DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 2026 Páx. 3125

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 22 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas públicas de titularidade municipal e se procede a súa convocatoria, para o ano 2026, con carácter plurianual, tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento VI422F).

O artigo 88 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, de vivenda de Galicia, establece que as administracións públicas poderán adoptar medidas dirixidas a impulsar a posta no mercado de vivendas en alugamento cos obxectivos prioritarios de mobilizar as vivendas baleiras e de favorecerlle o acceso á vivenda de colectivos singulares. No seu artigo 90 sinálase que a rehabilitación do patrimonio inmobiliario residencial será obxecto de atención prioritaria por parte das administracións públicas con competencia en materia de vivenda, como forma de garantir o dereito a gozar dunha vivenda digna e axeitada e como medida de protección do patrimonio cultural e arquitectónico, do ambiente, da paisaxe e do territorio.

Para dita finalidade, o artigo 91 da Lei 8/2012, do 29 de xuño, establece que o Instituto Galego da Vivenda e Solo desenvolverá políticas públicas de rehabilitación e renovación do parque de vivendas de Galicia atendendo a criterios de accesibilidade, sustentabilidade, aforro enerxético, mellora da calidade e conservación dos elementos singulares das construcións existentes. No apartado segundo dispón que os programas de rehabilitación poderán dispoñer para a súa execución de medidas específicas de fomento, de axudas ao financiamento, de préstamos subsidiados, de anticipos, de incentivos fiscais e de calquera outro instrumento, nos termos que se establezan nas correspondentes normas de desenvolvemento.

Co obxecto de dar efectividade aos ditos programas, desde o Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobouse, mediante Resolución do 23 de decembro de 2020, un programa de axudas dirixido a rehabilitar os edificios e as vivendas de titularidade municipal susceptibles dun uso residencial, para que puideran destinarse, en réxime de alugamento, á vivenda habitual e permanente de unidades de convivencia con escasos recursos económicos. Dito programa foi obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia o 11 de xaneiro de 2021. Mediante Resolución do 18 de decembro de 2022, modificáronse as bases reguladoras deste programa, para os efectos de ampliar o importe máximo subvencionable e incorporar, como gastos subvencionables, os derivados de impostos, taxas e tributos.

Para ampliar o número de concellos destinatarios que poidan resultar beneficiarios destas axudas, así como para incrementar as actuacións subvencionables, o 17 de xaneiro de 2025 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 30 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal con destino ao alugamento social e se procede a súa convocatoria, para o ano 2025, con carácter plurianual (código de procedemento VI422F).

Na actualidade continúan a ser os moitos os concellos de Galicia que dispoñen dun patrimonio edificatorio que pode ser obxecto dun uso residencial mediante as oportunas actuacións de rehabilitación. Nesta situación estímase necesario aprobar unhas novas bases reguladoras do programa, cun dobre obxectivo. Por un lado, trátase de que as edificacións e vivendas de titularidade municipal obxecto de rehabilitación a través destas axudas contribúan a incrementar o parque público de vivenda, debendo destinarse ao alugueiro. Por outro, se persigue impulsar a vida naqueles concellos que conten cunha poboación inferior a 10.000 habitantes, mediante actuacións dirixidas a evitar o seu despoboamento.

Esta resolución ten por obxecto establecer as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas de titularidade municipal, así como convocar as ditas axudas na Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2026, con carácter plurianual.

A presente resolución suxéitase ao disposto no Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A tramitación anticipada dos expedientes de axudas e subvencións no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos, con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, realízase ao abeiro da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998. Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2026 habilítanse créditos para o financiamento destas axudas.

De conformidade con todo o anterior, no exercicio das facultades que me confire o artigo 4 do Decreto 143/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica do Instituto Galego da Vivenda e Solo,

RESOLVO:

I. Disposicións xerais

Primeiro. Obxecto e réxime de concesión das axudas

1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras aplicables á concesión das subvencións para rehabilitar edificacións e vivendas públicas de titularidade municipal (código de procedemento VI422F).

2. Así mesmo, por medio desta resolución convócanse estas axudas para a anualidade 2026, con carácter plurianual.

3. A concesión das subvencións recollidas nesta resolución tramitarase polo procedemento de concorrencia non competitiva, ata esgotar o crédito dispoñible previsto na correspondente convocatoria, de acordo co sinalado no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Segundo. Recursos contra esta resolución

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan presentar calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo (en diante, IGVS) no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (en diante, DOG), segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, de acordo co establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Remisión normativa

En todo o non recollido nesta resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro; no Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan as especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas e na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Cuarto. Habilitación para o desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da Dirección Xeral do IGVS para ditar as resolucións que sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta resolución, así como para adoptar os acordos, instrucións e aclaracións que sexan precisas para a xestión deste programa.

II. Bases reguladoras

Quinto. Obxecto das axudas

Estas subvencións están dirixidas a prestar apoio aos concellos de Galicia de menos de 30.000 habitantes para que poidan rehabilitar edificacións e vivendas da súa titularidade.

Sexto. Concellos beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios destas axudas os concellos de Galicia que cumpran cos seguintes requisitos:

a) Contar con menos de 30.000 habitantes. Para estes efectos, tomaranse como referencia as últimas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes, publicadas polo Instituto Galego de Estatística á data de publicación da correspondente convocatoria.

b) Ter cumprido co deber de remitir ao Consello de Contas de Galicia das contas xerais do exercicio inmediatamente anterior ao ano da correspondente convocatoria, no que o seu prazo de presentación estivera vencido.

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas aqueles concellos que se atopen nalgún dos supostos previstos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Sétimo. Actuacións subvencionables

1. Consideraranse subvencionables ao abeiro deste programa a execución de obras de rehabilitación e/ou ampliación de edificacións e vivendas de titularidade municipal, así como as dirixidas ao cambio de uso de edificacións para o seu destino a vivenda.

Dentro das actuacións de rehabilitación, enténdense incluídas as de accesibilidade, conservación, habitabilidade, sustentabilidade e eficiencia enerxética das vivendas, así como as actuacións para a medición e a execución de obras que eviten a entrada do gas radón ou a adopción de medidas que garantan a súa eliminación do interior das vivendas.

2. As actuacións subvencionables incluirán, para os efectos de determinación do custo total das obras, as seguintes actuacións preparatorias: os honorarios dos profesionais que interveñan; os informes técnicos e certificados necesarios; os gastos derivados da tramitación administrativa e outros gastos xerais similares, sempre que todos eles estean debidamente xustificados. Tamén serán subvencionables os gastos xerais de estrutura que inciden sobre o contrato, de conformidade co artigo 131 do Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da Lei de contratos das administracións públicas: gastos xerais e beneficio industrial. No custo total das obras incluiranse os gastos derivados de impostos, taxas e tributos.

Non obstante o anterior, non se aboarán as facturas correspondentes as obras executadas con anterioridade ao ano natural en que se publique a resolución de convocatoria, con excepción das facturas correspondentes a actuacións preparatorias, as referidas a amoreamentos de material previos e a pagamentos anticipados.

Oitavo. Requisitos das actuacións

1. Para ter acceso á subvención é preciso que concorran os seguintes requisitos:

– Que todas as actuacións que se vaian realizar se axusten á normativa técnica e urbanística en vigor.

– Que as actuacións non estean rematadas na data da presentación da correspondente solicitude.

2. O prazo de execución das actuacións virá fixado na resolución de concesión da subvención, sen que en ningún caso poida exceder dezaoito meses.

3. Para o caso de actuacións plurianuais, será necesario que o inicio das actuacións teña lugar no exercicio que se determine na correspondente convocatoria e que o importe do orzamento que se vaia executar nesa anualidade non supere o 25 % do orzamento total da actuación.

Noveno. Destino das vivendas resultantes das actuacións

1. As vivendas resultantes das actuacións deberán ser cualificadas como vivendas protexidas de promoción pública con carácter permanente, salvo que, de conformidade coa normativa de aplicación, non sexa posible a súa cualificación. En ambos casos deberán destinarse ao alugueiro por un prazo non inferior a quince anos, a contar desde a súa cualificación ou desde o día seguinte ao da finalización das obras, cando dita cualificación non sexa posible.

O destino ao alugueiro por prazo non inferior a quince anos deberá constar, en todo caso, en nota marxinal no Rexistro da Propiedade.

As vivendas deberán adxudicarse en réxime de alugamento, nos termos previstos na normativa reguladora das vivendas protexidas, salvo que non sexa posible a súa cualificación. Neste suposto, o concello deberá adxudicalas a unidades de convivencia con ingresos inferiores a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples.

2. No suposto de edificacións ou vivendas situadas en concellos de menos de 10.000 habitantes, non será exixible a súa cualificación nin o destino ao alugueiro, sempre que se destinen ao desenvolvemento de actuacións de impulso demográfico, incluidas aquelas dirixidas a fixar e/ou ampliar a poboación residente nos mesmos.

Décimo. Contía da axuda

1. As axudas poderán acadar ata o 95 % do orzamento protexido das obras, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 65.000 euros por edificación ou vivenda, ou de 68.000 euros, no caso de edificacións ou vivendas situadas nun ámbito histórico, no ámbito dos Camiños de Santiago ou da Ribeira Sacra ou nun ámbito declarado Área de rexeneración urbana de interese autonómico (en diante, Áreas Rexurbe).

Para estes efectos, enténdese por ámbito histórico:

1º. Os que conten con declaración de conxunto histórico-artístico ou similar.

2º. As zonas ou contornos de protección delimitados, afectados pola declaración dun ben de interese cultural oficialmente aprobado.

3º. Os inmobles que figuren nun catálogo de protección oficialmente aprobado.

4º. Os conxuntos, zonas ou centros históricos así definidos no planeamento.

Enténdese por ámbito dos Camiños de Santiago os comprendidos na declaración de Área de Rehabilitación Integral dos Camiños de Santiago realizada o 17 de decembro de 2010 e ampliada o 12 de abril de 2019, mediante acordo da Comisión Bilateral de Vivenda e na Resolución do 21 de febreiro de 2020 e, por ámbito da Ribeira Sacra os declarados por Resolución do 21 de febreiro de 2020.

Así mesmo, enténdese por Áreas Rexurbe o ámbito declarado de conformidade co artigo 54 da Lei 1/2019, do 22 abril, de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia.

2. A subvención poderá ter carácter plurianual. Neste suposto na resolución de concesión distribuiranse as anualidades en función do prazo de execución comunicado polo concello, sen que en ningún caso o importe da última anualidade poida ser inferior ao 20 % do importe total da subvención concedida.

Décimo primeiro. Solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes será o establecido na correspondente convocatoria e, en todo caso, rematará co esgotamento da dotación orzamentaria prevista na mesma, que será publicado no DOG mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

2. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) que se incorpora como anexo I a esta resolución e deberá dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda.

3. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algún dos concellos interesados presenta a súa solicitude presencialmente, será requirido para que a emende a través da súa presentación electrónica, debendo dirixirse á Área Provincial do IGVS onde estea situada a edificación ou a vivenda. Nestes casos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

4. No caso de que os concellos pretendan financiar varias actuacións a través desta resolución, deberán presentar unha solicitude para cada unha delas. No caso contrario, requiriráselle para que a emenden mediante a presentación separada de cada solicitude. Nestes casos, considerarase como data de presentación para cada actuación, aquela na que se realice a presentación separada da correspondente solicitude.

5. A solicitude deberá formalizala, en representación do concello, a persoa titular da alcaldía ou a persoa en que esta delegue.

6. No formulario de solicitude o concello solicitante deberá realizar as seguintes declaracións:

a) Declaración de que non solicitou nin obtivo ningunha outra axuda para a mesma finalidade. No caso de ter solicitado ou obtido algunha outra axuda, deberá indicar cales e o seu importe.

b) Compromiso de comunicar calquera outra subvención que sexa solicitada ou obtida polo concello solicitante para a mesma finalidade.

c) Declaración responsable de que o concello está ao día no pagamento de obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e o artigo 9 do seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

d) Declaración responsable de que o concello non está incurso nas causas de inhabilitación para a obtención de axudas previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

e) Declaración responsable de que as edificacións ou vivendas obxecto das actuacións se destinarán ao desenvolvemento de actuacións dirixidos a fixar e/ou ampliar a súa poboación, para o suposto previsto no apartado segundo do ordinal noveno desta resolución.

f) Declaración responsable de que coñece e acepta os contidos e obrigas recollidos nas bases reguladoras e na correspondente convocatoria.

g) Declaración responsable de que todos os datos da solicitude son certos.

Décimo segundo. Documentación complementaria

1. As solicitudes de subvención deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificado do acordo municipal de solicitar a subvención ao IGVS, aceptando os termos desta resolución e da correspondente convocatoria, de conformidade coa memoria, o orzamento e o prazo de execución propostos na documentación que se acompaña á solicitude.

b) Certificado da Secretaría municipal no que se acredite que a edificación ou vivenda obxecto de rehabilitación é de titularidade municipal, así como de que se cumpren os requisitos recollidos no ordinal sexto desta resolución para ser beneficiarios desta subvención.

c) Proxecto técnico ou memoria relativa á actuación que se vai realizar na edificación ou na vivenda. Deberá vir acompañado da seguinte documentación:

– Informe asinado polo/a correspondente técnico/a municipal relativo á localización da edificación ou vivenda, ao ámbito no que se inclúe, ás súas características e ao seu estado de deterioración. Este informe conterá unha reportaxe fotográfica en cor da edificación ou da vivenda e unha xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

– Memoria da actuación proposta, do orzamento de execución material e do calendario de execución. Este calendario é necesario para establecer o reparto das anualidades no momento da concesión da subvención.

– Informe do/a técnico/a municipal de que a actuación proposta cumpre coa lexislación vixente.

d) Documentación acreditativa da representación da persoa que presente a solicitude.

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa foran presentados anteriormente polo concello interesado ante calquera Administración. Neste caso, a entidade solicitante deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados ao efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa do concello solicitante.

De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa ou entidade interesada a súa achega.

Décimo terceiro. Forma de presentación da documentación complementaria

1. A documentación complementaria deberá presentarse por vía electrónica. Se algún dos concellos solicitantes presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.

2. Os concellos solicitantes responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegados polo concello solicitante, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

4. No caso de que algún dos documentos a presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivera un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos termos previstos no apartado anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo cuarto. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas Administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) Número de identificación fiscal do concello solicitante.

b) Documento nacional de identidade ou, de ser o caso, número de identidade de estranxeiro da persoa representante.

2. No caso de que os concellos interesados se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado para tales efectos no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o esixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso do concello interesado para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar aos concellos interesados a presentación dos documentos correspondentes.

Décimo quinto. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que os concellos solicitantes deban realizar trala presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente, accedendo á Carpeta cidadá do concello interesado, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Décimo sexto. Órganos competentes

1. A instrución do procedemento é competencia da Área Provincial do IGVS onde estea situado a edificación ou a vivenda no que se realicen as actuacións.

2. Corresponde á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS resolver sobre a concesión das axudas solicitadas.

Décimo sétimo. Procedemento de concesión

1. As subvencións concederanse polo procedemento de concorrencia non competitiva, de conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. O procedemento iniciarase de oficio, mediante a correspondente publicación no DOG da resolución de convocatoria ditada pola persoa titular da Presidencia do IGVS.

3. Se a solicitude non reúne algún dos requisitos exixidos nestas bases reguladoras ou na correspondente convocatoria, requirirase ao concello solicitante para que nun prazo de dez días hábiles emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, de conformidade co establecido no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución, nos termos do artigo 21 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

4. Unha vez completado o expediente e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Xefatura da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará a proposta de resolución de cada expediente á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

Décimo oitavo. Resolución e recursos

1. A resolución de concesión indicará as actuacións subvencionables, o seu custo, as condicións que se deberán cumprir para a execución da obra, así como o prazo para a súa finalización. Ademais, fixará a contía da subvención concedida que, de ser o caso, poderá ter carácter plurianual.

2. Para a concesión das axudas atenderase á orde cronolóxica de entrada das solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia. Para tal fin, considerarase data de presentación da solicitude aquela en que esta quedase validamente presentada por terse cuberto na forma correcta e ir acompañada da totalidade dos documentos exixidos nesta resolución e na correspondente resolución de convocatoria.

3. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de dous meses, contados desde a data de presentación da solicitude. O vencemento do prazo máximo sen que sexa notificada a resolución lexitima o concello interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

4. Contra a resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Presidencia do IGVS. O prazo de interposición deste recurso será dun mes, contado desde o día seguinte ao da notificación desta resolución.

Décimo noveno. Causas de denegación

1. Será causa de denegación da subvención o incumprimento dalgún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán denegadas as solicitudes que non dispuxesen de cobertura orzamentaria no momento da súa resolución e as relativas a actuacións que polas súas características non poidan ser executadas dentro do prazo máximo fixado no ordinal oitavo, de acordo co informe emitido para estes efectos pola Oficina Técnica da correspondente Área Provincial do IGVS.

Vixésimo. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, se for o caso, a obtención concorrente doutras subvencións e axudas, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión da subvención.

2. Así mesmo, a resolución de concesión poderá ser modificada nos termos sinalados no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, para o caso de reaxuste de anualidades ou modificación na execución de obras por causa de imprevistos.

Vixésimo primeiro. Xustificación e pagamento da subvención

A xustificación da execución das obras subvencionadas realizarase conforme ao seguinte procedemento:

1. O concello beneficiario deberá comunicar á correspondente Área Provincial do IGVS o remate das obras nun prazo máximo de quince días. Este prazo comezará a contar desde a súa finalización ou desde o remate do prazo máximo fixado na resolución de concesión da subvención para a terminación das obras.

A comunicación deberá facerse por vía electrónica, conforme ao anexo II que se incorpora a esta resolución. Dita comunicación incluirá unha declaración de estar ao día no cumprimento de obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos do artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Xunto co citado anexo deberá achegarse, segundo os casos, a seguinte documentación:

A. Para o caso de xustificar a comunicación parcial das obras:

– Certificación expedida pola secretaría do concello, co visto e prace da persoa titular da Alcaldía, relativa á aprobación polo órgano competente da conta xustificativa da parte executada da subvención, na que se faga constar o cumprimento das actuacións da anualidade que se certifica, así como os conceptos e contías relativos aos gastos totais soportados polo concello e imputables a esta certificación, coa seguinte relación: identificación da persoa acredora, número de factura ou documento equivalente, certificación da obra, importe, data de emisión e recoñecemento da obriga polo órgano competente.

A citada conta xustificativa incorporará, en todo caso, a certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida a subvención, de acordo co establecido no artigo 8 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

O importe xustificado á conta non poderá ser superior, en ningún caso, ao 80 % do total da subvención concedida.

– Memoria explicativa das obras realizadas.

– Fotografías que mostren as obras executadas, preferentemente en cor, nas que se mostre, ademais, o cartel publicitario de tamaño suficiente para que sexa perfectamente visible e lexible, no que conste a denominación do programa, o título do proxecto, o importe da axuda concedida e a marca da Xunta de Galicia.

– Documentos acreditativos dos gastos realizados con medios e recursos propios e a indicación, de ser o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia no apartado un deste ordinal.

– Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do seu importe e a súa procedencia.

– Copia de tres ofertas, de conformidade co establecido no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, no suposto de que o importe do gasto subvencionable da actuación supere a contía de 40.000 euros. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección, cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

B. Para o caso de xustificar a comunicación final das obras, deberá presentarse, ademais da documentación sinalada no punto anterior, actualizada de ser o caso, coas novas actuacións, a seguinte documentación:

– Certificación da Secretaría do concello acreditativa da finalización das obras, acompañada da súa acta de recepción, indicando que se cumpriu a finalidade da subvención.

– Nota marxinal da inscrición no Rexistro da Propiedade do destino das vivendas a arrendamento durante un prazo mínimo de quince anos.

2. Transcorrido o prazo indicado sen que o concello beneficiario presente a documentación xustificativa, o órgano instrutor requiriralla para que a presente nun prazo de dez días.

3. En ningún caso admitirase a presentación de documentación xustificativa da subvención con posterioridade ao 30 de outubro da anualidade a xustificar, salvo que o requirimento sinalado no apartado anterior se fixera dentro dos dez días anteriores a esa data.

4. No caso de que o ritmo de execución das obras fora diferente ao establecido na resolución de concesión, poderán reaxustarse as anualidades mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, previa solicitude do concello, sempre que exista dispoñibilidade orzamentaria para a súa realización.

5. No caso de non terse presentado a xustificación da anualidade correspondente nos prazos indicados nin terse procedido a un reaxuste das anualidades, perderase o dereito ao cobramento da parte da subvención correspondente á citada anualidade, o que lle será notificado ao concello interesado a través da oportuna resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

6. Presentada a documentación xustificativa e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, a persoa titular da Área Provincial do IGVS emitirá informe sobre o cumprimento dos requisitos e elevará unha proposta de pagamento á persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.

7. O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria na conta de titularidade municipal sinalada para tales efectos no anexo I.

