Exposición de motivos
I
A protección da infancia, consagrada como principio reitor no artigo 39.4 da Constitución española, constitúe un piar fundamental para construír unha sociedade saudable, equitativa e con oportunidades para o desenvolvemento integral das persoas. Por iso, é necesario potenciar unha educación social especialmente orientada á saúde da infancia e da adolescencia, así como promover a educación sanitaria, o fomento de estilos de vida saudables e a adecuada utilización do tempo de lecer.
O consumo de substancias psicoactivas e as adiccións sen substancia representan un problema de saúde pública de primeira magnitude, que afecta especialmente as persoas menores de idade polo seu maior risco e vulnerabilidade e o grave impacto que estas condutas teñen na súa saúde física e mental e no seu desenvolvemento educativo, social e persoal, con repercusións prolongadas no tempo.
Neste sentido, o consumo de alcohol está relacionado con diferentes problemas da saúde (enfermidades hepáticas, cardiovasculares, neurolóxicas, etc.), problemas familiares (deterioración das relacións familiares e/ou de parella, violencia doméstica, etc.), problemas económicos e sociais (multas, accidentes de tráfico, etc.) e problemas laborais (accidentes laborais, diminución do rendemento, etc.).
No referente ao tabaco, a Organización Mundial da Saúde sinala o seu consumo como a primeira causa de mortalidade evitable e advirte que calquera nivel de exposición pasiva é prexudicial para a saúde. O tabaco é o principal factor de risco asociado a diversas enfermidades graves, incluíndo múltiples tipos de cancro e enfermidades cardiovasculares e respiratorias. Ademais, afecta a fertilidade e incrementa os riscos durante o embarazo e para o neonato.
Os dispositivos susceptibles de liberación de nicotina (en adiante, DSLN), incluídos os cigarros electrónicos ou vapeadores, carecen de evidencia científica concluínte sobre a súa eficacia para deixar de fumar. Conteñen substancias nocivas, incluídos compostos canceríxenos, e o seu uso, especialmente entre a mocidade, supón riscos para a saúde individual e colectiva. Por iso, equipáranse aos produtos do tabaco e aplícanselles as mesmas restricións para a súa regulación e control.
O cánnabis, pola súa banda, é a substancia psicoactiva ilegal máis consumida entre as persoas novas. O seu consumo é especialmente prexudicial en idades temperás, cando o organismo está en fase de maduración, provocando cambios neurobiolóxicos durante este período. Pode provocar alteracións dos sentidos e da percepción do tempo, cambios no estado de ánimo, descoordinación motora, dificultade para pensar e resolver problemas, alteracións nos procesos de memoria, alucinacións, delirios e, nalgúns casos, sintomatoloxía psicótica.
As bebidas enerxéticas constitúen un conxunto heteroxéneo de bebidas sen alcohol que conteñen estimulantes, como a cafeína, en cantidades que poden ser excesivas para persoas menores de idade. Estes produtos, cuxo consumo en aumento na mocidade galega resulta preocupante, provocan efectos adversos tanto na saúde física como na mental, como alteracións do sono e trastornos cardiovasculares e psicolóxicos. Institucións internacionais como a Food Drug Administration e a Academia Americana de Pediatría recomendan evitar o seu consumo en menores, o que xustifica a necesidade dunha regulación específica.
En Galicia, o consumo de alcohol, tabaco e cánnabis entre a poboación adulta e xuvenil segue sendo prevalente, con datos que mostran un consumo significativo e preocupante entre a mocidade. O incremento recente do consumo de bebidas enerxéticas en adolescentes alerta sobre a urxencia de intervencións normativas específicas. Este problema require unha resposta integral e coordinada que integre accións educativas, preventivas e de control do acceso a estas substancias nocivas, especialmente en colectivos vulnerables e persoas menores de idade.
Non debemos esquecer que, debido á maior accesibilidade das tecnoloxías da información, dos dispositivos móbiles e dos soportes conectados, está a producirse un conxunto de problemas na poboación (especialmente na máis nova) que, aínda que non teñen unha definición estándar na literatura científica, teñen moitas semellanzas coas adiccións a substancias. E, ao igual que sucede con estas, así como co xogo patolóxico, o uso non axeitado das tecnoloxías dixitais, dos dispositivos móbiles e dos soportes conectados pode levar ao fracaso escolar, á perda do traballo e a problemas de relacións interpersoais de diversa gravidade, xa que o comportamento desadaptativo tende a desprazar as actividades sociais, familiares e académicas ou laborais normais.
Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia exerce plenamente as súas competencias na materia de saúde pública, sanidade, lecer e espectáculos públicos, segundo o Estatuto de autonomía e a normativa complementaria. Neste marco, esta lei constitúe un instrumento normativo actualizado, coherente, integral e adaptado á realidade social actual, co obxecto de avanzar na prevención e na asistencia das problemáticas adictivas.
A prevención é unha das claves que dará soporte aos cambios que se perseguen. Hoxe en día disponse de respostas tecnicamente coherentes e eficaces, baseadas na evidencia científica, que permiten evitar o inicio do consumo de substancias psicoactivas, atrasar a idade na que se producen os primeiros consumos, impedir a escalada no seu uso e reducir os riscos e danos que supoñen certos patróns de uso. Por este motivo, esta lei revisa os principios que deben guiar a prevención escolar, familiar e comunitaria que se levará a cabo en Galicia e a adopción de estilos de vida saudables, potenciando diversos factores de protección e reducindo o impacto de determinados factores de risco asociados aos trastornos adictivos.
Os principios reitores que inspiran esta regulación son a promoción do coñecemento e o desenvolvemento de habilidades persoais para controlar as condutas adictivas, con especial atención á capacitación e participación familiar; o impulso de accións informativas, de sensibilización e educativas por parte das administracións autonómicas, en colaboración coas locais, fomentando un lecer creativo e saudable; a formación especializada do persoal docente e sanitario e dos sectores vinculados a actividades de lecer e xogo sobre prevención de condutas adictivas; a limitación estrita da publicidade, promoción e acceso das persoas menores de idade a produtos con potencial adictivo ou nocivo, como bebidas alcohólicas, produtos do tabaco e produtos relacionados co tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e determinados videoxogos; e a desnormalización social do consumo destas substancias e condutas, fronte ás estratexias da industria, que procuran presentalas como aceptables ou incluso beneficiosas.
Finalmente, inclúense innovacións normativas para prohibir e restrinxir a venda, o consumo, a publicidade e o acceso de persoas menores de idade a estes produtos e actividades. Tamén clarifica responsabilidades e competencias de inspección e sanción e establece mecanismos para a coordinación administrativa, participación social e xeración de información estatística relativa ao consumo e aos riscos das adiccións.
Con esta lei preténdese garantir a protección integral da saúde pública da poboación máis nova, achegando un marco regulador moderno e eficaz para a prevención, o control e a redución das condutas adictivas, contribuíndo así a construír unha sociedade máis saudable e segura.
II
A Constitución española recoñece no seu artigo 43 o dereito á protección da saúde. O Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma de Galicia, nos artigos 27.23 e 33, respectivamente, a competencia exclusiva na materia de asistencia social e para o desenvolvemento lexislativo e a execución da lexislación básica do Estado na materia de sanidade interior.
A primeira lei que regulou en Galicia distintos aspectos das drogodependencias foi a Lei 2/1996, do 8 de maio, de Galicia sobre drogas, que proporcionou o marco normativo no que se apoiaron as medidas necesarias para reducir a problemática das drogodependencias, tanto no que respecta á prevención como á asistencia e á participación da sociedade na abordaxe deste tema.
No caso do tabaco, actualmente cóntase coa Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos do tabaco, de ámbito estatal. No relativo ao alcohol, Galicia foi pioneira ao aprobar en 2010 a Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade. Esta lei permitiu elevar a idade mínima de consumo de alcohol aos 18 anos e restrinxiu o acceso das persoas menores de idade a certos lugares onde se permitía a venda de alcohol, entre outras medidas.
Os antecedentes normativos relativos a outras substancias psicoactivas están dispersos en normas xenéricas, tanto estatais como autonómicas, como o Código penal (artigo 368, incluído no capítulo de delitos contra a saúde pública) e a Lei orgánica 40/2015, do 30 de marzo, de protección da seguridade cidadá, e no relativo ao xogo temos aprobada a Lei 3/2023, do 4 de xullo, reguladora dos xogos de Galicia.
Por outra parte, a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece, no seu artigo 34.4 (modificado pola Lei 8/2021, do 25 de febreiro), como intervencións públicas que poderán ser exercidas polas autoridades sanitarias competentes sobre as actividades públicas e privadas que directa ou indirectamente poidan ter consecuencias para a saúde a de «establecer prohibicións e requisitos mínimos para o uso e tráfico de bens e produtos cando supoñan un prexuízo ou ameaza para a saúde mediante normativa», a de «controlar a publicidade e propaganda de produtos e actividades que poidan ter incidencia sobre a saúde, co fin de axustala a criterios de veracidade e evitar o que poida constituír un prexuízo para esta» e a de «establecer prohibicións, limitacións e estratexias de prevención do consumo de bebidas alcohólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo polas persoas menores de idade».
Ademais, o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios, aprobado polo Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, establece como dereitos básicos das persoas consumidoras e usuarias e das persoas consumidoras vulnerables o da protección contra os riscos que poidan afectar a súa saúde ou seguridade e o da protección dos seus dereitos mediante procedementos eficaces, en especial en relación coas persoas consumidoras vulnerables. Sinala tamén que os dereitos das persoas consumidoras vulnerables gozarán dunha especial atención, que será recollida regulamentariamente e pola normativa sectorial que resulte aplicable en cada caso. Igualmente, dispón que os poderes públicos promoverán políticas e actuacións tendentes a garantir os seus dereitos en condicións de igualdade, consonte a concreta situación de vulnerabilidade na que se atopen. En relación con isto, cómpre pois traer a colación o disposto no artigo 30.1.4 do Estatuto de autonomía de Galicia, o cal recoñece á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva na materia de comercio interior e defensa do consumidor e usuario, sen prexuízo da política xeral de prezos e da lexislación sobre a defensa da competencia, e de acordo coas bases e a ordenación da actuación económica xeral e a política monetaria do Estado.
Cómpre sinalar tamén que o artigo 27.22 do Estatuto de autonomía de Galicia establece que corresponde á Comunidade Autónoma de Galicia a competencia exclusiva na materia da adecuada utilización do lecer. Neste marco, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma de Galicia, transfire a competencia exclusiva na materia de espectáculos públicos, sen prexuízo da competencia estatal sobre seguridade pública. É preciso ter en conta neste sentido o Decreto 336/1996, do 13 de setembro, sobre asunción de funcións e servizos transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia na materia de asociacións e espectáculos públicos, respectivamente, polos reais decretos 1639/1996 e 1640/1996, ambos do 5 de xullo, e a súa asignación á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.
Así mesmo, o artigo 27.31 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúelle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva na materia de publicidade, sen prexuízo das normas ditadas polo Estado para sectores e medios específicos conforme os ordinais 1º, 6º e 8º do número 1 do artigo 149 da Constitución.
Pola súa banda, o Decreto 144/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Sanidade, establece que a misión da Dirección Xeral de Saúde Pública é a mellora da saúde da poboación galega desde unha perspectiva comunitaria.
III
A Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas presenta unha estrutura composta por sesenta e cinco artigos, distribuídos en sete títulos, catro disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións derradeiras.
O título preliminar establece os obxectivos xerais e específicos da lei, así como as definicións de aspectos relevantes regulados e os principios reitores. O obxecto inclúe aspectos relacionados coas grandes áreas de intervención, isto é, as áreas de promoción da saúde, prevención das adiccións, redución da oferta, desenvolvemento e xestión do coñecemento, así como a regulación da organización institucional.
O ámbito material da lei abrangue as substancias psicoactivas, algunhas con ampla aceptación social, como o alcohol, o tabaco, a cafeína e outras, como os derivados do cánnabis, que, aínda que son ilegais e xa teñen normativa específica, é necesario regular en aspectos relativos á súa promoción e patrocinio.
Como novidade, a lei regula os DSLN, que son aqueles produtos, ou calquera dos seus compoñentes, incluídos un cartucho, un depósito e o dispositivo sen cartucho ou depósito, que poidan utilizarse para o consumo de vapor que conteña nicotina, a través dunha boquilla, pois non hai evidencia científica que apoie a súa utilidade para deixar de fumar. Aplícanselles as mesmas restricións que ao tabaco.
Tamén se regulan aspectos relativos ás bebidas enerxéticas e se establecen medidas de prevención no relativo ás adiccións sen substancia, principalmente no caso de xogos con cartos, presenciais ou a distancia, e o uso de videoxogos.
No título I abórdanse a promoción da saúde e a prevención de adiccións, co obxectivo de conseguir aumentar a percepción de risco ante as adiccións e o fomento de estilos de vida saudables na poboación en xeral e nas persoas menores de idade, en particular.
Inclúense medidas sobre as adiccións sen substancia, aínda que na actualidade, excepto a ludopatía e o trastorno por uso de videoxogos, non se recolleron cientificamente como tales. Sobre todo incídese nas condutas adictivas relacionadas co xogo, presencial ou en liña, con especial atención aos videoxogos e á utilización de dispositivos conectados debido ao aumento da prevalencia, así como á ampla preocupación detectada entre as familias e as e os profesionais dedicados á prevención e atención ás adiccións en Galicia. Neste sentido, inclúense medidas de forma transversal en todos os programas da carteira de servizos de prevención de condutas adictivas da nosa Comunidade Autónoma. Promóvese a realización de programas orientados a un xogo responsable, tanto presencial como en liña, e a un uso proporcionado dos videoxogos con respecto ao resto de actividades de lecer das persoas menores de idade.
Considérase prioritaria a educación para a saúde, de forma que se poidan fomentar os estilos de vida saudables en todos os ámbitos: escolar, familiar, laboral, sanitario e comunitario.
O capítulo dedicado á prevención recolle medidas xerais dirixidas ao conxunto da poboación, e outras dirixidas a persoas ou grupos en situación de risco ou de maior vulnerabilidade. Trátase de potenciar os factores de protección e reducir os factores de risco, así como de desnormalizar algunhas condutas aceptadas socialmente, como o consumo de alcohol e de tabaco. Nas actuacións preventivas son prioritarios os ámbitos familiar, comunitario, educativo e sanitario, que, na medida do posible, deberán coordinarse entre si para poder potenciar a consecución dos seus obxectivos mutuos.
O título II regula o control da oferta. Diferénciase este apartado do de diminución da demanda, igual que se fai na Estratexia da Unión Europea na materia de loita contra a droga 2021-2025, xa que as medidas dirixidas a limitar a demanda poñen a énfase na actuación sobre as persoas ou os grupos e as de redución da oferta actúan sobre as substancias ou sobre as condutas.
Establécese unha estrutura clasificada pola substancia e, dentro de cada unha, regúlase a actividade xerada ao redor dela; isto é, a publicidade, a promoción, o patrocinio, a venda, a subministración, o transporte e o consumo.
As drogas sobre as que se establecen as medidas de control son as legais e algunha ilegal, como o cánnabis. No caso do alcohol, auméntanse as limitacións xa impostas a través da Lei 11/2010, do 17 de decembro, tendo en conta que non existe unha normativa reguladora de ámbito nacional. Non obstante, ás festas recoñecidas de interese turístico non lles serán aplicables as restricións de publicidade e promoción establecidas na lei.
No relativo ao tabaco, seguindo as recomendacións da Organización Mundial da Saúde e das sociedades científicas, dáse o mesmo trato aos DSLN que aos produtos do tabaco, dado que, se o dispositivo é susceptible de liberar nicotina, enténdese que os seus efectos tanto para a persoa usuaria como para terceiras persoas non difiren dos do tabaco. Tamén se inclúen medidas como a prohibición do consumo nas entradas dos centros educativos e administrativos, aspectos non recollidos na normativa de ámbito estatal. Deste xeito, preténdese preservar a saúde das persoas non fumadoras.
Por outra parte, limítanse o consumo e a venda de bebidas enerxéticas a persoas menores de idade. Segundo un estudo realizado pola Autoridade Europea de Seguridade Alimentaria (EFSA) en 2015, o consumo de máis de 1,4 mg/kg de peso corporal de cafeína estaría asociado a alteracións do sono (latencia e duración) e o consumo de máis de 3 mg/kg de peso corporal de cafeína estaría asociado a efectos adversos xerais para a saúde (efectos cardiovasculares, hematolóxicos, neurolóxicos e psicocomportamentais). Por exemplo, se un neno ou nena (cun peso medio de 37 kg) consome unha lata de bebida enerxética cunha concentración de cafeína de 32 mg/100 ml, estaría a inxerir 2,2 mg de cafeína.
Tendo en conta que os envases máis habituais no mercado conteñen 32 mg/100 ml de cafeína e que con estas concentracións sería moi doado superar os límites referidos que produzan efectos prexudiciais na infancia e na adolescencia, establécese a prohibición da venda e do consumo de bebidas enerxéticas, entendidas como aquelas que conteñan 32 mg/100 ml ou máis de cafeína, a persoas menores de idade. Nesta mesma liña recóllese nas lexislacións de Alemaña e de Dinamarca, que limitan o contido de cafeína nas bebidas enerxéticas a 32 mg/100 ml.
No título III abórdase a problemática da atención das persoas menores de idade en urxencias debido a intoxicacións por substancias psicoactivas, basicamente bebedeiras. Débese realizar unha actuación máis intensiva para evitar o crecente aumento das devanditas intoxicacións neste tramo de idade.
O título IV regula os sistemas de información sobre as características dos consumos de substancias en Galicia, a súa prevención e o seu tratamento. Este sistema deberá estar integrado no sistema de información de saúde de Galicia, definido no artigo 71 da Lei 8/2008, do 10 de xullo. Tanto a información como a avaliación teñen a consideración de actuación transversal, segundo a Estratexia da Unión Europea na materia de loita contra a droga 2021-2025.
O título V regula a organización institucional, a coordinación e a iniciativa social, establecendo o exercicio das competencias atribuídas a cada unha das administracións públicas galegas, coa finalidade de evitar duplicidades e actuacións solapadas.
Polo que respecta ao dispositivo institucional, a nivel da Administración xeral da Comunidade Autónoma prevese a creación dunha Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas menores de idade, configurada como un órgano de estudo, coordinación e asesoramento na materia de prevención das adiccións en Galicia.
Finalmente, a iniciativa social supón o recoñecemento do importante labor realizado na materia por persoas e entidades privadas e regula as condicións que rexerán a colaboración con elas.
O título VI ocúpase dos labores de inspección, aspecto fundamental para garantir o cumprimento das limitacións establecidas.
No título VII detállanse as infraccións e as sancións. As medidas punitivas van referidas á actividade sobre as substancias, xa que, sobre as adiccións sen substancia, establecéronse medidas de promoción da saúde coas que se trata de impulsar un uso responsable dos xogos de azar e das novas tecnoloxías.
Polo que respecta aos órganos con competencias sancionadoras, distribúense estas con carácter xeral entre a consellaría competente na materia de saúde pública, tanto desde servizos centrais como por parte dos órganos periféricos, e os concellos.
Dentro das competencias sancionadoras que os departamentos territoriais da consellaría competente na materia de saúde pública xa tiñan atribuídas, inclúese a relativa á imposición de sancións pola comisión de infraccións relativas ao botellón, por entender que se incrementa a eficacia da corrección deste tipo de infraccións ao equipararse coa xestión das sancións por consumo de tabaco, DSLN e produtos relacionados co tabaco.
Completan o texto catro disposicións adicionais, sobre os corpos facultativos da Administración autonómica encargados das inspeccións, a habilitación para a actualización periódica das contías das sancións e algunhas excepcións no relativo a festas declaradas de interese turístico, así como a previsión da ausencia de custos asociados ao funcionamento da Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas menores de idade en Galicia; unha disposición transitoria, relativa ao réxime transitorio de procedementos sancionadores iniciados antes ou despois da entrada en vigor desta lei; unha disposición derrogatoria, que afecta as disposicións de igual ou inferior rango contrarias ao disposto nesta lei; e tres disposicións derradeiras, sobre o desenvolvemento regulamentario e a entrada en vigor, incorporando ademais a primeira delas algunhas modificacións puntuais no tocante á tipificación do incumprimento da prohibición de consumo de bebidas alcohólicas na vía pública, nos parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público.
Esta lei promúlgase baixo o máis estrito respecto á autonomía municipal e ao actual marco normativo.
Esta lei foi sometida ao preceptivo ditame do Consello Económico e Social de Galicia.
Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 do Estatuto de Autonomía de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, promulgo, en nome do rei, a Lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas.
TÍTULO PRELIMINAR
Disposicións xerais
Artigo 1. Obxecto
1. Esta lei ten por obxecto regular as actuacións e as iniciativas que se van desenvolver no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para previr as condutas adictivas nas persoas menores de idade. As medidas previstas nesta lei teñen tamén como obxecto incidir sobre a sociedade no seu conxunto para avanzar na desnormalización dos comportamentos adictivos, mediante:
a) A definición das características que deberán ter as estratexias de prevención das adiccións, de educación sanitaria e de concienciación social e das familias, para abordar o grave problema xerado.
b) A limitación do acceso das persoas menores de idade ás bebidas alcohólicas e enerxéticas, aos produtos do tabaco e a outras substancias psicoactivas, así como o control administrativo desta restrición que aborde tanto a venda e a subministración como o propio consumo.
c) O aumento da protección fronte á exposición pasiva ao fume do tabaco, especialmente no caso das persoas menores de idade e da poboación vulnerable.
d) As limitacións de acceso de persoas menores de idade a determinados establecementos de ocio e entretemento.
e) As prohibicións e as limitacións á publicidade, á promoción e ao patrocinio de bebidas alcohólicas, bebidas enerxéticas, produtos do tabaco e resto de substancias psicoactivas reguladas nesta lei.
f) A promoción da cesación tabáquica entre as persoas fumadoras, atendendo especialmente á influencia do tabaquismo nas persoas menores de idade.
g) A creación do sistema de información sobre os resultados da aplicación da lei.
h) As limitacións horarias á venda nocturna de bebidas alcohólicas.
i) A prevención do xogo problemático.
j) O establecemento das condicións relativas á venda de videoxogos.
k) A promoción do uso axeitado de videoxogos, redes sociais, tecnoloxías dixitais e dispositivos conectados.
l) A determinación do réxime sancionador.
Artigo 2. Ámbito de aplicación
As disposicións contidas nesta lei serán aplicables ás diferentes actuacións previstas nela, tanto individuais como colectivas, públicas ou privadas, que se realicen no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e no marco das súas competencias.
Artigo 3. Principios reitores da lei
Esta lei ten como principios reitores os seguintes:
a) A responsabilidade das administracións e da sociedade no seu conxunto para previr as adiccións nas persoas menores de idade e traballar na desnormalización progresiva do seu consumo en toda a poboación.
b) O equilibrio e o consenso social que permita aos sectores económicos afectados por esta lei acadar os seus obxectivos desde unha perspectiva de responsabilidade social.
c) A actitude de proactividade, mellora continua e transparencia que permita ás diferentes administracións dar resposta ás demandas sociais e aos problemas emerxentes relacionados coas adiccións.
d) A participación activa da comunidade, moi especialmente do Consello Autonómico de Infancia e Adolescencia e das organizacións xuvenís, e dos sectores afectados, na planificación e na execución das actuacións na materia de prevención das adiccións.
e) A consideración da familia como elemento esencial na percepción de risco por parte das persoas menores de idade.
f) A promoción activa de estilos de vida saudables e dunha cultura de saúde que inclúa o rexeitamento do consumo por parte das persoas menores de idade, así como a modificación de actitudes e comportamentos da sociedade respecto da problemática vinculada a este tema, coa aplicación do principio de equidade e atención preferente ás persoas menores en situación de vulnerabilidade, en risco de exclusión ou con problemas de saúde, en particular de saúde mental.
g) A planificación das intervencións tendo en conta a evidencia científica dispoñible e con base en criterios de efectividade, establecendo indicadores que permitan realizar un axeitado control, seguimento e avaliación delas.
h) A consideración prioritaria das políticas e das actuacións preventivas na materia de prevención das adiccións.
i) O carácter multidisciplinario e de integración e coordinación das actuacións na materia de prevención das adiccións por parte de todas as administracións públicas galegas.
j) A coordinación das actuacións sobre a problemática asociada ás adiccións na poboación, con especial énfase nas persoas menores de idade, con base no principio de corresponsabilidade social.
k) A inclusión da perspectiva de xénero en todas as actuacións que se realicen.
l) A promoción da equidade en saúde a través do acceso da poboación aos servizos preventivos, sen que exista ningunha discriminación.
m) Os principios reitores en canto ás actuacións sanitarias que se enuncian no artigo 32 da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia.
Artigo 4. Definicións
Para os efectos desta lei, entenderase por:
a) Bebida alcohólica: aquela bebida que contén etanol nunha proporción superior ao 1,2 por cento do seu volume.
b) Bebida enerxética: bebida refrescante que contén cafeína en valores iguais ou superiores a 32 mg/100 ml acompañada doutros ingredientes estimulantes.
c) Centro docente: centro educativo que imparta educación primaria e secundaria e outras ensinanzas oficiais para persoas menores de idade.
d) DSLN: produto, ou calquera dos seus compoñentes, incluídos un cartucho, un depósito e o dispositivo sen cartucho ou depósito, que poida utilizarse para o consumo de vapor que conteña nicotina a través dunha boquilla. Os DSLN poden ser desbotables ou recargables mediante un envase de recarga e un depósito, ou recargables con cartuchos dun só uso.
e) Establecemento de lecer e entretemento: calquera establecemento público no que teñan lugar actividades de entretemento e lecer das persoas e no que se vendan bebidas alcohólicas. En particular, terán a consideración de establecementos de lecer e entretemento, para os efectos desta lei, as discotecas, as salas de festa, os pubs e os cafés-espectáculo, de acordo co disposto no Decreto 124/2019, do 5 de setembro, polo que se aproba o Catálogo de espectáculos públicos, actividades recreativas e establecementos abertos ao público da Comunidade Autónoma de Galicia e se establecen determinadas disposicións xerais de aplicación na materia, así como calquera outro establecemento no que, aínda que con outra denominación, se desenvolvan actividades da mesma natureza que nos anteriores.
Para os efectos desta lei, non terán a consideración de establecementos de lecer e entretemento os furanchos, aos que se lles aplicarán as previsións contidas nesta lei para os establecementos de hostalaría e de restauración.
f) Establecementos de hostalaría e de restauración: establecementos abertos ao público e legalmente habilitados que teñen por obxecto a prestación do servizo de bebida e/ou comida para o seu consumo polo público a cambio dun prezo, consonte o disposto na súa normativa específica.
g) Horario nocturno: o período de tempo comprendido entre as 22.00 e as 9.00 horas do día seguinte.
h) Patrocinio: calquera tipo de contribución, pública ou privada, a un acontecemento, unha actividade ou unha persoa cuxo obxectivo ou efecto directo ou indirecto sexa a promoción de calquera dos produtos regulados nesta lei.
i) Produtos do tabaco: produtos que poden ser consumidos ou constituídos, total ou parcialmente, por tabaco, xeneticamente modificado ou non.
j) Produtos relacionados co tabaco: calquera dispositivo susceptible de liberación de nicotina, envases de recarga e produtos para fumar a base de herbas, de plantas ou de froitas que non conteñen tabaco e se poden consumir mediante un proceso de combustión.
k) Promoción: todo estímulo da demanda de bebidas alcohólicas, bebidas enerxéticas, tabaco, produtos do tabaco e DSLN e produtos relacionados co tabaco, como anuncios, publicidade e actos especiais, entre outros, destinados a atraer a atención e suscitar o interese das persoas consumidoras.
l) Publicidade: toda forma de comunicación realizada por unha persoa física ou xurídica, pública ou privada, no exercicio dunha actividade comercial, industrial, artesanal ou profesional, co fin de promover de forma directa, indirecta ou subliminar a contratación de bens mobles ou inmobles, servizos, dereitos e obrigas.
m) Subministración: abastecemento de produtos ou substancias previstas nesta lei, xa sexa a título oneroso ou gratuíto.
n) Substancia psicoactiva: substancia que, introducida no organismo por calquera vía de administración, produce unha alteración do funcionamento do sistema nervioso central do individuo, a cal modifica a conciencia, o estado de ánimo ou os procesos de pensamento.
TÍTULO I
Promoción da saúde e prevención das adiccións
Artigo 5. Obxecto
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá, a través dos instrumentos xurídicos que en cada caso correspondan, o fomento de actuacións de promoción da saúde e de prevención das adiccións na poboación menor de idade e nos grupos especialmente vulnerables por parte das administracións locais e entidades sen ánimo de lucro.
2. As medidas contidas neste título estenderanse, tendo en conta o estado do coñecemento científico en cada momento, a aqueloutras condutas susceptibles de xerar un trastorno adictivo.
CAPÍTULO I
Promoción da saúde
Artigo 6. Actuacións de promoción da saúde no ámbito das condutas adictivas
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá, a través dos instrumentos xurídicos que en cada caso correspondan, o fomento por parte das administracións locais e entidades sen ánimo de lucro de accións de mellora do coñecemento e de desenvolvemento de habilidades persoais dirixidas a incrementar o control da poboación sobre a súa saúde no que respecta ás condutas adictivas, con especial atención ao fomento da capacitación e da participación das familias.
2. A consellaría competente na materia de saúde pública impulsará a realización de programas de promoción da saúde no ámbito das condutas adictivas dirixidos a toda a poboación, fomentando a colaboración de profesionais sanitarios e sociais, e da educación nestes programas.
Artigo 7. Promoción do non consumo de substancias psicoactivas
A Administración xeral da Comunidade Autónoma promoverá, a través dos instrumentos xurídicos que en cada caso correspondan, a realización por parte das administracións locais e entidades sen ánimo de lucro de campañas informativas e formativas dirixidas a persoas menores de idade e poboación xeral sobre as consecuencias prexudiciais do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e outras substancias psicoactivas e sobre a súa percepción de risco.
Artigo 8. Prevención do xogo problemático
1. A Administración xeral da Comunidade Autónoma impulsará, a través dos instrumentos xurídicos que en cada caso correspondan, a realización por parte das administracións locais e entidades sen ánimo de lucro de accións informativas e de sensibilización, así como accións de carácter educativo que promovan un ocio creativo e saudable, especialmente para persoas menores de idade, grupos vulnerables e xuventude en xeral, e para evitar que a poboación estableza relacións problemáticas coas actividades de xogo.
Ademais, procurarase que a poboación coñeza a problemática da adicción ao xogo e os factores de risco e de protección implicados.
2. Estas mesmas administracións impulsarán actuacións de formación e sensibilización dirixidas ao persoal docente e sanitario e ás persoas traballadoras das empresas operadoras de xogo sobre aspectos específicos da prevención do xogo problemático. Estas actividades formativas incluirán entre os seus contidos:
a) Lexislación vixente sobre a materia.
b) Prevención do xogo ilegal e do uso inadecuado dos xogos.
c) Protocolo de actuación con persoas que amosen patróns de xogo desadaptativo.
A consellaría competente na materia de saúde pública desenvolverá regulamentariamente as condicións nas que se desenvolverá a formación á que fai referencia este número.
Artigo 9. Promoción do uso adecuado e seguro dos videoxogos, das redes sociais, das tecnoloxías dixitais e dos dispositivos conectados
Co fin de previr os problemas que poida xerar o uso inadecuado dos videoxogos, das redes sociais, das tecnoloxías dixitais e dos dispositivos conectados, a Administración xeral da Comunidade Autónoma, coa colaboración da Administración local a través da subscrición dos oportunos convenios ou de actividades de fomento, levará a cabo as seguintes actuacións:
a) Promover campañas de sensibilización da poboación sobre a necesidade de facer un uso apropiado destas tecnoloxías, especialmente no caso das persoas menores de idade, evitando a interferencia negativa coa vida familiar e social e os problemas de saúde e desenvolvemento.
b) Impulsar actividades de formación e capacitación da poboación para o uso adecuado e seguro dos videoxogos, das redes sociais, dos dispositivos conectados e das tecnoloxías dixitais. Prestarase especial atención á protección das persoas menores de idade a través de:
1º. Capacitar as familias para a definición do uso e consumo axeitado para as persoas menores de idade no que respecta á supervisión, soportes de acceso, tempos de uso e contidos.
2º. Difundir e promover o uso de aplicacións e mecanismos de control parental e dos sistemas de clasificación de contidos.
c) Promover o desenvolvemento de accións no ámbito educativo que teñan por obxecto permitir á mocidade acadar un equilibrio axeitado entre o aproveitamento das potencialidades destas tecnoloxías, o ocio saudable e o desenvolvemento dun bo nivel de saúde mental e física.
d) Promover protocolos nos sistemas sanitario e de protección social de avaliación e consello sobre o uso destes dispositivos e tecnoloxías, nos que se abordarán os tempos de uso, a supervisión, os contidos aos que se accede e a súa interferencia co tempo de descanso, o rendemento académico ou laboral e a vida familiar e social.
e) Promover a adopción de medidas orientadas a mellorar a información sobre os riscos asociados á utilización non adecuada dos videoxogos, Internet, redes sociais e outras tecnoloxías dixitais, promovendo a inclusión de mensaxes preventivas nos videoxogos, nas páxinas web e nas aplicacións con sede ou editadas en Galicia, así como nas súas redes sociais, en particular cando as ditas redes teñen como público preferente a poboación menor de idade.
CAPÍTULO II
Prevención das adiccións
Artigo 10. Obxectivos
1. As actividades preventivas terán como obxectivo primordial evitar o consumo de substancias psicoactivas e a realización de determinados comportamentos adictivos, atrasar a idade de inicio e previr a posibilidade de desenvolver unha adicción.
2. A prevención combinará o seu carácter educativo, orientado á diminución da demanda a través da modificación de actitudes e hábitos, coa protección da saúde, orientada á diminución da oferta, a través da modificación de contornas que faciliten a adopción de estilos de vida saudables, e ao establecemento de limitacións a certas actividades que poden favorecer o inicio dos consumos.
3. As medidas de prevención consistirán na aplicación de estratexias globais e equilibradas de intervención sobre os factores de risco e de protección, tanto psicolóxicos e condutuais como familiares, sociais e ambientais que inciden na aparición de consumos de substancias psicoactivas e condutas adictivas, de tal xeito que se aumente a percepción de risco na poboación respecto dos ditos consumos e condutas.
4. As medidas de prevención faranse de forma coordinada, tanto a nivel autonómico como local, e en liña coas actuacións ou recomendacións adoptadas a nivel nacional, comunitario e internacional, e terán un carácter estable e avaliable.
Artigo 11. Medidas de prevención orientadas á diminución da demanda
1. As medidas de prevención para a diminución da demanda son aquelas actuacións que teñen por obxectivo a modificación da conduta mediante a educación, o asesoramento, o consello, a información e outras metodoloxías similares.
2. As administracións públicas de Galicia e as entidades que planifiquen, deseñen e executen medidas de prevención para a diminución da demanda deberán ter presentes os seguintes criterios:
a) Os programas que se levarán a cabo estarán baseados na evidencia científica dispoñible sobre esta temática.
b) As actuacións na materia de prevención das adiccións desenvolvidas polas administracións públicas de Galicia (xa sexa directamente ou coa intermediación de entidades e institucións privadas) enmarcaranse nun ámbito xeral de promoción da saúde e calidade de vida, prestando especial atención ás situacións de vulnerabilidade.
c) O ámbito prioritario da prevención será poboacional, mediante actuacións programáticas que incidan principalmente sobre os determinantes asociados á aparición do consumo de substancias psicoactivas e de comportamentos adictivos.
d) Os programas preventivos deberán ser específicos para a idade das persoas destinatarias, apropiados ao seu desenvolvemento e sensibles coas diferentes culturas.
e) As actuacións prioritarias destes programas consistirán tanto na oferta de información e asesoramento como na elaboración e implantación de estratexias educativas e de prevención de condutas de risco.
f) Desenvolveranse protocolos de avaliación das medidas que se planifiquen, contando coa participación social de todos os axentes implicados.
g) Promoverase a adopción de criterios de calidade na planificación, execución e avaliación das actividades, que serán establecidos polo departamento competente na materia de sanidade.
h) Fomentaranse a colaboración e o intercambio de información, a nivel nacional e internacional, que facilite a implantación de accións preventivas.
i) Os programas de prevención deberán incorporar entre os seus obxectivos a modulación das crenzas e expectativas e o incremento da percepción dos riscos asociados ao consumo de substancias psicoactivas e ao desenvolvemento de comportamentos adictivos.
j) Ampliarase e mellorarase a formación continuada dos servizos e dos equipos de prevención.
3. Deberanse realizar análises da situación periódicas, utilizando a información científica dispoñible, para seleccionar as medidas preventivas de intervención máis axeitadas e as adiccións que se consideren prioritarias.
Artigo 12. Ámbitos prioritarios de prevención
1. Os ámbitos prioritarios de prevención para a diminución da demanda son:
a) O ámbito familiar.
b) O ámbito educativo.
c) O ámbito comunitario.
d) O ámbito sanitario.
e) O ámbito da hostalaría e da restauración.
f) O ámbito de intervención en colectivos de especial vulnerabilidade.
2. As medidas que se establezan nos plans de actuación que as administracións públicas galegas promovan deberán ser transversais e terán en consideración os seis ámbitos prioritarios de prevención.
Artigo 13. A prevención no ámbito familiar
Os programas, as actuacións e as medidas de prevención no ámbito familiar deberán ter en conta os seguintes criterios:
a) Fomentar a formación das familias no ámbito das adiccións mediante a colaboración coas asociacións de nais e pais e as súas federacións, dada a súa importancia como axentes de saúde.
b) Potenciar as habilidades educativas e de comunicación no seo familiar para evitar o desenvolvemento de trastornos adictivos en todos os ámbitos e resolver os problemas derivados destes.
c) De xeito específico, abordar a problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais, principalmente co uso das redes sociais e dos videoxogos.
d) Conter mecanismos de coordinación entre os ámbitos sanitario, educativo, social e comunitario.
Artigo 14. A prevención no ámbito educativo
Os programas, as actuacións e as medidas de prevención no ámbito educativo deberán ter en conta no seu deseño os seguintes aspectos:
a) Promover a implicación do conxunto da comunidade educativa.
b) Integrar a educación para a saúde como parte do proxecto educativo dos centros docentes, concibido dun xeito transversal. Os centros incluirán nas súas programacións actividades complementarias para o fomento de estilos de vida saudables e de prevención das adiccións.
c) Realizar actuacións continuadas no tempo e estables, adaptándose a cada nivel educativo.
d) Conter mecanismos de coordinación e integración das accións das distintas administracións públicas galegas e organizacións implicadas, co obxectivo de desenvolver materiais de apoio para o profesorado e o alumnado, cun alto nivel de calidade.
e) Recoller o desenvolvemento de programas específicos de formación continuada do persoal docente na materia de adiccións, incluíndo formación sobre técnicas de detección precoz de situacións de risco e programas preventivos específicos para o alumnado de especial vulnerabilidade, así como programas de adestramento en habilidades persoais, sociais e de resistencia á influencia negativa exercida polo grupo de iguais.
f) Potenciar os programas de formación continuada específicos sobre adiccións para o profesorado universitario que imparte formación nas titulacións pertencentes ás ramas sociosanitarias.
g) Incluír en todos os programas de formación a problemática ocasionada polo uso das tecnoloxías dixitais e, en particular, das redes sociais e dos videoxogos.
Artigo 15. A prevención no ámbito comunitario
Os programas, as actuacións e as medidas de prevención no ámbito comunitario deberán ter en conta os seguintes criterios:
a) Procurar o reforzo das mensaxes e das normas da comunidade en contra do consumo de substancias psicoactivas e da realización de determinados comportamentos adictivos, en prol da saúde.
b) Fomentar a educación para a saúde, na que participarán as familias e a mocidade, para identificar sinais de alerta e ofrecer pautas á mocidade para que aprenda mecanismos de autorregulación e límites adaptados á idade de maduración dos seus fillos e fillas.
c) Favorecer o desenvolvemento de actividades comunitarias e/ou grupais relacionadas coa educación familiar temperá, previa á aparición de condutas de risco, con recomendacións xerais que reforcen os factores de protección.
d) Fomentar o traballo de proximidade, entendendo este como a actividade orientada cara á comunidade e emprendida para tomar contacto con persoas ou subpoboacións de especial risco, ás cales normalmente non chegan as canles tradicionais de fomento de estilos de vida saudables, así como establecer redes de cooperación entre os organismos que o realicen con outros contextos onde haxa programas de prevención de trastornos adictivos.
e) Promover a capacitación de persoas que actúen como mediadoras sociais.
f) Realizar campañas de información e sensibilización como reforzo doutras accións e iniciativas en relación cos medios de comunicación social.
g) Fomentar a implicación dos concellos e o seu papel nas accións de ámbito comunitario.
h) Potenciar entre as diferentes administracións públicas galegas unha política global de alternativas ao consumo de substancias psicoactivas e a determinadas condutas adictivas, como o uso problemático das redes sociais e dos videoxogos por persoas menores de idade, actuando nos ámbitos cultural, deportivo e social e impulsando servizos socioculturais, actividades de lecer e tempo libre e promoción do deporte. Para iso estableceranse canles de diálogo e participación coa comunidade destinataria, coas entidades e asociacións deportivas e culturais e cos restantes axentes implicados, co fin de determinar as actuacións que se van desenvolver e construír unha cultura de lecer alternativa adaptada á demanda e ás necesidades reais.
i) O deber de promover, tanto os concellos como as institucións educativas, a realización de actividades deportivas continuadas no tempo, preferentemente supervisadas polas correspondentes entidades deportivas da Administración autonómica con competencias no ámbito deportivo. Estas actividades deben empezar na educación primaria, con vistas a manterse tamén na educación secundaria.
j) Establecer accións para combater actitudes favorables ou tolerantes cara ao consumo de substancias psicoactivas e as adiccións sen substancia, como o uso problemático das redes sociais e dos videoxogos, e incrementar a percepción de risco na poboación.
k) Potenciar os programas de formación continuada específicos na materia de adiccións, con especial referencia ao consumo de substancias psicoactivas e ao uso problemático das redes sociais e dos videoxogos, para os e as profesionais dos corpos e forzas de seguridade.
l) Incluír estratexias preventivas de diminución do dano dentro dos programas de lecer saudable ou alternativo.
m) Promover o asociacionismo coa finalidade da promoción da saúde desde os ámbitos educativo, sanitario, social ou cultural.
Artigo 16. A prevención no ámbito sanitario
Os programas, as actuacións e as medidas de prevención no ámbito sanitario deberán preverse na carteira de servizos e, en todo caso, nos plans locais de saúde que se desenvolvan desde a atención primaria, tendo en conta os seguintes criterios:
a) Os programas de saúde das persoas menores de idade, a partir de 12 anos, incorporarán intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis e bebidas enerxéticas e o uso problemático das tecnoloxías dixitais.
b) Na intervención pediátrica deberase aumentar a percepción do risco en familias e adolescentes, aconsellar sobre como evitar o consumo de substancias psicoactivas e a exposición pasiva ao fume ambiental do tabaco e mobilizar a familia sobre a súa corresponsabilidade na prevención do consumo de alcohol, tabaco, cánnabis e bebidas enerxéticas e o uso problemático das tecnoloxías dixitais.
c) Nos plans de formación continuada dirixidos aos e ás profesionais de atención primaria incluiranse as recomendacións máis recentes en relación co uso de pantallas e dispositivos conectados, e técnicas de consello, intervención e entrevista motivacional breve.
d) No caso de que o ou a profesional de pediatría considere que o ou a paciente ten un problema relacionado co consumo de substancias psicoactivas, co xogo ou co uso de Internet e das TIC que deba ser tratado cunha intervención específica, poderá derivalo ou derivala aos recursos asistenciais da rede galega de atención á saúde mental.
e) Estes recursos asistenciais avaliarán o caso e implantarán un plan terapéutico individualizado para tratar o problema que motiva a interconsulta. Entre as actuacións que se levarán a cabo inclúese a educación sanitaria, a indicación e o control de tratamentos farmacolóxicos e as psicoterapias individuais e de grupo.
Artigo 17. A prevención no ámbito da hostalaría e da restauración
1. As actuacións no ámbito da hostalaría e da restauración terán como obxectivo formar os e as profesionais deste sector en aspectos específicos da prevención do consumo de substancias psicoactivas, con especial atención ás bebidas alcohólicas, por parte das persoas menores de idade, así como na lexislación vixente sobre esta materia.
2. O órgano directivo competente na materia de saúde pública da consellaría competente na materia de sanidade, en colaboración e coordinación con aqueloutros departamentos con competencias en materias afectadas por esta lei, fomentará a existencia dunha formación homoxénea para toda a comunidade autónoma impartida por persoal técnico experto na materia, procurando a colaboración das asociacións profesionais do sector da hostalaría.
3. Así mesmo, no ámbito da formación regrada dos e das profesionais da hostalaría, procurarase que nos currículos formativos se integre a formación sobre a prevención do consumo de substancias psicoactivas, no marco das competencias da Comunidade Autónoma e de acordo coa lexislación básica estatal.
Artigo 18. Formación no ámbito da hostalaría e da restauración
As persoas titulares dos establecementos de hostalaría e de restauración garantirán a formación das persoas que traballen nestes establecementos sobre a normativa aplicable a eles na materia de consumo de substancias psicoactivas por parte das persoas menores de idade, incluíndo a actuación que se vaia desenvolver fronte ás persoas que presenten síntomas de embriaguez.
A consellaría competente na materia de sanidade promoverá a celebración de xornadas formativas dirixidas co contido indicado, coa finalidade de facilitar o cumprimento da obriga establecida neste artigo.
A consellaría competente na materia de saúde pública organizará a formación gratuíta para facilitar o cumprimento deste artigo.
Artigo 19. Ámbito de intervención en colectivos de especial vulnerabilidade
Os programas, as actuacións e as medidas de prevención no ámbito dos colectivos especialmente vulnerables deberán ter en conta os seguintes criterios:
a) No ámbito familiar, darase prioridade ao traballo preventivo coas familias nas que existan persoas menores de idade consideradas de especial vulnerabilidade.
b) No ámbito escolar, realizaranse intervencións intensivas sobre grupos especialmente vulnerables.
c) No ámbito comunitario, desde os servizos sociais dos concellos priorizarase a realización de actividades preventivas cos colectivos socialmente máis vulnerables, con especial atención á perspectiva de xénero.
d) No ámbito sanitario, realizaranse actuacións preventivas e intervencións intensivas sobre os grupos de especial vulnerabilidade, como centros de protección de menores, programas de preservación familiar ou centros de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade.
TÍTULO II
Control da oferta
CAPÍTULO I
Limitacións aplicables ás bebidas alcohólicas e do acceso a determinados lugares e establecementos
Sección 1ª. Limitacións á publicidade, á promoción e ao patrocinio
de bebidas alcohólicas
Artigo 20. Restricións á publicidade, á promoción e ao patrocinio de bebidas alcohólicas
1. Prohíbese calquera forma directa, indirecta ou encuberta de publicidade, promoción ou patrocinio de bebidas alcohólicas dirixida ás persoas menores de idade.
2. Queda prohibida toda clase de publicidade de bebidas alcohólicas nos seguintes lugares:
a) Centros sanitarios.
b) Centros docentes.
c) Centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade.
d) Centros de ocio infantil, parques multilecer ou outros centros de ocio e recreo dirixidos a persoas menores de idade.
e) Centros ou establecementos que realizan actividades dirixidas a persoas menores de idade.
f) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos, actividades recreativas ou nos que se realicen competicións ou actividades deportivas cando estean dirixidas a persoas menores de idade.
g) Na vía pública nunha área de 100 metros dos centros docentes e dos centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade. A consellaría competente na materia de saúde pública publicará na súa web unha relación actualizada de centros aos que se refire este apartado.
3. Así mesmo, queda prohibida toda clase de publicidade de bebidas alcohólicas realizada a través dos seguintes medios:
a) Publicacións de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso ou formato dixital editados en Galicia e dirixidos a persoas menores de idade.
b) Cubertas exteriores, portada e contraportada de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso editados ou distribuídos en Galicia dirixidos a persoas menores de idade.
c) Folletos, editados ou distribuídos en Galicia, non dirixidos a menores pero que inclúan produtos destinados a persoas menores de idade e que conteñan no seu interior promocións ou ofertas de bebidas alcohólicas para a súa venda en establecementos comerciais e de alimentación localizados en Galicia. Estas deberán situarse en páxinas separadas das destinadas a produtos para persoas menores de idade e incorporarán un código QR que remita a unha páxina web da consellaría competente na materia de saúde pública con mensaxes informativas e preventivas sobre o consumo de alcohol, ou, na súa falta, un texto coas mensaxes informativas e preventivas sobre o consumo de alcohol.
4. Nas actividades de promoción e/ou patrocinio non poderán ofrecerse bebidas alcohólicas a persoas menores de idade nin poderán entregarse a estas bens ou servizos relacionados con bebidas alcohólicas ou que leven marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida alcohólica.
5. Prohíbese a promoción de bebidas alcohólicas en establecementos onde estea autorizado o consumo no propio local, mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado.
Artigo 21. Acordos na materia de autolimitación da publicidade de bebidas alcohólicas
A Administración autonómica promoverá a formalización de acordos de autocontrol e autolimitación da publicidade de bebidas alcohólicas no ámbito das empresas, produtores ou as súas asociacións e distribuidoras dos ditos produtos, así como cos anunciantes, axencias e medios de publicidade que operen no seu territorio, co fin de lograr os obxectivos desta lei.
Artigo 22. Criterios sobre publicidade, promoción e patrocinio de bebidas alcohólicas
A publicidade, a promoción e o patrocinio de bebidas alcohólicas rexeranse polos seguintes criterios:
a) Non se pode asociar o consumo de bebidas alcohólicas con comportamentos que expresen melloras no rendemento físico ou laboral ou con beneficios para a saúde, propiedades terapéuticas, efectos sedantes ou estimulantes, nin coa condución de vehículos, manexo de armas ou obxectos perigosos nin, en termos xerais, con actividades de risco.
b) Non se pode asociar o consumo de bebidas alcohólicas con comportamentos que expresen éxito social, profesional ou sexual, nin con situacións de poder ou prevalencia.
c) Non se permite relacionar o consumo de bebidas alcohólicas co rendemento na práctica do deporte nin con actividades educativas ou sanitarias.
d) Non se poderán utilizar argumentos, estilos, tipografías ou deseños asociados á cultura das persoas menores de idade.
e) Non se poderá utilizar a imaxe ou a voz de persoas menores de idade, ou que aparenten selo, ou personaxes animados, así como tampouco de persoas ou personaxes de proxección pública que sexan un referente para a infancia e a adolescencia.
f) Non se poderá utilizar ningunha estratexia de publicidade indirecta ou subliminar coa intención de eludir as limitacións establecidas nesta lei.
Artigo 23. Actividades de colaboración coas industrias relacionadas coas materias reguladas nesta lei
A organización de actividades en centros docentes, públicos e privados, ou con organizacións infantís e xuvenís desenvolvida por empresas relacionadas directamente coa produción, distribución, venda ou subministración de bebidas alcohólicas, así como por calquera outra institución, entidade ou fundación vinculada coas primeiras ou maioritariamente financiada por elas, deberá estar autorizada polo órgano competente na materia de saúde pública.
Para estes efectos, a persoa titular da entidade interesada dirixirá unha solicitude a este órgano, cunha antelación mínima dun mes á realización da actividade, co fin de comprobar previamente que no contido destas actividades, colaboracións, acordos ou convenios non se introduce, de forma directa ou indirecta, ningún tipo de nesgo ou publicidade en favor do consumo de bebidas alcohólicas, aínda baixo as fórmulas de consumo moderado ou responsable, ou que non respecte os criterios establecidos no artigo 22.
Artigo 24. Prohibición do emprego de imaxes con distintivos de bebidas alcohólicas
Queda prohibida a exhibición de calquera imaxe con distintivos de bebidas alcohólicas, incluída a cartelaría de promoción e publicidade nas actividades musicais, deportivas, educativas e recreativas, así como nos espectáculos públicos ou calquera outro tipo de evento dirixido a persoas menores de idade.
Sección 2ª. Limitacións á venda, á subministración e ao transporte
de bebidas alcohólicas
Artigo 25. Limitacións á venda, á subministración e ao transporte de bebidas alcohólicas
1. Quedan prohibidas a venda e a subministración de bebidas alcohólicas a persoas menores de idade. As persoas titulares e empregadas dos establecementos, así como calquera outra persoa que interveña na venda ou na subministración de bebidas alcohólicas, exixirán a todas as persoas compradoras, salvo que sexa evidente que son maiores de idade, acreditar a dita idade mediante documento de valor oficial.
2. Para os efectos do regulado nesta lei, incorrerán en responsabilidade as persoas maiores de idade que induzan persoas menores de idade ao consumo de bebidas alcohólicas, así como que lles vendan ou subministren bebidas alcohólicas ou que as compren para elas.
3. Para os efectos deste artigo, non será causa de exoneración de responsabilidade para as persoas subministradoras ou vendedoras a autorización escrita ou o consentimento de venda, subministración ou consumo de bebidas alcohólicas outorgado por pais, nais, titores ou titoras ou gardadores ou gardadoras legais ou de feito ás persoas menores de idade.
4. Quedan prohibidas a venda e a subministración de bebidas alcohólicas nos seguintes lugares:
a) Centros sanitarios.
b) Centros docentes.
c) Centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade.
d) Centros de ocio infantil, parques multilecer ou outros centros de ocio e recreo dirixidos a persoas menores de idade.
e) Todos aqueles centros que realizan actividades dirixidas a persoas menores de idade.
f) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas durante as actividades dirixidas a persoas menores de idade.
g) Recintos nos que se realicen competicións ou actividades deportivas.
5. Quedan prohibidas a venda e a subministración de bebidas alcohólicas no horario nocturno definido no artigo 4.g).
Quedan excluídas desta prohibición a venda a distancia cando o seu obxecto sexa a entrega de pedidos de restauración, así como a venda para o consumo exclusivamente no interior dos propios establecementos habilitados, a venda para a distribución a profesionais, a venda nos mercados de abastos nos seus horarios habilitados e a venda ambulante nos días de festas patronais ou similares, sempre que se dispoña do título oportuno que habilite para iso, de acordo coa normativa aplicable.
6. Quedan prohibidos o transporte, a tenza ou a posesión de bebidas alcohólicas por persoas menores de idade, salvo cando se realice por motivos laborais.
7. Queda prohibida a venda de bebidas alcohólicas en máquinas expendedoras, salvo naqueles supostos nos que se garanta a existencia dun control efectivo do cumprimento da prohibición de venda destas ás persoas menores de idade, conforme o disposto no artigo 25.1.
Artigo 26. Información sobre as limitacións
1. En todos os establecementos, sexan ou non permanentes, nos que se vendan ou subministren bebidas alcohólicas informarase das prohibicións especificadas no número 1 dos artigos 25, 28 e 29. Esta información realizarase mediante anuncios ou carteis de carácter permanente, fixados de xeito visible, en galego e en castelán. As características destas sinalizacións cumprirán os requisitos e as condicións que estableza a consellaría competente na materia de saúde pública.
2. As persoas titulares dos establecementos recollidos no número 1 adoptarán as medidas necesarias de control para evitar a venda de bebidas alcohólicas a persoas menores de idade, das que deberán informar por escrito ás persoas traballadoras.
Sección 3ª. Limitacións ao consumo de bebidas alcohólicas
e ao acceso a determinados lugares e establecementos
Artigo 27. Limitacións ao consumo de bebidas alcohólicas
1. Queda prohibido o consumo de bebidas alcohólicas por persoas menores de idade.
2. Queda prohibido o consumo de bebidas alcohólicas nos seguintes lugares:
a) Centros sanitarios
b) Centros docentes.
c) Recintos nos que se realicen competicións ou actividades deportivas.
d) Centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade.
e) Centros de ocio infantil, parques multilecer ou outros centros de ocio e recreo dirixidos a persoas menores de idade.
f) Centros ou establecementos que realizan actividades dirixidas a persoas menores de idade.
g) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas durante as actividades dirixidas a persoas menores de idade.
h) Na vía pública, agás en terrazas ou espazos habilitados como tales.
i) Prohíbense as actividades de botellón, entendidas como tales o consumo en grupo de bebidas alcohólicas na vía pública, nos parques e prazas públicas e noutros lugares de tránsito público.
Artigo 28. Limitacións ao acceso de persoas menores de idade a lugares vinculados coa produción de bebidas alcohólicas
1. Quedan prohibidos o acceso e as visitas de persoas menores de idade aos centros de produción de bebidas alcohólicas.
2. Exceptúanse desta prohibición as visitas de persoas menores de idade sempre e cando vaian acompañadas de nais e pais, titores ou titoras, gardadores ou gardadoras legais ou persoas autorizadas por eles ou elas. Durante a visita deberase informar acerca dos efectos nocivos ou prexudiciais do consumo de bebidas alcohólicas sobre a saúde das persoas, e estará prohibido subministrar estas bebidas ás persoas menores de idade, as cales tampouco poderán participar en ningún tipo de actividade na que se utilicen bebidas alcohólicas. Así mesmo, non se lles poderá entregar artigos ou merchandising relacionados con bebidas alcohólicas ou que leven marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida alcohólica.
Artigo 29. Limitacións ao acceso de persoas menores de idade a establecementos de lecer e entretemento
1. Queda prohibido o acceso das persoas menores de 16 anos aos establecementos de lecer e entretemento definidos no artigo 4.f), así como aos espazos destinados a espectáculos musicais, agás que estean acompañadas do seu pai, nai, titor ou titora ou gardador ou gardadora legal.
2. Excepcionalmente, os establecementos previstos no número 1 poderán realizar sesións especiais destinadas a persoas maiores de 14 anos, sempre que conten co título habilitante correspondente e coa prohibición, durante o desenvolvemento da sesión, da exhibición, publicidade, venda e consumo de bebidas alcohólicas.
CAPÍTULO II
Limitacións aplicables aos produtos de tabaco e/ou produtos
relacionados co tabaco
Artigo 30. Limitacións á publicidade
A emisión nos medios de comunicación de titularidade autonómica de cine ou de series televisivas que conteñan imaxes relacionadas co tabaco e/ou produtos relacionados co tabaco deberá conter unha mensaxe expresa previa á súa emisión sobre os efectos nocivos e prexudiciais para a saúde do consumo de tales substancias.
Artigo 31. Limitacións á venda e á subministración
1. Prohíbese vender ou entregar ás persoas menores de idade produtos do tabaco e produtos relacionados co tabaco, de conformidade coas definicións do artigo 4, así como calquera outro produto que imite e induza a fumar ou simule a conduta de fumar.
2. Prohíbese a tenza ou o transporte por persoas menores de idade de produtos de tabaco e produtos relacionados co tabaco, salvo cando se realice por motivos laborais.
3. En todos os establecementos nos que estean autorizadas a venda e a subministración de produtos do tabaco e produtos relacionados co tabaco instalaranse en lugar visible carteis que, de acordo coas características que sinale a consellaría competente na materia de saúde pública, informen, en galego e en castelán, da prohibición de venda e de subministración de produtos de tabaco e produtos relacionados co tabaco ás persoas menores de idade e advirtan sobre os prexuízos para a saúde derivados do seu uso. Nestes establecementos exixirase a todas as persoas compradoras, salvo que sexa evidente que son maiores de idade, acreditar a dita idade mediante documento de valor oficial.
Artigo 32. Limitacións ao consumo
1. Prohíbese ás persoas menores de idade o consumo en calquera lugar ou espazo de produtos do tabaco e produtos relacionados co tabaco, de conformidade coas definicións do artigo 4, así como de calquera outro produto que os imite, induza a fumar ou simule a conduta de fumar.
2. Queda prohibido, ademais de nos lugares e espazos recollidos no artigo 7 da Lei 28/2005, do 26 de decembro, de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo e reguladora da venda, a subministración, o consumo e a publicidade dos produtos de tabaco, o consumo de produtos de tabaco e produtos relacionados co tabaco nos seguintes:
a) Centros e dependencias das administracións públicas e entidades de dereito público, incluíndo tanto os espazos interiores como exteriores.
b) Marquesiñas de calquera transporte público.
c) Piscinas de uso público.
d) Nun radio de 50 metros nas zonas de acceso aos seguintes lugares:
1º. Centros e dependencias das administracións públicas e entidades de dereito público.
2º. Centros docentes e formativos, agás nos espazos ao aire libre dos centros universitarios e dos exclusivamente dedicados á formación de adultos, sempre que non sexan accesos inmediatos aos edificios ou ás beirarrúas circundantes.
3º. Centros, servizos ou establecementos sanitarios. Esta prohibición non será aplicable nos espazos exteriores que formen parte da vía pública, agás que estean reservados para uso sanitario ou institucional, estean expresamente sinalizados como espazo libre de fume e/ou se trate de zonas cedidas ou utilizadas polo propio centro para fins asistenciais.
CAPÍTULO III
Limitacións aplicables ao cánnabis, produtos, compoñentes ou derivados deste
Artigo 33. Limitacións á publicidade e ao patrocinio
1. A emisión nos medios de comunicación de titularidade autonómica de cine ou de series televisivas que conteñan imaxes relacionadas co cánnabis ou produtos, compoñentes ou derivados deste deberán conter unha mensaxe expresa previa á súa emisión sobre os efectos nocivos e prexudiciais para a saúde do consumo de tales substancias.
2. Quedan prohibidos o patrocinio e a publicidade da planta Cannabis sativa en medios e soportes aos que poidan ter acceso as persoas menores de idade.
3. Prohíbese asociar o consumo de cánnabis con comportamentos que expresen melloras no rendemento físico e laboral ou con beneficios para a saúde, propiedades terapéuticas, efectos sedantes ou estimulantes, e coa condución de vehículos, manexo de armas ou obxectos perigosos e, en termos xerais, con actividades de risco.
4. As tendas que vendan calquera produto relacionado co cánnabis ou co seu consumo non poderán expoñer no seu escaparate ou dirixir ningunha imaxe ao exterior da planta Cannabis sativa ou calquera produto, compoñente ou derivado desta.
5. Prohíbese regalar ou vender calquera tipo de merchandising coa imaxe identificativa do cánnabis á poboación menor de idade.
Artigo 34. Limitacións ao acceso a determinados establecementos
1. Prohíbese o acceso ás persoas menores de idade aos lugares ou aos establecementos vinculados coa produción, distribución ou consumo de cánnabis e produtos derivados, incluído o cannabidiol (en adiante, CBD).
2. Así mesmo, prohíbese o acceso ás persoas menores de idade ás tendas onde se vendan sementes, plantas de Cannabis sativa ou calquera outro produto relacionado, incluído o CBD.
CAPÍTULO IV
Limitacións aplicables ás bebidas enerxéticas
Artigo 35. Publicidade, promoción e patrocinio de bebidas enerxéticas
1. Prohíbese calquera forma directa, indirecta ou encuberta de publicidade, promoción ou patrocinio de bebidas enerxéticas dirixida ás persoas menores de idade.
2. Queda prohibida toda clase de publicidade de bebidas enerxéticas nos seguintes lugares e medios:
a) Centros sanitarios.
b) Centros docentes.
c) Centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade.
d) Centros de ocio infantil, parques multilecer ou outros centros de ocio e recreo dirixidos a persoas menores de idade.
e) Centros ou establecementos que realizan actividades dirixidas a persoas menores de idade.
f) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas ou nos que se realicen competicións ou actividades deportivas cando estean dirixidas a persoas menores de idade.
g) Na vía pública nunha área de 100 metros dos centros docentes e dos centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade. A consellaría competente na materia de saúde pública publicará na súa web unha relación actualizada de centros aos que se refire este apartado.
3. Así mesmo, queda prohibida toda clase de publicidade de bebidas enerxéticas realizada a través dos seguintes medios:
a) Publicacións de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso editados en Galicia dirixidos a persoas menores de idade.
b) Cubertas exteriores, portada e contraportada de libros, revistas, folletos ou calquera outro impreso editados ou distribuídos en Galicia dirixidos a persoas menores de idade.
c) Folletos, editados ou distribuídos en Galicia, non dirixidos a menores pero que inclúan produtos destinados a persoas menores de idade e que conteñan no seu interior promocións ou ofertas de bebidas enerxéticas para a súa venda en establecementos comerciais e de alimentación localizados en Galicia. Estas deberán situarse en páxinas separadas das destinadas a produtos para persoas menores de idade e incorporarán un código QR que remita a unha páxina web da consellaría competente na materia de saúde pública con mensaxes informativas e preventivas sobre o consumo de bebidas enerxéticas, ou, na súa falta, un texto coas mensaxes informativas e preventivas sobre o consumo de bebidas enerxéticas.
4. Prohíbese a promoción de bebidas enerxéticas, en establecementos onde estea autorizado o consumo no propio local, mediante prácticas que inciten ao consumo excesivo ou descontrolado.
5. Prohíbese que calquera bebida enerxética patrocine eventos dirixidos a persoas menores. No resto de actividades de patrocinio non poderán ofrecerse bebidas enerxéticas a persoas menores de idade nin poderán entregarse bens ou servizos relacionados con bebidas enerxéticas ou que leven marcas, símbolos ou distintivos que poidan identificar unha bebida enerxética.
Artigo 36. Acordos na materia de autolimitación da publicidade de bebidas enerxéticas
A Administración autonómica promoverá a formalización de acordos de autocontrol e autolimitación da publicidade de bebidas enerxéticas no ámbito das empresas, produtores ou as súas asociacións e distribuidoras dos ditos produtos, así como cos anunciantes, axencias e medios de publicidade que operen no seu territorio, co fin de lograr os obxectivos desta lei.
Artigo 37. Limitacións ao consumo, venda, subministración e transporte das bebidas enerxéticas
1. Quedan prohibidos o consumo, o transporte, a tenza ou a posesión de bebidas enerxéticas por persoas menores de idade, salvo cando o transporte, a tenza ou a posesión sexan por motivos laborais.
2. Quedan prohibidas a venda e a subministración de bebidas enerxéticas a persoas menores de idade. As persoas titulares e empregadas dos establecementos, así como calquera outra persoa que interveña na venda ou subministración de bebidas enerxéticas, exixirán a todas as persoas compradoras, salvo que sexa evidente que son maiores de idade, acreditar a dita idade mediante documento de valor oficial.
3. Quedan prohibidas a venda e a subministración de bebidas enerxéticas nos seguintes lugares:
a) Centros sanitarios.
b) Centros docentes.
c) Centros de acollida, de protección e de cumprimento de medidas xudiciais de persoas menores de idade.
d) Centros de ocio infantil, parques multilecer ou outros centros de ocio e recreo dirixidos a persoas menores de idade.
e) Todos aqueles centros que realizan actividades dirixidas a persoas menores de idade.
f) Recintos ou locais destinados a espectáculos públicos e actividades recreativas ou nos que se realicen competicións ou actividades deportivas cando estean dirixidas a persoas menores de idade.
4. Para os efectos do regulado nesta lei, incorrerán en responsabilidade as persoas maiores de idade que induzan persoas menores de idade ao consumo de bebidas enerxéticas, así como que lles vendan ou subministren bebidas enerxéticas ou que as compren para elas.
5. Para os efectos deste artigo, non será causa de exoneración de responsabilidade para as persoas subministradoras ou vendedoras a autorización escrita ou o consentimento de venda, subministración ou consumo de bebidas enerxéticas outorgado por pais, nais, titores ou titoras ou gardadores ou gardadoras legais ou de feito ás persoas menores de idade.
6. Nos establecementos comerciais onde se vendan bebidas enerxéticas pero non estea permitido consumilas habilitaranse espazos claramente diferenciados para a localización destas bebidas. Así mesmo, deberán estar separadas dos refrescos.
7. En todos os establecementos nos que estean autorizadas a venda e a subministración de bebidas enerxéticas, instalaranse en lugar visible carteis que, de acordo coas características que determine regulamentariamente a consellaría competente na materia de saúde pública, informen, en galego e en castelán, da prohibición de venda e subministración de bebidas enerxéticas ás persoas menores de idade e advirtan sobre os prexuízos para a saúde derivados do seu uso. Nestes establecementos exixirase a todas as persoas compradoras, salvo que sexa evidente que son maiores de idade, acreditar a dita idade mediante documento de valor oficial.
CAPÍTULO V
Adiccións sen substancia
Artigo 38. Condicións relativas á venda de videoxogos
1. Os establecementos de venda deberán organizar os espazos separando de maneira clara e diferenciada os produtos en función da idade recomendada de cada videoxogo.
2. En todos os establecementos nos que estea autorizada a venda de videoxogos instalaranse en lugar visible carteis que, de acordo coas características que determine regulamentariamente a consellaría competente na materia de saúde pública, informen, en galego e en castelán, da existencia de sistemas de clasificación de contidos dos videoxogos.
TÍTULO III
Actuacións sanitarias ante intoxicacións por consumo
de substancias psicoactivas
Artigo 39. Actuacións sanitarias ante intoxicacións por consumo de substancias psicoactivas
1. Os servizos sanitarios informarán e solicitarán a presenza dos e das proxenitoras ou das persoas que exerzan a titoría ou a garda legal cando atendan unha persoa menor de idade con motivo dunha intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva nos termos establecidos na normativa vixente na materia de autonomía do ou da paciente e de dereitos e obrigas na materia de información e documentación clínica. Así mesmo, proporcionaranlles asesoramento sobre a situación e recursos de axuda, tanto preventivos como asistenciais.
2. Ás persoas menores de idade atendidas por intoxicacións provocadas polo consumo dalgunha substancia psicoactiva realizaráselles unha avaliación integral, implicando os seus ou as súas proxenitoras, titores ou titoras ou gardadores ou gardadoras legais. Esta valoración incluirá unha anamnese dirixida á identificación de factores de risco psicosocial e unha avaliación psicopatolóxica que garanta a continuidade da súa atención nos dispositivos sanitarios, de considerarse necesario.
3. No suposto de que unha persoa menor de idade sexa atendida por segunda ou sucesivas ocasións con motivo dunha intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva ofreceráselle a posibilidade da súa incorporación a un programa de axuda, no que se recomendará a participación da persoa adulta responsable, entendendo por tal o pai, a nai ou a persoa que exerza a titoría ou a garda legal. Para os efectos desta lei, debe terse en conta que respecto dos nenos, nenas e adolescentes con medida de protección os ou as gardadoras legais son a familia acolledora e/ou o director ou a directora do centro no que resida a persoa menor.
4. No suposto de sospeita de ser obxecto dun intento de submisión química, con ou sen comisión de actos de violencia de xénero e/ou sexo non consentido, informarase as persoas proxenitoras ou persoas que exerzan a titoría ou a garda legal e proporcionaráselles asesoramento sobre a situación e recursos de axuda.
Para tal efecto, considérase submisión química a administración de substancias psicoactivas a unha persoa sen o seu coñecemento ou consentimento, co obxectivo de alterar o seu estado de conciencia ou anular a súa vontade e facilitar a comisión dun delito.
5. Así mesmo, activaranse os mecanismos para a detección e a reparación de posibles situacións de risco, dando traslado aos servizos sociais comunitarios competentes para avaliar estas situacións, que adoptarán as medidas necesarias para a protección da persoa menor de idade.
TÍTULO IV
Sistemas de información
Artigo 40. Sistema de información sobre o consumo de substancias psicoactivas
1. A consellaría competente na materia de saúde pública establecerá un sistema de información sobre o consumo de substancias psicoactivas, que deberá estar integrado no sistema de información de saúde de Galicia definido no artigo 71 da Lei 8/2008, do 10 de xullo.
2. A xestión do sistema de información sobre o consumo de substancias psicoactivas corresponderalle ao órgano directivo competente na materia de saúde pública, co apoio dos departamentos territoriais da consellaría competente.
3. O sistema de información sobre o consumo de substancias psicoactivas terá como finalidades:
a) Recadar, procesar, analizar e difundir información sobre os factores de risco e de protección, sobre a incidencia e prevalencia do consumo, sobre o seguimento e o control da aparición de novas substancias, sobre as actuacións na materia de prevención e sobre os centros e os programas dispoñibles, así como información relativa aos incumprimentos dos preceptos desta lei.
b) Servir para a definición daqueles indicadores que permitan a avaliación continuada das iniciativas e dos programas emprendidos en relación coa prevención das adiccións, tendo en conta as recomendacións internacionais.
c) Definir e recoller aquela información que permita coñecer, estudar e avaliar a situación epidemiolóxica do consumo de substancias psicoactivas e os progresos e avances na consecución dos obxectivos marcados por esta lei.
d) En cumprimento da lexislación vixente na materia de igualdade efectiva entre mulleres e homes, recoller a información necesaria que permita, no ámbito desta lei, a educación diferenciada sobre os riscos, as características e as necesidades de mulleres e homes, así como a formación contra a discriminación das mulleres.
e) Facilitar o intercambio de información relevante para a toma de decisións entre as distintas organizacións implicadas no desenvolvemento e na aplicación desta lei.
f) Todas aqueloutras funcións que se establezan regulamentariamente.
4. Os órganos da Administración local competentes para instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión de infraccións previstas nesta lei deberán informar semestralmente os departamentos territoriais correspondentes da consellaría competente na materia de saúde pública, e vía rexistro electrónico, das inspeccións realizadas, das denuncias presentadas e dos expedientes sancionadores incoados. Esta información incluirá, de cara á correcta aplicación dos criterios de reincidencia e de reiteración na tipificación das infraccións, os feitos que se imputen, as infraccións que tales feitos constitúan e as sancións impostas, ou a súa substitución se é o caso, así como a data da firmeza da resolución sancionadora.
5. A consellaría competente na materia de saúde pública habilitará un espazo específico na súa páxina web corporativa co fin de facilitar as denuncias por parte da poboación daquelas entidades, centros, locais, establecementos ou actividades nos que se cometa calquera das infraccións especificadas nesta lei.
6. O tratamento de datos persoais respectará o establecido polo Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos), así como pola Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais, e demais normativa vixente na materia.
Artigo 41. Medidas de información no ámbito sanitario
1. A información da intervención asistencial en relación co consumo de substancias psicoactivas deberá estar dispoñible nos sistemas de información do Sistema galego de saúde, para o seguimento do ou da paciente.
2. A través dos sistemas de información xestionados polo órgano directivo competente na materia de saúde pública, incluiranse preguntas para coñecer a incidencia e a prevalencia do consumo de substancias psicoactivas e das adiccións sen substancia.
3. A información derivada do seguimento da normativa sobre os produtos afectados por esta lei recollerase nos correspondentes plans anuais de inspección, que serán actualizados para incluír os espazos e os consumos regulados nesta normativa.
TÍTULO V
Organización institucional
CAPÍTULO I
Ordenación e coordinación entre administracións da Comunidade
Autónoma de Galicia
Artigo 42. Das competencias da Administración autonómica
1. Corresponde á Administración xeral da Comunidade Autónoma o exercicio das seguintes competencias:
a) O establecemento da política na materia de prevención de adiccións da Comunidade Autónoma de Galicia.
b) A planificación e a creación de unidades administrativas ou órganos colexiados na materia de prevención das adiccións, así como a determinación da súa organización e réxime de funcionamento.
c) A elaboración e a actualización do Plan na materia de trastornos adictivos de Galicia.
d) O exercicio da potestade sancionadora nos termos previstos nesta lei.
e) A adopción, en colaboración con outras administracións públicas, de todas aquelas medidas que sexan precisas para asegurar o cumprimento do establecido nesta lei.
f) A adopción das medidas preventivas dirixidas a asegurar o cumprimento do establecido nesta lei.
2. Dentro da estrutura da Administración xeral da Comunidade Autónoma, corresponde á consellaría competente na materia de saúde pública:
a) A cooperación ou a colaboración xeral coas administracións públicas, entidades privadas e institucións nas actuacións na materia de prevención das adiccións.
b) O establecemento e a xestión do sistema de información sobre prevención de adiccións.
Artigo 43. Das competencias dos concellos
1. Para os efectos do establecido nesta lei, corresponde aos concellos da Comunidade Autónoma de Galicia exercer no seu ámbito territorial as seguintes competencias:
a) Determinar os criterios que regulen a localización e os requisitos que deberán reunir os establecementos onde se subministren, vendan, dispensen ou consuman bebidas alcohólicas, así como a vixilancia e o control deles.
b) Determinar os criterios e as condicións de autorización de consumo de bebidas alcohólicas por persoas adultas nos espazos de dominio público que se atopen no seu ámbito territorial, así como proceder ao asinamento de acordos con outras administracións para o cumprimento dos ditos criterios e condicións nos espazos de dominio público baixo a súa competencia.
c) Velar, no marco das súas competencias, polo cumprimento das diferentes medidas de control que establece esta lei, especialmente nas dependencias municipais.
d) Intervir desde os servizos sociais comunitarios nas situacións de risco para os nenos, nenas e adolescentes derivadas da materia regulada nesta norma.
e) Exercer a potestade sancionadora nos termos previstos nesta lei.
f) Adoptar as medidas preventivas dirixidas a asegurar o cumprimento do establecido nesta lei.
2. Ademais das sinaladas no número anterior, os concellos de máis de vinte mil habitantes terán as seguintes competencias e responsabilidades mínimas:
a) Elaborar, desenvolver e executar os obxectivos, as accións e os indicadores relacionados coa prevención de adiccións nos plans locais de saúde correspondentes e, en xeral, os programas e as actuacións nesta materia que se desenvolvan exclusivamente no seu ámbito, de acordo co establecido nesta lei e no Plan vixente na materia de trastornos adictivos de Galicia.
b) Elaborar e aprobar os plans correspondentes na materia de inspección e sancións.
c) Fomentar a participación social e apoiar as institucións sen ánimo de lucro que desenvolvan no municipio actuacións previstas no correspondente plan local de saúde.
CAPÍTULO II
Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas
menores de idade en Galicia
Artigo 44. Creación da Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas menores de idade en Galicia
1. Créase a Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas menores de idade en Galicia como órgano colexiado para o estudo, a coordinación e o asesoramento na materia da prevención das adiccións en persoas menores de idade en Galicia.
2. Esta comisión, que estará adscrita ao órgano directivo competente na materia de saúde pública, rexerase polo disposto na lexislación básica na materia de réxime xurídico do sector público, na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, nesta lei e no seu regulamento de réxime interior.
Artigo 45. Composición e funcionamento
1. A Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas menores de idade en Galicia estará composta por unha presidencia, unha vicepresidencia e seis vogalías, nomeadas pola persoa titular da consellaría con competencias na materia de saúde pública.
2. A presidencia corresponderá á persoa titular da dirección xeral con competencias na materia de saúde pública.
3. A vicepresidencia corresponderá á persoa titular do órgano administrativo, con nivel de subdirección xeral, que teña atribuídas as competencias na materia de estilos de vida saudable.
4. As vogalías estarán formadas por:
a) Unha persoa en representación da consellaría con competencias na materia de sanidade.
b) Unha persoa en representación da consellaría con competencias na materia de educación.
c) Unha persoa en representación da consellaría con competencias na materia de xuventude e protección da infancia.
d) Unha persoa en representación da consellaría con competencias na materia de xogo.
e) Unha persoa en representación das administracións locais galegas.
f) Unha persoa en representación das organizacións do terceiro sector que realizan o seu labor no ámbito da prevención das adiccións.
5. A secretaría desta comisión será exercida por un empregado ou empregada pública da consellaría con competencias na materia de saúde pública, designado ou designada pola comisión, que actuará con voz e sen voto.
6. A composición desta comisión respectará o principio de composición equilibrada de mulleres e homes nos termos establecidos na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes en Galicia.
Artigo 46. Funcións
Correspóndenlle a este órgano as seguintes funcións:
a) A análise da situación das adiccións na Comunidade Autónoma de Galicia.
b) A colaboración na definición das liñas de actuación prioritarias na prevención das adiccións en Galicia.
c) A promoción de medidas de coordinación das diferentes administracións públicas e organizacións que participan na prevención das adiccións en Galicia.
d) A promoción de medidas de colaboración entre os sistemas educativo, sanitario e de protección social no ámbito da prevención das condutas adictivas.
e) Todas aqueloutras funcións que se establezan regulamentariamente.
CAPÍTULO III
Iniciativa social
Artigo 47. Organizacións non gobernamentais e entidades sociais
1. A Administración autonómica fomentará e apoiará as iniciativas sociais e a colaboración coas organizacións non gobernamentais e entidades sociais, considerando o seu importante papel nesta materia.
2. Serán ámbitos preferentes de actuación das organizacións non gobernamentais e entidades sociais:
a) A concienciación social acerca da problemática xerada polas adiccións.
b) A prevención nos ámbitos educativo, familiar, social e comunitario.
TÍTULO VI
A inspección
Artigo 48. Inspección
1. A Administración autonómica e a local exercerán funcións de inspección e control do cumprimento do disposto nesta lei no eido das súas respectivas competencias. O persoal ao servizo destas administracións que desenvolva actividades de inspección terá a condición de autoridade sanitaria no desempeño das súas funcións e para os efectos desta lei.
No exercicio das súas funcións, as autoridades sanitarias e os seus axentes poderán solicitar o apoio e a cooperación doutras funcionarias e funcionarios públicos, incluídos os das forzas e corpos de seguridade, así como de calquera persoa física, institución ou persoa xurídica.
2. O persoal funcionario que actúe no exercicio das funcións de inspección previstas nesta lei, acreditando a súa identidade, estará autorizado para:
a) Entrar libremente, e sen previa notificación, en calquera momento, en todo centro, servizo ou establecemento suxeito a esta lei.
b) Realizar as probas, as investigacións ou os exames necesarios para comprobar o cumprimento desta lei e das normas que se diten para o seu desenvolvemento.
c) Realizar cantas actuacións sexan necesarias para o cumprimento das funcións de inspección que exerza.
3. Con base no deber de colaboración entre as administracións públicas e no principio de cooperación, a Administración autonómica e as administracións locais poderán promover a adopción de acordos e convenios para optimizar o uso de recursos públicos e asegurar a coherencia das actuacións realizadas na materia de inspección.
Artigo 49. Actas
Os feitos constatados polo persoal de inspección deberán reflectirse nunha acta na cal se consignarán todas e cada unha das circunstancias que sexan precisas para a mellor constatación dos feitos obxecto da inspección e na que as persoas interesadas poderán facer constar as súas observacións e a súa desconformidade. A acta será asinada polas persoas comparecentes, sen que o seu asinamento implique a aceptación do contido da acta. No caso de negativa das persoas comparecentes a asinar a acta, esta será igualmente válida. Entregarase ás persoas comparecentes unha copia da acta. As actas nas que, observándose os requisitos legais correspondentes, se recollan os feitos constatados polos inspectores farán proba deles, salvo que se acredite o contrario.
TÍTULO VII
Infraccións e sancións
CAPÍTULO I
Das infraccións
Artigo 50. Clasificación das infraccións
As infraccións administrativas tipificadas nesta lei clasifícanse en leves, graves e moi graves.
Artigo 51. Infraccións leves
Constitúen infraccións leves:
a) O consumo de bebidas alcohólicas por persoas menores de idade.
b) O transporte, a tenza ou a posesión de bebidas alcohólicas por persoas menores de idade, salvo cando se realice por motivos laborais.
c) O incumprimento da prohibición de exhibición de imaxes con distintivos de bebidas alcohólicas establecida no artigo 24.
d) O incumprimento das obrigas de información mediante anuncios ou carteis recollidas no artigo 26.
e) O consumo de bebidas alcohólicas nos lugares especificados no artigo 27.2.
f) O incumprimento por parte das persoas menores de 16 anos da prohibición de acceso aos establecementos de lecer e entretemento establecida no artigo 29.
g) O consumo de produtos de tabaco ou produtos relacionados co tabaco por persoas menores de idade, así como de calquera outro produto que os imite, induza a fumar ou simule a conduta de fumar.
h) A tenza ou o transporte por persoas menores de idade de produtos do tabaco ou produtos relacionados co tabaco, salvo cando se realice por motivos laborais.
i) O incumprimento, nos establecementos nos que estean autorizadas a venda e a subministración de produtos do tabaco e produtos relacionados co tabaco, da obriga de instalar carteis que informen da prohibición de venda ás persoas menores de idade e advirtan sobre os prexuízos para a saúde derivados do seu uso, nos termos establecidos no artigo 31.3.
j) O consumo de produtos do tabaco ou relacionados co tabaco nos lugares especificados no artigo 32.2.
k) A exposición, en tendas que vendan calquera produto relacionado co cánnabis ou co seu consumo, destes produtos no seu escaparate, así como a exposición de imaxes dirixidas ao exterior da planta Cannabis sativa ou de calquera produto ou derivado desta.
l) O consumo, o transporte, a tenza ou a posesión de bebidas enerxéticas por persoas menores de idade, salvo cando o transporte, a tenza ou a posesión sexan por motivos laborais.
m) O incumprimento, nos establecementos nos que estean autorizadas a venda e a subministración de bebidas enerxéticas, da obriga de instalar carteis que informen da prohibición de venda e subministración destas ás persoas menores de idade e advirtan sobre os prexuízos para a saúde derivados do seu uso, nos termos establecidos no artigo 37.7.
n) A obstrución do labor inspector mediante calquera acción ou omisión que o perturbe ou o atrase.
ñ) O mero atraso no cumprimento das obrigas de información, comunicación ou comparecencia por requirimento da autoridade competente.
o) Todas aquelas accións ou omisións contrarias a esta lei que se cometan por simple neglixencia e non comporten un prexuízo directo para a saúde individual ou colectiva.
p) Calquera outro incumprimento das obrigas previstas nesta lei que non se tipifique como infracción grave ou moi grave.
Artigo 52. Infraccións graves
Constitúen infraccións graves:
a) A venda, a subministración ou a indución ao consumo de bebidas alcohólicas a persoas menores de idade, así como a súa adquisición para entregárllelas a elas.
b) O incumprimento das restricións contidas no artigo 20, referentes á publicidade, á promoción e ao patrocinio de bebidas alcohólicas.
c) O incumprimento dos criterios que deben rexer a publicidade, a promoción e o patrocinio de bebidas alcohólicas, previstos no artigo 22.
d) O incumprimento das restricións contidas no artigo 33, referentes á publicidade e ao patrocinio de cánnabis e de produtos, compoñentes ou derivados daquel.
e) O incumprimento das restricións contidas no artigo 35, referentes á publicidade, á promoción e ao patrocinio de bebidas enerxéticas.
f) O incumprimento, por parte das persoas titulares dos establecementos ou organizadoras das actividades, da prohibición de entrada das persoas menores de 16 anos nos establecementos destinados a actividades de ocio e entretemento, así como nos espazos destinados a espectáculos musicais, segundo o previsto no número 1 do artigo 29, excepto se van acompañadas de persoa maior de idade con responsabilidade sobre elas.
g) O incumprimento pola persoa titular do establecemento ou organizadora da actividade das prohibicións contidas no artigo 29.2 no que respecta ao desenvolvemento das sesións permitidas destinadas a persoas menores de idade maiores de 14 anos.
h) O incumprimento por parte das industrias relacionadas coas materias reguladas nesta lei das condicións exixidas no artigo 23, no que respecta á organización de actividades en centros docentes, públicos e privados, e/ou con organizacións infantís e xuvenís.
i) A venda e a subministración de bebidas alcohólicas nos lugares especificados no artigo 25.4.
j) A venda e a subministración de bebidas alcohólicas a través de máquinas expendedoras que incumpran o disposto no artigo 25.7.
k) A venda e a subministración de bebidas alcohólicas no horario nocturno definido no artigo 4.g).
l) O incumprimento das limitacións ao acceso das persoas menores de idade a lugares vinculados á produción das bebidas alcohólicas previstas no artigo 28.
m) A venda ou a entrega ás persoas menores de idade de produtos do tabaco e produtos relacionados co tabaco, así como de calquera outro produto que imite e induza a fumar ou simule a conduta de fumar.
n) Permitir fumar ou consumir produtos do tabaco ou relacionados co tabaco nos lugares nos que existe prohibición de facelo, segundo o artigo 32 desta lei.
ñ) Habilitar zonas para fumar ou consumir produtos do tabaco ou produtos relacionados co tabaco en establecementos e en lugares onde non estea permitida a súa habilitación.
o) O patrocinio e a publicidade da planta Cannabis sativa en medios e soportes aos que poidan ter acceso as persoas menores de idade.
p) Regalar ou vender calquera tipo de merchandising coa imaxe identificativa do cánnabis á poboación, independentemente de cal sexa a súa idade.
q) Permitir o acceso ás persoas menores de idade aos lugares ou establecementos vinculados coa produción, distribución ou consumo de cánnabis e produtos derivados, incluído o CBD, así como ás tendas onde se vendan sementes, plantas de Cannabis sativa ou calquera outro produto relacionado, incluído o CBD.
r) A venda, a subministración ou a indución ao consumo de bebidas enerxéticas a persoas menores de idade, así como a súa adquisición para entregárllelas a elas.
s) O incumprimento da obriga por parte de establecementos comerciais de venda de habilitar espazos específicos e claramente diferenciados para a localización das bebidas enerxéticas, de acordo co disposto no artigo 37.6.
t) O patrocinio de concertos, festivais, romarías ou calquera acto lúdico dirixido a persoas menores de idade por produtos que conteñan bebidas alcohólicas, tabaco, cánnabis ou bebidas enerxéticas.
u) O incumprimento da obriga de informar por parte dos medios de comunicación de titularidade autonómica dos efectos nocivos e prexudiciais para a saúde do consumo de tabaco e/ou produtos relacionados co tabaco, cánnabis e produtos, compoñentes ou derivados deste, con carácter previo á emisión de cine ou de series televisivas que conteñan imaxes relacionadas con tales substancias.
v) A negativa absoluta a facilitar información ou a prestar colaboración, así como facilitar información falsa de xeito deliberado, ás autoridades sanitarias, aos seus axentes ou ao persoal das forzas e corpos de seguridade mediante a negativa a someterse aos controis, subministrar datos, facilitar información ou prestar colaboración.
w) O incumprimento da prohibición de consumir en grupo bebidas alcohólicas na vía pública, nos parques e prazas públicas e noutros espazos de tránsito público.
x) A comisión dunha infracción leve cando, no ano anterior, o mesmo suxeito fose sancionado pola comisión de dúas ou mais infraccións leves e a resolución ou as resolucións sancionadoras sexan firmes na vía administrativa.
Artigo 53. Infraccións moi graves
Constitúen infraccións moi graves:
a) O incumprimento dos requirimentos específicos ou das medidas provisionais que adopten as autoridades sanitarias competentes cando concorra dano grave para a saúde das persoas.
b) A resistencia, a coacción, a ameaza, a inxuria, o desacato ou calquera outra forma de presión exercida sobre os membros dos corpos e forzas de seguridade e/ou o persoal funcionario que exerza funcións de inspección.
c) O incumprimento consciente e deliberado dos requisitos, das obrigas ou das prohibicións establecidas nesta lei, ou calquera comportamento doloso, sempre que ocasionen alteración, dano ou risco grave para a saúde dos e das menores de idade.
d) A comisión dunha infracción grave, cando, no prazo dos cinco anos anteriores, o mesmo suxeito xa fose sancionado pola comisión dunha infracción grave mediante resolución firme na vía administrativa.
Artigo 54. Responsables
1. Das diferentes infraccións será responsable o seu autor ou autora, entendendo por tal a persoa física ou xurídica que cometa os feitos tipificados como tales.
2. No caso das infraccións tipificadas nesta lei relativas ao incumprimento das obrigas de información sobre a prohibición de venda e de subministración de bebidas alcohólicas, enerxéticas, tabaco, produtos do tabaco e de DSLN e produtos relacionados co tabaco a persoas menores de idade e sobre os prexuízos para a saúde derivados do seu consumo, serán responsables as persoas titulares dos establecementos nos que se cometa a infracción.
3. No suposto de venda e de subministración de tales substancias a menores de 18 anos, así como no suposto de permitir o seu consumo nos lugares e nos establecementos nos que exista prohibición, responderá a persoa titular do local, centro ou establecemento no que se cometa a infracción, ou, na súa falta, o empregado ou a empregada daquela que estiver a cargo do establecemento ou centro no momento de cometerse a infracción. Se a persoa titular do local, centro ou establecemento for unha administración pública, responderá a dita administración, sen prexuízo de que esta exixa ás súas autoridades e demais persoal ao seu servizo a responsabilidade en que incorresen.
4. No caso de infraccións na materia de publicidade, será considerado responsable solidario, ademais da empresa publicitaria, o beneficiario ou a beneficiaria da publicidade, entendendo por tal o titular da marca ou do produto anunciado, así como a persoa titular do establecemento, medio de comunicación ou espazo no que se emite o anuncio.
5. Cando o cumprimento dunha obriga establecida por unha norma con rango de lei corresponda a varias persoas conxuntamente, responderán de forma solidaria das infraccións que, se é o caso, se cometan e das sancións que se impoñan. Non obstante, cando a sanción sexa pecuniaria e for posible, individualizarase na resolución en función do grao de participación de cada responsable.
6. Das infraccións cometidas por menores de idade serán responsables subsidiarios os seus pais e nais, os titores ou titoras e os gardadores ou gardadoras legais ou de feito, por esta orde, en razón do incumprimento da obriga imposta a eles ou a elas de previr a comisión de infraccións administrativas que se imputasen ás persoas menores de idade. A responsabilidade subsidiaria virá referida a sufragar a contía pecuniaria da multa imposta.
7. Sen prexuízo da responsabilidade civil subsidiaria dos pais e nais ou titores ou titoras polas accións das persoas menores de idade que dependan deles ou delas, aqueles ou aquelas serán tamén responsables directos e solidarios das infraccións cometidas polas persoas menores de idade, sempre que, pola súa banda, constase dolo, culpa ou neglixencia, incluída a simple inobservancia.
8. Así mesmo, e en función das distintas infraccións, tamén serán responsables delas as persoas organizadoras das actividades nas que se cometa a infracción ou, na súa ausencia, o persoal empregado que estea ao seu cargo.
CAPÍTULO II
Das sancións
Artigo 55. Criterios para a gradación das sancións
Para a determinación da contía das sancións previstas nesta lei terase en consideración o principio de proporcionalidade, mediante a aplicación dos seguintes criterios de gradación:
a) A transcendencia da infracción.
b) O grao de culpabilidade ou a existencia de intencionalidade.
c) A natureza dos prexuízos causados.
d) A reincidencia e a continuidade ou a persistencia na conduta infractora.
e) A idade das persoas responsables.
f) O volume de negocio e os beneficios obtidos pola conduta.
g) O grao de difusión da publicidade.
Artigo 56. Sancións
1. As infraccións tipificadas nesta lei sancionaranse con multas conforme a seguinte gradación:
a) Infraccións leves:
1º. Grao mínimo: de 200 ata 601,01 euros.
2º. Grao medio: de 601,02 a 1.803,04 euros.
3º. Grao máximo: de 1.803,05 a 3.005,06 euros.
b) Infraccións graves:
1º. Grao mínimo: de 3.005,07 a 6.010,12 euros.
2º. Grao medio: de 6.010,13 a 10.517,71 euros.
3º. Grao máximo: de 10.517,72 a 15.025,30 euros.
c) Infraccións moi graves:
1º. Grao mínimo: de 15.025,31 a 120.202,42 euros.
2º. Grao medio: de 120.202,43 a 360.607,26 euros.
3º. Grao máximo: de 360.607,27 a 601.012,11 euros.
2. Poderán superarse os límites fixados ata acadar o quíntuplo do valor dos produtos ou dos servizos obxecto da infracción.
Artigo 57. Substitución das sancións
1. A autoridade competente para impoñer as sancións leves e graves recollidas nesta lei poderá decidir, cando así sexa solicitado pola persoa infractora ou o seu ou a súa representante legal, a substitución da sanción económica pola inclusión en programas preventivos ou asistenciais ou pola realización de traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora, de acordo co réxime que se prevexa regulamentariamente e que deberá determinar o criterio de equivalencia que resulte aplicable e o procedemento para facer efectivos os traballos ou a realización dos programas impostos, así como as condicións para o desenvolvemento destes.
2. A resolución sancionadora que se dite recollerá expresamente a sanción económica que corresponde e a medida acordada en substitución daquela. No caso de que a persoa infractora rexeite estas medidas, deberá comunicalo por escrito ao órgano competente para resolver no prazo de dez días hábiles. Neste caso, impoñerase a sanción económica prevista para ese tipo de infracción. No caso de non efectuar a dita comunicación ou non facela en prazo, entenderase que acepta expresamente a medida substitutoria imposta.
Artigo 58. Competencia para o exercicio da potestade sancionadora
1. Corresponde aos concellos a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores pola comisión das infraccións leves tipificadas no artigo 51.
2. Corresponde á Administración autonómica a competencia para incoar, instruír e resolver os expedientes sancionadores polas infraccións graves e moi graves tipificadas nos artigos 52 e 53, respectivamente.
Os órganos autonómicos competentes para o exercicio da potestade sancionadora nos supostos previstos no apartado anterior son:
a) A persoa titular do departamento territorial correspondente da consellaría competente na materia de saúde pública, cando se trate de infraccións graves.
b) A persoa titular da consellaría competente na materia de saúde pública, cando se trate de infraccións moi graves.
3. Sen prexuízo do establecido no número 1, os departamentos territoriais correspondentes da consellaría competente na materia de saúde pública asumirán a incoación, a instrución e a resolución dos procedementos sancionadores polas infraccións previstas no número 1 no suposto de falta de actuacións dos concellos ante as denuncias presentadas pola cidadanía ou derivadas das actuacións de inspección, unha vez instados a actuar polos órganos competentes da Comunidade Autónoma e transcorrido o prazo concedido, que en ningún caso poderá ser inferior a un mes desde a recepción do requirimento sen que se producise a notificación ao órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma da incoación do correspondente procedemento sancionador.
Artigo 59. Prescrición de infraccións e de sancións
1. As infraccións tipificadas nesta lei como leves prescribirán ao ano, as graves aos tres anos e as moi graves aos cinco anos.
O prazo de prescrición das infraccións comezará a contar desde o día no que a infracción se cometeu. No caso de infraccións continuadas, o prazo comezará a contar desde o momento da finalización da actividade ou do último acto con que a infracción se consuma. No caso de que os feitos ou as actividades constitutivos de infracción sexan descoñecidos por carecer de signos externos, o devandito prazo computarase desde que estes se manifestasen.
Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, dun procedemento sancionador, e reiniciarase o prazo de prescrición se o expediente sancionador estiver paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa presuntamente responsable.
2. As sancións impostas pola comisión de infraccións leves prescribirán ao ano, as impostas por infraccións graves aos tres anos e as impostas por infraccións moi graves aos cinco anos.
O prazo de prescrición das sancións comezará a contar desde o día seguinte a aquel en que sexa executable a resolución pola cal se impón a sanción ou transcorrese o prazo para recorrer contra ela.
Interromperá a prescrición a iniciación, co coñecemento da persoa interesada, do procedemento de execución, e volverá transcorrer o prazo se aquel está paralizado durante máis dun mes por causa non imputable á persoa infractora.
No caso de desestimación presunta do recurso de alzada interposto contra a resolución pola que se impón a sanción, o prazo de prescrición da sanción comezará a contar desde o día seguinte a aquel no que finalice o prazo legalmente previsto para a resolución do dito recurso.
CAPÍTULO III
Procedemento sancionador
Artigo 60. Incoación do procedemento sancionador
As infraccións tipificadas nesta lei serán obxecto das sancións administrativas correspondentes, logo da instrución do oportuno procedemento conforme os principios establecidos na Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público, e a regulación procedemental contida na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 61. Medidas provisionais previas á apertura do expediente sancionador
1. Con anterioridade á iniciación do expediente sancionador que corresponda, o órgano autonómico ou local competente poderá adoptar, de oficio ou por instancia de parte e de forma motivada, por razóns de urxencia inaprazable e para a protección provisional dos intereses implicados, as medidas provisionais previas que resulten necesarias e proporcionadas cando exista risco grave ou perigo inminente para a seguridade ou a saúde das persoas.
2. No caso de concorrer algún dos supostos previstos no número anterior, os órganos competentes poderán adoptar algunha ou algunhas das seguintes medidas:
a) A suspensión de autorizacións, permisos, licenzas e outros títulos expedidos polas autoridades administrativas e a suspensión do espectáculo ou da actividade de que se trate, se é o caso.
b) O desaloxo, a clausura e o precinto do establecemento aberto ao público.
3. As medidas adoptaranse mediante resolución motivada, respectando sempre o principio de proporcionalidade e logo da audiencia ás persoas interesadas. O trámite de audiencia poderase omitir nos casos de extraordinaria urxencia debidamente xustificados na resolución.
4. As medidas provisionais adoptadas deberán ser confirmadas, modificadas ou levantadas no acordo de iniciación do procedemento sancionador, que se deberá efectuar dentro dos quince días seguintes á adopción daquelas.
5. En todo caso, estas medidas quedarán sen efecto se non se inicia o procedemento no citado prazo ou cando o acordo de iniciación non conteña un pronunciamento expreso sobre elas.
6. A Administración competente para adoptar as medidas previstas neste artigo será a mesma que teña atribuída a competencia para a incoación do procedemento sancionador que corresponda.
Nos casos de competencia autonómica, o órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar as ditas medidas será o que teña atribuída a competencia para incoar o correspondente procedemento sancionador ou o órgano instrutor.
7. Tendo en conta a afectación ás competencias autonómicas, a Administración autonómica poderá adoptar as medidas provisionais previas en supostos de competencia dos concellos, de acordo co previsto no número anterior, á custa e en substitución destes, no caso de inhibición da entidade local, logo do requirimento a esta que non sexa atendido no prazo indicado para o efecto, que en ningún caso poderá ser inferior a un mes. A non atención do requirimento por parte da entidade local exixirá a alegación dunha causa xustificada e debidamente motivada.
Tamén poderá adoptar as citadas medidas por razóns de urxencia inaprazable e extraordinaria que así o xustifiquen, e, neste caso, as medidas deberán ser postas en coñecemento inmediato do concello respectivo.
O órgano competente da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia para adoptar as medidas provisionais previas, nos supostos previstos neste punto, será o que teña atribuída a competencia para a incoación de expedientes sancionadores derivados de infraccións graves.
Artigo 62. Medidas provisionais durante o procedemento sancionador
1. Unha vez incoado o procedemento sancionador, o órgano administrativo competente para resolvelo poderá adoptar, de oficio ou por instancia de parte, en calquera momento, mediante resolución motivada e logo da audiencia ás persoas interesadas, as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que se poida ditar, así como para a salvagarda da saúde, de existiren elementos de xuízo suficientes para iso, de acordo cos principios de proporcionalidade, efectividade e menor onerosidade.
O trámite de audiencia previa poderase omitir no caso de urxencia, que deberá estar debidamente motivada na resolución que determine a adopción das medidas provisionais. Nestes casos, efectuarase un trámite de audiencia con posterioridade á adopción da medida.
2. As medidas provisionais deberán ser proporcionadas á natureza e á gravidade das infraccións cometidas, e poderán consistir nalgunha das previstas no artigo 65 ou en calquera outra que asegure a eficacia da resolución que se poida ditar. Non se poderán adoptar medidas provisionais que poidan causar prexuízo de difícil ou imposible reparación ás persoas interesadas ou que impliquen violación de dereitos amparados polas leis.
3. As medidas provisionais poderán ser alzadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento, de conformidade co disposto na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. En todo caso, extinguiranse coa eficacia da resolución administrativa que poña fin ao procedemento.
Artigo 63. Medidas de adopción directa polos axentes das forzas e corpos de seguridade
1. No caso de incumprimento dalgunha das prohibicións establecidas nesta lei para as bebidas alcohólicas que comporte un risco grave ou perigo inminente para as persoas e os bens ou a convivencia entre a cidadanía, os axentes dos corpos e forzas de seguridade, de oficio ou por petición dos órganos competentes para incoar ou resolver os correspondentes procedementos sancionadores, do persoal pertencente aos corpos de inspección, ou en virtude de denuncia pública, poderán adoptar de forma directa, logo do requirimento ás persoas responsables e no caso de que aquel non sexa atendido, as seguintes medidas:
a) A suspensión inmediata da actividade e o desaloxo e o precinto dos establecementos abertos ao público, así como o depósito, a retención ou a inmobilización das bebidas alcohólicas.
b) Aqueloutras medidas que se consideren necesarias, atendendo ás circunstancias concorrentes en cada caso, para garantir a seguridade das persoas e dos bens e a convivencia entre a cidadanía, e que garden a debida proporción atendendo aos bens e aos dereitos obxecto de protección.
2. No caso de que os axentes adopten as medidas indicadas no número anterior, deberán comunicalo inmediatamente ao órgano competente para adoptar as medidas provisionais previas pertinentes, que deberá confirmalas, modificalas ou levantalas no prazo de dous días hábiles desde a indicada comunicación. O incumprimento deste prazo comporta automaticamente o levantamento das medidas adoptadas.
3. Se o órgano indicado no número anterior ratifica as medidas adoptadas, o réxime de confirmación, modificación ou levantamento posterior rexerase polo que dispón o artigo 61.
4. O disposto nos números anteriores enténdese sen prexuízo das medidas que poida adoptar a Administración xeral do Estado no exercicio das súas competencias.
Artigo 64. Resolución do procedemento sancionador
1. O prazo máximo no que debe notificarse a resolución do procedemento sancionador será dun ano desde a data do acordo de incoación. Transcorrido o prazo indicado sen que se notificase a correspondente resolución, producirase a caducidade do procedemento nos termos e cos efectos previstos na lexislación do procedemento administrativo común.
2. Se as condutas sancionadas causan danos ou prexuízos á Administración, a resolución do procedemento poderá impoñer á persoa infractora a reposición ao seu estado orixinario da situación alterada pola infracción, incluíndo a limpeza da vía pública, e a indemnización polos danos e perdas causados.
3. Se a sanción viñer motivada pola falta de adecuación da actividade ou do establecemento aos requisitos establecidos pola normativa vixente, a resolución sancionadora incluirá un requirimento para que a persoa sancionada leve a cabo as actuacións necesarias para regularizar a situación da actividade ou do establecemento do que é titular.
Artigo 65. Execución forzosa das resolucións sancionadoras
1. A execución forzosa das resolucións sancionadoras, unha vez que poñan fin á vía administrativa, corresponderá ao órgano competente para a incoación do procedemento.
2. Nos casos nos que a resolución sancionadora inclúa un requirimento para que a persoa sancionada leve a cabo as actuacións necesarias para regularizar a situación da actividade ou do establecemento do que é titular, o órgano competente para a execución poderá impoñer a aquela multas coercitivas dun 10 por cento da contía da sanción máxima fixada para a infracción cometida por cada día que pase desde o vencemento do prazo outorgado para o cumprimento do requirimento sen que se realizasen as actuacións ordenadas.
Disposición adicional primeira. Actuacións inspectoras
As funcións inspectoras que esta lei atribúe aos órganos e ás unidades administrativas da consellaría competente na materia de saúde pública corresponderán ao corpo facultativo superior da Xunta de Galicia, escala de saúde pública e administración sanitaria.
Disposición adicional segunda. Actualización das contías das sancións
As contías das sancións establecidas nesta lei poderán ser actualizadas polo Consello da Xunta de Galicia conforme os criterios establecidos na normativa de desindexación.
Disposición adicional terceira. Festas de interese turístico
Quedan permitidas a publicidade e a promoción de bebidas alcohólicas dirixidas a persoas maiores de idade cando aquelas se realicen no marco das festas que conten coa declaración de interese turístico, de acordo co establecido no Decreto 4/2015, do 8 de xaneiro, polo que se regula a declaración de festas de interese turístico de Galicia, e sexa conforme co establecido nos artigos 20 e 22 desta lei.
Disposición adicional cuarta. Financiamento
A constitución e a posta en funcionamento da Comisión na materia de prevención das adiccións das persoas menores en Galicia non xerará aumento dos créditos orzamentarios asignados á consellaría con competencias na materia de sanidade.
Disposición transitoria única. Réxime transitorio dos procedementos sancionadores
1. Os procedementos sancionadores iniciados antes da entrada en vigor desta lei rexeranse pola normativa vixente no momento da súa iniciación.
2. Os actos e as resolucións pendentes de execución que fosen ditados no marco de procedementos sancionadores iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta lei pendentes de execución á súa entrada en vigor rexeranse pola normativa vixente no momento no que se ditaron.
Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa
1. Quedan derrogadas as disposicións que a continuación se citan, así como todas aquelas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta lei:
a) O capítulo II do título I da Lei 2/1996, do 8 de maio, sobre drogas.
b) A Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade.
c) O Decreto 75/2001, do 22 de marzo, sobre control sanitario da publicidade, promoción, subministración, venda e consumo de produtos do tabaco.
2. Manteñen a súa vixencia, no que non resulte incompatible con esta lei:
a) A Lei 2/1996, do 8 de maio, sobre drogas, excepto o capítulo II do título I, de acordo co disposto no número 1.
b) O Decreto 88/2014, do 3 de xullo, polo que se regula o sistema de substitución de sancións impostas por incumprimento da Lei 11/2010, do 17 de decembro, de prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores de idade e se establecen os criterios básicos dos programas preventivos que dela derivan.
c) A Orde do 1 de marzo de 2012 pola que se regulamenta a sinalización das limitacións no consumo, venda e subministración de bebidas alcohólicas en locais comerciais de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Modificación da Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia
Modifícase a Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, nos seguintes termos:
Un. Modifícase o número 15 do artigo 34, que queda coa seguinte redacción:
«15. Establecer prohibicións, limitacións e estratexias de prevención do consumo de bebidas alcohólicas para avanzar na desnormalización do seu consumo polas persoas menores de idade.».
Dous. Suprímese a letra b) do artigo 41 bis, que queda sen contido.
Tres. Modifícase a letra c) do artigo 42 bis, que queda coa seguinte redacción:
«c) A realización das condutas previstas nas alíneas a), e), g), h), i), j), k), l) e m) do artigo 41 bis, cando poidan producir un risco ou un dano grave para a saúde da poboación, sempre que non sexan constitutivas de infracción moi grave.».
Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento regulamentario
Habilítase o Consello da Xunta de Galicia para ditar cantas normas sexan precisas para o desenvolvemento desta lei.
Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor
Esta lei entrará en vigor aos dous meses da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e tres de decembro de dous mil vinte e cinco
Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente
