DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2026 Páx. 4593

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

EXTRACTO da Orde do 16 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a consolidación e estruturación de unidades de investigación competitivas nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema galego de I+D+i, e se procede á súa convocatoria para o exercicio 2026 (código de procedementos ED431C, IN607A, ED431B, IN607B, ED431F e IN607D).

BDNS (Identif.): 881679.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881679

Primeiro. Entidades beneficiarias

As seguintes entidades: a) as universidades públicas do SUG; b) os organismos públicos de investigación de Galicia; c) as fundacións de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica INIBIC e Fundación Pública Galega Biomédica Galicia Sur). No caso dos institutos de investigación sanitaria IDIS, INIBIC, IISGS e dos centros do ámbito do Servizo Galego de Saúde que xestionen as súas actividades de investigación mediante as citadas fundacións, poderán solicitar as axudas desta convocatoria a través destas entidades; d) os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia, segundo os requisitos establecidos nos anexos I, II e III para cada caso.

Segundo. Obxecto

Axudas para consolidar, estruturar e especializar as unidades de investigación máis competitivas do Sistema galego de I+D+i, mediante as seguintes modalidades:

– Modalidade A: grupos de referencia competitiva (GRC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, constitúan unha referencia no Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade B: grupos con potencial de crecemento (GPC). Axudas para a consolidación de grupos de investigación das entidades solicitantes que, pola súa produción científica e a súa actividade de I+D, amosen potencial de crecemento ata converterse en grupos de referencia do Sistema galego de I+D+i.

– Modalidade C: proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente. Axudas para a realización de proxectos de investigación a investigadores/as individuais que, contando cunha traxectoria excelente consolidada ou en formación, teñen que afianzar unha liña de traballo baseada en proxectos de alto impacto, fundamentalmente nos ámbitos nacional e internacional. Estas axudas adoptarán, segundo as características dos investigadores ou investigadoras, dúas modalidades: 1. Liña de reforzo da traxectoria investigadora consolidada e 2. Liña de reforzo de traxectorias emerxentes.

Terceiro. Bases reguladoras

Publícanse conxuntamente coa convocatoria.

Cuarto. Contía

O importe total da convocatoria é de 28.897.500 €.

– Modalidade A (GRC).

As axudas terán unha duración máxima de catro anos. O importe global da axuda virá determinado por un módulo estrutural anual composto dun fixo dunha contía máxima de 55.000 € e un módulo variable anual de 20.000 €, 30.000 € ou 50.000 €, acumulable ao anterior, en función dos ingresos anuais medios do grupo no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025.

– Modalidade B (GPC).

As axudas serán de aplicación por un período de tres (3) anualidades. O importe total de cada unha das axudas virá determinado por un módulo estrutural composto dun fixo dunha contía máxima de 31.500 € en cada anualidade e un módulo variable anual, acumulable ao anterior, composto dunha contía de ata 10.000 € en cada anualidade para aqueles grupos que xa desfrutasen dunha axuda nesta modalidade desde a convocatoria de 2016 e que non estea activa neste momento, e cumpran, polo menos, dúas das seguintes condicións no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2023 e o 31 de decembro de 2025: dispor, polo menos, de cinco (5) investigadoras/es durante todo o período de referencia, ter uns ingresos medios anuais superiores a 80.000 €, traxectoria do grupo en transferencia de coñecemento.

– Modalidade C (proxectos de excelencia).

No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora consolidada, as axudas serán de aplicación por un período de ata catro (4) anualidades, mediante o pagamento anual, á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto, dunha contía máxima anual de 50.000 €. No caso dos proxectos que se acollan á liña de traxectoria investigadora emerxente, as axudas serán de aplicación por un período máximo de ata cinco (5) anualidades, mediante o pagamento anual, á institución a que pertenza a persoa que lidere o proxecto, dunha contía máxima anual de 15.000 € para o ano 2026 e de 25.000 € para os anos 2027, 2028, 2029 e 2030.

Para que se poidan atender gastos nunha anualidade é necesario que a persoa investigadora que lidera o proxecto manteña a vinculación laboral durante un mínimo de catro meses nese ano.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación da orde no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación,
Ciencia, Universidades e Formación Profesional