Vixésimo segundo. Obrigas dos concellos beneficiarios

Ademais das recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os concellos beneficiarios terán as seguintes obrigas:

1. Executar as actuacións subvencionadas nas condicións e prazos indicados que consten na resolución de concesión.

2. Destinar as edificacións e/ou vivendas rehabilitadas durante un prazo non inferior a quince anos, ao alugamento de unidades de convivencia que cumpran os requisitos previstos nesta resolución, ou ao desenvolvemento de actuacións dirixidos a ampliar a súa poboación, no suposto previsto no apartado dous do ordinal noveno desta resolución.

3. Achegar ao Área Provincial do IGVS na que estea situada a vivenda, nun prazo de dez días desde a súa sinatura o contrato de alugamento, para o suposto previsto no apartado un do ordinal noveno desta resolución.

4. Acreditar documentalmente ao IGVS a efectividade dos pagamentos realizados nos prazos establecidos no artigo 3 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro.

5. Facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

6. Dar a axeitada publicidade de que as actuacións están subvencionadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do IGVS, de conformidade co disposto no ordinal vixésimo primeiro desta resolución e co artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

7. As demais obrigas que derivan desta resolución e da correspondente convocatoria.

Vixésimo terceiro. Perda e reintegro da subvención

1. Poderán ser causa de perda e reintegro da subvención, ademais dos supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, os seguintes:

a) O incumprimento das obrigas recollidas no ordinal anterior.

b) A falta de comunicación da finalización das obras ou da presentación da xustificación da subvención no prazo establecido na correspondente resolución de convocatoria.

c) A falta de comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención

2. O incumprimento ou a falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención comportará, ademais das sancións que puideren corresponder, o reintegro da subvención percibida, incrementada co xuro legal correspondente desde o seu pagamento máis o 25 %, segundo establece o artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

3. Poderá ser causa de perda e posterior reintegro da subvención a non comunicación ao órgano instrutor de calquera modificación das circunstancias determinantes do recoñecemento da subvención.

4. O incumprimento do deber de reintegro poderá dar lugar ao inicio do correspondente procedemento de compensación con cargo ao Fondo de Cooperación Local, de conformidade coa normativa vixente.

Vixésimo cuarto. Compatibilidade das subvencións

As subvencións previstas nesta resolución son compatibles coas axudas que se poidan recibir para as mesmas actuacións, sempre que o importe de todas elas non supere o seu custo, de acordo co establecido no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño. Non obstante o anterior, estas axudas serán incompatibles coas do programa autonómico de infravivenda.

Vixésimo quinto. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do sistema de notificacións electrónicas de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, os concellos interesados deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de Notificación Electrónica de Galicia - Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, considerándose rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a súa posta a disposición sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Vixésimo sexto. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, á que se atopen vinculadas, previo requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo sétimo. Base de datos nacional de subvencións

En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no apartado oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (en diante, BDNS). A BDNS dará traslado ao DOG do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.

III. Convocatoria

Vixésimo oitavo. Prazo de presentación de solicitudes

1. O prazo de presentación de solicitudes comezará a contarse unha vez transcorridos cinco días hábiles dende o seguinte ao da publicación desta resolución no DOG. No suposto de que o primeiro día do prazo sexa inhábil, o prazo comezará o primeiro día hábil seguinte.

2. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 3 de xullo de 2026 e, en todo caso, no momento do esgotamento do crédito orzamentario previsto nesta convocatoria. O dito esgotamento será publicado no DOG mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS. Non obstante, o prazo de presentación de solicitudes poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.

3. As solicitudes poderán presentarse dende as 9.00 horas do primeiro día de inicio do prazo ata ás 14.00 horas do 3 de xullo de 2026.

4. As solicitudes presentadas fora do prazo e do horario indicado serán inadmitidas.

Vixésimo noveno. Actuacións plurianuais

Para o caso de actuacións plurianuais, será necesario que o inicio das actuacións teña lugar no exercicio 2026.

Trixésimo. Crédito orzamentario

1. As subvencións previstas nesta convocatoria faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 11.81.451A.760.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, por importe de 692.477,00 euros para a anualidade 2026 e por importe de 1.470.000,00 euros para a anualidade 2027.

2. De conformidade co establecido na Orde do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, o outorgamento destas subvencións queda supeditado á existencia de crédito adecuado e suficiente para financiar as obrigas derivadas da súa concesión.

3. A contía establecida nesta convocatoria poderá ser obxecto de ampliación por resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que terá efecto logo da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

IV. Eficacia

Trixésimo primeiro. Eficacia

Esta resolución producirá efectos ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2025

María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file