En novembro de 2016, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou, por unanimidade, unha proposición non de lei pola que se instaba ao Goberno a promover a subscrición dun Pacto de Estado en materia de violencia de xénero polo Goberno da Nación, as comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía e a Federación Española de Municipios e Provincias, que siga impulsando políticas para a erradicación da violencia sobre a muller como unha verdadeira política de Estado. Así, no seo da Comisión de Igualdade do Congreso, creouse unha subcomisión que tivo como obxectivo elaborar un informe no cal se identificasen e analizasen os problemas que impiden avanzar na erradicación das diferentes formas de violencia de xénero, e no cal se incluíse un conxunto de propostas de actuación, entre elas as principais reformas que deben acometerse para dar cumprimento efectivo a ese fin, así como ás recomendacións dos organismos internacionais.
Pola súa banda, a Comisión de Igualdade do Senado decidiu, o 21 de decembro de 2016, a creación dunha ponencia que estudase e avaliase, en materia de violencia de xénero, os aspectos de prevención, protección e reparación das vítimas, analizase a estratexia para acadar e implementar un Pacto de Estado contra a violencia de xénero e examinase a Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero. O 13 de setembro de 2017, o Pleno do Senado aprobou, por unanimidade, o Informe da ponencia de estudo para a elaboración de estratexias contra a violencia de xénero.
O 27 de decembro de 2017, todas as comunidades autónomas ratificaron de común acordo o documento final do Pacto de Estado contra a violencia de xénero que, no seu eixe 3, recolle de xeito específico medidas para «o perfeccionamento da asistencia, axuda e protección ás vítimas», e entre elas a elaboración de propostas para mellorar o apoio social, educativo, de formación e inserción laboral das mulleres que sofren violencia de xénero.
O día 25 de novembro de 2021, catro anos despois da aprobación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, a maioría dos grupos políticos con representación parlamentaria, conscientes de que o Pacto de Estado non podía ter como horizonte temporal o mes de setembro de 2022, senón que debía continuar vertebrando a nosa resposta como país fronte á violencia machista, acordaron a renovación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
Con base en todo o anterior, o 22 de xullo de 2022 a Conferencia Sectorial de Igualdade aprobou o Acordo relativo ao establecemento dun marco de actuación conxunta que garanta a prórroga e permanencia das políticas públicas e os servizos que se derivan do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, co obxecto de asegurar as condicións básicas que garantan a igualdade de todas as mulleres no exercicio dos seus dereitos fronte á violencia.
Este acordo ten como finalidade consolidar o traballo fronte á violencia contra as mulleres no conxunto do Estado, avanzando na institucionalización e a permanencia dos compromisos adquiridos no marco do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. Para estes efectos, o acordo tiña por obxecto impulsar o deseño de mecanismos de colaboración que garantan a estabilidade orzamentaria e administrativa de maneira que permitan soster os actuais e futuros servizos vinculados ao Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
O 20 de marzo de 2023 publicouse no Boletín Oficial del Estado a Resolución do 16 de marzo de 2023, da Secretaría de Estado de Igualdade e contra a Violencia de Xénero, pola que se publica o Acordo da Conferencia de Sectorial de Igualdade, do 3 de marzo de 2023, polo que se aproba o Plan conxunto plurianual en materia de violencia contra as mulleres (2023-2027).
Entre os obxectivos do plan figuran aquelas axudas e prestacións destinadas a favorecer a autonomía económica e o emprego das vítimas de violencia contra as mulleres.
O 26 de febreiro de 2025, o Pleno do Congreso dos Deputados aprobou a renovación e actualización do Pacto de Estado contra a violencia de xénero. O acordo amplía as medidas de 290 a 461 e introduce novos eixes como son a violencia vicaria, a violencia económica e a dixital.
As medidas previstas abordan a loita contra a violencia machista desde distintos ámbitos: sensibilización, resposta institucional, asistencia e protección das vítimas.
Así, a medida 242 insta a potenciar e reforzar as medidas de formación e inserción laboral, as axudas, os incentivos á contratación e outros beneficios, incluídos programas de emprendemento e apoio económico específicos, que promovan a autonomía económica das mulleres vítimas de calquera forma de violencia de xénero.
Son as comunidades autónomas as que asumen as competencias da asistencia social integral das mulleres vítimas de violencia de xénero e están, polo tanto, chamadas a xogar un papel clave na prevención, atención e reparación do dano.
Concretamente, no Decreto 139/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Social e Igualdade, disponse que lle corresponde a esta consellería, a través da súa Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, entre outras funcións as de impulsar as actuacións conducentes á eliminación da violencia de xénero nos termos establecidos na Constitución, no Estatuto de autonomía de Galicia, na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, na Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, e na demais lexislación aplicable na materia.
Así, considerando que a independencia económica é clave para garantir que as mulleres en situación de violencia de xénero consigan maior estabilidade persoal, social e laboral, a través da presente orde continúase no impulso da mellora da súa inserción laboral, articulando axudas económicas ás entidades locais para fomentar a contratación de mulleres que sofren violencia de xénero e que a curto prazo non poden acadar un posto de traballo no mercado laboral ordinario.
Esta orde, que se tramitará en réxime de concorrencia non competitiva, por non ser necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas que reúnan os requisitos establecidos, de acordo co previsto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, adáptase ao disposto na dita lei, así como ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Por outra banda, a Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista normalmente crédito axeitado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para a cobertura orzamentaria do gasto.
Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas ao abeiro desta orde queda condicionada á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da dita Orde do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar, como máximo, ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no seu artigo 5, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde se entenden condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
En consecuencia, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar, para o ano 2026, as subvencións destinadas a financiar a contratación, por parte das entidades locais galegas, de mulleres que sofren violencia de xénero, para a realización de obras ou servizos de interese xeral ou social, ata un máximo de 12 mensualidades, para mellorar e facilitar a súa inserción laboral.
O código do procedemento correspondente a estas axudas é o SI461A.
2. A súa finalidade é contribuír a que as mulleres acaden unha maior autonomía a través da promoción da súa independencia económica e do seu apoderamento, reforzando ao mesmo tempo as posibilidades dunha posterior inserción laboral estable, co obxectivo fundamental de lograr a súa plena integración na vida económica e social.
3. O procedemento de concesión destas subvencións tramítase mediante o réxime de concorrencia non competitiva, de acordo co disposto no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo a cal as bases reguladoras das convocatorias de axudas poderán exceptuar do requisito de fixar unha orde de prelación cando, polo obxecto e a finalidade da subvención, non sexa necesario realizar a comparación e prelación das solicitudes presentadas nun único procedemento ata o esgotamento do crédito orzamentario coas garantías previstas no artigo 31.4 da mesma lei.
4. As subvencións recollidas na presente orde concederanse cando a contratación se produza con posterioridade á súa publicación.
Artigo 2. Financiamento
1. Ás subvencións obxecto desta convocatoria destínase un crédito por un importe total de dous millóns cincocentos mil euros (2.500.000,00€), que se imputarán á aplicación orzamentaria 08.06.313D.460.1 (código do proxecto 2018 00112).
A dita partida orzamentaria finánciase con fondos finalistas do Estado, que os orzamentos xerais do Estado destinan ao desenvolvemento ou ampliación das medidas recollidas no Pacto de Estado contra a violencia de xénero.
2. O importe máximo inicial do crédito destinado ás subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas nos artigos 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda.
3. O incremento de crédito, así como o crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, se for o caso, destinarase á concesión daqueloutras solicitudes que por insuficiencia de crédito non chegaron a obter subvención.
A ampliación do crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.
4. Segundo o establecido no artigo 5 da Orde do 11 de febreiro de 1998 pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción. Así mesmo, en cumprimento do artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, a concesión das subvencións tramitadas nesta orde queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 3. Contía da subvención
1. A contía da subvención que se concederá ás entidades locais beneficiarias será, por cada muller contratada a tempo completo, a equivalente á necesaria para sufragar durante o período de contratación, ata un máximo de 12 mensualidades, as retribucións salariais brutas totais, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotas á Seguridade Social a cargo da entidade empregadora, na mesma cantidade que a fixada para o salario, segundo convenio colectivo ou normativa laboral aplicable vixente no momento de formular a solicitude e acorde coa súa categoría profesional.
2. O importe da subvención por cada contratación reducirase proporcionalmente en función da xornada realizada, cando os contratos se realicen a tempo parcial.
3. Para os efectos desta subvención, non se consideran custos salariais subvencionables o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1.c) do Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, así como os incentivos e gratificacións extrasalariais que non formen parte da base de cotización.
4. O número máximo de contratacións que se vai subvencionar por cada entidade solicitante establécese, segundo a poboación do ámbito territorial da entidade, de acordo co seguinte:
a) Ata 5.000 habitantes: 1 contratación.
b) Entre 5.001 e ata 20.000 habitantes: ata un máximo de 2 contratacións.
c) Entre 20.001 e ata 50.000 habitantes: ata un máximo de 4 contratacións.
d) Máis de 50.000 habitantes: ata un máximo de 6 contratacións.
Para estes efectos, teranse en conta as cifras oficiais de poboación con data do 1 de xaneiro de 2025.
5. O importe das subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que supere o custo da acción que vai desenvolver a entidade beneficiaria.
Artigo 4. Compatibilidade das axudas
A percepción destas subvencións é incompatible con calquera outra subvención, axuda pública, ou incentivo á contratación, para a mesma finalidade procedentes de calquera outra Administración ou ente público ou privado.
Artigo 5. Entidades beneficiarias
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde os concellos galegos, mediante solicitude individual ou mediante solicitude conxunta de agrupación ou asociación de concellos, mancomunidades de concellos de Galicia e consorcios locais de Galicia, constituídos exclusivamente por concellos, así como as entidades resultantes dunha fusión municipal.
2. Para poder acceder ás subvencións deberán cumprirse os requisitos e condicións establecidos nesta orde e na normativa xeral de subvencións.
3. Non poderán ser beneficiarias as entidades que estean incursas nalgunha das circunstancias establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. As entidades locais que resulten beneficiarias non poderán contratar novamente as mulleres que xa se contratasen con cargo ás axudas concedidas ao abeiro da Orde do 23 de decembro de 2024, pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións destinadas ao fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero no ámbito de colaboración coas entidades locais galegas, no marco do Pacto do Estado contra a violencia de xénero, e se convocan para o ano 2025.
5. Non poderán ser beneficiarias das axudas recollidas nesta orde as entidades locais que renunciase a elas nas convocatorias dos dous anos inmediatamente anteriores.
6. Para poder ser beneficiaria destas axudas, con anterioridade a que remate o prazo de presentación de solicitudes ou, de ser o caso, o de contestación ao requirimento realizado para o efecto, a entidade local deberá ter cumprido o requisito de ter remitidas as contas xerais do exercicio orzamentario 2024 ao Consello de Contas de Galicia.
7. Os concellos agrupados ou asociados terán en todo caso a condición de entidade beneficiaria, polo que para poder conceder a subvención solicitada todos eles teñen que cumprir os requisitos indicados nos números anteriores, así como as condicións, as obrigas e os compromisos establecidos nesta orde, nos termos establecidos no artigo 8.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
Os concellos integrantes da agrupación ou asociación nomearán unha persoa como representante única, que actuará como coordinadora e interlocutora ante a Consellería de Política Social e Igualdade, e que será quen solicite, reciba e xustifique a subvención no nome da agrupación ou asociación.
8. Cada concello só poderá participar nunha solicitude, individual ou conxunta con outros concellos. A inclusión dun concello nunha solicitude conxunta exclúe a posibilidade de presentar unha solicitude individual e de participar con outros concellos noutra solicitude.
No caso de producirse solicitudes simultáneas, individuais e conxuntas, daráselle validez á solicitude conxunta. Nos supostos non previstos, o órgano instrutor porao de manifesto á entidade para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.
9. Todos os requisitos e condicións exixidos deberán cumprirse na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo do previsto nos números 4 e 5.
Artigo 6. Persoas destinatarias finais
1. As persoas destinatarias finais das subvencións reguladas nesta orde serán as mulleres vítimas de violencia de xénero, incluídas as mulleres que padecesen violencia vicaria, e as mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual, inscritas como demandantes de emprego, independentemente da súa situación laboral, no Servizo Público de Emprego de Galicia.
2. Para os efectos desta orde, entenderase por mulleres en situación de violencia de xénero na Comunidade Autónoma de Galicia todas aquelas que cesasen a relación de convivencia ou dominación co agresor e que acrediten a situación de violencia mediante algún dos documentos seguintes:
a) Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a letrado/a da Administración de xustiza da propia orde de protección ou da medida cautelar.
b) Sentenza de calquera orde xurisdicional, que declare que a muller sufriu violencia de xénero ou documento xudicial que declare que a muller é vítima de trata de seres humanos con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.
c) Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local no que se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
d) Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local, no cal se recolla a dita condición de vítima de violencia de xénero.
e) Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia e/ou de trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente no cal conste a existencia dos ditos indicios.
f) Informe da Inspección de Traballo e da Seguridade Social.
g) Informe das forzas e corpos de seguridade que indique a existencia de indicios claros de trata con fins de explotación sexual e/ou explotación sexual.
En todo caso, a documentación acreditativa da situación de violencia de xénero debe estar emitida ou asinada no prazo dos 24 meses anteriores á data na cal a Consellería notifique ás entidades locais que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos desta orde segundo o sinalado no seu artigo 8.4.
Artigo 7. Requisitos da contratación
1. As contratacións polas cales se conceda a subvención deberán ser para a realización de obras ou servizos de interese xeral e utilidade social, competencia das entidades locais, e cumprir os seguintes requisitos:
a) Que sexan executados polas entidades locais en réxime de administración directa ou polos organismos, entes ou empresas públicas aos cales se encomende a súa execución.
b) Que a duración dos contratos sexa como mínimo de 6 meses.
c) Que a contratación sexa para xornada de traballo a tempo completo ou a tempo parcial non inferior ao 50 por 100.
d) Que a entidade local dispoña de asignación orzamentaria suficiente para facerse cargo dos gastos non subvencionables ao abeiro desta orde, se for o caso.
e) Que, na súa execución ou prestación, se favoreza a formación e a práctica profesional das mulleres contratadas.
f) Que a entidade local designe unha persoa de apoio para a traballadora ou traballadoras contratada/s, que actuará como profesional de referencia no tempo que dure a contratación das ditas traballadoras.
2. Con independencia da duración do contrato, o período subvencionable será como máximo de 12 meses.
3. A data límite para a formalización dos contratos será o 9 de outubro de 2026.
Artigo 8. Selección das traballadoras
1. Para a selección das candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións previstas nesta orde poderán contactar coa oficina de emprego asignada para a presentación da correspondente oferta, e solicitarán a relación de candidatas segundo os requisitos de perfil profesional que determine a entidade local, tendo en conta que todas as candidatas deben posuír a condición de vítima de violencia de xénero ou de vítima de trata con fins de explotación sexual e/ou vítimas de explotación sexual. Poderán presentarse ofertas nominativas sempre que se cumpran os requisitos fixados nesta orde.
2. Para a selección de candidatas, as entidades beneficiarias das subvencións poderán establecer liñas de colaboración cos centros de información á muller, os centros da Rede galega de acollemento, o Centro de Recuperación Integral para Mulleres que sofren violencia de xénero, os servizos sociais e calquera outro servizo público que traballe no eido da violencia de xénero, aos efectos de propoñer participantes para a súa contratación, sempre e cando estas reúnan os requisitos recollidos no artigo 6.
3. Para os efectos de facilitar a selección de candidatas, a Consellería de Política Social e Igualdade e o Servizo Público de Emprego de Galicia elaborarán unha instrución conxunta que se fará pública na páxina web da Consellería de Política Social e Igualdade.
4. A entidade local non poderá realizar a contratación sen ter remitido antes a selección das candidatas á Consellería de Política Social e Igualdade, no anexo que figura na instrución antes mencionada, para a comprobación dos seus requisitos, e a notificación posterior á entidade local de que a selección é correcta.
Se a entidade local non comunica a selección da/das candidata/s á Consellería de Política Social e Igualdade e realiza a contratación directamente, minorarase a subvención concedida polo tempo que medie desde a realización do contrato e ata que a dita consellería notifique que as candidatas seleccionadas cumpren os requisitos desta orde.
5. Todas as entidades indicadas no número anterior deberán dar cumprimento á normativa de protección de datos persoais, en concreto, ao disposto no Regulamento (UE) núm. 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais (Regulamento xeral de protección de datos), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais e demais normativa concordante.
Artigo 9. Contratación das traballadoras
1. Efectuada a selección das traballadoras na forma prevista no artigo anterior, a entidade beneficiaria procederá á súa contratación utilizando a modalidade de contrato segundo a lexislación laboral vixente.
2. En todo caso, no contrato de traballo subscrito deberá constar con claridade a prestación dos servizos que se contratan.
3. A entidade beneficiaria asume a súa condición de empregadora respecto ás traballadoras contratadas e o compromiso de cumprir a normativa laboral en materia de contratación.
Así mesmo, deberalles facilitar ás traballadoras os elementos persoais e materiais necesarios para levar a cabo o seu traballo e achegar a súa propia dirección e xestión para a articulación da colaboración, conservando a estrutura de mando sobre o seu persoal, e será responsable das tarefas técnicas que desenvolvan.
A concesión e o uso destas axudas non suporá, en ningún caso, relación contractual ou laboral coa Xunta de Galicia.
4. As entidades beneficiarias darán de alta na Seguridade Social as persoas contratadas no código de conta de cotización que corresponda.
Artigo 10. Substitución de traballadoras
1. Con carácter xeral, cando se produza a extinción do contrato antes de que remate o período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, a entidade beneficiaria poderá contratar outra persoa en substitución daquela que causou baixa, durante o tempo que reste para que remate o período subvencionado, sempre que a contratación se produza dentro dos 30 días seguintes ao da baixa na Seguridade Social da traballadora inicialmente contratada.
2. No suposto de baixas temporais por causas que se prevexa que sexan de longa duración, superior a 30 días, a substitución só será posible logo de autorización expresa da Consellería de Política Social e Igualdade por solicitude fundamentada da entidade beneficiaria contratante.
3. A nova contratación deberá cumprir os requisitos exixidos nesta orde e deberá ser notificada á Consellería de Política Social e Igualdade nun prazo máximo de 15 días desde a correspondente contratación, indicando a causa da baixa. Na notificación, a entidade beneficiaria deberá achegar os seguintes documentos:
a) Parte de baixa na Seguridade Social da persoa substituída.
b) Parte de alta na Seguridade Social e do contrato de traballo da persoa substituta.
c) Documento de información da subvención á traballadora, debidamente asinado, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. Tanto no caso de extinción, como de substitución por suspensión do contrato, a selección da persoa substituta deberá levarse a cabo de acordo co disposto no artigo 8.
5. De non se producir a substitución ou cando, mesmo producíndose, a suma dos distintos períodos de contratación referidos a este posto de traballo for inferior ao período de tempo tomado como referencia para o cálculo da subvención, procederase á redución ou reintegro da subvención concedida polo importe correspondente.
6. En ningún caso se poderá producir un incremento da subvención concedida e a entidade beneficiaria deberá facerse cargo dos sobrecustos que estas substitucións comporten, de ser o caso.
Artigo 11. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, o dito prazo comezará a computar transcorridos 5 días hábiles contados desde o día seguinte á publicación da orde no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo sexa inhábil, cómpre indicar que o prazo comezará o día hábil seguinte, cunha hora de inicio non antes das 9.00 e a hora de fin de prazo será ata as 20.00 horas.
Artigo 12. Forma e lugar de presentación das solicitudes
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), conforme o anexo I desta orde, debidamente cuberto e asinado pola persoa que exerce a representación da entidade solicitante.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
2. A presentación da solicitude implica o coñecemento e aceptación incondicionada destas bases reguladoras.
3. Será causa de desestimación da solicitude, sen prexuízo do disposto nos artigos 54 a 56 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, non axustarse aos termos da convocatoria, así como a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera outra manipulación da información.
Artigo 13. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
a) Anexo II. Certificado do secretario ou secretaria da entidade local: certificación ou documento equivalente emitido pola persoa que exerza as funcións da Secretaría da entidade local, no cal consten os seguintes aspectos:
1º. A representación que desempeña a persoa que asina a solicitude.
2º. A adopción do acordo de solicitar a subvención.
3º. A disposición de orzamento para financiar a acción obxecto da subvención solicitada, na parte non subvencionable, de ser o caso.
4º. As retribucións salariais brutas da/das traballadora/s que se vai/van contratar.
b) Anexo III. Certificación relativa aos concellos agrupados ou asociados (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos): certificación do secretario ou secretaria do concello representante, en que se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos agrupados ou asociados, as cuestións que se recollen no dito anexo.
c) Copia do convenio de colaboración (só no caso de agrupacións ou asociacións de concellos).
d) Documentación acreditativa da remisión das contas xerais do exercicio 2024 ao Consello de Contas.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda. As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de xeito motivado o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que hai que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a súa presentación de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 14. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI/NIE da persoa que, en nome e representación da entidade, solicita a concesión da subvención.
b) NIF da entidade solicitante.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente, habilitado no formulario correspondente, e achegar os documentos. Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 16. Emenda das solicitudes
1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se presentase a documentación exixida, a unidade administrativa encargada da tramitación do expediente requirirá a entidade solicitante para que, no prazo máximo e improrrogable de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixe, teráselle por desistido da súa solicitude, de acordo co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, logo de que se dite a correspondente resolución.
2. Sen prexuízo do disposto no número anterior, en calquera fase do procedemento poderáselle requirir á entidade solicitante que achegue a información e documentación complementaria que se considere conveniente para a correcta definición, avaliación, seguimento e comprobación da solicitude presentada.
Artigo 17. Publicación na Base de datos nacional de subvencións
De conformidade co previsto no artigo 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, deberanse transmitir á Base de datos nacional de subvencións o texto da convocatoria e a información requirida pola dita base de datos.
Artigo 18. Instrución
1. A instrución do procedemento correspóndelle á subdirección xeral competente en materia de violencia de xénero.
2. En aplicación dos principios de eficacia e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos establecidos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e sendo unha convocatoria de subvencións en concorrencia non competitiva, as subvencións resolveranse por orde de entrada das solicitudes presentadas no rexistro do órgano competente para tramitar.
3. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nesta orde ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión ou desestimación, na cal se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento, as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.
4. Cando o importe da subvención, por esgotamento de crédito, sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar a entidade beneficiaria para a reformulación da súa solicitude co fin de axustala aos compromisos e condicións da subvención adxudicable.
En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención.
Artigo 19. Resolución
1. As resolucións de concesión das subvencións, tras a fiscalización das propostas do órgano instrutor, correspóndenlle á persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, que resolverá por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade.
2. O prazo para resolver e notificar a resolución das axudas será de 3 meses contados a partir do día seguinte ao da data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para tramitar. Se no prazo indicado non se dita resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de acordo co disposto no artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. A resolución pola que se conceda a subvención indicará as contratacións subvencionables e determinará a súa duración, así como a contía da subvención que se vai outorgar, que deberán ser xustificadas na forma sinalada no artigo 23.
4. Unha vez notificada a resolución de concesión da subvención, a entidade beneficiaria deberá comunicar no prazo de dez (10) días a súa aceptación, e comprometerse a executar a actuación subvencionada no prazo e condicións establecidos na convocatoria. No caso de non comunicar o dito aspecto no prazo indicado, entenderase tacitamente aceptada.
5. As entidades beneficiarias das subvencións, unha vez aceptadas estas, quedarán obrigadas a destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidas.
Artigo 20. Notificacións
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia, Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e entenderanse rexeitadas cando transcorresen dez (10) días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non for posible por problemas técnicos, efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 21. Réxime de recursos
As resolucións expresas ou presuntas ditadas ao abeiro desta orde poñerán fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso potestativo de reposición perante a Consellería de Política Social e Igualdade no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa.
Artigo 22. Modificación da resolución de concesión
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución da subvención por instancia da entidade beneficiaria, sempre que se cumpran os requisitos previstos no artigo 35 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
3. Estas bases, habilitan para aprobar, nos supostos que proceda, as modificacións atendendo aos obxectivos e requisitos da convocatoria e demais normativa de aplicación.
Artigo 23. Xustificación e pagamento
1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. A contía da subvención concedida aboaráselle ás entidades beneficiarias a medida que vaian realizando as contratacións polo importe que lle corresponda, logo de presentar a documentación xustificativa que se relaciona no número 3.
3. A xustificación realizarase mediante a presentación da seguinte documentación, e o prazo límite para a súa presentación será o 24 de outubro de 2026:
a) Anexo IV. Solicitude de pagamento.
b) Anexo V. Declaración de axudas e do cumprimento das obrigas tributarias e coa Seguridade Social: declaración complementaria e actualizada na data da xustificación de todas as axudas ou subvencións solicitadas, concedidas ou percibidas para a mesma actuación, das distintas administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais ou, se é o caso, declaración de que non se solicitaron outras axudas ou subvencións; e declaración responsable de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
c) Anexo VI. Certificado de retribucións salariais: certificado do/da secretario/a da entidade local beneficiaria que incluirá unha táboa coas retribucións salariais brutas da/das traballadora/s contratada/s ao abeiro desta orde, en cómputo mensual, desagregadas por conceptos, incluída a parte proporcional das pagas extraordinarias e as cotizacións empresariais á Seguridade Social.
d) Contratos de traballo formalizados e debidamente comunicados á oficina de emprego.
e) Partes de alta na Seguridade Social.
f) Documentos de información da subvención ás traballadoras, debidamente asinados (segundo modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia).
4. Transcorridos os prazos indicados sen que as entidades beneficiarias presenten a documentación xustificativa, o órgano instrutor requirirállela para que a presenten nun prazo improrrogable de dez (10) días.
A falta de presentación da documentación xustificativa para o pagamento no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Así mesmo, cando o órgano competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables na xustificación presentada pola beneficiaria, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección, advertíndolle que, de non o facer, se procederá, logo de resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.
Artigo 24. Seguimento
1. Sen prexuízo da obriga de xustificación das subvencións percibidas nos termos establecidos na Lei 38/2003, do 17 de novembro, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na presente orde, co fin de efectuar un seguimento adecuado das subvencións concedidas ao abeiro desta orde, as entidades beneficiarias deberán remitirlle á Consellería de Política Social e Igualdade, no prazo dun mes desde a finalización da última mensualidade subvencionada, a seguinte documentación:
a) Memoria final, asinada polo órgano competente da entidade beneficiaria, que recolla o perfil das traballadoras contratadas ao abeiro desta subvención, así como a práctica profesional adquirida e a perspectiva de inserción laboral, segundo o modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
b) Certificado de fin de actuación asinado polo/a secretaria/o da entidade beneficiaria, segundo o modelo que consta na sede electrónica da Xunta de Galicia.
c) Certificación expedida polo órgano competente da entidade beneficiaria, na cal se relacionen os custos salariais e de Seguridade Social aboados a cada unha das traballadoras contratadas desagregados polos meses de duración do contrato.
d) Nóminas aboadas ás persoas traballadoras e xustificante de pagamento expedido pola entidade bancaria.
e) Informe de vida laboral do/dos código/s de conta de cotización da entidade beneficiaria nos cales estean incluídas a/as muller/es contratada/s no período subvencionable.
f) Boletíns de cotización á Seguridade Social: recibo de liquidación de cotizacións e relación nominal de persoas traballadoras ou documento equivalente expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, así como os documentos bancarios que acrediten o seu pagamento. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de quince (15) días desde o seu pagamento.
g) Modelo 111 e xustificantes do seu pagamento correspondentes ao período en que se levou a cabo a contratación. Esta documentación deberá ser presentada no prazo de quince (15) días desde o seu pagamento.
Artigo 25. Obrigas das entidades beneficiarias
1. As entidades beneficiarias deberán cumprir, en todo caso, cos requisitos e obrigas establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, así como coas condicións e obrigas establecidas nesta orde e demais que resulten exixibles segundo a normativa de aplicación, en particular, as seguintes:
a) Realizar a actuación que fundamenta a concesión da subvención, e acreditalo perante o órgano concedente, dentro do período e dos prazos establecidos, así como o cumprimento dos requisitos, prazos e condicións establecidos nesta orde e na de concesión.
b) Manter a duración temporal de cada contratación establecida na orde de concesión.
c) Aboarlles ás persoas contratadas, con carácter mensual e mediante transferencia bancaria, os salarios que lles correspondan e sexan acordes coa súa categoría profesional e titulación, e asumir a diferenza entre a cantidade subvencionada e os custos salariais de Seguridade Social totais, de ser o caso.
d) Someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar a Consellería de Política Social e igualdade e a Inspección de Traballo e Seguridade Social, ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.
Para os efectos dun correcto seguimento do desempeño das tarefas subvencionadas, a entidade beneficiaria da subvención deberá manter unha planificación permanentemente actualizada e respecto de cada unha das persoas traballadoras contratadas, no relativo ao lugar de realización do servizo e distribución do tempo de traballo por día da semana. A dita planificación deberá estar á disposición da Administración actuante para achegala cando se lle requira.
e) Comunicarlle á Consellería de Política social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nun prazo de cinco (5) días, aquelas modificacións substantivas que afecten a realización da actividade que vaian desenvolver as traballadoras contratadas, co obxecto de que se poida valorar se o seu carácter produce unha alteración substancial das condicións tidas en conta para a concesión da subvención.
f) Comunicarlle á Consellería de Política social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade, procedentes de calquera outra Administración ou ente público estatal ou internacional.
g) Proceder ao reintegro, total ou parcial, da subvención percibida, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e no resto dos casos previstos nesta orde e na Lei 9/2007, do 13 de xuño.
h) Utilizar os documentos de información da subvención ás traballadoras, no modelo que figura na sede electrónica da Xunta de Galicia.
i) Manter unha pista de auditoría suficiente e conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
j) Someterse ás actuacións de comprobación sobre o terreo que, en virtude da mostra seleccionada estatisticamente e/ou segundo criterios baseados no risco, poida realizar o persoal técnico da Consellería de Política Social e Igualdade a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero.
Artigo 26. Incumprimento, reintegros e sancións
1. O incumprimento das obrigas e condicións contidas nesta orde ou demais normativa aplicable, así como das que, de ser o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de demora correspondentes. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior, tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
2. Procederá o reintegro total da subvención percibida, máis os xuros de demora, sen prexuízo da incoación de expediente sancionador e demais responsabilidades en que poida incorrer a entidade beneficiaria, no caso de non comunicar a obtención doutras axudas ou subvencións que financien as actuacións subvencionadas.
3. Procederá o reintegro do 10 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de comunicar ao órgano concedente a solicitude doutras axudas ou subvencións para a mesma finalidade.
4. Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de presentación da documentación exixida no artigo 23 e, así mesmo, procederá o reintegro proporcional no caso de que a documentación presentada ao abeiro do dito artigo non xustifique a totalidade da subvención percibida.
5. Procederá o reintegro do 100 % da subvención percibida no caso de incumprimento da obriga de satisfacer mensualmente, mediante transferencia bancaria, as obrigas económicas de carácter salarial.
6. Ás entidades beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e na súa normativa de desenvolvemento.
7. As obrigas de reintegro establecidas neste artigo enténdense sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.
8. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, as entidades beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a entidade beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.
Artigo 27. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se encontren vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei. O incumprimento desta obriga determinará, de ser o caso, a imposición das multas coercitivas previstas no punto 4 do citado artigo.
Artigo 28. Información ás entidades interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI461A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, nas unidades administrativas de igualdade dos departamentos territoriais da Consellería; a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal/portada, ou da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero https://igualdade.xunta.gal, nos teléfonos 981 95 72 68 e 981 54 53 61 ou no enderezo electrónico: vx.igualdade@xunta.gal
Artigo 29. Remisión normativa
En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e demais normativa de aplicación.
Disposición adicional única. Delegación de competencias
Autorízase expresamente a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero para actuar por delegación da persoa titular da Consellería de Política Social e Igualdade para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamentos, en relación co disposto no artigo 73 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento
Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero a ditar as instrucións que sexan necesarias para o adecuado desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 18 de decembro de 2025
Fabiola García Martínez
Conselleira de Política Social e Igualdade
