BDNS (Identif.): 884395.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións:
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884395
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884384 (minimis agrícola)
https://www.infosubvenciones.es/bdnstrans/GE/es/convocatoria/884390 (minimis pesca)
Os códigos asignados pola BDNS corresponden a un mesmo texto de convocatoria.
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas subvencións as seguintes persoas que, residindo fóra de España, se establezan na Comunidade Autónoma galega:
1. As persoas galegas e nacidas en Galicia.
2. Os/as cónxuxes ou persoas con unión análoga á conxugal e os/as descendentes por consanguinidade das persoas galegas e nacidas en Galicia.
Segundo. Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto establecer as bases que regularán o procedemento de concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, que se establezan como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia (código de procedemento PR937A).
2. Así mesmo, ten por obxecto proceder á convocatoria para conceder as ditas subvencións para o ano 2026.
Terceiro. Bases reguladoras
Resolución do 15 de xaneiro de 2026, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se aproban as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de subvencións para promover o autoemprego e a actividade emprendedora na Comunidade Autónoma galega das persoas emigrantes galegas retornadas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2026 (código de procedemento PR937A).
Cuarto. Importe
1. Para a concesión destas subvencións destinarase un crédito de un millón vinte e oito mil euros (1.028.000 €) con cargo á aplicación orzamentaria 14.05.312C.470.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2026.
2. Este importe poderá ser ampliado nos casos establecidos no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, en función das maiores dispoñibilidades orzamentarias que se poidan producir na devandita aplicación e condicionado á declaración de dispoñibilidade do crédito e, se é o caso, logo de aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Neste caso, publicarase a ampliación do crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio do novo cómputo de prazo para resolver.
Quinto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes comezará ás 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. No caso de que o día de inicio do prazo fose inhábil, comezará o día hábil seguinte.
Este prazo rematará o 30 de setembro de 2026, ás 20.00 horas, sen que en ningún caso poida ser inferior a un mes.
As solicitudes presentadas antes das 9.00 horas do quinto día natural seguinte ao da súa publicación serán inadmitidas.
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2026
Antonio Rodríguez Miranda
Secretario xeral da Emigración
