A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, modificada pola Lei orgánica 3/2020, do 29 de decembro, establece como un dos fins do sistema educativo español, a capacitación para a comunicación na lingua oficial e cooficial, se a houber, e nunha ou máis linguas estranxeiras. Así mesmo, dispón como un dos recursos para a mellora das aprendizaxes e do apoio ao profesorado o establecemento de programas de reforzo da aprendizaxe das linguas estranxeiras.
A Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (EDUlingüe) pretende, entre outros obxectivos, ofrecer un novo impulso cualitativo e cuantitativo ao ensino en linguas estranxeiras para que o alumnado poida rematar os seus estudos tendo un dominio completo polo menos dunha primeira lingua estranxeira con aprendizaxe integral e dominio extensivo. Para favorecer unha maior adquisición de destrezas lingüísticas por parte do alumnado dos centros educativos, a Estratexia Galega de Linguas Estranxeiras 2030 (EDUlingüe), na súa liña 7 Programa de inmersión lingüística activa, desenvolve programas formativos de inmersión lingüística activa.
Por este motivo, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional organiza o programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, que se desenvolverá durante o curso escolar nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia en réxime de internado. Este programa baséase en obxectivos como a estimulación da práctica oral da lingua inglesa e a súa utilización en contextos comunicativos máis amplos que os que permite a contorna escolar enfocados cara á mellora da comunicación oral co apoio de profesorado nativo en lingua inglesa, así como a contextualización en temáticas de interese cultural, social, artístico e medioambiental.
O programa procurará a inmersión activa en lingua inglesa do alumnado de xeito que lle permita desenvolverse nunha contorna real, así como o fomento da convivencia e o respecto polas diferenzas individuais.
En consecuencia, de conformidade co exposto e por proposta da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, como conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional,
ACORDO:
Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación
Esta Orde ten como obxecto convocar e regular o procedemento de solicitude e de concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva, a centros docentes privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para participar no programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, durante o curso 2025/26 (código de procedemento ED531F)
Esta convocatoria, para os efectos da súa identificación e acceso polas persoas interesadas na sede electrónica da Xunta de Galicia, ao formulario de solicitude (anexo I), denomínase Axudas a centros docentes privados concertados para participar no programa Spring Week, código de procedemento ED531F.
Artigo 2. Destinatarios
Poderán ser beneficiarios das axudas establecidas nesta orde os centros docentes privados, que teñan concerto educativo vixente coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, en que se imparta 6º de educación primaria e/ou de 1º e 2º de educación secundaria obrigatoria durante o curso 2025/26, cuxas titularidades, persoas físicas ou xurídicas cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG núm. 121, do 25 de xuño). Cada centro poderá participar cun máximo de 25 alumnos e/ou alumnas, do mesmo nivel educativo.
Non poderán ter a condición de centros beneficiarios das axudas previstas nesta orde os centros privados concertados en que se dea algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 e 3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Obxectivos e características das actividades
O programa de inmersión lingüística activa, Spring Week, desenvolverase de acordo co obxectivo e coas características que se especifican a seguir:
1. O obxectivo principal deste programa é proporcionar ao alumnado participante unha actividade de inmersión lingüística activa en lingua inglesa que lle permita desenvolver actividades comunicativas nesta lingua, nunha contorna de comunicación real, ao mesmo tempo que afondan en coñecementos relevantes doutras áreas e materias do currículo do seu nivel e etapa educativa. Así mesmo, contará con actividades que fomenten a actividade física, a socialización e o coñecemento cultural cunha metodoloxía adecuada ao seu nivel e a súa etapa educativa.
2. O contido deste programa inclúe actividades académicas, de tempo libre e obradoiros cuxa finalidade é promover a convivencia entre o alumnado e a motivación pola comunicación en lingua inglesa, facendo uso de medios tecnolóxicos que favorezan a devandita aprendizaxe.
3. A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sustentabilidade e o coñecemento da contorna, segundo se recolle nos obxectivos de desenvolvemento sustentable da Axenda 2030, (enerxías renovables, produción e consumo responsable, cidades sustentables, acción polo clima).
Artigo 4. Duración e datas de celebración das actividades
1. Estas actividades realizaranse en réxime de internado nun centro residencial situado na Comunidade Autónoma de Galicia, en quendas semanais de domingo pola tarde ata o sábado seguinte pola mañá.
2. Levaranse a cabo na primavera, durante os meses de maio e xuño do 2026, de acordo co seguinte calendario e distribución por niveis:
|
Centros |
Quenda |
Datas 2026 |
Cursos |
Alumnado |
|
Centros privados concertados |
1ª quenda |
Do 24 ao 30 de maio |
1º e 2º de ESO |
125 |
|
2ª quenda |
Do 31 de maio ao 6 de xuño |
1º de ESO |
125 |
|
|
3ª quenda |
Do 7 ao 13 de xuño |
6º educación primaria |
150 |
|
|
Total |
400 |
|||
Artigo 5. Organización da actividade
1. A xestión e a organización da actividade levarase a cabo por medio dunha empresa coa debida cualificación, que resulte adxudicataria da licitación pública convocada para tal efecto pola Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional (en diante, a Consellería). A empresa ocuparase dos recursos materiais e humanos necesarios para o seu desenvolvemento, así como da contratación da oportuna póliza de seguros para a cobertura das persoas asistentes.
2. Os centros que resulten seleccionados enviarán á Consellería a listaxe de alumnado participante antes do comezo da actividade en cada quenda, segundo o modelo que se lle facilite con anterioridade.
3. Os centros educativos seleccionados solicitarán e custodiarán as autorizacións das persoas proxenitoras ou persoas titoras legais do alumnado, segundo o modelo que se lles facilite para tal fin antes do inicio da actividade. Así mesmo, entregarán ás persoas proxenitoras ou persoas titoras legais do alumnado a documentación de participación relativa ao desenvolvemento da actividade que lle será facilitada pola Consellería con anterioridade ao inicio de cada quenda para que sexa presentada, debidamente cuberta e asinada, no momento da entrega do alumnado no centro residencial o primeiro día de cada quenda.
4. As familias ou, se é o caso, os centros educativos serán os responsables de organizar o traslado do alumnado ao centro residencial onde se desenvolverán as actividades, así como da súa recollida ao remate destas. Non lle corresponderá nin á Consellería nin aos centros educativos facerse cargo dos gastos derivados destes desprazamentos.
5. O alumnado estará acompañado por un profesor/a de inglés ou outro/a profesor/a do centro cun coñecemento da lingua inglesa adecuado para participar no devandito programa de inmersión nesta lingua durante o desenvolvemento da actividade. Este profesorado responsabilizarase da adecuada participación do seu grupo na actividade.
Na medida que sexa posible, o persoal docente dos centros educativos participantes poderá contar durante a súa estadía cunha formación complementaria para mellora da súa competencia lingüística en lingua inglesa. As horas da dita formación non serán certificadas.
6. O alumnado que contraveña calquera das normas da residencia será expulsado inmediatamente. No caso de expulsión serán as persoas proxenitoras ou titores legais os que se fagan cargo do traslado do ou da menor.
Artigo 6. Financiamento e contía das axudas
1. A contía das axudas a que se refire esta orde aboarase directamente á empresa que resulte adxudicataria da licitación pública convocada para tal efecto e será financiada con cargo á partida orzamentaria 07.03.423A.780.3 por un importe máximo de 166.000,00 €.
2. O custo total inclúe:
a) As persoas docentes e monitoras que acompañarán o alumnado en cada un dos grupos durante a actividade.
b) Os gastos de docencia e o material escolar.
c) As actividades culturais, deportivas e complementarias dos cursos.
d) Os gastos de mantenza e aloxamento do alumnado e do profesorado acompañante.
e) O certificado de realización da actividade.
f) Seguro de accidentes e de responsabilidade civil.
3. Esta convocatoria tramítase como expediente de tramitación anticipada de gasto, condicionado á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026, conforme o proxecto de Lei de orzamentos para o exercicio 2026, que foi aprobado polo Consello da Xunta de Galicia o día 17 de outubro de 2025, e ao abeiro do establecido na Orde da Consellería de Economía e Facenda, do 11 de febreiro de 1998, sobre tramitación anticipada de gasto, modificada polas ordes da Consellería de Economía e Facenda do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, xunto co artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Segundo o establecido no dito artigo 25, a concesión das axudas queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión. Así mesmo, todos os actos de trámite ditados no expediente de gasto entenderanse condicionados a que no momento de ditarse a resolución, unha vez aprobado o orzamento, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento en que se produciron.
4. A contía individualizada da subvención determinarase a partir dos prezos unitarios por alumnado e profesorado e o número de alumnos/as e docentes que o centro inscribe na actividade.
Artigo 7. Condición de realización do programa
A realización do programa de inmersión lingüística activa en lingua inglesa, Spring Week, durante o curso 2025/26, para o que que se convocan as presentes axudas, queda condicionada á adxudicación do procedemento de licitación polo que se seleccionarán e contratarán as empresas referidas no artigo 5.
Artigo 8. Procedemento e prazo de solicitude
1. As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal
2. De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.
3. Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).
4. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes do vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo remata o último do mes.
5. Así mesmo, e co fin de axilizar o proceso de solicitude, os centros educativos participantes nesta convocatoria deberán rexistrar os datos de participación completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación a que se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo e a continuación o programa Spring Week-centros concertados.
6. A presentación da solicitude implica a aceptación das bases desta convocatoria.
Artigo 9. Documentación complementaria
1. As persoas interesadas deberán achegar coa solicitude a seguinte documentación:
– Certificación de que o consello escolar foi informado da participación neste programa, segundo o modelo do anexo II.
2. A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.
Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, será requirida para que a emende a través da súa presentación electrónica.
Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.
As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderá requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.
3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude deberanse indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.
4. De conformidade co previsto no punto 1 do artigo 68 da lei 39/2015, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos requiriráselle á persoa interesada, para que nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou acompañe a documentación preceptiva, con indicación de que, de non facelo así, teráselle por desistida da súa petición, logo da resolución, que será ditada nos termos previstos no artigo 21.1 da dita lei.
Artigo 10. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes
Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
Artigo 11. Comprobación de datos
1. Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:
a) DNI ou NIE da persoa representante.
b) NIF da entidade solicitante.
c) Certificado de estar ao día no pagamento de obrigas tributarias coa AEAT.
d) Certificado de estar ao día no pagamento coa Seguridade Social.
e) Certificado de estar ao día no pagamento das débedas coa Administración pública da comunidade autónoma.
2. No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro correspondente habilitado no formulario de solicitude (anexo I) e achegar os documentos.
Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.
3. Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilite a obtención dos citados datos, poderáselle solicitar ás entidades interesadas a presentación dos documentos correspondentes.
Artigo 12. Criterios de selección dos centros
1. Os centros serán seleccionados conforme os seguintes criterios e puntuación:
1º. Por formar parte da Rede de centros plurilingües e/ou contar con seccións bilingües activas na etapa de educación primaria e/ou 1º ciclo de secundaria no momento da solicitude: 2 puntos.
2º. Non ter participado na Spring Week no curso 2024-2025: 1,5 puntos.
3º. Non ter participado na Digitalweek no curso 2024-2025: 1,5 puntos.
4º. Contar co distintivo eTwinning School en vigor no bienio 2025-2026: 0.5 puntos.
5º. Centros situados en concellos rurais, ata 1 punto, segundo o establecido a seguir:
a) Concellos de menos de 1.000 habitantes: 1 punto.
b) Concellos de entre 1.000 e 3.000 habitantes: 0,75 puntos.
c) Concellos de entre 3.001 e 5.000 habitantes: 0,50 puntos.
d) Concellos de entre 5.001 e 10.000 habitantes: 0,25 puntos.
2. Para a valoración das solicitudes, de acordo cos citados criterios de selección, consultaranse de oficio os datos correspondentes que constan nesta administración educativa e no Instituto Galego de Estatística (IGE).
Artigo 13. Instrución do procedemento
1. O procedemento de concesión das subvencións será o de concorrencia competitiva.
2. O órgano instrutor do procedemento será o Servizo de Innovación e Programas Educativos, dependente da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, que realizará de oficio as actuacións que resulten necesarias para a determinación, o coñecemento e comprobación de datos en virtude dos cales deba formular a proposta de resolución.
3. O órgano instrutor realizará unha preselección dos centros docentes solicitantes, que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria, segundo a puntuación obtida conforme os criterios que figuran no artigo 12 desta orde. En caso de empate entre os centros, dirimirase atendendo sucesivamente aos seguintes criterios:
a) Pertencer a Rede de centros plurilingües.
b) Maior puntuación no criterio 1 do artigo 12.
c) Maior puntuación no criterio 3 do artigo 12.
d) Maior puntuación no criterio 4 do artigo 12.
e) Maior puntuación no criterio 5 do artigo 12.
De manterse o empate, terá preferencia o centro que teña maior número total de alumnado matriculado no curso 2025/26.
4. Valoradas as solicitudes, o órgano instrutor fará pública a proposta de resolución provisional, que se difundirá no portal educativo da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional da Xunta de Galicia http://www.edu.xunta.gal
Nesta proposta figurarán os centros seleccionados e a quenda que lles corresponde, os centros que quedan como suplentes, os centros excluídos e os motivos de exclusión.
5. No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada do órgano instrutor, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, modificar o nivel ao cal vai dirixida algunha destas quendas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes.
6. Logo da publicación da proposta de resolución provisional, as persoas interesadas disporán dun prazo de dez días para efectuar reclamacións ou renuncias. No mesmo prazo, os centros seleccionados provisionalmente deberán confirmar o número de alumnado participante, que non poderá exceder en ningún caso o indicado na solicitude inicial.
Artigo 14. Resolución definitiva
1. Transcorrido o dito prazo, e tras o análise e a valoración das alegacións, reclamacións e renuncias recibidas, o órgano instrutor remitirá á persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa a proposta de resolución definitiva.
No caso de non cubrirse o número de prazas nalgunha das quendas, por proposta motivada órgano instrutor, a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa poderá acordar a redistribución das prazas entre outras quendas, así como modificar o nivel destas e/ou ofertar prazas vacantes a centros suplentes co fin de resultar as mínimas vacantes desertas.
2. A Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, de acordo coa proposta do órgano instrutor, resolverá, por delegación do conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, definitivamente a convocatoria. As alegacións ou reclamacións serán aceptadas ou rexeitadas na resolución definitiva que se publicará no portal educativo http://edu.xunta.gal e no Diario Oficial de Galicia e incluirá:
– Listaxe de centros seleccionados con indicación, para cada un deles, do número de alumnado e quenda asignada.
– Listaxe de centros en reserva, ordenados segundo a puntuación acadada.
– Listaxe de centros excluídos, con indicación da causa.
3. O prazo máximo para resolver este procedemento será de cinco meses, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria. Se transcorrese o citado prazo sen que se ditase resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.
4. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da lei 39/2015 ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 15. Renuncias
Tras a publicación da resolución definitiva, os centros seleccionados poderán renunciar á súa participación ou minorar o alumnado participante, unicamente por causas debidamente xustificadas e alleas ás condicións de participación establecidas nesta convocatoria.
Esta renuncia presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos na Sede Electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.gal) a través Carpeta cidadá como un trámite posterior á presentación da solicitude.
No caso de que a renuncia non estea debidamente xustificada, considerarase que o centro participou no programa, tendo efectos na puntuación asignada en convocatorias sucesivas.
Artigo 16. Modificación da Resolución de concesión
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, conforme o artigo 17.4 da citada Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
En particular, poderá modificarse a resolución da concesión á petición dos centros seleccionados, sempre e cando existan prazas vacantes e non se prexudiquen os dereitos de terceiros, para adxudicar as ditas prazas vacantes a alumnos matriculados no curso seleccionado para participar nas actividades con posterioridade á data de presentación de solicitudes. En calquera caso, o número máximo de alumnos por centro e nivel educativo non poderá ser superior a 25 alumnos e deberán cumprirse os demais requisitos establecidos na convocatoria.
2. Igualmente, poderá modificarse a resolución de concesión en caso de renuncia total á actividade ou de minoración do alumnado participante de centros definitivamente seleccionados, consonte co establecido no artigo 16, para incorporar ás prazas vacantes a centros suplentes segundo a orde de prioridade establecida pola puntuación obtida.
Artigo 17. Prazo, forma de xustificación e certificación
1. Para efectos de xustificación, os centros seleccionados a través desta convocatoria deberán presentar unha memoria de actividades diante da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, con data límite do 30 de xuño de 2026, completando o formulario electrónico dispoñible na aplicación á que se accede na ligazón https://www.edu.xunta.gal/programaseducativos, seleccionando Programas de éxito educativo, programa Spring Week-centros concertados, e a continuación, memorias, que contará cos seguintes apartados:
a) Relación nominal (DNI e posto de traballo) do docente que asistiu á actividade.
b) Número de alumnos e alumnas asistentes do seu centro docente.
c) Repercusión da actividade na mellora da competencia lingüística en lingua inglesa do alumnado.
d) Grao de participación e implicación da persoa docente e do alumnado nas actividades.
e) Adecuación do programa e das actividades programadas á consecución dos obxectivos.
f) Avaliación dos aspectos técnicos e organizativos da actividade.
g) Suxestións e propostas de mellora.
2. Despois da avaliación positiva desta memoria, o profesorado que participa neste programa recibirá certificación de innovación educativa, cunha equivalencia de 20 horas de formación permanente do profesorado.
Artigo 18. Transparencia e bo goberno
1. Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.
Artigo 19. Notificacións
1. De conformidade co artigo 45 da lei 39/2015, os actos administrativos serán obxecto de publicación, que producirá os efectos da notificación.
2. No caso de que a consellería opte por realizar notificacións de actos administrativos, estas efectuaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
3. De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta a disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación efectuada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.
4. De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán de oficio crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento polas persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.
5. As notificacións entenderanse efectuadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.
6. Se o envío da notificación electrónica non fose posible por problemas técnicos efectuarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.
Artigo 20. Fiscalización e control
1. Os centros beneficiarios quedarán obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e de control do destino das axudas.
2. Así mesmo, a Consellería poderá realizar, en calquera momento e ata transcorridos tres anos a partir da resolución de concesión das axudas, as comprobacións e avaliacións que considere oportunas sobre as actuacións realizadas e a xustificación.
3. Os centros beneficiarios darán a axeitada publicidade do carácter público do financiamento das actividades que foron obxecto de subvención.
Artigo 21. Compatibilidade das axudas a centros concertados
Esta subvención é compatible con calquera outra para a mesma finalidade. De concedérselle outra subvención para esta mesma finalidade no prazo de vixencia desta convocatoria, a entidade terá que comunicalo á Administración, segundo dispón artigo 11.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, para que, en aplicación do seu artigo 17.3, o importe da subvención se minore, co fin de que, illadamente ou en concorrencia coas subvencións concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, non supere o 100 % do investimento.
Artigo 22. Base de datos nacional de subvencións
1. De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, transmitirase á Base de datos nacional de subvencións a información requirida por esta, o texto da convocatoria para a súa publicación na citada base e o seu extracto no Diario Oficial de Galicia.
2. As subvencións outorgadas ao abeiro desta resolución figurarán no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios. En todo caso, a presentación da solicitude implica que a persoa solicitante consente na inclusión e na publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no dito rexistro, feito que terá lugar, agás nos casos legalmente establecidos, de acordo co regulado no artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Así mesmo, de conformidade co disposto no artigo 14 da Ley de subvencións de Galicia, o beneficiario poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das causas previstas na letra d) do punto 2 do artigo 15 da devandita lei.
Disposición adicional primeira. Recursos
Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade co artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Disposición adicional segunda. Réxime sancionador
As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional terceira. Delegacións de atribucións
Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional na persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para resolver a concesión, a denegación, a modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde.
Disposición adicional cuarta. Habilitación para o desenvolvemento desta orde
Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa para ditar, dentro das súas competencias, as resolucións e demais actos precisos para o desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira. Entrada en vigor
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2026
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
P.D. (Orde do 5.6.2024; DOG núm.114, do 13 de xuño)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia,
Universidades e Formación Profesional
