O artigo 112.4 da Lei 7/2012, do 28 de xuño, de montes de Galicia, establece que o material forestal empregado nas repoboacións deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar. Excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, sempre que o material sexa dunha categoría superior e logo da autorización da Dirección Xeral de Planificación e Ordenación Forestal.
O número 1 do artigo 15 do capítulo III da Lei 18/2021, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, recolle a modificación do artigo 112.4 da Lei 7/2012 e establece que «O material forestal empregado nas repoboacións forestais no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia deberá ter como orixe a rexión de procedencia en que se inclúa a superficie que se vai repoboar ou, excepcionalmente, poderá facerse con material procedente doutras rexións de procedencia, logo de resolución da Administración forestal, publicada no Diario Oficial de Galicia, que autorice a súa utilización, unha vez comprobada a idoneidade e a capacidade de adaptación dese material forestal».
O piñeiro marítimo, Pinus pinaster, é unha especie distribuída de forma natural no suroeste de Europa e o norte de África. No territorio nacional, a súa distribución establécese polo método aglomerativo en rexións de procedencia, segundo o recollido na Resolución do 28 de xullo de 2009, da Dirección Xeral de Recursos Agrícolas e Gandeiros, polo que se autoriza e se publica o Catálogo nacional das rexións de procedencia relativa a diversas especies forestais, publicada no BOE do 16 de setembro de 2009.
As rexións de procedencia para Pinus pinaster no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia son:
1.a Noroeste-Costeira: Asturias, A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.
1.b Noroeste-Interior: Asturias, León, Lugo, Ourense e Pontevedra.
As unidades de admisión de Pinus pinaster actualmente inscritas no Rexistro Galego de Materiais de Base, así como no Catálogo nacional de materiais de base para a Comunidade Autónoma de Galicia están dentro destas dúas rexións de procedencia.
Segundo os resultados dos traballos realizados nunha rede de sete parcelas de ensaio situadas en zonas interiores de dúas provincias de Galicia (O Saviñao, A Fonsagrada e Castro de Rei en Lugo e Xermeade, Parderrubias, Avión, e Laza en Ourense) con materiais forestais de distintas rexións de procedencia co fin de contrastar a súa idoneidade e capacidade de adaptación nas zonas do interior de Galicia, disponse de información sobre o comportamento destes materiais nos ensaios ou plantacións de maneira que se pode establecer que os mellores materiais xenéticos, con maiores crecementos en volume de madeira, foron os materiais que teñen orixe no horto de semente Mimizan-VF2, PPA-VG-006, situado na rexión de procedencia PPA301-Massif Landais na rexión administrativa das Landas (Francia) e que tamén se poden atopar nos hortos de semente Saint-Augustin-La Coubre-VF2, PPA-VG-007; Saint-Laurent-2-VF3, PPA-VG-014 e Carcans-VF3, con código PPA-VG-019.
Seguidamente, na clasificación de mellores crecementos en volume de madeira, estarían os materiais xenéticos de piñeiro con orixes de influencia atlántica, concretamente os materiais forestais de reprodución instalados no horto de semente de Sergude, HS26LO1, situados na rexión de procedencia 1a Noroeste-Costeira da rexión administrativa A Coruña (Galicia-España), que se atopan replicados no horto de semente da Braxe, HS-C-26/001; no horto de semente de Monfero, HS-Q-26/32/001; no horto de semente de Gomesende, HS-C-26/32/001 e nos proxenitores de familia por tolerancia ao nematodo da madeira de piñeiro inscritos no Rexistro galego e Catálogo nacional de materiais de base cos códigos PF-Q-26/15/001, PF-Q-26/15/002, PF-Q-26/15/003, PF-Q-26/15/004, PF-Q-26/15/005 e PF-Q-26/15/006.
RESOLVO:
1. Autorizar, nas repoboacións forestais de Pinus pinaster das zonas situadas no interior de Galicia dentro da rexión de procedencia 1.b Noroeste-Interior, aqueles materiais forestais de reprodución de Pinus pinaster que, estando situados nas rexións de procedencia PPA 301-Massif Landais, As Landas-Francia e 1.a Noroeste-Costeira, Galicia, procedan das seguintes unidades de admisión autorizadas:
Horto de semente Mimizan-VF2, PPA-VG-006. As Landas. Francia.
Horto de semente Saint-Augustin-La Coubre-VF2, PPA-VG-007. As Landas. Francia.
Horto de semente Saint-Laurent-2-VF3, PPA-VG-014. As Landas. Francia.
Horto de semente Carcans-VF3, PPA-VG-019. As Landas. Francia.
Hortos de semente A Braxe, Cedeira, HS-C-26/001. A Coruña.
Horto de semente Cordal da Loba, Monfero, HS-Q-26/32/001. A Coruña.
Horto de semente Gomesende, HS-C-26/32/001. Ourense.
Proxenitor de familia A Braxe, Cedeira, PF-Q-26/15/001. A Coruña.
Proxenitor de familia A Braxe, Cedeira, PF-Q-26/15/002. A Coruña.
Proxenitor de familia A Braxe, Cedeira, PF-Q-26/15/003. A Coruña.
Proxenitor de familia Cordal da Loba, Monfero, PF-Q-26/15/004. A Coruña.
Proxenitor de familia, Cordal da Loba, Monfero, PF-Q-26/15/005. A Coruña.
Proxenitor de familia, Cordal da Loba, Monfero, PF-Q-26/15/006. A Coruña.
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025
José Luis Chan Rodríguez
Director xeral de Planificación e Ordenación Forestal
