BDNS (Identif.): 879455.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/879455
Primeiro. Obxecto
Establecer as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e convocalas para os anos 2026 e 2027.
Segundo. Beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias as persoas solicitantes que cumpran os seguintes requisitos:
a) Posuír algunha das titulacións universitarias seguintes:
– Grao en Biblioteconomía e Documentación.
– Grao en Información e Documentación.
– Grao en Xestión de Información e Documentación Dixital.
– Grao en Lingua e Literatura Galega/Española/Estranxeira/Comparada.
– Grao en Historia.
– Grao en Historia da Arte.
– Grao en Humanidades.
– Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural.
– Grao en Xestión Cultural.
– Mestrado oficial en materia de bibliotecas, con independencia da titulación de grao de acceso ao dito mestrado.
Para os efectos previstos nesta letra, asimilaranse ao título de grao as titulacións equivalentes segundo o Espazo Europeo de Educación Superior.
A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes, e ter rematado os estudos conducentes ao título no curso académico 2014/15 ou posterior.
b) Estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. Non poderán ser beneficiarias desta axuda:
a) As persoas que desempeñen un emprego remunerado ou gocen doutra bolsa remunerada con fondos públicos, sen prexuízo do sinalado no parágrafo segundo do punto 3 deste artigo.
No caso de ter emprego remunerado ou gozar doutra bolsa ou axuda financiada con fondos públicos no momento de presentación da solicitude, a persoa solicitante comprométese expresamente a renunciar con anterioridade ao momento da incorporación ao centro ao que sexa destinado/a.
b) As persoas que ocupasen un posto de traballo como técnico bibliotecario durante máis de seis meses.
c) As persoas que se beneficiasen anteriormente destas mesmas bolsas durante un período superior aos seis meses.
d) Quen, sendo adxudicatario desta mesma bolsa nunha convocatoria anterior, non se incorporase ao centro de destino ou renunciara a ela logo de iniciado o período de vixencia, sen causa debidamente xustificada. Considérase xustificada a renuncia cando se deba á obtención doutra bolsa ou emprego incompatible con aquela.
e) Aquelas persoas que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia ou no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
3. A concesión da bolsa será incompatible con calquera outra bolsa que supoña remuneración directa ou axuda financiada con fondos públicos.
Tamén será incompatible co desempeño dun emprego remunerado, agás os que teñan carácter esporádico cunha duración acumulada inferior a dous meses durante o período de duración da bolsa, sempre que isto non afecte a actividade habitual no exercicio desta.
Terceiro. Características das bolsas
1. O número total de bolsas convocadas é de trinta e tres (33), que se desenvolverán nos centros seguintes:
|
Centro de destino |
Número de bolsas |
|
Biblioteca de Galicia |
7 |
|
Biblioteca Pública de Santiago de Compostela Ánxel Casal |
4 |
|
Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés |
4 |
|
Biblioteca Pública de Lugo |
4 |
|
Biblioteca Pública de Ourense Nós |
4 |
|
Biblioteca Pública de Pontevedra Antonio Odriozola |
4 |
|
Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel |
5 |
|
Biblioteca Pública Municipal de Ferrol (Central) |
1 |
2. As bolsas darán comezo dentro do prazo que se estableza na resolución de concesión, non antes do 16 de xuño de 2026, e finalizarán o 15 de xullo de 2027. Terán unha duración máxima de trece meses e 1.981 horas lectivas.
3. As xornadas formativas adecuaranse ao horario da biblioteca de destino sen que poidan exceder as 7 horas diarias nin 35 semanais.
4. O persoal bolseiro poderá dispoñer de ata un máximo de dez días de non asistencia ao centro por motivos particulares, logo de autorización por parte da dirección da biblioteca. Estas ausencias serán remuneradas e non terán que ser xustificadas nin recuperadas. No caso de non completar a totalidade da bolsa, ben por incorporación posterior ao 16 de xuño de 2026 ou por renuncia anticipada, o número de días de ausencia autorizada minorarase proporcionalmente, a razón de un día por cada cinco semanas de redución da bolsa.
5. A formación comprenderá o uso e tratamento dos fondos bibliográficos, a atención aos usuarios e a planificación, xestión e execución dos distintos servizos bibliotecarios, en prol da adquisición de competencias nas áreas profesionais que se recollen no anexo I da orde de bases reguladoras e convocatoria.
Contará cunha parte teórica e outra práctica que será titorizada por persoal técnico bibliotecario baixo a coordinación da Dirección Xeral de Cultura.
6. A dotación de cada bolsa é de 1.010,00 € brutos mensuais.
7. De conformidade co disposto no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, as persoas bolseiras estarán incluídas no réxime xeral da Seguridade Social por continxencias comúns e profesionais. Non existirá obriga de cotizar pola continxencia de desemprego, así como tampouco ao Fondo de Garantía Salarial nin por formación profesional.
8. As persoas adxudicatarias adquiren exclusivamente a condición de bolseiros, coas obrigas e dereitos inherentes a esta, conforme estas bases, sen ningún outro vínculo laboral ou administrativo coa Administración autonómica.
Cuarto. Bases reguladoras
Orde do 15 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras das bolsas de formación en biblioteconomía e se convocan para o período 2026-2027 (código de procedemento CT233A).
Quinto. Financiamento
A dotación deste programa, que ten carácter plurianual, é de 463.208,00 €, distribuídos como segue:
– Para a dotación das bolsas destinaranse 433.290,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.480.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027 (216.645,00 € en cada unha das dúas anualidades).
– Para as cotizacións á Seguridade Social destinaranse 29.918,00 € con cargo á aplicación orzamentaria 13.03.432A.484.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2026 e 2027 (14.959,00 en cada unha das dúas anualidades).
Sexto. Prazo de presentación de solicitudes
Un mes desde o día seguinte ao da publicación deste extracto no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2025
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude
P.D. (Orde do 28.6.2024; DOG núm. 130, do 5 de xullo)
Elvira María Casal García
Secretaria xeral técnica da consellería de Cultura, Lingua e Xuventude
