DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 20 Venres, 30 de xaneiro de 2026 Páx. 8655

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

RESOLUCIÓN do 23 de xaneiro de 2026, da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, pola que se convocan exames extraordinarios teóricos para a obtención das titulacións que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (código de procedemento PE616D).

A Orde da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, do 8 de xaneiro de 2009, pola que se establecen as condicións e se regulan os requisitos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 11, do 16 de xaneiro), establece que a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá convocar con carácter anual, nos seus centros de ensino, as probas de carácter extraordinario para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer (BOE núm. 247, do 11 de outubro), regula os títulos náuticos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer e motos náuticas, as atribucións, os requisitos e o procedemento para a súa obtención.

O Real decreto 238/2019, do 5 de abril, polo que se establecen habilitacións anexas ás titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer actualiza as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas (BOE núm. 104, do 1 de maio).

A Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (BOE núm. 236, do 2 de outubro), no seu artigo 14.2 establece que as persoas xurídicas están obrigadas a relacionarse a través de medios electrónicos coas administracións públicas para a realización de calquera trámite dun procedemento administrativo.

Esta dirección xeral, no uso das facultades que lle confire o Decreto 149/2024, do 20 de maio, polo que se modifica o Decreto 50/2021, do 11 de marzo, polo que se aproba a estrutura orgánica da Consellería do Mar (DOG núm. 101, do 27 de maio), resolve convocar os exames extraordinarios teóricos para a obtención dos títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer de patrón/patroa para navegación básica, patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate, e capitán/capitá de iate, conforme as seguintes normas:

1. Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer as condicións que teñen que cumprir as escolas de navegación de lecer da Comunidade Autónoma de Galicia para poder presentar o seu alumnado ás probas extraordinarias teóricas, así como fixar as datas e os lugares de realización das citadas probas para obter os títulos que habilitan para o goberno das embarcacións de lecer na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Para a presentación de solicitudes deberán empregarse os modelos normalizados correspondentes ao código do procedemento administrativo PE616D, que están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

2. Normas xerais.

a) Os exames teóricos realizaranos os tribunais que se constitúan de conformidade co establecido no artigo 3 da Orde do 28 de novembro de 2007 pola que se regula a composición dos tribunais para a obtención de titulacións marítimo-pesqueiras e náutico-deportivas (DOG núm. 243, do 18 de decembro).

Os exames extraordinarios faranse no centros oficias da Consellería do Mar, sempre que se reúna un mínimo de 15 alumnos/as inscritos/as para as titulacións de patrón/patroa para navegación básica e patrón/patroa de embarcacións de lecer e 10 alumnos para patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate. No caso de que non se reúna o mínimo requirido para realización do exame no centro oficial solicitado, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro poderá establecer o centro oficial en que realizalo.

No caso de non poder realizarse unha convocatoria de exame, as persoas matriculadas terán que solicitar a devolución da taxa e non poderán utilizala para a seguinte convocatoria.

b) O alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame teórico complementario de patrón/patroa de embarcacións de lecer debe estar en posesión da tarxeta de patrón/patroa para navegación básica ou do certificado de exame expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia. Os/as alumnos/as que presenten o certificado de exame soamente terán dereito a examinarse nas dúas seguintes convocatorias consecutivas ordinarias. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias. Estas persoas soamente terán que examinarse das unidades teóricas 7, 8, 9, 10 e 11 e disporán dun tempo máximo de 45 minutos para realizar o exame.

c) Ao alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer e non consiga superar a proba, pero si o faga de acordo coas exixencias de patrón/patroa para navegación básica, recoñeceráselle o dito aprobado, ben para as seguintes convocatorias nesta Administración, ou ben para a expedición do título de patrón/patroa para navegación básica. Conservará o aprobado durante un período máximo de dúas convocatorias ordinarias consecutivas en que esta Administración realice os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

d) Ao alumnado das escolas de navegación de lecer que se presente ao exame de capitán/capitá de iate ou patrón/patroa de iate e supere algún dos módulos que conforman o exame teórico, de acordo co regulado no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, conservaráselle o aprobado destes nas dúas seguintes convocatorias ordinarias consecutivas que convoque esta Administración. Para este efecto, no caso de matricularse nas convocatorias extraordinarias, estas serán computadas como ordinarias.

3. Idade mínima.

Para obter as titulacións de patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate, as persoas interesadas deberán ter feitos os 18 anos de idade no momento de realizar as probas para a obtención destes títulos.

O título de patrón/patroa para navegación básica poden obtelo os/as menores de idade que teñan feitos os 16 anos no momento de realización das probas, sempre que acrediten, mediante a presentación por escrito, o consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais e superen os requisitos teóricos e prácticos exixidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

4. Solicitudes das escolas navegación de lecer.

As escolas de navegación de lecer presentarán as solicitudes obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, se algunha das escolas de navegación de lecer presenta a súa solicitude presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que sexa realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

As escolas de navegación de lecer homologadas para poder presentar o seu alumnado aos exames teóricos achegarán a seguinte documentación dentro do período de matrícula:

a) Solicitude dirixida ao centro oficial de ensino pesqueiro onde queira realizar o exame. O modelo de solicitude é o que figura no anexo I desta resolución. Deberán achegar unha solicitude por cada persoa que presenten á convocatoria (procedemento PE616D).

b) Unha vez finalizado o prazo de matrícula de cada convocatoria que aparece indicado no anexo III, farase pública a listaxe provisional das persoas admitidas e excluídas no portal web de formación da Consellería do Mar, https://mar.xunta.gal/gl/formacion/informacion-do-alumnado, e nos taboleiros de anuncios de cada centro oficial de ensino marítimo-pesqueiro, e darase un prazo de 10 días hábiles para que as escolas de navegación de lecer poidan emendar as deficiencias dos/das alumnos/as excluídos/as, de acordo co disposto no artigo 68.1 da Lei 39/2015.

5. Documentación complementaria.

5.1. A documentación complementaria que deben presentar as escolas de navegación de lecer xunto co anexo I é a seguinte:

a) Anexo II. Modelo de solicitude do alumnado da escola de navegación de lecer.

b) Xustificante de aboamento das taxas de cada un dos alumnos se se realiza de xeito presencial. Se se fai de xeito telemático non é necesario achegalo.

O pagamento da taxa pode realizarse antes ou dentro do período de matrícula e soamente será válido para a convocatoria que está en curso. No caso de que as persoas interesadas non realicen o pagamento da taxa antes da data da fin da matrícula non poderán presentarse aos exames. O código da taxa é o seguinte: 30.21.01.

Segundo a actualización das tarifas contidas nos anexos 1, 2, 3, 4 e 5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, as taxas polos dereitos de exame das distintas titulacións de lecer son as seguintes:

Exames teóricos:

– Patrón/patroa para navegación básica: 31,92 €.

– Patrón/patroa de embarcacións de lecer: 41,09 €.

– Patrón/patroa de iate: 57,57 €.

– Capitán/capitá de iate: 69,85 €.

Se desexa tramitar a taxa por vía telemática, deberá introducir os datos da taxa e efectuar o pagamento desta. Para isto dispón das modalidades de pagamento telemático (cargo na conta ou tarxeta) e pagamento presencial (mediante un impreso para presentar na entidade bancaria). Unha vez realizado o ingreso, obterá o xustificante correspondente.

Se desexa tramitar a taxa de xeito presencial poderá obter un modelo en branco para cubrir ou ben introducir os datos da taxa e a aplicación proporcionaralle o modelo xa cuberto.

O enderezo web é o seguinte:

https://ovt.atriga.gal/#!/detalle_servizo/?Pago+de+taxas+e+prezos/11609730/4126995/11609860/l/item-dark-blue

c) Consentimento dos seus pais, nais ou titores/as legais para os menores de idade que teñan feitos os 16 anos no momento de realización das probas para obter o título de patrón/patroa para navegación básica.

d) Copia do título de patrón/patroa para navegación básica, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para poder presentarse á parte complementaria do exame teórico para obter o título de patrón/patroa de embarcacións de lecer. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

e) Copia do título de patrón/patroa de embarcacións de lecer, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de patrón/patroa de iate. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

f) Copia do título de patrón/patroa de iate, se foi expedido fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, para as persoas que se presenten ao exame de capitán/capitá de iate. Deberán achegar copia do título antes de finalizar o prazo de matrícula.

De conformidade co artigo 28.3 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, non será necesario achegar os documentos que xa foron presentados anteriormente pola persoa interesada ante calquera Administración. Neste caso, a persoa interesada deberá indicar en que momento e ante que órgano administrativo presentou os ditos documentos, que serán recadados electronicamente a través das redes corporativas ou mediante consulta ás plataformas de intermediación de datos ou outros sistemas electrónicos habilitados para o efecto, agás que conste no procedemento a oposición expresa da persoa interesada.

De forma excepcional, se non se poden obter os citados documentos, poderá solicitarse novamente á persoa interesada a súa achega.

5.2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das escolas de navegación de lecer presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que sexa realizada a emenda.

As escolas de navegación de lecer responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

5.3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

6. Comprobación de datos.

6.1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á consulta:

• DNI ou NIE do alumnado.

• DNI ou NIE da persoa solicitante.

• DNI ou NIE da persoa representante se se trata das escolas de navegación de lecer.

• NIF da entidade solicitante.

• NIF da entidade representante se se trata das escolas de navegación de lecer.

• Título de patrón/patroa para navegación básica cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Título de patrón/patroa de embarcacións de lecer cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Título de patrón/patroa de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de patrón/patroa para navegación básica cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de patrón/patroa de embarcacións de lecer cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de patrón/patroa de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

• Certificado de exame de capitán/capitá de iate cando sexa expedido pola Comunidade Autónoma de Galicia.

6.2. No caso de que as escolas de navegación de lecer ou o seu alumnado se opoñan a esta consulta, deberán indicalo no cadro correspondente habilitado no anexo I ou II e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

6.3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderase solicitar ás persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

7. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes.

Todos os trámites administrativos que as escolas de navegación de lecer deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

8. Notificacións.

8.1. As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

8.2. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

8.3. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

8.4. As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorran dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

8.5. Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

9. Datas e lugares de exame.

As datas dos exames teóricos, así como os lugares onde se realizarán, aparecen indicados no anexo III.

As persoas que non se presenten aos exames non terán dereito á devolución das taxas. Unicamente se prevé a posibilidade da devolución da taxa nos casos en que a ausencia sexa debida a unha enfermidade grave, circunstancia esta que deberá ser debidamente xustificada por un facultativo médico e notificada no prazo dos tres días seguintes ao exame.

10. Tribunais.

A Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes aos exames nas distintas titulacións, nomeará os tribunais para a realización das probas e indicará as horas dos exames, así como calquera outra información no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar.

11. Desenvolvemento das probas.

Rematados os exames teóricos, o/a secretario/a do tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar unha copia do exame e a folla coas respostas correctas, co fin de que os/as interesados/as poidan comprobar o resultado do seu exercicio.

Unha vez corrixidos os exames teóricos, o tribunal fará públicas no taboleiro de anuncios do centro de ensino as listas provisionais das cualificacións, así como no portal web de formación da Consellería do Mar.

As persoas interesadas disporán dun prazo de 10 días hábiles desde a publicación no portal web de formación da Consellería do Mar para formular reclamacións ante o tribunal contra as cualificacións provisionais.

Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o/a presidente/a do tribunal ditará unha resolución coa lista das persoas que superaron as probas teóricas. Esta resolución será publicada no taboleiro de anuncios do centro de ensino e no portal web de formación da Consellería do Mar. Non obstante, para os actos de trámite individualizados que poidan xurdir no procedemento observarase o disposto no punto 12.

12. Requisitos para a obtención dos títulos.

Para obter o título de lecer correspondente, ademais de superar estas probas, os/as interesados/as deberán reunir os requisitos establecidos no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, polo que se regulan as titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer.

13. Temarios de exame.

Os temarios oficiais de exame para as titulacións de capitán/capitá de iate, patrón/patroa de iate, patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa para navegación básica son os recollidos no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro.

De conformidade co establecido no anexo II do Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, a normativa IALA en que se basearán os exames para a obtención do título de patrón/patroa para a navegación básica e de patrón/patroa de embarcación de lecer será o Sistema de balizamento marítimo (IALA-MBS 2010). Na páxina web de Portos do Estado poderase descargar a documentación:

https://www.puertos.es/sites/default/files/2024-03/R1001-Ed2.0-

SISTEMA%20DE%20BALIZAMIENTO%20MARI%CC%81TIMO%20IALA%20%28MBS%29.pdf

14. Criterios de corrección.

Os criterios de corrección dos exames de cada titulación de lecer aparecen indicados no Real decreto 875/2014, do 10 de outubro, e no Real decreto 238/2019, do 5 de abril, polo que se establecen habilitacións anexas ás titulacións náuticas para o goberno das embarcacións de lecer e se actualizan as medidas de seguridade na utilización de motos náuticas.

Nos exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer e patrón/patroa de iate quedarán anuladas as respostas das preguntas relacionadas coa carta de navegación se non están reflectidos os trazados na carta náutica e os exercicios da unidade de carta de navegación no reverso desta ou nas follas que o tribunal facilitará para estes efectos.

Nos exames de capitán/capitá de iate quedarán anuladas as respostas das preguntas relacionadas cos exercicios de cálculo se non están reflectidos nas follas facilitadas polo tribunal.

15. Material para o exame.

A carta náutica, así como a documentación do anuario de mareas ou almanaque náutico, que sexa precisa para a realización de calquera dos exames convocados, será facilitada polo tribunal xunto co exame.

A persoa que se examina só será preciso que leve bolígrafo (azul ou negro), lapis e o material de debuxo que se considere oportuno para a resolución dos exercicios susceptibles de ser propostos de acordo co temario de cada tipo de exame. Tamén será necesario levar unha calculadora non programable para realizar os exames de patrón/patroa de embarcacións de lecer, patrón/patroa de iate e capitán/capitá de iate.

16. Recursos.

Contra as resolucións do/da presidente/a do tribunal os/as interesados/as poderán interpor recurso de alzada perante a persoa titular da Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da publicación da listaxe das notas definitivas no portal web de formación da Consellería do Mar.

Contra a resolución desta convocatoria poderán os/as interesados/as interpor recurso de alzada perante a conselleira do Mar, no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2026

María de los Ángeles Vázquez Suárez
Directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Convocatoria de marzo de 2026

Matrícula: do 2 ao 13 de febreiro, ambos incluídos:

Titulacións

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/patroa para navegación básica

9 de marzo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

10 de marzo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

11 de marzo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/á de iate

12 de marzo

As persoas interesadas terán que dirixir as solicitudes ao Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O exame realizarase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Convocatoria de xullo de 2026

Matrícula: do 1 ao 12 de xuño, ambos incluídos:

Titulacións

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/patroa para navegación básica

6 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

7 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

8 de xullo

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Convocatoria de novembro de 2026

Matrícula: do 9 ao 23 de outubro, ambos incluídos:

Titulacións

Exame teórico

Centros de ensino onde se realizarán os exames teóricos

Patrón/patroa para navegación básica

23 de novembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de embarcacións de lecer

24 de novembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Patrón/patroa de iate

25 de novembro

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

Capitán/capitá de iate

26 de novembro

As persoas interesadas terán que dirixir as solicitudes ao Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo.

O exame realizarase na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

Enderezos e teléfonos de contacto

Instituto Politécnico Marítimo-Pesqueiro do Atlántico de Vigo

Avda. Beiramar, 55, 36202 Vigo. Teléfono 886 11 08 25/886 11 08 26

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol

r/ 19 de Febreiro, 30-34, 15405 Ferrol. Teléfono 881 93 82 12/881 93 82 13

Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira

r/ dos Estudantes, 7, 15960 Ribeira. Teléfono 881 86 63 17/881 86 63 24

Escola Galega de Administración Pública (EGAP)

r/ Madrid, 2-4, As Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela