DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 16 Luns, 26 de xaneiro de 2026 Páx. 6911

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se establece o Plan xeral da Inspección Educativa do curso 2025/26.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, regula no seu título VII a inspección do sistema educativo e establece que corresponde ás administracións públicas competentes ordenar, regular e exercer a Inspección Educativa dentro do respectivo ámbito territorial.

O Decreto 99/2004, do 21 de maio, polo que se regula a organización e o funcionamento da Inspección Educativa e o acceso ao corpo de inspectores de Educación na Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu artigo 9 que a consellería competente en materia de educación fixará periodicamente as liñas e os criterios de actuación da Inspección Educativa.

O Plan xeral da Inspección Educativa é o documento en que se recollen as liñas e os criterios de actuación da Inspección Educativa no marco das funcións que esta ten encomendadas e de acordo coas prioridades establecidas pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, co obxecto de coordinar globalmente as actividades de supervisión, asesoramento e avaliación que desenvolven as inspectoras e os inspectores de Educación.

A partir do Plan xeral, e de conformidade co establecido nos artigos 10 e 20 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, as xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa elaborarán os plans provinciais de actuación da Inspección Educativa aténdose ás liñas básicas e prioritarias fixadas neste plan, sen prexuízo da marxe de flexibilidade e autonomía que a singularidade provincial exixe para adecuar o plan e as actuacións previstas á realidade educativa da provincia.

Por todo o anterior, ao abeiro do disposto no artigo 9 do Decreto 99/2004, do 21 de maio, por proposta da persoa titular da Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo e en virtude das competencias e funcións atribuídas mediante o Decreto 138/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, Consellería), como directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa,

RESOLVO:

Primeiro. Obxecto

Esta resolución ten por obxecto establecer o Plan xeral da Inspección Educativa no cal se fixan as liñas, eixes de actuación e actuacións da Inspección Educativa para o curso 2025/26.

Segundo. Eixes principais de actuación

1. O desenvolvemento do Plan xeral da Inspección Educativa contribuirá ao logro das liñas estratéxicas da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional.

2. A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo desenvolverá actuacións encamiñadas a impulsar procesos de mellora na función inspectora que permitan á Inspección Educativa dispoñer de información actualizada sobre a xestión dos centros docentes, facilitando, así, o seu labor de supervisión e asesoramento.

Para iso, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo desenvolverá as seguintes actuacións que pivotan sobre tres eixes principais:

E1. Supervisión e asesoramento de procesos:

– Pilotar o proceso de acompañamento e supervisión das medidas de atención á diversidade nos centros educativos.

E2. Dixitalización de procesos:

– Elaborar e implementar protocolos normalizados en liña para o desenvolvemento das actuacións da Inspección Educativa.

– Impulsar a utilización dos sistemas en liña para a xestión dos plans provinciais e do Plan xeral de actuación da Inspección Educativa.

– Manter actualizado o portal dispoñible para a Inspección Educativa, asesorar nos aspectos relativos ás súas aplicacións e elaborar recursos para uso por parte das/dos inspectoras/es.

– Facilitar a recollida da información derivada das actuacións realizadas no seu exercicio profesional.

E3. Formación:

– Elaborar un plan de formación permanente e de actualización profesional da Inspección Educativa, atendendo no seu deseño ás necesidades de formación das catro provincias galegas.

– Promover a participación da inspección educativa en proxectos europeos.

Terceiro. Actuacións da Inspección Educativa

1. As actuacións prioritarias que desenvolverá a Inspección Educativa no curso 2025/26 son as seguintes:

– Supervisión e asesoramento sobre as medidas de atención á diversidade nos centros educativos.

– Supervisión das avaliacións de diagnóstico.

– Supervisión e asesoramento aos centros educativos dos resultados derivados das avaliacións de diagnóstico como contribución aos plans de mellora.

– Supervisión e avaliación da función directiva.

– Supervisión e avaliación dos funcionarios en prácticas.

– Supervisión da escolarización en unidades de educación especial nos centros docentes ordinarios.

– Supervisión e asesoramento da configuración de horarios docentes na aplicación XADE.

– Asesoramento e supervisión do seguimento das programacións elaboradas na aplicación PROENS.

– Supervisión dos procesos de dixitalización levados a cabo no ámbito do Plan de simplificación administrativa.

A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá determinar outras actuacións prioritarias para o curso 2025/26 en relación coas liñas estratéxicas e/ou actuacións relevantes da Consellería.

2. Ademais, a Inspección Educativa desenvolverá outras actuacións:

– Habituais, realizadas de forma periódica en cada curso académico.

– Específicas, son aquelas que teñen por obxecto a recollida de datos ou a supervisión en temas que son de especial interese para a política educativa da Consellería.

– Sobrevindas, caracterizadas por seren situacións imprevisibles que exixen inmediatez. Poderá requirirse a realización de actuacións puntuais e sobrevindas que, por razóns do servizo, lle son encomendadas no marco das funcións e competencias que ten atribuídas.

3. As actuacións prioritarias, así como outras actuacións determinadas pola Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo, contarán cun procedemento ou instrucións para a súa execución e, de ser o caso, solicitarase un informe específico que deberá quedar rexistrado na aplicación de xestión da inspección educativa (XIE).

4. As actuacións da Inspección Educativa desenvolveranse principalmente mediante as visitas de inspección, establecidas no artigo 6 da Orde do 13 de decembro de 2004.

A inspectora ou o inspector deixará rexistro de cada visita que realice aos centros docentes a través da aplicación XIE.

Cuarto. Plans provinciais de actuación da Inspección Educativa

1. Os plans provinciais desenvolverán e concretarán, no ámbito provincial, as actuacións do Plan xeral de inspección.

2. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa concretarán as actuacións para a súa provincia que, xunto ás actuacións indicadas no punto terceiro, deberán desenvolver as inspectoras e inspectores de educación. Para estes efectos, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo remitirá unha proposta dixitalizada de actuacións que as xefaturas provinciais poden adaptar á súa idiosincrasia e/ou espazos de traballo.

3. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa velarán pola execución das actuacións nos termos e na temporalización establecida.

4. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa trasladarán á Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo os resultados ou conclusións daquelas actuacións provinciais que redunden na mellora do funcionamento dos centros educativos a nivel provincial.

Quinto. Grupos de traballo interprovinciais

1. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá solicitar a participación das inspectoras e inspectores na configuración de grupos de traballo interprovinciais sobre temas ou cuestións relevantes para o sistema educativo.

2. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa ou a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo proporán a inspectora ou o inspector representante provincial participante procurando unha participación equilibrada das inspectoras e inspectores.

Sexto. Actividades de formación

1. No curso 2025/26, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo organizará as seguintes xornadas de formación:

– Curso de formación inicial para as inspectoras e inspectores de nova incorporación que terá lugar nos meses de outubro e novembro.

– Tres xornadas para a formación permanente das inspectoras e inspectores, que se realizarán, previsiblemente, unha por trimestre do curso académico.

Tamén poderán organizarse outras actividades de formación, en modalidade presencial ou telemática, sobre aspectos concretos relacionados coas competencias e funcións da Inspección Educativa.

2. O plan de formación da Inspección Educativa incluirá actividades que contribúan á formación no eido dixital dos inspectores e inspectoras de educación e á acreditación da competencia dixital conforme a Orde do 1 de xuño de 2023 pola que se regula o procedemento para a acreditación da competencia dixital docente no ámbito de xestión da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Promoverase a internacionalización da Inspección Educativa e o intercambio de boas prácticas a nivel internacional, de xeito especial no ámbito europeo.

4. As inspectoras e os inspectores poderán participar noutras actividades formativas promovidas polas administracións educativas ou por asociacións de inspectoras/es.

Sétimo. Dixitalización de procesos para a estruturación dunha base común de datos educativos (BCDE) no ámbito da Inspección Educativa

La aplicación XIE facilitará a conexión cos procedementos dixitalizados en que interveña a Inspección Educativa.

Todos os informes relativos aos centros educativos deberán realizarse na aplicación XIE. Para isto, a Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo facilitará para cada plan de actuación concreto os correspondentes informes normalizados.

A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo facilitará a recollida de información dos protocolos educativos mediante procesos informáticos estandarizados.

Oitavo. Seguimento dos plans

1. A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo realizará un seguimento da execución do Plan xeral da Inspección Educativa, realizando as correccións e propostas de mellora que considere pertinentes.

2. As xefaturas dos servizos territoriais da Inspección Educativa, ao finalizar o curso escolar, recollerán nunha memoria anual o desenvolvemento do plan provincial de actuación e trasladarán á Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo as propostas de mellora.

3. A Subdirección Xeral de Inspección e Avaliación do Sistema Educativo recollerá nunha memoria anual as conclusións máis relevantes da execución do Plan xeral da Inspección Educativa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2026

Judith Fernández Novoa
Directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa