DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2026 Páx. 7291

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

DECRETO 2/2026, do 12 de xaneiro, polo que se aproba o Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens.

O Real decreto 840/2015, do 21 de setembro, polo que se aproban as medidas de control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece no seu artigo 6 que as comunidades autónomas elaborarán os plans de emerxencia exterior dos establecementos de nivel superior.

O Decreto 37/2019, do 21 de marzo, polo que se determinan os órganos competentes e outras medidas para o control dos riscos inherentes aos accidentes graves en que interveñan substancias perigosas, establece que é a consellería competente en materia de emerxencias e interior, a través da dirección xeral con competencias na devandita materia, o órgano responsable da elaboración do plan de emerxencia exterior.

O Real decreto 524/2023, do 20 de xuño, polo que se aproba a norma básica de protección civil, indica que os plans que teñan como obxecto os riscos químicos terán a consideración de plans especiais.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, indica no artigo 31 que nos plans especiais se establecen as medidas necesarias para afrontar emerxencias que pola súa natureza requiran uns métodos científicos ou técnicos axeitados para a súa avaliación e tratamento, e no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes. Así mesmo, o artigo 13.b) sinala que a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias será a encargada de propoñer ao Consello da Xunta de Galicia a aprobación dos plans especiais.

Mediante o Decreto 174/2021, do 29 de decembro (DOG núm. 11, do 18 de xaneiro), aprobouse a revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens.

Atendendo á documentación remitida polos establecementos de Repsol Petróleo, Repsol Butano e Exolum, a través do Departamento Territorial da Coruña da Consellería de Economía e Industria, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior revisou o Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens.

Esta nova revisión do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens foi sometida a un período de información pública de 20 días hábiles, mediante Resolución do 7 de abril de 2025, da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, publicada no DOG núm. 78, do 24 de abril, en aplicación do disposto no número 2 do artigo 13 do Real decreto 840/2015, do 21 de setembro. Tamén foi remitido aos concellos da Coruña e Arteixo, en cumprimento do artigo 33 da Lei 5/2007, de emerxencias de Galicia, que indica no número 2 que lle corresponde ao Consello da Xunta, logo de informe da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais, despois de consulta ás entidades locais e entidades que regulamentariamente se establezan. Non se recibiron alegacións ao plan.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 2 de xullo de 2025, emitiu informe favorable sobre este plan e acordou a súa remisión ao Consello Nacional de Protección Civil para informe.

A Comisión Permanente do Consello Nacional de Protección Civil emitiu informe favorable do Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens mediante o procedemento previsto no artigo 13.bis do seu Regulamento de organización e funcionamento.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do doce de xaneiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Aprobar o Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens.

2. Este plan de emerxencia exterior atoparase á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nas dependencias dos servizos de Emerxencias dos departamentos territoriais.

Artigo 2

Deixar sen efecto o Plan de emerxencia exterior do polígono da Grela Bens, aprobado polo Decreto 174/2021, do 29 de decembro (DOG núm. 11, do 18 de xaneiro).

Disposición derradeira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes