DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 23 Mércores, 4 de febreiro de 2026 Páx. 10047

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes

EXTRACTO da Orde do 13 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR460D).

BDNS (Identif.): 884218.

De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:

http://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884218

Primeiro. Beneficiarias

As entidades locais galegas que cumpran os seguintes requisitos:

1. Ter espazos acuáticos naturais inscritos na sección I do Rexistro de Augas de Baño de Galicia, adscrito ao órgano directivo competente en materia de saúde pública, ou ter instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.

2. Ter remitida a conta xeral da entidade local, correspondente ao exercicio orzamentario de 2024, ao Consello de Contas.

Segundo. Obxecto

Establecer bases reguladoras e a convocatoria de subvencións para o ano 2026, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas ao financiamento dos gastos que realicen as entidades locais galegas para a prestación dos servizos de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e/ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal.

Terceiro. Bases reguladoras

Orde de 13 de xaneiro de 2026 pola que se establecen as bases reguladoras das subvencións a entidades locais de Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, para a prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais e instalacións acuáticas descubertas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026.

Cuarto. Importe

Para a concesión destas axudas destínase crédito por un importe total dun millón cincocentos mil euros (1.500.000,00 €) con cargo á partida orzamentaria 05.06.212A.460.2, código do proxecto 2025 00017, correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.

Quinto. Prazo de presentación de solicitudes

Un mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026

Diego Calvo Pouso
Conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes