BDNS (Identif.): 882608.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo pode consultarse na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882608
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser persoas beneficiarias das subvencións as confrarías de pescadores, organizacións de produtores pesqueiros, cooperativas do mar, e demais entidades asociativas xuridicamente recoñecidas e constituídas por persoas pescadoras ou mariscadoras. As entidades serán sen ánimo de lucro, e terán ámbito territorial e a sede social na Comunidade Autónoma de Galicia.
Cando as actividades de recollida de residuos e de arribazóns de algas que podan afectar aos bancos marisqueiros sexan realizadas no ámbito territorial dun plan de xestión de marisqueo, só poderán ser beneficiarios das subvencións as entidades de interese colectivo do sector que sexan titulares do plan de xestión.
Segundo. Finalidade
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras xerais e a convocatoria para o ano 2026 para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos e de arribazóns de algas que poden afectar os bancos marisqueiros, coa participación das persoas pescadoras e mariscadoras, no mar e nas praias, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA).
O procedemento que regula a presente orde correspóndese co código PE209F da Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 30 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2026, para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de axudas a proxectos colectivos para a protección e recuperación da biodiversidade e dos ecosistemas mariños mediante a recollida de residuos e de arribazóns de algas que poden afectar as bancos marisqueiros, coa participación das persoas pescadoras e mariscadoras, cofinanciada polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (FEMPA), tramitada como anticipado de gasto (código de procedemento PE209F).
Cuarto. Importe
O crédito orzamentario para as solicitudes de axuda tramitadas durante o exercicio do ano 2026 e a plurianualidade asociada acada o importe de un millón douscentos setenta e cinco mil euros (1.275.000 euros), repartidos nas seguintes anualidades:
|
Partida orzamentaria |
2026 |
2027 |
Total |
|
16.03.723C.780.2 |
750.000 € |
525.000 € |
1.275.000 € |
As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 70 % de fondos FEMPA e o 30 % pola Comunidade Autónoma.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será de un (1) mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último día do mes.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2025
Marta Barreiro Castro
Secretaria xeral técnica da Consellería do Mar
