DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 18 Mércores, 28 de xaneiro de 2026 Páx. 7746

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

ORDE do 13 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de concellos de menos de 50.000 habitantes, mancomunidades ou agrupacións de concellos, e se procede á convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR460A).

O Decreto 49/2024, do 22 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia (DOG núm. 81, do 24 de abril) e o Decreto 136/2024, do 20 de maio (DOG núm. 101, do 27 de maio), polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, determinan que a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, é o departamento encargado de xestionar as competencias que, en materia de protección civil, ten atribuídas a Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 56/2000, do 3 de marzo, modificado polo Decreto 109/2004, do 27 de maio, polo que se regula a planificación, as medidas de coordinación e a actuación de voluntarios/as, agrupacións de persoal voluntario e entidades colaboradoras en materia de protección civil de Galicia, indica no seu artigo 72 a posibilidade de que a Xunta de Galicia poida conceder subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, dispón, no seu artigo 48.4, que as autoridades en materia de protección civil e emerxencias, en coordinación coa consellería da Administración autonómica competente na materia de voluntariado, promoverán a creación, o desenvolvemento e o equipamento das organizacións do voluntariado de protección civil.

Esta convocatoria tramítase como anticipada de gasto, de acordo coa Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, modificada polas ordes da mesma consellería do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, e co establecido no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do 17 de outubro de 2025, na cal se acordou a súa remisión ao Parlamento de Galicia para a súa tramitación.

Na súa virtude, no uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 44/2024, do 14 de abril, polo que se nomean os titulares das consellerías da Xunta de Galicia, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta de Galicia e da súa presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras que rexerán a concesión de subvencións ás agrupacións de persoal voluntario de protección civil de Galicia (en diante, AVPC), segundo recolle o artigo 72 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva.

Con estas axudas preténdese colaborar economicamente coas AVPC nos gastos de natureza corrente para posibilitar o seu funcionamento dentro dos respectivos concellos e a colaboración nos plans e programas de protección civil da Xunta de Galicia.

O procedemento regulado nesta orde habilitarase na Guía de procedementos e servizos co código PR460A.

Artigo 2. Entidades beneficiarias

Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións as AVPC de Galicia legalmente constituídas, sen fins de lucro que, no día da publicación desta orde, cumpran os seguintes requisitos:

a) Estar inscritas no Rexistro de Agrupacións de Persoal Voluntario de Protección Civil ou ter presentada oficialmente a solicitude de inscrición nel; neste caso, a concesión da subvención quedará condicionada á inscrición efectiva, segundo se establece no artigo 59 e concordantes do Decreto 56/2000, do 3 de marzo. Esta condición debe cumprirse, como máis tarde, no último día do prazo de presentación de solicitudes.

b) Ter dependencia funcional dun concello de menos de 50.000 habitantes, mancomunidade ou agrupación de concellos e posuír NIF propio como asociación.

c) Xustificar o investimento e liquidación de subvencións concedidas en anos anteriores, segundo o disposto nos artigos aplicables da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e concordantes, e do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de tal forma que a non xustificación deste investimento e liquidación comporta non poder optar ás subvencións nos seguintes exercicios.

d) Non ter sido condenadas por sentencia firme á pena de perda da posibilidade de obter subvencións públicas, estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

e) Cumprir o disposto no artigo 54 do Decreto 56/2000, do 3 de marzo, e contratar un seguro de accidentes, así como de responsabilidade civil.

Artigo 3. Crédito

Para a consecución do obxectivo a que se refire esta orde, a Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes destinará ata un límite de 370.000 €, con cargo á partida orzamentaria 05.06.212A.481.0, código do proxecto 2015 00106.

A orde tramítase como expediente anticipado de gasto, ao abeiro do previsto no artigo 25 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, polo que a aprobación do expediente queda condicionado á efectiva existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma para o 2026.

A dotación orzamentaria indicada poderase incrementar, se procede, con fondos comunitarios, do Estado ou da Comunidade Autónoma. Nese suposto tramitarase o oportuno expediente de xeración, ampliación ou incorporación de crédito, de acordo co disposto no artigo 30.2.a) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. En todo caso, a concesión das subvencións estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Nos casos de renuncia dos solicitantes, anulación ou minoración por menor xustificación final das cantidades inicialmente aprobadas, as dotacións orzamentarias resultantes poderanlles ser adxudicadas a outros solicitantes de acordo coa orde de prelación que resulte da aplicación dos criterios do artigo 11 desta orde. Tamén se poderán aplicar para as aprobacións derivadas da resolución de recursos deste ou de anteriores anos.

Os incrementos das dotacións orzamentarias indicadas no parágrafo anterior poderanse empregar para aumentar as contías das axudas ou o número das subvencións concedidas, sempre que se solicitasen no período indicado no artigo 5, sen necesidade de abrir un novo período de solicitudes.

Artigo 4. Destino das subvencións

As subvencións poderán ser destinadas a:

1. Equipamento e vestimenta persoal de uniforme, de acordo co establecido no Decreto 123/2014, do 18 de setembro, polo que se regula a acreditación, a uniformidade e os distintivos do persoal voluntario, e na Orde do 24 de febreiro de 2015, que o desenvolve.

2. Equipamentos de prevención e de protección, sempre que se trate de material funxible (incluído material da caixa sanitaria).

3. Gastos ocasionados durante as actuacións levadas a cabo pola agrupación en materia de protección civil.

4. Gastos ocasionados pola conservación, mantemento e/ou alugamento da súa base e medios de intervención, aplicacións informáticas e de comunicacións, así como os gastos de comunicación fixos e móbiles de voz e datos.

5. Pagamento de seguros do persoal voluntario de protección civil ou outro tipo de seguros relacionados cos medios e desenvolvemento do traballo e das tarefas da AVPC.

6. Gastos ocasionados pola formación dos seus compoñentes.

7. Equipamento do material informático e de comunicacións, sempre que en ambos os casos se trate de elementos funxibles.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas ou entidades interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 ( https://sede.xunta.gal/chave365 ).

2. A correspondente solicitude, dirixida á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, presentarase dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Artigo 6. Solicitudes

As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR460A) a esta orde, onde se acepta e se declara o seguinte:

a) Que a entidade que solicita a subvención cumpre e acepta as condicións e requisitos exixidos nesta convocatoria.

b) Que reflicte o conxunto de todas as axudas concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, polas distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou privados e o compromiso de comunicar de contado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

c) Que todos os datos contidos nesta solicitude e nos documentos que se achegan son certos.

d) Que a AVPC non está incursa en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10.2 e 10.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de persoa ou entidade beneficiaria dunha subvención.

e) Que a AVPC está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, e que non é debedora por resolución de procedemento de reintegro, de acordo co previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia; esta declaración será documento suficiente para a dita acreditación.

A presentación da solicitude leva implícita a autorización para a publicidade, inscrición no rexistro procedente e o tratamento necesario dos datos persoais das entidades beneficiarias para esas finalidades, así como a especificada no artigo 12, por exixencia normativa, segundo se establece no artigo 20 desta orde.

O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, por medios telemáticos, e, de conformidade co previsto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, daráselles un prazo improrrogable de dez días para emendaren os erros ou omisións.

Transcorrido este prazo e de non se producir a dita emenda, as peticións serán arquivadas conforme o disposto no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Artigo 7. Documentación complementaria

1. As entidades interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificado da entidade aseguradora en que indique o número de persoal voluntario de protección civil asegurado no seguro de responsabilidade civil e accidentes. No caso de estar incluídos dentro das pólizas de seguro do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, remitirase unha certificación do/da secretario/a destas entidades en que se indique o número de persoal voluntario de protección civil incluído nelas. O número de persoal de protección civil asegurado no seguro de responsabilidade civil e accidentes será consignado no anexo I na epígrafe correspondente.

b) Certificado do órgano competente da mancomunidade ou agrupación de concellos no cal se indique a prestación mancomunada dos servizos de emerxencia e protección civil.

c) Certificado ou declaración dos servizos de emerxencia provinciais ou das entidades locais a que se refire o artigo 11.2 desta orde. Tanto os datos de mobilizacións, do certificado ou declaración de entidades locais, coma dos servizos de emerxencia provinciais serán consignados na epígrafe correspondente.

2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que se presente de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación destes de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no parágrafo anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Comprobación de datos

1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

a) NIF da entidade solicitante no caso de non ter solicitado a subvención no ano 2025 ou existir variación de datos respecto a esa solicitude.

b) DNI/NIE da persoa representante.

c) Consulta de concesións ampliadas.

d) Consultas de axudas do Estado.

e) Consulta de inhabilitacións para obter subvencións e axudas.

f) Consulta de estar ao día no pagamento coa Xunta de Galicia para recibir axudas ou subvencións das administracións públicas.

g) Consulta de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.

2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Artigo 9. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude, deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Artigo 10. Instrución e Comisión de Avaliación

1. Recibidas as solicitudes serán obxecto de informe polo órgano instrutor que, xunto coa súa correspondente documentación, se enviarán á Comisión de Avaliación, presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou persoa en quen delegue, e formada polos titulares dos servizos de emerxencias das xefaturas territoriais da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a persoa responsable do Servizo de Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou xefe/a de servizo que a substitúa, e actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Planificación e Protección Civil da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior ou, se é o caso, un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo, con voz e voto.

2. A referida comisión fará unha proposta de resolución, tendo en conta os criterios sinalados no seguinte artigo, co número de persoas ou entidades beneficiarias, e unha lista de reserva cara á posible renuncia dalgunha persoa ou entidade beneficiaria, que será elevada posteriormente ao órgano competente para resolver.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas e subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados para o mesmo fin poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Na notificación da resolución faranse constar as condicións particulares que deberá cumprir o interesado ao cal se lle conceda a subvención e que se recollen no artigo 13.

3. Unha vez elaborada a correspondente proposta mediante acta motivada, elevarase á persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, quen resolverá.

Artigo 11. Criterios de avaliación

A concesión realizarase en réxime de concorrencia competitiva e para a elaboración da proposta de resolución teranse en conta os seguintes criterios, que serán valorados segundo a gradación que en cada caso se indica, ata un máximo de 100 puntos:

1. Número de mobilizacións da AVPC no ano 2025 rexistradas no Siproc (Sistema integrado de protección civil) ata un máximo de 10 puntos. A puntuación acadada será proporcional ao número de mobilizacións rexistradas no Siproc.

2. Mobilizacións das AVPC, efectuadas en 2025, para prestar colaboración noutros concellos en operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas, ata un total de 15 puntos.

Como metodoloxía de avaliación tomarase o total dos días en que a AVPC foi mobilizada nestes operativos de protección civil ou emerxencias acaecidas e multiplicarase polo número total de voluntarios/as que participou nestes operativos. Calculando a media das solicitudes admitidas e tomando como cifra indicativa o dobre desta media, adxudicarase a máxima puntuación ás que estean por riba desta media e a que lles corresponda, proporcionalmente, ao resto.

A xustificación nesta epígrafe realizarase a través dunha certificación dos servizos de emerxencia provinciais das mobilizacións de que teña constancia, ou ben dunha declaración dos/das alcaldes/as, ou concelleiros/as, ou por certificación dos secretarios/as, dos concellos solicitantes da colaboración, en que se reflicta a AVPC participante, o evento, a data de realización, o número de persoal voluntario mobilizado pola AVPC e o número de días que asistiron. Un resumo destes certificados ou declaracións deberá ser consignado no anexo I da solicitude na epígrafe correspondente.

3. Pola prestación mancomunada do servizo de emerxencias e protección civil en concellos fusionados, agrupados ou mancomunados, ata un máximo de 20 puntos. Para a valoración deste criterio terase en conta:

• Pola simple presentación da solicitude por parte da entidade resultante da fusión, agrupación ou mancomunidade de concellos, outórganse 10 puntos.

• Polo número de concellos fusionados, agrupados ou mancomunados para os servizos de emerxencia e protección civil, ata un máximo de 10 puntos. Outorgarase a maior puntuación ao solicitante con maior número de concellos agrupados ou mancomunados e, ao resto, a que lles corresponda en proporción.

4. Ratio de número de persoal voluntario de protección civil asegurado, acreditado a través da correspondente compañía aseguradora, por risco de accidentes, morte e responsabilidade civil, por cada mil habitantes do concello, mancomunidade ou agrupación de concellos, ata un máximo de 20 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación a quen teña unha mellor ratio e ao resto, a que lle corresponda en proporción. Consignarase na epígrafe correspondente do anexo I o número de persoal voluntario asegurado.

A fórmula empregada será a seguinte:

• Divídese o número de habitantes de cada concello, mancomunidade ou agrupación de concellos entre mil.

• Divídese o número de persoal voluntario de protección civil asegurado entre o resultado anterior e obtense unha ratio.

• Adxudícase a puntuación máxima á AVPC que teña a mellor ratio e o resto avalíase de xeito proporcional.

5. O risco potencial de emerxencias, estimado polo Platerga, ata un máximo de 10 puntos. Puntuarase en atención aos tramos seguintes: risco moi alto, 10; risco alto, 8; risco moderado, 6; risco baixo, 4, e risco moi baixo, 2.

No caso de mancomunidades ou agrupación de concellos, a puntuación asignada será a media do conxunto das puntuacións dos concellos que forman parte da entidade e, no caso de que a cantidade resultante quede no medio de dúas puntuacións, asignaráselle a puntuación maior.

6. Atendendo á poboación do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística en 1 de xaneiro de 2025, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior poboación e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

7. Atendendo á extensión do territorio da entidade local, segundo os datos que figuran no Instituto Galego de Estatística no ano 2011, ata un máximo de 5 puntos. Outorgaráselle a maior puntuación ao solicitante con maior extensión territorial e ao resto, a que lle corresponda en proporción.

8. Pola antigüidade da AVPC desde a súa inscrición no Rexistro de AVPC da Xunta de Galicia ata un máximo de 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 5 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2000, inclusive.

• 4 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2005, inclusive.

• 3 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2010, inclusive.

• 2 puntos ás AVPC inscritas ata o ano 2021, inclusive.

9. As AVPC inscritas nos cinco últimos anos, contando o actual, ata 5 puntos, asignados cos seguintes criterios:

• 3 puntos ás AVPC inscritas no ano 2022.

• 4 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2023 e 2024.

• 5 puntos ás AVPC inscritas nos anos 2025 e 2026.

10. Pola presentación electrónica nos servizos de emerxencia da provincia da acta da asemblea ordinaria anual, composición da xunta directiva e relación actualizada de voluntarios/as (datos referidos a 2025), constatado por certificación do xefe do servizo de emerxencias da provincia, 10 puntos; a falta de documentación valorarase con 0 puntos nesta epígrafe.

As AVPC inscritas en 2026 estarán exentas de achegar outra documentación que a que xa figure no rexistro.

A subvención concedida será proporcional ao resultado da puntuación. En todo caso, cada subvención individual será sempre inferior a 10.000 euros.

O órgano que concede as subvencións asignará o crédito dispoñible na convocatoria entre todas as solicitudes non excluídas segundo a listaxe final da puntuación acadada por cada AVPC.

Artigo 12. Resolución e publicación

1. A resolución será adoptada pola persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, tendo en conta a proposta de resolución feita pola Comisión de Avaliación, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro.

2. Transcorridos cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde, sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Contra esta resolución poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 13. Notificacións

1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas efectuaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderá de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Artigo 14. Obrigas das entidades beneficiarias

As entidades beneficiarias destas subvencións deberán cumprir as obrigas sinaladas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en concreto as seguintes:

a) Cumprir o obxectivo ou realizar a actividade que fundamenta a concesión da subvención.

b) Comunicarlle, vía telemática, á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a súa aceptación ou renuncia no prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da resolución.

Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

c) Someterse a calquera actuación, comprobación e control financeiro efectuado tanto polo órgano concedente como polas entidades de control competentes autonómicas, estatais ou comunitarias, para o cal se achegará calquera información solicitada no exercicio desas actuacións. En especial, deberán facilitar a información que lles sexa requirida por esta consellería, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma ou polo Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

d) Comunicarlle ao órgano concedente a modificación das circunstancias que deron lugar á concesión da subvención, en canto se coñeza ou ben, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Achegar os documentos xustificativos tal e como se prevé no artigo 16.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto de actuacións de comprobación e control. En calquera caso, este período non será inferior a 5 anos.

Artigo 15. Anticipos

Para as subvencións solicitadas poderase aboar un anticipo de ata o 80 % da subvención concedida sempre e cando a cantidade da axuda non exceda os 18.000 € e nos casos en que o gasto exixa pagamentos inmediatos. No caso de optar ao anticipo, este será solicitado expresamente pola persoa ou entidade beneficiaria no propio impreso de solicitude da subvención (anexo I).

A persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes resolverá de xeito motivado a concesión do anticipo logo da comprobación de que a entidade solicitante cumpre o regulado neste artigo.

Para obter o ingreso do anticipo, a persoa responsable de cada agrupación, unha vez publicada a resolución de concesión das subvencións, terá que presentar na Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, novamente e con data actualizada, o anexo II (Declaración doutras axudas para o mesmo fin) desta orde, indicando se pediu ou non outras subvencións para a mesma finalidade e declarando se cumpre os requisitos previstos no artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 16. Xustificación e pagamento

As agrupacións ás cales se lles aprobasen as subvencións segundo o artigo 10 desta orde disporán ata o 30 de setembro de 2026 para presentaren a xustificación da subvención, por medios electrónicos, accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Toda a documentación xustificativa da subvención, xunto á declaración doutras axudas para os mesmos fins que as que se subvencionan con cargo á convocatoria de 2026, que figura como anexo II (Declaración doutras axudas para os mesmos fins), deberá estar conformada coa sinatura electrónica da persoa responsable da agrupación.

Se a persoa beneficiaria non presenta a xustificación no prazo establecido, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior requirirá a súa presentación electrónica no prazo improrrogable de dez días.

A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Terá a consideración de gasto realizado, para os efectos do disposto no artigo 29.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación, determinado neste artigo e a través dos documentos aquí indicados.

A liquidación do importe final das subvencións concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes que se presenten ao respecto, de acordo co establecido nestas bases reguladoras e na resolución de concesión.

No caso de que os gastos totais xustificados e admitidos sexan inferiores ao importe da subvención concedida, practicarase a redución proporcional correspondente, sempre que se cumprisen os obxectivos previstos. Entenderase que queda por conta da persoa ou entidade beneficiaria a diferenza de financiamento necesario para a total execución da actividade subvencionada.

Poderanse admitir os documentos xustificativos por gastos efectuados, de acordo co artigo 4 desta orde, entre o 1 de xaneiro e o 30 de setembro de 2026.

Consideraranse xustificantes de pagamento válidos unicamente os seguintes:

Facturas xunto cos extractos ou certificacións bancarias correspondentes, debidamente identificados, conformados e asinados electronicamente pola persoa responsable da AVPC.

Para aquelas compras realizadas en metálico inferiores a 1.000 euros por factura, será suficiente a factura en que figure «pagado» xunto coa sinatura, nome, apelidos e o número de NIF da persoa que recibiu o cobramento na empresa subministradora, conformada e asinada electronicamente pola persoa responsable da AVPC.

Documentos de liquidación de gastos de desprazamento e manutención en operativos de protección civil, nos cales figuren tanto a conformidade e a sinatura electrónica da persoa responsable da AVPC como o «recibín» do persoal voluntario perceptor desta compensación.

Estas directrices afectan todos os peticionarios, independentemente de que solicitasen anticipos ou non, para todos os gastos, incluídos os realizados con cargo ás cantidades anticipadas.

Artigo 17. Compatibilidade

Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, ingresos ou recursos para a mesma finalidade. Non entanto, o importe destes en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outros, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 18. Modificación da resolución

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 19. Reintegro das subvencións

No caso de incumprimento da obriga de xustificación, de destinar a subvención a unha finalidade distinta para a cal foi concedida, ou se a AVPC non reúne os requisitos exixidos nesta orde ou en calquera dos supostos indicados no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, procederá o reintegro a esta comunidade autónoma das subvencións percibidas e dos xuros xerados, e para isto seguirase o procedemento establecido no artigo 77 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Tamén se seguirá este procedemento naqueles casos en que a xustificación da subvención sexa inferior ao anticipo concedido.

De acordo co establecido no artigo 64 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, con anterioridade ao requirimento previo da Administración, as persoas ou entidades beneficiarias poderán realizar con carácter voluntario a devolución do importe da axuda obxecto de reintegro.

Esta devolución efectuarase mediante ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que corresponda, segundo o disposto na normativa reguladora do procedemento de recadación, e o importe incluirá os xuros de demora, de acordo co previsto no artigo 34 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

A persoa beneficiaria deberá presentar, ante o órgano concedente, copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, en que conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da subvención concedida.

Artigo 20. Transparencia e bo goberno

1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Artigo 21. Comunicación á Base de datos nacional de subvencións

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 22. Recursos contras as bases reguladoras e a convocatoria

Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpor os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira primeira. Delegación de competencias

De conformidade co previsto na Orde do 12 de xuño de 2024 sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería (DOG núm. 117, do 18 de xuño) e no Decreto 136/2024, do 20 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes (DOG núm. 101, do 27 de maio), delégase na persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde, así como a subscrición das actas de cesión do equipamento adquirido por parte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e adxudicado ás persoas ou entidades beneficiarias desta orde.

Disposición derradeira segunda. Desenvolvemento da orde

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira. Lexislación aplicable

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.

Disposición derradeira cuarta. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file