DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 6 Luns, 12 de xaneiro de 2026 Páx. 1547

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

ORDE do 12 de decembro de 2025 pola que se regula o procedemento para a obtención e renovación do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento IN223B).

A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración é o órgano encargado de exercer as competencias que, en materia de comercio interior, o artigo 30.I.4 do Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa comunidade autónoma.

O Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, establece que lle corresponde á Dirección Xeral de Comercio e Consumo a planificación, a coordinación e o control das competencias da consellería en materia de comercio interior. Dentro destas cabe sinalar, especificamente, a promoción, o fomento, a modernización e a mellora das estruturas comerciais.

A Xunta de Galicia impulsou o Plan de Mercados Excelentes 2016-2020 como unha folla de ruta para seguir polos nosos mercados e prazas de abastos de cara a conseguir a excelencia. Para iso, o Plan inclúe unha Guía de boas practicas, dirixida a ofrecer unha definición dos requisitos, servizos e metodoloxías que debe seguir un mercado para elevar os seus niveis de modernidade e calidade e acadar así a excelencia.

Seguindo estes criterios, por Orde do 4 de xaneiro de 2017 regúlase o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente da Comunidade Autónoma de Galicia.

Co obxectivo de recuperar a posición histórica dos mercados e prazas de abastos como motores económicos e de dinamización das nosas vilas e cidades, o Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 establece un conxunto de accións dirixidas a impulsar unha Rede de mercados excelentes baseada na calidade e proximidade dos seus produtos e servizos, como vantaxe competitiva.

Con este fin, a Dirección Xeral de Comercio e Consumo realizou un estudo diagnóstico para establecer as condicións e requirimentos básicos para a transformación das prazas de abastos e mercados de Galicia en Mercados Excelentes, así como para obter unha perspectiva integral da súa situación e estado.

O selo de Mercado Excelente identifica os mercados e prazas de abastos de Galicia que obteñan a condición de excelente polo cumprimento dos requisitos, servizos e modelos de xestión nun nivel óptimo de calidade e modernidade que permita acadar a excelencia.

Este recoñecemento non só debe de adaptarse aos distintos tipos e características dos nosos mercados senón tamén servir de instrumento que impulse un cambio de modelo máis acorde coa sociedade actual e tendencias de consumo, en colaboración con todos os axentes que interveñen na actividade comercial local.

Para isto, revísase a ferramenta de avaliación do anexo II da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente da Comunidade Autónoma de Galicia, cuns criterios máis flexibles e sinxelos que permitan a mellora progresiva da calidade, ata acadar a condición de excelente, baseados na recuperación e potenciación das vantaxes, fortalezas e oportunidades específicas de cada un dos mercados e prazas de abastos de acordo coa súa capacidade para crear unha oferta acorde co seu público obxectivo e en función do territorio en que estea situado.

Así mesmo, incorpórase un anexo III cunha Guía de boas prácticas que determina dunha forma obxectiva e verificable o grao dos valores que se van cubrir na ferramenta de avaliación, facilitando así a autoavaliación e, servindo, ao mesmo tempo, de instrumento que pode ser empregado na diagnose da situación e usos do mercado, para determinar que aspectos deben ser mellorados para acadar a excelencia, permitindo que as persoas responsables poidan trazar un plan de mellora para progresar no concepto da excelencia.

Non obstante o carácter parcial destas modificacións, a necesidade de afrontar tamén unha actualización integral da Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente da Comunidade Autónoma de Galicia, exixe a aprobación dunha nova orde que as integre e que dean resposta ás novas necesidades xurdidas desde a súa implantación.

O outorgamento do selo de Mercado Excelente é a resposta aos retos de modernización e innovación a que se enfrontan as nosas prazas de abastos e mercados pero sen perder a súa autenticidade e tradición, a súa proximidade e trato personalizado, e permitirá aos nosos mercados:

– Unha diferenciación e identificación coa calidade e o prestixio.

– A potenciación da actividade comercial.

– O incremento do seu atractivo e interese turístico.

En consecuencia, no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e fin

1. Esta orde ten por obxecto regular o procedemento para a obtención e renovación do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, código de procedemento IN223B, co fin de fixar unha estratexia que permita acadar a excelencia como símbolo de calidade e modernidade dos nosos mercados e prazas de abastos.

2. O selo de Mercado Excelente distinguirá os mercados e prazas de abastos galegos que acaden os estándares que se establecen como mínimos e indispensables na ferramenta de avaliación, anexo II, referidos a:

a) O estado do edificio e das instalacións e a súa sustentabilidade.

b) Os servizos do mercado postos á disposición da clientela e das persoas vendedoras.

c) A xestión integral do mercado, con independencia de se é publica ou privada, referida a todos os aspectos que garanten o correcto funcionamento do mercado e da súa actividade comercial.

d) A calidade da oferta e outros valores engadidos.

Artigo 2. Requisitos para a obtención do selo de Mercado Excelente

Poderán obter o selo de Mercado Excelente os mercados e prazas de abastos situados na Comunidade Autónoma de Galicia que cumpran os requisitos obrigatorios e acaden a puntuación mínima que para cada un dos capítulos se establecen no anexo II, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nesta orde.

Artigo 3. Entidades solicitantes

Poderán solicitar o selo de Mercado Excelente:

a) Os concellos de Galicia.

b) As entidades concesionarias da xestión das prazas de abastos e mercados.

c) As asociacións ou cooperativas de persoas vendedoras das prazas de abastos e mercados legalmente constituídas.

Artigo 4. Solicitude para a obtención do selo de Mercado Excelente

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal segundo o modelo que se acompaña como anexo I.

De conformidade co establecido no artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365 ).

Artigo 5. Trámites posteriores á presentación da solicitude

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban de realizar logo da presentación de solicitudes deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 6. Documentación complementaria

1. Para a obtención do selo de Mercado Excelente as persoas interesadas deberán achegar, xunto coa solicitude, a seguinte documentación:

1.1. Documentación común para todas as persoas interesadas:

a) Memoria descritiva que xustifique o cumprimento dos requisitos exixidos no artigo 2 baseada na guía de boas prácticas prevista no anexo III.

b) Anexo II da ferramenta de avaliación cuberta segundo a realidade existente.

c) Informe da Mesa Local de Comercio en que se dea conta da presentación da solicitude.

d) Xustificante do pagamento da taxa prevista no artigo 8, agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.

1.2. As entidades concesionarias da xestión das prazas de abastos e mercados municipais e as asociacións ou cooperativas de persoas vendedoras de prazas de abastos e mercados municipais, ademais da documentación prevista no punto 1.1, deberán achegar:

a) Acta e estatutos de constitución e modificacións posteriores da entidade solicitante, se é o caso, e acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente.

b) Poder suficiente da persoa representante da entidade solicitante.

c) Autorización do concello para solicitar a obtención do selo de Mercado Excelente.

d) Título habilitante que acredite a súa condición de titular do dereito de uso da praza de abastos e mercado, só no caso das entidades concesionarias.

2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse á entidade solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

3. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada. De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar, de maneira motivada, o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Artigo 7. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que as persoas interesadas se opoñan á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa representante.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 8. Taxas

1. De conformidade co establecido na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, ao presentar a solicitude será necesario aboar a taxa correspondente.

2. O pagamento da taxa poderá efectuarse por vía telemática ou presencial:

a) A través da sede electrónica, como un paso máis habilitado dentro do procedemento IN223B. Neste caso, o xustificante se xera automaticamente e non será preciso achegar o xustificante do pagamento.

b) Accedendo directamente á Oficina Virtual Tributaria (https://ovt.atriga.gal) e realizar o pagamento mediante tarxeta bancaria ou cargo na conta. Neste suposto, deberá achegar o xustificante correspondente.

c) Presencial, nunha entidade financeira colaboradora mediante impreso de aoutoliquidación dispoñible na Oficina Virtual Tributaria ou nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia. Neste suposto, deberá achegar o xustificante correspondente.

3. Os códigos da taxa son os seguintes:

– Consellería: 17. Emprego, Comercio e Emigración.

– Servizo: 11. Comercio.

– Delegación: 13. Servizos Centrais.

– Denominación da taxa: 31.52.00 «Autorización Mercado Excelente».

Artigo 9. Instrución do procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente

1. A dirección xeral competente en materia de comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente.

2. Unha vez revisada a solicitude, a dirección xeral competente en materia de comercio realizará a comprobación do cumprimento dos requisitos obrigatorios exixidos e avaliará cada un deles outorgándolles a puntuación correspondente, e formulará a proposta de resolución.

3. Para os efectos da verificación do cumprimento dos requisitos e para a súa avaliación a entidade solicitante deberá permitir o acceso a todas as instalacións da praza ou mercado que sexan obxecto de avaliación e permitir constatar no lugar as prácticas de xestión adoptadas. Así mesmo, deberá facilitar calquera documentación que sexa necesaria para acreditar o seu cumprimento e resultados.

A presentación da solicitude comporta a autorización prevista no apartado anterior e nela deberá designarse a persoa responsable e encargada de facilitar as tarefas de comprobación e inspección.

4. A dirección xeral competente en materia de comercio procurará a integración transversal da perspectiva de xénero nas actuacións de verificación e avaliación dos requisitos exixidos para a obtención do selo de Mercado Excelente.

Artigo 10. Resolución do procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente

1. A persoa titular da consellería con competencia en materia de comercio resolverá as solicitudes presentadas para a obtención do selo de Mercado Excelente.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de cinco meses contados a partir do día seguinte a aquel en que a solicitude teña entrada na sede electrónica da Xunta de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, entenderase estimada a solicitude presentada.

3. A resolución, que será motivada, conterá polo menos as condicións da utilización do selo, o seu período de validez, as condicións para a súa renovación e as posibles causas de perda de validez.

Artigo 11. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas entidades interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 12. Utilización do selo de Mercado Excelente

A concesión do selo de Mercado Excelente implicará os seguintes compromisos e facultades:

a) As prazas de abastos e mercados comprométense a manter os requisitos que deron lugar á obtención da puntuación mínima para acadar o selo de Mercado Excelente ou, de ser o caso, notificar á dirección xeral competente en comercio calquera variación nestes, no prazo dun mes desde que se produza o feito que implica tal variación.

b) As prazas de abastos e mercados que obteñan o selo de Mercado Excelente deberán utilizalo nas súas accións de comunicación e publicidade, respectando a súa representación gráfica publicada na páxina web da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, no Portal do Comercio Galego http://www.comercio.xunta.gal así como a denominación de «Mercado Excelente».

Igualmente, a Xunta de Galicia poderá utilizar a denominación «Mercado Excelente» e a representación gráfica do selo nas accións de colaboración coa praza de abastos ou mercado.

c) O selo de Mercado Excelente poderá ser valorado para os efectos de obtención de axudas da Xunta de Galicia conforme o establecido na orde de convocatoria correspondente.

Artigo 13. Validez do selo de Mercado Excelente

1. O selo de Mercado Excelente terá unha validez de catro anos, renovables por petición da entidade solicitante por períodos sucesivos de igual duración.

2. A dirección xeral competente en materia de comercio poderá realizar cantas comprobacións e inspeccións considere necesarias para garantir o cumprimento e o mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión do selo de Mercado Excelente, podendo solicitar para iso canta información sexa necesaria, así como acceder ás instalacións da praza de abastos e mercado nos termos previstos no artigo 9.

No segundo ano de validez do selo, para un seguimento do mantemento dos requisitos que serviron de base para a concesión do selo de Mercado Excelente, poderá requirirse á entidade solicitante unha actualización da ferramenta de avaliación.

Artigo 14. Perda de validez do selo de Mercado Excelente

1. O selo de Mercado Excelente perderá a súa validez:

a) Por renuncia da entidade solicitante ao dereito ao uso do selo notificándoo á dirección xeral competente en materia de comercio.

b) Por perda das condicións e requisitos que deron lugar á concesión do selo de Mercado Excelente ou no caso de resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación, inspección e seguimento, logo do expediente instruído para o efecto pola dirección xeral competente en materia de comercio.

2. Nos supostos establecidos no punto 1.b) deste artigo ou se, con motivo das actuacións previstas no artigo 13 desta orde, se aprecian feitos dos que se deduza o incumprimento ou non mantemento dos requisitos establecidos para o outorgamento do selo de Mercado Excelente, a dirección xeral competente en materia de comercio incoará o correspondente procedemento de perda de validez.

O acordo de inicio do procedemento establecerá os feitos que o motivan e o prazo máximo para resolver e notificar a súa resolución.

3. A dirección xeral competente en materia de comercio será o órgano competente para a instrución do procedemento de perda do selo de Mercado Excelente previsto no punto anterior.

Con carácter previo á proposta de resolución, que será realizada pola dirección xeral competente en materia de comercio, darase audiencia á entidade interesada para, que nun prazo de quince días hábiles, efectúe as alegacións que consideren pertinentes.

4. Corresponde á persoa titular da consellería con competencia en materia de comercio resolver o procedemento de perda de validez do selo de Mercado Excelente. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución ás persoas interesadas será de tres meses contados desde o acordo de inicio do procedemento. Transcorrido o dito prazo sen que se dite e notifique resolución expresa, producirase a caducidade do procedemento.

5. A perda da validez implica a retirada do selo de Mercado Excelente e a praza de abastos ou mercado afectada non poderán facer uso deste a partir da data da notificación da resolución ou, de ser o caso, da toma de razón da renuncia por parte da dirección xeral competente en materia de comercio.

Artigo 15. Renovación do selo de Mercado Excelente

1. Cunha antelación mínima de cinco meses á expiración do prazo da validez do selo de Mercado Excelente, a entidade interesada poderá solicitar a súa renovación ante a dirección xeral competente en materia de comercio.

2. A solicitude para a renovación do selo de Mercado Excelente, así como todos os trámites posteriores correspondentes ao dito procedemento, realizaranse mediante a presentación por medios electrónicos da solicitude normalizada, que se inclúe como anexo I de renovación, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, xunto coa seguinte documentación:

a) Anexo II da ferramenta de avaliación cuberta segundo a realidade existente e a Guía de boas prácticas prevista no anexo III, con indicación, de ser o caso, das variacións producidas, tendo en conta a guía.

b) Xustificante do pagamento da taxa prevista no artigo 8, agás que o pagamento se realice directamente a través da sede electrónica.

3. A consellería competente en materia de comercio resolverá no prazo de tres meses logo de comprobación pola dirección xeral competente en materia de comercio do mantemento dos requisitos que deron lugar á concesión do selo de Mercado Excelente.

Transcorrido o dito prazo sen resolver a solicitude de renovación, poderá entenderse renovado o selo de Mercado Excelente.

4. No caso de non solicitar a renovación do selo no prazo indicado no punto 1 deste artigo, o selo de Mercado Excelente quedará sen efecto transcorrido o seu período de validez.

Artigo 16. Recursos

As resolucións do procedemento ditadas ao abeiro desta orde porán fin á vía administrativa e contra elas poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición perante o órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa. Se a resolución non for expresa, o solicitante e outros posibles interesados poderán interpor recurso de reposición en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que a resolución debería ter sido ditada.

b) Recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución.

Disposición adicional única. Modificación e actualización dos formularios.

De conformidade coa disposición adicional sexta da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, os modelos normalizados aplicables na tramitación do procedemento regulado nesta disposición poderán ser actualizados co fin de mantelos adaptados á normativa vixente. Para estes efectos, será suficiente a publicación dos modelos actualizados na sede electrónica da Xunta de Galicia, onde estarán permanentemente accesibles para todas as persoas interesadas, sen que sexa necesaria unha nova publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

1. Os procedementos iniciados con anterioridade á entrada en vigor da presente orde tramitaranse e resolveranse conforme a normativa vixente no momento de presentación da solicitude.

2. Os selos de Mercado Excelente que á entrada en vigor desta orde estean vixentes terán validez polo prazo que resta dos tres anos dende a súa concesión ou renovación, debendo solicitar a súa renovación nos termos previstos no artigo 15.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Queda derrogada a Orde do 4 de xaneiro de 2017 pola que se regula o procedemento para a obtención do selo de Mercado Excelente na Comunidade Autónoma de Galicia, código de procedemento IN223B.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento

Facultase a persoa titular da dirección xeral competente en materia de comercio para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2025

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file