DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Xoves, 15 de xaneiro de 2026 Páx. 3159

IV. Oposicións e concursos

Universidade de Vigo

RESOLUCIÓN do 2 de xaneiro de 2026 pola que se convoca concurso de acceso a prazas de corpos docentes universitarios (TU2501).

De acordo co disposto na Lei orgánica 2/2023, do 22 de marzo (BOE do 23 de marzo), do Sistema universitario (en diante, LOSU), e, en virtude do previsto no Real decreto 678/2023, do 18 de xullo, polo que se regula a acreditación estatal para o acceso aos corpos docentes universitarios e o réxime dos concursos de acceso a prazas dos ditos corpos (BOE do 6 de setembro), en diante, RDCA, e ao abeiro do establecido nos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 13/2019, do 24 de xaneiro, da Xunta de Galicia (DOG do 22 de febreiro), conforme o acordo adoptado polo Consello de Goberno e publicada no Diario Oficial de Galicia, tras obter a oportuna autorización da Comunidade Autónoma de Galicia, a oferta de emprego público do persoal docente e investigador para o ano 2023 (Resolución do 20 de decembro de 2023, DOG do 28 de decembro), que recolle unha reserva do 15 % de prazas para investigadores de excelencia con acreditación I3/R3.

Esta reitoría, no uso das competencias recoñecidas pola LOSU, resolveu convocar concurso polo procedemento de urxencia as prazas que figuran no anexo I a esta resolución, que se corresponden con parte da mencionada cota, con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

Primeira. Normas xerais

Este concurso rexerase pola LOSU, o RDCA, a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE do 2 de outubro), en diante, LPACAP, a Lei 40/2015, do 1 de outubro, de réxime xurídico do sector público (BOE do 2 de outubro), en diante, LRXSP, o Real decreto lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto básico do empregado público (BOE do 31 de outubro), en diante, EBEP, a normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios e ás categorías de profesorado permanente laboral e axudante doutor, aprobada polo Consello de Goberno o 20 de decembro de 2024 (modificada en Consello de Goberno o 12 de marzo de 2025) e as bases desta convocatoria e demais normativa que resulte de aplicación.

Segunda. Requisitos das persoas candidatas

2.1. Para poderen ser admitidas a realizar estas probas selectivas, as persoas que sexan aspirantes deberán reunir os requisitos exixidos nesta base na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes e mantelos ata a toma de posesión:

a) Ter nacionalidade española ou ser nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados a que, en virtude de tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España, sexa de aplicación a libre circulación de traballadores e traballadoras nos termos establecidos no EBEP.

Tamén poderán participar o cónxuxe, os descendentes e descendentes do cónxuxe, das persoas con nacionalidade española e de quen sexa nacional doutros Estados membros da Unión Europea, sempre que non estean separados de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores da dita idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación a familiares de nacionais doutros Estados cando así se prevexa nos tratados internacionais realizados pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos os dezaseis anos de idade e non ter superado os setenta.

c) Estar en posesión da titulación de doutor ou doutora. No caso de títulos obtidos no estranxeiro, deberase achegar credencial que acredite a súa homologación ou o seu recoñecemento para o exercicio como docente de universidade.

d) Estar acreditado ou acreditada para o corpo docente de profesores e profesoras titulares de universidade conforme o establecido no RDCA ou no Real decreto 1312/2007, do 5 de outubro, ou ben estar habilitado/a para o corpo de profesores e profesoras titulares de universidade conforme o establecido no Real decreto 774/2002, do 26 de xullo.

e) Ter aboado as taxas por dereitos de exame dentro do prazo de presentación de solicitudes.

f) Non ter sido separado do servizo, mediante expediente disciplinario, de ningunha Administración pública, nin atoparse inhabilitado para o exercicio das funcións públicas. Quen sexa aspirante de nacionalidade distinta á española, deberá acreditar non estar baixo sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

g) Posuír a capacidade funcional para o desempeño das tarefas correspondentes á praza.

h) Estar contratado ou ter sido contratado como persoal investigador doutor no programa ou convocatoria competitiva de investigación que en cada praza se sinale no punto «Observacións» do anexo I; e dispoñer do certificado I3/R3, tal e como establece a Secretaría Xeral de Universidades para a emisión dos ditos certificados.

2.2. As persoas candidatas acreditarán o coñecemento de polo menos unha das dúas linguas oficiais da Universidade de Vigo no momento de saída a concurso da praza, de conformidade co establecido na lexislación vixente e cos seguintes efectos:

a) As persoas candidatas acreditarán un coñecemento suficiente do español como lingua estranxeira de nivel B2 ou superior, mediante algún dos certificados incluídos na táboa de acreditacións aceptadas pola Asociación de Centros de Linguas no Ensino Superior (ACLES). Estarán eximidas deste requisito as persoas que sexan nacionais de estados que teñan o español como lingua oficial.

b) A acreditación do coñecemento do idioma galego farase de conformidade coa normativa autonómica aplicable mediante un diploma Celga 3 (ou equivalente) ou superior.

A Universidade de Vigo disporá os medios necesarios para que o profesorado seleccionado que inicialmente non poida acreditar algunha das dúas linguas oficiais da Universidade de Vigo estea en condicións de facelo antes de transcorridos dous anos desde o nomeamento, de tal xeito que dous anos tras o nomeamento teña as competencias requiridas tanto en lingua española como galega.

2.3. As persoas aspirantes que teñan recoñecida legalmente unha discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán achegar fotocopia do certificado en vigor que acredite o recoñecemento da discapacidade de que se trate. En caso de precisar algunha adaptación, e co obxecto de que se poida garantir a igualdade de oportunidades das persoas con discapacidade e poder adoptar as medidas oportunas, xuntarase á solicitude de participación no concurso un escrito no que se soliciten as adaptacións de tempo e medios correspondentes. As persoas aspirantes a que se refire este parágrafo que non soliciten as adaptacións no momento de presentar a solicitude de participación ao concurso entenderase que non as precisan ou que renuncian a elas, sen que poida formular solicitude delas en ningún outro momento posterior do procedemento.

Á vista das propostas de adaptación efectuadas, a comisión de acceso determinará as medidas de adaptación ás necesidades das persoas con discapacidade que fosen admitidas ao concurso e así o solicitasen.

2.4. De conformidade co artigo 72.2 da LOSU non poderá participar neste concurso quen ocupe unha praza de corpos docentes universitarios nesta ou noutra universidade, obtida mediante concurso de acceso, salvo que se producise o desempeño efectivo dela durante polo menos dous anos.

Terceira. Solicitude telemática

3.1. O prazo de presentación de solicitudes será de vinte días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Boletín Oficial del Estado. Cando o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

3.2. Para solicitar a participación neste concurso, as persoas interesadas deberán cubrir previamente, para cada referencia/praza, e en todo caso, durante o prazo indicado na base 3.1, o formulario que se establecese especificamente e que estará dispoñible a través dos enlaces indicados no punto «Observacións» da información electrónica desta convocatoria (accesible na web http://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index filtrando por tipo: «Concursos de profesorado» e empregando como palabra clave «TU2501»). Esta mesma aplicación permitirá levar a cabo a liquidación dos dereitos de exame a que se fai referencia na base 3.5.

3.3. A solicitude xerada a través da inscrición anterior deberá ser presentada, en todo caso, durante o prazo indicado na base 3.1, na sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal), mediante o procedemento específico «SPDI-1º concurso público Profesores/as Titulares de Universidade (reserva I3/R3)».

Xunto coa solicitude, presentaranse en sede e en formato pdf os seguintes documentos, e será causa de exclusión a falta dalgún deles:

a) Copia simple do documento nacional de identidade. Quen for aspirante, non posúa a nacionalidade española e teña dereito a participar deberá presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo de quen for nacional doutro Estado co que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estaren separados de dereito do seu cónxuxe e, de ser o caso, do feito de viviren ás súas expensas ou estaren ao seu cargo.

b) Copia do título de doutor ou doutora, que poderá substituírse polo informe obtido desde «Mi Carpeta Ciudadana» (https://carpetaciudadana.gob.es/), punto «Títulos universitarios». Cando corresponda, deberase xuntar a credencial de homologación ou recoñecemento profesional.

c) Copia dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na letra «d» da base 2.1.

d) Copia dos documentos que acrediten o cumprimento dos requisitos que se sinalan na letra «h» da base 2.1.

e) Unicamente no caso de aspirantes que ocupen unha praza de corpos docentes universitarios (funcionarios) e non pertenzan á Universidade de Vigo, certificado orixinal (folla de servizos) da universidade ou organismo de que dependan, que acredite o seu desempeño.

f) Xustificante, de ser o caso, da exención parcial ou total de taxas.

g) Unicamente no caso de aspirantes de estados que non teñan o castelán como lingua oficial, certificación ou documento que acredite o cumprimento dalgún dos requisitos de idioma que se sinalan na base 2.2.

3.4. De conformidade co disposto no artigo 16.8 da LPACAP, carecerá de validez e eficacia a presentación de solicitudes e a realización de calquera acto efectuado a través de medios distintos aos indicados nestes dous puntos. A non inscrición en prazo e a non presentación en sede en prazo non son emendables e determinarán a exclusión definitiva do concurso de quen sexa aspirante.

3.5. Os dereitos de exame para cada praza (TU2501) serán de 44,17 euros. O pagamento deberase levar a cabo no prazo de presentación de instancias a que se refire a base 3.1. A falta de pagamento dos dereitos de exame en prazo non é emendable e determinará a exclusión definitiva do concurso de quen sexa aspirante, excepto que acredite o pagamento ou a exención da citada taxa.

A liquidación de taxas realizarase a través da aplicación de inscrición, e poderá aboarse o importe correspondente ben en efectivo ou con tarxeta. En efectivo poderase facer unicamente nalgunha das entidades bancarias colaboradoras coa Universidade de Vigo: Abanca, Banco Santander ou CaixaBank. Con tarxeta realizarase a través da aplicación informática, que permitirá seleccionar esta opción, e será necesario seguir con atención o proceso ata a súa finalización, comprobando que o pagamento foi realizado correctamente.

Segundo o disposto no artigo 23 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións da Comunidade Autónoma de Galicia, estarán exentas do pagamento as persoas con discapacidade igual ou superior ao 33 % e os membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Aplicarase unha bonificación do 50 % na taxa de inscrición aos membros de familias numerosas de categoría xeral. Nos tres supostos será necesario que coa solicitude presenten as respectivas certificacións que o acrediten.

Así mesmo, terán unha bonificación do 50 % da taxa as persoas que figurasen como demandantes de emprego desde, polo menos, os seis meses anteriores á data de publicación desta convocatoria e non estean percibindo prestación ou subsidio por desemprego, aspectos que deberán ser certificados pola oficina dos servizos públicos de emprego.

De conformidade co disposto na Lei 8/1989, do 13 de abril, de taxas e prezos públicos, procederá a devolución das taxas de participación cando non se realice o feito impoñible por causas non imputables ao suxeito pasivo, e a persoa interesada deberá solicitar a devolución e achegar os datos necesarios para a transferencia bancaria correspondente. Xa que logo, non procederá a devolución nos supostos de exclusión definitiva por causa imputable á persoa interesada.

3.6. Os erros de feito que se poidan advertir poderanse emendar en calquera momento, de oficio ou por petición da persoa interesada. Quen for aspirante queda vinculado aos datos que fixese constar na súa solicitude, e unicamente poderá demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.1 para a presentación de solicitudes. Transcorrido este prazo, non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás unha causa excepcional sobrevida, xustificada e discrecionalmente apreciada pola universidade.

3.7. A publicación dos actos que integran este procedemento no taboleiro de anuncios da sede electrónica servirá de notificación para todos os efectos, de acordo co previsto no artigo 45.1 da LPACAP.

Con independencia dos lugares nos que regulamentariamente se deban publicar, tanto a convocatoria como os actos e acordos que integran este proceso selectivo publicaranse a título divulgativo na páxina electrónica da Universidade de Vigo https://secretaria.uvigo.gal/uv/web/convocatoria/public/index

Cuarta. Admisión de aspirantes

4.1. No prazo máximo de quince (15) días hábiles desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes o reitor da Universidade de Vigo ditará resolución mediante a que se aproba a relación provisional de persoas admitidas e excluídas, con indicación das causas de exclusión.

4.2. Contra a dita resolución as persoas interesadas poderán presentar reclamación perante o reitor, no prazo de cinco (5) días hábiles contados desde o día seguinte ao da súa publicación. Posteriormente ditarase unha resolución reitoral mediante a que se aproba a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. As reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

Quinta. Desenvolvemento das actuacións en modo virtual ou presencial

Os concursos realizaranse nas dependencias da Universidade de Vigo, foren virtuais ou físicas, de acordo co disposto pola normativa de concursos e, de ser o caso, pola presidencia da correspondente comisión atendendo ao seguinte:

a) Desenvolveranse de forma virtual, a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo, os actos de constitución e presentación de documentación por candidatos e candidatas.

b) O acto de defensa a que se refire a base 7.5, poderá ser presencial ou mixto, segundo determine a propia comisión. En todo caso, será obrigatoria e necesariamente presencial, na dependencia física da Universidade de Vigo que estableza a presidencia, para candidatos e candidatas e para os membros da comisión que pertenzan á Universidade de Vigo. En caso de modalidade mixta, a intervención en liña daquelas membros da comisión que poidan facelo de modo virtual realizarase a través do Campus Remoto da Universidade de Vigo.

No caso de que todos/as os/as membros da comisión sexan alleos á Universidade de Vigo, a dirección do departamento a que pertence a área de coñecemento polo que sae a praza velará polo correcto desenvolvemento de todo o proceso de defensa e selección, e terá que estar presente no momento da defensa para asegurar a presencialidade dos candidatos/as e o correcto desenvolvemento desta.

Sexta. Comisións de acceso

6.1. As comisións de acceso deberán procurar unha composición equilibrada entre mulleres e homes, salvo cando non sexa posible por razóns fundadas e obxectivas, debidamente motivadas. De acordo co que establece a normativa de 2024 da Universidade de Vigo reguladora dos concursos de acceso, a composición das comisións é a que figura no anexo II desta convocatoria e terá a categoría primeira das recollidas no artigo 30 do Real decreto 462/2002, do 24 de maio, sobre indemnizacións por razón do servizo.

O nomeamento como membro dunha comisión é irrenunciable, salvo cando concorra causa xustificada, debidamente alegada pola persoa interesada e así apreciada pola reitoría.

Unha vez publicadas as listaxes definitivas de persoas admitidas e excluídas ao concurso, desde o servizo de Persoal Docente e Investigador remitiráselle á presidencia e á secretaría de cada comisión a relación de candidatos e candidatas correspondente á praza ou prazas que esa comisión vaia avaliar.

Todos os membros integrantes da comisión, tanto titulares como suplentes, deberán declarar formalmente se incorren, ou non, nos supostos de conflito de intereses a que se refire o artigo 32.4 do RDCA ou nalgún dos supostos de abstención do artigo 23 da LRXSP.

Resolta a renuncia, a abstención ou a recusación, as persoas afectadas serán substituídas polos seus respectivos suplentes e, no seu defecto, por orde correlativa e en último caso resolverá o reitor.

6.2. Agás petición expresa da presidencia e debidamente autorizada, cada comisión terá a súa sede e actuará no centro en que teña a súa sede o departamento a que está adscrita a praza convocada.

6.3. As comisións deberanse constituír no prazo de quince (15) días hábiles desde a publicación da relación definitiva de persoas admitidas e excluídas. Transcorrido o prazo sen que se constituíse a comisión correspondente, o reitor procederá á substitución da persoa que exerza a presidencia titular.

A constitución de cada comisión exixirá a asistencia de tres membros, titulares ou suplentes de ser o caso. A presidencia, unha vez realizadas as consultas pertinentes cos restantes membros, convocará a quen for membro titular e, de ser o caso, suplente, cunha antelación mínima de 48 horas, fixando o lugar (hipervínculo de acceso ao Campus Remoto), a data e a hora para proceder ao acto de constitución da comisión. Os membros titulares serán substituídos polos seus respectivos suplentes, en primeiro lugar, ou por orde correlativa.

No acto de constitución a comisión establecerá os criterios de valoración do concurso adecuados ao perfil de cada praza tendo en conta que os méritos relativos a experiencia investigadora e de transferencia e de experiencia docente e de innovación educativa deben ter o mesmo peso, nunha marxe entre o 35 e o 45 % do total da puntuación. A comisión fará públicos estes criterios no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo antes do acto de presentación de candidatos e candidatas.

6.4. Unha vez constituída a comisión, en caso de ausencia da persoa que exerza a presidencia, esta será substituída polo catedrático ou catedrática de universidade con maior antigüidade que teña recoñecidos, polo menos, dous tramos de investigación.

6.5. Para que a comisión poida actuar validamente requirirase a asistencia de, polo menos, dous dos seus membros entre os que figurarán obrigatoriamente as persoas que ocupen a presidencia e a secretaría. Os membros da comisión que estivesen ausentes da proba cesarán en tal condición, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan ter incorrido.

6.6. Á secretaría de cada comisión corresponderanlle as actuacións administrativas e mais a xestión económica propias da comisión, auxiliada polo persoal de administración e servizos do departamento a que estea adscrita a praza.

6.7. Durante o desenvolvemento do concurso a comisión resolverá as dúbidas que poidan xurdir na aplicación destas normas, así como o que proceda nos casos non previstos nelas. En todo momento a súa actuación axustarase ao disposto na LPACAP e a LRXSP.

Sétima. Acto de presentación e proba

7.1. A presidencia da comisión invitará, a quen participe no concurso, a facer entrega da súa documentación, indicando o lugar (hipervínculo de acceso ao espazo en liña asignado a cada candidato/a) e o prazo dispoñible para facelo, cuxo peche non poderá ter lugar antes do quinto día hábil posterior ao da publicación de baremo e criterios de valoración.

7.2. No acto de presentación, quen sexa concursante entregará en soporte informático:

a) O seu curriculun vitae normalizado completo (CVN-FECYT), en que detallará os seus méritos e historial académico, docente, investigador, de transferencia e de xestión.

b) O seu proxecto docente e investigador adecuado ao perfil do concurso.

c) Un exemplar das publicacións e dos documentos acreditativos do consignado no curriculum vitae, con independencia de que a comisión poida solicitar documentación complementaria acreditativa orixinal ou compulsada. Aqueles exemplares que non poidan ser achegados en formato electrónico, entregaranse en soporte físico.

7.3. Vencido o prazo outorgado para o desenvolvemento do acto de presentación, a comisión fixará e publicará no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo, o lugar, a data e a hora de comezo da proba, a cal deberá iniciarse no prazo máximo de cinco (5) días hábiles, contado desde o peche do acto de presentación. Este prazo poderá ser renunciable por escrito polas persoas concursantes. Igualmente, fixará o prazo durante o que poderán examinar a documentación presentada polas restantes persoas que concursen.

A orde de actuación iniciarase, atendendo á ordenación alfabética resultante da lista definitiva de persoas admitidas, por aquelas cuxo primeiro apelido comece pola letra «U» (Resolución do 28 de xullo de 2025, da Secretaría de Estado de Función Pública, pola que se publica o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao Servizo da Administración do Estado, BOE do 1 de agosto).

7.4. As mulleres embarazadas que prevexan a coincidencia do parto coas datas de realización do exercicio polas circunstancias derivadas do seu avanzado estado de xestación ou, eventualmente, nos primeiros días do puerperio, poderán poñelo en coñecemento do tribunal, engadindo á comunicación o correspondente informe médico oficial. A comunicación deberase realizar dentro dos cinco días hábiles seguintes ao anuncio da data do exame e implicará o consentimento da interesada para permitir o acceso dos integrantes da comisión aos datos médicos necesarios relacionados coa súa situación. A comisión acordará se procede ou non realizar a proba nun lugar alternativo, aprazala ou adoptar ambas as medidas conxuntamente. Para iso terá en conta, ademais do alegado pola persoa interesada, os dereitos dos demais aspirantes a unha resolución do proceso axustada a tempos razoables e as necesidades e aos intereses da universidade. Contra tal acordo non caberá recurso sen prexuízo de que as razóns da impugnación se inclúan en calquera outro recurso admisible, de acordo coas regras xerais do proceso selectivo.

7.5. A comisión valorará exclusivamente os méritos que, sendo alegados no curriculum vitae por quen for aspirante, estean debidamente xustificados, sempre referidos á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

7.6. Os concursos constarán dunha única proba que será pública e que consistirá na exposición oral, durante un tempo mínimo de trinta minutos e máximo de dúas horas, dos méritos e do historial académico docente e investigador, así como do proxecto docente e investigador presentado. A continuación, a comisión debaterá co candidato ou candidata durante un tempo máximo de dúas horas sobre os seus méritos, o seu proxecto docente e investigador e a adecuación destes ao perfil da praza obxecto do concurso.

7.7. Finalizada a proba, cada membro da comisión entregaralle á presidencia un informe razoado axustado aos criterios previamente fixados, de cada unha das persoas que concorren, con expresión explícita de voto favorable ou desfavorable.

7.8. A proposta de provisión de prazas realizarase con base na puntuación acadada por cada candidato/a e aos informes emitidos polos membros da comisión. En caso de empate recorrerase á votación, sen que sexa posible a abstención. De persistir o empate, dirimirá o voto do presidente ou presidenta.

Oitava. Proposta, presentación de documentos, nomeamento e toma de posesión

8.1. As comisións proporán e elevarán ao reitor, motivadamente e con carácter vinculante, unha relación de todos os candidatos e candidatas que superasen a proba por orde de preferencia para o nomeamento nun número que non exceda o número de prazas convocadas a concurso. Poderán propor a non provisión da praza xustificando esta decisión. Este acordo publicarase no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo.

8.2. No prazo dos tres días hábiles seguintes ao de rematar a súa actuación, a secretaría da comisión entregará no servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo a documentación completa relativa ás súas actuacións e a documentación presentada por cada persoa que concursase.

8.3. As persoas propostas para a provisión das prazas deberán presentar no prazo dos dez (10) días hábiles seguintes ao de publicación da proposta da comisión, a través da sede electrónica da Universidade de Vigo (https://sede.uvigo.gal), empregando o procedemento SXER-Instancia xenérica, con indicación da referencia da praza e dirixidos ao Servizo de Persoal Docente e Investigador, os seguintes documentos:

a) Copia electrónica auténtica do título de doutor ou doutora. Non será preciso achegar este documento se xunto coa solicitude se presentou o informe de «Mi Carpeta Ciudadana».

b) Copia electrónica auténtica da acreditación e copia electrónica auténtica do certificado I3/R3. Non será preciso achegar estes documentos se xunto coa solicitude se presentaron orixinais electrónicos.

c) Declaración xurada ou promesa de non incorrer en incompatibilidade segundo o establecido na Lei 53/1984, do 26 de decembro, de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas (BOE do 4 de xaneiro de 1985).

d) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado mediante expediente disciplinario do servizo de calquera das administracións públicas ou dos órganos constitucionais ou estatutarios das comunidades autónomas, nin encontrarse en inhabilitación absoluta ou especial para empregos ou cargos públicos de acordo co establecido no artigo 56.1.d) do EBEP.

No caso de ser nacional doutro Estado, acreditar non estar inhabilitado ou en situación equivalente nin ter sido sometido a sanción disciplinaria ou equivalente que impida, no seu Estado, nos mesmos termos o acceso ao emprego público.

e) Certificado médico oficial ou informe de saúde emitido polo Servizo Galego de Saúde (Sergas) de non padecer enfermidade nin defecto físico ou psíquico que o incapacite para o desempeño das funcións correspondentes a docente de universidade.

Os aspirantes que estean a prestar servizos na Universidade de Vigo estarán exentos de presentar a documentación relativa aos puntos «d» e «e».

Quen teña a condición de funcionario ou funcionaria de carreira en universidade ou organismo distinto da Universidade de Vigo estará exento de xustificar e presentar os documentos dos puntos «d» e «e», debendo presentar no seu lugar certificado (folla de servizos) da súa institución que acredite a súa condición e de cantas circunstancias consten na súa folla de servizos.

8.4. O reitor da Universidade de Vigo efectuará o nomeamento como funcionario ou funcionaria docente de carreira das persoas propostas pola comisión nun número que non exceda o de prazas convocadas a concurso, unha vez que acreditasen en prazo a documentación requirida. De non o facer, o reitor procederá ao nomeamento da seguinte persoa na orde proposta.

8.5. O nomeamento especificará a denominación da praza: o corpo e a área de coñecemento. Comunicaráselle ao correspondente rexistro para os efectos de outorgamento do número de Rexistro de Persoal e Inscrición nos corpos respectivos, remitiráselle para a súa publicación ao Boletín Oficial del Estado e ao Diario Oficial de Galicia e comunicaráselle ao Consello de Universidades.

8.6. No prazo máximo de vinte (20) días hábiles, contados desde o seguinte ao da publicación do nomeamento no Boletín Oficial del Estado, a persoa proposta deberá tomar posesión do seu destino, momento en que adquirirá a condición de funcionario ou funcionaria de carreira do corpo de profesoras e profesores titulares de universidade.

8.7. As referencias ao centro de adscrición que poida ter a convocatoria non suporán dereito de vinculación exclusiva para tal destino para quen teña adxudicada a praza.

Novena. Comisión de Reclamacións

9.1. Contra a proposta da comisión, as persoas admitidas no concurso poderán presentar reclamación perante o reitor da Universidade de Vigo, no prazo máximo de cinco (5) días hábiles, contados desde o seguinte ao da súa publicación no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo. A reclamación presentarase a través da sede electrónica (https://sede.uvigo.gal), mediante o procedemento SXER-Instancia Xenérica, dirixida ao Servizo de Persoal Docente e Investigador da Universidade de Vigo e con indicación da referencia da praza. Admitida a trámite a reclamación, suspenderase o nomeamento ata a súa resolución definitiva.

9.2. As reclamacións que se presenten anunciaranse no taboleiro de anuncios da sede electrónica da Universidade de Vigo. As persoas interesadas disporán dun prazo de cinco (5) días hábiles para formular alegacións para o contido da reclamación.

9.3. As reclamacións serán valoradas pola Comisión de Reclamacións da Universidade de Vigo, que examinará o expediente relativo ao concurso, valorará os aspectos puramente procedimentais, e verificará o efectivo respecto, por parte da Comisión de Selección, da igualdade de condicións dos candidatos e candidatas e dos principios de mérito e de capacidade destes no procedemento do concurso de acceso. Resolverá no prazo máximo de tres meses, ratificando ou non a proposta reclamada. Neste último caso, retrotraerase o expediente ata o momento en que se obxectou o vicio, e a Comisión de Selección deberá formular unha nova proposta, tras o que o reitor ditará a resolución de acordo coa proposta da Comisión de Reclamacións.

9.4. As resolucións do reitor a que se refire o punto anterior deste artigo esgotan a vía administrativa e serán impugnables directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Décima. Devolución da documentación presentada polas persoas aspirantes

A documentación presentada ao concurso deberá ser retirada do servizo de Persoal Docente e Investigador, logo de petición da persoa interesada, dentro do prazo de tres meses contados desde a finalización do procedemento ou, de ser o caso, desde que a resolución impugnada adquira firmeza. A documentación que non fose retirada no dito prazo será destruída.

Décimo primeira. Protección de datos

As persoas participantes están obrigadas a facilitar aqueles datos e información que a Administración exixa para a tramitación e instrución deste procedemento e, en caso de non o facer, excluirase do proceso selectivo.

De conformidade co artigo 13 do Regulamento UE 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril, relativo á protección de persoas físicas con respecto ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos, e co disposto no artigo 11 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos e de garantía dos dereitos dixitais, os datos persoais que figuren nos ditos documentos serán tratados baixo a responsabilidade da Universidade de Vigo, co propósito de xestionar a tramitación deste concurso, ao abeiro da LPACAP, a LOSU e os estatutos da Universidade de Vigo.

De conformidade co disposto no artigo 45 da LPACAP, a Universidade de Vigo está lexitimada para a publicación daqueles datos persoais que fosen precisos atendendo á natureza e á finalidade do acto que sexa obxecto de publicación. Non obstante, e co fin de previr os riscos da publicidade de datos persoais de vítimas de violencia de xénero, a persoa afectada comunicaralle esta circunstancia coa maior celeridade á Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo (986 81 34 19 e igualdade@uvigo.es).

As persoas participantes teñen dereito a solicitar ao responsable do tratamento, en calquera momento, o acceso, a rectificación ou a supresión dos seus datos persoais e a limitación do seu tratamento, así como a opoñerse a este tratamento e a solicitar, salvo casos de interese público e/ou exercicio de poderes públicos, a portabilidade dos seus datos. Estes dereitos poderanse exercer a través de calquera dos medios e vías previstos na súa política de protección de datos (dispoñible en https://www.uvigo.gal/proteccion-datos), incluído o envío á súa persoa delegada de protección de datos a través do correo electrónico dpd@uvigo.gal

Así mesmo, se a súa solicitude non for atendida pola Universidade de Vigo, teñen dereito a presentar unha reclamación ante a Axencia Española de Protección de Datos.

Décimo segunda. Norma derradeira

12.1. O tempo transcorrido entre a publicación desta convocatoria e a resolución do concurso non poderá exceder dos seis meses. Para estes efectos non computará o mes de agosto, considerándose inhábil para os efectos de actuación das comisións.

12.2. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso perante a xurisdición contencioso-administrativa no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

As persoas interesadas poderán optar por interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución perante o reitor. Neste caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto, segundo o previsto no artigo 123.2 da LPACAP.

Vigo, 2 de xaneiro de 2026

Manuel Joaquín Reigosa Roger
Reitor da Universidade de Vigo

ANEXO I

Datos das prazas

Praza nº 1.

Referencia:

TU2501-C01-050-TU-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento:

A0050 Bioloxía celular

Departamento:

D00c01 Bioloxía funcional e ciencias da saúde

Actividade docente e investigadora:

O perfil correspóndese con materias da área

Centro de traballo:

302 Facultade de Bioloxía

Observacións:

Estar no marco ou ter finalizado o programa Ramón y Cajal e ter certificado I3/R3

Praza nº 2.

Referencia:

TU2501-C01-630-TU-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento:

A0630 Microbioloxía

Departamento:

D00c01 Bioloxía funcional e ciencias da saúde

Actividade docente e investigadora:

O perfil correspóndese con materias da área

Centro de traballo:

302 Facultade de Bioloxía

Observacións:

Estar no marco dunha convocatoria competitiva de investigación ou ter finalizado o programa de excelencia de que se trate, e ter certificado I3/R3

Praza nº 3.

Referencia:

TU2501-H05-033-TU-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento:

A0033 Arqueoloxía

Departamento:

D00h05 Historia, arte e xeografía

Actividade docente e investigadora:

Arqueoloxía aplicada

Centro de traballo:

102 Facultade de Historia

Observacións:

Estar no marco ou ter finalizado o programa Ramón y Cajal e ter certificado I3/R3

Praza nº 4.

Referencia:

TU2501-T04-555-TU-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento:

A0555 Enxeñería química

Departamento:

D00t04 Enxeñaría química

Actividade docente e investigadora:

O perfil correspóndese con materias da área

Centro de traballo:

312 Escola de Enxeñaría Industrial

Observaciones:

Estar no marco ou ter finalizado o programa Beatriz Galindo e ter certificado I3/R3

Praza nº 5.

Referencia:

TU2501-T08-398-TU-TC-01

Nº de prazas:

1

Corpo/categoría:

Profesor/a titular de universidade

Área de coñecemento:

A0398 Física da terra

Departamento:

D00t08 Física aplicada

Actividade docente e investigadora:

Oceanografía física I

Centro de traballo:

310 Facultade de Ciencias do Mar

Observacións:

Estar no marco dunha convocatoria competitiva de investigación ou ter finalizado o programa de excelencia de que se trate, e ter certificado I3/R3

ANEXO II

Comisións de acceso

Praza nº 1: TU2501-C01-050-TU-TC-01.

Área: Bioloxía celular.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

Jesús Manuel Míguez Miramontes

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

Jesús María López Redondo

Profesor titular de universidade

Universidade Complutense de Madrid

Vogal 1ª

Nerea Moreno García

Catedrática de universidade

Universidade Complutense de Madrid

Comisión suplente

Presidenta

Lilian Rosana Ferreira Faro

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretaria

Alicia Rivera Ramírez

Catedrática de universidade

Universidade de Málaga

Suplente 1º

Antonio Manuel Castro Castro

Profesor titular de universidade

Universidade da Coruña

Listaxe de suplentes adicionais

Suplente 2ª

Eva María Candal Suárez

Profesora titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Suplente 3º

Rafael Álvarez Nogal

Catedrático de universidade

Universidade de León

Suplente 4ª

Ruth Morona Arribas

Profesora titular de universidade

Universidade Complutense de Madrid

Suplente 5º

Julián Yáñez Sánchez

Catedrático de universidad

Universidade da Coruña

Praza nº 2: TU2501-C01-630-TU-TC-01.

Área: Microbioloxía.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidenta

Carmen Sieiro Vázquez

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

Íñigo Lasa Uzcudun

Catedrático de universidade

Universidade Pública de Navarra

Vogal 1º

Juncal Garmendia García

Escala de Investigadores/as Científicos/as

CSIC

Comisión suplente

Presidenta

Lilian Rosana Ferreira Faro

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretaria

Ana Grande Pérez

Catedrática de universidade

Universidade de Málaga

Suplente 1º

Esteban Veiga Chacón

Escala de Científicos/as Titulares

CSIC

Listaxe de suplentes adicionais

Suplente 2ª

Cristina Madrid Xufré

Catedrática de universidade

Universidade de Barcelona

Suplente 3º

Mario Mencía Caballero

Profesor titular de universidade

Universidade Autónoma de Madrid

Suplente 4ª

Matxalen Llosa Blas

Catedrática de universidade

Universidade de Cantabria

Suplente 5º

José Manuel Martínez Costas

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Praza nº 3: TU2501-H05-033-TU-TC-01.

Área: Arqueoloxía.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

Darío Bernal Casasola

Catedrático de universidade

Universidade de Cádiz

Secretaria

Susana María Reboreda Morillo

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Vogal 1ª

María Isabel Fernández García

Catedrática de universidade

Universidade de Granada

Comisión suplente

Presidente

Enrique Alberto García Vargas

Catedrático de universidade

Universidade de Sevilla

Secretario

Francisco Javier Pérez Rodríguez

Profesor titular de universidade

Universidade de Vigo

Suplente 1ª

Macarena Bustamante Álvarez

Catedrática de universidade

Universidade de Granada

Listaxe de suplentes adicionais

Suplente 2ª

Gisela Ripoll López

Catedrática de universidade

Universidade de Barcelona

Suplente 3º

José Carlos Sánchez Pardo

Profesor titular de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Suplente 4º

Alfredo Ruibal González

Escala de Investigadores/as Científicos/as

CSIC

Suplente 5º

José Avelino Gutiérrez González

Catedrático de universidade

Universidade de Oviedo

Praza nº 4: TU2501-T04-555-TU-TC-01.

Área: Enxeñería química.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

José Manuel Cruz Freire

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretaria

Susana Lucas Yagüe

Profesora titular de universidade

Universidade de Valladolid

Vogal 1º

Francisco Valero Barranco

Catedrático de universidade

Universidade Autónoma de Barcelona

Comisión suplente

Presidenta

Ana María Rodríguez Rodríguez

Catedrática de universidade

Universidade de Vigo

Secretaria

Diana Martín García

Profesora titular de universidade

Universidade Autónoma de Madrid

Suplente 1º

Eulogio Castro Galiano

Catedrático de universidade

Universidade de Jaén

Listaxe de suplentes adicionais

Suplente 2º

Manuel Vázquez Vázquez

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Suplente 3ª

Encarnación Ruiz Ramos

Catedrática de universidade

Universidade de Jaén

Suplente 4ª

María del Carmen Veiga Barbazán

Catedrática de universidade

Universidade da Coruña

Suplente 5º

Enrique Roca Bordello

Catedrático de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Praza nº 5: TU2501-T08-398-TU-TC-01.

Área: Física da terra.

Cargo

Nome

Corpo

Institución

Comisión titular

Presidente

Manuel Martínez Piñeiro

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretaria

Raquel Niclos Corts

Catedrática de universidade

Universidade de Valencia (Estudi General)

Vogal 1ª

Montserrat Domínguez Pérez

Profesora titular de universidade

Universidade da Coruña

Comisión suplente

Presidente

Gabriel Roson Porto

Catedrático de universidade

Universidade de Vigo

Secretario

Pablo Martínez-Legazpi Aguilo

Profesor titular de universidade

Universidade Nacional de Educación a Distancia

Suplente 1ª

Josefa Salgado Carballo

Catedrática de universidade

Universidade de Santiago de Compostela

Listaxe de suplentes adicionais

Suplente 2ª

Sandra María García-Garabal Mosquera

Profesora titular de universidade

Universidade da Coruña

Suplente 3º

Daniel Rodríguez Pérez

Profesor titular de universidade

Universidade Nacional de Educación a Distancia

Suplente 4ª

Isabel Pérez Arjona

Profesora titular de universidade

Universidade Politécnica de Valencia

Suplente 5º

Pedro Poveda Martínez

Profesor titular de universidade

Universidade de Alicante