O Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC) financiada con cargo ao Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013, establece as normas que regulan os obxectivos xerais e os específicos que deben perseguirse coa axuda da Unión financiada no marco da política agrícola común, os tipos de intervencións e os requisitos comúns para que os Estados membros persigan os ditos obxectivos, así como os plans estratéxicos da PAC que deben elaborar os Estados membros, e que establecen as metas, as condicións das intervencións e a asignación dos recursos financeiros, de conformidade cos obxectivos específicos e as necesidades recoñecidas.
Neste contexto, e mediante a Decisión de execución da Comisión, do 31 de agosto de 2022, aprobouse o Plan estratéxico da política agrícola común 2023-2027 (PEPAC), modificado en sucesivas ocasións, polo que se instaura unha estratexia única que abrangue todas as intervencións da PAC, durante o período 2023-2027, para todo o territorio nacional.
No dito plan recóllese a intervención 6872–Investimentos en servizos básicos en zonas rurais, contribuíndo á adaptación ao cambio climático e á súa mitigación, mediante a redución das emisións de gases de efecto invernadoiro e mellorando a captura de carbono, así como promovendo a enerxía sustentable.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, o Instituto Enerxético de Galicia (Inega) constitúese en Axencia por Decreto 142/2016, do 22 de setembro; este mantén a súa adscrición á consellería competente en materia de enerxía, conforme o establecido na Lei 3/1999, do 11 de marzo, e entre as súas funcións, destacan o impulso das iniciativas e dos programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, a mellora do aforro e a eficiencia enerxética, o fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente recolle a participación na xestión e na prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.
Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, e na procura de incentivar a transformación da actividade en Galicia cara a unha economía baixa en carbono que aumente a súa competitividade nun mercado global, o Inega establece este sistema de subvencións. As actuacións que vai desenvolver enmárcanse dentro da Estratexia galega de cambio climático e enerxía 2050, que é coherente coa RIS3 Galicia e a Axenda Enerxética de Galicia 2030.
Esta convocatoria financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para a anualidade 2026, e o importe total asignado a esta convocatoria ascende a 2.100.000 euros.
Estas axudas xestionaranse coa intervención de entidades colaboradoras. A dita colaboración formalizarase mediante o correspondente convenio.
Neste contexto danse as condicións para que o Inega xestione e tramite esta liña de subvencións, co obxecto de fomentar o aforro enerxético a través da utilización de fontes de enerxía renovables como a biomasa, a xeotermia, a aerotermia e a solar térmica.
Por todo o anterior, en virtude do disposto no artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 16 dos estatutos da Axencia Instituto Enerxético de Galicia
RESOLVO:
Artigo 1. Obxecto
1. Aprobar as bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, en ámbitos non urbanos (código de procedemento IN421P), así como para a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (código de procedemento IN421H), recollidas como anexo I desta resolución e proceder á convocatoria para a anualidade 2026.
2. Aprobar o formulario de solicitude de adhesión das entidades colaboradoras ao programa de axudas e seleccionar, en réxime de concorrencia competitiva, as entidades colaboradoras que participarán na súa xestión (anexo II).
3. Aprobar os formularios para a xestión da convocatoria do ano 2026 que se xuntan a esta resolución como anexos IV a IX.
4. Aprobar e publicar o convenio de colaboración para as axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, en ámbitos non urbanos, ao cal deben adherirse as entidades colaboradoras (anexo III).
5. Convocar para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, as subvencións destinadas a proxectos de enerxías renovables de uso térmico en ámbitos non urbanos. Este procedemento axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE núm. 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 20, do 29 de xaneiro); Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
6. Estas axudas, de seren solicitadas para as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles cando teñan actividade económica, estarán sometidas aos requisitos e aos límites establecidos no Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro), a axuda total de minimis concedida a unha empresa determinada non pode ser superior a 300.000 € durante o período dos tres anos previos.
Artigo 2. Financiamento
1. As subvencións que se concedan financiaranse con cargo aos orzamentos do Inega para o exercicio 2026. A dotación máxima para financiar estas subvencións ascende a 2.100.000 €, que se redistribuirán tendo en conta as solicitudes rexistradas conforme o establecido no artigo 31 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, entre as seguintes partidas: 09.A3.733A.770.5, 09.A3.733A.770.6, 09.A3.733A.780.1, 09.A3.733A.780.2, 09.A3.733A.780.3, 09.A3.733A.781.1 e 09.A3.733A.781.6.
Código proxecto contable:2024/00011.
A distribución dos fondos será a que a continuación se indica:
|
Tipoloxia de proxectos |
Importe (€) |
|
Biomasa |
600.000 |
|
Aerotermia |
800.000 |
|
Xeotermia e hidrotermia |
670.000 |
|
Solar térmica |
30.000 |
|
Total |
2.100.000 |
Este crédito está confinanciado nun 60 % polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco da intervención 6872 do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 (Subintervención 68720_4-Renovables. Eficiencia enerxética), nun 28 % por Fondos propios da Comunidade Autónoma; nun 12 % por fondos finalistas del Estado.
2. Non se poderán outorgar subvencións por contía superior á que se determine nesta convocatoria.
O importe dos fondos previstos entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios fixados nestas bases.
3. De producirse a ampliación de crédito publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.gal), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver.
4. Esta convocatoria tramitarase polo procedemento anticipado de gasto. O outorgamento das subvencións queda condicionado á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.
Artigo 3. Vixencia da convocatoria
A convocatoria inicia a súa vixencia a partir do día hábil seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia e finalizará o 30 de setembro de 2026.
Artigo 4. Forma e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes de adhesión presentaraas a entidade colaboradora interesada segundo o formulario normalizado do anexo II desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
2. As solicitudes de axudas presentaranas as entidades colaboradoras segundo o modelo formulario normalizado do anexo IV desta resolución, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.
3. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos para os dous procedementos, a través do formulario normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal), ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal), de acordo co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (LPACAP).
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das entidades interesadas presenta a solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
4. O prazo de presentación de solicitudes de adhesión das entidades colaboradoras comezará a partir do primeiro día hábil seguinte ao da publicación no DOG desta resolución e rematará o 23 de febreiro de 2026 e para solicitar a súa adhesión a entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de adhesión (anexo II).
5. O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 9 de febreiro de 2026 ás 9.00 horas (Inicio do período subvencionable) e, rematará o 13 de marzo de 2026. A entidade colaboradora terá que cubrir e confirmar o formulario de solicitude de axuda (anexo IV).
Disposición adicional primeira. Réxime de recursos
Contra esta resolución, sen prexuízo de que as persoas interesadas poidan exercer calquera outro que consideren procedente, poderán interpor recurso de alzada, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Disposición adicional segunda. Actos de resolución
O director do Inega poderá ditar os actos necesarios para asegurar a correcta execución desta convocatoria.
Disposición derradeira única. Entrada en vigor
Esta resolución será aplicable desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2025
Pablo Fernández Vila
Director da Axencia do Instituto Enerxético de Galicia
ANEXO I
Bases reguladoras para a concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial, en ámbitos non urbanos, así como a selección de entidades colaboradoras que participarán na súa xestión e se procede á convocatoria, mediante tramitación anticipada de gasto, para o ano 2026, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan estratéxico da PAC 2023-2027 en Galicia (códigos de procedemento IN421H e IN421P)
Artigo 1. Obxecto
1. O obxecto destas bases é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen biomasa como combustible, e outras instalación de enerxías renovables que utilicen como fonte de enerxía a xeotermia, a hidrotermia, a aerotermia ou a enerxía solar térmica.
Artigo 2. Condicións dos proxectos
1. Non serán subvencionables os proxectos iniciados antes da data de presentación da solicitude.Ningún dos custos alegados sobre os que se solicita subvención poderan ser incorridos con carácter previo á solicitude; de ser así, a totalidade do proxecto será considerada non subvencionable.
Considerarase que o proxecto xa foi iniciado cando exista un primeiro compromiso en firme para a execución das obras ou para a adquisición dalgún dos elementos integrantes do proxecto; entenderase por proxecto calquera dos investimentos ou dos gastos comprendidos na solicitude de axuda. Neste sentido, considérase que existe un compromiso en firme no caso de existencia dun contrato ou dunha oferta asinados entre as partes, ou a existencia dun pedido para calquera dos elementos subvencionables.
2. As actuacións deberán ser realizadas no ámbito rural de Galicia, e entenderase como tal o ámbito de aplicación do Plan estratéxico da PAC 2023-2027.
A delimitación destas zonas onde se debe realizar a actuación está definida a nivel de parroquia en función da densidade da poboación. Só serán elixibles as parroquias definidas como rurais ou intermedias para os efectos da aplicación do Feader na páxina web do Inega.
3. Os proxectos deberán ser finalistas, é dicir, que no momento da certificación final cumpran os obxectivos e as funcións para os que foron aprobados.
4. As actuacións axustaranse ás especificacións indicadas nestas bases e á normativa sectorial (comunitaria, estatal e autonómica) en materia de enerxía.
Artigo 3. Persoas beneficiarias
1. Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións, sen prexuízo de reunir os demais requisitos establecidos nestas bases, as persoas físicas e as sociedades patrimoniais de tenza de valores inmobiliarios ou de arrendamento de inmobles, titulares de calquera dereito sobre un inmoble de carácter residencial, ou as comunidades e as mancomunidades de veciños, sempre que as actuacións subvencionables descritas no artigo 4 se realicen en vivendas ou en edificios do sector residencial sitas na Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, as agrupacións de persoas físicas, privadas sen personalidade, non poderán disolverse ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
3. Que o solicitante non teña sido sancionado pola Consellería de Economía e Industria pola comisión de infraccións en materia de subvencións no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve; de dous anos, se a infracción foi cualificada como grave ou de tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave. Os prazos computaranse desde a data de remate do prazo de presentación das solicitudes.
4. Os requisitos para obter a condición de beneficiaria deberanse cumprir, como moi tarde, na data límite de remate do prazo de presentación de solicitudes.
Artigo 4. Proxectos que se subvencionan
O obxecto destas subvencións é apoiar proxectos promovidos polos particulares e as súas agrupacións e asociacións (comunidades de veciños,...) e tamén as entidades patrimoniais tipificadas no artigo 5 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto de sociedades con fins de aforro enerxético e fomento do uso das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante caldeiras de biomasa, bombas de calor ou solar térmica en aplicacións residenciais.
Co obxectivo de garantir ao máximo o aproveitamento enerxético do combustible e minimizar as emisións de substancias contaminantes á atmosfera, os equipos de xeración de calor deberán ser instalacións con avanzadas prestacións operativas, con elevados niveis de eficiencia enerxética e cun bo comportamento con respecto ao ambiente.
Para tal efecto, as instalacións financiadas deben cumprir, cando sexa de aplicación, cos requisitos establecidos no Real decreto 1027/2007, do 20 de xullo, polo que se aproba o Regulamento de instalacións térmicas de edificios (RITE), coas condicións establecidas no documento recoñecido do RITE, así como calquera outra normativa enerxética nacional, rexional ou local que lles sexa de aplicación.
Artigo 5. Requisitos técnicos dos proxectos que se subvencionan
Establécense as seguintes consideracións técnicas para cada tipoloxía subvencionable:
5.1. Caldeiras de biomasa.
As caldeiras de biomasa deberán cumprir o establecido no Regulamento (UE) nº 2015/1189 da Comisión, do 28 de abril de 2015 polo que se desenvolve a Directiva 2009/125/CE do Parlamento Europeo e do Consello en relación cos requisitos de deseño ecolóxico aplicables ás caldeiras de combustible sólido e ter unha calificación enerxética en modo calefacción igual ou superior a C.
Subvencionaranse as seguintes tipoloxías de caldeiras de biomasa:
Tipoloxía B1: caldeiras que utilicen leña.
Tipoloxía B2: caldeiras de alimentación automática de pellets ou estelas con volume de acumulación de combustible inferior a 3.000 litros.
Tipoloxía B3: caldeiras de alimentación automática de pellets ou estelas con volume de acumulación de combustible maior ou igual a 3.000 litros.
No caso dos combustibles de biomasa deberanse cumprir os criterios de sustentabilidade e de redución de emisións dos gases de efecto invernadoiro da Directiva (UE) 2018/2001 do Parlamento Europeo e do Consello, do 11 de decembro de 2018, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables.
Non son subvencionables os aparellos de calefacción local recollidos no Regulamento Ddelegado (UE) nº 2015/1186 da Comisión, do 24 de abril de 2015 polo que se complementa a Directiva 2010/30/UE do Parlamento Europeo e do Consello, no relativo ao etiquetado enerxético dos aparellos de calefacción local.
Non se admitirán nunha mesma solicitude varias caldeiras de distintas tipoloxías.
5.2 Bombas de calor (aerotermia, xeotermia e hidrotermia).
As bombas de calor deberán ter un etiquetado de clase de eficiencia enerxética en modo calefacción a baixa temperatura de A ou superior de acordo co establecido no Regulamento delegado nº 811/2013 e as súas actualizacións.
Ademais, para poder condiderar o sistema como renovable, a bomba de calor deberá ter un SPF superior a 2,5. Esta circunstancia xustificarase de acordo coas especificacións técnicas do fabricante do equipo que acredite o SCOPnet a baixa temperatura segundo norma UNE-EN 14825:2024 ou tamén co documento «Prestacións medias estacionais das bombas de calor para a produción de calor en edificios», emitido polo Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía.
Non serán subvencionables as bombas de calor aire-aire.
Non serán subvencionables os equipamentos tipo monobloc de bomba de calor para auga quente sanitaria.
Nas aplicacións de aerotermia só serán subvencionables os proxectos de bomba de calor que traballen no circuíto secundario a baixa temperatura. Para o cumprimento deste requisito admitiranse sistemas de chan radiante, radiadores de baixa temperatura (achegarase folla de características técnicas dos emisores que garantan que cumpren esta condición) ou fancoils.
5.3. Solar térmica.
Serán subvencionables as instalacións que aproveitan a radiación solar para o quentamento dun fluído mediante paneis solares térmicos planos ou de tubos de baleiro.
O coeficiente de perdas do panel solar deberá ser inferior ou igual a 6 W/(m2ºC).
Non serán subvencionables aquelas instalacións destinadas ao quentamento da auga de piscinas descubertas.
Artigo 6. Investimentos subvencionables
1. Serán subvencionables:
a) O equipamento principal de xeración enerxética (paneis solares térmicos, bomba de calor, caldeira de biomasa).
No caso da biomasa o custo do equipamento térmico e os seus accesorios principais (sistema de regulación e control, sistemas de limpeza, depuración de fumes, extracción de cinzas), o custo do sistema de almacenamento do combustible e o custo do sistema de alimentación do combustible.
b) Resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento de sistema.
c) O custo de montaxe e do conexionado.
d) No caso da enerxía xeotérmica e hidrotérmica, o sistema de captación do recurso, as sondaxes, os intercambiadores, os acumuladores, as tubaxes, etc.
e) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.
2. Non son subvencionables:
a) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e o material funxible en xeral.
b) Os gastos anteriores á presentación da solicitude.
c) As obras de mantemento.
d) A obra civil non asociada á instalación dos equipos.
e) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.
f) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, os gastos sometidos a aranceis, a adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, consideraranse gastos subvencionables aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionable.
Artigo 7. Contía da axuda
1 Para o cálculo de axuda establécense os seguintes custos elixibles por tecnoloxía:
a) Biomasa.
O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) estará limitado polas características do sistema segundo a seguinte táboa:
|
Biomasa |
|||
|
Tipoloxía |
Tipo de equipo xerador de biomasa |
Rango de potencias |
Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW) |
|
B1 |
Caldeiras de leña |
P ≤ 20 kW |
300-5 P |
|
20 < P ≤ 40 kW |
250-2,5 P |
||
|
P > 40 kW |
150 |
||
|
B2 |
Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible V < 3.000 litros |
P ≤ 15 kW |
570-10 P |
|
15 < P ≤ 25 kW |
600-12 P |
||
|
P > 25 kW |
300 |
||
|
B3 |
Caldeiras con sistema de alimentación automática e volume de acumulación de combustible con V ≥ 3.000 litros |
P ≤ 15 kW |
670-10 P |
|
15 < P ≤ 30 kW |
700-12 P |
||
|
P > 30 kW |
340 |
||
P: potencia nominal total do sistema de caldeira/s (kW).
V: capacidade do sistema externo de acumulación de combustible (litros).
No caso de que a caldeira incorpore un sistema de limpeza automática de intercambiador, o custo elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) poderá incrementarse en 50 €/kW adicionais.
b) Bomba de calor xeotérmica.
O investimento elixible máximo por potencia unitaria (sen IVE) reflíctese na seguinte táboa:
|
Xeotermia |
|||
|
Tipoloxía |
Tipo de equipo xerador de biomasa |
Rango de potencias |
Custo elixible máximo por potencia sen IVE (€/kW) |
|
A1 |
Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado horizontal |
P ≤ 10 kW |
1.430 |
|
10 < P ≤ 30 kW |
1.430-11 (P-10) |
||
|
30 < P ≤ 100 kW |
1.210-22 (P-30) |
||
|
P >100 kW |
1.056 |
||
|
A2 |
Instalacións con bombas de calor xeotérmicas con intercambio enterrado vertical |
P ≤ 10 kW |
2.090 |
|
10 < P ≤ 30 kW |
2.090-27,5 (P –-10) |
||
|
30 < P ≤ 100 kW |
1.540-3,8 (P-30) |
||
|
P > 100 kW |
1.309 |
||
P: potencia térmica nominal da bomba de calor (kW).
Para o cálculo da axuda por potencia, considérase a potencia calorífica nominal en modo calefacción nas condicións nominais de temperatura da norma UNE-EN 14511. Para iso achegarase a ficha técnica do catálogo do fabricante do equipamanto onde veña recollida esa potencia ou capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo a dita normativa. De acordo coa norma UNE-EN 14511, tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia 0/35º C (B0/W35) para bombas de calor xeotérmicas.
c) Bomba de calor hidrotérmica.
O investimento elixible máximo sen IVE será de 1.200 €/kW para as bombas de calor auga/auga.
Para o cálculo da axuda por potencia, considérase a potencia calorífica nominal en modo calefacción nas condicións nominais de temperatura da norma UNE-EN 14511. Para iso achegarase a ficha técnica do catálogo do fabricante do equipamanto onde veña recollida esa potencia ou capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo a dita normativa (UNE-EN 14511 ou equivalente).
De acordo coa norma UNE-EN 14511, tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia 10/35º C (W10/W35) para bombas de calor auga/auga.
d) Bomba de calor aerotérmica.
O investimento elixible máximo sen IVE será de 900 €/kW para as bombas de calor aire/auga.
Para o cálculo da axuda por potencia, considérase a potencia calorífica nominal en modo calefacción nas condicións nominais de temperatura da norma UNE-EN 14511. Para iso achegarase a ficha técnica do catálogo do fabricante do equipamento onde veña recollida esa potencia ou capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo a dita normativa (UNE-EN 14511 ou equivalente).
De acordo coa norma UNE-EN 14511, tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia 7/35 ºC (A7/W35) para bombas de calor aire/auga.
e) Solar térmica
Segundo a tecnoloxía utilizada, o investimento elixible máximo sen IVE será o seguinte:
Paneis planos: 800 euros/m2 de superficie de apertura.
Tubos de baleiro: 1.200 euros/m2 de superficie de apertura.
2. Contía da axuda.
A contía da axuda será do 50 % do investimento elixible da instalación.
Adicionalmente, dependendo da tipoloxía establécese unha axuda máxima por vivenda:
|
Tipoloxía |
Axuda máxima por vivenda (€) |
|
Biomasa |
8.000 |
|
Xeotermia |
10.000 |
|
Aerotermia/hidrotermia |
2.500 |
|
Solar térmica |
2.000 |
En proxectos multivivenda a axuda máxima por proxecto será de 40.000 €.
En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor do mercado.
Artigo 8. Compatibilidade das subvencións
As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais,
Artigo 9. Información as persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:
Na páxina web do Inega (www.inega.gal) e no correo electrónico inega.info@xunta.gal
No teléfono 981 54 15 00.
Artigo 10. Procedemento de adhesión de entidades colaboradoras (procedemento IN421H)
1. Requisitos, condicións e solvencia.
a) Poderán ser entidades colaboradoras as entidades privadas con personalidade xurídica, validamente constituídas, así como os empresarios individuais, sempre que, en ambos os dous casos, teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e que acrediten as condicións de eficacia e solvencia técnica e económica que se establecen neste artigo.
b) Será necesario que as entidades colaboradoras estean dadas de alta na Consellería de Economía e Industria para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico como empresas de instalacións térmicas en edificios (procedemento IN609E).
c) As entidades colaboradoras actuarán en nome e por conta do órgano concedente para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión desta.
d) Na súa relación co Inega, as entidades colaboradoras realizarán as seguintes funcións:
1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda, e do conxunto da actuación.
2º. Realización ante o Inega dos trámites para solicitar a axuda.
3º. Desenvolvemento das accións vinculadas á convocatoria.
4º. Xustificación da axuda ante o Inega.
e) Para lograr a solvencia técnica e económica, as entidades colaboradoras deberán dispor dos medios tecnolóxicos precisos que garantan o acceso á aplicación informática habilitada para a xestión de selección de entidades colaboradoras e para a tramitación das solicitudes de axuda, así como, a utilización de medios electrónicos nas comunicacións entre as entidades colaboradoras e o Inega. As características técnicas exixibles poderán consultarse na paxina web do Inega (www.inega.gal).
f) Poderán adquirir a condición de entidade colaboradora aquelas entidades que reúnan os requisitos establecidos neste artigo e que o soliciten no prazo establecido no artigo 4 da resolución pola que se aproban estas bases reguladoras.
g) De conformidade coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as entidades colaboradoras deberán formalizar o convenio de colaboración entre elas e o Inega, no cal se regularán as condicións e as obrigas asumidas por aquelas, cuxo modelo figura no anexo III destas bases. O dito convenio posuirá o contido mínimo previsto no artigo 13 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións.
h) Non poderán obter a condición de entidade colaboradora aquelas nas cales concorra algunha das circunstancias previstas nos artigos 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento.
2. Formularios:
Resultan de aplicación os formularios aprobados como anexos II e III da convocatoria:
– Anexo II Adhesión ao programa de axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico, no sector residencial.
– Anexo III Convenio de colaboración que subscribirán as entidades colaboradoras.
3. Obrigas e compromisos das entidades colaboradoras.
a) Son obrigas das entidades colaboradoras, sen prexuízo do disposto no artigo 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
1º. Encontrarse ao día no pagamento das obrigas coa Facenda pública do Estado, da Administración autonómica, así como coa Seguridade Social.
2º. Someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro dos órganos competentes da Administración autonómica, estatal e comunitaria no exercicio das súas funcións.
3º. Cumprir cos criterios establecidos no convenio subscrito co Inega.
4º. Actuar en nome e por conta do Inega para todos os efectos relacionados coa subvención, colaborando na xestión das subvencións.
5º. Conservar os xustificantes orixinais e o resto da documentación relacionada coa axuda durante un período de cinco (5) anos desde a data de pagamento da subvención.
6º. Remitir copia dixitalizada da documentación ao Inega.
7º. Deixar clara constancia nos seus rexistros contables e así facilitar a axeitada xustificación da subvención e a comprobación do cumprimento das condicións establecidas, de acordo co disposto no artigo 13.2.j) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) As entidades colaboradoras adheridas asumirán os seguintes compromisos:
1º. Comprobación inicial dos requisitos dos solicitantes da axuda, e do conxunto da actuación.
2º. Cubrir convenientemente os formularios de solicitude de axuda (anexo IV) e solicitude de pagamento (anexo VIII) a través da aplicación informática que se habilite para o efecto.
3º. Vender no marco da iniciativa só os equipos que cumpran coas condicións establecidas nas bases reguladoras das axudas.
4º. Cumprir coa normativa establecida para o desenvolvemento da convocatoria, en concreto, a autorización ou a inscrición da instalación no rexistro correspondente da consellería competente en materia de industria.
5º. Exhibir nos seus centros de traballo ou punto de venda durante a vixencia da convocatoria de axudas para proxectos de enerxías renovables de uso térmico no sector residencial un cartel de promoción deste no cal se informe de que se trata dunha entidade colaboradora adherida conforme o modelo que se porá á disposición na páxina web do Inega.
4. Adhesión de entidades colaboradoras.
a) Adhesión simplificada.
1º. Esta forma de adhesión está unicamente dirixida ás entidades colaboradoras adheridas ao convenio de xestión das axudas para a xestión de subvencións para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, no sector residencial, en ámbitos non urbanos, reguladas na Resolución do 29 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 29, do 9 de febreiro) e que desexen adherirse aos procedementos de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, no sector residencial, en ámbitos non urbanos, para a anualidade 2026.
2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerándose un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.
Por defecto, a aplicación informática cubrirá os anexos cos datos dispoñibles da convocatoria de adhesión de entidades colaboradoras que participasen no procedemento de xestión das axudas para proxectos de enerxías renovables para uso térmico, no sector residencial, en ámbitos non urbanos, da anualidade 2024.
Para acceder á aplicación informática e solicitar a adhesión simplificada, utilizará o usuario e o contrasinal outorgados polo Inega na convocatoria 2024.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), deberá presentalos por vía electrónica de conformidade co establecido no artigo 4 da resolución.
3º. Se houbese cambio na representación da entidade colaboradora deberá volverse achegar a documentación solicitada con carácter xeral. Para todas as solicitudes simplificadas, o Inega poderá proceder á comprobación de datos recollida na Adhesión común que se regula a continuación. Se, como consecuencia destas comprobacións, procede solicitar a emenda de documentación, realizarase nos termos recollidos no citado procedemento de Adhesión común.
b) Adhesión común (alta novas entidades colaboradoras)
1º. A primeira vez que a entidade colaboradora acceda á aplicación asignaránselle un usuario e un contrasinal. Este usuario e este contrasinal serán os válidos para consultar o estado da solicitude de adhesión, para cubrir as solicitudes de axuda e para ver o seu estado.
2º. A entidade colaboradora deberá acceder á aplicación informática dispoñible na páxina web do Inega (http://www.inega.gal) ou accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) para cubrir a solicitude de adhesión (anexo II) e o convenio de colaboración (anexo III), xerarase un documento en formato pdf con estes dous anexos –o segundo por duplicado–.
Unha vez xerada a solicitude normalizada (anexo II), deberá presentala por vía electrónica de conformidade co establecido no artigo 4 da resolución. As copias dos documentos dixitalizados gozarán da mesma validez e eficacia que os orixinais, sempre que exista constancia de que sexan auténticas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
A publicación dos formularios de solicitude no DOG farase unicamente para os efectos informativos.
3º. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
i. Recibo do Imposto de actividades económicas (IAE) ou, se é o caso, declaración responsable de exención de pagamento incluída no anexo II.
ii. Convenio de colaboración (anexo III) debidamente asinado pola entidade colaboradora.
Unha vez asinado polo Inega, a entidade colaboradora poderá acceder ao citado convenio no taboleiro.
iii. Documento acreditativo de poder suficiente do representante legal da entidade.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
4º. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se a entidade interesada presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela na que fose realizada a emenda.
As entidades interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola entidade interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente se dispón del.
5º. No caso de que algún dos documentos que se vaia presentar de forma electrónica superasen os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.
c) Comprobación de datos.
1º. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
i. NIF da entidade solicitante.
ii. DNI/NIE da persoa solicitante.
iii. DNI/NIE da persoa representante.
iv. Certificado de estar ao día no pagamento coa AEAT.
v. Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
vi. Certificado de alta no imposto de actividades económicas.
vii. Certificado de estar ao día no pagamento coa Facenda autonómica.
viii. Consulta de inhabilitación para obter subvencións e axudas.
2º. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3º. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos, poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
d) Todos os trámites administrativos que as entidades colaboradoras deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
5. Órganos competentes.
A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de adhesión de entidades colaboradoras, e corresponderalle a persoa titular da Dirección do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.
6. Instrución do procedemento de adhesión.
1º. Unha vez presentada a solicitude de adhesión xunto coa documentación complementaria, o órgano instrutor comprobará que reúne todos os requisitos e que se achegan todos os documentos exixidos polas bases reguladoras. De conformidade coa normativa reguladora do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos, requirirase a entidade colaboradora, para que, nun prazo de 10 días hábiles, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia expresa de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición e se arquivará o expediente.
Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS), consellería competente en materia de Industria.
2º. De conformidade co establecido no artigo 10.1.e) destas bases reguladoras en canto á solvencia técnica das entidades colaboradoras, utilizaranse medios electrónicos para as notificacións.
7. Resolución.
O prazo máximo para que a dirección do Inega resolva sobre as adhesións das entidades colaboradoras é de 15 días hábiles desde a presentación da solicitude. Pasado o devandito prazo, as entidades colaboradoras poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. A resolución ditarase individualmente para cada unha das solicitudes, e notificarase seguindo estritamente a súa orde de presentación, salvo que se deba emendar, momento en que se terá en conta a data de presentación da emenda.
Aqueles expedientes que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán adheridos a este programa.
8. Notificación das resolucións.
a) As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
b) De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude de adhesión. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
c) De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
d) As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
e) Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo.
f) As entidades colaboradoras poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá-A miña sede, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.
9. Publicación da listaxe de entidades colaboradoras adheridas.
O Inega publicará na súa páxina web a listaxe de entidades colaboradoras adheridas a medida que resolva o proceso de adhesión. A listaxe actualizarase periodicamente coas novas entidades colaboradoras solicitantes que, tras o requirimento de emenda, completen a documentación necesaria para formalizar a adhesión.
As entidades colaboradoras non serán publicitadas na páxina web do Inega nin poderán tramitar solicitudes de axuda ata que completen o proceso de adhesión aínda que eventualmente xa comezase o prazo establecido no artigo 4.4 da resolución da convocatoria.
Artigo 11. Obrigas das persoas beneficiarias
Son obrigas das persoas beneficiarias, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:
a) Proporcionarlle á entidade colaboradora todos os documentos necesarios para poder tramitar as axudas establecidas nestas bases, así como acreditar os requisitos ou as condicións que determinen a concesión da axuda, no prazo sinalado na convocatoria ou, excepcionalmente, o que se sinale na resolución, cando esta sexa consecuencia da estimación dun recurso.
b) Facilitarlle á entidade colaboradora seleccionada as outras dúas ofertas realizadas por entidades colaboradoras adheridas e que necesariamente teñen que acompañar a solicitude de axuda.
As entidades colaboradoras deben emitir as ofertas que lles sexan formuladas por posibles persoas interesadas, agás a imposibilidade derivada de causa xustificada.
As ofertas presentadas teñen que ser sempre con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben. As ofertas presentadas para cada gasto non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante, nos termos establecidos na lexislación de contratos do sector público.
c) Acreditar ante a entidade colaboradora, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión, así como antes das correspondentes propostas de pagamento, que está ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.
d) Realizar o pagamento das facturas emitidas pola entidade colaboradora antes da data en que deban presentarse ante o Inega. Este pagamento debe estar debidamente documentado mediante xustificante bancario, tal e como se establece no artigo 30 destas bases reguladoras.
e) Cando non poida executar o proxecto deberá renunciar á subvención. A renuncia tramitarase a través da entidade colaboradora.
f) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de 5 anos contado desde o último día de pagamento á persoa beneficiaria (artigo 65 do Regulamento (UE) nº 2021/1060 do Parlamento Europeo e do Consello, do 24 de xuño de 2021 (RDC).
No caso de que o solicitante sexa un arrendatario, deberá figurar no contrato de arrendamento un prazo no cal reste, cando menos, ese prazo de vixencia.
g) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, que poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.
h) Comunicarlle ao Inega, a través da entidade colaboradora, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza, e en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos.
i) As persoas interesadas deberán facilitar toda a información que lle sexa requirida polo órgano competente do Inega, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control. A maiores, ao tratarse de axudas cofinanciadas cos fondos do Feader, deberán someterse aos específicos controis administrativos sobre o terreo e a posteriori, segundo o recollido no Regulamento de execución (UE) nº 2022/128 da Comisión, do 21 de decembro de 2021 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia e o Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
Ademais, deberán proporcionar á autoridade de xestión, ás persoas avaliadoras designadas ou a outros organismos en que a dita autoridade delegue a realización deste tipo de tarefas toda a información necesaria para poder realizar o seguimento e a avaliación do programa, en particular, en relación co cumprimento de determinados obxectivos e prioridades, de conformidade co disposto no artigo 123 do Regulamento (UE) nº 2021/2115, do 2 de decembro de 2021.
De conformidade co Regulamento (UE) nº 2021/2116, toda persoa ou entidade que reciba fondos da Unión debe cooperar na protección dos intereses financeiros desta.
j) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
k) Comprometerse a non producir ningún efecto mediambiental negativo como consecuencia do investimento. No caso de que o investimento poida ter efectos negativos sobre o ambiente, soamente será subvencionable se foi sometida a un proceso de avaliación ambiental con resultado favorable, de acordo coa lexislación aplicable. Para tal efecto, a persoa beneficiaria asinará unha declaración responsable.
l) En cumprimento do artigo 15.3 da Lei de 9/2007, de subvencións de Galicia, e conforme o disposto no Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021, anexos II e III e na instrucción ARX PEPAC 01/2023 información, publicidade e visibilidade, a persoa beneficiaria das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader. Así, no caso de promoción ou difusión pública que as persoas beneficiarias realicen da actuación subvencionada por calquera soporte, deberá constar o apoio do Feader mostrando:
1º. O emblema da Unión.
2º. Unha referencia ás axudas do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural.
3º. O logotipo do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.
4º. O símbolo e o logotipo da Xunta de Galicia e do Inega.
m) De conformidade co artigo 99 do Regulamento (UE) nº 2021/2116, infórmanse as persoas beneficiarias da publicación dos datos que lles concirnen e da lista de operacións seleccionadas para recibir axuda do Feader segundo o previsto no artigo 49 do Regulamento 2021/1060 e de que os ditos datos poderán ser tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión.
n) En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, de 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 12. Forma e prazo de presentación de solicitudes (código de procedemento IN421P)
1. As entidades colaboradoras adheridas son as encargadas de tramitar o procedemento (presentar a solicitude e a documentación complementaria). O prazo de presentación de solicitudes de axuda comezará o 9 de febreiro de 2026 ás 9.00 horas (inicio de período subvencionable) e rematará o 13 de marzo de 2026 as 23.59 horas.
Na paxina web do Inega (www.inega.gal) estará dispoñible unha listaxe de entidades colaboradoras adheridas a esta convocatoria de axudas.
2. A presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, e na páxina web do Inega, www.inega.gal, de conformidade co establecido no artigo 14 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas. Para o acceso á aplicación de presentación das solicitudes será necesario o número do NIF e o contrasinal determinado polas persoas interesadas.
De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela na que fose realizada a emenda.
A aplicación solicitará a inclusión da documentación necesaria e xerará a solicitude da persoa beneficiaria.
3. A entidade colaboradora presentará electronicamente, desde a aplicación, a solicitude de axuda unha vez asinada polo representante, mediante o formulario normalizado accesible desde a citada aplicación informática e que se xunta como anexo IV. Unha vez presentada a solicitude, non se poderá modificar o proxecto ata que recaia resolución de concesión.
Previamente a presentar a solicitude, a aplicación permitirá imprimir o documento de representación conforme o anexo V, que deberá ser asinado polo solicitante e pola persoa autorizada para a representación; logo, deberá ser dixitalizado e despois xuntarase á solicitude de axuda.
4. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.
Artigo 13. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude (anexo IV) a seguinte documentación obrigatoria:
a) Documentación administrativa:
i. Autorización para a representación segundo o anexo V.
ii. Para acreditar a titularidade ou a dispoñibilidade dos terreos admitiranse os seguintes documentos: o título de propiedade ou o contrato de arrendamento ou a cesión de uso, acompañado de documento que acredite a titularidade do arrendador ou cedente.
Tamén se admitirá certificado catastral ou recibo de pagamento do IBI acompañado, en ambos os dous casos, de declaración responsable (asinada pola persoa solicitante da axuda) de que os datos contidos no certificado ou no recibo non sufriron variación.
iii. No suposto de que o solicitante sexa unha agrupación de persoas físicas, privadas sen personalidade, o representante deberá asinar a solicitude e a entidade colaboradora achegará a seguinte documentación:
1º. Documentación que acredite a súa constitución.
2º. Documentación que acredite a representación con que se actúa.
3º. Documento en que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada un deles, que terán igualmente a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
iv. No caso de que unha comunidade de veciños sexa a solicitante, de conformidade co artigo 13.3 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, sobre propiedade horizontal, o/a presidente/a terá a representación da comunidade neste procedemento e será a persoa asinante da documentación, e deberá presentarse:
1º. A acta de constitución da comunidade de propietarios coa relación dos propietarios e a determinación da cota de participación respectiva.
2º. A certificación do acordo adoptado pola maioría legalmente establecida pola correspondente comunidade de propietarios na que aceptan as bases da convocatoria, e se comprometen á execución das respectivas obras e na que facultan o/a presidente/a ou administrador de predios para formular a solicitude de subvención.
3º. O acta onde conste o nomeamento do/da presidente/a ou certificado expedido polo/a secretario/a da comunidade referente a este punto, ou certificación do/da administrador/a de predios que xestione a comunidade.
4º. O documento no que consten os compromisos de execución asumidos por cada unha das persoas integrantes, así como o importe de subvención que vai aplicar cada unha delas, que terán igualmente a condición de persoas beneficiarias mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá cubrirse a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
v. No caso de que unha sociedade ou entidade patrimonial, segundo se define no artigo 5.2 da Lei 27/2014, do 27 de novembro, do imposto sobre sociedades, sexa a solicitante, deberase presentar:
1º. A escritura de constitución da sociedade e documentación xustificativa do seu carácter de entidade patrimonial para os efectos do artigo 5.2 da citada lei, coa relación dos/das socios e a determinación da cota de participación respectiva e a escritura na cal se outorguen os poderes de representación da sociedade, no caso de que non o faga a escritura de constitución ou que a representación orixinal sufrise algunha variación.
2º. A certificación do acordo adoptado polos socios, segundo establezan os estatutos da sociedade, aceptando as bases da convocatoria, comprometéndose á execución das respectivas obras e facultando o a representante da sociedade para formular a solicitude de subvención.
3º. O documento no que consten os compromisos de execución asumidos por cada un dos integrantes, así como o importe de subvención que lle vai aplicar a cada un deles, que terá igualmente a condición de persoa beneficiaria mediante a presentación do anexo VI, que se xunta a título informativo. Este anexo deberase cubrir a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
vi. Presentación das tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo. A entidade adherida, á cal corresponde a oferta seleccionada, presentará, xunto co resto da documentación complementaria, as tres ofertas da instalación que se pretende levar a cabo.
A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa, que terá que incluír unha comparación das especificacións técnicas dos elementos ofertados e o motivo da elección.
As ofertas presentadas para cada gasto deberán cumprir cos seguintes requisitos:
1º. Deberán proceder de empresas que teñan como obxecto social a fabricación ou a subministración dos bens ou servizos incluídos na oferta.
Non poderán proceder de empresas vinculadas entre elas, nin co solicitante. Para estes efectos, considérase que existe vinculación entre empresas se responden á definición de «empresas asociadas» ou de «empresas vinculadas» establecida nos puntos 2 e 3, respectivamente, do artigo 3 do anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014.
2º. Deberán incluír, como mínimo, o NIF, o nome e o enderezo da empresa oferente, o DNI/NIF/NIE, o nome ou a razón social da empresa solicitante da axuda, a data de expedición e unha descrición detallada dos conceptos ofertados. Para que a descrición dos conceptos se considere detallada deberá incluír no caso de obra civil e instalacións a relación pormenorizada e cuantificada das unidades de obra que inclúe; no caso de subministración de maquinaria e equipamentos, a súa marca, o modelo, así como as características técnicas, e no caso de prestación de servizos, a descrición detallada destes.
Non serán admisibles as ofertas emitidas por provedores que non teñan capacidade para a subministración do ben ou servizo ou que parezan de compracencia (o contido e o formato idénticos ou extremadamente similares entre ofertas, os erros idénticos ou a aparencia non habitual, entre outros).
3º. Excepcionalmente, no caso de conceptos subvencionables que polas súas especiais características non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren, a moderación de custos poderá xustificarse alternativamente mediante un informe dun taxador, perito ou dun organismo público autorizado no cal se determine xustificadamente o seu valor de mercado.
b) A memoria técnica da actuación, asinada por un/unha técnico/a competente, que incluirá, como mínimo:
i. A descrición da instalación proxectada segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.gal): unha memoria técnica en que se describirán, de forma detallada, os sistemas do equipamento xerador e do resto dos compoñentes principais da instalación. Tamén incluirá unha xustificación da calor útil demandada e das emisións evitadas de gases de efecto invernadoiro. No caso dos combustibles de biomasa deberanse cumprir os criterios de sustentabilidade e de redución de emisións dos gases de efecto invernadoiro de acordo coa Directiva (UE) 2018/2001, relativa ao fomento do uso de enerxía procedente de fontes renovables.
ii. Planos de situación onde se indique a localización dos equipamentos. Fotografía de vista aérea en que se indique de forma apreciable a edificación onde se executará a instalación (Sixpac, catastro ou similar). Esbozos ou planos en que se localicen os equipamentos na edificación.
iii. Folla de características ou ficha técnica dos equipos xeradores.
iv. Etiqueta enerxética dos equipos xeradores (non se aplica á solar térmica).
No caso da biomasa, incluirase a documentación relativa ao índice de eficiencia enerxética incluída na etiqueta en modo calefacción. Tamén se achegará a acreditación por parte do fabricante do equipo do cumprimento dos requisitos de eficiencia enerxética estacional e as emisións para o combustible que utilice, que no poderán ser menos exixentes que os definidos no Regulamento, en vigor, de Ecodeseño (UE) 2015/1189 da Comisión.
No caso das bombas de calor, achegarase a etiqueta enerxética en modo calefacción en baixa temperatura de acordo co Regulamento regulado 811/2013 e as súas actualizacións.
v. A xustificación de potencias nominais en bombas de calor e solar térmica.
– Bombas de calor.
Para o cálculo da axuda por potencia, considerarase a potencia calorífica nominal en modo calefacción. Para iso achegarase a ficha técnica do catálogo do fabricante do equipo onde veña recollida esa potencia ou a capacidade calorífica en condicións nominais de ensaio segundo a normativa (UNE-EN 14511 ou equivalente). De acordo coa norma UNE-EN 14511, tomaranse como temperaturas de referencia para o cálculo da potencia 0/35º C (B0/W35) para bombas de calor xeotérmicas, 7/35º C (A7/W35) para bombas de calor aire/auga e 10/35º C (W10/W35), para bombas de calor auga/auga.
Se na ficha técnica non se recolle de xeito íntegro e claro, a dita información da bomba de calor, achegarase tamén unha certificación emitida por un laboratorio de ensaio externo ou por un organismo acreditado (Keymart, Eurovent, etc.) cos resultados obtidos no dito ensaio segundo a norma UNE-EN 14511.
Solar térmica.
A potencia instalada en solar térmica calcularase multiplicando a superficie de apertura polo rendemento (kW/m2) obtido a partir da curva de ensaio do panel, con temperatura (Tm-Ta) = 30º C, e 1.000 W/m2 de radiación.
Para iso achegarase a ficha técnica do catálogo do fabricante do panel onde veñan recollidos os coeficientes de rendemento.
Se na ficha técnica non se recolle de xeito íntegro a dita información entregarase a maiores unha resolución de certificación do panel solar en vigor, emitida pola Administración competente ou unha copia do ensaio realizado por unha entidade debidamente acreditada (segundo a Orde ITC/71/2007, do 22 de xaneiro, do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio ou, se for o caso, a norma que a substitúa).
c) Calquera outra documentación adicional que o interesado considere conveniente achegar para a correcta avaliación do proxecto.
De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das adminsitracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa fosen presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.
De forma excepcional, se non se puidesen obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentación separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se dispón del.
4. No caso de que algún dos documentos que se vaian presentar de forma electrónica superase os tamaños máximos establecidos ou tivese un formato non admitido pola aplicación do Inega, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na aplicación do Inega.
5. As persoas interesadas poderán consultar na aplicación informática e na Carpeta cidadá –A miña sede–, accesibles desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.
Artigo 14. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos elaborados en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) Certificacións de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
b) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
c) Certificado de estar ao día no pagamento coa Consellería de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia.
d) DNI/NIE da persoa solicitante.
e) NIF da entidade solicitante.
f) DNI/NIE da persoa representante.
g) Certificado de alta no censo de empresarios, profesionais e retedores ou certificado de situación censual, expedido pola Axencia Estatal de Administracion Tributaria.
h) Inhabilitación para obter subvencións e axudas.
i) Concesión de subvencións e axudas.
j) Concesións pola regra de minimis.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitase a obtención dos citados datos poderáselles solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 15. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitude
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar, tras a presentación da solicitude, deberán ser realizados electronicamente a través da aplicación informática habilitada para estas axudas, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal).
Artigo 16. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 17. Publicidade
1. O Inega publicará as subvencións concedidas ao abeiro destas bases na súa páxina web oficial (www.inega.gal) e no Diario Oficial de Galicia, expresando a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas. Incluirá igualmente as referidas axudas e as sancións, que, como consecuencia delas, puidesen impoñerse nos correspondentes rexistros públicos, polo que a presentación da solicitude levará implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e a referida publicidade. A publicidade no Diario Oficial de Galicia realizarase no prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións; non obstante, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no Diario Oficial de Galicia, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.
2. En cumprimento do artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o texto da convocatoria e a información requirida no ordinal oitavo do devandito artigo será comunicado á Base de datos nacional de subvencións (BDNS). A BDNS dará traslado ao Diario Oficial de Galicia do extracto da convocatoria para a súa publicación de acordo co establecido no Real decreto 130/2019, do 8 de marzo, polo que se regula a Base de datos nacional de subvencións e a publicidade das subvencións e demais axudas.
3. Son obrigas das persoas beneficiarias en materia de información e publicidade as recollidas nos anexos II e III do Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión, do 21 de decembro de 2021 polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) nº2021/2015 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC, e na Instrución ARX PEPAC 01/2023 de información, publicidade e visibilidade.
4. Os datos das persoas beneficiarias das axudas serán publicados de conformidade co artigo 98 do Regulamento (UE) nº 2021/2116 e os ditos datos poderán ser tratados por organismos de auditoría e investigación da Unión e dos Estados membros para protexer os intereses financeiros da Unión.
Artigo 18. Órganos competentes
A Xerencia do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e correspóndelle ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que se deriven do dito procedemento.
Artigo 19. Instrución do procedemento de concesión das axudas
1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos do órgano instrutor do Inega en función dos datos relativos á persoa solicitante e ao proxecto declarados na solicitude de axuda e na documentación complementaria presentada.
Se a solicitude non reúne algunha da documentación ou información previstas nas bases, requirirase a entidade colaboradora para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos; coa advertencia expresa de que, se así non o fai, se lle terá por desistido na súa petición e se arquivará o expediente.
Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta efectuada á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); a Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); a consellería competente en materia de facenda.
2. Sen prexuízo do establecido no punto anterior, poderá requirirse a entidade colaboradora para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e na resolución do procedemento.
Artigo 20. Comisión de valoración
1. A Comisión de Valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións ás persoas interesadas. A composición da Comisión de Valoración será a seguinte:
a) A persoa que desempeñe a xefatura do Departamento de Enerxía do Inega.
b) A persoa que desempeñe a xefatura da Área de Enerxías Renovables do Inega.
c) Un/unha técnico/a do Inega.
2. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado as persoas solicitantes propostas para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada unha delas, ata esgotar o crédito dispoñible.
Non serán subvencionables os proxectos que acaden unha puntuación inferior a 30 puntos, por considerarse que non cumpren suficientemente a finalidade da convocatoria.
3. De ser o caso, este documento contará cunha relación dos proxectos admitidos que non acadaron a subvención polo esgotamento do orzamento dispoñible, que conformarán a lista de espera. O órgano xestor poderá acordar activar a lista de agarda no suposto de que algunha persoa beneficiaria renuncie á subvención concedida ou decaia no dereito á súa percepción; neste caso, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtivesen subvención por esgotamento do crédito previsto.
Artigo 21. Criterios de valoración
1. As solicitudes recibidas valoraranse cos seguintes criterios:
1º. Características técnicas dos principais equipos: (ata 50 puntos).
a) Biomasa.
i. Eficiencia do equipo xerador (ata 25 puntos).
Utilizaranse os seguintes valores de puntuacións, utilizando o valor da etiqueta enerxética do equipo de biomasa:
|
Valor da clase de eficiencia enerxética incluída na etiqueta en modo calefacción |
|
|
25 puntos |
A+++ |
|
20 puntos |
A++ |
|
16 puntos |
A+ |
|
12 puntos |
A |
|
7 puntos |
B |
|
0 puntos |
C |
ii. Tipoloxía dos sistemas e do combustible empregado (ata 25 puntos).
1) Sistema de alimentación do combustible (ata 10 puntos).
Caldeira con sistema alimentación automática e volume de combustible ≥ 3.000 litros: 10 puntos.
Caldeira con sistema alimentación automática e volume de combustible < 3.000 litros: 5 puntos.
Caldeira con alimentación manual: 0 puntos.
2) Calidade enerxética do combustible empregado polo equipo (ata 10 puntos).
Valorarase este punto tendo en conta o combustible utilizado:
Pellet: 10 puntos.
Estelas: 6 puntos.
Leña e outros: 3 puntos.
3) Se dispón de sistema de limpeza automática do intercambiador (5 puntos).
b) Xeotermia e hidrotermia.
i. Eficiencia do equipo xerador (ata 30 puntos).
A puntuación en función da etiqueta enerxética en modo calefacción en baixa temperatura será:
|
30 puntos |
A+++ |
|
20 puntos |
A++ |
|
10 puntos |
A+ |
|
0 puntos |
A |
ii. Tipoloxía do sistema (ata 10 puntos).
Intercambio en circuíto aberto: 10 puntos.
Intercambio en circuíto pechado en sondaxe vertical: 5 puntos.
Intercambio en circuíto pechado en sondaxe horizontal: 0 puntos.
iii. Tipo de emisor no circuito secundario (ata 10 puntos).
Chan radiante: 10 puntos.
Radiadores de baixa temperatura, fancoils: 5 puntos.
Resto de emisores: 0 puntos.
c) Aerotermia.
i. Eficiencia do equipo xerador (ata 30 puntos).
A puntuación en función da etiqueta enerxética en modo calefacción en baixa temperatura será:
|
30 puntos |
A+++ |
|
20 puntos |
A++ |
|
10 puntos |
A+ |
|
0 puntos |
A |
ii. Tipoloxía do sistema (ata 10 puntos).
Con tecnoloxía inverter: 10 puntos.
Sen tecnoloxía inverter: 5 puntos.
iii. Tipo de emisor no circuíto secundario (ata 10 puntos).
Chan radiante: 10 puntos.
Radiador de baixa temperatura dinámico, fancoils: 5 puntos.
Resto de emisores: 0 puntos.
d) Solar térmica.
i. Eficiencia do equipo xerador (ata 30 puntos).
Valórase o rendemento de paneis solares en termos de kW/m2:
No caso dos paneis solares, outorgarase unha puntuación de 0 puntos para os paneis solares con ratio igual ou inferior a 0,4 kW/m2 e a máxima puntuación 30 puntos para os iguais ou superiores a 0,60 kW/m2. O resto de paneis solares puntuaranse proporcionalmente.
Este rendemento do panel en kW/m2 calcularase a partir da superficie de apertura e da curva de ensaio do panel, con temperatura (Tm-Ta) = 30º C, e 1000 W/m2 de radiación.
ii. Tipoloxía do sistema (ata 20 puntos).
a. Tipo de colector:
Colector de baleiro: 10 puntos.
Colector plano: 5 puntos.
b. Tipo de circulación:
Forzada: 10 puntos.
Termosifón: 5 puntos.
2º. Grao de utilización da instalación: (ata 25 puntos).
a) Biomasa.
i. Grao de utilización da instalación segundo o uso (ata 6 puntos).
Uso de calefacción e auga quente sanitaria (AQS): 6 puntos.
Uso de calefacción: 3 puntos.
Resto de usos: 1 punto.
ii. Zona climática do concello segundo o Código técnico da edificación (CTE/HE1) (ata 10 puntos).
Os proxectos situados en concellos definidos, tendo en conta a súa altitude, como zona E, terán 10 puntos; os da zona D, 5 puntos; os da zona C, 1 punto.
iii. Ratio investimento/potencia da instalación (ata 9 puntos).
Avaliarase en relación ás ratios de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo as bases. Outórgase 0 puntos aos proxectos cuxa ratio investimento/potencia supere un 120 % do custo máximo elixible que lle corresponde polas súas características e a puntuación máxima para aqueles cuxa ratio sexa inferior ao 80 % do custo máximo elixible. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.
b) Bombas de calor (aerotermia, xeotermia e hidrotermia) e solar térmica.
i. Grao de utilización da instalación segundo o uso (ata 6 puntos).
Uso de calefacción e auga quente sanitaria (AQS): 6 puntos.
Uso de calefacción: 3 puntos.
Resto de usos: 1 punto.
ii. Zona climática do concello segundo o Código técnico da edificación (CTE/HE1) (ata 10 puntos).
Os proxectos situados en concellos, tendo en conta a súa altitude, definidos como zona E, terán 10 puntos; os da zona D, 5 puntos; os da zona C, 1 puntos.
iii. Ratio investimento/potencia da instalación (ata 9 puntos).
Avaliarase en relación ás ratios de investimento máximo elixible por potencia do proxecto segundo bases. Outórgase 0 puntos aos proxectos cuxa ratio investimento/potencia supere un 120 % do custo máximo elixible que lle corresponde polas súas características e a puntuación máxima para aqueles cuxa ratio sexa inferior ao 80 % do custo máximo elixible. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.
3º. Localización xeográfica do proxecto: (ata 25 puntos).
a) Renda por habitante (ata 10 puntos).
Valoraranse os proxectos que se desenvolvan en zonas economicamente menos favorecidas utilizando os datos máis recentes dispoñibles polo IGE da renda dispoñible bruta por habitante dos municipios galegos. En concreto, utilizaranse os datos correspondentes ao último ano publicado, que se poden descargar da web do Instituto Galego de Estatística no enderezo www.ige.gal na sección Economía/Sistema Contas/Renda dos fogares municipais en formato excel.
Outórganse 0 puntos aos proxectos situados no concello que teña a máxima renda dispoñible bruta por habitante de Galicia, e a puntuación máxima ao de menor. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente. Outorgaranse 0 puntos ao proxectos situados no concello que teña a máxima renda bruta por habitante e 10 puntos aos proxectos situados no concello de menor renda. O resto dos proxectos puntuaranse proporcionalmente.
b) Concello que cumpre criterios de reto demográfico (ata 15 puntos).
Para os efectos desta convocatoria defínense os concellos de reto demográfico como aqueles concellos de ata 5.000 habitantes e os concellos non urbanos de ata 20.000 habitantes nos que todas as súas entidades singulares de poboación sexan de ata 5.000 habitantes.
As fontes oficias para a determinación das cifras de habitantes e do carácter «non urbano» dos concellos de reto demográfico serán as publicacións do INE e do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible.
O Inega publicará na súa web a listaxe de concellos que cumpran os criterios de reto demográfico.
A puntuación por este criterio será a seguinte:
– Concello que cumpre criterios de reto demográfico: 15 puntos.
– Concello que non cumpre criterios de reto demográfico: 0 puntos.
2. A puntuación máxima do proxecto, tendo en conta os criterios de puntuación anteriores, será de 100 puntos.
3. Os empates que se produzan dirimiranse aplicando os criterios na orde que a seguir se expón:
1) Maior puntuación obtida no punto «Características técnicas».
2) Maior puntuación obtida no punto «Grao de utilización».
3) Maior puntuación obtida no punto «Localización xeográfica».
Artigo 22. Resolución
1. Elaborada a proposta de resolución prevista no artigo 20.2 destas bases, esta será elevada ao director do Inega. O procedemento de concesión resolverase no prazo de 15 días desde a data de elevación da proposta de resolución e axustarase ao disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. A resolución de concesión da subvención comprenderá a identificación da persoa ou persoas beneficiarias, o custo elixible e a contía da subvención.
Na resolución denegatoria da axuda farase constar o motivo da denegación.
3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, concederase, sen necesidade dunha nova convocatoria, a subvención á persoa solicitante ou solicitantes seguintes na orde de prelación.
4. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de catro (4) meses, contados desde a data de presentación da solicitude ou, se é o caso, da súa emenda.
Se transcorrese o prazo sen que recaese resolución expresa as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 23. Notificación
1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás entidades colaboradoras avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as entidades colaboradoras deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
4. As notificacións entenderanse practicadas no momento no que se produza o acceso ao seu contido, e entenderase rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
6. As persoas interesadas poderán consultar na aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal) e na Carpeta cidadá-A miña sede– o estado das súas solicitudes a medida que avanza a tramitación administrativa do expediente e a documentación presentada.
Artigo 24. Réxime de recursos
Contra as resolucións ditadas ao abeiro destas bases poderán interporse os seguintes recursos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren procedente:
1. Recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución, se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica se produzan os efectos do silencio administrativo, perante a presidenta da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
2. Contra as resolucións de reintegro, recurso de reposición no prazo dun mes desde o día seguinte ao da notificación da resolución se esta for expresa, ou en calquera momento a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa específica, se produzan os efectos do silencio administrativo, perante o director da Axencia Instituto Enerxético de Galicia, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Artigo 25. Modificación da resolución
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, a entidade colaboradora debe notificarllo ao órgano competente para a concesión da subvención, debendo cumprirse os requisitos previstos no punto seguinte.
3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia da persoa beneficiaria respectando os seguintes requisitos:
a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.
b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.
c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.
4. As modificacións de proxectos que non se comuniquen con anterioridade á xustificación do investimento, ou aquelas que, de xeito previo, non acheguen a documentación necesaria para a súa valoración, tramitaranse conxuntamente coa documentación xustificativa do investimento, utilizando o requirimento de emenda de xustificación para completar o expediente. Poderán formalizarse a aceptación da modificación do proxecto e a xustificación deste mediante a resolución de pagamento, sempre e cando a modificación do proxecto respecte os requisitos establecidos no punto 3 deste artigo e se achegue toda a documentación da solicitude modificada.
5. O acto polo que se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado pola Dirección do Inega, logo da instrución do correspondente expediente no cal se lle dará audiencia ás persoas interesadas.
Artigo 26. Aceptación e renuncia
No caso de que a persoa beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá comunicarllo ao Inega, a través da entidade colaboradora (anexo VII).
No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará, de conformidade co procedemento establecido no artigo 23 destas bases reguladoras.
Artigo 27. Subcontratación
Permitirase que a persoa beneficiaria subcontrate con terceiros a execución de ata o 100 % da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 28. Prazo para a execución da instalación
A data límite para executar o proxecto e presentar a documentación xustificativa dos investimentos será o 30 de setembro de 2026.
Artigo 29. Xustificación da subvención
1. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentaraa a entidade colaboradora de forma electrónica a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) ou da páxina web do Inega (www.inega.gal) de conformidade co disposto no artigo 15.
2. Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polas persoas beneficiarias, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 23 destas bases reguladoras.
Igual requirimento se efectuará por parte do Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda e Administración Pública, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).
3. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado ningunha documentación, requeriráselle igualmente á entidade colaboradora que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente.
A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que conforme a lei correspondan.
Artigo 30. Documentación xustificativa da subvención
1. Para o cobramento pola persoa beneficiaria da subvención concedida a entidade colaboradorá deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, na data límite de xustificación do proxecto.
2. A entidade colaboradora deberá presentar toda a documentación que se sinala neste artigo e solicitar o pagamento mediante a presentación do anexo VIII, que se xunta a título informativo. Este anexo deberá estar accesible a través da aplicación informática accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal, ou ben desde a páxina web do Inega (http://www.inega.gal).
3. Documentación xustificativa que se ten que presentar xunto coa solicitude de pagamento:
a) Para xustificar cada un dos gastos realizados achegaranse as facturas, nas cales figurará o importe total que se vai pagar, e os documentos xustificativos que aseguren a efectividade do pagamento da totalidade do equipamento polo solicitante.
1º. A factura deberá reflectir con claridade os seguintes datos:
– Data de emisión.
– Nome e NIF/NIE da persoa beneficiaria.
– Enderezo onde se realiza a obra.
– Descrición detallada da totalidade do equipamento instalado de acordo coa solicitude.
– Base impoñible, IVE, total da base impoñible máis IVE.
Non se admiten as facturas que non cumpran co indicado ou que se manipulen.
A expedición das facturas e o seu contido axustarase ao disposto no Real decreto 1619/2012, do 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regulan as obrigas de facturación.
2º. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:
i. Xustificante bancario (transferencia bancaria, certificación bancaria, xustificante bancario de ingreso efectivo polo portelo), no cal conste: a persoa titular da conta desde a que se realiza a operación ou a persoa que realiza o ingreso efectivo, que debe coincidir, en todo caso, coa persoa beneficiaria da subvención, a persoa receptora do pagamento (empresa ou persoa autónoma) e número da factura obxecto de pagamento.
ii. Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta da persoa beneficiaria, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto, etc.) na cal conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria dentro do prazo de xustificación.
No caso de que non quede acreditado o concepto do gasto, deberá achegar, ademais, un xustificante de recepción asinado e selado pola persoa provedora no cal se especifique o número de factura pagada, o número e a data do cheque e NIF e o nome da persoa receptora do cobramento.
Tanto no caso do cheque nominativo como de obriga de pagamento, para efectos de data de pagamento, estimarase a data de cargo na conta do extracto bancario. En ningún caso se estimará como data de pagamento efectivo a entrega do cheque á persoa provedora.
3º. Non se admitirán os supostos de autofacturación (factura emitida pola propia persoa beneficiaria da subvención).
4º. A data dos xustificantes de gasto e do pagamento debe ser posterior á data de solicitude de axuda e terá como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no artigo 28.
5º. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades subvencionadas nos supostos recollidos nas letras a), b) e c) do artigo 27.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
6º. Non se admitirán como xustificantes os documentos acreditativos de pagamento en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.
7º. No caso dunha factura cuxo pagamento se xustifique mediante varios documentos de pagamento, cada un destes deberá facer referencia á factura á cal se imputa o pagamento.
8º. No caso de que as persoas beneficiarias da axuda se acollan á cesión do dereito de cobramento, establecido no punto 1 do artigo 83 do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, de 17 de novembro, xeral de subvencións, considérase efectivamente pagado o gasto coa cesión do dereito de cobramentoo da subvención a favor dos cesionarios.
b) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal). De existir modificacións no proxecto, deberase indicar no informe técnico da actuación realizada e achegar a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.
c) Fotografías xeorreferenciadas dos principais equipamentos instalados, que incluirán as das súas placas de características.
d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas para as mesmas actuacións subvencionadas, tanto as aprobadas e as concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais (anexo IX).
e) Certificado asinado polo/a técnico/a instalador/a, no que se indique a data de finalización da instalación que se subvenciona. Lémbrase que a data de finalización da obra debe estar comprendida dentro do período de xustificación.
Naqueles proxectos de xeración térmica con potencia superior a 70 kW deberá achegarse proxecto e certificado de dirección de obra asinado polo/a técnico/a.
Naquelas instalacións que requiran a súa inscrición no rexistro da consellería competente en materia de industria, a persoa beneficiaria deberá achegar o xustificante de solicitude de inscrición da instalación nese rexistro. Nese xustificante deberán figurar as características técnicas e o correspondente código de acceso ao referido rexistro, para ter a posibilidade de verificación, no caso de que fose necesario.
f) Nos proxectos de enerxía xeotérmica a persoa beneficiaria deberá achegar certificado de obra do sistema de captación asinado por un/unha técnico/a, conforme o modelo dispoñible na web do Inega. Sempre que sexa obrigatoria unha autorización para a execución do proxecto, a persoa beneficiaria deberá xustificar a obtención desta ou, no caso de que aínda non se recibise a autorización, deberase acreditar documentalmente a súa solicitude.
g) Memoria de xustificación da publicidade de fondos Feader, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.gal).
Artigo 31 Pagamento das axudas
1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou os informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que a persoa beneficiaria os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.
2. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se, debido á redución do investimento, se superan as porcentaxes máximas de subvención.
3. Previamente á proposta de pagamento, e sempre que se trate de subvencións de capital cun importe superior a 60.000 euros, os servizos técnicos do Inega realizarán unha inspección de comprobación material na cal certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.
Artigo 32. Perda do dereito á subvención e reintegro das axudas
1. Ademais da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa aplicable en materia de subvencións, serán aplicables a Lei 30/2022, do 23 de decembro, que establece o marco para a xestión do sistema da política agrícola común (PAC) en España para o período 2023-2027 e o Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan Estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
2. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación do cumprimento do proxecto, das condicións impostas na resolución de concesión, das obrigas contidas nestas bases reguladoras, das obrigas contidas no artigo 33 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, ou na demais normativa aplicable, o que dará lugar a devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.
3. O procedemento para declarar a procedencia da perda do dereito de cobramento da subvención e para facer efectiva a devolución á que se refire o punto anterior será o establecido no titulo II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Incumprimento dos proxectos:
a) Incumprimento total. Se se xustifican conceptos, partidas e/ou elementos subvencionables aprobados que representen menos do 60 % do importe total do investimento subvencionable, entenderase que non acadou os obxectivos propostos na solicitude e, polo tanto, determinará a perda do dereito ao cobramento da subvención concedida.
b) Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, poderá apreciarse un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o seu alcance, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro cos seguintes criterios:
i. No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente aos conceptos subvencionables deixados de practicar ou aplicados a outros distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. En particular, unha execución por baixo do 60 % da base subvencionable aprobada considerarase un incumprimento total.
ii. Non manter a publicidade ao financiamento do proxecto, de acordo co establecido no artigo 11.l) destas bases, suporá o reintegro dun máximo do 3 % da subvención concedida.
iii. No período de mantemento dos investimentos, procederá a incoación dun procedemento de reintegro no suposto de non manter os investimentos obxecto da subvención durante o período establecido, o que suporá o reintegro da subvención correspondente ao activo non mantido, de forma proporcional ao período en que se incumprise este requisito.
5. Procederá a perda total do dereito ao cobramento da axuda concedida, sen prexuízo da incoación do oportuno expediente sancionador, nos seguintes casos:
a) Obter a subvención sen reunir as condicións requiridas.
b) Non xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e das condicións da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.
c) Non permitir someterse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, en particular ás verificacións previstas no artigo 74 do RDC, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de 5 anos a partir do 31 de decembro do ano no que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria (artigo 82 do RDC).
d) Non acreditar estar ao día nas obrigas fiscais, coa seguridade Social e coa Comunidade Autónoma.
e) Non comunicarlle ao Inega a obtención doutras subvencións e axudas que financien as actividades subvencionadas.
f) Non comunicarlle ao Inega a modificación das circunstancias que fundamentaron a concesión da subvención.
g) Non manter un sistema de contabilidade separado ou código contable axeitado en relación con todas as transaccións relacionadas cos gastos subvencionables, sen prexuízo das normas xerais de contabilidade, que permita seguir unha pista de auditoría sobre os gastos financiados co fondo Feader.
h) Non dar publicidade ao financiamento do proxecto nos termos exixidos no artigo 11.l) destas bases reguladoras.
6. No caso de condicións que constitúan obrigas que a persoa beneficiaria debe acreditar a través da entidade de colaboración en fase de xustificación (obrigas de publicidade, comunicación doutras axudas, etc.), estas deberán xustificarse en todo caso para poder proceder ao pagamento da subvención, polo que a gradación fixada neste punto só resultará aplicable para supostos de reintegro, no caso en que se detecte en controis posteriores ao pagamento algún incumprimento relativo a esas obrigas.
Artigo 33. Réxime de sancións
Ás persoas beneficiarias das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, e demais normativa aplicable en materia de subvencións, así como o previsto na Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
Artigo 34. Fiscalización e control
1. As persoas beneficiarias destas subvencións someteranse ás actuacións de comprobación e/ou control financeiro que poidan realizar os distintos órganos de control a nivel autonómico, estatal ou comunitario, ás auditorías do organismo de auditoría do programa operativo ou das distintas instancias comunitarias de control sobre os fondos europeos, achegando canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Para tal fin, garantirase que todos os documentos xustificativos da operación se conserven durante un prazo de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que se efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
2. Calquera persoa que teña coñecemento de feitos que puidesen ser constitutivos de fraude ou irregularidade en relación con proxectos ou operacións financiados total ou parcialmente con cargo a fondos procedentes da Unión Europea no marco desta convocatoria poderá poñer os ditos feitos en coñecemento do Servizo Nacional de Coordinación Antifraude da Intervención Xeral da Administración do Estado, por medios electrónicos a través da canle habilitada para efecto neste enderezo:
https://www.igae.pap.hacienda.gob.es/sitios/igae/es-ES/Paginas/denan.aspx
Artigo 35. Comprobación de subvencións
1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención. O prazo para a comprobación material de facturas e xustificantes de gastos será de cinco anos a partir do 31 de decembro do ano en que o Inega efectúe o último pagamento á persoa beneficiaria.
2. Para todo o non previsto no punto anterior, será aplicable o disposto no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e nos artigos 57 e seguintes do seu regulamento.
Artigo 36. Remisión normativa
1. As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras rexeranse, entre outras, polas seguintes normas:
a) Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, polo que se establecen normas en relación coa axuda aos plans estratéxicos que deben elaborar os Estados membros no marco da política agrícola común (plans estratéxicos da PAC). Financiada con cargo ao Fondo Europeo de Garantía (Feaga) e ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e polo que se derrogan os regulamentos (UE) nº 1305/2013 e (UE) nº 1307/2013.
b) Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro de 2021, sobre o financiamento, a xestión e o seguimento da política agrícola común e polo que se derroga o Regulamento (UE) nº 1306/2013.
c) Regulamento (UE) nº 2016/679 do Parlamento Europeo e do Consello, do 27 de abril de 2016, relativo á protección das persoas físicas no que respecta ao tratamento de datos persoais e á libre circulación destes datos e polo que se derroga a Directiva 95/46/CE (Regulamento xeral de protección de datos).
d) Regulamento Delegado (UE) nº 2022/127 da Comisión do 7 de decembro de 2021, que completa o Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello con normas relativas aos organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, as garantías e o uso do euro.
e) Regulamento de execución (UE) nº 2022/128 da Comisión do 21 de decembro de 2021 polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello sobre os organismos pagadores e outros órganos, a xestión financeira, a liquidación de contas, os controis, as garantías e a transparencia.
f) Regulamento de execución (UE) nº 2022/129 da Comisión do 21 de decembro de 2021 polo que se establecen normas para os tipos de intervención relativos ás sementes oleaxinosas, o algodón e os subprodutos da vinificación en virtude do Regulamento (UE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, así como para os requisitos en materia de información, publicidade e visibilidade relacionados coa axuda da Unión e os plans estratéxicos da PAC.
g) Real decreto 1047/2022, do 27 de decembro, polo que se regula o sistema de xestión e control das intervencións do Plan estratéxico e outras axudas da política agrícola común.
h) Lei 30/2022, do 23 de decembro, pola que se regula o sistema de xestión da política agrícola común e outras materias conexas.
i) Real decreto 147/2023, do 28 de febreiro, polo que se establecen as normas para a aplicación de penalizacións nas intervencións recollidas no Plan estratéxico da política agrícola común, e se modifican varios reais decretos polos que se regulan distintos aspectos relacionados coa aplicación en España da política agrícola común para o período 2023-2027.
j) Circular de coordinación 37/2023 relativa ao Plan nacional de controis das Intervencións de desenvolvemento rural non establecidas no ámbito do sistema integrado do período 2023-2027 incluídas no Plan estratéxico da política agrícola común.
(https://www.mapa.gob.es/es/pac/pac-2023-2027).
k) Instrución ARX PEPAC 01/2023 información, publicidade e visibilidade.
(https://www.mapa.gob.es/es/pac/pac-2023-2027).
2. Así mesmo, rexeranse pola normativa aplicable ás axudas e subvencións na Comunidade Autónoma, en particular, a seguinte:
a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
c) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
d) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.
e) Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
f) Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais.
g) Regulamento (UE) nº 2023/2831 da Comisión, do 13 de decembro de 2023, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de minimis (DOUE L, do 15 de decembro).
