A dermatose nodular contaxiosa é unha enfermidade vírica de alta difusibilidade e que implica importantes prexuízos tanto nas explotacións afectadas como a nivel xeral no sector bovino.
A aparición desta enfermidade en países da Unión Europea próximos tanto territorial como comercialmente con España, así como a detección desta doenza en territorio español o pasado mes de outubro en Cataluña, na provincia de Xirona, supuxo un importante aumento do nivel de risco de aparición desta enfermidade en Galicia.
A pesar da evolución favorable da situación epidemiolóxica en Cataluña, e as medidas adoptadas por parte desta Comunidade Autónoma, a aparición de novos casos de dermatose nodular contaxiosa en Francia aconsella manter as medidas cautelares establecidas na Comunidade Autónoma de Galicia respecto desta enfermidade, tras a análise do risco sanitario existente actualmente.
Fundamentos de dereito
Visto o Regulamento (UE) nº 2016/429, do Parlamento Europeo e do Consello, do 9 de marzo de 2016, relativo ás enfermidades transmisibles dos animais e polo que se modifican ou derrogan algúns actos en materia de sanidade animal.
Visto o disposto no artigo 8 de medidas sanitarias de salvagarda, da Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal.
No exercicio da competencia que regula o artigo 19 do Decreto 223/2022, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural,
RESOLVO:
Primeiro. Prorróganse as medidas previstas na Resolución do 27 de novembro de 2025, da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 231, do 28 de novembro de 2025, cuxos efectos remataban o día 1 de febreiro de 2026 ao abeiro da Resolución do 22 de decembro de 2025, da Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, pola que se adoptan medidas cautelares en relación coa dermatose nodular contaxiosa, publicada no Diario Oficial de Galicia núm. 251, do 30 de decembro de 2025.
Segundo. A Resolución do 28 de xaneiro de 2026 producirá os seus efectos desde o día 2 de febreiro de 2026 ata o 1 de marzo de 2026, ambos incluídos, e poderase prorrogar por resolución de acordo coa evolución epidemiolóxica da enfermidade.
Terceiro. Esta resolución non pon fin á vía administrativa e contra ela cabe interpoñer recurso de alzada ante a conselleira do Medio Rural, no prazo dun mes contando desde o día seguinte ao da súa publicación no DOG, de conformidade co que establecen os artigos 121 e 122 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.
Santiago de Compostela, 28 de xaneiro de 2026
Silvestre José Balseiros Guinarte
Director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias
