No DOG núm. 123, do 30 de xuño de 2025, publicouse a Resolución do 24 de xuño de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia subgrupo C2, escala auxiliar de cociña.
O anexo I da referida resolución inclúe o programa que rexerá as probas selectivas. Na parte específica do dito programa inclúese o tema 15. Conceptos básicos do programa de xestión CENPOS relacionados coa cociña.
Non obstante, o dito programa de xestión non goza dun carácter público, senón que unicamente está dispoñible para o persoal que actualmente presta servizos nas residencias públicas xestionadas pola Xunta de Galicia. Por todo o cal, podería infrinxirse o principio de igualdade que debe rexer nos procesos selectivos para o acceso ao emprego público.
Por conseguinte, esta consellería, no uso das competencias que lle atribúe a Lei 2/2015, do 29 de abril, do emprego público de Galicia,
DISPÓN:
Modificar o anexo I da Resolución do 24 de xuño de 2025 pola que se convoca o proceso selectivo mediante o sistema de oposición para o ingreso, pola quenda de acceso libre e promoción interna, no corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia subgrupo C2, escala auxiliar de cociña, no seguinte sentido:
– Elimínase da parte específica do programa que rexerá a convocatoria de probas selectivas o tema 15, Conceptos básicos do programa de xestión CENPOS relacionados coa cociña.
Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela as persoas interesadas poderán presentar recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da consellería competente en materia de emprego público no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou impugnala directamente ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a mesma data, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Santiago de Compostela, 26 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Facenda e Administración Pública
P.D. (Orde do 8.1.2020; DOG núm. 16, do 24 de xaneiro)
Nuria Aguilar Vázquez
Directora xeral de Emprego Público e Administración de Persoal
