DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 11 Luns, 19 de xaneiro de 2026 Páx. 4737

III. Outras disposicións

Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais para a diversificación agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A).

O Regulamento (UE) núm. 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) núm. 1305/2013 e (UE) núm. 1307/2013, establece as normas que regulan os obxectivos xerais e específicos que deben perseguirse coa axuda da Unión financiada no marco da política agrícola común, os tipos de intervencións e requisitos comúns para que os Estados membros persigan estes obxectivos, así como os plans estratéxicos da PAC que deben elaborar os Estados membros, e que establecen as metas, as condicións das intervencións e a asignación dos recursos financeiros, de conformidade cos obxectivos específicos e as necesidades recoñecidas.

Neste contexto, e mediante a Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, aprobouse o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2023ES06AFSP001), actualmente modificado en virtude da Decisión de execución da Comisión, do 14 de agosto de 2025.

As recomendacións emitidas pola Comisión Europea para o Plan estratéxico da PAC español indican en que ámbitos debe centrar as súas prioridades e concentrar as súas intervencións.

Entre estes ámbitos figuran o fortalecemento do tecido socioeconómico das zonas rurais e atender as demandas da sociedade, e máis concretamente, reducir a tendencia ao despoboamento nas zonas rurais, redobrar os esforzos para facer fronte ao reto da renovación xeracional na agricultura reducindo as barreiras de entrada no sector, adoptar medidas específicas para reducir a fenda entre o emprego masculino e feminino nas zonas rurais, e promover a inclusión social nas zonas rurais.

No marco da intervención 6864. Axudas a investimentos para a diversificación agraria (subintervención 6864_01. Investimentos non agrícolas) do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España en Galicia, e con amparo no artigo 73 do Regulamento (UE) núm. 2021/2115, poderán apoiarse investimentos tendentes a mellorar a eficiencia do tecido produtivo rural e a fomentar outras oportunidades de desenvolvemento empresarial nas zonas rurais á parte da actividade agrosilvopecuaria, co fin de manter a poboación no medio rural, evitar o abandono das explotacións complementándoas con outras actividades que incrementen a renda dos agricultores e, en definitiva, consolidar a estrutura económica do medio rural mediante o apoio pequenas e medianas empresas.

A Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria de Galicia, configura a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural como unha axencia pública autonómica que actúa como instrumento básico na promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego, co obxectivo de mellorar as condicións de vida dos seus habitantes e de evitar o seu despoboamento, e atribúelle, entre outras competencias, a aplicación de medidas e actuacións que teñan por obxecto, en particular, a revitalización do tecido produtivo e a fixación da poboación nas zonas rurais.

O fortalecemento do tecido socioeconómico das zonas rurais é unha medida fundamental para contribuír ao mantemento da poboación e, desta forma, facer fronte ao reto demográfico e para mellorar as condicións de vida da poboación que as habita.

Neste contexto, cómpre tramitar un procedemento de concesión de axudas co fin de promover proxectos destinados á adquisición de bens de equipamento en empresas existentes que desenvolvan as súas actividades en ámbitos non agrícolas, nunha decidida aposta pola ampliación e modernización do sector produtivo no medio rural.

A tramitación deste expediente acóllese á Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, que regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a aprobación do expediente queda condicionada á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para 2026.

Desde o punto de vista da normativa comunitaria sobre axudas de Estado, está amparada no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L, do 15.12.2023).

Tendo en conta o anterior, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no exercicio das competencias delegadas polo Acordo do Consello de Dirección da Axencia do 11 de xullo de 2013 (Resolución do 24 de xullo de 2013, DOG núm. 148, do 5 de agosto),

RESOLVE:

Artigo 1. Obxecto

1. O obxecto desta resolución é establecer as bases reguladoras das subvencións a proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas que xestiona a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, co fin de reforzar o tecido produtivo empresarial nas zonas rurais de Galicia mediante o apoio á adquisición de bens de equipamento inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, co fin de mellorar, ampliar ou modernizar as súas estruturas de produción e/ou servizos, e convocar as correspondentes ao ano 2026, no marco da intervención 6864. Axudas a investimentos para a diversificación agraria (subintervención 6864_01. Investimentos non agrícolas) do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España en Galicia.

2. As axudas consisten en subvencións directas de capital.

O procedemento de concesión tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, nos termos previstos nos artigos 20 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (en diante, LSG).

3. O código identificativo do procedemento administrativo na sede electrónica da Xunta de Galicia será o MR708A

Artigo 2. Financiamento

1. Para o financiamento desta convocatoria está previsto un crédito de 2.700.000 €, con cargo á aplicación orzamentaria 15-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026 (código de proxecto 2026-00001).

Este crédito está cofinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco da intervención 6864. Axudas a investimentos para a diversificación agraria (subintervención 6864_01. Investimentos non agrícolas) do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España en Galicia, nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Esta convocatoria de axudas tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a súa eficacia queda condicionada a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026. Así mesmo, a concesión das subvencións queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. As contías indicadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas, sempre que teña lugar unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito ou existan remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito ou a créditos incluídos no mesmo programa, segundo prevé o artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da devandita lei, e deberase publicar no DOG o aludido incremento de contía.

Artigo 3. Persoas beneficiarias

1. Poderán ser beneficiarias das axudas concedidas ao abeiro desta convocatoria de axudas, sempre que cumpran os demais requisitos:

a) As pequenas empresas situadas en zonas rurais e constituídas con anterioridade ao 1 de setembro de 2025.

Ten a consideración de pequena empresa aquela que ocupa menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros, segundo a definición que resulta do anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea.

De ser o caso, a cualificación de pequena empresa tomará en consideración os datos das empresas asociadas e vinculadas para o cálculo de efectivos e importes financeiros, nos termos previstos no artigo 3 do citado anexo I do Regulamento (UE) núm. 651/2014.

Non poderán ser beneficiarias as agrupacións de persoas xurídicas, as comunidades de bens ou calquera outro tipo de unidade que careza de personalidade xurídica propia, así como as persoas xurídicas que non teñan ánimo de lucro, aínda que realicen actividade económica.

As empresas deberán ter a súa razón social ou ben un centro de traballo no territorio elixible, nos termos establecidos no artigo 4.2.b) desta resolución.

b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.

As persoas solicitantes deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2025.

Para estes efectos, considerarase zona rural todo o territorio de Galicia, con excepción das parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á Clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

No enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda estará dispoñible a relación de zonas densamente poboadas (ZDP).

c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros de súa unidade familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.

No caso de persoas físicas, deberán estar suxeitas ao réxime especial de traballadores por conta propia o autónomos con anterioridade ao 1 de setembro de 2025, e residir nunha zona rural, segundo a definición que de zona rural se establece no punto 1.b) deste artigo.

No caso de persoas xurídicas, deberán estar constituídas con anterioridade á citada data.

A explotación agraria deberá estar inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia (Reaga) e ter a cualificación de explotación agraria prioritaria no momento da solicitude da axuda.

2. Non poderán ser beneficiarias das axudas:

– As empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común.

– As empresas que realicen actividades económicas excluídas pola normativa aplicable en materia de axudas de estado (Regulamento (UE) núm. 2023/2831-Regulamento de minimis):

– A produción primaria de produtos da pesca e acuicultura.

– A produción primaria de produtos agrícolas e gandeiros.

– As empresas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da LSG.

– As empresas que incumpran os prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 31 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, para subvencións de importe superior a 30.000 €. Este requisito acreditarase nos termos previstos no artigo 19 desta resolución.

– Empresas que no momento de formular a proposta de resolución da axuda non estean ao día nas débedas coas distintas administracións públicas: AEAT, Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública.

3. Para o exercicio da súa actividade, as persoas solicitantes deberán dispor das autorizacións, permisos e/ou licenzas administrativas preceptivas, estar inscritas nos rexistros públicos que sexan pertinentes e cumprir con calquera outro requisito esixido polas disposicións aplicables.

Artigo 4. Proxectos subvencionables

1. Nos termos desta resolución, serán subvencionables os proxectos destinados:

a) Á adquisición de bens de equipamento co obxectivo de mellorar, ampliar e/ou modernizar pequenas empresas que desenvolven actividades produtivas non agrarias nos seguintes sectores e ámbitos de actividade:

1º) Industrias, fábricas e locais destinados á produción de bens e materiais. Non obstante o anterior, os investimentos relacionados coa utilización da madeira como materia prima ou fonte de enerxía limitaranse ás operacións de segunda transformación.

2º) Transformación e/ou comercialización de produtos agrarios. Non obstante o anterior, para este sector de actividade excluiranse aqueles proxectos cun orzamento elixible superior a 100.000 €.

3º) Prestación de servizos en calquera sector económico, con exclusión das empresas de servizos agrícolas e forestais, e das empresas de servizos enerxéticos, así como das empresas que presten servizos nos sectores de hostalaría (incluíndo todo tipo de empresas de aloxamento turístico) e restauración.

4º) Prestación de servizos sociais (garderías, coidado de anciáns, de persoas con discapacidade, ...).

5º) Actividades de ocio, recreativas e deportivas

6º) Artesanía e actividades artesanais.

7º) Actividades nos sectores da enxeñaría, arquitectura, servizos técnicos, limpeza industrial e veterinaria.

8º) Comercio polo miúdo.

2.Todos os proxectos subvencionables deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude da axuda. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo dos traballos de construción ou ben o primeiro compromiso en firme para o pedido dos equipamentos ou outro compromiso que faga o investimento irreversible e que vincule xuridicamente o solicitante, se esta data é anterior.  

Para estes efectos, o modelo normalizado de solicitude de axuda inclúe a declaración asinada pola persoa promotora ou, de ser o caso, da persoa representante de que os investimentos para os que solicita a axuda non están iniciados.

b) Que se desenvolvan no territorio de Galicia.

Non obstante o anterior, non serán subvencionables os proxectos que se desenvolvan nas parroquias galegas clasificadas como zonas densamente poboadas (ZDP), atendendo á clasificación para as parroquias galegas segundo o grao de urbanización denominada GU 2016 (IGE, 2016).

c) Que sexan finalistas, é dicir, que no momento do pagamento final cumpran os obxectivos e funcións para os que se lles concedeu a axuda.

d) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.

Para estes efectos, as persoas solicitantes deberán presentar una plan empresarial co contido que se require no anexo II, en que se describan a situación inicial da empresa, a actividade que se proxecta, o cronograma de actuación, a xustificación da viabilidade económica e financeira dos investimentos para os que se solicita a axuda, así como a xustificación da súa contribución aos obxectivos específicos 7 (atraer os agricultores mozos e facilitar o desenvolvemento empresarial nas zonas rurais) e/ou 8 (promover o emprego, o crecemento, a inclusión social e o desenvolvemento local nas zonas rurais, incluíndo a bioeconomía e a silvicultura sustentable) previstos no artigo 6 do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021.

O investimento proxectado deberá mellorar o rendemento global da empresa solicitante. Para acreditar isto, na memoria do proxecto (anexo II) deberase xustificar expresamente e de forma razoada en que medida os investimentos contribúen a acadar algún dos obxectivos indicados.

1º. Aumentar a competitividade da empresa.

2º. Reducir os custos.

3º. Aumentar o valor engadido.

4º. Reducir o impacto ambiental.

5º. Mellorar a rastrexabilidade e seguridade das producións.

6º. Diversificar as producións e/ou os mercados.

7º. Mellorar a calidade das producións.

8º. Implantar novos produtos, procesos ou tecnoloxías.

9º. Mellorar a comercialización das producións.

e) Que se axusten á normativa sectorial que resulte de aplicación para cada tipo de proxecto, así como ás especificacións indicadas nesta resolución.

f) As persoas solicitantes poderán presentar, como máximo, un proxecto ao abeiro desta convocatoria.

g) Quedarán excluídos aqueles proxectos que presenten un orzamento elixible inferior a 20.000 € e/ou superior a 300.000 €.

Artigo 5. Investimentos subvencionables

1. Con carácter xeral, será subvencionable a compra de bens de equipamento novos afectos á actividade empresarial, e que sexan necesarios para o desenvolvemento da actividade produtiva da empresa.

2. Non serán subvencionables:

a) Material funxible en xeral.

b) Envases e embalaxes, mesmo cando sexan reutilizables.

c) Maquinaria agrícola e/ou forestal.

d) A reposición ou simple substitución de bens de equipamento existentes, salvo que a nova adquisición supoña unha mellora tecnolóxica ou ambiental, que deberá xustificarse na memoria-resumo do proxecto (anexo II).

e) Equipamentos de calefacción, climatización e ventilación, así como as instalacións que comporten e, en xeral, os equipamentos e instalacións vinculados coa enerxía xeotérmica, aerotérmica e fotovoltaica.

f) Traídas e acometidas de servizos.

g) Adquisición de bens de equipamento e materiais de segunda man.

h) Adquisición de bens de equipamento destinada ao alugamento.

i) Equipamentos informáticos de oficina e licenzas informáticas en sistemas operativos e aplicacións de ofimática, e software en xeral, agás naqueles casos en que o software sexa necesario para o funcionamento dos equipamentos subvencionados.

j) Deseño e/ou actualización de páxinas web.

k) A compra de vehículos de transporte exterior, de vehículos especiais agrícolas e a súa adecuación. Vehículos especiais de obra e a súa adecuación, así como outra maquinaria de obra para movemento de terras, produción e transporte de formigón, e perforación, pilotaxe e compactación.

l) Instalacións, mobiliario, útiles e ferramentas.

m) Investimentos non axustados no seu dimensionamento e capacidade ás actividades que vai a desenvolver a empresa a curto prazo, ou ben dun importe unitario superior ao básico do mercado para unidades ou elementos de igual capacidade.

n) Investimentos non relacionados directamente coa actividade empresarial desenvolvida pola entidade solicitante.

o) Os gastos de alugamento de instalacións e equipamentos, nin os investimentos financiados mediante arrendamento financeiro (leasing).

p) A man de obra propia e os materiais de igual procedencia.

q) A adquisición de terreos.

r) As taxas por licenzas administrativas.

s) O imposto de valor engadido (IVE), así como calquera outro imposto .

t) Os gastos financeiros producidos como consecuencia do investimento.

u) Os xuros debedores.

v) Os conceptos do orzamento sen desagregar tales como «outros» ou partidas a tanto global.

w) Os investimentos realizados con carácter previo á presentación da solicitude da axuda.

Artigo 6. Intensidade da axuda

1. A axuda será do 50 % dos gastos subvencionables.

2. As axudas concedidas ao abeiro desta resolución están amparadas no Regulamento (UE) núm. 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L, do 15.12.2023).

De acordo co artigo 3 desa norma, o importe total das axudas de minimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá os 300.000 € nun período dos tres anos previos. Este límite aplicarase independentemente da forma da axuda de minimis ou do obxectivo perseguido.

Artigo 7. Compatibilidade e acumulación de axudas

1. Unha operación poderá recibir axuda dun ou varios fondos EIE ou dun ou varios programas e doutros instrumentos da Unión, coa condición de que a partida de gasto incluída nunha solicitude de pagamento para o reembolso por un dos fondos EIE non estea subvencionada por outro fondo ou instrumento da Unión, nin polo mesmo fondo conforme un programa distinto.

2. Á marxe do anterior, as subvencións reguladas nestas resolución serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo proxecto ou finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os límites aplicables segundo a normativa de axudas de Estado.

3. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou, de ser o caso, ao reintegro da axuda.

4. Para os efectos de determinar a compatibilidade e acumulación das axudas, a persoa beneficiaria deberá declarar outras axudas solicitadas, concedidas e/ou pagadas para o mesmo proxecto, nos termos previstos na solicitude de axuda (anexo I) e na solicitude de pagamento (anexo VIII).

Artigo 8. Obriga de relacionarse electronicamente

Nos termos previstos no artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas (en diante, Lei 39/2015), as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas.

No caso de persoas físicas incluídas no réxime especial de traballadores autónomos, a obriga de relacionarse a través de medios electrónicos coa Administración fundaméntase no artigo 10.1 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia.

Tendo en conta o anterior, tanto a presentación das solicitudes de axuda coma os demais trámites necesarios para a xestión deste procedemento administrativo, incluídos os requirimentos de emenda e as notificacións, faranse a través de medios electrónicos, nos termos previstos nas bases reguladoras das correspondentes axudas.

Artigo 9. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na Lei 39/2015.

2. A notificación practicarase do seguinte xeito:

a) Enviaráselle ao interesado, ao enderezo de correo electrónico que facilite no formulario de solicitude de axuda, un aviso en que se lle indica a posta á súa disposición da notificación. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

b) Poderá acceder á citada notificación no taboleiro electrónico dispoñible na aplicación informática habilitada para estas axudas co usuario e contrasinal do solicitante, no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/empresas2026

3. As notificacións por medios electrónicos entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

4. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 10. Presentación de solicitudes

1. O prazo para presentar as solicitudes de axuda será dun (1) mes desde o día seguinte

ao da publicación desta resolución no DOG.

De acordo co artigo 30 da Lei 39/2015, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación; se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo finaliza o último día do mes.

2. A presentación da solicitude de axuda realizarase unicamente por medios electrónicos.

Dentro do prazo establecido no punto 1 deste artigo, as persoas interesadas deberán cubrir previamente o formulario descritivo das circunstancias da persoa solicitante e do proxecto para o que se solicita a subvención, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/empresas2026

Para poder presentar a solicitude, é imprescindible que a persoa solicitante ou o seu representante legal dispoña de DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre (FNMT).

3. Para poder presentar a solicitude, será necesario seguir os seguintes pasos:

a) Darse de alta na aplicación informática para a xestión das axudas. O nome de usuario será o NIF da persoa solicitante; o contrasinal será o determinado por esta.

b) Necesariamente deberán cubrirse todos os campos establecidos como obrigatorios; así mesmo, débese anexar a documentación referida no artigo 11 desta resolución, en función do tipo de solicitante e tipoloxía do proxecto de que se trate.

c) Unha vez cuberto o formulario, a persoa solicitante poderá presentar a súa solicitude de axuda.

No momento da presentación, a aplicación informática expedirá un recibo acreditativo do feito da presentación, e xerará de forma automática os anexos I (solicitude de axuda), II (memoria do proxecto), III (orzamento) e IV (relación de ofertas). A publicación dos citados anexos no DOG ten carácter puramente informativo.

4. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

5. A aplicación informática disporá de instrucións de axuda para a consulta dos solicitantes. No caso de dificultades técnicas ou no caso de requirir máis información, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural pon á disposición dos interesados o seu servizo de asistencia técnica, a través do número de teléfono 981 54 73 69, e o enderezo de correo electrónico subdireccion-planificacion.agader@xunta.gal

Artigo 11. Documentación complementaria

1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Os anexos II (memoria do proxecto), III (orzamento) e IV (relación de ofertas) debidamente cubertdos e xerados a través da aplicación informática.

b) Documentos acreditativos da personalidade e, de ser o caso, da representación do solicitante:

No caso de persoas xurídicas, certificado expedido polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, en que se identifique a constitución e a representación correspondente, con indicación do seu alcance e vixencia. De non achegarse o dito certificado, deberán presentar copia das correspondentes escrituras de constitución e do poder de representación, debidamente inscritas no rexistro público que corresponda, segundo o tipo de personalidade xurídica de que se trate. Así mesmo, deberanse presentar as modificacións posteriores dos documentos indicados. No caso de que as persoas físicas actúen a través dun representante, deberán xuntar, debidamente cuberto, o anexo V (autorización de representación), asinado pola persoa solicitante e pola designada como representante.

No caso de persoas xurídicas, só se admitirá por válida a representación que se acredite nos termos documentais sinalados (certificación expedida polo Rexistro Mercantil ou outros rexistros públicos que correspondan en función da personalidade xurídica de que se trate, ou ben mediante as correspondentes escrituras notariais do poder de representación).

c) Documentación acreditativa dos compromisos de emprego:

1º. Certificación ou informe expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social, acreditativo de todos os códigos conta de cotización da empresa, correspondentes aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

2º. Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda.

3º. Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta na empresa, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude da axuda, expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Tres orzamentos ou facturas pro forma, correspondentes a distintos provedores, para cada un dos gastos propostos, nos termos previstos no artigo 13 desta resolución.

e) No caso de persoas xurídicas, declaración do imposto sobre sociedades (modelo 200), correspondente ao exercicio 2024.

f) No caso dos membros da unidade familiar da persoa titular dunha explotación agraria, referidos no artigo 3.1.c) destas bases reguladoras, acreditación do grao de parentesco coa persoa titular.

g) De ser o caso, documentación acreditativa do grao de discapacidade da persoa solicitante, no caso de que fose recoñecida por outra Administración distinta da propia da Comunidade Autónoma de Galicia –artigo 18.1.b.3º) desta resolución–.

h) De ser o caso, baixa consular, certificado de persoa emigrante retornada, expedido polas delegacións ou subdelegacións do Goberno ou calquera outra documentación que acredite de maneira fidedigna a data de retorno a España, así como o tempo de residencia no estranxeiro durante un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data do seu retorno a España –artigo 18.1.b.6º) desta resolución–.

i) De ser o caso, certificación de produción ecolóxica -artigo 18.1.c.1º) desta resolución.

j) De ser o caso, acreditación do selo de artesanía/artesanía alimentaria –artigo 18.1.c.3º) desta resolución–.

k) De ser o caso, acreditación da condición de empresa innovadora –artigo 18.1.d.1º) desta resolución–.

l) De ser o caso, as certificacións expedidas por unha entidade de certificación acreditada na ENAC, e/ou acreditación de que dispón da Marca galega de excelencia en igualdade ou dispor dun plan de igualdade depositado no Regcon –artigo 18.1.d.2º) desta resolución–.

m) De ser o caso, a declaración censual da alta (modelo 036 ou 037) –artigo 18.1.d.3º) desta resolución–.

n) De ser o caso, acreditación da pertenza a unha asociación profesional –artigo 18.1.d.4º) desta resolución–.

o) De ser o caso, documentación acreditativa da contratación de persoas con discapacidade –artigo 18.1.f.1º) desta resolución–.

p) De ser o caso, certificación de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais, segundo o artigo 19 desta resolución.

q) Calquera outra documentación adicional que a persoa interesada considere conveniente para a correcta avaliación e baremación do proxecto.

Sen prexuízo do disposto nos parágrafos anteriores, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015 non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderáselle solicitar novamente á persoa interesada a súa achega.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal, de conformidade co disposto no artigo 28 da Lei 39/2015.

3. Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

Cada arquivo individual non poderá superar os 5 MB. No caso de que un documento ocupe máis do dito tamaño, deberá xerarse con menor tamaño.

Artigo 12. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI/NIE da persoa física solicitante.

b) NIF da entidade solicitante.

c) DNI/NIE da persoa representante.

d) Datos de residencia con data de última variación do padrón.

e) Certificado de renda (IRPF) correspondente ao exercicio fiscal 2024 da persoa física solicitante.

f) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias coa Axencia Estatal de Administración Tributaria.

g) Certificado de estar ao día no cumprimento das obrigas fronte á Seguridade Social.

h) Certificado acreditativo de non ter pendente de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

i) Concesións de subvencións e axudas.

j) Inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

k) Concesións pola regra de minimis.

2. Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

a) Certificado de discapacidade, no caso de que fose recoñecida pola Comunidade Autónoma de Galicia, -artigo 18.1.b.3º) das bases reguladoras-.

3. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a estas consultas, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso das persoas interesadas para realizar a consulta.

4. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 13. Moderación de custos

1. Os custos deberán corresponder a prezos de mercado.

Débese respectar a moderación de custos, tal como establece o artigo 82 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común, e o artigo 5.2.1, letra f), do Plan galego de controis non SIXC, do Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga).

2. Para todos os gastos incluídos na solicitude da axuda deberanse solicitar e presentar, como mínimo, tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contracción do compromiso de que se trate, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, circunstancia que deberá ser xustificada expresamente no anexo IV, con indicación:

a) Das características dos gastos que fixeron imposible a localización dun mínimo de tres ofertas.

b) Dunha explicación de como se realizou a busca dos provedores.

Nestes casos, deberase xuntar, ademais, un informe dun taxador, dun perito ou dun organismo público autorizado en que se determine xustificadamente o seu valor de mercado.

Non se admitirán certificados, informes, invitacións realizadas ou documentos similares que indiquen que se solicitaron e se tiveron en conta tales ofertas na elección da proposta escollida sen que se concrete o seu alcance.

3. A elección entre as ofertas presentadas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía e deberá xustificarse expresamente cando esta non recaia na oferta máis económica. A xustificación deberá ser, en todo caso, motivada. No caso de que non se xustifique debidamente, considerarase como importe máximo subvencionable para ese concepto o correspondente á proposta máis económica.

4. As ofertas presentadas deberán incluír os mesmos elementos para ser comparables, e os bens ofertados deberán ser homologables en características, capacidades e/ou funcionalidades, independentemente de que o fabricante ou o modelo non sexa o mesmo nas ofertas presentadas. No caso de dúbida, poderáselle requirir á persoa beneficiaria que achegue un informe asinado por un técnico competente acreditativo deste aspecto.

5. As ofertas que se presenten deberán cumprir os requisitos formais e materiais establecidos a seguir:

a) Elementos materiais: deberán conter unha descrición detallada dos conceptos ofertados, con indicación da marca e modelo ou, de ser o caso, cunha descrición das súas características técnicas. No caso de que as ofertas presentadas conteñan varios elementos, deberá individualizarse o prezo de cada un deles.

b) Elementos formais: deberán indicar a data de expedición e identificar tanto NIF, nome e enderezo da empresa provedora, como o nome ou razón social do destinatario, que deberá coincidir coa persoa ou entidade solicitante da axuda.

Todas as facturas pro forma deberán estar asinadas dixitalmente pola empresa provedora ou, na súa falta, incorporar o selo e a rúbrica do provedor.

Non serán admisibles ofertas de compracencia ou ficticias, nin ofertas de provedores que non teñan no seu obxecto social ou no seu CNAE a habilitación para a subministración do ben ofertado.

As ofertas solicitadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre si, ou ben entre elas e a persoa ou entidade solicitante, nos termos previstos na lexislación de contratos.

Non se considerarán admisibles as ofertas presentadas que non reúnan os requisitos indicados anteriormente, o que dará lugar á exclusión como subvencionable do pretendido gasto.

Artigo 14. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da LSG.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para que aquela cumpra as obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 15. Instrución do procedemento

1. Os actos de instrución do procedemento en virtude dos cales deba ditarse a resolución de concesión competerán á Subdirección de Planificación e Dinamización do Medio Rural.

2. En relación coa solicitude da axuda, o órgano instrutor comprobará que a operación cumpre as obrigas establecidas pola normativa vixente, entre elas as relativas ás axudas estatais e demais normas e requisitos obrigatorios. En particular, verificarase:

a) A admisibilidade da persoa beneficiaria.

b) A admisibilidade da operación proposta.

c) A elixibilidade dos investimentos propostos.

d) O cumprimento dos criterios de selección de operacións

e) A verificación da moderación dos custos propostos.

f) A localización do investimento en territorio elixible.

3. Logo da presentación da solicitude da axuda e durante a instrución do procedemento, non se admitirá ningunha modificación dos investimentos para os cales se solicita axuda que supoña o incremento do seu importe, nin a inclusión de novos elementos ou gastos.

4. De ser o caso, durante a instrución do procedemento a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitar os informes sectoriais de ámbito autonómico que se consideren necesarios para asegurar a viabilidade dos investimentos subvencionados. Así mesmo, na fase de instrución do procedemento poderá realizarse unha visita previa ao lugar da operación, para os efectos de verificar a admisibilidade do proxecto.

Artigo 16. Emenda da solicitude e trámites posteriores

1. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos na convocatoria, o órgano instrutor requiriralle á persoa interesada que a emende no prazo máximo e improrrogable de 10 días, nos termos previstos no artigo 68 da Lei 39/2015, coa indicación de que se así non o fixer, se considerará que desiste da súa solicitude, logo de resolución, que deberá ditarse nos termos previstos no citado artigo.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS) e á consellería competente en materia de facenda.

2. As notificacións do requirimento de emenda efectuaranse por medios electrónicos, nos termos previstos no artigo 9 desta resolución.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase de forma electrónica a través do enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/empresas2026 acudindo á aplicación informática habilitada para a xestión destas axudas.

4. Co fin de completar a instrución do procedemento, poderáselle requirir á persoa solicitante que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios para tramitar e resolver o procedemento.

5. Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar con posterioridade á presentación da solicitude de axuda deberán ser realizados electronicamente accedendo á aplicación informática habilitada para a xestión das axudas, accesible desde o enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/empresas2026

Artigo 17. Baremación das solicitudes

Unha vez revisadas as solicitudes de axuda e practicadas as emendas, as áreas dependentes do órgano instrutor valorarán aquelas que reúnan todos os requisitos e conten coa documentación necesaria. A valoración realizarase en réxime de concorrencia competitiva, tendo en conta os datos e a documentación achegada pola persoa solicitante e segundo os criterios de selección de operacións previstos no artigo seguinte.

Excluiranse os proxectos que, logo da súa baremación de acordo cos criterios aplicables, obteñan unha puntuación inferior a 30 puntos, ao considerarse que non acadan os niveis mínimos de viabilidade e cobertura dos obxectivos das presentes bases.

Artigo 18. Criterios de selección

1. En aplicación do artigo 79 do Regulamento (UE) núm. 2021/2015 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, aplicaranse os seguintes criterios para a selección das actuacións proxectadas:

a) Criterios en función da localización do proxecto, ata un máximo de 20 puntos .

1º. En función da taxa de evolución interanual de poboación do concello, segundo os datos do IGE para o período 1999-2024, ata un máximo de 5 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou superior ao 30 %: 5 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 20 % e menor do 30 %: 4 puntos.

Concellos cunha caída de poboación igual ou maior ao 10 % e menor do 20 %: 3 puntos.

Concellos cunha caída de poboación menor do 10 %: 2 puntos.

Concellos con incremento de poboación igual ou menor ao 25 %: 1 punto.

Concellos con incremento de poboación superior ao 25 %: 0 puntos.

2º. Proxectos que se desenvolvan en concellos definidos pola Comunidade Autónoma como zonas de montaña ao abeiro do artigo 32 do Regulamento (UE) núm. 1305/2013: 7,5 puntos.

Pódese consultar a relación de concellos coa consideración de zonas de montaña no enderezo da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, https://agader.xunta.gal/gl/linas-de-axuda

3º. Proxectos que se desenvolvan en concellos declarados concellos emprendedores, ao abeiro de la Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galicia: 7,5 puntos.

b) Criterios en función da tipoloxía do promotor do proxecto: ata un de máximo 15 puntos.

1º. Proxectos promovidos por mulleres ou persoas xurídicas en que os titulares sexan mulleres nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

2º. Proxectos promovidos por menores de 35 años, ou persoas xurídicas en que os titulares sexan os colectivos referidos nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

3º. Proxectos promovidos por persoas con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 % ou persoas xurídicas en que os titulares sexan persoas con discapacidade nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do seu capital social: 5 puntos.

4º. Proxectos promovidos por persoas físicas suxeitas ao réxime especial de traballadores autónomos (RETA): 5 puntos.

5º. Proxectos promovidos por entidades de economía social: 5 puntos.

6º. Proxectos promovidos por persoas físicas emigrantes retornadas ou por persoas xurídicas en que os titulares teñan esta condición, nunha porcentaxe igual ou superior ao 50 % do capital social: 5 puntos.

c) Criterios en función do ámbito de actuación: ata un máximo de 25 puntos.

1º. Transformación e/ou comercialización de produtos agroalimentarios: 15 puntos.

Sumaranse 5 puntos adicionais se a empresa acredita dispor da certificación de produción ecolóxica.

2º. Diversificación económica cara a actividades non agrícolas en explotacións agrarias: 15 puntos.

3º. Artesanía/artesanía alimentaria: 10 puntos.

4º. Servizos sociais e atención á infancia: 10 puntos

5º. Proxectos de economía e bioeconomía circular baseados na eliminación, valorización ou reciclaxe de residuos: 10 puntos.

d) Empresas nas cales concorran as seguintes circunstancias: ata un máximo de 12,5 puntos.

1º. Entidades que teñan a consideración de empresas innovadoras: 10 puntos.

Para estes efectos, terán esta consideración:

– Empresas que obtivesen a cualificación como iniciativa de emprego de base tecnolóxica (IEBT) por parte do órgano competente da Xunta de Galicia.

– Empresas certificadas como spin-off das universidades galegas.

– Empresas Inscritas no Rexistro de Pemes Innovadoras do Ministerio de Ciencia e Innovación.

– Empresas que dispoñan da certificación EA 0047:2015 o EA 0043:2015 de peme innovadora ou nova empresa innovadora, respectivamente.

– Empresas que obtivesen a marca EIBT de empresa innovadora de base tecnolóxica outorgada pola Asociación Nacional de Centros Europeos de Empresas e Innovación (ANCES).

– Empresas seleccionadas para participar no programa Galicia Avanza.

– Empresas que participen ou participasen nalgún programa da Rede de aceleradoras business factories apoiadas pola Xunta de Galicia.

2º. Dispor dalgunha das seguintes certificacións expedidas por unha entidade de certificación acreditada na ENAC e/ou dispor da certificación galega de excelencia en igualdade ou dispor dun plan de igualdade depositado no Rexistro e depósito de convenios colectivos, acordos colectivos de traballo e plans de igualdade (Regcon): 5 puntos.

– Certificación en sistemas de xestión de calidade.

– Certificación en sistemas de xestión ambiental.

– Certificación en xestión da responsabilidade social.

3º. Empresas de recente creación: 5 puntos.

Para estes efectos, enténdense de recente creación aquelas empresas constituídas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2023, segundo a declaración censual de alta.

4º. Por pertenza a unha asociación profesional na data de publicación da convocatoria: 2,5 puntos.

5º. Non ter sido beneficiarias de axudas xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ao abeiro da medida 6.4 do PDR de Galicia 2014-2020: 2,5 puntos

e) Criterios en función do número/calidade dos empregos creados: ata un máximo de 20 puntos.

1º. Por cada emprego creado, equivalente a unha UTA: 7,5 puntos, ata un máximo de 15 puntos. As fraccións de UTA compútanse de forma proporcional.

2º. Se a creación de emprego beneficia algún dos seguintes colectivos: mulleres, menores de 35 anos, persoas desempregadas maiores de 55 anos o persoas con discapacidade en grao igual ou superior ao 33 %: 2,5 puntos, ata un máximo de 5 puntos.

As fraccións de UTA compútanse de forma proporcional.

f) En función dos empregos existentes na empresa: ata un máximo 7,5 puntos

1º. Se no cadro de persoal da empresa figuran contratadas persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33 %, cunha antigüidade mínima de 6 meses: 2,5 puntos

2º. Ratio investimento elixible/emprego mantido: ata un máximo de 5 puntos.

Ratio inferior a 1 emprego/15.000 € de investimento: 5 puntos.

Ratio entre 1/ 15.001 € e 30.000 € de investimento: 4 puntos.

Ratio entre 1/30.001 e 50.000 € de investimento: 3 puntos.

Ratio entre 1/50.001 e 70.000 € de investimento: 2 puntos.

Ratio entre 1/70.001 e 100.000 € de investimento: 1 punto.

Ratio superior a 1/100.000 € de investimento: 0 puntos

2. No caso de empate, terá prioridade o proxecto que obtivese máis puntuación no criterio e) Número/calidade de empregos creados.

De persistir o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio c) Ámbito de actuación do proxecto.

Se aínda así persiste o empate, atenderase á puntuación obtida no criterio a) Localización do proxecto.

Artigo 19. Cumprimento das obrigas de morosidade

O órgano instrutor comprobará, respecto das persoas e entidades beneficiarias dunha subvención por importe superior a 30.000 €, que acrediten o cumprimento dos prazos de pagamento que se establecen na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade en operacións comerciais.

No caso de persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada, esta comprobación basearase na certificación subscrita pola persoa física ou, no caso de persoas xurídicas, polo órgano de administración ou equivalente, con poder de representación suficiente, en que afirmen acadar o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previstos na Lei 3/2004.

As persoas solicitantes que, de acordo coa normativa contable, non poidan presentar conta de perdas e ganancias abreviada deberán presentar unha certificación emitida por un auditor rexistrado no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que conteña unha transcrición desagregada da información en materia de pagamentos descrita na memoria das últimas contas anuais auditadas, cando delas se desprenda que se acada o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento establecidos na Lei 3/2004. Esta certificación será válida ata que resulten auditadas as contas anuais do exercicio seguinte.

No caso de que non sexa posible emitir o certificado anteriormente mencionado, informe de procedementos acordados, elaborado por un auditor inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas que, con base na revisión dunha mostraxe representativa das facturas pendentes de pagamento a provedores da sociedade nunha data de referencia, conclúa sen a detección de excepcións ao cumprimento dos prazos de pagamento da Lei 3/2004, ou, no caso de que se detectasen, que estas non impiden lograr o nivel de cumprimento requirido no último parágrafo deste punto.

Entenderase cumprido o requisito exixido neste punto cando o nivel de cumprimento dos prazos de pagamento previsto na Lei 3/2004, do 29 de decembro, sexa igual ou superior á porcentaxe prevista na disposición derradeira sexta, letra d), punto segundo, da Lei 18/2022, do 28 de setembro, de creación e crecemento de empresas.

Artigo 20. Proposta de resolución

1. Unha vez avaliadas as solicitudes, o órgano instrutor elaborará unha relación dos expedientes ordenada por orde decrecente de puntuación, en aplicación dos criterios de baremación establecidos no artigo 18 desta resolución.

2. Instruído o procedemento e inmediatamente antes de ditar a proposta de resolución, poñerase de manifesto ás persoas interesadas, para que no prazo de dez días poidan alegar e presentar os documentos e xustificacións pertinentes. Non obstante, poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Unha vez concluído o trámite de audiencia, o órgano instrutor confeccionará a relación definitiva de puntuacións outorgadas ás solicitudes e elevará a proposta de resolución a la persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

3. A proposta de resolución expresará, de forma motivada, a relación de proxectos para os cales se propón a concesión da axuda, coa identificación, en relación a cada un, da persoa beneficiaria, puntuación obtida no proceso de baremación, importe da axuda proposta e fontes de financiamento.

De ser o caso, contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera en cada unha das tipoloxías de proxectos. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de espera no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.

Expresará tamén, de xeito motivado, a relación de proxectos para os cales non se propón a concesión de subvención, por falta de documentación, por non reuniren os requisitos ou por non acadaren a puntuación mínima necesaria.

Artigo 21. Órgano competente

A persoa titular da Dirección Xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural resolverá motivadamente, por delegación do Consello de Dirección, a selección dos proxectos. O prazo límite para ditar resolución expresa e notificala será de cinco meses, contado desde a finalización do prazo de presentación de solicitudes. A persoa interesada poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo se, transcorrido o prazo anterior, non se lle notificou resolución expresa.

Artigo 22. Notificación das resolucións do procedemento

1. Todas as resolucións notificaranse nos termos establecidos nos artigos 40 e 41 da Lei 39/2015. A notificación farase exclusivamente a través de medios electrónicos, segundo o establecido no artigo 9 desta resolución.

Nas notificacións indicarase de modo expreso que a actuación subvencionada se financia con Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PEPAC 2023-2027 de España en Galicia, no marco da subintervención 6864_01. Investimentos non agrícolas, intervención 6864. Axudas a investimentos para a diversificación agraria.

Así mesmo, indicarase que está amparada no Regulamento (UE) núm. 2023/2831, da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DO L, do 15.12.2023).

2. A resolución de concesión expresará o importe total da axuda que lle corresponde para a execución do proxecto, calculado sobre a base do orzamento elixible, así como a súa distribución por anualidades.

3. Notificada a resolución, e sen prexuízo dos recursos que procedan, se transcorridos dez días hábiles desde a notificación, a persoa interesada non comunica expresamente a súa renuncia á subvención (anexo VI), entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiaria.

4. Publicarase no Diario Oficial de Galicia (DOG), de conformidade co establecido no artigo 15 da LSG, a relación de axudas que se concedan. Así mesmo, serán igualmente obxecto de publicidade a través da páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (https://agader.xunta.gal).

Artigo 23. Obrigas das persoas beneficiarias

1. Son obrigas das persoas beneficiarias as establecidas no artigo 11 da LSG e, en particular, as establecidas nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

2. Obrigas en materia de emprego:

a) En canto ao compromiso de mantemento do emprego:

– A persoa beneficiaria está obrigada a manter a cifra media de emprego existente na empresa durante o período de execución do proxecto.

– O compromiso de mantemento do emprego será o que resulte do informe de cadro medio de persoal en situación de alta na empresa correspondente aos doce meses anteriores á presentación da solicitude de axuda.

O incumprimento do compromiso de mantemento de emprego, na data da presentación da solicitude de pagamento, nunha porcentaxe igual ou inferior ao 10 %, comportará a minoración da axuda que se pagará nunha porcentaxe equivalente á do incumprimento constatado.

Cando o incumprimento do compromiso de mantemento de emprego sexa superior ao 10 %, isto comportará a perda do dereito a cobrar a axuda.

b) En canto ao compromiso de creación de emprego:

– Enténdese por creación de emprego a formalización de novos contratos de traballo con posterioridade á presentación da solicitude de axuda.

– Só se terá en conta a creación de emprego que se poida acreditar no momento da xustificación final do expediente, á vista da información que resulte dos informes do cadro medio de persoal en situación alta na empresa presentados xunto coa solicitude de pagamento, así como das copias dos contratos de traballo que se xunten.

– Non se considerará como creación de emprego o cambio de modalidade contractual.

c) A persoa beneficiaria está obrigada a manter o nivel de emprego certificado na data do pagamento final do expediente e reflectido na correspondente resolución de pagamento final (empregos mantidos segundo o compromiso que resulta da resolución de concesión, máis os de nova creación, de ser o caso) durante o período de tres anos contados desde esa data.

3. A persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención por período mínimo de cinco anos desde a data da resolución de pagamento final, salvo que existan prazos de maior amplitude aplicables no ámbito da Xunta de Galicia para determinados proxectos, caso en que se aplicarán estes. No caso de bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura esta circunstancia, así como o importe da subvención concedida, e estes datos deberán ser inscritos no rexistro público correspondente.

4. As persoas beneficiarias deben publicitar a concesión da axuda segundo dispoñen o Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC, e mais a Instrución AXR 01/2023, da autoridade de xestión de Galicia, sobre información, publicidade e visibilidade das axudas, ou normas que as substitúan.

Nestes termos, deberá colocarse nun lugar visible ao público unha placa explicativa ou pantalla electrónica equivalente con información sobre o proxecto, que destaque a axuda financeira da Unión, con referencia expresa ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural, con inclusión do emblema da Unión. As placas serán de material resistente e non será admisible a simple impresión en papel.

No caso de que a persoa promotora teña páxina web, deberá incluír unha breve descrición da operación con referencia ao financiamento da Unión Europea.

Os elementos publicitarios deberán manterse durante un período mínimo de cinco anos contado desde a data da resolución de pagamento final do expediente.

5. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, polo menos, durante o período de permanencia dos investimentos. Está obrigada a facilitar a información que lle requira a Axencia e a someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións, en especial, aos controis sobre o terreo e controis a posteriori que poida realizar o órgano xestor, de acordo co previsto no Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

6. Facilitar, en aplicación do disposto no artigo 131 do Regulamento (UE) 2021/2115, á autoridade de xestión do PEPAC ou a outros organismos en que a dita autoridade delegase a realización das tarefas, toda a información necesaria para realizar o seguimento e a avaliación do PEPAC.

De conformidade co Regulamento (UE) 2021/2116, toda persoa ou entidade que reciba fondos da Unión debe cooperar na protección dos intereses financeiros desta. No caso de bases reguladoras, exíxese ás persoas ou entidades potenciais beneficiarias a obriga de asumir a aplicación de medidas antifraude eficaces e proporcionadas no ámbito de xestión da entidade, así como a obriga de comunicar ao órgano xestor os casos de sospeitas de fraude no ámbito dos fondos Feader.

7. Levar un sistema de contabilidade separado ou ben un código contable adecuado para todas as transaccións relativas ao proxecto subvencionado, segundo resulta do artigo 123 do Regulamento (UE) 2021/2115.

8. Deberá dispor dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos neste acordo, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control.

9. Os gastos subvencionables en que incorrese nas súas operacións comerciais deberán ter sido aboados nos prazos de pagamento previstos na normativa sectorial que lle sexa de aplicación ou, na súa falta, nos establecidos na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

10. Conforme o previsto no artigo 64 do Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias das axudas poderán devolver voluntariamente, na conta da entidade financeira Abanca número ES19 2080 0388 2831 1000 1396, as axudas percibidas, indicando os datos identificativos, o importe da axuda devolta, a denominación da axuda percibida e devolta, o número de expediente, a data de cobramento da axuda e a data de ingreso da devolución.

En todo caso, a persoa beneficiaria deberá remitir á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal consten a data do ingreso, o seu importe e o número de expediente e denominación da subvención concedida. Para estes efectos, no texto da operación farase constar sempre o concepto da devolución con indicación do número de expediente.

11. Cando unha persoa beneficiaria non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia efectuarase mediante o anexo VI.

12. Comunicar a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos públicos ou privados que financien as operacións subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dos fondos percibidos.

Artigo 24. Xustificación dos investimentos

1. O prazo límite para executar e xustificar os investimentos correspondentes á anualidade 2026 será o 15 de outubro de 2026, sen que sexa posible a súa ampliación.

2. A presentación da solicitude de pagamento (anexo VIII) realizarase unicamente por medios electrónicos, a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, e no enderezo da internet https://appsagader.xunta.gal/empresas2026, dentro do prazo de execución e xustificación referido no punto anterior deste artigo.

A documentación correspondente á xustificación do investimento presentarase igualmente de forma electrónica.

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia (en adiante RLSG), cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porállelos no seu coñecemento e concederalles un prazo de dez (10) días hábiles para a súa corrección.

No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen se ter presentado esta, requirirase igualmente a persoa beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente, nos termos previstos no artigo 45.2 do RLSG.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda.

Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 9 destas bases reguladoras.

3. Xunto coa solicitude de pagamento final presentarase a seguinte documentación:

a) Facturas ou documentos probatorios de valor equivalente, debidamente desagregados por conceptos, que deberán identificar, cando menos, a marca e o modelo dos equipamentos subvencionados e, de ser o caso, o número de serie.

b) Documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento:

– Xustificante bancario do pagamento pola persoa beneficiaria (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que consten a data de pagamento, o número da factura obxecto de pagamento, o concepto facturado, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir coa beneficiaria da axuda, e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

– Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado. Neste caso, achegarase unha copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.

Todos os xustificantes de pagamento deberán estar validados co selo da entidade bancaria correspondente.

Non se admitirán pagamentos en metálico.

No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura a que se imputa o pagamento.

No caso de facturas pagadas conxuntamente con outras non referidas ao proxecto, a xustificación do pagamento realizarase mediante a achega do correspondente extracto bancario, acompañado dun dos seguintes documentos: relación emitida polo banco dos pagamentos realizados ou orde de pagamentos da empresa selada polo banco.

A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.

Tanto a data das facturas como a dos xustificantes de pagamento deberán estar comprendidas dentro do período de execución dos investimentos, é dicir, desde o día da presentación da solicitude da axuda e ata a data límite de execución e xustificación dos investimentos determinada no punto 1 deste artigo.

As facturas correspondentes aos gastos subvencionados deberán estar pagadas dentro do prazo determinado na Lei 3/2004, do 29 de decembro, pola que se establecen medidas de loita contra a morosidade nas operacións comerciais.

c) Informe fotográfico dos investimentos executados, que necesariamente deberá incluír:

– No suposto de investimentos que incorporen un número de serie, fotografía da correspondente placa identificativa.

– Fotografías que acrediten o cumprimento da obriga de publicidade referida no artigo 23.4 desta resolución.

d) Documentación xustificativa dos empregos creados e mantidos, nos seguintes termos:

– Informe de vida laboral da/das conta/s de cotización da empresa e/ou dos traballadores autónomos, correspondente aos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento.

– Informe do cadro de persoal medio de traballadores en situación de alta durante os doce meses anteriores á data de presentación da solicitude de pagamento, expedido pola Tesourería Xeral da Seguridade Social.

– Copia dos contratos de traballo correspondentes aos empregos creados, debidamente comunicados ao Servizo Público de Emprego.

Da documentación que se presente debe resultar acreditada a calidade do emprego creado, nos termos previstos no artigo 18.1.e.2º) destas bases reguladoras.

e) De ser o caso, captura da páxina web da empresa, en que se inclúa unha referencia ao proxecto subvencionado, nos termos previstos no artigo 23.4 das bases reguladoras.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá solicitarlle á persoa beneficiaria as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que o órgano xestor considere convenientes.

6. Na fase de xustificación do gasto, a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá contrastar os prezos achegados pola persoa beneficiaria por calquera dos medios previstos no artigo 30.5 da LSG, co fin de comprobar que os gastos subvencionables se axustan ao valor de mercado. En caso de discrepancia, minoraranse os importes aprobados na concesión da axuda.

No suposto de subcontratación polas persoas beneficiarias das actividades subvencionadas, aplicarase o disposto no artigo 27 da LSG en relación co artigo 43 do RLSG.

7. Cando se poña de manifesto na xustificación que se produciron alteracións dos investimentos que non alteren esencialmente a natureza ou os obxectivos da subvención, e que puidesen dar lugar á modificación da resolución conforme o artigo 27 destas bases, despois de omitirse o trámite de autorización administrativa previa para a súa aprobación, o órgano concedente da subvención poderá aceptar a xustificación presentada, coa condición de que tal aceptación non supoña danar dereitos de terceiros. A aceptación das alteracións por parte da Axencia no acto de comprobación non exime o beneficiario das sancións que poidan corresponderlle conforme a LSG.

Artigo 25. Control administrativo da solicitude de pagamento

1. Os controis administrativos da solicitude de pagamento incluirán necesariamente as seguintes comprobacións:

– A operación finalizada en comparación coa operación para a que se presentou a solicitude e se concedeu a axuda.

– Os custos contraídos e os gastos realizados.

2. Todas as operacións de investimento incluirán unha visita in situ ao lugar da operación para comprobar o remate do proxecto obxecto da solicitude de pagamento, en cumprimento do artigo 75 do Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da PAC.

3. Os gastos xustificados deben coincidir cos compromisos adquiridos segundo a resolución de concesión da subvención.

O pagamento calcularase sobre a base dos importes que se consideren admisibles durante o control administrativo da solicitude de pagamento.

Conforme o artigo 51 do Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións de intervencións recollidas no Plan estratéxico da PAC e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da PAC para o período 2023-2027, a Axencia examinará a solicitude de pagamento presentada pola persoa beneficiaria e determinará os importes admisibles.

Deste xeito fixará:

a) O importe que correspondería pagar á persoa beneficiaria en función da solicitude de pagamento e da decisión de concesión. No caso de que o primeiro sexa superior ao segundo, o importe solicitado axustarase ao límite da concesión.

b) O importe que correspondería pagar á persoa beneficiaria tras o exame de admisibilidade do gasto que figure na solicitude de pagamento.

Se o importe fixado de acordo coa letra a) supera o importe fixado consonte a letra b) en máis dun 10 %, aplicarase unha penalización ao importe fixado consonte a citada letra b).

O importe que se pagará será igual á diferenza entre eses dous importes, pero non irá mais aló da retirada total da axuda.

Non obstante, non se aplicarán sancións cando a persoa beneficiaria poida demostrar, a satisfacción da Axencia, que non é responsable da inclusión do importe non admisible ou cando a Axencia adquira doutro modo a convicción de que a persoa beneficiaria non é responsable diso.

Artigo 26. Réxime de pagamento

1. O pagamento efectuarase na conta bancaria para tal efecto designada pola persoa beneficiaria.

2. Tramitarase un único pagamento final logo da xustificación dos investimentos subvencionados. Dado o carácter anual do crédito orzamentado para esta tipoloxía de proxectos, non se tramitarán pagamentos á conta nin pagamentos anticipados.

Artigo 27. Modificación da resolución de concesión da subvención

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

En particular, a modificación da titularidade do proxecto, a variación do importe dos investimentos subvencionados e a obtención concorrente de subvencións, axudas ou recursos outorgados por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida. Tamén dará lugar á modificación da subvención a alteración das condicións establecidas na resolución de adxudicación da subvención.

2. Unha vez ditada a resolución de concesión e, en todo caso, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo final para xustificar o investimento, a persoa beneficiaria poderá solicitar a modificación do seu contido, utilizando para isto o modelo normalizado (anexo VII).

3. No suposto de que as novas circunstancias afecten criterios tidos en conta no baremo, revisarase a puntuación asignada inicialmente ao proxecto, o que poderá dar como resultado a perda do dereito á subvención.

A modificación dos compromisos de creación de emprego non dará lugar á modificación da resolución de concesión, e será obxecto de revisión no control administrativo da solicitude de pagamento.

4. No suposto de que a modificación consista no cambio de titularidade do proxecto, verificarase a idoneidade da nova persoa promotora. A solicitude de subrogación comportará a revisión da puntuación obtida inicialmente á vista das circunstancias do novo promotor e, de ser o caso, poderá dar lugar á perda do dereito á subvención.

5. No suposto de modificacións que afecten o importe dos investimentos subvencionables, terase en conta o seguinte:

Non se admitirá o incremento do importe total do investimento considerado como subvencionable.

Non se admitirán modificacións que supoñan o incremento do custo unitario dos conceptos e elementos subvencionables.

6. Xunto coa solicitude de modificación deberase achegar a seguinte documentación:

a) Documento público ou privado de subrogación, en que quede reflectido o traspaso de compromisos asumidos coa aceptación da subvención, no caso de que o proxecto consista no cambio de titularidade.

b) Documentación acreditativa da personalidade da nova persoa titular, no caso de que o proxecto consista no cambio de titularidade.

c) Novo orzamento proposto para os gastos necesarios para a execución proxecto (anexo III), de ser o caso.

d) Nova relación das tres ofertas solicitadas e elixidas (anexo IV), de ser o caso

e) Declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas e/ou privadas para o mesmo proxecto, de ser o caso.

7. Para a modificación da resolución de concesión non se poderán ter en conta requisitos ou circunstancias que, debendo concorrer no momento en que se ditou a resolución, tivesen lugar con posterioridade a ela. As persoas beneficiarias terán a obriga de comunicarlle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención.

A modificación poderase autorizar sempre que:

– Non desvirtúe a finalidade da axuda e non supoña incremento do orzamento.

– Non exista prexuízo a terceiros.

– Os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorreren na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda.

8. A conformidade expresa da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural ás mencionadas modificacións só será outorgada cando non se altere significativamente o proxecto inicial e se cumpran os requisitos antes indicados. En concreto, non se admitirán modificacións que supoñan a inclusión de novos elementos ou conceptos de gasto distintos dos aprobados na resolución de concesión. O cambio de provedor non dará lugar a unha modificación da resolución de concesión.

Artigo 28. Perda do dereito ao cobro e reintegro da subvención

1. Procederá a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención e, de ser o caso, o reintegro das contías percibidas indebidamente e a exixencia dos xuros de demora nos supostos previstos no artigo 33.1 da LSG e de conformidade co artigo 10 da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da PAC e outras materias conexas, e co Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencions recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común. Os xuros de demora calcularanse en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para a persoa beneficiaria indicado na resolución do procedemento de reintegro e a data de reembolso ou dedución.

2. En relación co período de permanencia das obrigas e/ou os compromisos derivados da resolución de concesión de axuda, tendo en conta o artigo 14.1.n) da LSG, se o incumprimento atinxe o mantemento do ben, da operación subvencionada ou o compromiso de mantemento de emprego, a cantidade que se reintegrará será proporcional ao tempo de incumprimento, sempre e cando non se produza o incumprimento nos primeiros dous anos de compromiso, posto que neste caso procederá o reintegro total da axuda.

3. Suporá a perda dun 2 % da subvención concedida non dar publicidade ao financiamento dos investimentos que sexan obxecto de subvención, de acordo co establecido nestas bases.

4. Suporá a perda dun 5 % non comunicarlle á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención, unha vez recalculada e descontado o exceso obtido sobre os topes máximos legalmente establecidos.

No caso de condicións que constitúan obrigas que o beneficiario debe acreditar na fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso de que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.

5. O procedemento de reintegro tramitarase nos termos previstos no artigo 77 do RLSG.

6. Non procederá o reintegro da axuda nos seguintes supostos:

a) Falecemento da persoa beneficiaria.

b) Incapacidade laboral de longa duración da persoa beneficiaria.

c) Expropiación dunha parte importante do ben subvencionable, se esta expropiación non era previsible o día en que se concedeu a subvención.

d) Catástrofe natural grave que afecte considerablemente os bens da empresa subvencionada e impida o seu normal funcionamento.

Artigo 29. Réxime sancionador

As persoas beneficiarias das axudas, de ser o caso, estarán suxeitas ao réxime sancionador previsto no título IV da LSG e no VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da LSG, e ao disposto no título II da Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da PAC e outras materias conexas.

Artigo 30. Normativa de aplicación

– Normativa autonómica:

Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (LSG).

Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (RLSG).

Plan galego de controis, intervencións PEPAC 2023-2027. Réxime Feader non SIXC.

Instrución ARX PEPAC 01/2013. Información, publicidade e visiblidade.

– Normativa estatal:

Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, do 26 de febreiro de 2014.

Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regulan o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.

Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.

Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.

Circular de coordinación 44/2025 relativa ao Plan nacional de controis das intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023/2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.

– Normativa comunitaria:

Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, pola que se aproba o Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España para a axuda da Unión financiada polo Fondo Europeo Agrícola de Garantía e o Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (CCI: 2023ES06AFSP001), modificada pola Decisión de execución da Comisión do 14 de agosto de 2025.

Regulamento (UE) núm. 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC), financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) núm. 1305/2013 e (UE) núm. 1307/2013, e actos normativos de execución

Regulamento (UE) núm. 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) núm. 1306/2013, e actos normativos de execución.

Regulamento delegado (UE) 2022/127 da Comisión, do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro

Regulamento delegado (UE) 2022/1408 da Comisión, do 16 de xuño de 2022, polo que se modifica o Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello no que incumbe ao pagamento de anticipos para determinadas intervencións e medidas de apoio recollidas no Regulamento (UE) 2021/2115.

Regulamento de execución (UE) 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia

Regulamento de execución (UE) 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, ao algodón e aos subprodutos da vinificación, en virtude do Regulamento (UE) 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionadas coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.

Disposición adicional primeira. Recursos

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, cabe interpor potestativamente recurso de reposición ante o Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela, ao abeiro do artigo 10.1.a) da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da citada publicación no DOG.

Se, transcorrido o prazo para resolver, non lle é notificada a resolución á persoa interesada, entenderase desestimada por silencio administrativo e caberá interpor recurso potestativo de reposición contra a desestimación por silencio administrativo en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, como sinala o artigo 124 da Lei 39/2015, ou recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela.

Disposición adicional segunda. Información sobre o procedemento

Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

a) Na páxina web da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural: https://agader.xunta.gal/

b) Na Guía de procedementos e servizos, no enderezo https://sede.xunta.gal/guia-de-procedementos-e-servizos

c) No teléfono 981 54 73 69 (Axencia Galega de Desenvolvemento Rural).

d) De xeito presencial, na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (lugar da Barcia, 56. Laraño. 15897 Santiago de Compostela), con cita previa no teléfono 981 54 73 69.

Disposición adicional terceira. Información ás persoas interesadas

1. De acordo co establecido no artigo 14, letra ñ), da LSG, as persoas beneficiarias quedan informadas, cos datos consignados no modelo normalizado de solicitude, dos aspectos básicos previstos no Regulamento (UE) 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento dos seus datos persoais e á libre circulación destes datos (RXPD), e na Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.

No marco da financiación Feader, infórmase que se publicarán os datos relativos ás persoas interesadas nos termos establecidos no artigo 98 do Regulamento (UE) 2021/2116, e que os ditos datos serán tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión, de conformidade co artigo 99 do mesmo regulamento.

2. En cumprimento do disposto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo serán comunicados á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación.

A entidade outorgante deberá consignar a información sinalada no artigo 6.1 do Regulamento (UE) 2023/2831 na Base de datos nacional de subvencións no prazo de 20 días hábiles a partir da concesión da axuda.

Disposición adicional cuarta

A resolución e xestión desta convocatoria de axudas está condicionada á aprobación pola autoridade rexional de xestión da aprobación da novena modificación dos criterios de selección de operacións, logo de consulta ao Comité de seguimento rexional, para a selección das actuacións segundo os criterios fixados para a subintervención 6864_01. Investimentos non agrícolas establecidos no artigo 18 destas bases reguladoras.

Disposición derradeira primeira

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta aplicación desta convocatoria.

Disposición derradeira segunda

Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025

María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file