquivos, reclamacións en tramitación e recursos contencioso-administrativos en tramitación. Esta comisión rematará as súas funcións como moi tarde o 15 de xullo de 2026.
Disposición transitoria terceira. Atribución de competencias sancionadoras á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística
No caso dos municipios xa adheridos á Axencia de Protección da Legalidade Urbanística no momento de entrada en vigor desta disposición, a atribución a esta de competencias sancionadoras para as infraccións recollidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, cometidas en solo urbano, de núcleo rural e urbanizable producirase salvo que no prazo dun mes desde o momento da entrada en vigor desta lei o concello comunique á axencia a súa decisión de que pretende continuar exercendo por si mesmo as indicadas competencias.
Disposición transitoria cuarta. Reasignación de medios ao Consello Consultivo de Galicia
No momento da entrada en vigor desta lei, o Consello Consultivo de Galicia procederá á reordenación e á reasignación dos medios persoais e materiais da institución para garantir o cumprimento dos fins e as funcións que a Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, lles atribúe ao Comisionado da Transparencia e á Comisión da Transparencia.
Disposición derradeira primeira. Modificacións regulamentarias
As previsións contidas nos seguintes decretos, que son obxecto de modificación por esta lei, poderán ser modificadas por unha norma do rango regulamentario correspondente á norma en que figuran:
a) Decreto 1/1991, do 11 de xaneiro, polo que se regula a concesión da Medalla de Galicia.
b) Decreto 146/2001, do 7 de xuño, sobre planificación, apertura, traslado, cerramento e transmisión de oficinas de farmacia.
c) Decreto 291/2001, do 8 de novembro, polo que se configuran as categorías de técnicos superiores de sistemas e tecnoloxías da información, técnicos de xestión de sistemas e tecnoloxías da información e técnicos especialistas en sistemas e tecnoloxías de información.
d) Decreto 347/2002, do 5 de decembro, polo que se regulan os pisos protexidos, vivendas de transición e unidades residenciais para persoas con trastornos mentais persistentes.
e) Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, aprobado polo Decreto 343/2003, do 11 de xullo.
f) Decreto 105/2005, do 22 de xuño, polo que se regulan medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais.
g) Decreto 206/2005, do 22 de xullo, de provisión de prazas de persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde.
h) Decreto 91/2007, do 26 de abril, de integración no réxime estatutario do persoal laboral do sector sanitario público xestionado por entidades adscritas á Consellería de Sanidade.
i) Decreto 37/2014, do 27 de marzo, polo que se declaran zonas especiais de conservación os lugares de importancia comunitaria de Galicia e se aproba o Plan director da Rede Natura 2000 en Galicia.
j) Decreto 23/2016, do 25 de febreiro, polo que se regula o reinvestimento dos ingresos obtidos polos montes veciñais en man común en actuacións de mellora e protección forestal.
k) Decreto 56/2014, do 30 de abril, polo que se establecen as tarifas dos servizos sanitarios prestados nos centros dependentes do Servizo Galego de Saúde e nas fundacións públicas sanitarias.
l) Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o regulamento da Lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia.
m) Decreto 103/2018, do 13 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 4/2013, do 30 de maio, de transporte público de persoas en vehículos de turismo de Galicia.
n) Decreto 97/2019, do 18 de xullo, polo que se regulan as competencias da Comunidade Autónoma de Galicia na zona de servidume de protección do dominio público marítimo terrestre.
ñ) Decreto 73/2020, do 24 de abril, polo que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, de cortiza, de pastos, micolóxicos e de resinas en montes ou terreos forestais de xestión privada na Comunidade Autónoma de Galicia.
o) Decreto 226/2022, do 22 de decembro, polo que se regulan determinados aspectos da organización e desenvolvemento dos espectáculos públicos e actividades recreativas e se constitúe o Rexistro de Empresas e Establecementos.
Disposición derradeira segunda. Habilitación para o desenvolvemento normativo
Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
1. Esta lei entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2026.
2. Exceptúanse do disposto no número anterior:
a) O disposto nos apartados dezaseis e vinte e dous do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 2025.
b) O disposto no apartado dez do artigo 8, nos apartados doce e trece do artigo 16 e no apartado quince do artigo 17, todos eles do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde o 28 de xullo de 2025.
c) A dedución polas axudas e subvencións recibidas por persoas con diagnóstico de esclerose lateral amiotrófica ou cos seus fenotipos, prevista no apartado vinte e catro do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 2025.
d) A dedución pola adquisición de libros de texto e material escolar, prevista no apartado vinte e cinco do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 2025, segundo o disposto na disposición adicional cuarta.
e) A dedución polas axudas recibidas por persoas afectadas pola talidomida, prevista no apartado vinte e seis do artigo 5 do texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, na redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde o 1 de xaneiro de 2023.
f) A exención do pagamento das taxas da Comunidade Autónoma de Galicia para os procedementos consecuencia dos incendios do verán e do outono do ano 2025 que provocaron a activación do Peifoga en situación 2, de acordo cos datos facilitados pola Axega, regulada no artigo 11 desta lei, así como a exención do pagamento do canon da auga e canon de xestión das depuradoras da auga con base nos anteditos incendios, reguladas respectivamente nos artigos 11 e 12 desta lei, que producirán efectos desde o 28 de xullo de 2025.
3. Exceptúase, así mesmo, do establecido no número 1 o disposto nos artigos 28, 32, 33, 34, 35 e 36 e na disposición adicional quinta da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, na nova redacción dada por esta lei, que producirá efectos desde o 1 de maio de 2026.
Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
