DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2026 Páx. 7294

III. Outras disposicións

Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional

ORDE do 17 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral nas universidades do Sistema universitario de Galicia, nos organismos públicos de investigación de Galicia e noutras entidades do Sistema de I+D+i galego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

A Xunta de Galicia asume, dentro dos seus plans de acción, a importancia da formación do persoal investigador logo de rematada a tese de doutoramento e posteriormente posibilitar o perfeccionamento na súa formación, o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita consolidar a súa traxectoria e, finalmente, impulsar a súa estabilización laboral. Como consecuencia diso, as axudas de formación nas etapas iniciais e de continuación da etapa posdoutoral na Comunidade Autónoma de Galicia contan cunha longa tradición mediante convocatorias públicas que teñen adoptado, ao longo dos anos, diversas formalizacións para a mellor consecución dos obxectivos e fins propostos. Cabe citar como exemplos máis destacables as axudas Ánxeles Alvariño, convocadas entre os anos 2007 e 2009 do Plan Incite ou as axudas á etapa de formación inicial posdoutoral do programa I2C no período 2012-2019.

A finalidade do Programa de axudas á etapa de formación posdoutoral é incrementar a incorporación de persoal investigador ao Sistema de I+D+i galego fomentando a adquisición e o perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos nos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación, e que lles permita obter un posto de carácter estable.

Co fin de harmonizar o exercicio das competencias que en materia de I+D+i teñen atribuídas a Secretaría Xeral de Universidades e a Axencia Galega de Innovación, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e na procura de sinerxías, considérase de interese a realización de convocatorias conxuntas que axuden a consolidar un sistema de I+D+i suficientemente sólido como para garantir o desenvolvemento social e a competitividade económica.

A distribución parcial das axudas por rama de coñecemento: artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas, e enxeñaría e arquitectura permite garantir unha repartición homoxénea, baseada na clasificación xeneralizada das titulacións do SUG. Esta distribución manterase ata o remate do período transitorio de adaptación destas ramas aos ámbitos de coñecemento enunciados no anexo I do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro.

O 8 de abril de 2022, o Consello da Xunta de Galicia adoptou o acordo mediante o cal se aprobou a Estratexia de especialización intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027, que define o marco para as políticas de investigación e innovación na Comunidade Autónoma para este período. Como instrumento de planificación operativa para a súa implementación entre 2025 e 2027, o Consello da Xunta aprobou o 3 de febreiro de 2025 o Plan galego de investigación e innovación 2025-2027.

A RIS3, no período 2021-2027, aborda a través da I+D+i tres grandes retos da economía e a sociedade galegas. Para darlles resposta, por unha banda, a estratexia orienta as capacidades e os esforzos de investigación e innovación en Galicia cara a tres prioridades temáticas transversais, e pola outra, reforza e impulsa o ecosistema galego de innovación a través de cinco obxectivos estratéxicos, arredor dos que articula os instrumentos e actuacións para desenvolver integrados nos correspondentes programas. Estes instrumentos poden ser horizontais en relación cos retos e coas prioridades da RIS3.

O obxectivo estratéxico 4 aposta polas persoas como activo principal para abordar as prioridades de especialización de Galicia, xerando, retendo e atraendo talento en igualdade. Esta convocatoria potenciará as traxectorias de investigación vinculadas aos retos e ás prioridades definidas na estratexia, e que se integra no programa Persoas e Talento.

En consecuencia, esta convocatoria enmárcase na RIS3 de Galicia 2021-2027 e responde aos tres retos e ás tres prioridades. Ten como obxectivo estratéxico desenvolver o talento das persoas (obxectivo estratéxico 4), integrándose, polo tanto, no citado programa Persoas e Talento da RIS3 de Galicia e no programa Talento do Plan galego de investigación e innovación 2025-2027. 

De acordo coa Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, para garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes en todos os procesos de avaliación e/ou selección do persoal investigador, nesta convocatoria introdúcense mecanismos correctores e obxectivos para evitar a discriminación e/ou a penalización das mulleres, e tamén dos homes, en casos de permisos de nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación natural e incapacidade temporal asociada ao embarazo, parto ou lactación natural, ou por razóns de violencia de xénero ou de calquera tipo de acoso no traballo.

De acordo coa modificación da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, inclúese unha axuda que permite cubrir o custo da indemnización por remate do tempo convido do contrato laboral que asinen coas entidades beneficiarias as persoas seleccionadas ao abeiro desta convocatoria.

A duración destas axudas será dun máximo de 6 anos, dividida en dúas fases, cunha avaliación intermedia por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, en colaboración coa Axencia de Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), e sendo necesario obter unha avaliación positiva para o acceso á segunda fase da axuda.

Ademais, no caso das entidades beneficiarias do SUG, impulsarase a estabilización do persoal investigador que complete a súa etapa posdoutoral a través do compromiso por parte das entidades beneficiarias de crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanentes, conforme a lexislación vixente, as normas de organización e funcionamento, e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, sempre e cando se corresponda con algunhas das necesidades docentes ou investigadoras manifestadas polas entidades beneficiarias e as persoas contratadas e a través desta axuda posdoutoral obteñan a acreditación como investigador/a R3, catro meses despois do período de finalización da axuda.

Como novidade desta convocatoria:

• Increméntase o orzamento destinado ás estadías que se desenvolvan na zona 3 e a dotación económica para o desenvolvemento da liña de investigación propia;

• Concédese unha puntuación adicional para aquelas persoas candidatas que realizaron a lectura da tese de doutoramento nas universidades públicas galegas.

Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, para o que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobados polo Parlamento de Galicia.

Atendendo a estas consideracións xerais e en virtude das súas competencias, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional convoca as axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral para o ano 2026.

En consecuencia, e no uso das atribucións conferidas,

ACORDO:

Artigo 1. Obxecto da convocatoria

1. Esta orde establece as bases polas que se rexerá a concesión das axudas, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, de apoio á etapa de formación posdoutoral e procede á súa convocatoria (códigos de procedemento ED481B e IN606B).

2. O obxecto do Programa de apoio á etapa posdoutoral é outorgar axudas ás universidades públicas do Sistema universitario de Galicia (SUG), aos organismos públicos de investigación de Galicia, ás fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica-Inibic, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur), e aos centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia que contraten persoas tituladas superiores que obtiveron recentemente o título de doutora ou doutor para a súa formación nos seus centros, unidades ou departamentos, permitindo nunha primeira fase a mellora das súas capacidades mediante estadías de investigación posdoutoral no estranxeiro. Así mesmo, terá como finalidade darlle continuidade á súa carreira investigadora, nunha segunda fase da axuda, que posibilitará un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita, nun futuro, consolidar a súa traxectoria.

Artigo 2. Beneficiarios

1. Poderán ser entidades beneficiarias destas axudas as universidades públicas do SUG, os organismos públicos de investigación de Galicia, as fundacións públicas de investigación sanitaria de Galicia (Fundación Pública Galega Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica-Inibic, Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica Galicia Sur), e os centros do CSIC (Consello Superior de Investigacións Científicas) radicados en Galicia sempre que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato laboral de duración determinada con dedicación a tempo completo, de acordo co marco lexislativo actual, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á dita entidade.

2. Poderán acceder a estas axudas os organismos e as entidades sinaladas no parágrafo anterior que presenten como candidatas persoas co grao de doutoramento que cumpran na data límite de presentación de solicitudes as condicións que se indican a seguir:

a) Que a data de finalización dos estudos conducentes á obtención do título de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento sexa igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2015.

b) Estar en posesión do grao de doutoramento e que este fose obtido na data igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2021. Entenderase como data de obtención do título de doutoramento a data de lectura e aprobación da tese de doutoramento.

A data de obtención do título universitario oficial de doutoramento poderá ser anterior ao 1 de xaneiro de 2021, pero deberá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2019, no caso das persoas tituladas que acrediten fidedignamente algún dos seguintes supostos:

– Que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2019 e o 31 de decembro de 2020.

– Que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 por cento.

– Que interromperan a súa formación por causa dunha enfermidade grave ou que se dedicaran á atención de persoas maiores da familia en primeira liña parental.

No caso das persoas candidatas que estean en posesión de máis dun título de doutoramento, os requisitos expresados referiranse ao primeiro dos doutoramentos obtidos.

c) Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas persoas que teñan ou tivesen algún tipo de contrato de investigación posdoutoral dentro dunha convocatoria de recursos humanos correspondente á etapa posdoutoral. Inclúense nesta incompatibilidade, entre outras, as axudas posdoutorais de convocatorias de concorrencia competitiva de ámbito nacional ou autonómico.

E, en particular, non se admitirán:

– Contratos posdoutorais que recollan estadías en centros de investigación no estranxeiro de dous ou máis anos de duración, computado de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente, se as axudas e/ou contratos prevén o seu desenvolvemento en períodos fraccionados. Así mesmo, se o título de doutoramento foi obtido nunha universidade estranxeira, ademais de cumprir co disposto no artigo 7.c) destas bases, non se admitirán contratos posdoutorais de dous ou máis anos de duración computados de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente, se as axudas e/ou contratos prevén o seu desenvolvemento en períodos fraccionados.

– Axudas e/ou contratos posdoutorais no estranxeiro que prevexan ou teñan unha duración igual ou superior a dous anos, computado de xeito individual nun só período de dous ou máis anos de duración ou conxuntamente se a axuda e/ou o contrato prevé o seu desenvolvemento en períodos fraccionados; ou se a parte contratante e o obxecto deste son os mesmos en varios contratos sucesivos.

No caso das persoas candidatas que foron seleccionadas noutros programas de axudas posdoutorais e que non houbesen asinado o contrato, deberán entregar unha xustificación da non aceptación da axuda e/ou renuncia ante o organismo correspondente en que figure a data en que se produciu.

No anexo III indicado no artigo 7 destas bases deberán declararse todas as axudas, contratos e/ou estadías de carácter posdoutoral que a persoa candidata obtiver con anterioridade á presentación da solicitude de participación nestas axudas.

Artigo 3. Número, duración e importe das axudas

1. Poderanse conceder ata 49 axudas (a previsión inicial é de 40 nas universidades do SUG e 9 no resto de entidades beneficiarias), dun máximo de seis anos, que comezarán a partir 1 de setembro de 2026.

2. A duración das axudas estará dividida en dúas fases:

a) A primeira fase terá unha duración máxima de 3 anos. Esta fase ten como obxectivo a adquisición e o perfeccionamento das habilidades propias do persoal investigador doutor, mediante contratos cos axentes que conforman o sistema e permitindo a súa mobilidade internacional para mellorar a súa formación e capacitación.

b) A segunda fase terá un duración máxima de 3 anos. Esta fase ten como obxectivo darlle continuidade á súa carreira investigadora, posibilitando un perfeccionamento na súa formación e o establecemento dunha liña de investigación propia que lles permita consolidar a súa traxectoria. Para poder acceder a esta segunda fase, a persoa investigadora contratada deberá presentarse na terceira anualidade da axuda a unha avaliación científico-técnica que se realizará segundo o establecido no artigo 19. Cando a avaliación sexa positiva, e no marco das dispoñibilidades orzamentarias, a persoa investigadora accederá á segunda fase da axuda a través dun contrato de máximo tres anos de duración de maior contía e unha axuda complementaria para o establecemento da liña de investigación. No caso das entidades beneficiarias do SUG impulsarase tamén a creación de postos de traballo de carácter estable nos termos e condicións establecidos nesta convocatoria.

A prórroga do contrato nesta segunda fase deberá desenvolverse na mesma entidade e pola mesma área en que a persoa contratada desenvolveu o seu contrato na primeira fase de formación posdoutoral. Non se autorizarán cambios de praza e área durante a vixencia do contrato, agás por circunstancias sobrevidas de forza maior correctamente xustificadas.

3. Para as universidades do SUG, o número de axudas concedidas para cada rama de coñecemento (Artes e Humanidades; Ciencias; Ciencias da Saúde; Ciencias Sociais e Xurídicas, e Enxeñaría e Arquitectura) non será inferior ao 10 % do total das axudas convocadas para o SUG, sempre que o número de solicitudes avaliadas favorablemente o permita.

4. Do número total de axudas que se convocan, resérvanse 3 no ámbito das universidades do SUG e 1 no ámbito das demais entidades para a contratación de persoas investigadoras cunha discapacidade igual ou superior ao 33 %. De existir axudas non cubertas no grupo de reserva, acumularanse ao grupo xeral.

5. Durante os tres primeiros anos da axuda (primeira fase), o importe das axudas é o seguinte:

– Un total de 32.800 euros brutos anuais en concepto de salario e custos sociais.

– Un complemento por cada mes de estadía, denominado «complemento de estadía», de:

a) 1.000 euros se o destino da estadía está en Portugal ou Andorra (zona 1).

b) 2.000 euros se o destino da estadía está en Europa (agás Portugal ou Andorra), África ou América, agás EUA e Canadá (zona 2).

c) 3.000 euros se o destino da estadía está nos EUA, Canadá, Asia ou Oceanía (zona 3).

– Un complemento a cada unha das entidades, que se establece en 1.500 euros anuais por cada persoa contratada con cargo a estas axudas, denominado «complemento de entidades 1». Este complemento ten por obxecto cubrir, ademais dos gastos asociados á contratación, os custos para cada persoa contratada da subscrición dun seguro de accidentes, de responsabilidade civil e, cando se trate de países sen concerto coa Seguridade Social española ou cando as coberturas deste concerto fosen insuficientes, un seguro de asistencia médica cuxo ámbito de cobertura inclúa o país de destino. Estes seguros deberán cubrir os períodos efectivos de estadía.

No caso de que, por causa dunha renuncia antes do día establecido no artigo 18.2, se produza unha nova adxudicación procedente das listas de agarda, o complemento indicado neste número pasará a formar parte do orzamento concedido á entidade beneficiaria da nova axuda.

Durante a segunda fase da axuda, no seu caso, tras obter a avaliación positiva que acredite o seu acceso a esta fase, o importe total máximo da axuda é de 51.900 euros anuais cada unha delas, de acordo coa seguinte desagregación:

a) Un total de 39.900 euros anuais, incluíndo neste importe a retribución bruta anual e o pagamento dos custos sociais.

b) Unha axuda complementaria por cada persoa contratada para o establecemento dunha liña propia de investigación, denominado «Complemento liña», coa seguinte desagregación por anualidades: 4.000 euros en 2029, 11.000 euros en 2030, 11.000 euros en 2031 e 7.000 euros en 2032.

c) Un complemento a cada unha das entidades beneficiarias que se establece en 1.000 euros anuais, denominado «Complemento de entidades 2», por cada persoa contratada con cargo a estas axudas para cubrir os gastos asociados á contratación.

No caso de que, por causa dunha renuncia antes da data establecida no artigo 17.2, se produza unha nova adxudicación procedente das listas de agarda, este complemento corresponderalle á entidade beneficiaria da nova axuda.

d) En aplicación do artigo 22.1, letra g) da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, á finalización do contrato por expiración do tempo convido, a persoa traballadora terá dereito a percibir unha indemnización de contía equivalente á prevista para os contratos de duración determinada no artigo 49 do texto refundido da Lei do estatuto dos traballadores. Para cubrir o custo da indemnización ao remate do contrato, incluirase unha axuda total máxima de 7.200 euros.

No caso de que a persoa investigadora contratada non supere a avaliación prevista ao termo da primeira fase, a indemnización ascenderá a un total máximo de 3.250 euros e aboarase co último pagamento desa fase da axuda.

Se a entidade beneficiaria formaliza un contrato que implique unha contía superior á estipulada deberá achegar a diferenza.

6. En ningún caso lle serán esixibles á Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ou á Axencia Galega de Innovación máis obrigas que o cumprimento das condicións da subvención ou axuda nos termos sinalados nesta convocatoria.

7. Para que estes contratos sexan financiables será preciso que as persoas contratadas permanezan un mínimo de tres meses no programa.

8. Os importes das axudas anuais indicadas anteriormente, cando así proceda, modificaranse proporcionalmente en función do número de meses de contrato.

Artigo 4. Conceptos subvencionables

1. Na primeira fase da axuda, os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria, que son:

Pagamento dos contratos, custos sociais, complementos de estadías, complementos a cada entidade beneficiaria por persoa contratada e indemnizacións pola finalización do contrato por expiración do tempo convido.

Os complementos de estadías terán por obxecto compensar os gastos de locomoción, manutención e vivenda derivados das estadías no estranxeiro.

Soamente serán financiables os contratos das persoas investigadoras que permanezan un mínimo de tres meses no programa, polo que non hai ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas persoas contratadas menos de tres meses.

2. Na segunda fase da axuda, os importes das axudas só poderán ir destinados ao financiamento das actividades necesarias para o desenvolvemento desta convocatoria.

Os gastos que se consideran elixibles, asociados á creación dunha liña de investigación propia, son os seguintes:

a) Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar. Custo de contratación de persoal investigador ou auxiliar de investigación sempre que non estean vinculados funcionarial ou estatutariamente coa entidade que o contrate. Esta contratación non creará ningún compromiso en canto a súa posterior incorporación á entidade beneficiaria. Inclúese o custo de persoal dedicado de xeito específico ás funcións de xestión, así como o cofinanciamento das persoas contratadas ao abeiro de convocatorias competitivas dos programas estatais de recursos humanos.

A contratación deste persoal investigador ou auxiliar poderá financiarse con outras axudas, pero soamente poderán imputarse a esta convocatoria os custos non cubertos polas ditas axudas. De acordo coa normativa aplicable, o financiamento deste gasto en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos non poderá superar o custo da súa contratación.

b) Pequeno equipamento inventariable e material funxible (ordenadores, tablets..). Non se considerarán elixibles os teléfonos móbiles.

c) Material bibliográfico, cotas de coloquios e congresos e adhesión a sociedades científicas. Non se considerarán elixibles os gastos derivados da realización de publicacións científicas.

d) Viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda, sempre que a contía non exceda o 20 % da axuda concedida anualmente.

e) Ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.

f) Gastos de servizos tecnolóxicos externos.

g) Gastos de auditoría.

h) Custos indirectos ou gastos xerais que regulamentariamente lle exixen as entidades á persoa contratada, que non superarán o 20 % da axuda debidamente xustificada anualmente.

3. No caso de modificacións nos gastos elixibles da liña de investigación propia (2ª fase da axuda):

a) Cando non se altere o importe total anual da axuda e sempre que estes cambios non atinxan as epígrafes d) e h) do punto anterior deste artigo, soamente será obrigatorio que as entidades beneficiarias remitan un breve informe destes cambios.

b) Para o resto dos casos será precisa a petición de modificación dos orzamentos.

En calquera dos supostos citados nos puntos anteriores, as entidades beneficiarias deberán presentar a documentación correspondente ante a Secretaría Xeral de Universidades ou a Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, de acordo co establecido no artigo 9 destas bases.

Artigo 5. Características dos períodos de mobilidade e de permanencia no Sistema galego de i+D+i na primeira fase da axuda

1. Os períodos de estadía no estranxeiro deberán aterse ás seguintes normas:

a) Deberá presentarse un plan completo para o período cunha relación detallada das datas e dos centros de destino. Ademais das sinaturas da persoa que vai realizar a estadía e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente, deberanse xuntar as cartas de aceptación, asinadas por persoas con capacidade para iso, de cada un dos centros de destino.

b) A duración do período total de desenvolvemento das estadías será dun mínimo de 20 meses e dun máximo de 24 meses de forma continuada. Este período terá as seguintes características:

1. Cada estadía desenvolvida nun centro de investigación diferente (que poderá ser na mesma zona ou en zonas distintas) deberá ter unha duración mínima de 12 meses e máxima de 24 meses. Desta maneira, no caso de fragmentar o desenvolvemento das estadías de acordo co indicado neste parágrafo, deberanse realizar como mínimo dúas estadías de 12 meses cada unha.

2. No caso de non fragmentar o período da estadía, esta terá unha duración mínima de 20 meses e máxima de 24 meses.

3. O cómputo será por meses completos, que necesariamente terán que comezar o primeiro día do mes e finalizar o último día do mes correspondente.

4. As estadías deberán desenvolverse durante o período comprendido entre febreiro de 2027 e xaneiro de 2029.

Non obstante, no caso de axudas concedidas cunha data de inicio do contrato posterior ao ano 2026 polas causas previstas nesta convocatoria, ou no caso de interrupcións dos contratos que afecten o desenvolvemento das axudas, as estadías poderán desenvolverse no período que indiquen as resolucións correspondentes.

c) A persoa contratada non poderá realizar as estadías no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente, ou o do doutoramento que lle deu acceso ao programa.

d) As estadías deberán suxeitarse á normativa interna das entidades beneficiarias.

e) O Plan de estadías inicial poderá modificarse sempre que se respecte a zona xeográfica en que se realiza e que a entidade beneficiaria o autorice. Esta modificación poderá ser autorizada, unicamente por circunstancias excepcionais correctamente xustificadas, segundo corresponda, pola Secretaría Xeral de Universidades ou pola Axencia Galega de innovación. En todas as modificacións deberá constar no expediente rastrexabilidade documental dos cambios mediante sucinta motivación, nova periodización, cartas de aceptación dos novos centros de destino e autorización da entidade beneficiaria. Non obstante, este cambio poderá implicar unha valoración negativa no seguimento científico-técnico de avance intermedio, que dá acceso á segunda fase da axuda, se o equipo avaliador considera que o cambio de centro estranxeiro provocou un descenso da calidade do plan de estadía inicialmente proposto e, polo tanto, do Plan de traballo xeral da axuda.

f) Naqueles casos en que, polas citadas circunstancias excepcionais correctamente xustificadas, sexa preciso modificar o Plan de estadías no estranxeiro de tal xeito que afecte a zona xeográfica e/ou o período de desenvolvemento destas, rexerá todo o sinalado no parágrafo anterior pero a axuda concedida non poderá incrementarse por traslado a unha zona de maior importe e minorarase naqueles casos de traslado a zonas de menor importe. En todo caso, o período do desenvolvemento das estadías deberá axustarse ao período do desenvolvemento da axuda concedido pola resolución correspondente.

2. No que respecta aos períodos de permanencia nas entidades beneficiarias, o contrato deberá aterse ás seguintes normas:

a) A persoa contratada desenvolverá o seu traballo na entidade, grupo e departamento (ou equivalentes) polos que realizou a solicitude de axuda.

b) Unicamente por circunstancias excepcionais correctamente xustificadas poderá autorizarse un cambio de destino ou área na entidade beneficiaria con respecto ao solicitado. Para estes efectos, a entidade beneficiaria deberá solicitar o cambio mediante un escrito motivado, xunto coa petición da persoa contratada e o visto e prace das persoas responsables ou coordinadoras do grupo a que inicialmente foi asignada e do novo grupo de acollida (ou equivalentes), dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, que resolverán ao respecto.

Artigo 6. Forma e lugar de presentación de solicitudes

1. As entidades solicitantes presentarán as solicitudes de maneira individualizada para cada unha das persoas candidatas propostas. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través dos formularios normalizados ED481B para as universidades do SUG (anexo II) e IN606B para as demais entidades (anexo II.bis), dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal

2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requirirase para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica das solicitudes poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

3. O prazo de presentación de solicitudes para os dous procedementos será dun mes que contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, será necesaria a sinatura electrónica con certificados recoñecidos ou cualificados dos documentos que deban asinar as persoas representantes das entidades solicitantes e as persoas candidatas propostas. O anexo IV da convocatoria, así como as cartas de aceptación dos centros estranxeiros para a realización das estadías, poderán ser asinadas de forma manuscrita, e debe figurar a dita sinatura xunto co selo do centro correspondente; ou mediante sinatura electrónica con certificado recoñecido ou cualificado.

4. Cada persoa soamente poderá ser presentada como candidata por unha única entidade beneficiaria e sempre e cando cumpra os requisitos exixidos.

5. De presentarse máis dunha solicitude da mesma entidade para unha mesma persoa candidata, terase en conta a última solicitude presentada e considerarase que se desiste das outras.

6. Como se trata dun procedemento de concorrencia competitiva, non se admitirán melloras da solicitude referidas a novos méritos, transcorrido o prazo de presentación destas. A valoración e priorización das solicitudes levaranse a cabo exclusivamente en relación coa información e documentación achegada nestas, nas melloras realizadas no prazo e en resposta aos requirimentos oportunos ou ás situacións ou méritos non acreditados suficientemente que se indicarán nas listas de solicitudes admitidas e excluídas.

7. Todas as sinaturas deben ser electrónicas con certificados electrónicos recoñecidos ou cualificados, salvo causas correctamente xustificadas, para as cales se aceptarán sinaturas manuscritas.

8. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe á solicitude da axuda ou que conste nunha declaración responsable comportará a inadmisión da solicitude da axuda e será causa de resolución da axuda se se ten constancia despois da súa concesión.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar con cada solicitude a seguinte documentación, que é común para os dous procedementos:

a) Documento asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o anexo III, no cal se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que acepta ser presentada como candidata ás axudas, indicando que se presenta por unha única entidade solicitante no ámbito desta convocatoria, e no cal se faga constar a rama de coñecemento e a área temática ás cales se adscribe, así como a declaración opcional do compromiso de utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

– Que non ten ningún tipo de incompatibilidade respecto do indicado no artigo 2.2.c) desta convocatoria.

– Que o Plan de estadías que se propón non se desenvolve no país de nacemento, no de nacionalidade, naquel en que obtivo o título de licenciatura, grao ou equivalente, ou o do doutoramento que lle deu acceso ao programa.

– Que se compromete a manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, se é o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda con fins estatísticos.

O arquivo denominarase «Anexo III».

b) Documento asinado pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación, ou equivalente, que acepte a persoa candidata a ser destinataria da axuda no seo do equipo de traballo (anexo IV). Este documento tamén deberá ser asinado pola persoa directora do departamento, unidade de traballo ou equivalente e manifestar a súa conformidade para a integración da persoa candidata na unidade correspondente. No caso de que sexan a mesma persoa, deberán facelo constar no dito documento. O arquivo denominarase «Anexo IV».

c) Declaración da entidade solicitante na cal se faga constar en que universidade e con que data obtivo a persoa candidata o grao de doutoramento, así como a titulación de licenciatura, grao ou equivalente que lle deu acceso ao doutoramento e a data de finalización destes estudos. O arquivo denominarase «Declaración de doutoramento».

No caso de que o título de doutoramento fose obtido no estranxeiro, deberá estar homologado ou ser equivalente segundo o establecido no Real decreto 889/2022, do 18 de outubro, polo que se establecen as condicións e os procedementos de homologación, de declaración de equivalencia e de validación de ensinanzas universitarias de sistemas educativos estranxeiros, e polo que se regula o procedemento para establecer a correspondencia ao nivel do Marco español de cualificacións para a educación superior dos títulos universitarios oficiais pertencentes a ordenacións académicas anteriores. Para os efectos sinalados neste punto terase en conta a data de defensa da tese, non a data da homologación ou equivalencia.

Nestes casos, deberá achegarse copia da homologación ou equivalencia. O arquivo denominarase «Homologación» ou «Equivalencia».

d) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda nun modelo normalizado, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/. O arquivo denominarase «Currículo-CV».

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación de solicitudes. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

e) Un arquivo PDF precedido dun índice no cal, en relación co CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se desexen alegar, así como as ligazóns ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou ligazóns achegados neste arquivo. O arquivo denominarase «Méritos».

f) Plan de traballo das actividades que se propoñen realizar durante os tres primeiros anos da axuda (primeira fase). O Plan de traballo terá unha extensión de 1.200-2.000 palabras, deberá indicar o título do proxecto de investigación e estará asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente. O arquivo denominarase «Plan de traballo».

O Plan de traballo deberá estar redactado en galego ou castelán. Se o documento orixinal está redactado noutro idioma distinto, deberá xuntarse unha tradución deste.

g) Plan de estadía detallado, do cal haberá un modelo dispoñible na internet nos enderezos https://www.edu.xunta.gal e https://gain.xunta.gal, no cal se indiquen os períodos de estadía previstos, a súa duración e os centros de destino escollidos, así como unha xustificación da importancia e relevancia internacional dos centros e grupos de destino para o traballo que se vai desenvolver. Este plan terá que estar asinado pola persoa candidata a ser destinataria da axuda e a persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente que figura na solicitude. Para cada centro ou centros de destino engadirase unha carta de aceptación da estadía, de acordo co indicado no punto h) deste mesmo punto, asinada obrigatoriamente pola persoa directora do centro estranxeiro ou figura equivalente con atribucións na área directiva de recursos humanos. O arquivo denominarase «Plan de estadía».

O Plan de estadía deberá estar redactado en galego ou castelán. Se o documento orixinal está redactado noutro idioma distinto, deberá xuntarse unha tradución deste.

h) Carta de aceptación da estadía para cada centro ou centros de destino, asinada obrigatoriamente pola persoa directora do centro estranxeiro ou figura equivalente con atribucións na área directiva de recursos humanos.

i) Documentación que acredite os supostos de excepcionalidade previstos no artigo 2.2.b) desta orde sobre a data de obtención do título de doutoramento, se é o caso, incluído o certificado de discapacidade da persoa candidata se non está expedido pola Xunta de Galicia. O arquivo denominarase «Excepcionalidade».

j) Documentación que acredite os permisos de nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación natural e incapacidade temporal asociada ao embarazo, parto ou lactación natural, ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no traballo no período comprendido entre os 5 anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3. O arquivo denominarase «Permisos».

k) Certificado da entidade solicitante que indique a integración da persoa candidata nalgún grupo, centro, unidade, equipo ou equivalente que coincida con algunha das epígrafes do artigo 12.2. O certificado deberá indicar a convocatoria na cal obtivo o financiamento. Tamén deberá indicar se está integrado nalgún Campus de Especialización acreditado pola Xunta de Galicia. Deberá estar asinado pola persoa representante da entidade solicitante e pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente. O arquivo denominarase «Integración».

l) No caso de que a persoa candidata realizara a lectura da tese nunha universidade pública galega, certificado da dita entidade que acredite esta cuestión. O arquivo denominarase «Tese Galicia».

m) No caso de que a persoa candidata fose beneficiaria dunha axuda predoutoral no marco dos procedementos ED481A e IN606A e que lera a tese de doutoramento ao longo da duración do financiamento do seu contrato por un dos ditos programas, deberá achegar unha declaración responsable (segundo o modelo publicado na páxina web da Secretaría Xeral de Universidades e da Axencia Galega de Innovación) en que faga constar esta cuestión e o ano de concesión da axuda. O arquivo denominarase «Carreira».

2. De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán solicitados por medios electrónicos a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

3. De forma excepcional, se non se puideran obter os citados documentos, poderá solicitárselle novamente á persoa interesada a súa achega.

4. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. No caso de que algún dos documentos que se van presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación destes dous procedementos consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) DNI ou NIE da persoa representante da entidade solicitante.

b) DNI ou NIE da persoa candidata á axuda.

c) Certificado de estar ao día nas obrigas tributarias coa Axencia Estatal da Administración Tributaria da entidade solicitante.

d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social da entidade solicitante.

e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración Pública da Comunidade Autónoma da entidade solicitante.

f) Informe de vida laboral da persoa candidata.

Consultaranse, ademais, os seguintes datos cando a persoa interesada faga constar na solicitude que lle é de aplicación a circunstancia que acredita o documento correspondente:

– Certificado de discapacidade emitido pola Xunta de Galicia da persoa candidata..

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos poderase solicitar das persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as entidades solicitantes deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser realizados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia. Obrigatoriamente faranse a través do procedemento ED481B ou IN606B e por cada expediente.

Artigo 10. Instrución do procedemento

1. A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Secretaría Xeral de Universidades para as solicitudes presentadas por unha universidade do SUG e á Axencia Galega de Innovación para as restantes. Para este fin comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán as listas de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas da exclusión, na internet nos enderezos https://www.edu.xunta.gal (na epígrafe da Secretaría Xeral de Universidades) e https://gain.xunta.gal

Debido a que, tanto as propostas de concesión como as listas de espera son independentes para cada órgano instrutor, non existe concorrencia entre as axudas tramitadas pola Secretaría Xeral de Universidades e a Axencia Galega de Innovación.

2. Estas listas estarán expostas por un período de 10 días hábiles e durante este prazo as entidades solicitantes poderán formular reclamacións para emendar erros ou falta de documentos das persoas interesadas ante a Secretaría Xeral de Universidades, no caso das universidades do SUG, ou ante a Dirección da Axencia Galega de Innovación, nos demais casos, para o cal presentarán a documentación oportuna. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas da exclusión, considerarase que a entidade solicitante desiste da súa petición nos termos establecidos no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, poderá requirirse á entidade solicitante para que achegue cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución dos procedementos.

4. Unha vez transcorrido o prazo para as emendas ou alegacións, as persoas titulares da Secretaría Xeral de Universidades e da Dirección da Axencia Galega de Innovación ditarán unha resolución pola que se aproban as listas definitivas das solicitudes admitidas e excluídas, que se publicarán na internet nos enderezos https://www.edu.xunta.gal e
https://gain.xunta.gal

5. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no caso de solicitudes do SUG, ou ante a Presidencia da Axencia Galega de Innovación, nos demais casos, segundo o disposto nos artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

6. Non axustarse aos termos desta convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de inadmisión da solicitude presentada, con independencia de que se poidan acordar outro tipo de actuacións.

7. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

Artigo 11. Avaliación das solicitudes

1. A avaliación das solicitudes realizarase para cada rama de coñecemento e área temática sinaladas nas solicitudes, segundo as valoracións feitas por un equipo avaliador que estará formado por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, que poderá contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), a partir da documentación indicada no artigo 7 desta orde.

2. O equipo avaliador outorgaralle a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda segundo o baremo indicado no anexo I –primeira fase–, e será preciso obter unha puntuación igual ou superior a 60 puntos.

3. Co fin de dar cumprimento ao artigo 51 da Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia, para garantir a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, no caso das persoas candidatas que acrediten que desfrutaron de permisos de nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación natural e incapacidade temporal asociada ao embarazo, parto ou lactación natural, ou por razóns de violencia de xénero ou de calquera tipo de acoso no traballo no período comprendido entre os cinco anos anteriores á data de lectura da tese e á data de peche de presentación de solicitudes, a puntuación obtida na avaliación incrementarase co resultado de aplicar o seguinte factor de corrección ás puntuacións obtidas nas epígrafes 1, 2 e 3 do anexo I, que son as que recollen os méritos de investigación das persoas candidatas, tomando como ano de inicio do cómputo para os efectos desta orde cinco anos antes da data de defensa da tese de doutoramento:

(b/a)×suma das puntuacións obtidas nas epígrafes 1, 2 e 3 do anexo I

Onde:

a) Período de actividade investigadora: medirase tendo en conta o período comprendido entre os cinco anos anteriores á lectura da tese de doutoramento fixada no artigo 2.2.b) e o momento de peche da convocatoria, expresado en meses e redondeando á alza as fraccións do último mes incompleto.

b) Período de inactividade investigadora: será a suma dos períodos dos permisos e/ou da incapacidade temporal que se acrediten polos motivos descritos neste artigo. O número de meses de inactividade será o resultado de dividir o número de días destes períodos entre 30, redondeando á alza a última fracción de mes incompleto.

4. No ámbito das universidades do SUG, as solicitudes recibidas agruparanse na correspondente rama de coñecemento: artes e humanidades, ciencias, ciencias da saúde, ciencias sociais e xurídicas e enxeñaría e arquitectura.

As persoas candidatas ordenaranse por orde decrecente de puntuación final respectando a porcentaxe de prazas establecida para cada rama de coñecemento no artigo 3.3 desta convocatoria.

5. No ámbito das demais entidades do artigo 2.1, as solicitudes ordenaranse por orde decrecente de puntuación final.

6. Os resultados desta avaliación faranse chegar á Comisión de Selección, que elaborará unha acta, que servirá como informe para os órganos instrutores en función dos criterios establecidos nesta convocatoria e da dispoñibilidade de recursos.

Artigo 12. Comisión de Selección

1. A Comisión de Selección estará constituída por cinco membros:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Promoción Científica e Tecnolóxica Universitaria da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa en que delegue, ou a persoa titular da Dirección da Área de Xestión da Axencia Galega de Innovación ou persoa en que delegue, que actuará como presidenta ou presidente da comisión.

Serán vogais da comisión:

– A persoa titular da Subdirección Xeral de Universidades da Secretaría Xeral de Universidades, ou persoa que a substitúa.

– Unha directora ou un director de área da Axencia Galega de Innovación ou persoa que a substitúa.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa que a substitúa.

– Unha xefa ou un xefe de servizo da Secretaría Xeral de Universidades ou persoa que a substitúa, que actuará como secretaria ou secretario da comisión.

2. A selección das persoas destinatarias das axudas realizarase a partir da suma das valoracións feitas por un panel avaliador e pola Comisión de Selección. Para aquelas solicitudes que superen a puntuación mínima indicada no artigo 11.2, a Comisión de Selección poderá asignar ata un máximo de 8 puntos, de acordo coa seguinte desagregación:

2.1. Para as solicitudes das universidades do SUG:

Puntuacións non acumulables:

– Pertenza da persoa candidata a un grupo con potencial de crecemento que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2023 a 2025: 1 punto.

– Pertenza a un grupo de referencia competitiva que contase con financiamento nalgunha das convocatorias de 2022 a 2025: 2,5 puntos.

– Pertenza a un equipo de investigación dirixido por persoal investigador baixo a modalidade de investigador distinguido contratado pola Axencia Galega de Innovación (programa Oportunius), ao abeiro do Decreto 64/2016 (DOG número 112, do 14 de xuño), polo que se regula o réxime de contratación pola Axencia Galega de Innovación de persoal investigador baixo a modalidade de persoal investigador distinguido: 2,5 puntos.

– Pertenza a un centro colaborativo recoñecido pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no ano 2024: 3,5 puntos.

– Pertenza a un grupo de investigación do que forme parte unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC): 3,5 puntos.

– Pertenza a unha unidade de excelencia María de Maeztu acreditada pola Axencia Estatal de Investigación ou a un centro de excelencia Severo Ochoa, radicados en Galicia e con axuda vixente: 5 puntos.

– Pertenza a un centro de investigación (salvo os centros colaborativos) acreditado en excelencia pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no ano 2024: 5 puntos.

Estas puntuacións non son acumulativas, de maneira que no caso de que se cumpran condicións de máis dunha epígrafe soamente se puntuará pola de maior puntuación.

Puntuación acumulable:

– Pola pertenza do grupo, equipo, unidade ou centro (indicado na puntuación non acumulable) a un campus de especialización acreditado pola Xunta de Galicia: 2 puntos a maiores sen superar o máximo de 8 puntos que a Comisión de Selección pode asignar.

– Pola lectura da tese nunha universidade pública galega: 2 puntos a maiores. Se é beneficiaria dunha axuda predoutoral no marco dos procedementos ED481A e IN606A e lera a tese no período da axuda, engadiríase 1 punto a maiores, sendo 3 puntos o máximo desta epígrafe e sempre sen superar o máximo de 8 puntos que a Comisión de Selección pode asignar.

2.2. No caso de solicitudes presentadas polas demais entidades indicadas no artigo 2.1, o grupo de investigación ou equivalente no cal se vai integrar a persoa candidata deberá coincidir con algunha das seguintes epígrafes:

Puntuacións non acumulables:

– Participar no desenvolvemento de proxectos concedidos pola Axencia Galega de Innovación para a realización de actividades de I+D+i entre os anos 2022 e 2025: 1,5 puntos.

– Ser beneficiario de actividades financiadas pola Axencia Galega de Innovación entre os anos 2022 e 2025: 3,5 puntos.

– Que forme parte do grupo de investigación unha persoa investigadora beneficiaria dunha axuda do Consello Europeo de Investigación (ERC): 3,5 puntos.

– Ser a persoa investigadora principal dalgún proxecto concedido polo Plan nacional de I+D+i entre os anos 2022 e 2025. A entidade beneficiaria deste proxecto, ou proxectos, deberá ser a mesma que a entidade solicitante destas axudas: 4 puntos.

– Participar no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2022 e 2025, no cal a entidade solicitante participase en calidade de socia: 4 puntos.

– Participar no desenvolvemento dalgún proxecto concedido polo Programa marco de I+D da Unión Europea, entre os anos 2022 e 2025, no cal a entidade solicitante participase en calidade de líder: 5 puntos.

Estas puntuacións non son acumulativas, de maneira que no caso de que se cumpran as condicións de máis dunha epígrafe, soamente se puntuará pola de maior puntuación.

Puntuación acumulable:

– Pola lectura da tese nunha universidade pública galega: 2 puntos a maiores. Se é beneficiaria dunha axuda predoutoral no marco dos procedementos ED481A e IN606A e lera a tese no período da axuda, engadiríase 1 punto a maiores, sendo 3 puntos o máximo desta epígrafe e sempre sen superar o máximo de 8 puntos que a Comisión de Selección pode asignar.

3. Tendo en conta os puntos anteriores, a Comisión de Selección elaborará un informe para os órganos instrutores que será a acta ou actas das súas reunións, no cal fará constar de xeito individualizado as entidades beneficiarias, xunto coa prelación das persoas candidatas a seren destinatarias das axudas, especificando a avaliación que lles corresponde segundo os criterios establecidos no anexo I e respectando en todo caso o establecido nos artigos 3.2 e 3.3.

4. Complementariamente, a Comisión de Selección incluirá na acta un total de dúas listas de agarda (unha por cada órgano instrutor), nas cales figurarán, por orde decrecente de puntuación, as solicitudes que non acaden a puntuación suficiente para seren adxudicatarias da axuda pero que teñan unha puntuación igual ou superior á mínima establecida pola Comisión de Selección. Cada unha das listas estará formada por un número equivalente ao 50 % das axudas concedidas por cada órgano instrutor, sempre que o número de solicitudes presentadas e que superen a avaliación o permita. Para a elaboración destas listas non se terán en conta as limitacións recollidas no artigo 3.3 desta convocatoria relativas á distribución por ramas de coñecemento.

5. En caso de igualdade de puntuación, aplicaranse os seguintes criterios de desempate:

1º. Prevalecerán as mulleres sobre os homes.

2º. A solicitude da persoa candidata que obteña maior puntuación na valoración do Plan de traballo.

3º. A solicitude da persoa candidata que se comprometese a utilizar a lingua galega na memoria final da actividade.

4º. A solicitude da persoa candidata que obtivese con anterioridade o título de doutoramento polo que foi avaliada.

6. A acta recollerá as persoas asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e o tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, referencia ás solicitudes admitidas, as valoracións das solicitudes admitidas segundo o artigo 12, xunto cos desempates e as demais incidencias, e o contido dos acordos adoptados. Os anexos da acta incluirán a listaxe das solicitudes propostas para a concesión e, de ser o caso, as listas de agarda por órgano instrutor.

Artigo 13. Proposta de resolución de concesión

Os órganos instrutores formularán a proposta de resolución a partir da acta da comisión, que servirá como informe.

A proposta de resolución incluirá, para cada entidade beneficiaria, a relación das solicitudes e as persoas candidatas seleccionadas, co importe da axuda concedida, e a lista de agarda, de ser o caso, e a desestimación expresa do resto das solicitudes. Con cargo aos créditos da Secretaría Xeral de Universidades financiaranse as axudas correspondentes ás universidades do SUG e a Axencia Galega de Innovación asumirá o financiamento das demais entidades indicadas no artigo 2.1.

A proposta de concesión poderase publicar na internet, nas epígrafes de axudas
https://www.edu.xunta.gal e https://gain.xunta.gal. Esta publicación terá só efectos informativos.

Artigo 14. Resolución de concesión das axudas

1. A competencia para resolver estas axudas correspóndelles conxuntamente á persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades, por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional para as axudas do SUG, e á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación, por delegación da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación para as restantes axudas.

2. A resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (https://edu.xunta.gal) e da Axencia Galega de Innovación (https://gain.xunta.gal), pola cal se entenderán notificadas para todos os efectos as persoas solicitantes, de conformidade co artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

3. Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, no caso de solicitudes pertencentes ao SUG, e ante a persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación nos restantes casos, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da publicación da resolución no DOG.

4. A resolución publicarase no prazo máximo de cinco meses desde o inicio do prazo de presentación de solicitudes. A non resolución no prazo faculta as persoas interesadas para entenderen desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Artigo 15. Notificacións

1. As notificacións das resolucións e actos administrativos efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, e rexeitadas cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 16. Aceptación da axuda

1. Unha vez asinada a resolución, as universidades beneficiarias deberán remitir á Secretaría Xeral de Universidades e as restantes entidades á Axencia Galega de Innovación un escrito de aceptación da axuda no prazo de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG e vincularán as persoas seleccionadas aos seus organismos mediante a formalización do correspondente contrato de acceso de persoal investigador doutor.

2. O contrato deberá ter unha duración de tres anos, cunha prórroga por outros tres anos unha vez superada a avaliación intermedia. Nos contratos deberá facerse referencia expresa:

a) Ao seu financiamento con cargo ao Programa de apoio á etapa de formación posdoutoral da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ou da Axencia Galega de Innovación, segundo o caso.

b) Á data de incorporación efectiva da persoa contratada ao seu posto de traballo.

c) Á retribución bruta anual, ao lugar da prestación do servizo e á duración do contrato, que será de tres anos e con dedicación a tempo completo.

3. A addenda ou prórroga ao contrato que comporta a superación da avaliación intermedia será polo tempo máximo regulado no artigo 22 da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación, facendo constar na addenda ou prórroga o sinalado no punto anterior para os contratos.

No ámbito do SUG, na addenda ou prórroga ao contrato que se asine na fase 2, no caso de superar a avaliación intermedia, deberá recollerse, no seu caso, o compromiso de crear os postos de traballo permanentes, tras a finalización da prórroga, cun perfil igual ás axudas outorgadas, que cumpran as seguintes condicións:

– O perfil da axuda concedida se corresponda cunha das necesidades docentes e investigadoras sinaladas polas entidades solicitantes como estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto segundo o documento presentado ao abeiro do artigo 19.3.

– A persoa seleccionada para a axuda supere a avaliación final establecida no artigo 19 desta convocatoria e obteña o certificado R3 catro meses despois do período de finalización da axuda, conforme á Orde CIN/1025/2022, do 27 de outubro, ou norma equivalente que a substitúa.

Estes postos de traballo crearanse conforme á lexislación vixente, ás normas de organización e funcionamento, e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias:

4. A data de comezo dos contratos de acceso de persoal investigador doutor, que se establecerá na resolución de adxudicación das axudas, será en todo caso o 1 de setembro de 2026, agás para as persoas non comunitarias que poderá ser ata o 1 de decembro de 2026.

5. A data de sinatura do contrato e do seu comenzo poderán aprazarse por causas debidamente xustificadas. O aprazamento deberá ser solicitado pola entidade beneficiaria cunha adecuada xustificación da súa necesidade e deberá acompañarse do informe positivo desta respecto das motivacións alegadas. A dita solicitude de aprazamento presentarase ante o órgano instrutor que corresponda (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación), que autorizará expresamente se procede.

A non formalización do contrato dentro do prazo e dos supostos previstos neste punto considerarase unha renuncia tácita á axuda.

Artigo 17. Dereitos e obrigas

1. Son obrigas xerais da entidade beneficiaria, respecto desta convocatoria e das persoas seleccionadas, sen prexuízo das derivadas da relación laboral que se estableza:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Manter unha pista de auditoría suficiente e manter de forma separada na contabilidade os ingresos da axuda percibida, así como os custos directos de persoal, e conservar toda a documentación relativa á subvención e ás persoas participantes durante un período de tres anos.

c) Formalizar un contrato de acceso de persoal investigador doutor de duración determinada con dedicación a tempo completo coa persoa candidata seleccionada, de acordo coa lexislación vixente.

d) Proporcionarlles o apoio necesario e facilitarlles a utilización dos medios, instrumentos ou equipamentos que resultan precisos para o normal desenvolvemento da súa actividade.

e) Garantirlles os dereitos e prestacións dos que desfruta o persoal da entidade de similar categoría.

f) Permitirlles a súa integración naqueles departamentos en que leven a cabo o seu labor. Os centros onde se integren estarán obrigados a garantirlles os dereitos e prestacións que ten o persoal do centro de similar categoría co obxecto de que cumpran as súas obrigas.

g) Cumprir coas obrigas en materia de igualdade de xénero establecidas no marco normativo en vigor que lles sexa de aplicación e, moi especialmente, aquelas incluídas na Lei 7/2023, do 30 de novembro, para a igualdade efectiva de mulleres e homes de Galicia e na Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

h) Soamente no ámbito do SUG, crear, tras a finalización do contrato, postos de traballo permanentes cun perfil e número adecuado ás prazas cubertas, conforme a lexislación vixente, as normas de organización e funcionamento, e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, sempre e cando se cumpran estas condicións:

– Que o perfil da axuda concedida se corresponda cunha das necesidades docentes e/ou investigadoras consideradas estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto sinaladas no documento presentado ao abeiro do artigo 19.3.

– Que a persoa seleccionada para a axuda supere a avaliación intermedia e final establecida no artigo 19 desta convocatoria e obteña o certificado R3, catro meses despois do período de finalización da axuda, conforme a Orde CIN/1025/2022, do 27 de outubro, ou norma equivalente que a substitúa.

i) Facilitar cantos datos resulten necesarios para a valoración do instrumento no marco da avaliación da RIS3 Galicia ou doutros mecanismos, en particular as enquisas do INE, relacionados coa medición da I+D+i. Os datos asignados aos citados instrumentos de avaliación deberán estar consignados á Comunidade Autónoma de Galicia. No marco do seguimento e avaliación da RIS3 Galicia, desenvolverase un seguimento específico das axudas concedidas. Este seguimento estará baseado na recompilación de información acerca dos resultados económicos e científico-técnicos obtidos polas entidades beneficiarias. A tales efectos, durante a execución e ao finalizar a axuda (ex post), os beneficiarios deberán proporcionar información relativa a unha serie de indicadores, entre os que se incluirán indicadores xerais e específicos de I+D+i.

2. As persoas contratadas mediante estas axudas teñen as seguintes obrigas e dereitos:

a) Cumprir as condicións e obrigas establecidas nesta convocatoria.

b) Aterse ao réxime interno ou de funcionamento da institución en que desenvolvan as súas actividades, especialmente no relativo ás condicións de traballo e normas de prevención de riscos laborais.

c) Poderán recibir bolsas que se convoquen para cubrir algunha das accións formativas que van realizar segundo o seu proxecto (asistencia a reunións, congresos, seminarios e cursos de especialización). Nos períodos de estadía as persoas contratadas poderán recibir bolsas de axuda aos gastos de desprazamento e instalación sempre que sexan concordantes e coherentes co Plan de estadías aprobado. Nestes casos, será preciso que a entidade beneficiaria presente na Secretaría Xeral de Universidades ou na Axencia Galega de Innovación (segundo sexa o caso), para a súa autorización se procede, unha breve memoria descritiva da bolsa a que se opta asinada pola persoa contratada, xunto cun informe da persoa responsable ou coordinadora do grupo e outro da propia entidade en que estea contratada, con indicación expresa de que as ditas bolsas son compatibles co seu traballo e co contrato asinado.

d) Presentar a documentación do seguimento científico-técnico intermedio e final que lles corresponda segundo o artigo 19 da convocatoria.

e) Manterse en contacto coa entidade beneficiaria destas axudas e, de ser o caso, coa Administración concedente, unha vez rematado o período da axuda con fins estatísticos.

3. Na primeira fase da axuda, o persoal investigador contratado poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes, por un máximo de 100 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación dos respectivos centros, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas. Estas colaboracións deberán axustarse ás seguintes regras:

a) Durante o período de permanencia no Sistema de I+D+i galego:

– O persoal investigador contratado por unha universidade pública do SUG só poderá realizar as ditas tarefas docentes naquela en que está contratado.

– O persoal investigador contratado polas entidades alleas ao SUG poderá realizar as ditas tarefas docentes nunha universidade pública do SUG.

b) Durante os períodos de estadía, independentemente da natureza da entidade beneficiaria, o persoal investigador poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes nos centros de destino, axustándose ás normas indicadas no primeiro parágrafo deste punto.

Esta colaboración realizarase en docencia de mestrado (preferiblemente) ou grao e non poderá supor a substitución da docencia do profesorado responsable da materia, e deberá facerse en coordinación e en paralelo co responsable docente. En ningún caso a persoa contratada con cargo a estas axudas poderá ser responsable ou coordinadora da materia.

Na segunda fase da axuda, o persoal investigador contratado ao abeiro destas axudas poderá prestar colaboracións complementarias en tarefas docentes relacionadas coa actividade de investigación proposta, ata un máximo de 100 horas anuais, por pedimento propio e coa aprobación da súa entidade, respectando en todo caso a normativa vixente de incompatibilidades do persoal ao servizo das administracións públicas.

4. As entidades beneficiarias e as persoas contratadas teñen como obriga específica de publicidade adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007. En concreto, as entidades beneficiarias das axudas, así como as persoas contratadas con cargo a elas, deberán facer constar o cofinanciamento das actuacións con fondos da Xunta de Galicia. Para isto, nas accións de difusión, así como nos resultados da produción científica e calquera outra acción que se realice ao abeiro destas axudas, deberá figurar expresamente o cofinanciamento das actuacións con fondos do «Programa de axudas de apoio á etapa de formación posdoutoral da Xunta de Galicia» (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional ou da Axencia Galega de Innovación, segundo sexa o caso), que irá acompañado, sempre que sexa posible, do escudo normalizado da Xunta de Galicia.

Artigo 18. Renuncia ás axudas, novas incorporacións e interrupcións

1. No caso de que se produza algunha renuncia ou outra causa de extinción da relación laboral, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á Secretaría Xeral de Universidades ou á Axencia Galega de Innovación (segundo sexa o caso), nun prazo máximo de 15 días naturais desde que se produza. Deberase xuntar un informe da entidade beneficiaria indicando se a persoa contratada desenvolveu unha actividade satisfactoria que permitise o seu perfeccionamento e especialización profesional durante a permanencia no programa.

2. Poderase adxudicar unha nova axuda de acordo coa prelación sinalada na lista de agarda, sempre e cando a renuncia se produza antes do 10 de outubro de 2026. Para cubrir as renuncias seguirase a prelación das listas de agarda definidas no artigo 12.4, tendo en conta que soamente poderán ser cubertas coas solicitudes da lista de agarda do órgano instrutor en que se produzan.

A duración das posibles novas axudas procedentes da lista de espera ten dúas opcións:

a) Se na axuda obxecto da renuncia a persoa candidata non chegou a asinar o contrato posdoutoral ao abeiro desta convocatoria, a nova axuda que se conceda, procedente da lista de espera, terá a duración máxima indicada no artigo 4.1 desta convocatoria.

b) Se na axuda obxecto da renuncia a persoa candidata chegou a asinar o contrato posdoutoral coa entidade beneficiaria e desenvolveu unha parte deste, na nova axuda que se conceda, procedente da lista de espera, haberá que restar este tempo desenvolvido á duración máxima indicada no artigo 4.1 desta convocatoria.

O criterio de remuda será que a nova axuda procedente da lista de espera, segundo a orde de prelación desta, remudará, en termos da súa duración, a axuda de máis puntuación a que se renuncie. En caso de igualdade de puntos, empregaranse os criterios de desempate aplicados pola Comisión de Selección.

En todo caso, as novas axudas concederanse segundo as características da solicitude presentada, agás no referente ao seu tempo de duración segundo o indicado nos parágrafos anteriores.

3. A competencia para adxudicar unha nova axuda por delegación da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e da persoa titular da Presidencia da Axencia Galega de Innovación, correspóndelles á persoa titular da Secretaría Xeral de Universidades da consellería para o procedemento ED418B e á persoa titular da Dirección da Axencia Galega de Innovación para o procedemento IN606B, segundo que as novas incorporacións procedan das listas de agarda da Secretaría Xeral de Universidades ou da Axencia Galega de Innovación, respectivamente.

4. No caso de que a persoa seleccionada perdese a condición de contratada unha vez percibidas as axudas pola entidade correspondente, procederase consonte o establecido no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, a entidade beneficiaria deberá comunicar a renuncia, mediante escrito motivado da persoa seleccionada, dirixido á entidade financiadora (Secretaría Xeral de Universidades ou Axencia Galega de Innovación), dentro do prazo máximo de 15 días desde que se produza.

5. As entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo da suspensión dos contratos financiados cando estas suspensións se produzan polas seguintes causas:

a) Nacemento.

b) Adopción.

c) Garda con fins de adopción ou acollemento.

d) Risco durante o embarazo.

e) Risco durante a lactación natural de menores de nove meses.

f) Incapacidade temporal durante o embarazo por causas vinculadas con el.

g) Incapacidade temporal por causas distintas ás do punto anterior por un período mínimo dun mes.

h) As situacións previstas no artigo 45.1.n) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, como medida de protección das mulleres vítima de violencia de xénero ou de violencia sexual.

i) E nos demais casos recollidos no artigo 22.1.d), parágrafos catro e cinco da Lei 14/2011, do 1 de xuño, da ciencia, a tecnoloxía e a innovación.

Cando a interrupción poida legalmente gozarse en réxime de tempo parcial ou mediante a redución da xornada laboral, a duración da axuda verase ampliada por un período equivalente ao da prórroga do contrato e a ampliación será polo tempo equivalente á xornada reducida traducida a número de días. Se pode ser, legalmente gozada en días ou períodos alternos, a prórroga será polo número de días desfrutados deste xeito.

6. Cando se produza a suspensión do contrato pola concorrencia dalgunha destas situacións, as entidades beneficiarias poderán solicitar a interrupción e a prórroga do prazo de execución da axuda correspondente ao tempo de suspensión, no prazo máximo de dous meses desde a produción do feito causante.

A entidade beneficiaria correspondente deberá achegar unha solicitude en que especifique:

– O nome da persoa afectada e o seu número de identificación.

– O número de expediente.

– As causas da suspensión.

– As datas da suspensión e/ou de xornada laboral reducida co número de horas ou porcentaxe de redución da xornada.

– O tempo de prórroga da axuda que lle corresponde en días. Se o desfrute foi en réxime de tempo parcial ou mediante a redución da xornada laboral, o número de horas e a súa equivalencia en días.

– Data de inicio e fin da prórroga do contrato.

– Achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período.

7. A interrupción e a prórroga ás cales se fai referencia no parágrafo anterior deberán ser autorizadas polo órgano instrutor correspondente, que poderá solicitar os informes que considere oportunos. A entidade beneficiaria correspondente deberá achegar o contrato ou o documento xustificativo da prórroga que cubra o dito período, no prazo dun mes desde a súa sinatura.

8. Cando se autorice a interrupción e a prórroga, non se considerarán subvencionables os gastos derivados da contratación en que poida incorrer a entidade beneficiaria (retribución salarial e cota patronal da Seguridade Social) durante o tempo de interrupción, polo que non se deben incluír nas certificacións da xustificación económica. A duración do contrato verase ampliada por un período idéntico ao da interrupción, para os efectos previstos nesta convocatoria, sen superar a duración máxima do contrato de cada fase regulado nesta orde.

9. A autorización da interrupción e da prórroga da axuda en ningún caso supón un aumento da contía da axuda concedida inicialmente. Calquera incremento no pagamento da cota patronal da Seguridade Social como consecuencia do período prolongado será por conta da entidade contratante.

Artigo 19. Seguimento científico-técnico

1. As persoas contratadas ao abeiro desta axuda deberán someterse a dous períodos de seguimento científico-técnico, un de avance intermedio que, se é o caso, dará acceso á segunda fase da axuda, e outra avaliación final; poden facilitarse modelos específicos nas webs da Secretaría Xeral de Universidades e da Axencia Galega de Innovación.

Adicionalmente, poderase requirir en calquera momento a presentación de cantos datos sexan necesarios para a elaboración dos indicadores que se precisen.

O seguimento científico-técnico correspóndelles aos órganos tramitadores, a través dun equipo avaliador que estará formado por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, que poderá contar coa colaboración da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

O equipo avaliador outorgará a puntuación correspondente a cada persoa candidata a ser destinataria da axuda, segundo o baremo indicado no anexo I -segunda fase-, e será preciso obter unha puntuación igual ou superior a 75 puntos para acceder á segunda fase da axuda.

2. O seguimento científico-técnico intermedio realizarase na terceira anualidade da axuda. Cunha anterioridade de cinco meses previos á finalización do contrato, as entidades interesadas deberán achegar a documentación establecida neste punto para poder acceder ao novo período da axuda:

a) Declaración responsable da persoa candidata a ser destinataria da segunda fase da axuda, na cal se fagan constar os seguintes aspectos:

– Que mantén a mesma rama de coñecemento e a área temática polas que se lle concedeu a axuda posdoutoral.

– Que segue integrada no mesmo grupo de investigación ou equivalente e no mesmo departamento, unidade de traballo ou equivalente e na mesma entidade en que se concedeu a axuda.

A modificación das cuestións sinaladas neste punto respecto das condicións iniciais da axuda comportará a perda automática da axuda pendente de desenvolvemento e impedirá o acceso á segunda fase da axuda, salvo por cuestións de reestruturación, reorganización dos grupos de investigación, departamentos ou unidades de traballo ou equivalentes das entidades solicitantes, debidamente xustificadas e comunicadas no prazo dun mes desde que se produza o cambio, xunto cun novo anexo IV establecido pola letra b) do artigo 7.1. Este cambio deberá ser previamente autorizado pola Secretaría Xeral de Universidades, no ámbito do SUG, e pola Dirección da Axencia Galega de Innovación, no caso das restantes entidades.

O arquivo denominarase «Declaración responsable».

b) Plan de traballo das actividades académico-investigadoras que propón realizar nos tres últimos anos da axuda (segunda fase), con especial referencia á liña de investigación propia, e ao seu orzamento, que se pretende establecer, cunha extensión de 1.200-2.000 palabras e asinado pola persoa candidata. O arquivo denominarase «Plan de traballo».

En concreto, o cadro orzamentario completo da liña de investigación propia non poderá estar integrado neste documento, sen prexuízo das necesarias e imprescindibles referencias a este no Plan de traballo. Deberá aterse ao especificado nos dous parágrafos seguintes, polo que este orzamento deberá ser presentado á parte, de acordo co indicado na letra seguinte.

c) Cadro orzamentario completo da liña de investigación propia, que deberá cumprir coas limitacións establecidas nas letras d) e h) do artigo 4.2 respecto das viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda e respecto dos custos indirectos ou gastos xerais. Ademais, deberá adecuarse ás epígrafes de gastos establecidas polo citado artigo 4.2 e estar desagregado por anualidades da axuda.

O cadro co orzamento da liña de investigación propia deberá presentarse nun arquivo á parte co formato .ods da aplicación Calc da suite ofimática LibreOffice. Publicarase na sección da web correspondente a estas axudas da Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional e na da Axencia Galega de Innovación un modelo deste cadro orzamentario. Este cadro deberá, ademais, presentarse en formato PDF asinado pola persoa candidata. Os arquivos denominaranse «Orzamento».

d) Currículo (CV) da persoa candidata a ser destinataria da axuda, preferentemente no modelo da páxina web https://cvn.fecyt.es/. O arquivo denominarase «Currículo-CV».

Para os efectos do proceso de avaliación, só se terá en conta a información contida no CV na data de peche do prazo de presentación da avaliación intermedia. Non será posible a actualización posterior da información contida nel. No caso de que se solicite aclaración ou emenda, a información que se achegue deberá referirse, como máximo, á data de peche do prazo de presentación da avaliación intermedia.

e) Un arquivo PDF precedido dun índice en que, en relación co CV citado no punto anterior, se acheguen os documentos dos méritos que se queiran alegar, así como os enlaces ás publicacións ou documentos científico-técnicos, contribucións a congresos ou calquera outra cuestión que se considere oportuna. Para os efectos do proceso de avaliación, soamente se valorará aquela información indicada no CV que teña correspondencia cos documentos ou enlaces achegados neste arquivo. O arquivo denominarase «Índice-méritos».

Durante calquera momento do procedemento a Secretaría Xeral de Universidades ou a Axencia Galega de Innovación, segundo corresponda, poderán solicitar ás entidades beneficiarias os comprobantes dos méritos alegados.

f) Memoria asinada pola persoa candidata relativa á actividade investigadora desenvolvida nos anos en que foi contratada na primeira fase de formación posdoutoral, cunha extensión de 3.000-4.000 palabras. Nesta memoria deberase facer fincapé expreso nos seguintes aspectos:

f.1. Achegas en forma de artigos orixinais, libros ou capítulos de libro, sobre todo naquelas achegas en que a persoa candidata sexa responsable do traballo ou principal executora. Deberase facer unha breve recensión (de non máis de 500 palabras) da relevancia das achegas deste punto.

f.2. Actividade da persoa candidata no seo de grupos de investigación, liñas de traballo e/ou obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas das administracións públicas ou de entidades privadas sen ánimo de lucro, sinalando, ademais, o seu grao de participación nestas accións.

f.3. Patentes rexistradas, indicando as que están en explotación, e destacando especialmente a extensión da protección da patente nacional, europea ou polo Tratado de cooperación de patentes (PCT).

f.4. Actividade formativa da persoa candidata, especialmente a relacionada coa formación de doutoras e doutores e a dirección de teses de doutoramento.

f.5. Estadías no estranxeiro efectivamente realizadas na primeira fase da axuda, indicando expresamente os períodos de estadía gozados, a zona, o país ou países e os centros de destino onde se realizaron, así como unha xustificación da importancia e relevancia internacional dos centros e grupos de destino escollidos. Non obstante, os cambios de estadía respecto aos da solicitude poderá implicar unha valoración negativa se o equipo avaliador considera que o cambio de centro estranxeiro provocou un descenso da calidade do plan de estadía inicialmente proposto e, polo tanto, do Plan de traballo xeral da axuda.

O arquivo denominarase «Memoria».

g) Certificación que acredite os permisos de nacemento de fillo ou filla, adopción, garda con fins de adopción ou acollemento, risco durante o embarazo e/ou lactación natural e incapacidade temporal asociada ao embarazo, parto ou lactación natural, ou por razóns de violencia de xénero ou calquera tipo de acoso no traballo no período comprendido entre os 5 anos anteriores á data de lectura da tese e a data de peche de presentación de solicitudes, se é o caso, para a aplicación do factor de corrección que se indica no artigo 11.3. O arquivo ou cartafol comprimido denominarase «Permisos».

h) Certificación por cada persoa investigadora contratada en que se indiquen os centros e períodos temporais onde efectivamente estiveron traballando ata esa data, incluídos os centros onde efectivamente realizaron as estadías internacionais, asinada pola persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente. O arquivo denominarase «Certificación de centros».

i) No ámbito do SUG, declaración responsable da entidade solicitante na cal se faga constar se a persoa candidata desenvolverá a súa investigación nun departamento, unidade de traballo ou equivalente en que existan necesidades docentes e/ou investigadoras estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto.

No caso de que non se entregue este documento, entenderase que non desenvolve a súa investigación nestas áreas.

Non caso de que non exista concordancia exacta coa listaxe presentada ao abeiro do punto 3 deste artigo requiriráselle para que emende a discrepancia e, de persistir a discordancia, entenderase que non desenvolve a súa investigación nestas áreas.

O arquivo denominarase «Declaración de estratexia».

Para os efectos do correcto desenvolvemento da avaliación intermedia, os órganos instrutores poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria ou ditar instrucións específicas.

O resultado do informe de seguimento científico-técnico intermedio será determinante para acceder á segunda fase da axuda e será necesario cumprir os seguintes requisitos:

– Se a avaliación resulta positiva, a entidade beneficiaria deberá presentar unha addenda ou prórroga ao contrato no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da comunicación do resultado da avaliación. A addenda ou prórroga ao contrato debe recoller as retribucións establecidas de xeito específico no artigo 3.5 para a segunda fase.

Soamente no ámbito do SUG, na addenda ou prórroga ao contrato deberase introducir unha cláusula que faga referencia á creación, tras a finalización do contrato, de postos de traballo permanentes cun perfil e número adecuado ás prazas cubertas, conforme á lexislación vixente, ás normas de organización e funcionamento, e de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, da axuda, conforme á Orde CIN/1025/2022, do 27 de outubro, ou norma equivalente que a substitúa. Para incluír esta cláusula débense cumprir estas condicións:

• Que a solicitude da axuda concedida se corresponda cunha das necesidades docentes e investigadoras consideradas estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto sinaladas no documento presentado ao abeiro do punto 3 deste artigo.

• Que a persoa candidata da solicitude seleccionada para a axuda supere a avaliación intermedia.

• Que a persoa candidata da solicitude seleccionada para a axuda supere a avaliación final establecida no punto 4 deste artigo e obteña o certificado R3, despois de catro meses tras a finalización da axuda sen renuncia.

A addenda ou prórroga deberá ter efectos a partir da data de inicio da cuarta anualidade e abranguerá ata a finalización da axuda.

– Se a avaliación resulta negativa non poderá optar á segunda fase da axuda, o que implicará a finalización do contrato ao termo do terceiro ano dende a súa sinatura, e ademais non poderá volver a solicitar unha nova avaliación.

Os resultados da avaliación intermedia serán aprobados por resolución dos órganos instrutores e recollerán tamén os expedientes coas persoas candidatas.

3. No ámbito do SUG, cada entidade solicitante deberá entregar antes do 1 de marzo de 2029 unha única listaxe en que se inclúa un máximo de dez Departamentos, Unidades de Traballo ou equivalentes con necesidades docentes consideradas estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto e un máximo de tres departamentos, unidades de traballo ou equivalentes con necesidades investigadoras consideradas estratéxicas, na fronteira da ciencia, vinculado con tecnoloxías disruptivas ou de alto impacto. A listaxe deberá estar debidamente motivada xustificando as necesidades docentes e investigadoras cun estudo cualitativo e cuantitativo que as avale. (No caso das necesidades docentes, deberá indicar cando menos datos de matrícula, folgura da área, tipoloxía de cobertura –por xubilación...– e, no caso das necesidades investigadoras estratéxicas, deberá sinalarse se afecta centros acreditados en excelencia pola Xunta de Galicia e se a prioridade estratéxica está recollida nalgún documento de planificación da investigación e ligazón a este).

4. Durante o último ano de contrato as persoas seleccionadas serán sometidas a unha avaliación final da actividade investigadora desenvolvida. O proceso de avaliación será realizado por un equipo avaliador formado por persoas expertas de fóra do Sistema de I+D+i galego, que poderá contar coa colaboración da ACSUG, a partir da documentación que lles será requirida ás persoas contratadas a través das entidades beneficiarias destas axudas.

Ademais, as entidades beneficiarias presentarán unha memoria final da actividade de cada persoa contratada, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. Así mesmo, deberá acompañarse do certificado R3, no caso de que a persoa contratada obtivese este durante o período da axuda. Os órganos instrutores fixarán o prazo para a súa presentación ao longo do citado último ano de contrato.

No caso das persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato, deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida durante o tempo que permaneceron nel, xunto coa xustificación das estadías realizadas, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.

Estas memorias deberán contar coa sinatura da persoa contratada e da persoa responsable ou coordinadora do grupo de investigación ou equivalente.

Artigo 20. Dotación orzamentaria

1. Esta orde tramítase conforme o establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2026, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia e en trámite parlamentario actualmente.

2. As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias 07.02.561B.444.0, 07.A2.561A.403.0,07.A2.561A.481.0, 07.02.561B.744.0, 07.A2.561A.703.0 e 07.A2.561A.781.0 correspondentes aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, para o que existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, aprobados polo Parlamento de Galicia, coa seguinte distribución por anos:

Entidade beneficiaria

Nº axudas

Aplicación
orzamentaria

Crédito en euros

2026

2027

2028

2029

2030

2031

2032

TOTAL

Universidades
do SUG

40

07.02.561B.444.0

169.333,33

2332000

2.812.000,00

1.855.666,67

1.636.000,00

1.636.000,00

1.751.000,00

12.192.000,00

Universidades
do SUG

07.02.561B.744.0

0,00

0,00

0,00

160.000,00

440.000,00

440.000,00

280.000,00

1.320.000,00

Total universidades do SUG

169.333,33

2.332.000,00

2.812.000,00

2.015.666,67

2.076.000,00

2.076.000,00

2.031.000,00

13.512.000,00

Outras
entidades

4

07.A2.561A.403.0

16.933,33

233.200,00

281.200,00

185.566,67

163.600,00

163.600,00

175.100,00

1.219.200,00

07.A2.561A.703.0

0,00

0,00

0,00

16.000,00

44.000,00

44.000,00

28.000,00

132.000,00

Outras
entidades

5

07.A2.561A.481.0

21.166,67

291.500,00

351.500,00

231.958,33

204.500,00

204.500,00

218.875,00

1.524.000,00

07.A2.561A.781.0

0,00

0,00

0,00

20.000,00

55.000,00

55.000,00

35.000,00

165.000,00

Total outras entidades

38.100,00

524.700,00

632.700,00

453.525,00

467.100,00

467.100,00

456.975,00

3.040.200,00

Total convocatoria

207.433,33

2.856.700,00

3.444.700,00

2.469.191,67

2.543.100,00

2.543.100,00

2487975

16.552.200,00

3. O importe máximo inicial do crédito destinado aos programas e subvencións obxecto desta convocatoria poderá ser ampliado en función das solicitudes e das dispoñibilidades orzamentarias, nos supostos e nas condicións previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento do importe queda condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a convocatoria sen que iso implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio dun novo cómputo de prazo para resolver.

4. En relación co financiamento destas axudas:

a) A Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional só financiará as axudas que correspondan ás universidades do SUG, as cales se imputarán ao Plan galego de financiamento universitario para o período 2022-2026. As anualidades 2027, 2028, 2029, 2030, 2031 e 2032 integraranse no novo plan de financiamento para os anos seguintes.

b) A Axencia Galega de Innovación financiará as demais entidades do artigo 2, todas elas de natureza pública.

5. Cando o organismo financiador sexa a Axencia Galega de Innovación, a distribución de fondos e as aplicacións orzamentarias sinaladas son unha previsión que, de acordo co artigo 31 do Regulamento de subvencións de Galicia, se deberá axustar logo da valoración das solicitudes para adecuarse á proposta recollida na acta da Comisión de Selección. Será posible incluso a incorporación de novas aplicacións sen incrementar o crédito total, tendo en conta a natureza xurídica das entidades beneficiarias.

Neste sentido, o financiamento previsto nesta orde de convocatoria para os organismos públicos de investigación e as fundacións de investigación sanitaria de Galicia impútase, de forma xenérica, ás aplicacións orzamentarias 07.A2.561A.481.0 e 07.A2.561A.781.0, pero unha vez elaborada a proposta de concesión por parte da Comisión de Selección, para a tramitación dos documentos contables correspondentes, as aplicacións orzamentarias adecuaranse á natureza xurídica das entidades que figuren como seleccionadas na dita proposta.

6. Estas axudas, dado que están dirixidas a organismos de investigación de natureza pública ou privada sen ánimo de lucro e destinadas exclusivamente ao financiamento de actividades de I+D+i de carácter non económico, non teñen a consideración de axudas de Estado para os efectos do número 1 do artigo 107 do Tratado de funcionamento da Unión Europea e do Marco comunitario sobre axudas estatais de investigación, desenvolvemento e innovación (2022/C 414/01) (DOUE do 28.10.2022). En todo caso, as entidades beneficiarias quedan obrigadas a destinar a axuda recibida a usos relacionados con actividades non económicas e relativos a actuacións de I+D+i conforme o establecido no artigo 2 do devandito marco.

Artigo 21. Libramento da subvención

1. As entidades beneficiarias e contratantes das persoas seleccionadas serán as encargadas de presentar as xustificacións correspondentes adecuadas á normativa de aplicación e serán as perceptoras dos fondos para o pagamento dos contratos.

Soamente serán financiables os contratos das persoas investigadoras que permanezan un mínimo de tres meses no programa, polo que non hai ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas persoas contratadas menos de tres meses.

2. Poderán realizarse pagamentos á conta das subvencións recollidas nesta resolución de acordo co establecido no artigo 62 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que poderán superar o límite do 80 % da axuda concedida. Os beneficiarios regulados no artigo 2.1 da axuda están exonerados de achegar garantías segundo o artigo 65.4 do Decreto 11/2009.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos e pagamentos que se efectúen desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta.

3. Para proceder ao libramento da axuda correspondente aos contratos e os seus custos sociais será preciso que a entidade correspondente remita a copia dos contratos asinados, de non telo feito antes, e a xustificación da axuda nos termos que a continuación se indican:

a) Certificado asinado polo órgano responsable de control da entidade onde conste a permanencia efectiva e a dedicación exclusiva da persoa investigadora ao programa.

b) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro (DOG núm. 249, do 30 de decembro), de medidas fiscais e administrativas. Só se terá en conta aquela documentación relativa ás persoas contratadas que permanecesen no programa un mínimo de tres meses, quedando sen ningún tipo de compromiso retributivo para aquelas que non acaden este período.

c) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

d) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

e) Certificados, de ser o caso, de ter realizado a estadía emitidos polos centros receptores. Deben indicarse expresamente os centros en que a persoa investigadora desenvolveu a súa estadía, as datas de inicio e fin e achegar unha memoria de actividade.

f) No caso de que se opoña á súa consulta, unha copia da vida laboral de cada persoa contratada durante o período de permanencia no programa. No caso de que a persoa contratada renunciase antes do remate do seu contrato, esta documentación presentarase transcorrido un mes desde a súa renuncia.

g) De ser o caso, actualización dos datos de contacto das persoas contratadas.

4. A documentación indicada achegarase consonte a seguinte periodización:

Período de xustificación

Data límite de presentación

1ª xustificación: mes de setembro de 2026.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Complemento de entidades 1

15 de novembro de 2026

2ª xustificación: mensualidades de outubro de 2026 a setembro de 2027, ambos os dous meses incluídos.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Complemento de entidades 1

– Complemento de estadía

15 de novembro de 2027

3ª xustificación: de outubro de 2027 a setembro de 2028, ambos os dous meses incluídos.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Complemento de entidades 1

– Complemento de estadía

15 de novembro de 2028

4ª xustificación: de outubro de 2028 a setembro de 2029, ambos os dous meses incluídos.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Complemento de estadía

– Complemento de entidades 2

– Indemnización máxima da 1ª fase, se é o caso

15 de novembro de 2029

5ª xustificación: de outubro de 2029 a setembro de 2030, ambos os dous meses incluídos.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Complemento de entidades 2

15 de novembro de 2030

6ª xustificación: de outubro de 2030 a setembro de 2031, ambos os dous meses incluídos.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Complemento de entidades 2

15 de novembro de 2031

7ª xustificación: de outubro de 2031 ata a finalización dos contratos, con límite en setembro de 2032.

Con esta xustificación libraranse os seguintes fondos correspondentes a este período:

– Custos dos contratos

– Indemnización máxima da 2ª fase

15 de novembro de 2032

Cando os contratos subvencionados vaian máis aló da 7ª xustificación, por ser concedida a axuda en segunda resolución ou por causa das suspensións e prórrogas recollidas no artigo 18.6 destas bases, os gastos correspondentes ás nóminas, á Seguridade Social e ás indemnizacións por fin de contrato xustificaranse coa data límite do 15 de novembro da correspondente anualidade orzamentaria. A dita anualidade adicional comprenderá o período que vai desde o mes de outubro do ano anterior ata o mes de setembro da anualidade corrente.

5. Con independencia do anterior, as entidades beneficiarias comunicarán, nun período máximo de 15 días, as persoas que causen baixa no programa.

6. Para os casos de meses incompletos, o cálculo do importe do contrato e os seus custos sociais correspondente a esa fracción de mes realizarase dividindo o importe máximo anual entre 360 días e multiplicando o resultado polo número de días traballados nese mes.

O indicado no parágrafo anterior non se aplicará aos complementos por estadía, que só se aboarán se se realiza o mes completo.

No caso dos complementos de entidade (1 e 2), cando o contrato de traballo asinado ao abeiro destas axudas chegue a unha nova anualidade, pagaranse de forma íntegra (dentro dos límites previstos nestas bases).

7. O pagamento das axudas correspondentes á cuarta, quinta e sexta anualidade estará condicionado á presentación e valoración positiva do informe de seguimento intermedio, así como á presentación da prórroga ou addenda do contrato nos termos descritos no artigo 19, de ser o caso.

O incumprimento dos requisitos citados anteriormente neste punto poderá dar lugar á obriga de reintegrar a axuda e os xuros de mora correspondentes e/ou á perda do dereito de cobramento da axuda pendente de pagamento.

8. Na segunda fase da axuda, para a xustificación da axuda para o desenvolvemento da liña de investigación propia, a data límite para achegar a documentación correspondente é o 30 de novembro de cada anualidade e terá que incluír os seguintes documentos:

a) Certificación expresiva da realización do gasto e do pagamento durante o período da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control, da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida, de acordo co artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas.

Así mesmo, o órgano competente en materia de control da entidade beneficiaria acreditará que o gasto realizado corresponde exclusivamente a conceptos subvencionables enumerados no artigo 4 desta convocatoria.

b) Conta xustificativa de acordo co establecido no artigo 50 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no caso das entidades beneficiarias ás cales non lles sexa de aplicación o artigo 27 da Lei 12/2014, do 22 de decembro, de medidas fiscais e administrativas. A conta xustificativa terá o seguinte contido:

– Memoria de actuación xustificativa do cumprimento das condicións impostas na concesión da subvención, con indicación das actividades realizadas e dos resultados obtidos, segundo o establecido no artigo 48.1 do citado regulamento.

– Memoria económica que conterá unha relación detallada dos gastos en que se incorreu na realización das actividades subvencionadas, debidamente agrupados por conceptos de gasto con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e a data de pagamento.

c) Informe de auditor/a inscrito/a como exercente no Rexistro Oficial de Auditores/as de Contas, que deberá manifestarse sobre os conceptos, período de realización e pagamento dos gastos presentados nesa anualidade. O informe de auditoría axustarase ao disposto na Orde EHA/1434/2007, do 17 de maio, pola que se aproba a norma de actuación dos/das auditores/as de contas na realización dos traballos de revisión das contas xustificativas de subvencións.

d) Declaración da persoa investigadora en que se recolla a relación do persoal que forma parte do seu equipo de investigación, só no caso de presentar gastos de persoal das ditas persoas e gastos das súas viaxes e axudas de custo para a actividade obxecto da axuda.

e) Certificación, debidamente actualizada, acreditativa de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social e no cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado e coa Comunidade Autónoma, unicamente no suposto de que a entidade solicitante se opoña a que o órgano xestor solicite as certificacións que deban emitir a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, a Axencia Estatal de Administración Tributaria e a Axencia Tributaria de Galicia.

f) Unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo fin das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

Os investimentos e pagamentos que se efectúen desde o 1 de decembro da anualidade corrente poderán presentarse como xustificante da anualidade seguinte. No caso dos custos de contratación de persoal investigador ou auxiliar, os pagamentos das nóminas, seguridade social e IRPF dos meses de outubro e novembro de cada anualidade poderán presentarse como xustificantes para o cobramento da anualidade seguinte.

Considérase gasto realizado aquel que efectivamente se pagase con anterioridade á finalización do prazo de xustificación. Exceptúanse aqueles gastos cuxos pagamentos deban efectuarse nun momento posterior para axustarse aos calendarios de recadación, como os ingresos a conta do IRPF ou as cotas de seguros sociais liquidables con posterioridade á data de xustificación.

En referencia ao desenvolvemento da liña de investigación propia, cando os contratos subvencionados vaian máis aló da 7ª xustificación, por ser concedida a axuda en segunda resolución ou por causa das suspensións e prórrogas recollidas no artigo 18.6 destas bases, os gastos correspondentes xustificaranse coa data límite do 30 de novembro da correspondente anualidade. A dita anualidade adicional comprenderá o período que vai dende o mes de decembro do ano anterior ata o mes de novembro da anualidade corrente.

9. Segundo o establecido no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, transcorrido o prazo establecido de xustificación sen se ter presentado ante o órgano administrativo competente, este requirirá a entidade beneficiaria para que no prazo improrrogable de dez días a presente. A falta de presentación da xustificación comportará a perda do dereito ao cobramento parcial ou total da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

10. Ademais, coa última xustificación, a entidade beneficiaria presentará:

a) Segundo se establece no artigo 19.4, unha memoria final da actividade, de aproximadamente 2.000 palabras, na cal se describa o traballo realizado durante a duración do programa. Así mesmo, deberá acompañarse do certificado R3, no caso de que a persoa contratada obtivese este durante o período da axuda. As persoas que abandonen o programa antes da finalización do contrato deberán presentar unha memoria da actividade desenvolvida durante o tempo que permaneceron nel, no prazo dun mes desde que se produza a extinción da relación contractual.

b) Cando remate o tempo convido no contrato de traballo, asinado de acordo co indicado no artigo 16 destas bases, deberá achegarse a xustificación económica do custo da indemnización e o seu pagamento xunto aos xustificantes correspondentes.

Artigo 22. Réxime de compatibilidade

As entidades beneficiarias poderán compatibilizar as axudas reguladas nesta orde con outras axudas ou subvencións financiadas con fondos públicos ou privados que teñan unha finalidade análoga. De acordo coa normativa aplicable o importe das axudas concedidas, illadamente ou en concorrencia con outras axudas, ingresos e recursos, non poderá superar o custo da actividade subvencionada.

Artigo 23. Modificación da resolución de concesión de axudas

Poderase modificar a resolución de concesión da axuda, tal como se especifica no artigo 17 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, cando se alteren as condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais. Por iso, cando a entidade beneficiaria reciba outros fondos cos mesmos obxectivos que os establecidos nesta convocatoria, deberá poñelo en coñecemento da Secretaría Xeral de Universidades ou da Axencia Galega de Innovación, segundo sexa o caso.

Artigo 24. Resolución, incumprimento, reintegros e sancións

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras, na convocatoria ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga da entidade beneficiaria de devolver total ou parcialmente as subvencións percibidas, así como os xuros de mora correspondentes. En particular, resolverase a perda do dereito á axuda e o seu posible reintegro total ou parcial cando concorra algunha das seguintes circunstancias:

a) A obtención da axuda sen reunir as condicións e requisitos solicitados ou con alteración destes.

b) A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, de calquera dato ou documento que acompañe á solicitude, as declaracións responsables e a documentación ou xustificacións achegadas segundo regula a orde.

Se concorren as circunstancias da letra b) poderá inadmitirse a solicitude de seren apreciadas antes da resolución de concesión da axuda.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o punto anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no artigo 38 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 25. Control

1. Os órganos instrutores poderán realizar as actividades de inspección que consideren oportunas para controlar o cumprimento das subvencións. Así mesmo, poderán solicitar un informe ás entidades beneficiarias sobre a execución das axudas e o seu impacto, en particular, sobre as persoas contratadas mediante un seguimento destas durante os seis meses posteriores á finalización do contrato, que permita constatar cal é a súa situación laboral.

2. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, estarán sometidas ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas, do Consello de Contas e doutros organismos que teñan atribuídas facultades de control sobre estes fondos.

3. Para os efectos de control, os órganos instrutores poderán requirir a documentación complementaria que consideren necesaria para o desenvolvemento das axudas.

Artigo 26. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas seu artigo 3.1, á que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 27. Remisión normativa

Esta orde sométese ao réxime de axudas públicas establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento que a desenvolve.

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase a información necesaria á Base de datos nacional de subvencións (BDNS).

Artigo 28. Recursos

Esta orde poderá impugnarse mediante un recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou ben directamente un recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2025

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm. 114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional

ANEXO I
Criterios de avaliación da fase I

Criterios

Puntuación máxima

1. Publicacións de carácter científico: máximo 40 puntos.

1.1. Libros (con ISBN). A avaliación dos libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

40

1.2. Capítulos de libro (con ISBN). A avaliación de capítulos de libros farase tendo en conta a calidade da editorial segundo o seu prestixio nacional ou internacional e o grao de exixencia e rigor científico nos procesos de selección dos traballos publicados.

10

1.3. Publicacións en revistas científicas:

40

– Tipo A (revistas que aparecen no Science Citation Index, no Social Sciences Citation Index (SSCI), no Arts & Humanities Citation Index (AHCI) ou index equivalente no ámbito científico correspondente.

40

– Tipo B (revistas de prestixio non catalogadas como tipo A, que empregan un proceso de revisión de artigos, a través de censores externos).

10

– Tipo C (revistas de investigación non incluídas nas epígrafes anteriores).

1

2. Participación en proxectos, contratos de investigación e patentes: máximo 20 puntos.

2.1. Participación en proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos e internacionais. A avaliación desta epígrafe prestará especial atención ás melloras do CV das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes proxectos.

20

– Proxectos europeos ou internacionais.

20

– Proxectos nacionais.

10

– Proxectos autonómicos.

5

2.2. Participación en contratos de investigación. A avaliación desta epígrafe prestará especial atención ás melloras do CV das persoas candidatas como consecuencia da súa participación nos diferentes contratos (non contan os contratos predoutorais ou posdoutorais laborais ou bolsas, estes computarán no punto 3).

10

– Contratos con empresas.

10

– Contratos coa Administración.

5

– Informes técnicos e outros.

2,5

2.3. Patentes rexistradas ou en explotación.

10

– En explotación.

10

– Rexistradas.

2

3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas: máximo 10 puntos.

3.1. Estadías en universidades ou centros de investigación distintos daquela universidade ou institución en que se expediu o seu título de doutor/a.

Os comités de persoas expertas só deberán ter en consideración a relevancia científica do centro e da actividade ou actividades investigadoras, relacionadas coa rama de coñecemento e a área temática, levadas a cabo durante os períodos de estadía.

5

– Estadías posdoutorais.

4

– Estadías predoutorais.

2

3.2. Relatorios e comunicacións en congresos ou reunións científicas.

5

– Relatorios en congresos internacionais.

5

– Relatorios en congresos nacionais.

3

– Comunicacións en congresos internacionais.

2

– Comunicacións en congresos nacionais.

1

3.3. Outros méritos académico-científicos das persoas candidatas a ser destinatarias das axudas. Valoraranse aqueloutros méritos académico-científicos (a dirección de teses, docencia, premios...), relacionados coa rama de coñecemento e a área temática, que non se atopen recollidos nas epígrafes anteriores. Segundo a área de coñecemento, poderanse valorar comisionados de exposicións, obra premiada, proxectos de conservación ou restauración, proxectos artísticos e a creación e interpretación teatral, coreográfica ou musical.

8

4. Plan de estadía e de traballo propostos: máximo 30 puntos.

4.1. Relevancia científica dos centros de estadías propostos. Valorarase a relevancia científica de cada un dos centros propostos, e a complementariedade entre eles, para o desenvolvemento do Plan de traballo da persoa candidata a ser destinataria da axuda.

Terase en consideración a relevancia internacional do centro ou centros propostos establecendo unha gradación segundo a súa adecuación. Tamén se terán en conta outras circunstancias relevantes dentro da formación como persoa investigadora.

Aínda que non é obrigatorio acudir a máis dun centro, o equipo avaliador poderá valorar positivamente que a persoa candidata considere esta posibilidade, sempre que a complementariedade de centros supoña un elemento de mellora do Plan de estadías, e nese sentido poderano reflectir na avaliación.

16

– Pouco adecuado.

4

– Adecuado.

8

– Moi adecuado.

12

– Excelente.

16

4.2. Plan de traballo que se vai desenvolver durante a primeira fase da axuda. Valorarase a calidade, coherencia e viabilidade do Plan de traballo en relación coa súa temática e cos obxectivos que se pretenden alcanzar.

14

Puntuación total máxima

100

Criterios de avaliación da fase II

Criterio

Puntuación máxima

1. Plan de traballo que a persoa candidata propón realizar durante o período de contrato correspondente á segunda fase da axuda.

40

2. CV da persoa candidata, indicando as melloras durante o programa posdoutoral.

30

3. Capacidade da persoa para liderar unha liña de investigación: potencialidade da persoa candidata para o liderado de grupos de investigación, establecemento dunha liña propia de traballo e obtención de financiamento en convocatorias públicas competitivas.

25

4. Estadías realizadas durante a primeira fase do programa segundo a relevancia científica dos centros receptores destas. Terase en consideración a relevancia internacional do centro ou centros establecendo unha gradación segundo a súa adecuación. Tamén se terán en conta outras circunstancias relevantes dentro da formación como persoa investigadora inherentes á realización da estadía.

Deberá especificarse se a estadía realizada se corresponde coa previsión indicada na solicitude. Non obstante, este cambio poderá implicar unha valoración negativa se o equipo avaliador considera que o cambio de centro estranxeiro provocou un descenso da calidade do Plan de estadía inicialmente proposto e, polo tanto, do Plan de traballo xeral da axuda.

5

Puntuación total máxima

100

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file