DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Luns, 5 de xaneiro de 2026 Páx. 319

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 23 de decembro de 2025 pola que se revoga a autorización para impartir determinadas titulacións universitarias oficiais do Sistema universitario de Galicia para o curso académico 2025/26.

No ámbito estatal, a extinción de titulacións recóllese ao longo do articulado do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da calidade.

No ámbito autonómico, esta materia está regulada pola Lei 6/2013, do 13 de xuño, do Sistema universitario de Galicia, e a Orde do 20 de marzo de 2012 pola que se desenvolve o Decreto 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

De acordo co recollido no artigo 18 da Orde do 20 de marzo de 2012, son causas de revogación da autorización de implantación dunha ensinanza oficial o incumprimento dos requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a autorización de implantación, a non impartición da titulación oficial autorizada, a extinción do plan de estudos ou a supresión da ensinanza oficial.

Nestes casos, e na salvagarda dos dereitos do estudantado, as universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación.

O Pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 18 de decembro de 2025, no exercicio das competencias previstas no artigo 3.2 h) do Decreto 98/2014, do 17 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Consello Galego de Universidades, acordou emitir informe favorable sobre a revogación da autorización ás universidades do Sistema universitario de Galicia para impartir as ensinanzas universitarias oficiais dos títulos que se relacionan a continuación.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1

Que se revogue a autorización á Universidade de Santiago de Compostela para impartir as ensinanzas universitarias oficiais seguintes:

• Máster universitario en Atención Sanitaria, Xestión e Coidados, pola Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado polo Decreto 53/2008, do 13 de marzo (DOG do 28 de marzo), e que figura inscrito no RUCT co código 4310352.

• Máster universitario en Xestión do Patrimonio Artístico e Arquitectónico, Museos e Mercado da Arte, título conxunto pola Universidade de Las Palmas de Gran Canaria e a Universidade de Santiago de Compostela. Autorizado pola Orde do 5 de decembro de 2013 (DOG do 20 de decembro), e que figura inscrito no RUCT co código 4314274.

• Programa de doutoramento en Estudos Culturais: Memoria, Identidade, Territorio e Linguaxe, título conxunto pola Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Rennes II. Autorizado pola Orde do 5 de setembro de 2014 (DOG do 26 de setembro), e que figura inscrito no RUCT co código 5601074.

Artigo 2. Garantías académicas

A Universidade adoptará as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os estudos que inician o proceso de revogación, de acordo co establecido no artigo 16 do Decreto 222/2011, do 2 de decembro.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025

Román Rodríguez González
Conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional