BDNS (Identif.): 881623.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/881623
Primeiro. Persoas beneficiarias
a) Pequenas empresas situadas en zonas rurais. Para estes efectos, a definición de pequena empresa é a que resulta do Regulamento (UE) núm. 651/2014, do 17 de xuño, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior, en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (TFUE).
b) Persoas físicas que residan nunha zona rural.
c) Titulares dunha explotación agraria, ou membros de súa unidade familiar ata o primeiro grao de consanguinidade ou afinidade, que diversifiquen as súas actividades en ámbitos non agrícolas e que desenvolvan o seu proxecto na propia explotación.
Segundo. Obxecto
Regular o procedemento de concesión das axudas que xestionará a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para proxectos de investimento en actividades empresariais non agrícolas, mediante tramitación anticipada de gasto, destinadas á adquisición de bens de equipamento inherentes á actividade empresarial que están desenvolvendo as empresas existentes, co fin de mellorar, ampliar e/ou modernizar as súas estruturas de produción e/ou servizos.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 30 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras das subvencións para proxectos de investimento en actividades empresariais para a diversificación agraria, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia, e se anuncia a convocatoria para o ano 2026, mediante tramitación anticipada de gasto (código de procedemento MR708A).
Cuarto. Contía
A contía global da convocatoria é de 2.700.000 €, que se financiarán con cargo á conta orzamentaria 15-A1-712A-770.0 dos orzamentos da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural para o ano 2026 (código de proxecto 2026-00001).
A convocatoria será financiada nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural no marco da intervención 6864. Axudas a investimentos para a diversificación agraria (subintervención 6864_01. Investimentos non agrícolas) do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 de España en Galicia, nun 12 % pola Administración xeral do Estado e nun 28 % pola Comunidade Autónoma de Galicia.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo para presentar as solicitudes será dun (1) mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación da resolución da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
Sexto. Outros datos
A concesión de axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva.
Os proxectos subvencionados recibirán unha porcentaxe de axuda do 50 % dos gastos subvencionables.
As axudas concedidas están amparadas no Regulamento (UE) núm. 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do TFUE.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
María Paz Rodríguez Rivera
Directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural
