BDNS (Identif.): 883231.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/883231
Primeiro. Beneficiarias e requisitos
1. Poderán optar ás axudas previstas no artigo 3 da orde:
a) As persoas físicas ou xurídicas, ou entes sen personalidade xurídica, titulares de explotacións apícolas, incluídas aquelas que sexan integrantes de explotacións de titularidade compartida recollidas na Lei 35/2011, do 4 de outubro, sobre titularidade compartida das explotacións agrarias, con exclusión das administracións ou entidades do sector público.
Será requisito para a obtención das axudas:
1º. Levar realizando a actividade apícola con anterioridade ao 1 de xaneiro do ano de presentación da solicitude de axuda, fóra de quen iniciase a actividade a través dun cambio de titularidade de explotacións en estado de alta con anterioridade a esa data. Ademais, quedará exenta do requisito anterior a creación de figuras asociativas ou persoas xurídicas integradas por apicultores/as que o foran antes do 1 de xaneiro do ano da presentación da solicitude, ou a creación de explotacións de titularidade compartida en que un dos membros fose apicultor ou apicultora con anterioridade a esa data.
No caso de fusións de explotacións xa existentes, considerarase a data de inicio da actividade a do titular con maior antigüidade.
2º. Seren titulares dunha explotación con máis de 15 colmeas para o caso das persoas apicultoras que soliciten a axuda a título individual, e con máis de 50, se solicitan axuda para realizar a transhumancia, sexan ou non persoas traballadoras autónomas.
3º. Realizaren polo menos un tratamento ao ano fronte á varroose, de acordo co establecido no Real decreto 608/2006, do 19 de maio, polo que se establece e se regula un programa nacional de loita e control das enfermidades das abellas do mel.
4º. Disporen dun seguro de responsabilidade civil das colmeas.
5º. Cumpriren as previsións contidas no Real decreto 209/2002, do 22 de febreiro, polo que se establecen normas de ordenación das explotacións apícolas.
6º. Teren realizada a declaración censual anual obrigatoria referida ao 31 de decembro de 2025 antes do día 1 de marzo de 2026.
As alvarizas abandonadas e as colmeas mortas non darán dereito ao cobramento de axudas.
b) As agrupacións de apicultores/as, na medida en que os seus socios ou asociados beneficiarios das axudas cumpran cos requisitos establecidos na letra a) anterior.
Ademais, para seren beneficiarias, a solicitude de axuda deberá incluír, como mínimo, 1.500 colmeas.
2. Só poderá solicitarse axuda para a execución dunha acción determinada sobre unha mesma colmea, unha única vez por campaña apícola, independentemente de se a persoa solicita esa axuda a título individual ou como integrante dunha cooperativa ou agrupación de produtores.
Non obstante, as persoas apicultoras incluídas na solicitude de axuda presentada por unha agrupación de apicultores/as, ben sexa para unha ou varias accións, non poderán solicitar a axuda como integrantes doutra agrupación.
De ser o caso, soamente se terá en conta esa persoa apicultora na solicitude da agrupación de apicultores/as que a inclúa como beneficiaria naquela acción que ocupe o primeiro lugar atendendo á orde de prelación que se establece no artigo 10.1 desta orde de axudas.
3. Non poderá ser considerada persoa beneficiaria un solicitante para quen se demostre que creou artificialmente as condicións exixidas para cumprir os criterios de admisibilidade ou de prioridade establecidos no Real decreto 906/2022, tal e como se establece no artigo 62 (relativo a medidas antievasión) do Regulamento (UE) nº 2021/2116 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro.
Segundo. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, as bases reguladoras das axudas destinadas á mellora das condicións xerais de produción e comercialización dos produtos apícolas, no marco da Intervención Sectorial Apícola recollida no Plan estratéxico nacional da política agrícola común (PAC) do Reino de España 2023-2027, e proceder á súa convocatoria para o ano 2026 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
2. As bases reguladoras publicaranse no Diario Oficial de Galicia.
Terceiro. Bases reguladoras
Estas axudas outorgaranse ao abeiro do disposto na Orde do 9 de decembro de 2025 pola que se establecen as bases reguladoras de concesión de axudas á apicultura e se convocan para o ano 2026 (códigos de procedemento MR506A e MR506B).
Cuarto. Importe
A contía global destas axudas será, para o ano 2026, de 1.475.918 euros (un millón catrocentos setenta e cinco mil novecentos dezaoito euros) con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta axuda está cofinanciada polo Feaga da UE ata un 50 %, polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) ata un 25 % e a porcentaxe restante pola Xunta de Galicia en virtude do Regulamento (CE) nº 2021/2115 do Parlamento Europeo e do Consello, do 2 de decembro, e o Real decreto 906/2022. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.
Segundo o establecido no artigo 30.2 do regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o crédito dispoñible para o financiamento destas axudas poderá ampliarse, previamente á resolución do expediente, se existe unha xeración, ampliación ou incorporación de crédito, ou pola existencia de remanentes doutras convocatorias financiadas con cargo ao mesmo crédito, incluídos no mesmo programa ou en programas do mesmo servizo.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 9 de decembro de 2025
María José Gómez Rodríguez
Conselleira do Medio Rural
