BDNS (Identif.): 882561.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/882561
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderá concorrer a esta convocatoria a cidadanía galega residente no exterior e que cumpra o disposto no artigo 4, Requisitos.
Quedan excluídas desta convocatoria as persoas que xa foron beneficiarias da bolsa convocada pola Orde do 24 de marzo de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2025 (DOG núm. 60, do 27 de marzo), ou outras bolsas de edicións anteriores.
Quedan excluídas desta convocatoria aquelas persoas que foron beneficiarias das bolsas de excelencia para a mocidade exterior (BEME), convocadas pola Secretaría Xeral da Emigración.
Segundo. Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases e convocar o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de cento vinte (120) bolsas Retorna Talento FP para cursar, polo réxime dual intensivo, os ciclos de formación profesional (grao D) que se indican no anexo IV que se inicien no ano 2026 en centros da Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento ED333B).
A formación terá unha duración de dous cursos académicos. Tanto no curso 2026/27 como no 2027/28 o alumnado recibirá a súa formación na modalidade presencial, que se desenvolverá entre o centro educativo e a empresa.
As persoas solicitantes poderán indicar ata un máximo de tres ensinanzas de entre as recollidas no anexo IV, ordenadas segundo a súa orde de preferencia.
Terceiro. Bases reguladoras
Orde do 17 de decembro de 2025 pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o programa Retorna Talento FP, dirixido a persoas galegas residentes no estranxeiro interesadas en retornar e cursar determinados estudos de formación profesional en centros educativos de Galicia que se inicien no ano 2026 (código de procedemento ED333B).
Cuarto. Importe
Esta convocatoria terá carácter plurianual e destinarase un total de 1.800.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.422M.480.1 da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, dos orzamentos de 2026, 2027 e 2028.
A distribución de crédito por anualidades será a seguinte:
|
2026 |
2027 |
2028 |
|
714.000 euros |
552.000 euros |
534.000 euros |
A contía de cada bolsa será de 15.000 euros.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes iniciarase o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, e rematará ás 23:59:59 horas (hora peninsular española) do 30 de abril de 2026.
Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
