Mediante a Orde do 6 de novembro de 2025, publicada no Diario Oficial de Galicia número 217, do 10 de novembro, determináronse os servizos mínimos durante a folga convocada polo persoal de limpeza dos hospitais do Salnés e da Barbanza, prevista para os días 11, 12, 18, 19, 25 e 26 de novembro e 3, 9, 10, 16, 17, 22, 23, 29 e 30 de decembro, en horario das 9.00 ás 11.00 horas e das 15.00 ás 17.00 horas, e indefinida e a xornada completa a partir do 7 de xaneiro de 2026.
A folga afecta o persoal das empresas Itma, S.L.U. e Mantelnor Limpiezas, S.L., adxudicatarias do servizo de limpeza do Hospital do Salnés, dependente da Área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e do Hospital da Barbanza, dependente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, respectivamente.
Na citada orde facíase constar que a folga tiña inicialmente carácter parcial, sen prexuízo de que, de conformidade co recollido na propia convocatoria, a partir do día 7 de xaneiro de 2026 pasaría a ter carácter indefinido e a xornada completa.
Así mesmo, na reunión mantida entre a Administración, o comité de folga e a Área Sanitaria do Salnés, deixouse constancia de que, unha vez producida a modificación das condicións da folga, a Administración podería convocar novamente o comité de folga co obxecto de revisar e, de ser o caso, modificar os servizos mínimos inicialmente fixados, atendendo ás novas circunstancias concorrentes.
Constatado que, a partir do 7 de xaneiro de 2026, a folga pasa a ter carácter indefinido e a xornada completa, convocouse novamente o comité de folga na Área Sanitaria do Salnés, dándolle audiencia conforme o previsto na normativa vixente, co fin de analizar a adecuación dos servizos mínimos establecidos na Orde do 6 de novembro de 2025 á nova configuración do paro.
Á vista do resultado desta audiencia, e tendo en conta a necesidade de garantir a protección da saúde e a seguridade das persoas usuarias dos centros hospitalarios afectados, considérase necesario modificar os servizos mínimos inicialmente establecidos, co obxecto de adaptalos á nova duración e intensidade da folga.
Os servizos mínimos que se establecen responden a criterios de necesidade, idoneidade e proporcionalidade, e resultan imprescindibles para garantir a continuidade asistencial e a protección da saúde pública, sen exceder o estritamente necesario nin desnaturalizar o exercicio do dereito fundamental de folga.
No que respecta á Área Sanitaria de Barbanza, xa na citada Orde do 6 de novembro de 2025 se tivo en conta o carácter indefinido da folga, polo que non resulta necesario introducir modificacións respecto dos servizos mínimos establecidos para este ámbito territorial.
En virtude do anterior, e no exercicio das competencias que corresponden a esta consellería,
DISPOÑO:
Artigo único
Modifícase a Orde do 6 de novembro de 2025 pola que se establecen os servizos mínimos durante a folga do persoal de limpeza dos hospitais da Área Sanitaria do Salnés e de Barbanza, exclusivamente no relativo á Área Sanitaria do Salnés, co obxecto de adaptar os devanditos servizos ao carácter indefinido e á xornada completa da folga a partir do día 7 de xaneiro de 2026, que quedan fixados nos seguintes termos:
Centro: Hospital do Salnés.
|
Día |
Mañá |
Tarde |
Noite |
|
De luns a venres |
9 |
9 |
1 |
|
Sábado, domingos e festivos |
6 |
3 |
1 |
Disposición derradeira única
Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e será de aplicación mentres a folga manteña o seu carácter indefinido e a xornada completa, sen prexuízo de que poida ser revisada no caso de que se produzan novas modificacións na convocatoria.
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025
Antonio Gómez Caamaño
Conselleiro de Sanidade
