De conformidade co disposto nos artigos 44, 45 e 46 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, por motivos de interese público que o fan aconsellable, dado que o propietario do barco, Cheikhna Sidi Bah, rexeitou dúas ordes anteriores da Zona Sur de Portos de Galicia, faise pública, mediante a publicación no Boletín Oficial del Estado, a orde de retirada da embarcación do pantalán do porto do Xufre, emitida pola Dirección de Portos de Galicia o día 19 de xaneiro de 2026.
Así mesmo, este anuncio publicarase no Diario Oficial de Galicia, ben que a eficacia do acto notificado quedará supeditada á súa publicación no Boletín Oficial del Estado.
Esta orde emítese por atoparse a embarcación atracada sen autorización en estado de abandono e con risco de afundimento, segundo acredita o informe da Capitanía Marítima de Vilagarcía de Arousa, en aplicación do previsto no artigo 129.3 da Lei 6/2017, do 12 de decembro, de portos de Galicia.
O barco deberá retirarse do pantalán e ser posto en seco no prazo máximo de 5 días naturais contado desde a publicación da presente cédula.
No caso de incumprir esta orde, Portos de Galicia retirará e varará en seco o barco de maneira forzosa e por conta do propietario, a quen se lle pasarán os custos do operativo.
Advírtese que, de se manter a inactividade total na embarcación, este organismo poderá iniciar un expediente para declarar a embarcación en situación de abandono, expediente previsto no artigo 128 da Lei de portos de Galicia, que podería finalizar coa incautación da propiedade do barco.
Portos de Galicia non asume ningunha responsabilidade polos danos que poida sufrir a embarcación durante a varada e traslado, nin tampouco no lugar onde quedará depositada.
A Dirección de Portos de Galicia emite esta orde con base nas competencias que lle confire o artigo 15.3.a) e d) da Lei 6/2017, de portos de Galicia.
Santiago de Compostela, 19 de xaneiro de 2026
Juan Sanmartín Ferreiro
Director xeral de Portos de Galicia
