DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2026 Páx. 321

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 18 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, pola que se dá publicidade ao texto do acordo entre a consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia Educación e Xestión, CECE, ACES, FSIE, UGT, CC.OO. e USO sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado.

O 9 de decembro de 2025, o Consello da Xunta de Galicia autorizou o expediente relativo ao Acordo sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2025/26 e seguintes, asinado o 12 de decembro de 2025 entre a consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino concertado Educación e Xestión (Escolas Católicas), CECE-Galicia, ACES-Galicia, FSIE-Galicia, UGT, CC.OO. e USO.

En aplicación do recollido na Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, procede a publicación do texto deste acordo no Diario Oficial de Galicia. En consecuencia,

RESOLVO:

Ordenar a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do texto do Acordo sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado en pagamento delegado no curso 2025/26 e seguintes.

Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025

Jesús Manuel Álvarez Bértolo
Director xeral de Centros e Recursos Humanos

ANEXO

O artigo 56 do VII convenio colectivo de empresas de ensino privado sostidas total ou parcialmente con fondos públicos establece que os empresarios e os seus traballadores, de mutuo acordo, poderán tramitar os sistemas de xubilacións anticipadas previstas na lexislación vixente e a disposición adicional oitava establece que as comunidades e cidades autónomas poderán acadar acordos sobre:

«7) Medidas que favorezan a xubilación, tanto parcial coma total, dos traballadores».

O Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social (TRLXSS), e normativa concordante, regulan as condicións de acceso á xubilación parcial das persoas traballadoras.

O día 28 de agosto de 2024 asinouse o acordo sobre as condicións de acceso á xubilación parcial do profesorado de centros docentes privados concertados en réxime de pagamento delegado, entre a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as organizacións empresariais e sindicais do sector, publicado pola Resolución da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos do 6 de setembro de 2024 no DOG do 18 de setembro.

A cláusula sétima do devandito acordo establece, en relación co período da súa vixencia, o seguinte:

«1. Este acordo terá efectos a partir do 1 de setembro de 2024 e rematará o 31 de agosto de 2029, ou no momento en que se produza a entrada en vigor dalgunha modificación na normativa aplicable respecto das condicións ou dos requisitos de acceso á xubilación parcial».

O Real decreto lei 11/2024, do 23 de decembro, para a mellora da compatibilidade da pensión de xubilación co traballo (BOE do 24 de decembro), introduce diversas modificacións nos artigos do TRLXSS e do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores (ET), que entraron en vigor o 1 de abril de 2025 e implican cambios substanciais tanto nas condicións da xubilación parcial como nas do contrato de remuda.

Polo tanto, este cambio normativo determina a perda de vixencia do Acordo do 28 de agosto de 2024 derivada da modificación da normativa aplicable en materia de xubilación parcial.

E malia non existir ningunha relación laboral entre o colectivo do profesorado dos centros docentes privados concertados en réxime de pagamento delegado e a Administración educativa, pois esta última limítase a aboar o salario e demais complementos retributivos establecidos pola normativa vixente como pagamento delegado e en nome da titularidade do centro, a conveniencia de manter medidas que faciliten o acceso á xubilación parcial deste profesorado ata o remate da vixencia do actual período de concertos educativos o 31 de agosto de 2029, tal e como estaba previsto no Acordo do 28 de agosto de 2024, xustifica a negociación dun novo acordo adecuado á normativa actualmente vixente, para seguir favorecendo a posibilidade de acceder á xubilación parcial deste profesorado.

Logo da consulta levada a cabo no ámbito da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado, previa á autorización do Consello da Xunta de Galicia, as partes asinantes acadan o acordo sobre as condicións da xubilación parcial do profesorado do ensino privado concertado de Galicia, conforme as seguintes

CLÁUSULAS:

Primeira. Obxecto e ámbito de aplicación

1. O obxecto deste acordo é establecer as condicións específicas para o acceso á xubilación parcial do profesorado incluído no réxime de pagamento delegado nos centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que reúna os requisitos exixidos na lexislación laboral e da Seguridade Social.

2. Así mesmo, ten por obxecto concretar os termos en que Administración educativa asume os gastos salariais e de Seguridade Social derivados do contrato a tempo parcial do xubilado parcial ata que teña dereito á pensión de xubilación por cumprir os requisitos do artigo 205.1.a) do TRLXSS, ou se extinga por calquera outra causa, así como os gastos derivados do contrato de remuda que deberá concertarse de forma simultánea.

3. Tamén poderán acceder á xubilación parcial as persoas cooperativistas de conformidade co establecido no artigo 215.6 do TRLXSS, sempre que reúnan os requisitos establecidos neste acordo.

4. Queda excluído do ámbito de aplicación deste acordo o profesorado substituto.

Segunda. Requisitos específicos para acceder á xubilación parcial

O persoal docente dos centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia poderá acceder á xubilación parcial nos termos previstos neste acordo, cando reúna todos os requisitos específicos indicados a seguir:

a) Estar vinculado coa súa empresa educativa (centro docente concertado) por un contrato de traballo de duración indefinida e xornada completa (25 horas semanais).

b) Permanecer durante un mínimo de 6 anos ininterrompidos e inmediatamente anteriores á data de inicio da xubilación parcial impartindo ensino nunha unidade concertada en xornada completa e, en consecuencia, incluído no réxime de pagamento delegado.

c) Que o período de tempo que medie entre a data de inicio da xubilación parcial e a data en que a persoa xubilada parcialmente teña dereito á pensión de xubilación por cumprir os requisitos do artigo 205.1.a) do TRLXSS sexa igual ou inferior a dous anos.

d) Reducir nun 72 % a súa xornada de traballo (18 horas lectivas semanais), o que se concretará no contrato de traballo a tempo parcial que subscribirá o centro docente coa persoa xubilada parcial nunha xornada lectiva de 7 horas semanais, ata que teña dereito á pensión de xubilación por cumprir os requisitos do artigo 205.1.a) do TRLXSS ou ata que a relación se extinga por calquera outra causa.

Terceira. Requisitos específicos para o contrato de remuda

1. Para que o devandito persoal docente en pagamento delegado poida acceder á xubilación parcial simultaneamente deberá concertarse un contrato de remuda nos termos que establece o artigo 12.6 do Estatuto dos traballadores.

2. A persoa remudista deberá estar en posesión dos requisitos exixidos na normativa vixente para impartir docencia. Os titulares dos centros garantirán a impartición da xornada de 18 horas lectivas semanais en que se reduce a xornada da persoa xubilada parcialmente.

Para facilitar a contratación de persoal docente incluído na bolsa de recolocación creada polo Acordo do 14 de xuño de 2023, asinado entre esta consellería e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado de Galicia, sobre medidas de recolocación do profesorado afectado pola modificación das unidades concertadas establécese que, na selección do profesorado remudista, terá carácter preferente a condición de persoal incluído na bolsa de recolocación.

No caso de existir na bolsa de recolocación docentes que se axusten ás necesidades da remuda, os representantes legais dos centros deberán acreditar, mediante declaración responsable, a realización dunha entrevista de traballo co persoal da bolsa ou, na súa falta, o intento de realizala antes da formalización do contrato de remuda.

O persoal docente incluído na bolsa de recolocación será contratado de xeito obrigatorio como remudista no centro en que estaba traballando cando se extinguiu o seu contrato e accedeu á bolsa, sempre que a súa titulación se axuste ás necesidades do contrato de remuda e a entidade xestora o acepte.

Cuarta. Censo coa previsión de xubilacións parciais anuais

1. Os centros docentes elaborarán un censo, conforme o modelo que figura como anexo I deste acordo, no cal indicarán a relación de persoas que previsiblemente poidan acceder á xubilación en 2026 e nos anos sucesivos 2027, 2028 e 2029.

2. O devandito censo, que terá efectos informativos e de previsión orzamentaria no correspondente exercicio, deberá remitirse á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos nas seguintes datas límite:

Ano

Data

2025

Nos dez días seguintes á data de efectividade deste acordo

2026

31 de xaneiro

2027

2028

2029

Quinta. Presentación, tramitación e resolución das solicitudes

1. O persoal docente que, no ámbito deste acordo, pretenda acceder á xubilación parcial, deberá presentar no seu centro de traballo a solicitude de xubilación parcial conforme o anexo II deste acordo, indicando como data de inicio da xubilación parcial algunha das datas de efectos do cadro do número 2 da cláusula sexta.

Así mesmo, deberá achegar o informe de vida laboral e un documento en que conste a data na cal terá dereito á pensión de xubilación do artigo 205.1.a) do TRLXSS ou as cotizacións acreditadas.

2. Nos dous días hábiles seguintes á presentación desta solicitude, a titularidade do centro remitirá esta e a documentación que a acompañe ao correspondente departamento territorial desta consellería a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, mediante o modelo de solicitude xenérica PR004A.

3. En caso de detectar algunha deficiencia na documentación presentada ou se esta está incompleta, a unidade xestora do departamento territorial comunicará esta incidencia á titularidade do centro para que emende ou complete o expediente no prazo de 5 días hábiles.

4. No prazo de dez días hábiles seguintes a aquel en que quede incorporada esta documentación ao expediente, se a unidade xestora do departamento territorial constata que a persoa solicitante cumpre todos os requisitos específicos deste acordo, comunicarallo ao centro docente para que continúe coa tramitación ante a Seguridade Social.

5. En caso contrario, a unidade xestora do departamento territorial comunicaralle á persoa solicitante que non reúne os requisitos establecidos neste acordo e que lle dá traslado do expediente á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos co fin de que se dite a correspondente resolución.

Sexta. Datas de efectos da xubilación parcial e do respectivo contrato de remuda

1. Unha vez completada a tramitación ante a entidade xestora da Seguridade Social, a titularidade do centro remitirá ao departamento territorial correspondente, a través da aplicación informática de xestión centrosprivados, a seguinte documentación:

1.1. Dentro da ficha da persoa docente xubilada parcialmente:

a) Resolución da entidade xestora da Seguridade Social de aprobación da pensión de xubilación parcial.

b) O contrato de traballo a tempo parcial formalizado.

1.2. Dentro da ficha da persoa docente remudista:

a) O contrato de remuda.

b) E, ademais, se o remudista non procede da bolsa de recolocación, achegará a declaración responsable nos termos do número 2 da cláusula terceira.

2. O departamento territorial correspondente fará efectiva no réxime de pagamento delegado a redución da xornada e proporcional de retribucións do/da xubilado/a parcial e a inclusión do/da remudista con efectos das datas indicadas no seguinte cadro:

Cumprimento de requisitos ata o*

Data de efectos a partir de*

15.1.2026

1.2.2026

31.3.2026

1.4.2026

31.8.2026

1.9.2026

31.12.2026

1.1.2027

31.3.2027

1.4.2027

31.8.2027

1.9.2027

31.12.2027

1.1.2028

31.3.2028

1.4.2028

31.8.2028

1.9.2028

31.12.2028

1.1.2029

31.3.2029

1.4.2029

* O día que se cita enténdese incluído; a duración máxima da xubilación parcial desde a data de efectos será de 2 anos.

Sétima. Extinción da xubilación parcial

Cando a situación de xubilación parcial se extinga porque a persoa xubilada parcialmente teña dereito á pensión de xubilación por cumprir os requisitos do artigo 205.1.a) do TRLXSS ou por calquera outra causa, a unidade competente do departamento territorial realizará o axuste das correspondentes horas.

A partir desa data a Administración non asumirá en ningún caso un custo de horas lectivas que supere as fixadas no concerto aprobado para o centro, conforme o establecido nos módulos aprobados pola lei de orzamentos correspondente.

Oitava. Seguimento do acordo

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e as organizacións empresariais e sindicais do ensino privado concertado que asinan este acordo efectuarán o seu seguimento a través da Comisión Tripartita do Ensino Privado Concertado de Galicia.

Novena. Período de vixencia e aplicación

1. Este acordo producirá efectos a partir da data da súa sinatura e rematará o 31 de agosto de 2029, isto é, na data de remate do actual período de concertos educativos, ou no momento que se produza a entrada en vigor dalgunha modificación na normativa aplicable respecto das condicións ou requisitos de acceso á xubilación parcial.

2. Sen prexuízo do establecido no número 1, as situacións e consecuencias derivadas deste acordo manteranse sempre e cando permanezan os supostos que deron lugar a elas, ata que as persoas xubiladas parcialmente acaden a idade de xubilación ordinaria do artigo 205.1.a) do TRLXSS ou concorra outra causa de extinción.

missing image file
missing image file