Antecedentes:
Primeiro. Con data do 15 de abril de 2025, o director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) adoptou a proposta de declaración de interese autonómico da actuación de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas protexidas mediante un proxecto de interese autonómico en Vilagarcía de Arousa, no ámbito situado entre a avenida Carolinas, a rúa Coca e a rúa Arealonga, situado ao oeste do centro urbano de Vilagarcía de Arousa, nas inmediacións da estrada nacional N-640A e atravesado polo río Con.
Segundo. O director xeral do IGVS remitiu, o 1 de xullo de 2025, ao Concello de Vilagarcía de Arousa a delimitación inicial do ámbito de actuación seleccionado, para os efectos de que manifestase a súa conformidade con carácter previo á súa aprobación mediante resolución da presidenta do IGVS.
Terceiro. Con data do 18 de decembro de 2025 tivo entrada no Rexistro do IGVS a comunicación da secretaria xeral de Vilagarcía de Arousa do acordo adoptado pola Xunta de Goberno local, na súa sesión do 15 de decembro de 2025, en que manifesta a súa conformidade coa delimitación inicial do referido ámbito.
Consideracións legais e técnicas:
Primeira. O artigo 63 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, de medidas fiscais e administrativas, baixo a rúbrica Declaración de interese autonómico, establece o seguinte:
«1. A tramitación dos proxectos regulados no artigo anterior axustarase ás previsións contidas na Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia, para os proxectos de interese autonómico, de tipo non previsto, xunto coas especialidades recollidas nesta subsección.
2. Como requisito previo para o inicio do procedemento de aprobación como proxectos de interese autonómico, será precisa a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto, polo procedemento descrito neste artigo.
3. O Instituto Galego da Vivenda e Solo seleccionará previamente aquelas áreas urbanas en que concorran os requisitos sinalados no artigo 62, identificando, respecto de cada concello ou concellos afectados, as zonas urbanisticamente máis adecuadas para desenvolver as iniciativas de planificación e proxección de actuacións de creación de solo residencial de promoción pública.
4. Constando a conformidade do concello afectado, a Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo aprobará mediante resolución a delimitación dos ámbitos de actuación que serán obxecto de transformación urbanística, xustificando a concorrencia dos requisitos sinalados no artigo 62. A devandita resolución implicará a declaración do interese autonómico da actuación que constitúa o seu obxecto e será publicada no Diario Oficial de Galicia».
Segunda. Examinada a documentación que consta no expediente, apréciase a concorrencia dos requisitos exixidos polo artigo 62 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, para promover e desenvolver actuacións de creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Vilagarcía de Arousa (ámbito entre a avenida Carolinas, a rúa Coca e a rúa Arealonga).
Así, no concello de Vilagarcía de Arousa existe unha forte demanda social de vivenda, acreditada polo elevado número de persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia, que ascende a 326.
Por outra banda, as actuacións de transformación urbanística propostas transcenden o ámbito municipal, xa que a superficie do ámbito permitirá dispor de capacidade suficiente para a fixación de poboación neste zona, en especial da xente moza, e promover, deste xeito, o impulso e a dinamización demográfica de Vilagarcía de Arousa, favorecendo, ao mesmo tempo, a implantación de actividades económicas. Ademais, tales actuacións contribuirán ao desenvolvemento e execución das políticas autonómicas sectoriais en materia de vivenda, facilitando o acceso de aquelas persoas con máis dificultades, e incidirán no desenvolvemento económico, social e territorial de Galicia, nos termos previstos no artigo 41.2.c) da Lei 1/2021, do 8 de xaneiro, de ordenación do territorio de Galicia.
Terceira. A competencia para ditar a presente resolución corresponde á presidenta do IGVS, conforme o disposto no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro.
Vistos os antecedentes de feito e as consideracións legais descritas anteriormente, así como a proposta do director xeral do IGVS,
RESOLVO:
Aprobar a delimitación do ámbito de actuación situado entre a avenida Carolinas, a rúa Coca e a rúa Arealonga, que será obxecto de transformación urbanística para a creación de solo destinado maioritariamente á construción de vivendas sometidas a algún réxime de protección pública en Vilagarcía de Arousa, que figura como anexo desta resolución.
A devandita delimitación poderá ser obxecto de variacións como consecuencia dos axustes que sexa preciso introducir na fase de redacción e tramitación dos proxectos de interese autonómico, que serán debidamente comunicadas ao Concello.
Esta resolución implica a declaración do interese autonómico da actuación que se levará a cabo no ámbito delimitado.
De conformidade co establecido no artigo 63.4 da Lei 5/2024, do 27 de decembro, esta resolución deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia.
Contra esta resolución cabe interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do IGVS, no prazo dun mes desde a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses contados desde a publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, conforme o disposto no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 12 de xaneiro de 2026
María Martínez Allegue
Presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo
