DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 4 Xoves, 8 de xaneiro de 2026 Páx. 1184

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 26 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se nomean como persoal estatutario fixo e se lles adxudica destino definitivo ás persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, convocados polas resolucións do 15 de decembro de 2022.

Mediante diversas resolucións desta dirección xeral do 15 de decembro de 2022 (Diario Oficial de Galicia número 3, do 4 de xaneiro de 2023) realizáronse as convocatorias, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso en diversas especialidades da categoría de enfermeiro/a especialista, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional.

Así mesmo, mediante as resolucións desta dirección xeral do 4 de xuño de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 114, do 17 de xuño) e do 6 de outubro de 2025 (Diario Oficial de Galicia número 202, do 20 de outubro), publicáronse o nomeamento e a adxudicación de destino definitivo das persoas aspirantes seleccionadas no proceso selectivo, polo sistema de concurso-oposición, para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, procesos selectivos convocados polas resolucións do 15 de decembro de 2022.

A base 10.4 das resolucións de convocatoria prevé que, co fin de asegurar a cobertura das prazas convocadas, no suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso, se cubrirá a baixa coa persoa aspirante incluída inmediatamente a continuación na relación de seleccionadas, pola orde de prelación que resulte da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

Unha vez realizados os procesos de elección de destino das categorías en que resultaron prazas vacantes, logo das resolucións de nomeamento do 4 de xuño e do 6 de outubro de 2025, e ao abeiro das resolucións do 15 de decembro de 2022, esta dirección xeral, como órgano convocante do proceso,

RESOLVE:

Primeiro. Coa finalidade de asegurar a cobertura das prazas convocadas nestes procesos selectivos, polo sistema de concurso-oposición, e segundo o establecido na base 10.4 das resolucións de convocatoria, realizouse a oferta das prazas que resultaron vacantes nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, á/ás persoa/s aspirante/s incluída/s inmediatamente a continuación, pola orde de prelación que resultou da lista definitiva, con independencia da quenda de acceso.

Segundo. Nomear como persoal estatutario fixo do Servizo Galego de Saúde nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, as persoas aspirantes que se inclúen no anexo I desta resolución, logo de acreditaren o cumprimento dos requisitos establecidos e de realizar a elección de destino segundo o previsto nas bases 9 e 10 das convocatorias dos procesos selectivos.

Adxudicarlles a estas persoas aspirantes, con carácter de destino definitivo, a praza que figura no indicado anexo I.

Terceiro. Declarar finalizados os procesos selectivos para o ingreso, polo sistema de concurso-oposición, nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional, convocados polas resolucións do 15 de decembro de 2022, sen prexuízo do previsto na base 10.4 das resolucións de convocatoria para o suposto de situacións en que as persoas seleccionadas, por diversos motivos, non continúen no proceso.

Cuarto. As persoas aspirantes nomeadas disporán do prazo dun (1) mes, contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, para incorporarse á praza adxudicada. A toma de posesión da praza efectuarase no centro de xestión ao cal pertenza esta.

A falta de incorporación no prazo referido, cando sexa imputable á persoa interesada e non responda a causas xustificadas, producirá o decaemento do seu dereito a obter a condición de persoal estatutario fixo como consecuencia do concreto proceso selectivo.

No entanto, en casos de forza maior, e por instancia da persoa interesada, a Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde poderá prorrogar o prazo de toma de posesión. A incorporación ás prazas adxudicadas levará aparellado o cesamento do persoal temporal que, se é o caso, as ocupe, de acordo cos criterios de incorporación e cesamento vixentes.

Quinto. De conformidade coa disposición adicional segunda do Decreto 70/2017, do 13 de xullo, polo que se regula a formación en igualdade e prevención e loita contra a violencia de xénero do persoal ao servizo da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, como condición para o perfeccionamento do nomeamento que se expida, as persoas aspirantes seleccionadas deberán realizar, con carácter obrigatorio, e nun prazo non superior aos seis meses contados desde a data de publicación do correspondente nomeamento como persoal estatutario fixo no Diario Oficial de Galicia, as actividades formativas para a obtención do nivel básico de coñecemento en materia de igualdade de xénero e prevención e loita contra a violencia de xénero, que recolle o artigo 157 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia.

Non terán que realizar esta actividade formativa as persoas aspirantes seleccionadas que a realizasen con anterioridade, se consta rexistrada en Fides/expediente-e e foi debidamente validada.

Sexto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante esta dirección, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.

Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2025

María del Mar Pousa Cobas
Directora xeral de Recursos Humanos

ANEXO I

Relación definitiva de persoas adxudicatarias e destinos

Enfermeiro/a especialista en enfermaría familiar e comunitaria

DNI

Apelidos e nome

Centro directivo

Centro

Concello

Quenda

***8044**

García Rivera, Alejandra

A.S. de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras

O Barco

Barco de Valdeorras, O

Desprazable

***1600**

López Martos, Silvia

A.S. de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

Sarria

Sarria

Mañá

Fisioterapeuta

DNI

Apelidos e nome

Centro directivo

Centro

Concello

Quenda

***8760**

Fernández Fiuza, Sara

A.S. de Santiago de Compostela e Barbanza

Complexo Hospitalario Universitario de Santiago

Santiago de Compostela

-

Terapeuta ocupacional

DNI

Apelidos e nome

Centro directivo

Centro

Concello

Quenda

***2256**

Pais Abeijón, María

A.S. de Ferrol

Complexo Hospitalario Arquitecto Marcide

Ferrol

-

(*) Ocúltase parcialmente o número do documento nacional de identidade para preservar os datos de carácter persoal, de acordo coa Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro.