A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.
O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que corresponden á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e o desenvolvemento do comercio e a programación e a xestión de axudas destinadas a estes fins.
Neste marco de referencia, o 31 de marzo de 2025 o Consello da Xunta aproba o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 coa finalidade de incrementar a competitividade do comercio galego apoiándose na modernización, a innovación, a sustentabilidade e as novas tecnoloxías, así como consolidar o sector comercial como un sector profesional, cualificado, de calidade e fortalecido que promova o consumo responsable e desenvolva unha actividade sustentable.
O comercio retallista é un sector en constante evolución que ten que adaptarse á realidade actual e dar resposta aos novos hábitos de compra das persoas consumidoras. Co obxectivo de impulsar a dixitalización, a innovación e a sustentabilidade do comercio local e artesanal, a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración convoca estas axudas, distinguindo tres liñas de acción:
1ª. A dixitalización e a innovación son retos ineludibles para o sector comercial galego. Os comercios retallistas e os obradoiros artesáns teñen que adecuarse á nova realidade e introducir novas tecnoloxías dirixidas a transformar dixitalmente os seus negocios dunha forma progresiva e coherente coas necesidades do sector.
2ª. A modernización da actividade comercial e artesanal é fundamental para incrementar a competitividade do sector, ofrecendo produtos de calidade e deseños únicos e personalizados que melloren a experiencia de compra da clientela e contribúan a afianzar o recoñecemento dos establecementos comerciais retallistas e o seu posicionamento no mercado.
3ª. Tamén é fundamental promover no sector comercial e artesanal a sustentabilidade ambiental e a eficiencia de recursos a través do desenvolvemento de novos conceptos, o emprego de materiais con menor impacto, a eliminación de materiais plásticos e envases e a redución do consumo de recursos naturais, repercutindo na competitividade de todos os sectores e concienciando tanto as persoas comerciantes como as consumidoras.
Por outra banda, o 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período, como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galega. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais e, pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos cales articula os instrumentos e actuacións que se van desenvolver integrados nos correspondentes programas.
Neste contexto, o segundo reto da RIS3 impulsa o aumento da intensidade tecnolóxica e a innovación nos procesos produtivos a través de tecnoloxías facilitadoras. En relación con este reto, dúas prioridades son a sustentabilidade e a dixitalización das cadeas de valor, non só na xeración de novos produtos, senón tamén na mellora dos procesos. Nesta liña, a RIS3 impulsa a mellora das vías de comercialización.
Os instrumentos, os apoios e as actuacións que se desenvolven no marco da RIS3 en relación con cada obxectivo estratéxico recóllense nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e prioridades, pero tamén poden dirixirse a prioridades e ámbitos de priorización concretos, debido á existencia de características ou necesidades diferenciadas dos axentes, cadeas de valor e mercados relacionados con cada un deles, ou polo tipo de fondo que as financia. O obxectivo estratéxico 2 busca incrementar o número de empresas innovadoras, facilitando, en especial, que as máis pequenas incorporen a innovación nas diferentes etapas do seu proceso produtivo.
En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responde ao reto 2, Modelo industrial baseado na competitividade e no coñecemento, e ás prioridades 1 (Sustentabilidade) e 2 (Dixitalización). Ten como obxectivo estratéxico incrementar o número de empresas innovadoras (obxectivo estratéxico 2), e intégrase, polo tanto, no programa Innova e emprende da RIS3 de Galicia 2021-2027 e no programa Innovación e emprendemento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.
Todo iso faise no marco da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como consonte a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na medida en que sexa aplicable, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, esta orde tramítase ao abeiro do disposto no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, modificada pola Orde do 25 de outubro de 2001, polo que a concesión das subvencións queda sometida á condición suspensiva de existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución.
A teor do exposto, en virtude das competencias que ten atribuídas a Consellería de Emprego, Comercio e Emigración en materia de comercio interior, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Convocatoria e bases reguladoras
1. Esta orde ten por obxecto aprobar as bases polas que se rexerá a concesión de subvencións da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal (código de procedemento CO300C).
Así mesmo, por medio desta orde convócanse as devanditas subvencións para o ano 2026.
2. A xestión destas subvencións realizarase polo procedemento de concorrencia non competitiva ata o esgotamento do crédito, de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración outorgante.
c) Eficiencia na asignación de efectivos e na utilización de recursos públicos.
3. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de 3.950.000,00 € dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, que será imputado da seguinte forma:
|
Aplicación orzamentaria |
Código proxecto |
Importe |
|
14.06.751A.770.1 |
2026 00056 |
2.950.000,00 € |
|
14.06.751A.770.1 |
2024 00033 |
1.000.000,00 € |
4. Esta cantidade poderase incrementar en función das solicitudes presentadas e de acordo coa dispoñibilidade de crédito cando o aumento veña derivado:
a) Dunha xeración, ampliación ou incorporación de crédito.
b) Da existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
c) Dunha transferencia de crédito, se o procedemento de concesión da subvención é o previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
O incremento do crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito como consecuencia das circunstancias antes sinaladas e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
Nestes casos publicarase a ampliación de crédito polos mesmos medios que esta convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.
5. A tramitación desta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, posto que se xestiona por tramitación anticipada de gasto, ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda, do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, a cal establece que os expedientes de gasto se poderán iniciar, sempre que as necesidades que se teñan que satisfacer poidan ser razoablemente previstas anticipadamente, no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais aprobado polo Consello da Xunta de Galicia.
No proxecto de lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026 existe crédito adecuado e suficiente para poder tramitar esta orde.
Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados no desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Artigo 2. Solicitudes
1. Para poder ser unha persoa beneficiaria da subvención deberá presentarse unha única solicitude (para un único establecemento comercial), dirixida á Consellería de Emprego, Comercio e Emigración axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo V desta orde, que irá acompañada dos documentos que se especifican no artigo 6 das bases reguladoras.
No caso de presentar máis dunha solicitude, terase en conta a última solicitude presentada, agás no caso de que a primeira estivese xa tramitada.
2. As solicitudes presentaranse en prazo e cos requisitos establecidos nas bases reguladoras e nesta orde de convocatoria e resolveranse atendendo á súa prelación temporal ata o esgotamento do crédito, do cal se dará a correspondente publicidade.
Para os efectos da determinación da prelación temporal de concesión das axudas e en aplicación dos principios de eficacia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei de subvencións de Galicia, a data que hai que ter en conta será a data e a hora de presentación da solicitude. Non obstante, no caso de que a solicitude requira emenda, terase en conta a data e a hora en que a entidade solicitante presente correctamente toda a documentación e a información requirida. Así mesmo, no caso de que se presente unha mellora ou achega voluntaria da solicitude, a data que hai que ter en conta será a da mellora.
3. No caso de que máis dunha solicitude ou emenda teña a mesma data de presentación, prevalecerá aquela cuxa data e hora de presentación sexa anterior segundo conste no rexistro electrónico xeral e, en último caso, prevalecerá aquela á cal o sistema lle asignase automaticamente o número de entrada máis baixo.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada das bases reguladoras da subvención, así como a aceptación da axuda.
Artigo 3. Lugar e prazo de presentación
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado desde as 9.00 horas do día 16 de xaneiro de 2026.
5. O último día de presentación de solicitudes finalizará ás 20.00 horas.
6. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.
Artigo 4. Prazo de duración do procedemento de concesión
Unha vez finalizado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras, que non poderá ter unha duración superior a catro meses, contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Transcorrido o dito prazo para resolver sen que se dite resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 5. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que estean vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 7. Trámites administrativos posteriores á presentación da solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 8. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código CO300C, poderase obter información a través dos seguintes medios:
1. Na guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.gal
2. Nos teléfonos 981 54 55 99 e 981 54 54 19 da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.
3. No enderezo electrónico cei.dxc.axudas@xunta.gal
Así mesmo, para cuestións xerais sobre este ou outro procedemento, poderá facerse uso do teléfono de información xeral da Xunta de Galicia: 012 (desde o resto do Estado: 902 12 00 12).
5. De acordo co establecido no artigo 14, alínea ñ), da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias quedan informadas cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
Artigo 9. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
2. Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición adicional primeira. Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co establecido no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS) nos termos requiridos no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas públicas.
Disposición adicional segunda. Delegación de competencias
Apróbase a delegación de competencias da persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración na persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, para resolver a concesión ou denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, e para resolver os procedementos de perda de dereito ao cobramento e de reintegro das subvencións indebidamente percibidas polas persoas ou entidades beneficiarias, respecto das resolucións de concesión de que derivan, ditadas por delegación da persoa titular da Consellería.
Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Comercio e Consumo para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025
José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal, e convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento CO300C)
Artigo 1. Obxecto e réxime das subvencións
1. As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a concesión de axudas para o impulso da innovación e sustentabilidade do comercio local e artesanal.
2. O procedemento de concesión destas subvencións tramitarase en réxime de concorrencia non competitiva e quedará suxeito ao réxime de axudas de minimis, polo que non poderán exceder os límites cuantitativos (300.000,00 € nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
De conformidade coa antedita normativa, a axuda total de minimis concedida a unha única empresa non excederá os 300.000,00 € durante calquera período de tres anos. O concepto de única empresa inclúe todas as empresas que teñan, polo menos, un dos seguintes vínculos entre si:
a) Unha empresa posúe a maioría dos dereitos de voto de accionistas ou socios doutra empresa.
b) Unha empresa ten dereito a nomear ou remover a maioría dos membros da administración, dirección ou control doutra empresa.
c) Unha empresa ten dereito a exercer unha influencia dominante sobre outra, en virtude dun contrato subscrito con ela ou unha cláusula estatutaria da segunda empresa.
d) Unha empresa, accionista ou asociada a outra, controla en solitario, en virtude dun acordo subscrito con outros accionistas ou socios destes últimos, a maioría dos dereitos de voto das súas accionistas.
As empresas que manteñan algunha das relacións previstas nas alíneas a) a d) a través doutra ou doutras empresas tamén terán a consideración de empresa única.
3. Con carácter xeral e de acordo co establecido no artigo 29.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse subvencionables os gastos e investimentos que, de xeito indubidable, respondan á natureza da actuación subvencionada.
En concreto, consideraranse subvencionables as actuacións previstas no artigo 4 destas bases reguladoras sempre que sexan realizadas e efectivamente pagadas desde o 25 de outubro de 2025 ata o prazo dos 3 meses seguintes á notificación da resolución e, como máximo, ata o 13 de novembro de 2026. No caso de que o prazo de 3 meses fose máis alá do 13 de novembro de 2026, esta data será en todo caso a data límite de execución das actuacións subvencionables
Artigo 2. Financiamento e concorrencia
1. Para a concesión destas subvencións destinaranse créditos da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, na contía que se consigne en cada convocatoria de axudas.
2. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illada ou en concorrencia con outras axudas e subvencións das distintas administracións ou calquera dos seus entes públicos e privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total do investimento subvencionable.
3. As subvencións previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra da mesma ou distinta consellería, para os mesmos conceptos subvencionables e a mesma persoa/entidade beneficiaria.
En todo caso, estas axudas son incompatibles coas axudas do programa Bono enerxía peme (IN417Z) para a mesma categoría de actuacións subvencionables.
4. A natureza destas subvencións xustifica realizar pagamentos anticipados dun 50 % da subvención concedida nos termos establecidos no artigo 7 destas bases reguladoras, que supoñerán entregas de fondos con carácter previo á xustificación, como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes a elas.
Artigo 3. Persoas e entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases e sempre que nas persoas solicitantes non concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, legalmente constituídas que, en todo caso, cumpran ademais os seguintes requisitos:
1.1. Comerciantes retallistas:
a) Que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, que o domicilio social radique na Comunidade Autónoma e que cumpran os requisitos establecidos legalmente para exercer a actividade.
b) Que, teñan a condición de peme conforme o establecido no Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE núm. 187, do 26 de xuño). Para a consideración de peme observarase o disposto na Recomendación 2003/361/CE da Comisión, do 6 de maio de 2003, sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE núm. L 124/36, do 20 de maio), establecendo para estes efectos que:
|
Categoría de empresa |
Persoal: unidades |
Volume de negocio |
Balance xeral anual (€) |
|
Micro |
< 10 |
≤ 2 millóns |
≤ 2 millóns |
|
Pequena |
< 50 |
≤ 10 millóns |
≤ 10 millóns |
c) Que, tendo a consideración de peme, teñan un número de persoas empregadas igual ou inferior a dez, incluídas as persoas en situación de autoemprego, no establecemento comercial para o cal se solicita a subvención.
d) Que a actuación para a cal se solicita subvención se corresponda:
1º. Co obxecto social que figura nas escrituras, acta ou documento de constitución.
2º. Coa actividade principal do establecemento indicado na solicitude. Esta actividade deberá estar encadrada nalgunha das epígrafes relacionadas nos anexos II e III.
No caso de que a actividade subvencionable se corresponda cunha actividade das epígrafes relacionadas no anexo III, tamén deberá estar dado de alta nalgunha actividade comercial relacionada no anexo II.
e) Que desenvolvan a actividade comercial nun establecemento comercial cunha superficie de exposición e venda igual ou inferior a 300 metros cadrados, agás que a actividade comercial se encadre na epígrafe 653.1 do IAE.
1.2. Obradoiros artesáns:
Que estean inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia. En caso de novos obradoiros, poderán solicitar a inscrición no dito rexistro ata o mesmo día en que presenten a solicitude de subvención.
2. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 2, número 18, do Regulamento (CE) nº 651/2014, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE do 26.6.2014, L 187/1).
3. No caso dos comerciantes retallistas, tampouco poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles que fosen beneficiarios na convocatoria anterior do procedemento CO300C para o mesmo establecemento comercial.
Exceptúanse do establecido no punto anterior e poderán ser beneficiarios os comercios retallistas para aqueles supostos en que, pola natureza da actuación, non sexa susceptible a súa conservación, concretamente:
– As actuacións de implantación, mantemento e actualización da dixitalización do artigo 4.2 (con excepción das alíneas b), k) e l).
– As actuacións da liña de sustentabilidade ambiental.
Artigo 4. Actuacións subvencionables e intensidade da axuda
1. A intensidade da axuda será do 80 % do investimento subvencionable (IVE excluído), co límite máximo que se establece para cada actuación subvencionable e para cada liña de axudas.
Non obstante o anterior, para os establecementos comerciais que estean no ámbito de actuación do proxecto Vilas Vivas, a intensidade da axuda incrementarase nun 10 % máis, e seralles igualmente de aplicación o tope de investimento máximo establecido para cada liña de axudas.
2. Liña de dixitalización e innovación comercial. Consideraranse subvencionables as actuacións dirixidas á dixitalización do contorno comercial Omnicanle e á transformación dixital do punto de venda e o modelo de negocio, enumeradas na seguinte táboa, en que se establecen os investimentos máximos subvencionables por actuación e polo total da liña:
|
Liña 1: dixitalización e innovación comercial Actuacións subvencionables |
Investimento máximo subvencionable (IVE excluído) |
|
a) Implantación ou mantemento de páxina web con ou sen venda en liña (A páxina web deberá cumprir os requisitos que figuran no anexo IV) |
1.200,00 € |
|
b) Sistema TPV, impresora de tíckets, caixón portamoedas, lector de código de barras, impresora de etiquetas/código de barras e báscula dixital |
1.200,00 € |
|
c) Software de xestión adaptado á actividade comercial desenvolvida (programas de xestión comercial, de xestión do e-commerce, de pagamento, de control de stocks, tecnoloxía RFID, sistema de facturación electrónica que deberá estar homologado pola AEAT etc.). Inclúese a implantación do software e a formación necesaria para o seu uso |
5.000,00 € |
|
d) Ferramentas de posicionamento dixital (SEO, SEM, ADS) |
2.500,00 € |
|
e) Xestor de redes sociais, que deberá cumprir os requisitos que figuran no anexo IV, e imaxe dixital |
2.000,00 € |
|
f) Etiquetaxe electrónica para lineais de venda |
2.500,00 € |
|
g) Sistemas de click and collect |
2.500,00 € |
|
h) Solucións de ciberseguridade |
2.000,00 € |
|
i) Asistentes virtuais e sistemas dixitais interactivos (chatbots) |
1.000,00 € |
|
j) Aplicacións para dispositivos móbiles (m-commerce) e aplicacións de realidade virtual e aumentada |
2.500,00 € |
|
k) Pantallas e escaparates virtuais con ou sen interacción coa clientela |
5.000,00 € |
|
l) Memoria-proxecto de dixitalización elaborado por persoa enxeñeira informática colexiada |
2.000,00 € |
|
Investimento máximo subvencionable na liña 1: 18.750 € |
|
3. Liña de modernización comercial. Consideraranse subvencionables as actuacións dirixidas á mellora da imaxe, á eficiencia do local e dos recursos e á calidade do produto final. Concretamente, son subvencionables as actuacións sinaladas na táboa seguinte en que tamén se establecen investimentos máximos subvencionables por actuación e polo total da liña:
|
Liña 2: modernización comercial Actuacións subvencionables |
Investimento máximo subvencionable (IVE excluído) |
|
a) Obras de acondicionamento e reforma da superficie de exposición e venda do establecemento comercial, adquisición de moblaxe auxiliar destinada á mellora da imaxe comercial e adquisición de moblaxe expositiva de produtos que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade comercial e de uso exclusivo na superficie de exposición e venda |
5.250,00 € |
|
b) Servizos profesionais de elaboración e redacción do proxecto de interiorismo, de decoración e de obras do establecemento comercial |
2.000,00 € |
|
c) Portas de entrada ao establecemento que permitan o peche sen necesidade de acción manual (automáticas ou con brazo mecánico) |
2.000,00 € |
|
d) Sistemas de iluminación enerxeticamente eficientes e sensores de presenza para a regulación automática de luces |
2.000,00 € |
|
e) Sistemas de climatización, calefacción e ventilación enerxeticamente eficientes |
4.000,00 € |
|
f) Actuacións de mellora da fachada e illamento térmico e acústico e colocación de toldos e rótulos do establecemento comercial |
2.000,00 € |
|
g) Adquisición, en réxime de propiedade, de equipamentos propios da actividade artesanal e a actividade comercial principal e que deberán ser, en todo caso, adquisicións de primeiro uso. No caso de maquinaria, ou equipamento auxiliar, debe ser de fabricación externa cualificada e cumprir as seguintes condicións excluíntes: 1. Estar directamente relacionada coa actividade artesanal. 2. Estar directamente relacionada coa actividade comercial principal do establecemento e que melloren o deseño e calidade do produto final, así como a experiencia de compra, sempre que sexan de uso exclusivo na superficie de exposición e venda. |
5.000,00 € |
|
h) Aparellos eléctricos de aromatización e fío musical |
1.000 € |
|
Investimento máximo subvencionable na liña 2: 20.000 € |
|
4. Liña de sustentabilidade ambiental.
Consideraranse subvencionables as seguintes actuacións dirixidas á redución das cantidades de embalaxe mediante a adaptación do seu tamaño e forma á dimensión e formato dos produtos. Para que sexan subvencionables en calquera das actuacións subvencionables enumeradas na seguinte táboa, deberá estamparse a marca Comercio Galego, coas características que se indican no modelo dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia
|
Liña 3: sustentabilidade ambiental Actuacións subvencionables |
|
a) Caixas de cartón 100 % reciclado. |
|
b) Sobres de cartón ou papel 100 % reciclado. |
|
c) Papel vexetal. |
|
d) Recheos para embalaxe (recheos vexetais e proteccións acolchadas de papel 100 % reciclado). |
|
e) Bolsas de papel 100 % reciclado. |
|
f) Bobinas de papel 100 % reciclado. |
|
g) Bolsas de tea de algodón 100 %. |
|
h) Bolsas de tea de liño 100 %. |
|
i) Bolsas de tea de cánabo 100 %. |
|
Investimento máximo subvencionable na liña 3: 2.500 € (IVE excluído) |
Artigo 5. Gastos non subvencionables
Non se considerarán subvencionables os seguintes gastos:
a) Os impostos persoais sobre a renda e o imposto sobre o valor engadido (IVE).
b) A adquisición de ordenadores, dispositivos móbiles, tabletas, televisores, reprodutores de son e imaxe e cámaras fotográficas.
c) A adquisición de maquinaria propia de procesos industriais, no caso de artesáns, e adquisición de maquinaria e instrumentos propios de servizos profesionais.
d) A adquisición ou arrendamento de maquinaria e equipamento necesario para o desenvolvemento das obras.
e) A adquisición de materia prima da actividade artesanal.
f) A adquisición de materiais destinados á realización con medios propios de obras e instalacións.
g) O enxoval e obxectos de decoración e material non inventariable e cunha vida útil previsible inferior a un ano.
h) As obras de mellora e acondicionamento en almacéns ou en espazos non destinados á exposición e venda.
i) A adquisición de recambios e pezas.
j) As taxas, licenzas, visados e autorizacións relativas ás obras.
k) O mantemento e instalación de sistemas de alarma e seguridade.
l) A adquisición de elementos que coincidan cos propios da actividade comercial da empresa, susceptibles de venda posterior.
m) Os traballos realizados pola propia persoa solicitante da subvención nin aquelas actuacións cando o/a vendedor/a dos activos ou o/a prestador/a da actividade sexa da propia empresa solicitante ou se dese un suposto análogo do cal puidese derivar autofacturación.
n) Os gastos realizados en establecementos dedicados exclusivamente ás máquinas de venda automática.
o) Os inmobles ou artigos de exposición e de proba susceptibles de posterior venda ao público e a instalación de expositores de carácter temporal.
p) Os proxectos cuxo investimento non se axuste ao volume de negocio anual e ás necesidades da persoa solicitante.
q) Os gastos dedicados a actividades que non constitúan a actividade principal subvencionable do establecemento comercial.
r) Os custos de adquisición de investimentos ou os gastos subvencionables superiores ao valor de mercado.
s) As bolsas e demais elementos de plástico ou derivados do plástico.
t) As solicitudes cuxo investimento total sexa inferior a 1.000,00 €.
u) Calquera outro investimento que non estea directamente vinculado coa realización da actuación subvencionable.
Artigo 6. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude, anexo V, a seguinte documentación:
a) Acta, escritura ou documento de constitución, estatutos e, se é o caso, modificación deles, debidamente legalizados, de ser o caso. A referida documentación deberá acreditar que o seu obxecto social abrangue a actividade para a cal se solicita a subvención.
b) Documento acreditativo de poder bastante para actuar ante a Administración da persoa representante legal da persoa solicitante ou poderá achegar, debidamente cuberto e asinado, o modelo de representación para procedementos ante a Xunta de Galicia que figura na sede electrónica.
c) Declaración responsable, segundo o anexo VI, no caso de agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado sen personalidade xurídica, en que deberán constar expresamente os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación e o importe de subvención que se aplicará por cada un, que terán igualmente a consideración de persoas beneficiarias; farase constar unha persoa representante única da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que corresponden á agrupación. Non poderá disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
A Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá solicitar os documentos preceptivos co obxecto de efectuar as comprobacións oportunas. De non cumprir co asinado na declaración responsable, iniciarase o expediente de reintegro da subvención concedida de acordo co disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
d) Informe emitido pola Seguridade Social de todos os códigos de conta de cotización da persoa solicitante en que figure o número de persoas traballadoras con posterioridade á data de publicación desta orde no DOG ou acreditación de non estar inscrito/a.
e) No caso de solicitar a liña de modernización, fotografías do establecemento comercial antes da realización das actuacións subvencionadas (obras, substitución de portas, de sistemas de iluminación e climatización, rótulos, equipamentos que se substitúen etc.).
f) No caso de solicitar as actuacións recollidas na alínea b) ou no caso de obras da alínea a), da liña de modernización comercial (artigo 4.3), plano onde se mostre o estado e imaxe do local antes da realización da obras.
2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
3. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.
4. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
6. No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 7. Pagamento anticipado
1. A persoa/entidade solicitante poderá solicitar, marcando o cadro indicado para o efecto no anexo de solicitude (anexo V), o pagamento anticipado, que supoñerá entregas de fondos con carácter previo á xustificación como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención, equivalente ao 50 % da subvención concedida.
2. Non se concederán anticipos cando a subvención que se conceda sexa inferior a 3.000 €.
3. No caso de subvencións superiores a 18.000,00 €, terá a obriga de constituír garantía nos termos previstos a seguir:
– A garantía constituirase mediante seguro de caución prestado por entidade aseguradora ou mediante aval solidario de entidade de crédito ou sociedade de garantía recíproca, que deberá alcanzar como mínimo ata os dous meses seguintes á finalización do prazo de xustificación previsto nas bases reguladoras ou na convocatoria.
– A garantía deberá cubrir o 110 % do importe das cantidades aboadas á conta ou das cantidades anticipadas, calquera que sexa o prazo de xustificación previsto na convocatoria.
– Unicamente serán admisibles as garantías presentadas por terceiros cando o fiador preste fianza con carácter solidario, renunciando expresamente ao dereito de excusión.
– O avalista ou asegurador será considerado parte interesada nos procedementos que afecten directamente a garantía prestada nos termos previstos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
– As garantías deberán constituírse na Caixa Xeral de Depósitos da Comunidade Autónoma de Galicia ou nas súas sucursais, situadas nos departamentos territoriais da consellería competente en materia de facenda.
– As persoas/entidades interesadas deberán achegar no prazo de 10 días hábiles, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución de concesión, o documento acreditativo da constitución de garantía expedido pola Caixa Xeral de Depósitos.
4. A concesión do anticipo realizarase mediante resolución motivada do órgano correspondente.
5. En ningún caso poderán realizarse pagamentos anticipados a beneficiarios cando se solicitase a declaración de concurso, fosen declarados insolventes en calquera procedemento ou se atopen declarados en concurso, salvo que neste adquirise a eficacia un convenio, estean suxeitos a intervención xudicial ou sexan inhabilitados conforme a Lei 22/2003, do 9 de xullo, concursal, sen que concluíse o período de inhabilitación fixado na sentenza de cualificación do concurso.
Artigo 8. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa solicitante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) DNI ou NIE da persoa representante.
d) NIF da entidade representante.
e) Imposto de actividades económicas.
f) Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT para subvencións e axudas.
g) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
h) Certificado de estar ao día no pagamento coa Comunidade Autónoma de Galicia para percibir axudas e subvencións.
i) Consulta de concesións de subvenciones e axudas.
j) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.
k) Consulta de concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos pertinentes. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa solicitante ou persoa representante para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 9. Órganos competentes
A Subdirección Xeral de Artesanía, Entidades e Promoción Comercial será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión da subvención, así como para realizar a proposta de resolución, e correspóndelle á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditar a resolución que corresponda, sen prexuízo da delegación noutros órganos.
Artigo 10. Instrución dos procedementos
1. As axudas concederanse baixo o réxime de concorrencia non competitiva, xa que polo seu obxecto non é preciso realizar unha comparación e determinar unha orde de prelación entre as entidades solicitantes. De acordo co establecido nos artigos 19.2 e 31.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o órgano competente para a tramitación do procedemento instruirá os expedientes seguindo rigorosamente a orde de presentación das solicitude.
A subvención concederase en actos sucesivos ata o esgotamento do crédito a todas aquelas entidades beneficiarias que cumpran cos requisitos.
2. De conformidade co establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria requirirase a persoa interesada para que, no prazo máximo e improrrogable de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desiste da súa solicitude, logo da resolución ditada nos termos previstos no artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Este requirimento de emenda tamén se fará se das certificacións obtidas de conformidade co artigo 8 destas bases reguladoras resulta que a persoa solicitante non está ao día no pagamento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma ou coa Seguridade Social, ou no suposto de que sexa necesario achegar calquera outra documentación, logo de aplicarse o disposto na alínea d) do artigo 53.1 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
3. Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, o órgano instrutor poderá realizar de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución e poderá requirir á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
4. Os expedientes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases reguladoras ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de desestimación, na cal se indicarán as causas desta.
En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase a ditar a resolución de inadmisión e arquivamento das solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido no artigo 3 da orde de convocatoria.
Artigo 11. Resolución e notificación
1. O órgano instrutor formulará a proposta de resolución, que será elevada á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
2. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, á vista da proposta formulada polo órgano instrutor, ditará a correspondente resolución, que deberá estar debidamente motivada e expresará, cando menos, a actuación que se subvenciona e o seu custo, así como a subvención concedida e a súa contía ou, se é o caso, as causas da desestimación ou inadmisión.
Na resolución indicarase o importe previsto da axuda, expresado en equivalente bruto da subvención, e o seu carácter de axuda de minimis en aplicación do Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L).
En ningún caso o importe das subvencións concedidas poderá superar o custo da actividade que desenvolverá a entidade beneficiaria ou, se é o caso, a porcentaxe máxima do investimento subvencionable legalmente establecida.
3. Dado que os requisitos para ser entidade beneficiaria desta axuda se deben cumprir con anterioridade á presentación da solicitude e que as obrigas de preceptivo cumprimento se recollen nestas bases no artigo 20, non é necesaria a aceptación expresa ou tácita da resolución regulada no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e enténdese aceptada coa presentación da solicitude.
4. Os incrementos de crédito que se tramiten, así como o crédito liberado polas renuncias ou perdas do dereito ao cobramento das subvencións outorgadas, se for o caso, destinaranse á concesión de subvencións daquelas solicitudes que, por insuficiencia de crédito, non chegaron a obter subvención por orde de prelación conforme o artigo 2 da convocatoria.
5. No caso de que unha solicitude de axuda comprenda varias actuacións subvencionables e non exista crédito suficiente para atendelas todas, poderase estimar parcialmente a solicitude e conceder a axuda para aquelas actuacións en que exista crédito, logo da aceptación da entidade solicitante.
De producírense perdas do dereito ao cobramento noutras solicitudes ou de levárense a cabo as ampliacións ou redistribucións de créditos, poderanse atender na súa totalidade as solicitudes concedidas segundo o exposto no punto anterior, por orde de prelación.
6. A resolución será notificada individualmente ás persoas beneficiarias de acordo co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Non obstante, e de conformidade co establecido no artigo 45.1.b) da mesma lei, poderase substituír a notificación individual pola publicación no Diario Oficial de Galicia.
7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás entidades interesadas será de catro meses contados a partir do día seguinte ao do remate do prazo de presentación de solicitudes. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que se dite resolución expresa, as entidades interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 12. Réxime de recursos
As resolucións ditadas ao abeiro da correspondente orde de convocatoria porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, a persoa solicitante e outras posibles persoas interesadas poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.
b) Recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Artigo 13. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. O órgano competente para a concesión da subvención poderá acordar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria, sempre que se fundamente en circunstancias sobrevidas con posterioridade á resolución de concesión e que se cumpran, en todo caso, os seguintes requisitos:
1º. Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
2º. Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
3º. Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non supoñan a denegación da axuda ou subvención.
3. A persoa ou entidade beneficiaria deberá solicitar a modificación con carácter inmediato no momento en que se produzan as circunstancias sobrevidas, mediante instancia dirixida á persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos sinalados no punto anterior, cun límite dun mes antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento subvencionado, sen prexuízo do disposto no artigo 59 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación da resolución será ditado polo órgano concedente despois da instrución do correspondente expediente, en que se dará audiencia ás persoas interesadas.
Artigo 14. Renuncia
A renuncia á subvención, debidamente motivada, poderase facer por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 94 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. A persoa titular da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 21.1 da mesma lei.
Artigo 15. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas da persoa beneficiaria:
1º. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.
2º. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o desfrute da subvención.
3º. Someterse ás actuacións de comprobación que efectuará o órgano concedente, ou a calquera outra actuación de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal achegarán canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
4º. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, especificando aquelas axudas de minimis obtidas, para os efectos de poder comprobar o cumprimento do límite cuantitativo a que fai referencia o artigo 1.2 destas bases reguladoras. Así mesmo, comunicarase a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
Así mesmo, deberá comunicar a obtención de calquera aboamento ou desconto pola compra de bens ou pola contratación dos servizos para a execución do proxecto subvencionado.
5º. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución de concesión que está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte a Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, nos termos previstos no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6º. Manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, agás nos casos en que, pola súa natureza, as actuacións se esgoten co seu uso.
7º. Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso. Manter un sistema de contabilidade separada, de orixe e aplicación de fondos ou un código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas co proxecto ou actividade subvencionada.
Excepto aquelas entidades beneficiarias que pola normativa vixente estean exentas da obrigación de levar a cabo unha contabilidade, as entidades beneficiarias teñen a obrigación de acreditar que levan unha contabilidade separada ou un código contable adecuado para os gastos obxecto da subvención.
8º. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos previstos no artigo 33 da devandita lei.
9º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
10º. Adoptar as medidas de difusión contidas no número 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no artigo 20 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de desenvolvemento da dita lei, e no artigo 16 destas bases reguladoras.
11º. Evitar en todas as actuacións subvencionadas calquera imaxe discriminatoria da muller, fomentando a igualdade, así como evitar o uso dunha linguaxe sexista.
12º. Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos relacionados coa medición da I+D+i, entre outros, as enquisas do INE. Tendo en conta que a localización do proxecto ten que ser Galicia, os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia.
Artigo 16. Obrigas específicas de publicidade
As persoas beneficiarias deberán dar a adecuada publicidade do carácter público do financiamento en todas as actuacións que deriven da execución do proxecto, en cumprimento do artigo 15.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
En concreto, as entidades beneficiarias deberán facer constar o cofinanciamento da Xunta de Galicia en todas as actuacións, actividades e materiais que formen parte do proxecto financiado ao abeiro desta orde de axudas, coa inserción da imaxe corporativa institucional básica da Xunta de Galicia de conformidade co establecido no Decreto 112/2021, do 22 de xullo, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia, Igualmente, deberase incluír a marca Comercio Galego, de acordo coas indicacións que constan na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estará dispoñible xunto cun modelo de cartel.
Estas medidas de difusión deberán adecuarse ao obxecto subvencionado, tanto na súa forma como na súa duración.
Artigo 17. Devolución voluntaria da subvención
De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da subvención concedida, mediante o seu ingreso na conta de Abanca ES82 2080 0300 87 3110063172, en concepto de devolución voluntaria da subvención.
En todo caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.
Artigo 18. Xustificación da subvención
1. O pagamento final da subvención quedará condicionado á presentación da documentación xustificativa do investimento realizado segundo o modelo do anexo VII, na forma sinalada no artigo 7 da convocatoria e ata o prazo de tres meses desde a notificación de resolución de concesión e, en todo caso, ata o 13 de novembro de 2026 como máximo. Xunto con este anexo presentarase a seguinte documentación:
a) Xustificantes dos investimentos: facturas dos provedores e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil e con eficacia administrativa nos termos que se establezan regulamentariamente (importe sen IVE e importe total), en relación cos gastos subvencionables, emitidas dentro do período comprendido entre o 25 de outubro de 2025 e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión.
Cando a persoa beneficiaria non dispoña de facturas electrónicas para a xustificación da subvención, deberá achegar unha copia dos documentos orixinais en papel, de acordo cos procedementos que establece a normativa vixente.
As facturas deberán estar emitidas por provedores que presten os referidos servizos como actividade principal. Non serán admisibles as facturas emitidas por provedores cuxo obxecto social non se corresponda coa actividade subvencionable ou que non teñan a capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que semellen de compracencia (contido e formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, erros idénticos ou aparencia non habitual, entre outros).
b) Xustificación dos pagamentos: acreditarase a través de transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento que deberá estar realizada no período comprendido entre o 25 de outubro de 2025 e a data límite de xustificación establecida na resolución de concesión, e como máximo o 13 de novembro de 2026.
Nestes documentos deberán quedar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento, así como o número de factura obxecto do pagamento e a data deste. Non se admitirán os pagamentos en efectivo.
Así mesmo, non se admitirán como xustificantes os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da devandita entidade bancaria.
c) No caso de que a subvención concedida teña por obxecto a implantación ou mantemento dunha páxina web, acreditación do rexistro do dominio da páxina, a cal deberá estar en funcionamento no momento da xustificación.
d) No caso de servizos profesionais de xestión de redes sociais, acreditación do nome do usuario.
e) No caso da memoria-proxecto de dixitalización elaborada por persoa enxeñeira informática colexiada, deberá presentarse a dita memoria-proxecto.
f) No caso da liña de modernización comercial, fotografías das zonas reformadas que amosen as obras realizadas, así como dos equipamentos, instalacións, maquinaria e demais actuacións da liña de modernización que foron obxecto da subvención. As fotografías deberán estar tomadas desde o mesmo ángulo desde o cal se realizaron as remitidas coa solicitude.
g) No caso de axudas a proxectos de interiorismo, de decoración ou de obras do establecemento comercial, deberá presentarse o proxecto que incluirá planos e fotografías do establecemento.
h) No caso de actuacións da liña de sustentabilidade ambiental, presentarase:
– Unha declaración responsable da empresa provedora, segundo o modelo do anexo VIII que garanta a composición e características do material empregado de cada un dos investimentos xustificados, así como a súa descrición técnica (porcentaxe de reciclaxe, condicións de sustentabilidade, orixe orgánica etc.). Non se admitirán declaracións que non se axusten ao modelo establecido no anexo, coa consecuente perda do dereito ao cobramento da subvención concedida nesta liña.
– Fotografías do material subvencionado (bolsas, sobres, caixas etc.), nas cales se visualice claramente a marca Comercio Galego. A imaxe corporativa desta marca, estará á disposición das persoas/entidades beneficiarias na sede electrónica da Xunta de Galicia
i) Documentación gráfica acreditativa do cumprimento da obriga específica de publicidade do financiamento establecida no artigo 16 destas bases reguladoras, na cal se visualice o contido do cartel publicitario, e o lugar onde está colocado, de xeito visible para as persoas usuarias do establecemento comercial. Estará á disposición das persoas/entidades beneficiarias desta axuda un modelo de cartel na sede electrónica da Xunta de Galicia
j) Anexo IX, declaración responsable da existencia dun sistema de contabilidade separada ou código contable apropiado para todas as transaccións relacionadas co proxecto para o cal se solicita a subvención, debidamente asinado.
2. Os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes.
Artigo 19. Pagamento
1. Recibida a documentación xustificativa da subvención, os órganos competentes da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, antes de proceder ao seu pagamento, poderán realizar as actuacións de comprobación oportunas para verificar o cumprimento da actividade subvencionada.
2. O libramento da subvención aboarase, mediante transferencia bancaria á entidade financeira, ao número de conta designado pola persoa beneficiaria.
3. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao investimento concedido que serviu de base para a resolución de concesión, sempre que estea garantida a consecución do obxecto.
No caso de que o investimento xustificado non acade o 60 % do investimento subvencionado, declararase a perda total do dereito ao cobramento, tal e como se establece no artigo 20.4.
En caso de concorrencia con outras subvencións ou axudas observarase o establecido no artigo 2 destas bases reguladoras.
Artigo 20. Incumprimento, reintegros e sancións
1. Nos supostos de falta de xustificación, de concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou de incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora correspondente desde o momento do pagamento da subvención, incluíndo a data en que se acorde a procedencia do reintegro.
2. O procedemento para declarar a procedencia da perda deste dereito será o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomados en conta na concesión das axudas, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo poderá apreciar un incumprimento parcial, e deberá resolver sobre o seu alcance e declarar a perda parcial do dereito ao cobramento e, se é o caso, establecerá a obriga de reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo.
O alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables e, se é o caso, deberán reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción.
Procederá a perda do cobramento da subvención concedida na liña de sustentabilidade ambiental cando non se presente a declaración responsable do provedor respecto da composición e características do material subvencionado ou cando non se acredite adecuadamente que o dito material ten a marca Comercio Galego.
4. Declararase a perda total do dereito ao cobramento cando o cumprimento do conxunto das actuacións establecidas no artigo 4 destas bases reguladoras non acade o 60 % do investimento subvencionado. De ser o caso, iniciarase o procedemento de reintegro das cantidades percibidas en concepto de anticipo.
5. Procederá o reintegro parcial da axuda percibida en caso de incumprimento da obriga establecida no artigo 15.6 destas bases reguladoras de manter os investimentos subvencionados coa axuda outorgada e a aplicación dos fondos recibidos durante un período de dous anos desde a súa concesión, entendendo como tal ter mantido a actividade durante, polo menos, dezaoito meses e que a persoa beneficiaria acredite unha actuación inequivocamente tendente á satisfacción dos seus compromisos. A contía que se reintegrará será proporcional ao tempo que reste para o cumprimento dos dous anos.
6. Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da dita Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 21. Control
1. A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración poderá levar a cabo as actividades de inspección que considere oportunas para controlar o cumprimento das subvencións.
2. Á parte do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercido pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.
Artigo 22. Publicidade
Publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das subvencións concedidas con indicación da norma reguladora, a persoa beneficiaria, o crédito orzamentario, a contía e a finalidade da subvención.
Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000,00 €, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia e será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.
Así mesmo, a solicitude levará implícita a autorización, no suposto de que se conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e Sancións dependente da Consellería de Facenda e Administración Pública.
Artigo 23. Remisión normativa
Para todo o non previsto nestas bases aplicarase o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia; no Regulamento desta lei, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas; no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na anualidade; no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE do 15.12.2023, serie L), e no resto de normativa que resulte de aplicación.
Artigo 24. Medidas antifraude, corrupción e conflito de intereses
1. Son de aplicación a este procedemento o Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia, o Plan de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e o Plan específico de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, que poden consultarse nas seguintes ligazóns:
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/codigo-etico/plan-prevencion-riscos-medidas-antifraude-gal.pd
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/emprego-comercio-emigracion/plan-antifraude-conselleria-ece-2024.pdf
https://ficheiros-web.xunta.gal/transparencia/plans/antifraude/emprego-comercio-emigracion/plan-especifico-antifraude-dxcc.pdf
2. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo empregará como canle de denuncias o sistema posto en funcionamento, á disposición da cidadanía, a partir do 1 de xaneiro de 2022, no Sistema integrado de atención á cidadanía, onde os cidadáns poden denunciar calquera irregularidade ou conduta de fraude na seguinte ligazón: https://transparencia.xunta.gal/canle-de-denuncias
A presentación de denuncias nesta canle, que precisará da identificación electrónica da persoa denunciante para evitar suplantacións ou denuncias automatizadas, será tratada pola Administración autonómica garantindo o anonimato da persoa denunciante, de xeito que os órganos que deban investigar a denuncia non coñezan a identidade do denunciante.
A canle, ademais de pola cidadanía, poderá ser utilizada polos empregados públicos para presentar medidas de mellora dos procedementos ou das accións antifraude. Tamén na canle se poderán denunciar incidencias que sexan realizadas por empresas ou por beneficiarios de subvencións.
No punto de acceso electrónico á canle de denuncias, situado en SIACI, figurará unha declaración da Xunta en que constará expresamente que, con independencia da necesaria identificación electrónica para a presentación da denuncia, os datos serán tratados anonimizadamente mediante tecnoloxías de información para garantir a indemnidade da persoa denunciante e evitar calquera tipo de eventual represalia sobre ela, en termos semellantes aos establecidos na directiva europea.
A xestión da canle de denuncias corresponderá á Dirección Xeral de Simplificación Administrativa e do Patrimonio.
3. A investigación e tratamento das denuncias presentadas axustarase ao disposto nos números 2.3.2 e 2.3.3 do Plan xeral de prevención de riscos de xestión e medidas antifraude da Xunta de Galicia.
4. Así mesmo, en relación co reforzo de mecanismos para a prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses, as unidades tramitadoras e os órganos competentes para instruír e resolver estas axudas, deberán asinar electronicamente unha declaración de ausencia de conflito de intereses (DACI), da cal quedará constancia no expediente. Esta formulación realizarase unha vez coñecidas as persoas/entidades solicitantes.
ANEXO II
Epígrafes do IAE subvencionables
641. Comercio polo miúdo de froitas, verduras, hortalizas e tubérculos.
642. Comercio polo miúdo de carnes e despoxos; de produtos derivados cárnicos elaborados: de ovos, aves, coellos de granxa, caza e de produtos derivados deles.
643. Comercio polo miúdo de peixes e doutros produtos da pesca e da acuicultura e caracois.
644. Comercio polo miúdo de pan, pastelaría, confeitaría e similares, e de leite e produtos lácteos.
645. Comercio polo miúdo de viños e bebidas de todas as clases.
647. Comercio polo miúdo de produtos alimenticios e bebidas en xeral (agás 647.4 e 647.5).
651. Comercio polo miúdo de produtos téxtiles, confección, calzado, peles e artigos de coiro.
652. Comercio polo miúdo de medicamentos, artigos de drogaría e limpeza, perfumaría e cosméticos (agás 652.1).
653. Comercio polo miúdo de artigos para o equipamento do fogar e a construción (agás 653.4).
656. Comercio polo miúdo de bens usados tales como mobles, pezas de roupa e utensilios ordinarios de uso doméstico.
657. Comercio polo miúdo de instrumentos musicais en xeral, así como dos seus accesorios.
659. Outro comercio polo miúdo.
665. Actividades empresariais de comercio realizadas fóra do establecemento permanente: «comercio retallista por correo ou catálogo». No caso de comercio en liña, non será subvencionable a comercialización en liña de produtos non comprendidos no anexo II nin produtos ou servizos non comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 13/2010, do 17 de decembro, do comercio interior de Galicia.
ANEXO III
Epígrafes do IAE subvencionables
255.2. Fabricante de xabóns de tocador e produtos de perfumaría.
253.6. Fabricante de aceites esenciais e substancias aromáticas.
41. Industria de produción de produtos alimenticios.
421. Industria de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.
423.1. Elaboración de café e té e sucedáneos de café.
43. Industria téxtil.
44. Industria do coiro.
45. Industria do calzado e vestido e outras confeccións téxtiles.
ANEXO IV
Requisitos das actuacións subvencionables
a) Páxinas web.
As páxinas web deberán ter as seguintes características técnicas:
– Rexistro do dominio por un período dun ano, en que figure como titular o negocio para o cal se desenvolve o servizo.
– Proporcionar o aloxamento (hosting) durante un ano, para que a web estea dispoñible durante ese período de tempo.
– O hosting deberá dispoñer de certificado para comunicacións seguras SSL e estar configurado para que empregue o protocolo https.
– A páxina web debe conter, polo menos, 4 seccións ou epígrafes, tales como inicio, empresa, servizos ou produtos e contacto.
– Sen prexuízo das seccións ou epígrafes anteriores, a web deberá incluír aqueles textos legais necesarios para o cumprimento normativo, así como un sistema de xestión de cookies que permita seleccionar ao usuario as cookies ou grupos de cookies que desexa autorizar a instalar segundo a finalidade destas.
– Web autoxestionable: deberá contar cun panel de xestión dos contidos para que o beneficiario poida cambiar a información do sitio web.
– Web responsive: debe estar adaptada a todos os dispositivos.
– Incorporaranse ligazóns ás redes sociais da empresa se esta dispón delas.
– A web deberá ser desenvolvida para o comercio nun xestor de contidos (CMS) ou á medida, de forma que permita o acceso ao código para futuros cambios e melloras da web con independencia da empresa que a desenvolva. A web deberá ser en propiedade e nunca en alugamento. Exclúense desta subvención as solucións cloud propietarias e pechadas.
– A páxina web contará cunha optimización SEO básica que implicará que todas as páxinas leven título, descrición e os elementos fundamentais como un robots.txt axeitado e un sitemap do sitio.
– As imaxes deberán estar optimizadas empregando a resolución óptima para web de 72 dpi e procurando que o seu peso sexa o menor posible.
– Deberá ter instalada unha ferramenta de analítica web para o coñecemento do tráfico da páxina por parte do negocio.
No caso de páxinas web con venda en liña, ademais das características técnicas previstas anteriormente deberán:
– Dispoñer dun sistema de xestión para a venda dos produtos por parte do comerciante.
– No caso de que se solicite a ferramenta de xestión, estar sincronizada co sistema de xestión do establecemento comercial.
– Ter dispoñible para a venda en liña un mínimo do 50 % das referencias de que se dispón na tenda física.
– Ter pasarela de pagamento.
As páxinas web deberán cumprir as seguintes consideracións legais en materia de información:
Todas as webs deberán cumprir coa Lei 34/2002, do 11 de xullo, de servizos da sociedade da información e do comercio electrónico. Especificamente, deberán contar cun aviso legal onde figure a información do responsable do sitio e as condicións xerais de uso da web. Incluirán, por tanto, a páxina de política de cookies e aviso legal.
Adicionalmente, incluirán a páxina de política de privacidade, en que se especificarán as condicións do tratamento dos datos persoais (RXPD e LOPDGDD).
Así mesmo, deberán cumprir cos requisitos exixidos no Real decreto lexislativo 1/2007, do 16 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral para a defensa dos consumidores e usuarios e outras leis complementarias, en especial o contido no artigo 97 (información contractual), e nos artigos relativos as cláusulas abusivas (artigos 82 a 91).
Deberán ter en conta, ademais, o establecido no Regulamento (UE) nº 524/2013 do Parlamento Europeo e Consello, do 31 de maio de 2013, sobre resolución de litixios en liña en materia de consumo e polo que se modifican o Regulamento (CE) nº 2006/2004 e a Directiva 2009/22/CE, así como a Lei 2/2012, do 28 de marzo, galega de protección xeral de persoas consumidoras e usuarias.
Todo isto sen prexuízo do cumprimento das demais disposicións vixentes que en materia de servizos da sociedade da información e de comercio electrónico e de defensa dos consumidores lles sexa de aplicación.
b) Xestor de redes sociais.
Os servizos profesionais de xestión de redes sociais deberán incluír, como mínimo:
– Un mínimo de dúas publicacións en redes sociais por semana e un plan de contidos mensual consensuado co negocio.
– Contidos multiformato: texto, imaxe, vídeo, story sobre a empresa, o sector e as áreas relacionadas co negocio que poidan interesar ás persoas seguidoras das súas redes sociais.
– Imaxes non pixeladas e cun mínimo de 72 dpi e 600×600 píxeles.
– Creación e deseño de contidos de calidade que melloren a imaxe dos produtos e o posicionamento da empresa.
