O Pleno da Corporación Provincial, en sesión ordinaria que tivo lugar o 28 de novembro de 2025, aceptou por unanimidade a delegación do Concello de Cenlle na Deputación Provincial do exercicio das competencias de xestión tributaria, liquidación e recadación en voluntaria e executiva, e revisión dos actos ditados da taxa polo abastecemento de auga domiciliaria e canon da auga. De conformidade co disposto no artigo 7 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e no artigo 106.3 da Lei 7/1985, reguladora das bases do réxime local publícase o citado acordo nos seguintes termos:
Aceptar a delegación de competencias efectuada polo Concello de Cenlle a favor da Deputación Provincial, mediante o Acordo plenario do 1 de outubro de 2025, para a xestión tributaria, liquidación e recadación en voluntaria e executiva, así como a revisión dos actos ditados dos seguintes tributos e ingresos de dereito público:
– Taxa polo abastecemento de auga domiciliaria e demais conceptos incluídos no ciclo da auga.
– Canon de auga (salvo as facultades de recadación executiva e revisión dos actos ditados nesa vía).
Todo isto nas condicións recollidas no acordo de delegación do Concello de Cenlle; en todo caso, serán de aplicación as seguintes condicións xerais:
a) O contido da delegación abranguerá o exercicio de todas as facultades necesarias para a realización da xestión tributaria, liquidación e recadación voluntaria e executiva, ditando todos os actos administrativos necesarios para a xestión dos ditos procedementos, incluída a emisión da providencia de constrinximento e resolución dos recursos administrativos contra os actos de recadación executiva.
b) Para o exercicio da competencia delegada, o Concello deberá remitir as oportunas certificacións da relación de debedores dos últimos catro anos para os efectos de poder iniciar a recadación en executiva, así como, en relación coas débedas anteriores aos últimos catro anos, certificación de que as débedas non están prescritas, e indicará as diferentes datas de notificación da débeda en executiva en relación co tributo ou ingreso de dereito público a que se refire.
c) A taxa que deberá satisfacer o Concello pola prestación do servizo de recadación en voluntaria será a resultante de aplicarlles ás cantidades efectivamente recadadas de padróns, liquidacións, altas e outros ingresos non periódicos o tipo de gravame único do 5 %, e a taxa pola prestación do servizo de recadación en período executivo será o 100 % da recarga de constrinximento que debe pagar o debedor tributario conforme o establecido no artigo 6, alíneas a) e b), da Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación dos servizos de xestión, inspección e recadación da Deputación Provincial de Ourense. A Deputación deducirá da transferencia do importe recadado a cantidade correspondente á taxa liquidada, sen prexuízo da notificación da dita liquidación na forma prevista no artigo 9 da Ordenanza fiscal.
d) Esta delegación entrará en vigor, unha vez aceptada pola Deputación Provincial, o 1 de xaneiro de 2026, e publicarase no Boletín Oficial da provincia e no Diario Oficial de Galicia para xeral coñecemento. Esta delegación estará vixente por un período de catro anos, e prorrogarase tacitamente por períodos iguais de catro anos se ningunha das partes mostra expresamente a súa vontade en contra, comunicándollo á outra cunha antelación non inferior a seis (6) meses á data sinalada ou á de calquera dos períodos de prórroga.
Ourense, 18 de decembro de 2025
Luis Menor Pérez
Presidente da Deputación
Provincial de Ourense
