DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 14 Xoves, 22 de xaneiro de 2026 Páx. 6359

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda e Administración Pública

RESOLUCIÓN do 13 de xaneiro de 2026, do tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspectores e inspectoras de consumo, pola que se fai pública a baremación provisional da fase de concurso.

En sesión que tivo lugar o 13 de xaneiro de 2026, o tribunal nomeado para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, pola quenda de promoción interna, no corpo de xestión da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, subgrupo A2, escala de inspectores e inspectoras de consumo, convocado pola Resolución do 25 de xaneiro de 2024 (DOG núm. 21, do 30 de xaneiro),

ACORDOU:

Primeiro. Facer pública a baremación provisional da fase de concurso, con indicación da puntuación obtida polas persoas aspirantes, de conformidade co disposto na base II.5 da convocatoria.

A puntuación provisional obtida polas persoas baremadas figura reflectida no portal web corporativo da Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal https://www.xunta.gal/funcion-publica/procesos-selectivos/consulta

O detalle da puntuación de cada un dos méritos poderase consultar na canle do emprego público de Galicia (Fides), accedendo á inscrición no proceso selectivo, no bloque «Resultado», que se amosará no momento da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Segundo. De acordo co establecido na base II.5 da convocatoria, as persoas baremadas poderán formular reclamación contra as puntuacións provisionais, ante o tribunal, no prazo de dez (10) días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

As reclamacións presentaranse a través da canle do emprego público de Galicia (Fides) na epígrafe «Inscrición en procesos selectivos». Para isto, a persoa aspirante accederá ao proceso selectivo a que se refire esta resolución no cal desexa formular reclamación, no bloque «Que podo facer?», «Presentación de alegacións».

Terceiro. Sen prexuízo do cumprimento do disposto no punto rerceiro da Resolución do 2 de decembro de 2025 (DOG núm. 236, do 5 de decembro) pola que se fai público o procedemento para a acreditación dos méritos correspondentes á fase de concurso do proceso selectivo, as persoas aspirantes baremadas deberán ter en conta que a forma documental de acreditar os méritos neste proceso é a que figura contida no anexo III da Resolución do 5 de decembro de 2023 (DOG núm. 237, do 15 de decembro).

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026

Laura Suárez Fernández
Presidenta do tribunal