DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Martes, 27 de xaneiro de 2026 Páx. 7248

I. Disposicións xerais

Consellería de Emprego, Comercio e Emigración

DECRETO 1/2026, do 12 de xaneiro, polo que se regula o Marco galego de microcredenciais para o traballo.

I

O principio 1 do piar europeo de dereitos sociais (PEDS), asinado polo Consello, o Parlamento Europeo e a Comisión durante o Cume Social de Gotemburgo o 17 de novembro de 2017, horizonte cara á consecución dunha Europa social forte, xusta, inclusiva e chea de oportunidades, establece o dereito de toda persoa a unha educación, formación e aprendizaxe permanente inclusivos e de calidade, co fin de manter e adquirir capacidades que lle permitan participar plenamente na sociedade e xestionar con éxito as transicións no mercado laboral. O principio 4 céntrase no dereito de toda persoa a recibir asistencia personalizada e oportuna co fin de mellorar as súas perspectivas de emprego ou traballo autónomo, que inclúe a axuda para a procura de emprego, a formación e a reciclaxe. En 2021 o Plan de acción do PEDS fixa como un dos seus tres obxectivos principais para 2030, en todo o ámbito da Unión Europea, que cada ano polo menos o 60 % das persoas adultas asistan a cursos de formación.

Correlativamente, a Recomendación do Consello, do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade, salienta a necesidade dun marco que garanta a calidade, transparencia e accesibilidade desas ferramentas formativas, respondendo á demanda de formas de educación e formación máis flexibles e centradas no alumnado. A súa implementación é esencial, dado que, actualmente, non existe en Europa unha regulación específica sobre microcredenciais no ámbito da formación para o emprego, sendo a normativa existente aplicable unicamente á formación profesional e á educación superior.

No plano estatal, o marco de competencias vén definido na Constitución española que, no seu artigo 149.1.13ª, outorga ao Estado competencia exclusiva sobre as bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica. Coordinadamente, o Estatuto de autonomía de Galicia atribúe á nosa Comunidade Autónoma a competencia exclusiva sobre o fomento e planificación da súa actividade económica (artigo 30).

En exercicio das competencias constitucionais, as Cortes aprobaron a Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, cuxo artigo 7.2 traslada o marco competencial prevendo a competencia das comunidades autónomas en materia de fomento do emprego.

O título III da dita lei regula as políticas activas de emprego como o conxunto de servizos e programas de orientación, intermediación, emprego, asesoramento para o autoemprego e o emprendemento e formación no traballo. Dentro do dito título, o artigo 33 establece que os principios, obxectivos e regulación da formación no traballo serán obxecto de regulación específica e enumera os fins a que tal formación debe atender entre os que se atopan favorecer a formación ao longo da vida das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, mellorar as súas competencias profesionais, contribuír á mellora da produtividade e competitividade das empresas e mellorar a empregabilidade das persoas traballadoras, especialmente das que teñen maiores dificultades de mantemento do emprego ou de inserción laboral.

A formación no traballo é, ademais, un dos servizos incluídos no Catálogo de servizos garantidos, regulados no artigo 56.

Neste ámbito debe ser considerado o Real decreto 438/2024, do 30 de abril, polo que se desenvolven a Carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego e os servizos garantidos establecidos na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego.

Na súa disposición adicional sexta o real decreto recolle as microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade, introducindo o marco da Recomendación do Consello da Unión Europea do 16 de xuño de 2022 e dispoñendo que o desenvolvemento das microcredenciais se integrará no marco da formación no traballo e consonte a repartición de competencias en materia de formación no traballo, formación profesional e formación universitaria.

Tanto a lei como o real decreto citados invocan como título competencial para a regulación do fomento do emprego o previsto no artigo 149.1.13.ª da Constitución española, sobre bases e coordinación da planificación xeral da actividade económica.

Así mesmo, o Real decreto 1375/1997, do 29 de agosto, sobre traspaso á Comunidade Autónoma de Galicia da xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación, establece o alcance das funcións que Galicia está habilitada para asumir na xestión do traballo, emprego e formación, entre as que se atopa a formación para o emprego.

Polo que respecta ás competencias específicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o noso Estatuto de autonomía atribúelle as de fomento e planificación da actividade económica en Galicia, consonte as bases e a ordenación da actuación económica xeral.

Este título competencial habilita a aprobación do presente decreto, que se axusta ao marco normativo básico estatal anteriormente referido.

II

O dereito á formación ten unha vertente de mellora da empregabilidade que obriga os responsables das políticas de emprego a poñer en marcha políticas activas dinámicas e innovadoras considerando o investimento nas persoas un motor eficaz de competitividade empresarial, cohesión social e progreso sustentable. A concreción deste dereito para que sexa efectivo debe ter en conta os desafíos a que, como sociedade, nos enfrontamos: a obriga de garantir un planeta habitable para as próximas xeracións, os retos a que é necesario responder se queremos que a tecnoloxía se adecúe aos valores que guían o noso desenvolvemento como humanidade ou as competencias que exixen profesións cada vez máis efémeras con novas, volátiles e masivas necesidades de capacitación. Se a todo iso engadimos unha demografía que alonga a vida laboral, a perspectiva é que a capacitación vai abarcar un período relevante da vida das persoas.

É necesario seguir profundando en políticas públicas dirixidas á implementación de medidas que promovan a adquisición, actualización e adaptación continua das competencias. Traballar no desenvolvemento das competencias profesionais configúrase, polo tanto, como unha necesidade urxente, indispensable para salvagardar o equilibrio entre a oferta e a demanda no mercado de traballo, fomentar a inclusión e competitividade económica, e asegurar a capacidade de resposta ante as exixencias dunha contorna laboral en constante transformación. Esta mellora das competencias profesionais constitúe un deber tanto individual como colectivo, porque a falta de competencias non só afecta as persoas, senón que tamén impón unha carga sobre o mercado laboral.

Neste escenario cómpre establecer mecanismos formativos que sexan áxiles, flexibles e accesibles, capaces de proporcionar á cidadanía as ferramentas necesarias para manterse competitiva nunha contorna laboral en constante cambio. As microcredenciais emerxen como a resposta máis adecuada a este desafío na medida en que ofrecen unha formación específica e certificada que lles facilitan ás persoas adquirir competencias puntuais que complementen as súas habilidades preexistentes e lles permita adaptarse con rapidez ás exixencias do mercado.

As microcredenciais son un recurso estratéxico para que as empresas poidan contar cunha man de obra cualificada e adaptable, capaz de responder de maneira áxil ás cambiantes demandas do mercado. Por isto, a participación do tecido empresarial resulta indispensable para asegurar que estas ferramentas formativas respondan con precisión ás competencias e habilidades demandadas no mercado laboral actual. Así, establécese un marco de colaboración onde as empresas, xunto con outros axentes, contribúen a definir e validar os coñecementos e destrezas específicos necesarios para o desenvolvemento económico e social de Galicia, asegurando que as microcredenciais sexan efectivas, relevantes e aliñadas coas necesidades reais de capacitación.

Este decreto non só busca regular o desenvolvemento e a implementación de microcredenciais no sistema autonómico de formación para o traballo, senón que tamén pretende sentar as bases para unha transformación máis ampla e profunda do modelo formativo. Unha transformación, baseada na flexibilidade, a accesibilidade e a personalización que permita a cada persoa desenvolver plenamente o seu potencial, contribuíndo así ao progreso sustentable e equitativo da nosa sociedade.

Con esta normativa, aspírase tamén a consolidar un sistema de capacitación continua que non só prepare as persoas, senón que tamén contribúa ao desenvolvemento e fortalecemento dos sectores produtivos, para os cales o sistema de microcredenciais se constitue como un recurso áxil e versátil que lles permite integrar perfís especializados que respondan ás exixencias específicas de cualificación e actualización tecnolóxica. Desta forma, os distintos sectores poderán mellorar a súa capacidade de adaptación e innovación, así como contribuír a consolidar un tecido produtivo máis resiliente e competitivo, en liña cos obxectivos estratéxicos da Unión Europea para 2030.

En cumprimento da Recomendación do Consello do 16 de xuño de 2022, o presente decreto regula un marco común para o desenvolvemento e a implementación do Marco galego de microcredenciais para o traballo (MGMT) e establece uns principios orientadores para as persoas discentes, persoas empregadoras e o resto de axentes intervenientes.

As microcredenciais atenden a estes fins a través de formacións breves e focalizadas proporcionando unha solución áxil e flexible que permite unha adaptación rápida ás novas exixencias do mercado laboral, e ofrecéndolles ás persoas traballadoras a posibilidade de manterse competitivas e preparadas para manter o seu emprego e mellorar a súa empregabilidade.

A catalogación da formación para o traballo como unha política activa, ademais de como un servizo garantido, permítelle á Comunidade Autónoma de Galicia, aínda en ausencia dun marco común a nivel nacional, establecer un marco autonómico de microcredenciais para o traballo, en exercicio da competencia de xestión das políticas activas de emprego que estatutariamente ten atribuída.

Logo de transcorrer xa máis de dous anos desde a publicación da Recomendación do Consello de Europa do 16 de xuño de 2022, relativa a un enfoque europeo das microcredenciais para a aprendizaxe permanente e a empregabilidade, a Comunidade Autónoma de Galicia considera necesaria unha regulación a nivel autonómico, por entender moi relevante o desafío que temos nas sociedades actuais de actualizar e mellorar os coñecementos, capacidades e competencias da poboación e reducir a fenda entre a súa educación e formación formal e as necesidades dunha sociedade e un mercado de traballo en rápida evolución. Por isto, aprovéitase a oportunidade derivada da devandita recomendación para abrir novas vías de formación e aprendizaxe, tanto en diferentes maneiras como en diferentes contornas.

O decreto parte dunha definición de microcredencial flexible que garante unha diversidade e amplitude de opcións para os diferentes axentes do MGMT, á vez que impulsa a harmonización entre eles. Proporciona unha orientación específica sobre os requisitos de información crítica para as microcredenciais, co fin de maximizar a transparencia e a consistencia e, ademais, delinear os estándares necesarios para facilitar o seu recoñecemento e portabilidade. O marco regulado prevé a implementación de mecanismos estandarizados para a emisión, rexistro e verificación das microcredenciais, promovendo a súa interoperabilidade e a súa integración no marco europeo. Tamén asegura a pertinencia da aprendizaxe, ao relacionar estreitamente o coñecemento e as competencias das microcredenciais coas necesidades da industria, fomentando unha aprendizaxe orientada a resultados e contribuíndo á empregabilidade e ao desenvolvemento profesional.

Por conseguinte, preténdese abordar unha regulación a través do presente decreto que será de aplicación ás microcredenciais desenvolvidas ao abeiro do MGMT.

III

Este decreto estrutúrase en 5 títulos, que abarcan 51 artigos e dúas disposicións derradeiras.

O título I, referido ás disposicións xerais, delimita o obxecto e ámbito de aplicación do decreto e establece a regulación do Marco galego de microcredenciais para o traballo (MGMT). Ademais, define os fins do marco, como o impulso da aprendizaxe permanente, a mellora da empregabilidade e a cohesión territorial. Tamén establece os principios reitores do MGMT e asígnalle as competencias á consellería competente en materia de políticas activas de emprego para a súa coordinación, supervisión e desenvolvemento.

O título II regula as microcredenciais para o traballo, organizándose en tres capítulos. O primeiro establece as disposicións xerais sobre a súa natureza, configuración, contidos esenciais e criterios de calidade. O segundo capítulo describe o modelo de aprendizaxe asociada, así como as modalidades, a duración e os requisitos das experiencias de aprendizaxe. O terceiro aborda o modelo de avaliación, e recolle os principios, os métodos, a certificación de competencias e os mecanismos para a actualización dos procedementos de avaliación.

O título III regula os axentes do MGMT, dividíndose en tres capítulos. O primeiro céntrase nas persoas discentes, definindo os seus dereitos e deberes en relación coa obtención e xestión das microcredenciais. O segundo capítulo aborda as entidades xestoras de microcredenciais de formación no traballo, ao regular no artigo 29 os axentes de formación e no 30 as entidades emisoras, establecendo os seus dereitos, obrigas e estándares de calidade. Por último, o terceiro capítulo define o rol doutros axentes, como persoas empregadoras, axentes sociais e a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, na identificación de necesidades e o uso estratéxico das microcredenciais.

O título IV está dedicado ao sistema de calidade do MGMT. Regula os principios, obxectivos e mecanismos para asegurar a calidade das microcredenciais. Inclúe sistemas de garantía interna e externa, procedementos de auditoría e criterios de revisión periódica, todo iso enfocado en asegurar a validez, transparencia e pertinencia das competencias certificadas.

O título V regula o sistema de información do MGMT, describindo os instrumentos dixitais que soportan o seu funcionamento, como o Portal dixital de microcredenciais, o Repositorio activo de microcredenciais para o traballo (Remitgal) e a Conta persoal de formación. Este título detalla as funcionalidades destes instrumentos, incluíndo a interoperabilidade, a xestión de datos e a protección da privacidade, co obxectivo de garantir o acceso e uso eficiente das microcredenciais.

Finalmente, a disposición derradeira primeira establece os termos para o desenvolvemento normativo e a implementación do decreto no marco das políticas activas de emprego en Galicia, e a disposición derradeira segunda establece a súa entrada en vigor.

IV

Desde o punto de vista da mellora da calidade normativa, este decreto adecúase aos principios de boa regulación previstos no artigo 129 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, así como aos principios de necesidade, proporcionalidade, seguridade xurídica, transparencia, accesibilidade, simplicidade e eficacia recollidos no artigo 37 da Lei 14/2013, do 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico.

No que respecta aos principios de necesidade e eficacia, trátase dunha norma necesaria para a regulación do Marco galego de microcredenciais para o traballo, con base no enfoque europeo de microcredenciais. Este decreto responde á finalidade de implantar o devandito marco, reforzando así as oportunidades de aprendizaxe e de empregabilidade, sen alterar os sistemas de educación inicial, superior e de formación profesional, nin menoscabar ou substituír as cualificacións e titulacións existentes.

De acordo cos principios de proporcionalidade e simplicidade, o decreto contén a regulación esencial do Marco galego de microcredenciais para o traballo, co obxectivo de atender a necesidade detectada e de crear un marco normativo estable e claro que facilite o seu coñecemento e comprensión.

En consonancia cos principios de seguridade xurídica e eficiencia, a norma resulta coherente co ordenamento xurídico vixente e permite unha xestión máis eficiente dos recursos públicos.

Así mesmo, cumpre cos principios de transparencia e accesibilidade, tendo en conta que se identifica claramente o seu propósito e, durante o procedemento de tramitación, facilitouse a participación activa das persoas potencialmente destinatarias mediante un amplo trámite de consulta pública previa e a publicación do proxecto normativo no Portal de transparencia e Goberno aberto da Xunta de Galicia.

Por último, este decreto dítase tendo en conta o establecido no artigo 40 da Constitución española que establece que os poderes públicos promoverán as condicións favorables para o progreso social e económico, a realización dunha política orientada ao pleno emprego e o fomento dunha política que garanta a formación e a readaptación profesionais, e tendo en conta o establecido no artigo 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, de atribución de competencias no fomento da planificación da actividade económica en Galicia consonte as bases e a ordenación da actuación económica xeral.

Tamén cabe aludir a que mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, a Comunidade Autónoma de Galicia asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión levada a cabo polo Instituto Nacional de Emprego no ámbito do traballo, o emprego e a formación.

De conformidade co disposto no Decreto 42/2024, do 14 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia; no Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, e no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, corresponde a esta o exercicio das competencias e funcións relativas á xestión das políticas activas de emprego.

Na elaboración desta disposición seguíronse os trámites previstos na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. Así, en cumprimento do principio de transparencia, a iniciativa normativa publicouse no Portal de transparencia e Goberno aberto e someteuse ao trámite de audiencia de entidades representativas dos grupos ou sectores afectados. Ademais, someteuse ao ditame do Consello Galego de Relacións Laborais, ao informe de sustentabilidade financeira da Dirección Xeral de Orzamentos e Financiamento Autonómico, ao de impacto de xénero da Dirección Xeral de Promoción da Igualdade, ao de impacto demográfico da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, así como ao informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, de acordo co Consello Consultivo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día doce de xaneiro de dous mil vinte e seis,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

1. O presente decreto ten por obxecto a creación e regulación do Marco galego de microcredenciais para o traballo (en diante, MGMT), que se establece como o conxunto de disposicións normativas, procedementos e ferramentas orientados á estruturación, desenvolvemento, xestión e certificación da formación prevista no artigo 2.3 e das microcredenciais que a acreditan.

2. As ditas microcredencias poden ser promovidas e executadas por entidades e organizacións, tanto públicas como privadas, con e sen fin de lucro, pertencentes a calquera sector de actividade, incluíndo as empresas, as asociacións profesionais, as agrupacións empresariais ou industriais e outras agrupacións sectoriais ou profesionais.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. O presente decreto será de aplicación á formación e ás microcredenciais desenvolvidas, xestionadas e certificadas dentro do MGMT, dirixidas á cualificación, transición e adaptación profesional das persoas traballadoras, tanto ocupadas como desempregadas, co fin de mellorar a súa empregabilidade.

2. Así mesmo, seralles de aplicación ás entidades e organizacións, tanto públicas como privadas, con e sen fin de lucro, que operen en calquera sector de actividade dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, incluídas as empresas, as asociacións profesionais, as agrupacións industriais, as agrupacións sectoriais ou profesionais e demais actores implicados na creación, implementación ou recoñecemento de microcredenciais para a aprendizaxe permanente das persoas traballadoras.

3. Quedan comprendidas no ámbito de aplicación deste decreto todas as accións e programas de aprendizaxe incluídos nas políticas activas de emprego e non suxeitos á aprendizaxe formal que, cumprindo cos requisitos e procedementos establecidos neste regulamento, sexan susceptibles de xerar microcredenciais conforme os criterios e estándares do MGMT, sempre que as ditas accións se orienten á mellora das competencias profesionais e á empregabilidade das persoas destinatarias.

4. As disposicións deste decreto non lles serán aplicables ás microcredenciais universitarias reguladas no artigo 37 do Real decreto 822/2021, do 28 de setembro, polo que se establece a organización das ensinanzas universitarias e do procedemento de aseguramento da súa calidade, nin ás acreditacións dos graos A e B previstas na Lei orgánica 3/2022, do 31 de marzo, de ordenación e integración da formación profesional, ou normas que as substitúan.

Artigo 3. Definicións

Para os efectos deste decreto, entenderase por:

a) Sistema galego de formación para o traballo: conxunto de normas, procedementos e ferramentas que, no marco das políticas activas de emprego, regulan e desenvolven o exercicio do dereito á formación das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas co obxectivo de mellorar as súas competencias profesionais e favorecer o seu desenvolvemento profesional, e que comprende tanto aprendizaxes formais como as non formais reguladas neste decreto.

b) Aprendizaxe formal: aprendizaxe en contornas organizadas e estruturadas, dedicadas de xeito específico á aprendizaxe que dá lugar á concesión dunha cualificación, en forma de certificado ou de título, e abrangue os sistemas de ensino primario e secundario, de formación profesional en todos os seus graos, e as ensinanzas universitarias. Tamén están incluídos neste concepto o Catálogo de especialidades formativas do Servizo Público de Emprego Estatal.

c) Aprendizaxe non formal: calquera que teña lugar fóra do marco da educación e a aprendizaxe formais por medio de actividades planificadas con referencia a uns obxectivos e tempo de aprendizaxe e na cal hai algún tipo de apoio á aprendizaxe.

d) Contornas de aprendizaxe: conxunto de localizacións, espazos, ferramentas e contextos tanto físicos como en liña, híbridos, virtuais e dixitais, en que se desenvolva o proceso de aprendizaxe.

e) Experiencia de aprendizaxe: proceso formativo de carácter non formal, planificado en canto a obxectivos e duración, impartido por axentes de formación, mediante o cal a persoa discente adquire coñecementos, capacidades e competencias que, tras superar a correspondente avaliación, poden dar lugar á expedición dunha microcredencial.

f) Portabilidade: capacidade da persoa titular dunha credencial de almacenar as súas microcredenciais nun sistema da súa elección, de transmitilas a unha organización da súa elección e de que todas as persoas participantes no intercambio poidan comprender o contido das credenciais e verificar a súa autenticidade.

g) Empillabilidade: posibilidade de reunir, cando proceda, diferentes microcredenciais e que se complementen mutuamente dunha forma lóxica. As decisións de acumular ou reunir credenciais corresponden á organización destinataria (entidades intermedias, persoas empregadoras, etc.) en consonancia coas súas prácticas e deben garantir os obxectivos e necesidades da persoa discente. A acumulación non xera ningún dereito a unha cualificación ou a un título.

h) Conta persoal de formación: instrumento a través do cal as persoas traballadoras de Galicia poden ter acceso, xestionar e acumular o resultado da súa experiencia de aprendizaxe en termos de acreditacións, certificacións e microcredenciais, así como as competencias adquiridas, que serán rexistradas no expediente laboral personalizado único.

i) Conta de aprendizaxe individual: trátase dunha conta persoal que lle permite á persoa titular acumular e conservar os seus dereitos ao longo do tempo para acceder ás oportunidades admisibles de formación, orientación ou validación de aprendizaxe que considere máis útiles, no momento en que o desexe.

j) Dereito de formación individual: o dereito a acceder a un orzamento persoal á disposición da persoa interesada para cubrir os custos directos de formación pertinentes para o mercado laboral, servizos de orientación e asesoramento, avaliación ou validación de capacidades que poidan optar ao financiamento.

k) Empregabilidade: conxunto de competencias, capacidades e cualificacións transferibles que reforzan a capacidade das persoas para aproveitar as oportunidades de educación e formación que se lles presenten con miras a atopar e conservar un traballo decente, progresar profesionalmente e adaptarse á evolución das tecnoloxías e das condicións do mercado de traballo.

l) ESCO (European Skills, Competences and Occupations): clasificación europea multilingüe de capacidades, competencias e ocupacións. Funciona como un dicionario que describe, identifica e clasifica as ocupacións profesionais e as capacidades relevantes para o mercado laboral e a educación e a formación da Unión Europea. 

m) Resultados da aprendizaxe: enunciados que describen, en termos de obxectivos, as competencias e coñecementos ESCO, que un individuo debe saber, comprender e/ou ser capaz de facer ao rematar un proceso de aprendizaxe. Facilitan a transparencia e a comparativa das cualificacións ao proporcionar un marco común para describir o seu contido e alcance, permitindo así unha mellor identificación das similitudes e diferencias entre elas.

n) Credencial dixital: representación dixital e verificable dun resultado de aprendizaxe que lles permite ás persoas mostrar as competencias e coñecementos adquiridos de forma segura e interoperable, e que facilita a comunicación transparente das competencias das persoas traballadoras.

o) Avaliación: proceso planificado e documentado mediante o que se comproba, con criterios e limiares de desenvolvemento previamente establecidos, o logro de resultados de aprendizaxe dunha microcredencial, usando métodos e instrumentos axeitados, e que conclúe cun resultado de aptitude (apto/non apto) para a certificación e, se é o caso, expedición da microcredencial.

Artigo 4. Fins do Marco galego de microcredenciais para o traballo

O marco regulado neste decreto garantirá un enfoque uniforme e coordinado en Galicia para o desenvolvemento de microcredenciais para o traballo, atendendo aos seguintes fins:

a) Establecer as directrices fundamentais para os axentes do MGMT, en relación co desenvolvemento, a impartición e a emisión de microcredenciais impulsando o seu recoñecemento e utilidade tanto no sistema de formación para o traballo como no mercado laboral.

b) Fomentar a aprendizaxe permanente, facilitando que as persoas discentes poidan tomar decisións informadas sobre a realización de microcredenciais ao seu propio ritmo e no lugar da súa elección, promovendo a flexibilidade no acceso á formación no traballo en Galicia.

c) Establecer unha definición unificada a nivel autonómico das microcredenciais para o traballo, que garanta a axilidade e a amplitude en beneficio das persoas discentes, persoas empregadoras e resto de axentes do MGMT, e que impulse a harmonización entre estes actores dentro do territorio galego.

d) Proporcionar orientacións específicas sobre os requisitos de información esenciais que deben cumprir todas as microcredenciais, co obxectivo de asegurar a transparencia e coherencia, así como detallar os estándares necesarios para o seu recoñecemento como microcredencial para o traballo en Galicia.

e) Regular principios comúns para todas as persoas e entidades interesadas que orienten o desenvolvemento e a impartición de microcredenciais no ámbito galego, promovendo o seu aliñamento coas necesidades territoriais e sectoriais de formación e emprego.

f) Asegurar que as microcredenciais contribúan á adquisición de competencias relevantes por parte das persoas discentes, vinculando estreitamente os coñecementos e habilidades adquiridos a través das ditas microcredenciais coas demandas do tecido produtivo, co fin de facilitar a aprendizaxe continua e a mellora das oportunidades de emprego.

Artigo 5. Principios reitores do Marco galego de microcredenciais para o traballo

1. O MGMT é un instrumento para o exercicio do dereito á formación para o traballo ao longo da vida de todas as persoas traballadoras, con independencia da súa situación laboral, sector ou ámbito profesional, complementario a outros sistemas de formación. A súa finalidade é facilitar a adaptación aos cambios profesionais e ás transicións laborais, no marco das políticas activas de emprego, promovendo a cohesión social e territorial, e garantindo a igualdade de xénero.

2. As actividades e instrumentos que compoñen o MGMT rexeranse polos seguintes principios:

a) Accesibilidade universal e non discriminación: garantirase a igualdade de oportunidades no acceso aos servizos e programas dirixidos á obtención de microcredenciais, evitando calquera forma de discriminación. Así mesmo, poderán implementarse medidas de acción positiva para facilitar a inserción laboral de colectivos con especiais dificultades, así como para fomentar proxectos e programas que impulsen a recuperación e atracción de talento.

b) Participación: promoverase a participación activa de persoas traballadoras, persoas empregadoras e demais entidades, tanto públicas como privadas, nas actividades formativas. As persoas empregadoras poderán participar na planificación, programación e avaliación das microcredenciais, fomentando o seu uso como ferramenta estratéxica para a mellora da competitividade.

c) Atención ás necesidades do mercado de traballo e fomento da produtividade: promoverase a mellora das competencias profesionais das persoas traballadoras a través dunha formación axustada ás demandas do mercado laboral, reforzando o seu desenvolvemento persoal e profesional e favorecendo a súa empregabilidade. Ao mesmo tempo, impulsarase a produtividade e competitividade das empresas mediante unha formación flexible e axustada ás súas necesidades específicas.

d) Eficacia e eficiencia: asegurarase que a formulación e execución dos programas e proxectos en materia de microcredenciais respondan de maneira rápida e adecuada ás necesidades do tecido empresarial.

e) Activación da empregabilidade: impulsarase a creación de microcredenciais que, ademais da avaliación e certificación de competencias, inclúan servizos de orientación e titorización personalizadas. Todo iso a través dunha oferta áxil e flexible, que facilite a reciclaxe, a actualización de coñecementos e a recualificación, evitando a obsolescencia competencial da poboación activa.

f) Diálogo social: fomentarase a inclusión das microcredenciais na formación programada polas empresas como unha ferramenta áxil para atender as necesidades formativas inmediatas das empresas e das persoas traballadoras, coa participación da súa representación legal.

g) Proximidade: garantirase a calidade e pertinencia na detección das necesidades das persoas e empresas mediante un enfoque próximo e accesible, asegurando a adecuada prestación dos servizos vinculados ás microcredenciais.

h) Cooperación e coordinación: a programación, planificación e execución da formación vinculada ás microcredenciais estarán orientadas ao logro de obxectivos comúns. As entidades e administracións competentes deberán colaborar entre si, compartindo a información e facilitando a cooperación necesaria para asegurar a eficacia das accións.

i) Transparencia: a información pública relativa ás microcredenciais será accesible, salvo nos casos en que resulte necesario protexer dereitos ou intereses lexítimos, conforme a lexislación vixente. A consellería competente en materia de políticas activas de emprego divulgará a dita información de maneira veraz, actualizada, obxectiva, comprensible e gratuíta, respectando os límites impostos pola protección doutros dereitos.

Artigo 6. Atribucións da consellería competente en materia de políticas activas de emprego

A consellería competente en materia de políticas activas de emprego será a responsable da coordinación, supervisión e seguimento do MGMT, asegurando a súa adecuada implementación e desenvolvemento, e asumirá, entre outras, as seguintes funcións:

a) Establecer as directrices estratéxicas e normativas para o funcionamento do MGMT.

b) Aprobar os procedementos, requisitos e estándares necesarios para a emisión, xestión e certificación das microcredenciais nos termos previstos no presente decreto.

c) Supervisar o cumprimento dos obxectivos do MGMT en relación coa mellora da empregabilidade, recualificación e mobilidade laboral das persoas traballadoras.

d) Colaborar cos axentes económicos e sociais, entidades públicas e privadas, e organizacións sectoriais e territoriais para garantir a aliñación do MGMT coas necesidades do mercado laboral.

e) Prestar específica colaboración ás entidades de atención á discapacidade e outras igualmente pertencentes ao terceiro sector e especializadas en colectivos con especiais dificultades de inserción ou de acceso ao mercado de traballo, para garantir que se teñan en consideración e se implementen as medidas necesarias e axeitadas para a protección dos dereitos e intereses deses colectivos.

f) Fomentar que as entidades xestoras adopten un sistema de xestión da accesibilidade global.

g) Impulsar as medidas necesarias para a avaliación e mellora continua do MGMT.

TÍTULO II

As microcredenciais para o traballo

CAPÍTULO I

Disposicións xerais das microcredenciais para o traballo

Artigo 7. Microcredencial para o traballo

1. No MGMT a microcredencial para o traballo é unha certificación que acredita un coñecemento, unha capacidade ou unha competencia específica adquiridos a través dunha experiencia de aprendizaxe breve, estruturada e orientada ao mercado laboral.

A súa obtención está condicionada á superación dunha avaliación obxectiva baseada en criterios transparentes, centrada na competencia demostrada e non no tempo dedicado á aprendizaxe.

2. As microcredenciais reguladas no MGMT estarán destinadas á formación ao longo da vida das persoas traballadoras, tanto en situación de emprego como de desemprego, co fin de mellorar, actualizar, recualificar e adaptar as súas competencias profesionais. As ditas microcredenciais deberán facilitar a integración, permanencia e mobilidade das persoas traballadoras no mercado laboral, atendendo ás necesidades de cualificación requiridas nos diferentes sectores produtivos.

3. A credencial asociada, emitida por unha entidade provedora autorizada, presentarase nun formato dixital verificable, garantindo a súa autenticidade, rastrexabilidade e portabilidade, e estará deseñada para mellorar a empregabilidade e o desenvolvemento profesional continuo.

Artigo 8. Criterios para a configuración da formación vinculada ás microcredenciais para o traballo

1. Co fin de maximizar a eficacia e o valor da formación e as microcredenciais que a acreditan, na configuración e desenvolvemento destas deberán respectarse os seguintes criterios, que terán carácter vinculante:

a) Adecuación ás necesidades do mercado: as microcredenciais deberán aliñarse coas demandas actuais e emerxentes do tecido produtivo non cubertas pola oferta de aprendizaxe formal, garantindo que as capacidades, coñecementos e competencias adquiridas sexan pertinentes e aplicables no ámbito profesional. As capacidades, coñecementos e competencias acreditados deberán revisarse periodicamente para asegurar a súa pertinencia no contexto laboral, podendo requirirse a súa renovación ou actualización tras un determinado período de tempo.

b) Deseño orientado a necesidades específicas: as experiencias de aprendizaxe que conducen á obtención de microcredenciais estarán deseñadas para obter competencias específicas que respondan a carencias identificadas nos sectores produtivos ou a necesidades sociais, cumprindo cos estándares e exixencias do mercado laboral.

c) Adaptación á aprendizaxe permanente: as microcredenciais deberán permitir ás persoas discentes seleccionar cursos axustados ás súas necesidades, aspiracións futuras e traxectorias profesionais, fomentando a cualificación e a recualificación nun contexto de evolución constante do mercado laboral.

d) Transparencia: a formación vinculada ás microcredenciais deberá ser medible, comparable e comprensible, e proporcionará unha información clara, accesible e detallada acerca do seu contido, carga de traballo, duración, requisitos de acceso, nivel de formación, oferta de aprendizaxe e os resultados de aprendizaxe esperados. Esta información deberá facilitar unha comprensión precisa por parte das persoas interesadas, de xeito que permita unha valoración informada e obxectiva sobre a relevancia e utilidade da microcredencial.

e) Calidade: a formación vinculada ás microcredenciais deberá cumprir cos estándares de calidade interna e externa establecidos neste decreto, co fin de garantir un proceso formativo rigoroso e pertinente. Os mecanismos de garantía de calidade deberán ser adecuados á súa finalidade, estar documentados, ser accesibles e atender as necesidades das persoas discentes e doutras partes interesadas.

f) Flexibilidade: a formación vinculada ás microcredenciais deberá ofrecer mecanismos que permitan a súa realización de maneira adaptable ás circunstancias e a dispoñibilidade das persoas de forma que se lles facilite o acceso en diversas modalidades e ritmos de aprendizaxe.

g) Recoñecemento e acreditación: as microcredenciais deberán ser susceptibles de recoñecemento por parte de persoas empregadoras e entidades formativas, coa finalidade de favorecer o desenvolvemento profesional da poboación activa.

h) Avaliación: as microcredenciais deberán incorporar mecanismos de avaliación transparentes, obxectivos e verificables que aseguren a adquisición efectiva das competencias previstas. A avaliación deberá estar aliñada coas competencias específicas dos sectores a que se dirixe a microcredencial, baseándose en resultados de aprendizaxe medibles e avaliados individualmente.

i) Certificación: as competencias adquiridas deberán ser certificadas mediante credenciais dixitais seguras e verificables, que garantan a autenticidade e rastrexabilidade dos logros alcanzados polas persoas que as realizaron.

j) Portabilidade: as microcredenciais serán propiedade das persoas que recibiron a formación, e permitiránlles mostrar os seus logros de forma efectiva e portátil ao longo da súa traxectoria profesional.

k) Interoperabilidade: as microcredenciais deberán estar aliñadas coa Clasificación europea de habilidades, competencias, cualificacións e ocupacións (ESCO), de maneira que facilitarán o seu recoñecemento e comparativa a nivel europeo. Así mesmo, as microcredenciais emitiranse nun formato dixital compatible cos sistemas de certificación recoñecidos a nivel europeo.

2. O cumprimento destes criterios deberá garantir que as microcredenciais cumpran coa súa finalidade e respondan eficazmente ás necesidades dos sectores produtivos, así como das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas de Galicia.

Artigo 9. Contidos esenciais da microcredencial para o traballo

1. As microcredenciais para o traballo expedidas ao abeiro do presente decreto deberán acreditar, de maneira fidedigna, os coñecementos, competencias e habilidades adquiridas pola persoa receptora, co obxecto de fomentar a súa empregabilidade e garantir o recoñecemento das capacidades adquiridas en contextos de aprendizaxe non formal.

2. O formato para describir a microcredencial incluirá, polo menos, os seguintes elementos:

a) Identificación da persoa que recibe a microcredencial.

b) Título da microcredencial, con identificación clara da competencia, coñecemento ou capacidade acreditada.

c) Lugar de expedición da microcredencial.

d) Entidade ou institución responsable de expedir a microcredencial, incluíndo a súa razón social e identificador legal obrigatorio. De ser o caso, deberá especificarse a colaboración con outras entidades certificadoras.

e) Institución, organismo, entidade ou empresa en que se realiza a aprendizaxe ou se imparte a formación, incluíndo a súa razón social e identificador legal obrigatorio.

f) Data de expedición, con indicación do día, mes e ano.

g) Modalidade de aprendizaxe ou de formación cursada, xa sexa presencial, semipresencial, en liña (síncrona ou asíncrona) ou a través de teleformación, sempre que garantan a intereacción formativa, o seguimento e a avaliación da aprendizaxe.

h) Carga de traballo teórica e práctica, indicando o número de horas que se consideran necesarias para alcanzar os resultados da aprendizaxe.

i) Resultados da aprendizaxe, con descrición clara e precisa dos coñecementos, capacidades e competencias adquiridas pola persoa titular da microcredencial.

j) Métodos de avaliación empregados para determinar a adquisición das competencias, tales como probas teóricas, proxectos prácticos ou simulacións.

k) Detalle dos mecanismos de garantía de calidade aplicados para asegurar a validez e fiabilidade da microcredencial.

Artigo 10. Contidos complementarios da microcredencial para o traballo

Co obxectivo de dotar dunha maior transparencia, confianza e recoñecemento as microcredenciais, ademais da información prevista no artigo anterior, a entidade emisora poderá incluír nas microcredenciais:

a) Requisitos previos para a inscrición, especificando os criterios e condicións que a persoa solicitante debeu cumprir para inscribirse e participar na experiencia de aprendizaxe que dá lugar á expedición da microcredencial.

b) Mecanismos de supervisión e verificación da identidade durante a avaliación, indicando o procedemento empregado para a supervisión e verificación da identidade no proceso de avaliación, e especificando se a avaliación é non supervisada e sen verificación de identidade, supervisada sen verificación de identidade, ou supervisada con verificación en liña ou presencial.

c) Descrición detallada dos contidos impartidos durante o proceso formativo.

d) Cualificación obtida, consignando a nota ou puntuación obtida tras a avaliación dos resultados de aprendizaxe.

e) Outros datos relevantes que faciliten unha mellor comprensión do contexto de aprendizaxe e avaliación, tales como referencias a normativas específicas, códigos de autenticidade ou ligazóns a plataformas dixitais para a verificación da microcredencial.

Artigo 11. Descrición dos resultados da aprendizaxe

Co obxectivo de garantir unha descrición clara, precisa e estruturada das competencias e coñecementos adquiridos pola persoa titular, os resultados da aprendizaxe asociados a cada microcredencial para o traballo organizaranse en tres bloques de información diferenciados, consonte a seguinte estrutura:

a) Obxectivos de aprendizaxe: breve descrición do obxectivo xeral da experiencia de aprendizaxe e a súa orientación cara ao desenvolvemento de coñecementos, capacidades e competencias relevantes no ámbito laboral para a mellora da empregabilidade e o desenvolvemento profesional da persoa titular. Este punto deberá permitir identificar de forma comprensible as características esenciais dos resultados da aprendizaxe.

b) Resultados específicos da aprendizaxe: breve descrición do que a persoa titular da microcredencial sabe, comprende e é capaz de facer ao finalizar a actividade. Especificarase:

i. Alcance e tipos de coñecementos, capacidades e competencias adquiridos.

ii. Complexidade ou nivel de profundidade da aprendizaxe.

iii. Ámbito de aplicación, indicando a contorna ou escenarios específicos onde se aplicarán as competencias.

c) Coñecementos, capacidades e competencias ESCO: enumeraranse os coñecementos, capacidades e competencias adquiridos pola persoa titular da microcredencial, asociados a cada resultado da aprendizaxe, utilizando a nomenclatura e estrutura de ESCO para clasificalos.

Artigo 12. Título da microcredencial para o traballo

1. O título da microcredencial para o traballo constitúe o soporte formal en que se consignan de maneira transparente e accesible a experiencia de aprendizaxe e os resultados obtidos pola persoa titular desta.

2. O título deberá emitirse nun formato seguro que garanta a súa conservación e facilite a súa comunicación por medios electrónicos.

3. O título será expedido como unha credencial dixital verificable, que lles facilite ás persoas titulares transferir e exportar as súas credenciais de maneira dixital, de xeito que permita o seu uso en diferentes contornas laborais, e asegure a súa validez e recoñecemento en distintos contextos.

4. Este título é propiedade da persoa discente, quen ten o dereito exclusivo de portabilidade, a través de dispositivos que faciliten a compartición da información que contén.

5. O título pode ser independente por cada microcredencial ou, alternativamente, acumularse nun formato modular que permita a agregación de varias microcredenciais nun único rexistro consolidado.

Artigo 13. Validez das microcredenciais para o traballo

1. Considérase microcredencial para o traballo válida unicamente aquela que cumpra cos requisitos establecidos no prego técnico, deseñado pola consellería competente en materia de políticas activas de emprego ou entidade en que delegue, e cuxa expedición fose realizada por unha entidade emisora debidamente acreditada para tal fin. As certificacións emitidas incumprindo estes termos carecerán de validez oficial e non poderán ser consideradas microcredenciais a efectos deste decreto.

2. As microcredenciais expedidas dentro do MGMT terán validez en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e poderán ser recoñecidas fóra da devandita comunidade, de ser o caso, conforme os acordos ou convenios que se establezan con outras comunidades autónomas ou a nivel nacional.

3. O recoñecemento das microcredenciais fóra do ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia tamén poderá efectuarse a través de mecanismos de portabilidade e validación a nivel estatal ou internacional, conforme a lexislación aplicable.

CAPÍTULO II

Experiencia de aprendizaxe

Artigo 14. Contidos e validación

1. As experiencias de aprendizaxe que conduzan á obtención dunha microcredencial desenvolveranse a través da modalidade de formación non formal.

2. Os contidos formativos deseñaranos os axentes de formación previstos no artigo 29, para responder as necesidades do mercado laboral, e poderán desenvolverse en colaboración con outras empresas, institucións, asociacións e organizacións empresariais, así como con persoas expertas.

3. As experiencias de aprendizaxe non formal deberán someterse a mecanismos de validación que poidan determinar, documentar, avaliar e certificar os resultados da aprendizaxe da persoa que aprende. Os mecanismos de validación deberán garantir a fiabilidade e obxectividade na verificación dos coñecementos adquiridos.

4. Unha mesma microcredencial poderá obterse mediante diferentes experiencias de aprendizaxe, determinadas polos axentes de formación conforme o previsto no artigo 29, en función do coñecemento previo e das características das persoas discentes. Entenderase que se trata dunha mesma microcredencial cando, con independencia da diversidade das experiencias de aprendizaxe, quede garantida a consecución dos mesmos resultados de aprendizaxe previamente establecidos e validados conforme o disposto neste decreto.

Artigo 15. Modalidades formativas

Poderanse utilizar diversas modalidades formativas, e diferentes contornas de aprendizaxe en distintos lugares, diversas localizacións e enfoques mixtos, en espazos físicos, en liña, dixitais, en modalidades presencial, virtual e híbrida. En todo caso, deberá garantirse a identificación fidedigna da persoa participante.

Artigo 16. Duración

A duración de cada experiencia de aprendizaxe para a obtención da microcredencial establecerase en función do volume de traballo que se considere necesario para acadar os resultados de aprendizaxe previstos, cun un mínimo de 10 horas e un máximo de 100 horas.

CAPÍTULO III

Modelo de avaliación de resultados da aprendizaxe

Artigo 17. Concepto de avaliación

A avaliación da aprendizaxe é un proceso estruturado, planificado e organizado de forma anticipada, deseñado para valorar, documentar e certificar o nivel de logro alcanzado pola persoa discente en relación cos resultados de aprendizaxe definidos para cada microcredencial.

Artigo 18. Responsables da avaliación

1. Os axentes de formación, previstos no artigo 29, serán os responsables de deseñar, planificar e executar a avaliación da aprendizaxe, garantindo a observancia dos principios do artigo 19.

2. Corresponde a estes axentes designar as persoas e/ou comités avaliadores, que deberán contar con experiencia na competencia obxecto de avaliación e actuar con imparcialidade, profesionalidade e transparencia, e conforme os principios de actuación que se establezan no sistema de calidade.

Artigo 19. Principios reitores da avaliación

A avaliación deberá realizarse atendendo aos seguintes principios:

a) Pertinencia: deberá ser coherente cos resultados de aprendizaxe definidos para a obtención da microcredencial e aliñarse coa natureza das competencias que se pretenden adquirir ou desenvolver no sector produtivo correspondente.

b) Fiabilidade: os mecanismos de avaliación deben ser consistentes, obxectivos e reproducibles, de maneira que garantan a fiabilidade e obxectividade na verificación dos coñecementos, capacidades e competencias adquiridos.

c) Transparencia: os criterios, procedementos e limiares de desempeño definiranse antes do inicio da experiencia de aprendizaxe e non poderán ser modificados durante o seu desenvolvemento. A estrutura e os métodos de avaliación serán comunicados de maneira clara e accesible ás persoas discentes antes da súa inscrición, coa finalidade de asegurar a súa comprensión.

d) Igualdade, equidade e non discriminación: garantirase a uniformidade da avaliación para todas as persoas discentes dunha mesma edición dunha microcredencial.

Artigo 20. Métodos de avaliación

1. Na avaliación de resultados de aprendizaxe poderanse empregar diversos métodos, tales como probas escritas, proxectos prácticos, simulacións, estudos de caso ou combinacións destes, sempre que sexan adecuados á natureza das competencias avaliadas e dos resultados de aprendizaxe, distinguíndose entre:

a) Avaliación teórica, para medir coñecementos.

b) Avaliación práctica, para valorar competencias ou capacidades técnicas.

c) Avaliación teórico-práctica, para aqueles casos en que se combinen coñecementos, capacidades e competencias.

2. A avaliación final será obrigatoria para a obtención da microcredencial, mentres que as avaliacións inicial e continua terán carácter opcional e fins exclusivamente metodolóxicos.

Artigo 21. Resultados da avaliación e certificación de aptitude

1. Os resultados da avaliación serán determinados conforme os criterios e limiares de desempeño previamente establecidos para cada microcredencial. Os devanditos resultados poderán ser de dous tipos:

a) Apto: esta cualificación certifica que a persoa discente logrou os resultados de aprendizaxe previstos, alcanzando ou superando os limiares establecidos.

b) Non apto: esta cualificación indica que a persoa discente non alcanzou os coñecementos, capacidades ou competencias requiridos para obter a microcredencial.

2. Os resultados da aprendizaxe deberán ser descritos conforme o previsto no artigo 11 deste decreto. En todo caso, a comunicación dos resultados será clara, obxectiva e específica, de forma que lle facilite información á persoa discente sobre o seu desempeño en relación cos resultados de aprendizaxe e os limiares establecidos.

En caso de resultar «Non apto», a notificación incluirá, sempre que sexa posible, unha orientación sobre as áreas en que se deben mellorar as súas competencias.

Artigo 22. Actualización dos criterios e procedementos de avaliación

1. Os criterios e procedementos de avaliación asociados a cada microcredencial serán revisados cando se considere necesario e, en todo caso, unha vez ao ano, considerando os resultados obtidos nas edicións previas e os obxectivos de aprendizaxe definidos para a próxima edición. Esta revisión terá como finalidade axustar e optimizar o proceso de avaliación en función das necesidades formativas e do logro efectivo dos resultados de aprendizaxe.

2. As modificacións resultantes desta revisión deberán ser implementadas na nova edición da microcredencial e deberán estar accesibles para as persoas interesadas antes da apertura do prazo de inscrición para a nova edición da microcredencial, garantindo que dispoñan dunha información completa sobre os criterios e procedementos de avaliación vixentes.

3. A actualización dos criterios e procedementos de avaliación será responsabilidade do axente de formación da microcredencial, quen deberá asegurar que as ditas modificacións respecten os principios do artigo 19.

TÍTULO III

Axentes do MGMT

CAPÍTULO I

Persoas discentes

Artigo 23. Definición

Para os efectos do presente decreto, entenderase por persoa discente toda persoa física que participe nun proceso de aprendizaxe non formal e que, tras superar os procedementos de avaliación, reciba microcredenciais que certifiquen a adquisición de coñecementos, capacidades ou competencias nun ámbito determinado.

Artigo 24. Dereitos das persoas discentes

As persoas discentes teñen dereito:

a) Á titularidade exclusiva das microcredenciais outorgadas polas entidades emisoras, con dereito a xestionalas, almacenalas, acceder a elas e dispoñer delas de maneira autónoma, sen intervención das entidades emisoras. Este dereito abarca a facultade de manter, transmitir ou eliminar as súas microcredenciais e datos acreditativos da súa formación en calquera momento e lugar, e sen limitación temporal nin xeográfica.

b) Á portabilidade das microcredenciais a través de plataformas e carteiras dixitais seguras, adecuadas aos estándares europeos EDC (European Digital Credentials) baseadas en modelos de datos abertos, que garantan dunha maneira fácil a accesibilidade á información, a interoperabilidade, o intercambio fluído de datos e a verificación da autenticidade, de conformidade co Regulamento xeral de protección de datos.

c) A xestionar a súa identidade dixital de forma autosoberana e exercer a súa autodeterminación informativa. En virtude deste dereito, poderán decidir, de maneira voluntaria e sen intermediación da entidade emisora, sobre o acceso, almacenamento, uso e transmisión das súas microcredenciais e outros datos acreditativos da súa formación, compartíndoos con terceiros sen restrición de tempo nin lugar.

d) A recibir unha formación de calidade conducente á adquisición dos coñecementos e competencias que a microcredencial acredita.

e) No caso das persoas con discapacidade, a que se realicen de maneira real e efectiva os axustes razoables e proporcionados ás súas circunstancias e a que se adopten e leven a termo as medidas de acción positiva e apoios complementarios e demais instrumentos previstos na lexislación sobre dereitos das persoas con discapacidade e a súa inclusión social, garantindo o acceso, en condicións de non discriminación, das persoas con discapacidade á formación regulada neste decreto.

f) No caso de persoas pertencentes a grupos de poboación necesitados de accións específicas para favorecer a súa incorporación ao traballo, a que se adopten as medidas que garantan o seu real e eficaz acceso, en condicións de non discriminación, á formación regulada neste decreto.

g) A posuír unha conta persoal de formación, complementaria da conta de aprendizaxe individual, en que se poñan á disposición da persoa titular os seus dereitos de formación individuais, permitíndolle acumulalos e conservalos ao longo do tempo para acceder ás oportunidades admisibles de formación, orientación ou validación de aprendizaxes que considere máis útiles, no momento en que o desexe. A conta persoal concédelle á persoa titular a plena disposición dos dereitos, con independencia da fonte de financiamento.

Artigo 25. Deberes das persoas discentes

As persoas discentes están obrigadas a:

a) Cumprir cos requisitos de asistencia, participación e avaliación establecidos para a obtención das microcredenciais.

b) Utilizar as súas microcredenciais de maneira responsable, co fin de asegurar que se empreguen para os fins establecidos neste decreto e para certificar unicamente os coñecementos, capacidades e competencias efectivamente adquiridos.

c) Proporcionar e manter actualizados os datos persoais que resulten necesarios para a emisión e xestión das súas microcredenciais. Toda a información persoal proporcionada deberá ser veraz e completa, para facilitar os procesos de certificación e de posibles fraudes.

d) Respectar os procedementos de interoperabilidade para garantir un uso adecuado e confiable nos sistemas de intercambio de datos.

e) Exercer un control dilixente sobre a súa identidade dixital e os seus datos persoais, o que comporta a responsabilidade de decidir de xeito consciente sobre o acceso, uso e transmisión dos seus datos acreditativos a terceiros.

f) Respectar a normativa vixente sobre protección de datos e xestionar as súas microcredenciais de forma que se garanta a privacidade e seguridade da información.

CAPÍTULO II

Entidades xestoras de microcredenciais para o traballo

Artigo 26. Entidades xestoras de microcredenciais para o traballo

1. Son entidades xestoras de microcredenciais para o traballo as entidades e organizacións, tanto públicas como privadas, que operen en calquera sector de actividade dentro da Comunidade Autónoma de Galicia e que asuman a responsabilidade xeral de participar no deseño, execución, avaliación e/ou emisión de microcredenciais no marco do MGMT, cumprindo os requisitos establecidos neste decreto.

2. As entidades xestoras serán responsables de garantir a calidade, relevancia e transparencia das experiencias de aprendizaxe e das microcredenciais que as acreditan.

3. Sempre que cumpran cos requisitos establecidos para cada suposto, as entidades xestoras poderán asumir unha ou ambas das modalidades seguintes:

a) Axente de formación, cando a entidade se ocupa do deseño e da impartición das experiencias de aprendizaxe, así como da avaliación das persoas discentes, nos termos previstos no artigo 29.

b) Entidade emisora, cando a entidade está acreditada para expedir formalmente as microcredenciais, garantindo a súa autenticidade, validez e rastrexabilidade, de acordo co previsto nos artigos 30 e 31.

4. Cando unha entidade xestora asuma de maneira simultánea as funcións de axente de formación e de entidade emisora actuará con responsabilidade plena sobre o ciclo de aprendizaxe e certificación da microcredencial.

Noutro caso, deberá coordinarse con outras entidades que actúen como axente de formación ou como entidade emisora, segundo corresponda, garantindo en todo caso a coherencia, calidade e rastrexabilidade do proceso completo que conduce á expedición da microcredencial.

Artigo 27. Dereitos das entidades xestoras de microcredenciais para o traballo

As entidades xestoras de microcredenciais para o traballo teñen dereito a:

a) Deseñar, executar e emitir microcredenciais de forma autónoma, conforme os seus propios estándares e metodoloxías, sempre que cumpran cos criterios de calidade e pertinencia establecidos no presente decreto e demais normas ditadas no seu desenvolvemento.

b) Establecer acordos de colaboración con entidades nacionais e internacionais para a creación, recoñecemento e emisión de microcredenciais, co fin de integrar boas prácticas e favorecer a interoperabilidade na certificación de competencias.

c) Acceder ao Repositorio activo de microcredenciais para o traballo de Galicia (Remitgal) previsto no artigo 45 do presente decreto, para publicar as microcredenciais emitidas, asegurando a súa visibilidade e facilitando o seu recoñecemento.

Artigo 28. Obrigas das entidades xestoras de microcredenciais para o traballo

Co fin de garantir a calidade, transparencia e eficacia na emisión e xestión de microcredenciais, así como de protexer os dereitos das persoas discentes e de asegurar a confianza no sistema de certificación de competencias, as entidades xestoras de microcredenciais para o traballo están obrigadas a:

a) Asegurar que as microcredenciais cumpran cos criterios de calidade e pertinencia establecidos no presente decreto, co obxectivo de garantir a efectividade e relevancia das competencias certificadas. Deberán implantar mecanismos de control e mellora continua que aseguren a calidade en todas as fases do proceso desde o deseño ata a avaliación e expedición das microcredenciais.

b) Cumprir coa normativa vixente en materia de protección de datos persoais, coa finalidade de garantir a privacidade e seguridade da información das persoas discentes.

c) Establecer e comunicar de maneira clara os procedementos de avaliación de competencias, de maneira que se asegure que as persoas discentes comprendan os criterios e métodos utilizados para a emisión de microcredenciais.

d) Informar as persoas discentes sobre os seus dereitos en relación coas microcredenciais emitidas, incluíndo a titularidade, portabilidade e xestión da súa identidade dixital, coa finalidade de facilitarlles o exercicio destes dereitos.

e) Colaborar na adopción de estándares que favorezan a interoperabilidade das microcredenciais, para facilitar o seu recoñecemento e uso en diferentes contextos e sistemas, tanto a nivel nacional como internacional.

f) Garantir a accesibilidade universal e a adecuación das microcredenciais ás características das persoas participantes, en particular facilitando a participación de persoas pertencentes a colectivos vulnerables.

Artigo 29. Axentes de formación

1. Os axentes de formación son entidades xestoras que, no marco do MGMT, asumen de xeito específico o deseño e a execución das accións formativas, así como a avaliación das aprendizaxes.

2. Poderán ser axentes de formación, entre outros, as entidades de formación técnica, cámaras de comercio, colexios profesionais, asociacións, empresas, administracións públicas, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais.

Artigo 30. Entidades emisoras de microcredenciais para o traballo

1. As entidades emisoras son entidades xestoras que, no marco do MGMT, asumen de xeito específico a expedición de microcredenciais, garantindo a súa validez, autenticidade e rastrexabilidade.

2. Poderán ser entidades emisoras de microcredenciais, entre outras, as entidades públicas, empresas, asociacións empresariais ou profesionais, agrupacións industriais, organismos de acreditación, profesionais independentes e outras agrupacións empresarias ou sectoriais incluídos os clústeres empresariais que obteñan a acreditación como entidades emisoras, conforme os requisitos establecidos neste decreto e na normativa que o desenvolva.

3. A consellería competente en materia de políticas activas de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia determinará os requisitos e procedementos para acreditar ás entidades emisoras de microcredenciais como órganos aseguradores da calidade. Estes requisitos deberán axustarse a normas UNE ou equivalentes aplicables á certificación de produtos, servizos ou sistemas de xestión, de conformidade cos estándares de calidade recoñecidos no ámbito da formación para o traballo.

Artigo 31. Funcións das entidades emisoras de microcredenciais para o traballo

Correspóndelles ás entidades emisoras garantir a autenticidade, validez e recoñecemento das microcredenciais expedidas, na medida en que son responsables da adecuada conservación e xestión dos rexistros relacionados coas ditas microcredenciais, e desempeñar, entre outras, as funcións seguintes:

a) Verificar que as microcredenciais emitidas cumpran rigorosamente cos requisitos do prego técnico regulado no artigo 40 deste decreto, actuando como garante da calidade, autenticidade e relevancia das competencias certificadas, e adoptar as medidas necesarias para corrixir calquera desviación na calidade observada.

b) O control e a certificación da calidade, co fin de asegurar que as microcredenciais emitidas cumpran cos requisitos de calidade e de verificar que os resultados da aprendizaxe e as competencias acreditadas polas microcredenciais se aliñan cos estándares e expectativas do sector.

c) A protección e defensa do valor e a autenticidade das microcredenciais contra o uso indebido, a falsificación ou calquera práctica que poida afectar a súa reputación, estando lexitimadas para emprender accións dirixidas a garantir o cumprimento das normas de emisión e uso de microcredenciais, contribuíndo á protección da confianza no marco.

d) A xestión dos recursos e fondos necesarios para a emisión de microcredenciais, que poden incluír contribucións das persoas usuarias e entidades colaboradoras.

e) A xeración da credencial dixital. As microcredenciais emitidas estarán dispoñibles para a súa consulta mediante un sistema seguro que garanta a súa verificación en tempo real, co obxectivo de proporcionar transparencia e confianza na súa validez.

f) A conservación dos rexistros de todo o proceso de emisión, incluíndo a documentación de avaliación e os criterios de cumprimento, por un período mínimo de catro anos. Estes rexistros estarán dispoñibles para as autoridades no caso de requirirse unha revisión da calidade do proceso de emisión ou para realizar unha auditoría de cumprimento.

g) A difusión e promoción das microcredenciais no mercado laboral, de maneira que contribúan á divulgación dos beneficios das microcredenciais para mellorar a empregabilidade e a competitividade profesional e destaquen o seu valor como ferramenta de acreditación de competencias específicas.

h) O asesoramento e información a persoas discentes, persoas traballadoras e empresas sobre o valor, uso e recoñecemento das microcredenciais, proporcionándolles asistencia técnica sobre os requisitos e procesos de emisión e validación de microcredenciais.

i) A elaboración e revisión de estándares, participando activamente na creación e actualización dos relativos a competencias e aprendizaxe necesarios para a emisión de microcredenciais. Este proceso inclúe a adaptación dos devanditos estándares ás demandas do mercado laboral e aos cambios nos marcos reguladores, así como a proposta de melloras nos sistemas de calidade e avaliación, co fin último de asegurar a evolución constante e a pertinencia das microcredenciais.

CAPÍTULO III

Outros axentes

Artigo 32. Persoas empregadoras

1. As empresas, incluídas as asociacións profesionais, agrupacións industriais e outras agrupacións empresariais ou profesionais, así como os clústeres empresariais como actores clave na representación sectorial, colaborarán co departamento competente en materia de políticas activas de emprego, en liña co establecido no artigo 59 da Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego. Esta colaboración incluirá a súa participación activa na detección das necesidades de cualificación no sector correspondente, no recoñecemento das competencias acreditadas polas microcredenciais e na avaliación do resultado das microcredenciais emitidas en relación coa cobertura das necesidades do tecido produtivo do seu ámbito de actividade.

2. As empresas promoverán a integración das microcredenciais nos seus plans e políticas de formación, e poderán contribuír a fomentar a súa utilización mediante:

a) A concesión de permisos de tempo para a participación en actividades formativas.

b) A inclusión de microcredenciais relevantes nos procesos de desenvolvemento e promoción profesional.

c) O complemento das contas de formación individuais dos empregados e empregadas, facilitando o acceso a cursos e avaliacións conducentes a microcredenciais de interese estratéxico.

3. A Xunta de Galicia fomentará o desenvolvemento de programas de apoio e financiamento dirixidos á implementación das medidas recollidas no punto anterior.

Artigo 33. Axentes sociais

1. As organizacións sindicais e as organizacións empresariais participarán activamente no MGMT, colaborando na identificación de necesidades de cualificación e na avaliación do resultado das microcredenciais emitidas en relación coa mellora da empregabilidade e a cobertura das necesidades deste.

2. A Administración pública galega, de acordo cos axentes sociais, impulsará a inclusión de medidas de apoio ás persoas traballadoras que participen en accións de aprendizaxe conducentes á obtención de microcredenciais, con medidas específicas que faciliten o acceso a estas formacións, cun alcance como as expresadas no artigo 32.2.

Artigo 34. Comisión Galega de Formación Profesional Continua

O departamento competente en materia de políticas activas de emprego informará, con periodicidade como mínimo anual, a Comisión Galega de Formación Profesional Continua sobre a elaboración de marcos normativos, medidas de financiamento e mecanismos de recoñecemento de microcredenciais, así como sobre calquera outro aspecto que a comisión considere de interese no ámbito do desenvolvemento do MGMT.

Este proceso realizarase en colaboración coas autoridades e os axentes do MGMT, co obxectivo de consolidar a validez e relevancia destas microcredenciais no ámbito laboral.

Artigo 35. Colaboración entre os axentes do MGMT

1. Os distintos axentes do MGMT poderán establecer acordos de colaboración para o desenvolvemento conxunto de programas formativos, a xestión compartida da formación para a expedición de microcredenciais ou a creación de sistemas interoperables de xestión e recoñecemento destas.

2. Estes acordos fomentarán a mobilidade e o recoñecemento mutuo das microcredenciais e deberán garantir que os programas e microcredenciais emitidos cumpran co establecido neste decreto.

TÍTULO IV

Sistema de calidade

Artigo 36. Política de calidade das microcredenciais para o traballo

1. A política de calidade das microcredenciais establece os principios e directrices que regulan a súa avaliación, emisión e control, co obxectivo de asegurar o seu valor, fiabilidade e coherencia, de maneira que contribúan efectivamente á cualificación das persoas traballadoras e ao recoñecemento das súas competencias no mercado laboral, así como á garantía do cumprimento dos principios reitores do MGMT establecidos no artigo 5.

2. A través desta política establecerase un marco común de calidade adaptado aos obxectivos e características do MGMT que responda aos seguintes obxectivos:

a) Garantir que todas as microcredenciais emitidas no ámbito do MGMT cumpran criterios de calidade estandarizados, asegurando a consistencia nos resultados de aprendizaxe, con independencia da entidade emisora e proporcionarlles ás persoas usuarias e ás persoas empregadoras unha información veraz e accesible sobre as competencias acreditadas, os estándares aplicados e a entidade emisora.

b) Promover a súa aceptación no mercado laboral mediante o recoñecemento do seu valor engadido.

c) Protexer e asegurar o uso adecuado das microcredenciais, evitando prácticas que poidan inducir a erro ás persoas usuarias e ás persoas empregadoras.

d) Promover a mellora continua nos procesos de deseño, implementación e avaliación das microcredenciais, baseándose na retroalimentación das persoas participantes e outros grupos de interese.

e) Fortalecer a confianza nas microcredenciais e nas entidades emisoras mediante a adopción de estándares de calidade europeos e internacionais, facilitando o seu recoñecemento e mobilidade.

Artigo 37. Seguranza da calidade

1. As microcredenciais emitidas no ámbito do MGMT deberán cumprir coas normas de calidade específicas e verificables, recoñecidas no sector ou ámbito de actividade ao cal estas microcredenciais se vinculan. As ditas normas, consonte o artigo 40 deste decreto, estarán fundamentadas nos principios de transparencia, autenticidade, portabilidade e recoñecemento, co obxectivo de garantir a fiabilidade, integridade e lexitimidade das microcredenciais no mercado laboral.

2. Por seguranza da calidade enténdese o conxunto organizado e planificado de actividades encamiñadas a obter un nivel de confianza adecuado de que no ámbito das microcredenciais para o traballo se cumpren os requisitos establecidos na normativa de aplicación, garantindo que os estándares de calidade aplicables aseguren:

a) A fiabilidade dos procesos de avaliación de competencias e coñecementos adquiridos, que permita que os resultados sexan consistentes e reproducibles e garantan que reflicten adecuadamente as competencias acreditadas pola microcredencial.

b) A pertinencia dos contidos e habilidades certificadas, que deberán ser congruentes coas necesidades e competencias requiridas no ámbito laboral específico a que se orienta a microcredencial.

3. O seguimento e actualización dos estándares de calidade contidos no prego técnico, a que se refire o artigo 40, será responsabilidade da consellería competente en materia de políticas activas de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, que poderá revisar e actualizar os criterios segundo as necesidades do mercado laboral e as mellores prácticas.

Artigo 38. Dimensións da calidade das microcredenciais do Marco galego de microcredenciais para o traballo

1. A seguranza da calidade das microcredenciais incluirá a implementación dun sistema de garantía interna de calidade e de garantía externa de calidade, cuxos procesos deberán aliñarse cos estándares sectoriais aplicables ao ámbito profesional en que se desenvolvan e ofrezan as experiencias de aprendizaxe, de forma que faciliten o seu recoñecemento e mobilidade no contexto da Unión Europea.

2. A garantía interna de calidade comprende o conxunto de procedementos e mecanismos de avaliación e control interno implementados polas entidades provedoras de microcredenciais que aseguren o cumprimento dos estándares de calidade no deseño, impartición, avaliación e expedición das microcredenciais, e inclúe a autoavaliación e mellora continua dos procesos internos da entidade provedora. A garantía interna de calidade orientarase á mellora continua dos procesos internos e á consistencia dos resultados de aprendizaxe acreditados.

3. A garantía externa de calidade comprende o conxunto de procedementos de revisión, auditoría e certificación realizados por unha entidade externa e independente da entidade emisora, destinados a verificar o cumprimento dos estándares de calidade por parte das entidades provedoras. Estas avaliacións externas garantirán a imparcialidade, obxectividade e confianza do proceso de certificación ao tempo que proporcionarán tamén unha validación obxectiva e recoñecida da conformidade das microcredenciais cos estándares sectoriais, co obxecto de reforzar o seu valor e confianza no mercado de traballo.

Artigo 39. Calidade interna

1. A garantía interna de calidade deberá asegurar:

a) A coherencia entre os obxectivos da aprendizaxe, o contido formativo e os resultados de avaliación, de modo que as microcredenciais reflictan adecuadamente as competencias específicas adquiridas pola persoa titular.

b) A revisión e actualización periódica dos contidos, métodos de avaliación e criterios de emisión, en función das necesidades do sector laboral ou ámbito de actividade, para manter a pertinencia e actualidade das microcredenciais.

c) A consistencia dos procesos de avaliación, coa finalidade de que os resultados obtidos nas diferentes convocatorias sexan comparables e representen de forma fiable o nivel de competencias adquirido.

2. En todo caso, os instrumentos de seguranza da calidade interna garantirán, como mínimo, a cobertura dos seguintes aspectos:

a) A calidade global de todo o proceso, desde a detección da necesidade, xeración e impartición da formación, e expedición da microcredencial, conforme as disposicións previstas no presente decreto.

b) A calidade da formación, curso ou experiencia de aprendizaxe que orixinen a microcredencial.

c) A consideración das observacións formuladas polas persoas discentes respecto da experiencia de aprendizaxe que conduza á obtención da microcredencial.

d) A atención e a análise das observacións formuladas por terceiros, entre os que se incluirán outros axentes e partes interesadas, sobre a formación vinculada á microcredencial.

Artigo 40. Instrumentos de calidade interna: o prego técnico

1. O prego técnico é o documento normativo de obrigado cumprimento, elaborado pola consellería competente en materia de políticas activas de emprego, que establece os requisitos específicos, criterios de avaliación e estándares de calidade que deben cumprir as microcredenciais emitidas polos axentes autorizados.

2. O prego técnico desenvolverá, como mínimo, os seguintes aspectos:

a) Requisitos de deseño curricular: estableceranse os criterios relativos á definición das competencias certificadas, aos resultados de aprendizaxe, á carga de traballo mínima e máxima, á proporción orientativa entre contidos teóricos e prácticos, ás modalidades formativas admitidas e, se procede, aos requisitos de acceso.

b) Métodos, instrumentos e criterios de avaliación: estableceranse as directrices comúns sobre os métodos de avaliación da aprendizaxe, os instrumentos que se van empregar, os tipos de cualificación, os criterios de avaliación e os procedementos para a súa revisión periódica.

c) Requisitos técnicos de emisión, portabilidade e interoperabilidade: estableceranse os requisitos técnicos que deberán cumprir as microcredenciais en relación cos seus formatos de emisión, os prazos para a súa expedición, os mecanismos de verificación, a compatibilidade con sistemas dixitais e a súa portabilidade, así como a integración nos instrumentos e plataformas definidos polo MGMT.

d) Auditorías, controis e obrigas documentais: estableceranse os procedementos de seguimento e control das microcredenciais, incluíndo auditorías internas e externas, controis sistemáticos e aleatorios, obrigas de documentación, prazos de conservación de rexistros e mecanismos de etiquetado e rastrexabilidade.

3. Os axentes de microcredenciais estarán obrigados a cumprir cos requisitos establecidos no prego técnico como parte da implementación da garantía interna de calidade, levando a cabo as seguintes accións:

a) Realizar auditorías internas periódicas para avaliar o cumprimento dos estándares de calidade establecidos no prego técnico e para identificar áreas de mellora nos procedementos de deseño e avaliación de microcredenciais.

b) Manter unha documentación xustificativa dos procedementos de avaliación, criterios de cualificación e resultados de aprendizaxe, de xeito que se asegure a rastrexabilidade da microcredencial en todas as súas fases.

c) Desenvolver e executar un plan de mellora continua que inclúa axustes baseados nos resultados das auditorías internas, as necesidades do sector e a retroalimentación das persoas usuarias das microcredenciais.

4. As entidades emisoras de microcredenciais para o traballo deberán conservar durante un mínimo de catro anos os rexistros dos procedementos e auditorías da garantía interna de calidade, os cales estarán dispoñibles para a súa consulta polas autoridades competentes, cando sexa necesario para a avaliación ou acreditación da microcredencial.

Artigo 41. Calidade externa

1. As entidades emisoras deberán someter os seus sistemas de seguranza de calidade a avaliacións externas realizadas por entidades de seguranza da calidade acreditadas, mediante procedementos de certificación. As avaliacións externas verificarán o cumprimento dos estándares de calidade establecidos, garantindo a obxectividade, imparcialidade, transparencia e fiabilidade do proceso de certificación das microcredenciais.

2. A consellería competente en materia de políticas activas de emprego na Comunidade Autónoma de Galicia determinará as normas UNE ou equivalentes as que deberán axustarse as entidades emisoras de microcredenciais como órganos de seguranza da calidade.

3. As entidades emisoras de microcredenciais deberán presentar ante a autoridade competente os certificados e informes de avaliación emitidos polas entidades acreditadoras, para o fin de demostrar o cumprimento dos estándares de calidade requiridos no MGMT.

TÍTULO V

Sistema de información do MGMT

Artigo 42. Funcións do sistema de información

1. O sistema de información do MGMT é o conxunto de ferramentas tecnolóxicas destinadas a integrar, analizar e xestionar de maneira prospectiva a información vinculada ás microcredenciais para o traballo en Galicia.

2. O sistema de información do MGMT proporciona a información estratéxica que facilita a toma de decisións e a formulación de recomendacións personalizadas para persoas, empresas e demais axentes do MGMT. Así mesmo, contribúe ao deseño, planificación e xestión das microcredenciais, e facilita a súa adecuada integración na carteira de servizos do Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG).

Artigo 43. Compoñentes do sistema de información do MGMT

O sistema de información do MGMT estará composto polos seguintes instrumentos tecnolóxicos:

a) Portal dixital de microcredenciais para o traballo, que será a ferramenta central do sistema, destinada a facilitar o acceso a información actualizada, transparente e accesible sobre microcredenciais, oportunidades de aprendizaxe e servizos relacionados. Este portal servirá como punto de conexión entre as persoas traballadoras, as persoas empregadoras e os axentes do sistema, e promoverá unha orientación efectiva e fundamentada no ámbito das microcredenciais para o traballo.

b) Conta persoal de formación, consonte o establecido no artigo 3.7 e 47 deste decreto.

Artigo 44. Portal dixital de microcredenciais para o traballo

1. O portal dixital deberá garantir a accesibilidade, veracidade e transparencia da información proporcionada ás persoas usuarias, incluíndo, como mínimo:

a) O Repositorio activo de microcredenciais para o traballo (Remitgal), previsto no artigo 45, con información clara, fiable e accesible sobre os axentes de formación, entidades emisoras e demais axentes do MGMT de maneira que facilitará a súa consulta por parte das persoas usuarias.

b) A conexión con axentes de formación, entidades emisoras e demais axentes do MGMT.

c) Funcionalidades de comparación obxectiva que permitan ás persoas usuarias avaliar os servizos ofrecidos polos distintos axentes de formación, co obxectivo de asegurar a toma de decisións informadas e fundamentadas.

d) Ferramentas de orientación ás persoas discentes na selección de cursos e microcredenciais, adaptados ás súas necesidades profesionais.

e) Un servizo de información avanzada sobre o mercado de traballo, que lles posibilite ás persoas coñecer a incidencia no emprego das distintas opcións de formación e tomar decisións, así como a identificación de oportunidades laborais vinculadas ás competencias adquiridas tras a formación.

f) Unha ferramenta para a emisión de microcredenciais dixitais.

g) O acceso á conta persoal de formación regulada nos artigos 47 e 48 do presente decreto.

2. O portal dixital deberá cumprir estritamente coa normativa vixente en materia de servizos dixitais e privacidade, e garantirá a seguridade dos datos persoais das persoas usuarias.

Artigo 45. Repositorio activo de microcredenciais para o traballo

1. A dirección xeral con competencias en materia de formación e cualificación para o emprego, en coordinación cos axentes do MGMT, desenvolverá e manterá permanentemente actualizado o Repositorio activo de microcredenciais para o traballo de Galicia (Remitgal).

2. O Remitgal será público e accesible para todas as persoas interesadas, garantindo que estas poidan consultar a información de maneira oportuna e confiable. A información contida deberá actualizarse periodicamente, garantindo a súa precisión e estará suxeita a auditorías que poida establecer a consellería competente en políticas activas de emprego.

3. O Remitgal conterá información sobre os actores e ferramentas necesarias para o correcto funcionamento do MGMT que, como mínimo, incluirán información sobre:

a) Recursos formativos e microcredenciais en vigor.

b) Axentes de formación.

c) Entidades emisoras de microcredenciais.

d) Organismos de garantía de calidade e os axentes que revisen.

e) Persoas empregadoras e oportunidades laborais vinculadas ás microcredenciais e posibles promocións profesionais.

Artigo 46. Funcionamiento do Repositorio activo de microcredenciais para o traballo

1. A actualización e o mantemento da información contida será competencia da dirección xeral con competencias en materia de formación e cualificación para o emprego, que establecerá o procedemento para a incorporación de novas microcredenciais, a combinación de varias para configurar itinerarios axustados ás necesidades do sector produtivo e a resposta ás demandas de novas microcredenciais de sectores e ocupacións emerxentes.

2. Os axentes do MGMT incluídos no Remitgal terán dereito a ser notificados tanto da súa incorporación como de calquera modificación que afecte a información que lles atinxe, para o que dispoñerán de mecanismos para a súa rectificación ou actualización cando corresponda.

3. A dirección xeral con competencias en materia de formación e cualificación para o emprego poderá ditar cantas instrucións sexan necesarias para garantir o funcionamento do Remitgal e a súa plena operatividade.

Artigo 47. Conta persoal de formación

1. A conta persoal de formación é un instrumento dixital e personalizado para promover o perfeccionamento e reciclaxe profesional da poboación activa, que facilitará a xestión individualizada do seu desenvolvemento profesional.

2. A conta persoal de formación deberá:

a) Permitirlles ás persoas traballadoras a identificación da adecuación entre as súas competencias profesionais e os requisitos exixidos polos distintos postos de traballo, de xeito que garanta o acceso ás oportunidades de formación, información e orientación profesional axustadas ás súas necesidades de mellora e progreso profesional.

b) Facilitar e asegurar unha planificación adecuada da traxectoria formativa e laboral das persoas traballadoras ocupadas e desempregadas, en cumprimento das disposicións normativas aplicables en materia de formación para o traballo e promoción profesional.

3. O acceso á conta estará dispoñible para todas as persoas traballadoras ocupadas e desempregadas e xestionarase a través do Portal dixital regulado no artigo 44 e será accesible desde diversos dispositivos, cunha interface intuitiva que permita ás persoas traballadoras, ocupadas ou desempregadas, xestionar os seus dereitos e recursos de formación de forma autónoma e eficiente.

Artigo 48. Dereito á conta persoal de formación

1. As persoas traballadoras ocupadas e desempregadas en idade laboral que residan legalmente en Galicia, con independencia do seu nivel de estudos e da situación laboral ou profesional en que se atopen, poderán contar cunha conta persoal de formación que inclúa dereitos á formación persoal da persoa traballadora adicionais aos recollidos na conta de aprendizaxe individual regulada na disposición adicional quinta do Real decreto 438/2024, do 30 de abril, polo que se desenvolve a Carteira común de servizos do Sistema nacional de emprego e aos servizos garantidos establecidos na Lei 3/2023, do 28 de febreiro, de emprego, así como o recoñecemento da formación e a participación en actividades de perfeccionamento e reciclaxe profesionais.

2. A conta persoal de formación garantiralles ás ditas persoas unha coordinación máis estreita coas oportunidades de formación, e incluirá os dereitos financeiros de formación vinculados ás iniciativas autonómicas, en particular aqueles vinculados á obtención de microcredenciais.

Artigo 49. Dereitos financeiros de formación

A conta persoal de formación facilitará a repartición de custos entre fontes de financiamento públicas e privadas para a constitución dos dereitos de formación individuais. Para tal fin, promoverase a compatibilidade entre as achegas realizadas polas persoas empregadoras en beneficio dos seus empregados e empregadas, xa sexa de forma voluntaria ou como resultado da negociación colectiva, e as achegas públicas destinadas a impulsar o acceso á formación.

Artigo 50. Intercambio de datos

1. Os sistemas de información, análise e prospectiva sobre o emprego que, de ser o caso, manteñan os axentes do MGMT e demais entidades que poidan integrarse no MGMT deberán garantir a plena integración e interoperabilidade cos sistemas autonómicos e estatais de emprego, así como con aqueles vinculados ao recoñecemento de competencias, e deberán respectar os esquemas nacionais de interoperabilidade e seguridade.

2. A dirección xeral con competencias en materia de formación e cualificación para o emprego, en colaboración cos axentes do MGMT, definirá os modelos e protocolos comúns de intercambio de datos que resulten necesarios para a posta en marcha do sistema galego de información do MGMT.

3. De acordo co artigo 25.2 da Lei 6/2024, do 27 de decembro, de estatística de Galicia, o Instituto Galego de Estatística poderá solicitar e obter os datos contidos no MGMT para executar a planificación estatística.

Artigo 51. Garantías de seguridade e autenticidade

As microcredenciais e os sistemas de identidade dixital autosoberana deberán contar con mecanismos tecnolóxicos que garantan a seguridade, autenticidade e integridade dos datos, de xeito que protexan as persoas discentes contra o acceso non autorizado e asegurando a veracidade da información compartida.

O tratamento das microcredenciais e dos datos asociados á identidade dixital da persoa discente deberá realizarse en estrito cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de políticas activas de emprego para aprobar as disposicións necesarias para a execución do presente decreto.

No prazo de seis meses desde a entrada en vigor deste decreto, aprobaranse os desenvolvementos normativos que establezan os requisitos e procedementos necesarios para a implantación do sistema de calidade regulado no título IV deste decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor no prazo dun mes tras a súa publicación no Diario Oficial de Galicia, agás as disposicións recollidas no título IV relativas ao sistema de calidade, que entrarán en vigor aos seis meses da dita publicación, e as relativas á conta persoal de formación regulada nos artigos 47 e 48, cuxa entrada en vigor terá lugar aos doce meses da dita publicación.

Santiago de Compostela, doce de xaneiro de dous mil vinte e seis

Alfonso Rueda Valenzuela
Presidente

José González Vázquez
Conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración