De conformidade co establecido na base 9ª da Resolución da Dirección Xeral de Función Pública, do 30 de xaneiro de 2007, modificada pola Resolución do 14 de maio de 2019 (DOG núm. 94, do 20 de maio) e pola Resolución do 22 de xuño de 2023 (DOG núm. 119, do 23 de xuño), e de acordo co disposto no anexo do V Convenio colectivo único do persoal laboral da Xunta de Galicia, que regula as condicións especiais de traballo do persoal laboral do Servizo de Prevención de Incendios Forestais, deberá superarse previamente unha proba de aptitude física denominada Field Test para poder ser contratado nas seguintes categorías de persoal laboral:
• Técnico/a superior de defensa contra incendios forestais (38), do grupo I.
• Técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais (39), do grupo II.
• Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada (100), do grupo III.
• Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba (33), do grupo IV.
• Bombeiro/a forestal condutor/a (14A) e bombeiro/a forestal (14), do grupo V.
Así mesmo, o punto 9 da Resolución do 24 de xullo de 2024, da Secretaría Xeral Técnica da Consellería do Medio Rural, pola que se publica o Acordo sobre as condicións de traballo do persoal funcionario do Servizo de Prevención de Incendios Forestais (SPIF), do persoal funcionario do corpo de técnicos/as de carácter facultativo de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de bombeiro/a forestal xefe/a de brigada, e do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidades de bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba e especialidade de bombeiro/a, establece que, para poder ser nomeado persoal funcionario interino, deberá superarse previamente unha proba de aptitude física denominada Field Test.
A proba física Field Test consiste en camiñar 3.200 metros sobre terreo plano, cun peso de 11 kg ás costas, nun tempo máximo de 30 minutos.
Para poder ser contratado na categoría de vixilante fixo/a ou ser nomeado persoal funcionario interino do corpo de auxiliares de carácter técnico de Administración especial da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais, especialidade de emisorista-vixilante fixo/a, segundo corresponda, as persoas candidatas deberán superar unha proba en que se examinará a agudeza visual de lonxe en ambos os ollos, así como a visión cromática, realizada cun aparello de control da visión tipo Visiotest ou equivalente.
O resultado das probas físicas e de agudeza visual será de apto/a ou non apto/a.
No caso de que algunha persoa interesada non se presente ás probas anteriores, non as realice ou non fose declarada apta, quedará automaticamente en suspensión nas listas ata a realización de novas probas e non poderá ser contratada ou nomeada, segundo corresponda.
Para tal efecto, a Consellería do Medio Rural comunicará á Dirección Xeral de Emprego Público e Administración de Persoal o resultado das probas como apto/a, non apto/a, non presentado/a á proba ou proba non realizada.
As persoas integrantes das listas non poderán formalizar un contrato laboral temporal nin ser nomeadas como persoal funcionario interino sen ter realizadas as probas físicas ou de agudeza visual vixentes co resultado de apto/a.
A Consellería do Medio Rural é a encargada de realizar as probas con carácter previo á formalización dos contratos de traballo ou ao nomeamento como persoal funcionario interino, segundo corresponda.
Estas probas terán unha validez dun ano desde a súa realización, e o persoal, antes de ser contratado ou nomeado, deberá acreditar a vixencia da proba realizada co resultado de apto/a.
Con base no anterior, esta Secretaría Xeral Técnica
RESOLVE:
Primeiro. Publicar a relación das persoas aspirantes que deberán realizar as probas físicas Field Test ou as probas visuais, previstas na base 9ª da Resolución da Dirección Xeral de Función Pública, do 30 de xaneiro de 2007, modificada pola Resolución do 14 de maio de 2019 (DOG núm. 94, do 20 de maio) e pola Resolución do 22 de xuño de 2023 (DOG núm. 119, do 23 de xuño), nas seguintes categorías e especialidades do Servizo de Prevención de Incendios Forestais:
|
Grupo |
Categoría ou corpo/escala |
Denominacion |
|
i |
38 |
Técnico/a superior de defensa contra incendios forestais |
|
II |
39 |
Técnico/a forestal de defensa contra incendios forestais |
|
III |
100 |
Bombeiro/a forestal xefe/a de brigada |
|
IV |
33 |
Bombeiro/a forestal condutor/a de motobomba |
|
V |
14 |
Bombeiro/a forestal condutor |
|
V |
14A |
Bombeiro/a forestal |
|
V |
10A |
Vixilante fixo/a |
|
C1 |
209U |
Escala técnica do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal xefe de brigada. |
|
C2 |
207S |
Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de emisorista/vixilante/a fixo/a. |
|
C2 |
207T |
Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal-condutor de motobomba. |
|
C2 |
207U |
Escala auxiliar do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais. Especialidade de bombeiro forestal. |
As persoas convocadas para realizar as probas físicas e/ou visuais relaciónanse no seguinte enderezo electrónico: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/areas-tematicas/prevencion-incendios
Segundo. As probas visuais terán lugar no salón de actos da Escola Galega de Administración Pública, situada en Santiago de Compostela, na rúa Madrid, 2-4 (Fontiñas), os días 9, 10 e 11 de febreiro de 2026. As persoas convocadas á dita proba deberanse presentar no día e hora establecidos na relación publicada na ligazón indicada no punto primeiro.
Terceiro. As persoas aspirantes que vaian realizar o Field Test deberán remitir, no prazo de cinco (5) días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, un certificado médico oficial ou informe sobre o estado de saúde, asinado por un/unha colexiado/a en exercicio en que se faga constar que non presenta ningunha enfermidade ou discapacidade que impida o correcto desenvolvemento dunha proba de esforzo físico.
Este certificado deberá ter unha antigüidade máxima de 3 meses respecto da data de publicación desta resolución. Non se terán en conta certificados médicos que non recollan o sinalado anteriormente.
O certificado médico presentarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal, onde está dispoñible o formulario normalizado correspondente ao procedemento administrativo PR004A, dirixido á Sección de Persoal da Dirección Territorial da Consellería do Medio Rural que se indique expresamente na relación de aspirantes publicada na ligazón indicada no punto primeiro.
Unha vez revisados os certificados médicos referidos no punto segundo, convocarase para a realización das correspondentes probas físicas mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica, que se publicará no Diario Oficial de Galicia.
Cuarto. As persoas aspirantes que non figuren incluídas na relación de persoas que deben presentar o certificado médico ou admitidas para a realización das probas visuais, ou que non figuren nas listas de persoas exentas da realización das probas físicas ou visuais, poderán presentar alegacións no prazo de cinco (5) días hábiles contado desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 27 de xaneiro de 2026
Marta Forés Lojo
Secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural
