DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2026 Páx. 1608

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude

DECRETO 131/2025, do 22 de decembro, polo que se declaran ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia.

I

Galicia posúe un rico patrimonio inmaterial, herdado e enriquecido xeración tras xeración, que chegou ata os nosos días, principalmente por transmisión oral. A nosa cultura tradicional ten na música e no baile unha das manifestacións culturais máis significativas. Na tradición cultural galega o baile precisa da música para expresarse, polo que é inseparable dela; porén, a música posúe variados e senlleiros xeitos de expresión, tanto no ámbito do baile coma fóra del.

A práctica tradicional do baile e da música ten unha fonda pegada no pasado e no presente de Galicia. A dimensión histórica desta manifestación inmaterial cultural está moi presente na literatura etnográfica histórica. Neste sentido, foron moitos os autores que, desde finais do século XIX, estudaron esta senlleira expresión cultural, unha das de maior importancia na vida rural galega. Obras clásicas como os ensaios etnográficos de Vicente Risco, monografías como Galicia Máxica ou La Galicia insólita. Tradiciones Gallegas de Antón Fraguas ou os traballos de Eladio Portela seguen a ser referencias importantes para entender como se cantaba e se bailaba na Galicia do primeiro terzo e de mediados do século XX. A estes traballos pódense engadir as contribucións de Xaquín Lorenzo no eido da etnografía. En décadas máis recentes, e desde a antropoloxía, as investigacións de Manuel Mandianes, Carmelo Lisón Tolosana ou Xosé Ramón Mariño Ferro, entre moitas outras, viñeron enriquecer o coñecemento científico desta senlleira manifestación da cultura tradicional de Galicia. Finalmente, son dignos de destacar tamén os traballos de etnógrafos como González Reboredo, Xosé Chao e Clodio González Pérez.

Antigamente, a práctica lúdica da música e do baile desenvolvíase tanto nos bailes das festividades parroquiais e verbenas coma nas xuntanzas locais lúdicas celebradas fóra do calendario festivo anual, nas cales realizábanse diversas actividades comunitarias ou grupais, xa fosen centradas en actividades de traballo ou de lecer. Nestas xuntanzas cantábase e bailábase, pero tamén se contaban contos, lendas, historias ou noticias; aquí fluía información e cultura entre as persoas asistentes, de xeito que estas reunións eran actos sociais de afirmación e cohesión grupal. Esta xuntanza recibe diversos nomes segundo as comarcas, deles os máis estendidos son foliada, serán, ruada, fiadeiro ou polavila.

Así, a práctica lúdica e tradicional da música e do baile realizábase durante todo o ano. No verán xuntábanse as xentes nas verbenas para gozar da música e do baile; en canto que durante o resto do ano, habitualmente o inverno, entre o mes de outubro e o Entroido, era tempo propicio para a foliada ou o serán.

Estes encontros supuñan unha notable actividade sociocultural, ao serviren para favorecer as relacións sociais da veciñanza, sobre todo da xente máis nova. Así mesmo, era tamén un xeito de manter vivo e de transmitir o noso patrimonio musical, as nosas tradicións e a nosa literatura oral.

A mediados do século XX a cadea secular de transmisión e reprodución do patrimonio cultural inmaterial galego sufriu un grave impacto e un forte menoscabo, consecuencia do principio da fin da sociedade tradicional. A reacción da sociedade civil, asociacións e persoas singulares, conseguiu salvar e documentar a música e o baile tradicionais de Galicia. Estes mesmos axentes sociais, tanto persoas individuais coma asociacións folclóricas, asumiron con grande esforzo e notable éxito a tarefa de transmitir e manter vivo este noso patrimonio cultural inmaterial, e foron quen de reintegrar nos tempos actuais esta senlleira tradición dos devanceiros.

No día de hoxe, a práctica lúdica do baile e da música é, en xeral, autoxestionada polas comunidades locais na organización de múltiples eventos. A carón das verbenas, que se estenden desigualmente por todo país, despunta como un valor engadido do propio ben o rexurdimento e reintegración das foliadas ou seráns na práctica e gozo desta manifestación, ao tempo que actúan como salvagarda e motor de transmisión dos saberes musicais e culturais relacionados con el.

A interrupción das canles de transmisión que se deu a partir da segunda metade do século XX na oralidade está a ser revertida no contexto da aprendizaxe desta manifestación nos cursos e ensino non regrada que organiza a sociedade civil, a través das asociacións culturais e das agrupacións folclóricas. Así, a aprendizaxe realizada nestes contextos reverte en diferentes xeitos de practicar a música e o baile tradicionais, e constitúe unha práctica viva, diversa, dinámica e participativa do amplo repertorio de prácticas e saberes tradicionais, cuxo valor patrimonial e identitario é recoñecido e asumido pola comunidade de xeito crecente e plural.

O ensino que se leva a cabo nas asociacións culturais e nas agrupacións folclóricas implica a creación e a consolidación de profesionais vencellados á cultura tradicional, mestres e escolas de baile, danza e música tradicionais, e posibilita que un número significativo de persoas teña como profesión estable e de futuro o ensino e a práctica da música e do baile tradicionais. O aprendido nas asociacións e agrupacións culturais e folclóricas, principal foco de ensino e transmisión deste ben de interese cultural, practícase despois en verbenas e foliadas.

Así mesmo, desde o punto de vista social, a práctica da música e do baile tradicionais constitúe un espazo de intercambio, de aprendizaxe, de sociabilidade, de diálogo e incluso de conflito en que se constrúen, deconstrúen e reconstrúen prácticas, dinámicas, corporalidades, roles de xénero e diversidades que son reflexo dos debates contemporáneos da sociedade galega. Son eventos festivos interxeracionais nos cales unhas xeracións dialogan con outras, ao tempo que os modelos musicais e de baile patrimoniais se expresan en espazos de apertura, onde cada quen pode intervir en liberdade, a partir da súa propia subxectividade, propoñendo novas formas de innovación cultural que a comunidade participante incorporará ou esquecerá.

Porén, no camiño da súa reintegración no presente, a transmisión tradicional desta manifestación, debido á mudanza dos seus contextos, perdeu en certa medida a práctica dos bailes pautados, asociados a determinadas melodías e ritmos, bailes que posúen coreografías de conxunto específicas –como por exemplo a muiñeira vella, algunhas carballesas ou as xotas cruzadas–. Por seren manifestacións que amosan debilidades de cara ao seu legado ás xeracións vindeiras, estes bailes pautados precisan de especial atención e salvagarda.

Histórica e tradicionalmente, os bailes e a música gozaron de numerosas e ricas variantes comarcais que se recreaban nas festas, bailes e demais celebracións lúdicas e, deste xeito, transmitían ás xeracións futuras este patrimonio inmaterial herdado. Hoxe en día, o paradigma da globalización e as consecuencias da posmodernidade traen como consecuencia que se levasen alén das súas comarcas de orixe movementos e puntos, transmitidos polos seus documentadores –asociacións folclóricas e persoas individuais ao longo do século XX– no ensino realizado nas asociacións e agrupacións. Isto ten a virtude de enriquecer o acervo da tradición local á cal chega, pero tamén pon en risco de esquecemento ou menoscabo determinados puntos e movementos representativos de cada comarca, co perigo de perda do contexto cultural local, de menoscabo da riqueza e variedade cultural e da uniformidade da práctica.

A toma de conciencia da importancia cultural da música e o baile está ligada tamén ás asociacións folclóricas e ás representacións escénicas de recreación que realizan, de xeito que constitúen un signo identitario e de autenticidade ou enxebreza para o imaxinario colectivo. Estes espectáculos fan parte tamén do patrimonio cultural inmaterial galego, tanto por seren transmisores, estudosos e custodios de saberes do patrimonio inmaterial e da súa documentación, como por seren parte fundamental da difusión da identidade cultural galega e da súa integración nos estándares da cultura occidental.

II

A Convención da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (Unesco) para Salvagardar o Patrimonio Cultural Inmaterial define o patrimonio inmaterial como os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas –xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espazos culturais que son inherentes a eles– que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural, e que se transmite de xeración en xeración, recreado constantemente polas comunidades e grupos en función do seu ambiente, a súa interacción coa natureza e a súa historia, introducindo un sentimento de identidade e continuidade, e contribuíndo, deste xeito, ao respecto da diversidade cultural e á creatividade humana.

O Plan nacional de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial afonda na importancia de valorizar o protagonismo das comunidades, grupos e individuos, posuidores e titulares das iniciativas e actuacións encamiñadas á investigación, documentación, promoción, transmisión, formación e difusión das manifestacións inmateriais da cultura.

A Comunidade Autónoma de Galicia, ao abeiro do artigo 149.1.28 da Constitución e, segundo o disposto no artigo 27 do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia exclusiva en materia de patrimonio cultural e, en exercicio desta, apróbase a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia (LPCG).

O artigo 1.2 da LPCG establece que o patrimonio cultural de Galicia está constituído polos bens mobles, inmobles ou manifestacións inmateriais que, polo seu valor artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial, científico e técnico, documental ou bibliográfico, deban ser considerados como de interese para a permanencia, recoñecemento e identidade da cultura galega a través do tempo, e tamén por aqueles bens ou manifestacións inmateriais de interese para Galicia nos cales concorra algún dos ditos valores e que se atopen en Galicia, con independencia do lugar en que se teñan creado.

O artigo 8.2 da LPCG dispón que terán a consideración de bens de interese cultural aqueles bens e manifestacións inmateriais que, polo seu carácter máis sobranceiro no ámbito da Comunidade Autónoma, sexan declarados como tales por ministerio da lei ou mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de patrimonio cultural, e inscribiranse no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, despois da incoación e tramitación do expediente, segundo ditaminan o título I da LPCG e o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural de Galicia e se crea o Rexistro de Bens de Interese Cultural.

O artigo 9.3.a) da LPCG establece que se consideran bens do patrimonio cultural inmaterial os usos, as representacións, as expresións, os coñecementos e as técnicas, xunto cos instrumentos, os obxectos, os artefactos e os espazos culturais que lles son inherentes, que as comunidades, os grupos e, nalgúns casos, os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. En concreto, por unha banda, no número 4 deste artigo inclúense as artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes e, por outra, no número 5 os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos.

O artigo 91 da LPCG indica que integran o patrimonio etnolóxico de Galicia os lugares, os bens mobles ou inmobles, as expresións, así como as crenzas, os coñecementos, as actividades e as técnicas transmitidas por tradición, que se consideren relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia.

III

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural publica no Diario Oficial de Galicia número 227, do 25 de novembro, a Resolución do 10 de outubro de 2024, da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola que se incoa o procedemento para declarar ben de interese cultural do patrimonio inmaterial a música e o baile tradicionais de Galicia.

O artigo 18.2 da LPCG establece que é necesario o informe favorable e motivado sobre o seu valor cultural sobranceiro de, polo menos, dúas das institucións consultivas especializadas ás cales se refire o artigo 7 do citado texto legal. Logo de realizado este trámite, constan no expediente administrativo os dous informes favorables e motivados sobre o valor cultural sobranceiro da manifestación inmaterial precisos para proceder á declaración de ben de interese cultural da música e o baile tradicionais de Galicia.

No período de exposición pública da proposta de incoación e do expediente administrativo presentáronse varias alegacións. Cómpre sinalar que a participación cidadá neste expediente, nomeadamente a realizada a través dalgunha das alegacións presentadas durante a súa tramitación, permitiu mellorar o seu contido ao achegar unha visión máis ampla, plural e enriquecedora sobre a manifestación do patrimonio inmaterial e as diferentes formas que existen, dentro da comunidade portadora, de sentila, vivila e, por tanto, de verse identificada na caracterización que da música e do baile tradicional galego se fai neste expediente.

A tramitación administrativa deste expediente ten en conta, como non podería ser doutra forma, a Carta de Faro (Convenio marco do Consello de Europa sobre o valor do patrimonio cultural para a sociedade, 2005) e nela pártese da visión do patrimonio cultural inmaterial centrada nas persoas e nos seus dereitos culturais.

A participación das comunidades portadoras, tal e como se favoreceu durante a súa tramitación con, entre outras cuestións, a apertura dun amplo prazo de alegacións de tres meses, non só é un principio fundamental que garante o recoñecemento da manifestación cultural polas persoas e as comunidades portadoras que a recoñecen como parte da súa herdanza cultural e da súa identidade como pobo, é unha ferramenta imprescindible para a completar a mellor caracterización do ben inmaterial que se está a recoñecer.

As distintas alegacións presentadas axudaron a completar e mellorar a definición colectiva de significados, valores, expresións, usos, costumes e funcións sociais propias desta manifestación cultural entendida como un ben sobranceiro do patrimonio cultural galego.

Na tramitación do expediente, por tanto, cumpríronse todos os trámites legalmente preceptivos de acordo coa normativa vixente.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco,

DISPOÑO:

Primeiro. Declaración de ben de interese cultural

Declarar ben de interese cultural a música e o baile tradicionais de Galicia, conforme o descrito no anexo I deste decreto.

Segundo. Anotación no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia

Ordenar que se anote esta declaración de ben de interese cultural no Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia e que se comunique ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural da Administración xeral do Estado.

Terceiro. Publicación

Publicar este decreto no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Cuarto. Notificación

Notificar este decreto ás entidades identificadas como portadoras do coñecemento e das cales consta no expediente unha actividade moi relevante para a salvagarda da manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

Quinto. Recurso

Contra este acto, que esgota a vía administrativa, as persoas interesadas poden interpoñer potestativamente recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación ante o órgano que ditou o acto ou, directamente, interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira. Eficacia

Este decreto terá eficacia desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de decembro de dous mil vinte e cinco

O presidente
P.S. (Artigo 26.7 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro,
da Xunta e da súa Presidencia)
Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

José Carlos López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude

ANEXO I

A música e o baile tradicionais de Galicia

1. Denominación: a música e o baile tradicionais de Galicia.

2. Manifestación:

Atendendo ao disposto na Lei 10/2015, do 26 de maio, para a salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, artigo 2, este ben de interese cultural pode incluírse nas seguintes categorías:

• Tradicións e expresións orais, incluídas as modalidades e particularidades lingüísticas.

Polo indubidable valor cultural da literatura oral da lírica tradicional, das coplas, dos romances e das cantigas que, entre outros valores, reflicten, así mesmo, ideas e metáforas culturalmente pautadas e variedades lingüísticas.

• Artes do espectáculo.

Creadas polas propias comunidades de portadores, as representacións en escenario forman parte da música e do baile tradicional galego polo menos desde finais do século XIX, de xeito que fan parte do imaxinario cultural e identitario galego.

• Usos sociais, rituais e actos festivos.

A música e o baile, polas súas características específicas, encádranse evidentemente dentro desta categoría.

• Formas de socialización colectiva e organizacións.

A práctica do baile e da música tradicional é de seu un xeito de socialización colectiva, afirmación grupal e de organización grupal.

• Manifestacións sonoras, música e danza tradicional.

A propia natureza do ben declarado xustifica a súa inclusión nesta categoría.

Pola súa banda, atendendo ao artigo 9.3 da Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, o BIC da música e do baile tradicionais de Galicia pode ser encadrado de acordo co seguinte:

• A lingua, como vehículo do patrimonio cultural inmaterial.

• As artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes.

• Os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos.

3. Obxecto: son obxecto desta declaración a música e o baile tradicionais de Galicia, en toda a súa ampla e rica manifestación:

• A música tradicional, como soporte e parte fundamental do baile tradicional galego, en calquera das súas manifestacións e en calquera dos seus ámbitos, defínese polas súas formas, características modais e estruturas melódicas específicas, documentadas e herdadas da tradición.

• Os bailes que se executan seguindo os códigos e as convencións propias do baile tradicional galego, consonte a orde estrutural subxacente da manifestación: puntos, movementos, xeitos, colocación corporal, posicións de pés e brazos, braceos e coreografías de conxunto, sen prexuízo de estaren suxeitos á reintegración dinámica da cultura. Esta manifestación é participativa, espontánea, colectiva, aberta, improvisada segundo pautas, flexible e contextual.

• Os bailes pautados que se executan segundo fórmulas preestablecidas de puntos, xeitos, movementos e coreografías, por veces asociadas a melodías determinadas. Está aberta a todas as persoas que coñezan ese baile concreto. É unha manifestación participativa, espontánea, colectiva, aberta, pautada e prefixada.

• Os bailes que representan en recreacións e reconstrucións escénicas as agrupacións folclóricas, a xeito de mostra documental e exhibición dos bailes recollidos no pasado polas propias asociacións e, xa que logo, creados pola propia comunidade de portadores. Empregan as convencións propias do baile tradicional galego (puntos, movementos, xeitos, colocación corporal, posicións de pés e brazos, braceos, coreografías de conxunto, etc.). Adoita usar nas representacións réplicas analóxicas de indumentaria decimonónica. Posúen un forte valor de identidade cultural, enraizada na herdanza e perduración do pasado. Son manifestacións da arte do espectáculo, executadas para seren contempladas.

4. Definición:

A música tradicional galega é a arte de combinar os sons harmonicamente seguindo unhas determinadas regras, normas, costumes e tradicións do noso pobo. Caracterízase polas súas formas –muiñeiras, xotas, agarrados...–; instrumentos –de vento, como a gaita; de percusión, como a pandeireta, o pandeiro, o tambor ou o bombo, e a voz humana, entre outros–, e agrupacións musicais –informais ou formais–.

A música tradicional galega comparte características coas das áreas veciñas de Asturias, Portugal e León e, en xeral, coa tradición musical de Europa Occidental.

A música tradicional galega estrutúrase arredor de formas musicais específicas que definen a súa identidade sonora; delas a muiñeira representa o ritmo máis característico e diferencial. A xota, en todas as súas variantes, comparte protagonismo coa muiñeira na práctica lúdica da música e do baile tradicionais, e ambas as dúas son manifestacións tradicionais máis identitarias e estendidas. A orde estrutural interna da música de Galicia foi quen de integrar outros ritmos á tradición lúdica do baile, ben da tradición europea, coma o pasodobre, o valse, a mazurca ou as polcas, ben da tradición latinoamericana, coma a rumba.

Como norma xeral, a música tradicional serve de soporte ao baile tradicional; porén, fan tamén parte da música tradicional e, xa que logo, obxecto desta declaración, aqueloutras manifestacións musicais que non están ligadas ao baile nin lle serven de soporte, como poden ser alboradas, alalás, pasacalles, cantos de sega, marchas procesionais, alzamentos, cantos de Nadal e Reis, romances, regueifas ou outras formas de improvisación cantada, etc.

O baile tradicional galego é unha expresión artística relevante e herdada que, máis aló da beleza estética dos seus movementos harmónicos ou acompasados, ou da súa expresividade e sensibilidade asociada á capacidade e á habelencia física, é unha ferramenta de identificación social, un exercicio de comunicación e afirmación que colabora na cohesión entre as persoas dunha comunidade e que propicia unha canle de comunicación lúdica e activa, convidando ao aprecio e ao intercambio de coñecementos e experiencias.

A foliada caracterízase por ser unha manifestación social participativa, comunitaria, cun alto grao de improvisación e espontaneidade tanto formal como musical, en que se producen simultaneamente o canto, o baile e a práctica instrumental da música tradicional galega, entendida esta como o resultado, aberto e en constante dinamismo, dos diversos e numerosos procesos de transmisión, creación, selección e incorporación dos saberes e patrimonios musicais relacionados co ben.

O baile tradicional desenvólvese a partir da práctica e gozo social do repertorio musical galego e do baile que lle é propio, dispoñendo dunha serie de características específicas e identitarias que o fan recoñecible para a súa comunidade: ritmos, compases e acentuacións; escalas ou modos de uso; elementos vocais, instrumentais, organolóxicos e tímbricos; características lingüísticas, fonéticas, literarias e poéticas; movementos, dinámicas espaciais e bailes específicos; coñecementos e técnicas artesanais e de luthería. Alimentouse e enriqueceuse ao longo do tempo, nun proceso constante de creación colectiva que tamén se viu influenciado polas características culturais e musicais dos diversos territorios en que asentou e se asenta a comunidade galega e que escolleu como propias, incorporándoas ao seu patrimonio musical.

Os bailes son coñecidos popularmente como «soltos» e «agarrados». Os «soltos» son muiñeiras e xotas principalmente e ambos os xéneros están enormemente estendidos por toda a xeografía cultural galega –dispoñendo de variantes múltiples– e aínda que o seu sentido principal é a comunicación e gozo coa parella e co grupo, tamén poden ter unha compoñente de expresión e lucimento individual.

Unha das características senlleiras do baile solto é que, partindo do punto que unha persoa marca (ou saca) diante do seu par (pero para ser visto por todo o conxunto de bailadores, ou roda), se produce un baile en parella (entendida esta dun xeito amplo e non necesariamente baixo a fórmula binaria home/muller). Desde a parella pode trasladarse ao resto de bailadores e bailadoras, o que produce, en moitos casos, grupos de maior tamaño, convertendo esta manifestación no baile sociocomunitario máis característico de Galicia. Este feito outórgalle ao baile solto tradicional galego unha serie de características únicas, pois é ao mesmo tempo un baile solista (quen saca o punto é quen decide como se vai bailar nese momento); tamén é un baile en parella, porque se baila diante do par e con el; é grupal, pois o grupo repite o punto e crea unha coreografía. Ao mesmo tempo é improvisado e pautado, pois ben que se improvisa o punto inicial, este debe seguir as convencións tradicionais. Tanto o baile como a música, no seu conxunto, estrutúranse segundo pautas determinadas, conservando o xeito, colocación corporal, posición de pés e brazos, braceos, figuras, orde e protocolos do baile tradicional.

Os chamados «agarrados» son un grupo formado por un abano heteroxéneo de xéneros musicais, de procedencias diversas, que se foron incorporando ao patrimonio musical galego por seren bailables (pasodobres, valses, mazurcas, polcas, rumbas e outros).

5. Ámbito de desenvolvemento:

O baile e a música tradicionais de Galicia están profusamente estendidos por toda a xeografía galega, aínda que as súas características específicas varían segundo as comarcas.

6. Cantareiras e pandeireteiras:

Nesta declaración é imprescindible subliñar e recoñecer o protagonismo da muller na manifestación cultural inmaterial da música e do baile tradicionais de Galicia.

As pandeireteiras e cantareiras, como colectivo, foron as principais custodias dunha parte senlleira da memoria colectiva galega. Elas foron capaces de conectar e reintegrar a tradición centenaria do pasado rural campesiño co presente urbano, con vocación de ficar no futuro.

Estas mulleres, no pasado, desenvolveron a súa actividade creativa en diversos contextos da sociedade agraria tradicional, como nos traballos colectivos -espadelas, fiadeiros ou traballos agrarios cooperativos-, nos momentos de lecer e ocio local fóra do calendario festivo anual –organizando e protagonizando os seráns e foliadas–, e tamén no ámbito privado do lar, empregando non só a súa voz, senón tamén instrumentos específicos coma pandeiretas, pandeiros e, incluso, outros obxectos non pensados especificamente para o uso musical, coma cunchas, latas ou sachos.

Cómpre salientar que no ámbito lírico e musical a figura feminina fusiona dous aspectos performativos: por unha banda está a cantareira, que co seu canto crea, recrea e transmite a memoria lírica e melódica tradicional; por outra está a pandeireteira, que mediante o toque do pandeiro ou da pandeireta, tocada dun xeito exclusivo de Galicia, se responsabiliza do ritmo e da preservación e transmisión da súa riqueza cultural inmaterial. A fusión de voz, ritmo e memoria cultural fai parte da cerna e do celme da performance musical galega.

Sen prexuízo do anterior, unha das características máis senlleiras do papel da muller na tradición musical galega é a súa función nuclear como transmisora principal da poesía lírica tradicional de transmisión oral. A cadea de transmisión realizábase de xeito cotián na propia familia, de nais a fillas e de avoas a netas, ou tamén dentro do ámbito local, entre veciñas. As cantareiras crearon, recrearon, conservaron e transmitiron coplas, cantos de traballo, romances ou cantares retranqueiros, e construíron un inmenso repertorio oral que fala de amor, dor, crítica social, da ledicia da vida e do cotián, converténdose, así mesmo, no motor rítmico da memoria musical colectiva.

O carácter anónimo da creación cultural das mulleres foi unha das súas características, xa que o seu ámbito de práctica se desenvolvía no eido local e privado, integrado na normalidade da vida cotiá e diaria. Así, as cantareiras ficaron nunha situación de invisibilidade cultural, case ignoradas. O menosprezo social do feminino respondía a factores sociais e culturais, xa que daquela o universo da muller quedaba cinguido ao familiar e local, onde o seu valor, pola contra, si que tiña moita maior consideración.

Esta situación de subestima das cantareiras e pandeireteiras entraba en flagrante contraste co rol do gaiteiro e coa gaita, instrumento paradigmático da música tradicional. Así, mentres que elas practicaban música case en exclusiva nos ámbitos privados ou locais sinalados, os gaiteiros, homes, acompañados de percusión masculina, ocupaban o espazo público e urbano, percorrendo romarías, procesións, cerimonias, aldeas e lugares e cobrando por practicar a súa música. O recoñecemento social do gaiteiro deveu na profesionalización dalgúns destes músicos tradicionais; porén, as cantareiras nunca recibían estipendio polo seu facer musical.

No camiño da superación definitiva das diferenzas sinaladas, hoxe en día, o rol da muller na práctica da música e do baile tradicionais de Galicia, en toda a súa amplitude, confirma a transversalidade deste ben cultural e a testemuña dos criterios de convivencia, compañeirismo e igualdade subxacente na práctica actual da música e do baile de Galicia.

7. Comunidade portadora:

Considérase portadora aquela persoa que posúe saberes, coñecementos, técnicas e métodos relacionados co estudo, a memoria e a vivencia do baile e da música tradicional galega, incluíndo calquera dos planos prácticos en que pode darse e/ou verse relacionada: a execución, a transmisión, a artesanía, etc. Por tanto, todas aquelas persoas que activan nas súas vidas a vivencia da música e do baile tradicionais e do patrimonio cultural inmaterial relacionado con eles, facéndose cargo no cotián da súa reprodución, salvagarda e transmisión –sexa dun xeito formal ou informal, desde lugares visibles ou invisibles, a través da aprendizaxe por inmersión e herdanza cultural directa ou por aprendizaxe en escola ou agrupación, con mellor ou peor acerto técnico– deben ser consideradas persoas portadoras do patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

As principais persoas portadoras do patrimonio cultural inmaterial relacionado coa música e co baile tradicionais galegos son:

7.1. Intérpretes: cantadoras, instrumentalistas e bailadoras.

Son todas aquelas persoas que producen repertorio musical a través dos seus corpos e dos seus saberes musicais patrimoniais: práctica vocal ou canto, práctica instrumental –executada con instrumentos tradicionais convencionais e non convencionais– e práctica do baile «solto» e/ou «agarrado».

7.2. Mestras.

Dun lado, son as persoas que colaboran –informantes relevantes– con dominio e coñecemento de seu dos saberes musicais relacionados co ben, que teñen compartido e ensinado a outros ensinantes, compiladores e investigadores tales saberes para poder documentalos, transmitilos e conservalos para o futuro.

Do outro, son aquelas persoas que se dedican á docencia dos saberes relacionados co ben cultural e a transmitir os seus coñecementos de canto, baile e/ou práctica instrumental. Poden ter dedicación a tempo completo ou a tempo parcial; dun xeito formal ou informal, estar integrados nunha escola, asociación ou agrupación estruturada, ou ben impartir clases particularmente, xa sexa pola súa conta ou dentro dos colectivos que os contratan.

7.3. Profesionais da música e do baile tradicional.

Son aquelas persoas que se dedican ás artes do espectáculo de xeito profesional, tanto da música coma do baile tradicionais. Inclúe tamén aqueles profesionais que fusionan a tradición con analoxías artísticas contemporáneas, facendo propostas culturais en diversos contextos.

7.4. Alumnado de canto, baile e práctica instrumental.

Son todas aquelas persoas que reciben docencia dun mestre ou mestra para adquirir coñecementos relacionados co canto, baile ou práctica instrumental tradicional, ben nun centro de ensino regrado, ben nun centro de ensino non regrado, asociación, agrupación ou en clases particulares, garantindo a transmisión e pervivencia no tempo deste ben do patrimonio inmaterial galego.

7.5. Informantes patrimoniais.

Son todas aquelas persoas que recibiron herdanza directa do patrimonio cultural inmaterial a través da oralidade propia da sociedade tradicional galega. Non só posúen coñecementos e memoria arredor do repertorio musical, das prácticas vocais e instrumentais, das dinámicas e movementos de baile e dos hábitos sociais do seu contexto, senón que tamén foron ou son creadoras e transmisoras de tales repertorios. Os seus saberes patrimoniais chegan ata nós a través da súa memoria, xenerosidade e complicidade.

7.6. Artesáns e luthiers.

Son aquelas persoas que posúen os coñecementos teóricos e as técnicas manuais e mecánicas necesarias na construción dos instrumentos musicais empregados na música tradicional, así como a capacidade investigadora para implementar melloras e adaptacións neles.

Son tamén aqueloutras persoas que posúen os coñecementos teóricos e as técnicas manuais e mecánicas necesarias na construción de vestiario, tecidos, enfeites, xoias, calzado ou calquera complemento empregado nas representacións escénicas.

7.7. Persoas compiladoras.

Son aquelas persoas dedicadas a rexistrar en formatos físicos –fundamentalmente audiovisuais– os diferentes aspectos contextuais, líricos, musicais e de baile, transmitidos estes directamente polas portadoras e portadores patrimoniais. Do mesmo xeito, as persoas compiladoras custodian arquivos físicos e dixitais coa finalidade de preservar todo este acervo patrimonial rexistrado.

7.8. Persoas individuais.

Referido a todas as persoas posuidoras de coñecementos e saberes e relacionadas coa música e o baile tradicionais, por estaren enculturadas na vivencia da súa práctica. Isto acontece con independencia do seu nivel de execución técnica no ámbito vocal, instrumental ou corporal; co seu nivel de coñecementos do repertorio musical, lírico ou corporal. Inclúense aquelas persoas con responsabilidades e involucradas na organización, autoxestión e coidados relacionadas co ben (organización de foliadas e seráns, festivais folclóricos, concursos, certames ou feiras); capaces de xerar sinerxías culturais mercé ao seu nivel de participación nas dinámicas comunitarias xeradas nestas xuntanzas relacionados co ben de interese cultural.

8. Conservación e reintegración:

Os saberes asociados á música e ao baile tradicionais foron tradicionalmente transmitidos de xeración en xeración en contextos de aprendizaxe inmersivos e flexibles. A ruptura da cadea tradicional de transmisión foi consecuencia do paulatino proceso do éxodo rural ao mundo urbano –desde mediados do século XX e en diante–, agravado polo relativo illamento xeográfico, social e xeracional da comunidade portadora do patrimonio cultural inmaterial.

Neste contexto de desconexión coa comunidade portadora do patrimonio cultural inmaterial, desde finais da década dos anos 70 xurdiu, no seo dalgunhas agrupacións folclóricas, escolas, asociacións culturais e persoas individuais conscientes do valor patrimonial, un movemento de documentación e recuperación dos bens materiais e inmateriais musicais galegos. Estas iniciativas xeraron un enorme corpus de gravacións en todo tipo de soportes de acceso doméstico –de audio e audiovisuais– que supuxeron e estableceron as bases sobre as cales botar a andar no proceso de revitalización da música e baile tradicionais. Do mesmo xeito, ofreceron un novo modelo de transmisión e ensino da música e o baile tradicionais, alternativo ao que ata entón fora o modelo oral tradicional, que foi contando, de xeito crecente, cunha grande acollida en todo o territorio cultural galego.

Na actualidade, a música e o baile tradicionais e os saberes técnicos relacionados con eles transmítense a través do tecido asociativo, de escolas de ensino regrado e non regrado, de agrupacións e proxectos musicais relacionados coa música tradicional, e das dinámicas vivas que se producen nas incontables foliadas que se organizan en todo o territorio galego. Todo este tecido colectivo relacionado co ben está formado por unha rede complexa da cal forman parte innumerables entidades de tamaño e alcance variable, que se moven desde pequenas organizacións locais ata estruturas máis grandes de carácter autonómico. Todo el é garante da conservación e transmisión dos saberes tradicionais da música e baile, e tamén é responsable da reintegración do patrimonio cultural inmaterial na sociedade galega desde os anos 80 ata a actualidade.

Nas entidades de ensino non regrado impártense cursos regulares de baile tradicional, interpretación de instrumentos tradicionais e de canto tradicional acompañado de instrumentos de percusión; organízanse cursos, obradoiros, actividades infantís, conferencias, xornadas monográficas de temáticas relacionadas, todos de duración e impacto variables pero significativos para a comunidade; establécense alianzas con colectivos e persoas doutros territorios, formacións e traxectorias profesionais que traballan en prol do mesmo fin de conservación e reintegración do patrimonio cultural inmaterial, e organízanse foliadas abertas, en moitas delas, de xeito regular.

Do mesmo xeito, algunhas escolas de música ofrecen estudos estruturados non regrados de interpretación de instrumentos tradicionais e de canto tradicional acompañado de instrumentos de percusión, así como outras materias complementarias: baile tradicional, conxunto instrumental, linguaxe musical, harmonía, arranxos e, inclusive, etnomusicoloxía. En Galicia impártense estudos regrados relacionados coa música tradicional en tres etapas educativas dentro das ensinanzas artísticas oficiais: o grao elemental e o grao profesional da especialidade de Gaita Galega (Decreto 253/1993) e as titulacións superiores de Instrumentos da Música Tradicional e Popular (Decreto 163/2015) e Etnomusicoloxía (Decreto 163/2015).

Con todo, son os seráns e as foliadas os que seguen a ser –desde a década dos anos 90– espazos abertos de aprendizaxe; de transmisión informal, espontánea e imitativa; de enculturación e sociabilidade; de negociación de prácticas corporais, vocais e expresivas e, en definitiva, os lugares privilexiados para o mantemento, fortalecemento, conservación e reintegración da música e baile tradicionais como patrimonio cultural inmaterial de Galicia.

Cómpre tamén amentar que, desde os concursos de baile que comezaron no século XIX, o baile tradicional escénico fai parte deste patrimonio inmaterial. Hoxe en día, tanto a música tradicional como a práctica profesional do baile galego no contexto da danza contemporánea son unha parte importante do sector empresarial e profesional cultural de Galicia. Este sector contribúe á súa difusión, transmisión e mantemento no tempo, ao tempo que lle outorga valor engadido alén dos contextos informais.

Convén ter presente tamén que as representacións escénicas desenvolvidas polas agrupacións folclóricas ou profesionais, que forman parte das artes do espectáculo e que son executadas para a súa contemplación, son parte da necesaria difusión e foron as responsables da salvagarda da música e do baile tradicionais. Estas representacións levan practicándose continuadamente durante máis dun século, están enraizadas na sociedade e achegan un alto grado de simbolismo identitario. As asociacións folclóricas que as representan fixeron un labor de documentación, transmisión e difusión de valor inestimable para Galicia. Todo isto outórgalles un valor de seu como para seren consideradas unha manifestación cultural máis da música e do baile tradicionais de Galicia, pertencentes ás artes do espectáculo.

ANEXO II

Medidas de salvagarda

De cara a garantir que as vindeiras xeracións reciban a herdanza cultural e o senlleiro legado patrimonial inmaterial contido na música e o baile tradicionais de Galicia e, así mesmo, para posibilitar a transmisión desta manifestación cultural e dos seus saberes implícitos, considerando a incuestionable permanencia futura da identidade cultural de Galicia, e atendendo sempre á participación directa e ao consentimento das comunidades e grupos de portadores, cómpre establecer as seguintes medidas de salvagarda:

8.1. De investigación, fortalecemento do coñecemento e documentación.

• O Sistema universitario galego contribuirá ao fomento activo da investigación científica e académica sobre o baile e a música tradicional galega mediante o establecemento ou fortalecemento dos mecanismos que se consideren máis acaídos de cara á investigación, fortalecemento do coñecemento e documentación do ben de interese cultural.

• Os organismos e as administracións públicas poderán asinar convenios con fundacións, asociacións ou padroados de titularidade privada de cara a asegurar a preservación, o inventario, a catalogación, a análise, a dixitalización e a difusión dos arquivos que alberguen materiais documentais, sonoros, musicais e/ou audiovisuais e que, así mesmo, proveñen das recolleitas efectuadas pola sociedade civil desde os anos 70/80 do século pasado ata a actualidade, preservando sempre, e en todo caso, tanto os dereitos das persoas físicas, colectivos, asociacións e outras institucións que desenvolveron as recolleitas, como os das persoas que aparecen nos documentos.

• Como resultado da colaboración indicada no punto anterior, establécese como obxectivo a creación dun arquivo audiovisual público na rede, sustentable no tempo, gratuíto e de libre acceso que conteña o material documental citado anteriormente, fomentado especialmente entre as novas xeracións o pleno uso deste material patrimonial.

• Os organismos e as administracións públicas colaborarán no impulso de traballos e encontros científicos centrados no baile e na música tradicionais de Galicia, así como nas publicacións específicas que poidan xurdir destes.

8.2. De transmisión, ensino e sensibilización.

• Nas axudas e subvencións que as diferentes administracións públicas prestan ás asociacións, valoraranse positivamente aquelas accións concretas que se realicen no campo do ensino e da transmisión de coñecementos relacionados directamente coa música e co baile tradicionais de Galicia, atendendo á súa senlleira significación como ben de interese cultural, procurando a reintegración do ben nos valores culturais da sociedade contemporánea, e evitando ao mesmo tempo tanto a súa fosilización como a súa deturpación e o alleamento cultural. Enténdense por asociacións as asociacións culturais, os coros históricos de música tradicional, os grupos e asociacións folclóricas e as agrupacións de música en baile tradicionais, pois é neles onde se produce o ensino principal das técnicas e valores culturais propios do ben de interese cultural.

• Solicítase a colaboración do colectivo de docentes de Galicia para a elaboración de materiais didácticos no ensino formal de cara á adquisición de coñecementos básicos de baile e música tradicionais de Galicia.

• No ámbito do ensino non formal, solicítase a colaboración das Anpa e outros colectivos de cara á implantación de actividades extraescolares de ensino do baile e música tradicionais de Galicia e doutras actividades relacionadas con este ben de interese cultural.

• En relación cos dous puntos anteriores, cómpre potenciar a interacción activa do ensino formal e non formal con profesionais, artistas, intérpretes, artesáns e persoas portadoras do patrimonio inmaterial do baile e da música tradicionais de Galicia.

• Solicítase a colaboración dos medios de comunicación para que acheguen informacións contemporáneas da música e do baile tradicionais de Galicia, superando os arcaicos modelos estereotipados da cultura tradicional e a visión fosilizada e folclorista desta, sen prexuízo do fomento das representacións escénicas e artísticas contemporáneas que deveñen da música e do baile tradicionais.

• As administracións públicas fomentarán a integración do baile e da música tradicionais de Galicia nas redes internacionais de apoio á diversidade cultural para o coidado e salvagarda dos bens patrimoniais orais do mundo, a través da comunicación, diálogo e colaboración con outros organismos ibéricos e internacionais que declarasen bens similares na Unesco, como poden ser o flamenco en España, a fest-noz en Francia, a samba de roda no Brasil ou o candombé no Uruguai.

8.3. De protección, conservación, mantemento e revitalización.

• Tanto o conxunto das administracións como o sistema universitario e as asociacións prestarán especial atención á protección, conservación, mantemento, transmisión e revitalización dos bailes pautados que, polas súas características, non son habitualmente practicados nas foliadas.

• Nas foliadas recoméndase o establecemento de mecanismos capaces de manter e transmitir as variantes comarcais de puntos e movementos no seu contexto. Recoméndase tamén a transmisión de coreografías de conxunto e dos valores culturais tradicionais do baile como son as actitudes, protocolo, estruturas, xeitos, colocación corporal, posicións de pés e brazos, braceos e aqueloutros que lle son propios á música e ao baile tradicionais.

• As administracións públicas prestarán o apoio necesario á sociedade civil para que esta, a través dos seus propios axentes, continúe a organizar foliadas, festivais, concursos ou certames relacionados con ben de interese cultural nos diferentes puntos da xeografía galega.

• Solicítase a colaboración activa da Administración municipal e supramunicipal de cara a facilitar a celebración de foliadas, atendendo ao seu excepcional valor patrimonial.

• As administracións públicas, ben directamente, ben a través de axencias ou organismos públicos que teñan como obxecto o impulso ou a consolidación do sector empresarial e profesional cultural de Galicia, promoverán tanto a actividade profesional como a profesionalización das expresións culturais relacionadas co baile e coa música tradicionais de Galicia.

• Transcorridos 9 anos desde a declaración deste ben de interese cultural, elaborarase un estudo de actualización que avalíe o estado do ben de interese cultural e o impacto que sobre el exerceron tanto os procesos contemporáneos como a aplicación destas medidas de salvagarda. Este estudo deberá ser realizado por persoas ou colectivos que manteñan contacto directo e prolongado coa comunidade portadora e, de ser o caso, proporá razoadamente a modificación das medidas de salvagarda.